Novas por contido

Un ano despois da inadmisíbel eliminación de tódolos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, a dirección da EGAP segue na súa liña de tentar acalar a lingua e cultura galegas, malia a que, precisamente, un dos motivos da existencia da Escola é a normalización e difusión do galego na Administración pública.

Unha mostra máis de que as persoas responsábeis da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) están a rexeitar a lingua e cultura galegas, incumprindo os fins do organismo público, é que non hai nin unha soa mención ao Día das Letras Galegas 2025 na portada do seu web. Tampouco sequera aparece unha mención a esta conmemoración no apartado de «Actualidade» onde se relacionan as novas no seu espazo en internet. 

A difusión da programación dos actos conmemorativos das Letras Galegas deste 2025, para o coñecemento público en xeral das persoas que puidesen estar interesadas en asistir, é nula, sobre todo tendo en conta que hai un prazo de solicitude —que remata o 12 de maio—, as prazas son limitadas e as persoas destinatarias son, amais do persoal empregado público, o público en xeral. Isto bate frontalmente co que adoita facer a EGAP con ocasión doutros eventos, como unha sinxela conferencia, onde ademais de publicitalo no seu web, tamén o anuncia na prensa. Nada disto se lle aplica á efeméride do ano máis importante en relación coa nosa lingua.

Na ficha da actuación para os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2025 a EGAP ten programadas as seguintes actividades:

  • Acto conmemorativo o venres 16 de maio de 12.30 h a 14.30 h, no salón de actos da EGAP: proxección dunha homenaxe, un relatorio a cargo de Icía Varela e unha interpretación musical por parte de Emilio Rúa. Ao remate hai un cóctel. As persoas destinatarias son aquelas interesadas en asistir (público en xeral) até completar o aforo.
  • Viaxe de interese cultural o domingo 18 de maio de 10.30 h a 17.15 h. A viaxe inclúe unha visita a Muxía e outra a Malpica, ademais dun xantar. Non se especifica ningunha outra información. Para poder asistir á viaxe é obrigatoria a asistencia previa ao acto conmemorativo (non entendemos por que motivo!), e a selección faise por orde de inscrición. Só ten acceso á viaxe o persoal empregado público de calquera das administracións públicas de Galiza, cun límite de 50 prazas. 

A devandita ficha remite á páxina de inicio do web da EGAP para poder ver o programa completo do acto conmemorativo e a viaxe. Ningunha desta información está dispoñible á data de remate do prazo oficial para solicitar a participación.

Pretende a dirección da EGAP minimizar a repercusión dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2025, despois de seren eliminados en 2024? Nestes momentos o número de solicitudes presentadas é de 34, mentres que a EGAP indica na Área de Matrícula que convocou 286 prazas, das cales 50 se corresponden cunha viaxe cultural a Malpica e Muxía.

Esiximos á EGAP que cumpra cos fins que ten atribuídos por lei e que se deixen de acalar as letras e lingua galegas xa!

Mobilízate connosco o vindeiro 15 de maio diante da EGAP por unha EGAP transparente e en Galego!

 

 

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Martes, 13 Mai 2025

Situación do Teletraballo na nosa Administración: que está a suceder?

O teletraballo é unha modalidade de prestación de servizos que compre manter na nosa Administración, resultado da negociación colectiva na que se acadou o Acordo coa CIG en decembro de 2020. O obxectivo foi substituír ao “teletraballo da Covid” e que tivera a maior vocación de permanencia posible e, deste xeito quedou regulado na Orde do 14 decembro de 2020 pola que se...
Xoves, 15 Mai 2025

A CIG concéntrase ante a EGAP para pedir a demisión da actual directora

A CIG vén de manifestarse esta quinta-feira contra a situación crítica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), despois de anos dunha xestión opaca, desgaleguizadora e que ignora as necesidades de actualización permanente de todo o persoal pertencente á Administración Xeral da Xunta de Galiza e entes instrumentais. A CIG convocou unha mobilización co lema, «POR...
Luns, 19 Mai 2025

Proposta de revisión do acordo de veterinarios/as de Sanidade (16/05/25)

O pasado venres día 16 de maio tivemos a segunda xuntanza con Sanidade para a negociación da addenda do anexo I do acordo de persoal veterinario saúde pública.As catro organizacións asinantes do acordo, CIG, CC.OO, CSIF e UGT, acordamos instar que:1- Retirada da Addenda2. Convocatoria inmediata do concurso de traslados3. Calendarización da renegociación do acordo,...