Novas por contido

Asistimos á Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario do 10/07/25, onde a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) facilitou a seguinte información relativa aos concursos de traslados.

ESCALAS DO SERVIZO DE GARDACOSTAS

A adxudicación de postos será publicada no DOG do 14 de xullo. A información xa está dispoñible no web de Función Pública. As datas de cese e toma de posesión serán nunha resolución posterior, coincidindo coas tomas de posesión definitiva dos procesos selectivos.

ENXEÑARÍAS-ARQUITECTURAS-CIENCIAS

A adxudicación de postos será publicada no DOG do 11 de xullo.

Neste concurso detectamos tres postos que foron ofertados como vacantes para a primeira fase, e que desapareceron da adxudicación. Son:

  • MAC040000336560006 Parque Nacional Illas Atlánticas A1 Enxeñeiros de Montes.
  • MRO191000036001060 Xefatura de Sección FOGGA A1/A2 enxeñeiros agrónomos/enxeñeiros técnicos agrícolas.
  • MRC030000115770014 xefatura de sección Dirección Xeral de Defensa do Monte. A1/A2. Enxeñeiros de Montes/enxeñeiros técnicos forestais.
  • Facilitamos os códigos á DXEP e reclamamos que nos digan: 1) se existen máis postos desaparecidos, 2) unha explicación individualizada de cada un deles. A resposta da DXEP é que recibiron auto xudicial de medidas cautelares que ordena a retirada de dos dous postos do concurso. Do terceiro di que investigará e informará. Insistimos en demandar información individualiza de todos os postos retirados.

A publicación das resolucións de elección de destino (procesos selectivos) será progresiva por escalas, porque teñen problemas cos postos, especialmente nas enxeñarías, pola existencia de postos con requisito de doutoramento (por cada posto con ese requisito teñen que ofertar outro), e a medida que queden vacantes quedan dispoñibles para outras escalas (postos abertos a varios subgrupos ou escalas), polo que farán unha publicación progresiva das eleccións de destino. Comezarán por A1-montes, despois irán A2-forestal e o resto de enxeñarías, ciencias e arquitecturas. Queren evitar que os A1 escollan todas as prazas A1/A2 de xeito que non quedan prazas para A2, e tamén que quedarían prazas A1 sen adxudicar, así que se se da esta circunstancia limitarán as prazas de A1/A2 que ofertan a A1. Tendo en conta que hai localidades en que é moi limitado o número de postos, CIG advirte que isto pode ir en contra dos intereses de quen queira coller un posto nunha localidade con poucas opcións. A DXEP apunta que tentarán facer as cousas dun xeito equilibrado para evitar esas situacións.

As datas de cese e toma de posesión serán nunha resolución posterior, coincidindo coas tomas de posesión definitiva dos procesos selectivos.

ESCALAS DE ESCOLAS MARÍTIMO-PESQUEIRAS E AXENTES DE EXTENSIÓN PESQUEIRA

Publicarán o baremo provisional no DOG do 14 de xullo.

VETERINARIOS/AS

Convocado no DOG do 09/07/25.

MANTEMENTO, LABORATORIO, COCIÑA, CONDUCIÓN, RRNN, LIMPEZA, SUBALTERNOS

Publicarán a convocatoria no DOG do 16 de xullo.

CONCURSO DE FACULTATIVOS/AS DE ESCALAS SOCIAIS

No DOG do 10/07/25 publican a corrección en RPT dos postos da escala de educadores/as. Con isto, o concurso xa está listo para a súa publicación en DOG, que será na segunda quincena de xullo (pendente da dispoñibilidade en DOG).

ACREDITACIÓN DE MÉRITOS NO FIDES

Debido ás limitacións de recursos para xestionar o fides, limitaranse a xestionar a acreditación dos méritos das persoas que se inscriban nun concurso de traslados.

En primeiro lugar, para estas persoas inscritas, antes de abrir o prazo de acreditación de méritos e selección de postos, validarán os méritos que xa están no fides pero en estado de pendente de validación. A continuación, unha vez que se abra o prazo para aportar novos méritos, procederán cos novos méritos alegados.

