Novas por contido

Tras unha demanda dun traballador laboral descontinuo do SPIF, iniciada no ano 2019  e levada polos servizos xurídicos da CIG, o Tribunal Supremo acaba de resolver un recurso de casación onde sentenza que o periodo de inactividade do persoal descontinuo debe considerarse compatible co desempeño dunha segunda actividade no sector público, sempre que esta se leve a cabo dentro do periodo de inactividade e non impida ou menoscabe o cumprimento dos deberes inherentes a ela nin comprometa ou comprometa a imparcialidad ou independencia do seu desempeño.

Máis vale tarde que nunca, pero foron anos onde os traballadores e traballadoras descontinuos viron os seus dereitos mermados e coa Xunta empeñada en denegar a compatibilidade para que este persoal puidera desempeñar outro posto de traballo na administración pública. Neste caso, condenaba ademais ao persoal descontinuo do SPIF a vivir cos ingresos de 6 meses de traballo durante todo o ano.

Dende a CIG sempre tivemos claro que esta situación non era axustada a dereito, e instamos á Xunta en varias ocasións, a que corrixira esta eiva e non se empeñara en establecer a vocación de aplicación literal dunha lei de incompatibilidades do ano 1984. O Tribunal Supremo nesta sentenza, recolle que esta lei non pode opoñerse ás previsións básicas sobre compatibilidade aplicables ao persoal empregado público descontinuo e recollidas por exemplo no artigo 16.5 do Estatuto dos Traballadores , onde se contempla que se poida desempeñar unha segunda actividade nos periodos de inactividade. E tal e coma establece esta sentenza, sen excluír que esta actividade poida ser no sector público.

Aínda que a Xunta publicou o 29 de decembro de 2023 a Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas onde recolle que promoverán medidas para favorecer a contratación do persoal laboral fixo-descontinuo no periodo de inactividade dentro da propia administración autonómica de Galicia, esta sentenza do recurso de casación establece que non só se podería traballar dentro da propia Xunta senón en calquera outra administración pública, sempre que se cumpran o resto dos requisitos.

Por todo isto alegrámonos, aínda que sexa con 5 anos de retraso, que a Xustiza recoñeza con firmeza que non se pode condenar ao persoal descontinuo a non traballar os períodos de inactividade.

Coa CIG loita polos teus dereitos!!!

A CIG asinou o protocolo de violencia de xénero despois de seren aceptadas moitas das nosas alegacións ao texto proposto

Este Protocolo establece os procedementos para facilitar a protección das empregadas públicas da Administración xeral da Xunta de Galiza, e das entidades instrumentais do sector público autonómico sinaladas no artigo 45.a) da Lei 16/2010 (LOFAXGA) vítimas de violencia machista.

O protocolo ten como obxectivo protexer, no ámbito laboral, da violencia exercida sobre as mulleres empregadas públicas, xa sexa directamente ou baixo a forma de violencia vicaria. Tamén ten que facilitar ás traballadoras vítimas a continuidade laboral (con medidas de mobilidade laboral, flexibilización e redución de xornada, excedencias e suspensións de contrato, teletraballo, etc.) e establecer o procedemento de comunicación e as garantías de confidencialidade, intimidade e dignidade.

A falta deste protocolo fundamental para protexer ás vítimas de violencia machista e que tiña que estar negociado e formar parte do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza foi un dos motivos polos que a CIG non asinou este I Plan.

A Administración presentounos un texto que xa viña negociado e aprobado na Comisión de Seguimento do I Plan de Igualdade da que a CIG non forma parte por non ter asinado o Plan. As competencias desta Comisión son de interpretación e seguimento das medidas aprobadas no Plan pero non a negociación Agardamos que non volva a pasar isto co resto de medidas que deben de ser negociadas como a análise dos postos de igual valor e a auditoría retributiva, que xa tiñan que estar no Plan para ter feito unha diagnose que se axustara á realidade e para cumprir a normativa. A Xunta de Galiza ten que respectar o dereito á negociación colectiva da representación das persoas traballadoras e non negociar por parcelas.

