O caso ao que nos referimos é aínda máis grave, se cabe, xa que afecta a alumnado de educación especial, eses aos que a ideoloxía neoliberal define como “non capaces”, en termos de mercado, “non produtivos”. Referímonos ao Centro de Educación Especial de Panxón, en Nigrán, que pretendía ser un centro especial de recondución de conduta, e a día de hoxe permanece pechado. Este centro, cuia xestión anterior era competenza do ISM e foi transferido á Xunta no ano 2006, formaba parte na súa orixe da acción social para a xente do mar. No ano 2008 comezaron as obras de reforma co fin de adaptar o centro para educación especial, neste caso concreto como centro público para traballar con alumnos con transtornos de conduta. Cómpre incidir na necesidade da urxente apertura dun centro para tratar este tipo de problemas que son unha realidade no país e que os pais veñen reclamando dende hai tempo.
A situación a día de hoxe é moi incerta. Unha vez comezado o curso escolar e rematadas as obras nas que a Administración Autonómica invertíu cerca de 150.000 €, dende a CIG-Autonómica non temos noticias por parte dos responsables da Consellaría de Educación do que pretenden facer con este centro. Todo indica que queren facer uso dese “constante recurso do goberno feixoó” á austeridade e non aportar cartos ao mantemento deste centro, e, por tanto, non abrilo. As prioridades deste goberno están moi claras, non hai cartos para manter un centro de educación especial público pero sí para aportar máis de 3 millóns de euros en subvencionar a centros privados de xente, que, a priori, non ten tanta necesidade de apoio nin económica. Semella que para o goberno do Sr. Feijoó os servizos sociais só supoñían un instrumento de cara a sacar rédito eleitoral e nos medios de comunicación cando era oposición, e, unha vez instalado no goberno, só supoñen un atranco nas súas políticas privatizadoras de servizos públicos.
O asunto roza o surrealismo se temos en conta que este pasado verán saíu publicada a oferta de prazas de persoal docente e non docente para traballar neste centro. O persoal adscrito a ditas prazas aínda non sabe se vai traballar, se queda na casa, ou que vai pasar co posto de traballo ao que accedeu. Tampouco a Consellaría se puxo en contacto con este sindicato en ningún momento para tratar a situación laboral dos afectados.
Dende a CIG-Autonómica e CIG-Ensino denunciamos a total desinformación por parte da Consellaría de Educación e a súa irresponsabilidade ao despilfarrar cartos públicos na reforma dun centro para telo pechado. Levaremos este asunto a todos os órganos nos que o noso sindicato ten representación co fin de que a administración pública mude a súa actitude e abra xa o centro de atención a alumnos con transtornos de conduta, incorporando a todo o persoal que ten a súa praza neste centro.