Na orde do día da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) que tivemos o xoves 10 de xullo, tratáronse as convocatorias dos procesos selectivos de A1-Ciencias do Mar, A1-Profesores das escolas náutico-pesqueiras (varias especialidades), e A2-Mestres de taller das escolas náutico-pesqueiras (máquinas e produción).

Na rolda aberta de intervencións puidemos preguntar e a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu información da situación de varios procesos selectivos que están actualmente en execución (enxeñarías, arquitecturas, ciencias, cociña, coidadores) ou pendentes de convocar (incendios, AP-recursos naturais e forestais. Falamos tamén das vacacións do persoal técnico do SPIF, das comisións de servizos a postos de axentes forestais e das listas de agarda do persoal de cociña.

Proceso selectivo A1-Ciencias do Mar

Para a MSF enviaron exactamente o mesmo borrador, sen cambios, que o que nos enviaran días antes para que fixeramos alegacións. Por tanto, estamos ante unha falta negociación, tan só cumpren o expediente. En grandes liñas, isto é o que destacamos das alegacións que presentamos por escrito:

  • Forma de acceso: queremos concurso-oposición
  • Promoción interna: ofertan 1 de 4 prazas. Defendemos que sexa do 50%, polo que queremos que pase a ser 2 de 4. E que permitan promoción horizontal dende outras escalas do mesmo subgrupo
  • Substituír o 2º exercicio (temas) por algunha proba obxectiva (p.ex. suposto práctico test)
  • Os dous exercicios teñen mesma puntuación. Queremos que o primeiro (test) teña o dobre de puntuación que o segundo (temas), por ser o primeiro de corrección obxectiva e o segundo subxectiva
  • Materia eliminatoria (que cada exercicio sexa sobre materia diferente, e non ter que volver a estudar o mesmo)
  • Establecer corte tamén no 2º exercicio
  • Poñen data mínima para o primeiro exercicio, pero sobran casos en que acaban duplicando o tempo. Así que queremos que poñan tamén unha data máxima
  • Programa: parte específica en base a normas de dereito e non temas; alternativamente que publiquen manuais/referencias bibliográficas. liminar contido memorístico tipo anexos, listados...

De todo o anterior, a DXEP dixo que reconsiderarían permitir a promoción interna horizontal.

Proceso selectivo A1-Profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidades de pesca marítima, bioloxía pesqueira, navegación marítima, máquinas e instalacións mariñas, inglés marítimo, formación e orientación laboral e procesos sanitarios

Igual que o anterior, envían o mesmo documento sen cambios. O dito para ciencias do mar tamén é de aplicación para este proceso, coas seguintes puntualizacións:

  • A promoción interna co 50% sería de aplicación para a especialidade de navegación marítima, onde ofertan 4 prazas
  • Para o desempate, teñen en conta en primeiro lugar o segundo exercicio. Consideramos que o que debe primar é o primeiro

A resposta da DXEP é a mesma: reconsiderarán permitir a promoción interna horizontal.

Proceso selectivo A2-Mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción

Mesmo documento previo. Os mesmos argumentos. Advertimos dun erro na redacción dos requisitos de participación na promoción interna, pois cando falan de C1, poñen a redacción do corpo facultativo de grao medio, que é A2.

Procesos selectivos de enxeñarías, arquitecturas e ciencias

Teñen problemas coas eleccións de destino, especialmente nas enxeñarías, pola existencia de postos con requisito de doutoramento (por cada posto con ese requisito teñen que ofertar outro), e a medida que queden vacantes quedan dispoñibles para outras escalas (postos abertos a varios subgrupos ou escalas), polo que farán unha publicación progresiva das eleccións de destino. Comezarán por A1-montes, despois irán A2-forestais e o resto de enxeñarías, ciencias e arquitecturas. Queren evitar que os A1 escollan todas as prazas A1/A2 de xeito que non quedan prazas para A2, e tamén que quedarían prazas A1 sen adxudicar, así que se se da esta circunstancia limitarán as prazas de A1/A2 que ofertan a A1. Tendo en conta que hai localidades en que é moi limitado o número de postos, CIG advirte que isto pode ir en contra dos intereses de quen queira coller un posto nunha localidade con poucas opcións. A DXEP apunta que tentarán facer as cousas dun xeito equilibrado para evitar esas situacións.