Ademais do aceptado nas alegacións que presentamos aceptan dúas cuestións, in extremis, que presentamos a CIG:

  1. que a comisión de seguimento poida xuntarse a petición das partes,
  2. que se porá en marcha a figura da persoa acompañante.

Botamos en falta que non se utilice no texto do Protocolo unha linguaxe directa, sen eufemismos e sen tabús, con termos rotundos, sobre a violencia de xénero. Pois implica un compromiso claro e directo de combate e erradicación da violencia machista.

Hai que falar de feminicidios, de violencia machista, de violencia vicaria. Hai que poñerlle nome a condutas e accións para identificalas e que non queden diluídas na xeralidade . A resistencia a chamar ás cousas polo seu nome tamén é resistencia a facer fronte a condutas para as que se di pretender “tolerancia cero”

O noso voto foi favorable porque se trata de contar cunha ferramenta que axude á protección da vítima, que non a revitimice e axude á erradicación da violencia machista.

A CIG: compromiso coa tolerancia cero co machismo, coa violencia contra as mulleres e en contra das medidas sen contido real e efectivo… e os lavados de cara !!

Os días 1 e 3 de xullo asistimos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e á Comisión de Persoal. En rogos e preguntas tratáronse os seguintes asuntos:

Roupa de traballo en centros de ensino: a CIG denunciou na Comisión de Persoal do 21 de xuño que a Consellería de Educación non facilita a roupa de traballo ao seu persoal de menos de 6 meses que a necesita para o traballo, e teñen que traela de casa. Non deron resposta, e insistimos en saber se fixeron algunha xestión coa consellería. -> Consellería de Educación: non teñen constancia desta problemática a nivel xeral pero enviarán instrucións ás unidades de persoal para que acheguen ás direccións dos centros para que os centros cumpran co acordado. De detectaren nalgún centro en particular que non cumpre, pide que se lles faga chegar a información.

Persoal temporal e interino en vacante que ten data de remate aos tres anos: pregunta feita na Comisión de Persoal anterior e sen resposta, repreguntamos si van producir ceses a partir do 8 de xullo ou os van a prorrogar por ter as prazas convocadas, e se os cesan, se van a facer novos chamamentos. -> DXEP: limítase a dicir que cumprirán co número 4 do artigo 10 da Lei 20/21 (non do nada novo).

Comisións de servizo de máis de dous anos: xa pasaron dous anos dende a resolución do anterior concurso de corpos xerais, polo que xa pasaron ou están a pasar os dous anos máximos de comisión de servizos segundo a Resolución do 27/03/2006 da DXFP. Preguntamos a Función Pública que previsión teñen, se van a prorrogalas ou chegan ao fin. -> DXEP: di que aínda non se deu o caso de superar os dous anos (non o cremos), e que cando chegue, decidirán.

Prazas de discapacidade nos procesos de estabilización: preguntamos que van facer coas prazas que non se cubran, se van acumulalas ás demais ou quedarían vacantes. Xa preguntamos fai meses polo asunto, e respostaron que se acumularían, pero non hai nada escrito. Solicitamos que polo menos resposten en mesa e conste en acta. -> DXEP (directora xeral de Emprego Público, antiga Función Pública): limítase a dicir que o estudarán.

Traspasos de persoal de Gain: a directora do ente anunciou que está aberta unha negociación para a transferencia de parte do persoal a Economía (Departamento de Enerxía e DX de Solo Empresarial) e Igape, e a distribución de competencias. Tamén parte do persoal de CIS Ferrol que non está claro que todo el vaia para Enerxía. A negociación está aberta pero non dan prazo de remate á vista e non teñen a lista de persoal afectado que se vai de GAIN. Polas intervencións dalgunha persoa, temos sospeitas de que Gain e polo menos un representante doutro sindicato están con negociacións de despachitos. A CIG preguntou á DXEP se existen esas negociacións ocultas, cales son os criterios de transvase. -> DXEP: non ten coñecemento das negociacións do acordo de transferencia e distribución de competencias entre Gain e consellerías.

Estabilización de Gain: informou o director de área de xestión, de que o proceso de estabilización está rematado (teñen estudadas e analizadas as reclamacións de puntuación provisional). Teñen problemas con 3 persoas que por puntuación obterían praza en gain e en Xunta simultaneamente, e segundo informou o director, fixeron consulta con FP (onde lle dixeron que a única solución é coordinar no tempo os dous procesos) e cun representante de CCOO e este fixo consulta con FP para ver como actuar. Preguntamos porque un representante doutro sindicato está informado e non a CIG. E cal foi a resposta de Función Pública? -> DXEP: os procesos de estabilización de Gain e FP coordínanse.

Oposicións veterinarios/as laborais en destino provisional: varios deles están no proceso de estabilización a veterinarios funcionarios. Preguntan cando vai ser a súa funcionarización, e así esquecerse da estabilización. -> DXEP: a funcionarización será antes dos procesos de estabilización.

Acordo de condicións de traballo do SPIF: irá ao Consello da Xunta neste mes de xullo.

Comisión de seguimento de acordo de centros de Política Social: insistimos en saber cal é previsión de convocatoria. -> DXEP: di que están co documento de criterios. En definitiva, “estamos en ello”.

Cando van a tomar pose os laborais funcionarizados na convocatoria de promoción específica? -> DXEP: cando rematen todas as RPTs de funcionarización.

Carreira profesional extraordinaria. Aínda queda xente que solicitou e está pendente de comezar a cobrar. -> DXEP: hai solicitudes pendentes, quedarán resoltas case ao 100% neste mes de xullo.

Erros en baremacións dos procesos de estabilización. Denunciamos numerosos erros, como son:

  • Non se bareman os cursos acreditados ate chegar ó máximo de 17.5 puntos porque no momento de confeccionar a lista aínda figuran en situación de ET (en trámite) ou P (pendente) en algúns expedientes; outras persoas teñen os expedientes coa documentación xa tramitada e validada e polo tanto sí lle puntúan todos os cursos. Evidentemente non podemos consentir que se faga unha baremación de méritos mentres toda a documentación da totalidade dos expedientes non estea tramitada completa e axeitadamente.
  • A moitas persoas non se lle están a baremar os cursos de Linguaxe administrativa/xurídica galega, equivalente a Celga 5.
  • En relación coa baremación provisional da escala 2051 (A2 Corpos xerais) non se lles valoraron de oficio os exercicios superados en procesos selectivos previos
  • No Consorcio o tempo traballado na categoría non está a ser baremado debido a que, aínda que a categoría está correctamente expresada, a denominación do posto é incorrecta: Mestra ou Educadora A2 aparece coa denominación de Enxeñeiro técnico, peritos e axudantes titulados (!!!) e estes datos están importados dende a Seguridade Social
  • No Consorcio non se está a ter en conta na puntuación os exames aprobados en procesos selectivos a pesares de ser da “administración convocante”, xa que o persoal fixo do Consorcio que vai ser integrado e funcionarizado na Xunta accedeu ós seus postos en virtude deses procesos selectivos convocados para cubrir prazas de persoal laboral fixo no ano 2008.
  • Na listaxe provisional do baremo de méritos da escala de Educación Social aparecen persoas (mínimo 14) que desistiron xa deste proceso porque xa acadaron unha praza derivada da OPE de 2019; isto pode estar a pasar en outras categorías.

-> DXEP: farán as correccións necesarias de oficio.

Persoal laboral fixo en adscrición temporal, pendente de funcionarización: van a prorrogar a adscrición? -> DXEP: como a funcionarización estaba prevista para o 1 de xullo e non se fixo, prorrogarán as adscricións provisionais.

O desmantelamento da clasificación dos centros de servizos sociais: un paso atrás para as persoas maiores

Na CIG consideramos que a derrogación da clasificación dos centros de servizos sociais establecida no Decreto 243/1995 que a Xunta pretende modificar, supón un retroceso na atención as persoas maiores.

Entendémolo como unha medida imposta, sen consenso nin debate público, que elimina a categorización que prestan estos centros para o acceso a unha atención especializada e de calidade.

Sen categorías definidas, córrese o risco de que os centros misturen a persoas usuarias con necesidades específicas diferentes, o que xenerará situacións de risco e un impacto negativo na calidade de vida de todos os usuarios/as.