Procesos selectivos de SPIF (incendios)

Pendentes de ser aprobados na Comisión de Persoal. No Consello da Xunta do 07/07/25 modificaron a data do 1º exame, que será o 28 de febreiro de 2026. Por tanto a publicación da convocatoria será na última semana de agosto.

Procesos selectivos de cociña (C1 e C2) e coidadores (C2)

Foron publicados en DOG 30/06/25. Recoñece o erro advertido por CIG de que ao modificar na negociación o primeiro exercicio, quedou suprimida a exención de preguntas da parte común das persoas que van por promoción interna. O 14 de xullo publicarán unha corrección de erros.

Vacacións do persoal técnico do SPIF

Denunciamos problemas coas vacacións na provincia de Ourense. Nese sentido, xa o 6 de marzo de 2024, hai máis dun ano, solicitamos a convocatoria da comisión de seguimento do acordo deste persoal. Fan coller os días de compensación da garda previa, polo que para 3 días de garda teñen que marcar 9, en vez de 7 como se fai no resto das provincias. A maiores, para gozar dun día de AP fan sinalar 3 días no portax, polo que se gastan 3 días de AP.

A DXEP comprométese a falar con Medio Rural para unificar permisos e convocar a comisión.

Comisións de servizos a Axentes forestais (C2) a persoas doutras escalas

Solicitamos unha reunión urxente explicando os problemas que se poden dar tras unha volta atras de 25 anos, ao abrir unha escala extinguida e que tiña un plan de promoción ao B.

Poñemos enriba da mesa a seguinte situación: a concesión de comisións de servizos a persoas que non pertencen á escala, implica ter que exercer funcións de axente de autoridade? Terán presunción de veracidade nos actos que realicen? Poden certificar subvencións e outras actuacións que realizan os axentes por ter a cualificación técnica e a presunción de veracidade? Está a entregárselles placa co numero de identificación? Entregouse uniforme a este persoal, e de ser así, que número de identificación leva o seu uniforme? Non cree a directora xeral que está a por en risco a veracidade e a credibilidade do colectivo de axentes cando estes feitos sexan coñecidos polas persoas que sexan obxecto das accións dos/as axentes/as?

A DXEP di que analizarán a situación coas consellerías.

Listas de agarda das escalas de cociña

A CIG indica que o día de onte (09/07/25) apareceu mudada a titulación das escalas de cociña nas listas de agarda da paxina da Xunta. Quere dicir con isto que van facer as modificación na Lei do emprego público de Galiza?. Por outra parte preguntamos que van facer coas persoas que están anotadas e que agora xa non cumpren os requisitos? Vanlles devolver os cartos das taxas? Vannas excluír? Lembramos que temos bastante persoal en listas coa titulación de técnico superior no C2, se agora piden técnico/a (ciclo medio) que van facer con eles?

A DXEP resposta que puxeron as titulacións indicadas no proceso selectivo convocado. Unha vez analizadas as solicitudes das listas informarán dos criterios seguidos para a admisión das persoas. A quen queden excluídas devolveranlles o diñeiro.

O día 9 de xullo tivemos a primeira reunión (segundo a Consellería) informativa sobre a creación da Axencia INTECMAR e a disolución do Instituto.

Isto segundo a Consellaría, pero o comité de empresa de INTECMAR xa negociou o borrador que presentan. Aínda que a directora e a vicesecretaria xeral din que non se negociou nada, o presidente do comité de empresa comenta na súa intervención que o documento ten unha grella da que non se deron conta cando miraron o primeiro borrador. Escurantismo?

Que pretenden ocultar a directora do INTECMAR e a vicesecretaria xeral da Consellaría do Mar dicindo que esta é a primeira reunión coa parte social para presentar o decreto de creación da Axencia e os seus estatutos? É evidente que houbo un primeiro borrador anterior e que o comité de empresa era coñecedor do mesmo. Comité de empresa composto por membros de CC.OO.

A CIG non entra en trocos nin negociacións a escondidas.

En primeiro lugar a CIG pregunta si se van a crear prazas novas, xa que se incrementan as funcións e polo tanto a carga de traballo. Ao que a Consellería contesta que non. Solicitamos o cadro de persoal do actual instituto, unha previsión das necesidades de incremento de persoal e a negociación dunha RPT.

Solicitamos a memoria xustificativa sobre a súa legalidade, o seu acerto e a súa oportunidade, así como sobre as modificacións e innovacións que contén e a memoria económica-financeira que conteña a estimación do custo ao que poidan dar lugar e, de ser o caso, a súa forma de financiamento. A Consellería manifesta que están pedidos informes á Asesoría Xurídica e Consello Consultivo e que se nos pasarán.

Solicitamos que non exista persoal propio do centro, todo o persoal da nova Axencia sexa persoal da Xunta de Galiza, tanto funcionario como laboral e incluso o persoal temporal. E que o persoal directivo sexa persoal funcionario do grupo A ou laboral dos grupos I ou II.

Solicitamos que se defina como se elixirá a persoa representante do persoal no Consello Reitor.

Solicitamos que todo o que afecte ao persoal sexa Emprego Público quen o xestione, tanto contratacións temporais como calquera outra cuestión relacionada.

Non estamos de acordo que as retribucións se determinen no contrato de xestión, deben ser as que se determinen nas relacións de postos de traballo (RPT). Non estamos de acordo en que existan retribucións como incentivo de rendemento ou produtividade.

A nova Axencia constitúese como organismo público de investigación. Queremos coñecer canto persoal de investigación existe na actualidade e que previsións de liñas de investigación e proxectos teñen pensado realizar. Tamén queremos que realicen unha previsión de creación de postos de persoal investigador na necesaria RPT.

No DOG do 09/07/2025 publican a RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de veterinarios.

As persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I desta convocatoria, aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. Considéranse postos de resultas os postos de traballo cuxo sistema de provisión sexa o concurso ordinario e que estivesen ocupados con carácter definitivo por aquelas persoas participantes que obteñan un posto de traballo como consecuencia da adxudicación do concurso.

Incluiranse tamén como potenciais resultas os postos de traballo que teñan adscrito persoal funcionario por motivos de saúde ou rehabilitación e a súa adxudicación está condicionada a que a persoa funcionaria adscrita obteña un posto na resolución do concurso.

A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/ funcion-publica/concurso-de-traslados/

A solicitude e, de ser o caso, a documentación adicional deberán presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galiza e ata o día 23 de xullo de 2025, incluído, e dirixirse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellaría de Facenda e Administración Pública.

Para participantes da Xunta de Galiza en servizo activo na súa escala de participación, accedendo ao Portal do empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es

Para os que estean en calquera situación distinta da referida no punto 1, a través do Portal da web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no enderezo electrónico https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

Rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo.

No DOG do 09/07/2025 publican a RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2024, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Fan públicas as listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2024 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade na páxina web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS.

Contra a resolución provisional dos expedientes, as persoas interesadas poderán presentar reclamación e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e ata o 10 de setembro, de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.gal/portada) mediante o trámite de solicitude xenérica, a través do servizo PR004A –Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado– e dirixiranse á Consellaría de Facenda e Administración Pública, unidade Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, convocounos a unha xuntanza que será o venres 11 de xullo, pola proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo. 

Se é do teu interese, podes descargar a documentación, e se queres achegarnos algo, podes contactar coa CIG.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocou aos sindicatos a unha Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF) na que se van tratar as convocatorias dos seguintes procesos selectivos:

  • A1-Ciencias do mar (4 prazas, con 1 para promoción interna). Descargar
  • A1-Profesor/a de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidades de: pesca marítima (2, con 1 P.I.), bioloxía pesqueira (1), navegación marítima (4, con 1 P.I.), máquinas e instalacións mariñas (2, con 1 P.I.), inglés marítimo (1), formación e orientación laboral (1), e procesos sanitarios (1). Descargar
  • A2-Mestre de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de máquinas e produción (2, con 1 P.I.). Descargar

Todas son coa forma de acceso mediante oposición.