Isto tradúcese en:

  1. Evidencia un risco para a seguridade doutros usuarios/as e do persoal, xa que este tipo de residentes sofren episodios de axitación e agresividade que precisan unha atención e supervisión constantes.
  2. Deterioro da saúde mental: falta de atención especializada nun entorno inadecuado.
  3. Impacto na calidade de vida: a convivencia entre usuarios/as con necesidades tan diferentes afecta negativamente o benestar e calidade de vida de todos os/as residentes.

Actualmente non existen ratios específicos para este tipo de residentes a non ser que estean valorados cunha gran dependencia, na maioría dos casos só precisan unha supervisión para realizar tarefas de actividades básicas da vida diaría (ABVD). Por mor disto esiximos un ratio mínimo de 0,40 de persoal de atención directa , igual que para un gran dependente e 0,25 por usuario dependentes. Estas ratios levan sen cambios dende o Decreto 243/1995.

A maiores das ratios do persoal de atención directa é necesaria unha ratio de persoal de atención non directa, tal e como acontece en algún centro do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, onde hai persoal que realiza funcións que non son propias da súa categoría profesional minguando a atención directa os usuarios/as dos centros.

En canto a prestar unha asistencia sanitaria integral a todos os/as residentes tal e como recolle este novo proxecto de orde, sinalar que é unha “utopía” xa que a realidade móstranos situacións moi diferentes. Sirvan de exemplo centros onde nos atopamos con residentes que precisan coidados paliativos e non dispoñen de DUE durante a quenda de noite e fins de semana, comprometendo a atención oportuna e especializada que requiren os pacientes en coidados paliativos.

A saúde e benestar dos nosos maiores non pode depender da falta de persoal ou da precariedade das condicións en que reciben atención.

Unha vez máis dende a CIG reiteramos a necesidade de dotar a 2 persoas na quenda de noite para aqueles centros donde teñamos usuarios/as gran dependentes ou usuarios/as con patoloxías psiquiátricas.

Somos conscientes de que estas medidas xa as demandamos con anterioridade e non se tiveron en conta no último Acordo de Política Social asinado, polo que insistimos en dous aspectos fundamentais:

- Creación de módulos específicos para este tipo de usuarios/as, para o que é preciso dispor de persoal formado na atención aos ususarios/as maiores e os usuarios/as que precisan atención psiquiátrica, dous campos especializados moi diferentes. Sería o xeito de garantir que reciban a atención que precisan para gozar dunha vida de calidade.

- Maior inversión en recursos humanos e materiais para adaptacións das residencias a esta nova tipoloxía de usuarios/as.

 

Residencias de maiores, adaptación urxente xa!

 

A Consellería de Política Social e Igualdade vén de publicar no DOG do pasado martes 11 de xuño a resolución do 28 de maio de 2024 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, para a selección de entidade privada sen ánimo de lucro, para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores no centro de reeducación de Concepción Arenal na Coruña. O custo derivado da execución do presente concerto, cunha contía máxima de 11.431.017,97 € para o período 2024-2028, contempla un prezo de 226,85 prezo/praza día

Este concerto social terá vixencia desde a súa formalización (prevista desde o 1.9.2024) ata o 31.8.2028, con posibilidade das prórrogas sinaladas no artigo 8 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, en caso de existir crédito adecuado e suficiente.
Na mesma liña de privatización, a Xunta ven de adxudicar, a comezos do presente ano á madrileña Fundación Ginso, a xestión por 50 millóns de euros durante 8 anos o centro de menores Monteledo de Ourense, xunto coa xestón do Centro terapéutico de Montefiz, todo isto a pesares da nefasta experiencia coa anterior xestora, a Fundación Diagrama que marchou levándose absolutamente todo, deixando o centro sen existencias, sen ordenadores, teléfono, fotocopiadora e con 100 euros de caixa.

Esta proposta de seguir pondo en mans privadas o desempeño de obrigas públicas, sobre todo con temas tan delicados como a garda custodia de menores infractores, que por suposto a CIG non comparte, podería ser unha máis das moitas que a Xunta nos ten acostumado e que responde claramente a unha ideoloxía e a unha determinada opción política. Máis a proposta que agora  nos traen vai máis alá disto, porque producen unha clara deteriorización do público, deixando sen cubrir prazas do Avelino Montero, único centro galego de reeducación de xestión pública, que a pesar de que conta de 33 prazas, so están en uso dous dos catro módulos, tendo a día de hoxe 12 menores internos, amortizando tres posto de educador/a, e convertendo así ao único centro reeducación público de España, nun centro de segunda, infraocupado e infrautilizado.

Na memoria 2023 sobre de execuación de medidas xudiciais previstas da lei 5/2000 refire que o número total de prazas dos 4 centros (incluíndo o terapéutico de Montefiz) é de 125, indicando que “unha parte do Centro Avelino Montero (Pontevedra) atópase en obras. Esta circunstancia fixo que nese centro so se puidese dispoñer de 14 das 30 prazas)” Neste memoria tamén se recolle que a ocupación máxima no cómputo dos anos 2022 e 2023 correspóndese con 81 prazas ocupadas no mes de outubro do 2023)

O balance é claro: dos tres centros que hai na Galiza de reeducación que atenden menores infractores tan so o Avelino Montero é de xestión pública e, a pesar de estar lonxe da súa capacidade máxima, a Xunta reitera a opción privatizadora para a xestión de Monteledo en Ourense e do Concepción Areal na Coruña por un total de máis de 61,5 millóns de euros!!!

Señoras e señores do PP ¿seica empregar case que 61,5 millóns de euros para continuar coas privatizacións é mais rendible que manter un centro público a medio gas?, ¿Acaso as queixas do persoal educativo ante o flagrante incumprimento dos convenios que afectan directamente á calidade da atención dos menores residentes non lles importan?

O servizo de persoal de Medio Rural vén de achegarnos a relación de prazas que foron anunciadas en "Moura" para a súa cobertura a través das listas de contratación. Trátase de prazas de 6 e 12 meses correspondentes ao Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF)

A uns meses de que cesaran ao xerente de Agacal e a menos de que nomearan a un novo director desa axencia, vimos de recibir un correo electrónico remitido pola xefa do Departamento de Coordinación Administrativa no que se nos envía un documento nunca antes negociado, e nas que asume as funcións da xerencia por suplencia, segundo unha resolución do 27/03/2024.

Botamos en falta dende a creación da axencia, no 2018, a transparencia e boa fe negocial que debe existir en toda administración pública. Nese senso, hai semanas que a CIG xa puxo en coñecemento do novo secretario xeral técnico a falta de interlocución en diversos ámbitos:

  • Pouca transparencia nas contratacións de personal.
  • Ausencia de negociación en materia de prevención de riscos e roupa de traballo.
  • Neglixencia e opacidade na xestión económica.
  • En xeral, inexistencia de negociación colectiva para tratar os dereitos laborais do persoal (conciliación, pluses, carga de traballo...)

Mais, no canto de ter resposta ás nosas reiteradas demandas, recibimos unha comunicación de modificación parcial da relación de postos de traballo para a creación dunha xefatura de sección, que seica ten moita présa...

Dende a CIG reiterámoslle a quen mande no Agacal que quen ten présa é o seu personal para que se lle resolvan as súas carencias, as históricas e as novas. E présa témola tamén na CIG para negociar melloras para os traballadores e traballadoras, que levan sen resposta ás súas demandas dende setembro de 2023, porque non había quen respostara.

Por todo isto, vimos de solicitar que se nos informe de se a persoa que asina modificacións apresuradas da RPT está lexitimada para facelo e, se o está, que nos convoquen xa ás mesas de negociación formais.

Dende o primeiro momento da súa creación a Xunta de Galiza impuxo o sistema de que os tribunais se decidían dende arriba e por moito que se criticou o sistema por sindicatos e persoal opositor, nunca se puido eliminar este proceder.

E se hai vontade política pódese facer. Posiblemente funcione mellor que as persoas designadas a dedo dende a Dirección Xeral de Emprego Publico e Administración de Persoal se muden por persoal voluntario.

De feito a Academia Galega de Seguridade Publica xa está a facer algo parecido, elaborando unha listaxe de persoas funcionarias voluntarias aspirantes a ser propostas como membros dos tribunais. Véxase na recente resolución publicada no DOG do 26/06/2024 pola que se fan públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas para a formación das listaxes de persoal funcionario aspirante a ser proposto como membros voluntarios dos tribunais .

Dende a CIG, sempre apostamos por ter unhas listaxes con persoal funcionario voluntario que se prestase a colaborar en diversos aspectos da selección de persoal, como son os exames de oposicións, probas selectivas das consellerías, os exames Celga ou tribunais de oposicións, mesmo este sindicato cando no seu tempo elexía membros para os tribunais sempre o facía por sorteo ou voluntarismo.

Pensamos que este pode ser un método mellor, tanto pola eficacia como polo interese e independencia da persoa voluntaria que se presenta a facer o servizo. Agora mesmo moitos membros acuden aos tribunais semi obrigados ao estar maioritariamente nun posto de libre designación polo que case nunca se poden negar a facer estas funcións, e moitas veces están desbordados co seu traballo habitual e coas súas funcións particulares....de feito temos moitos exemplos recentes de tribunais que van a rastro nos tempos.

Por eso dende a CIG manifestamos que se pode mellorar o sistema de tribunais e demais colaboracións coa Administración,  facendo listaxes de persoal voluntario e rotatorio.

Dinos CCOO nunha nota que o día 20 de xuño falaron con Educación e pedíronlle “Resolver a problemática do persoal coidador (categoría III-99)”.

Isto está moi ben se non fora pola hipocrisía notoria de CCOO e UGT que, despois de contarnos isto e tan só un día despois, o 21 de xuño na Comisión de Persoal ABSTÉÑENSE na votación onde a Xunta encadra a categoría III-99 no subgrupo C2.

A CIG pediu que o persoal da categoría III-99 se encadrara no subgrupo C1 de persoal funcionario. Non aceptar a creación da escala de persoal coidador no subgrupo C1 é descender a persoal do grupo III a un subgrupo inferior.

Pero é que ademais, ISTO IMPIDE QUE O PERSOAL COIDADOR DO IV-004 teña unha vía natural para unha futura promoción ao subgrupo C1. 

Absterse non é “resolver o problema”, é mirar para outro lado. Gustaríanos saber con que cara van ir visitar ao persoal coidador polos centros educativos.

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal vén de convocarnos a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o vindeiro 1 de xullo na que se tratará o seguinte:

  • Proposta de Protocolo da Xunta de Galicia para a protección ás persoas empregadas públicas vítimas de violencia de xénero.

Se tes algo que comentar, contacta coa CIG.

Outras novas recentes

Martes, 11 Novembro 2025

Luns 17 de novembro: a CIG mobilízase de novo co persoal do SPIF ante a suspensión dos contratos

Estamos a ter asambleas en toda Galiza e a conclusión xa está a ser, sen dúbidas, a necesidade dunha nova mobilización do persoal do SPIF. É por iso que queremos aproveitar a data simbólica do 17 de novembro para mobilizarnos diante do edificio da Xunta en solidaridade cos 938 compañeiros e compañeiras bombeiras forestais que nesa data xa remataron de traballar no SPIF,...
Mércores, 12 Novembro 2025

Proposta de emendas da CIG á Lei de medidas e Lei de orzamentos para 2026

O día 04/11/2026 presentamos a nosa proposta de emendas aos grupos parlamentares. Levamos máis dunha década de recortes e conxelación de dereitos, dos que moitos deles non se recuperaron. Nos novos tempos, os dereitos de conciliación, a mellora horaria, o dereito á mobilidade, o dereito á promoción profesional ou a garantía salarial, parecen cada vez máis asentados noutros...
Luns, 17 Novembro 2025

A CIG centra a campaña do 25N na denuncia contra a violencia institucional

Baixo o lema «Retroceder en dereitos incrementa a violencia. Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade», a Secretaría das Mulleres da CIG acusa ao Goberno do PP na Xunta de Galiza de amparar comportamentos machistas. Este 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a Secretaría das Mulleres da CIG lanza unha campaña...