A DXEP enviou aos sindicatos os borradores o luns pasado, día 30 de xuño, con prazo de alegacións ata o luns 7 de xullo. A convocatoria vai ser o xoves 10 de xullo, e a documentación chegounos o martes 8 de xullo. Non fixeron caso a nin unha soa letra das nosas alegacións. 

Tras unha sentenza firme a Dirección Xeral de Emprego Público xa autorizou 3 comisións de servizo na escala de axentes forestais (corpo de auxiliares técnicos da escala C2)

A CIG protesta pola decisión de Emprego Público e solicítalle unha reunión urxente coas consellerías para arranxar a situación anacrónica das RPT, valorando eliminar o C2 nos postos que non están ocupados por axentes forestais e barrar xa os postos ao B.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirmou na Comisión de Persoal do 04.07.2025 que se están a cubrir prazas de axentes forestais no C2 por comisión de servizos en virtude dunha sentenza firme. Rexeitamos calquera actividade nunha escala extinguida e vimos de solicitar unha solución URXENTE para que non se poidan ofertar prazas de axentes forestais (C2) e para avanzar na integración do persoal na escala de axentes técnicos ambientais (B) e posibilitar a toma da posesión do proceso selectivo en marcha.

  1. A Lei da escala de axentes forestais (Lei 12/1992) e a de axentes facultativos medioambientais (Lei 2/2000), están derrogadas a día de hoxe pola Disposición derogatoria primeira da Lei do emprego público de Galiza (LEPG), polo que estas escalas xa non existen na LEPG (agás a referencia a extinguir no C1).

  2. Fixéronse varios procesos de promoción interna para posibilitar a integración do persoal da escala de axentes forestais (C2) á escala de axentes facultativos medioambientais (C1). Mantivéronse todos os postos nas RPT barrados tamén ao C2 (polo concurso traslados dos C2).

  3. Nos procesos selectivos da Lei 20/2021 non ofertaron prazas de axentes forestais (C2) por ser unha escala extinguida.

  4. Que titulación requiriu a DXEP para ás comisións de servizo do C2? Ao estar derrogada a Lei 12/1992 a única referencia legal para un C2 é o artigo 42 da LEPG que é a ESO. Non ten sentido ningún, e de xeneralizarse suporía a desprofesionalización e eliminar a posibilidade de emprego do persoal das listas de contratación.

ESCALA TÍTULO REQUIRIDO NORMATIVA DE REFERENCIA SITUACIÓN
Axentes forestais (corpo de auxiliares técnicos) Capataz forestal Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas… EXTINGUIDA pola letra c) da DD1ª da LEPG.
Axentes facultativos ambientais (corpo de axudantes de carácter facultativo) Técnico Superior en Xestión e Organización dos Recursos Naturais/Técnico especialista Lei 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos medioambientais

A EXTINGUIR: DA 9.8 b). (Lei 2/2000 derrogada pola g) da DD1ª da LEPG)

Axentes técnicos ambientais (corpo de técnicos de carácter facultativo) Técnico Superior en Xestión Forestal e do medio Natural ou equivalente LEPG

PREVISTA NA DA9 (pendente de activar)

Na CIG defendemos a profesionalización das escalas e rexeitamos unha volta atrás de 25 anos!!!

Informa a DXEP que na nómina de xullo cobraremos o 0,5% de incremento máis os atrados do ano 2025. E na nómina de agosto irán os atrasos do ano 2024.

O cobro dos atrasos chamará a atención, pero aínda así quedamos nunha perda retributiva do 2,30% dos tres anos entre 2022 a 2024 como informamos nesta nova:

Confírmase a estafa: cando nos paguen os atrasos do 0,5% levaremos perdido o 2,30% en tan só tres anos

 

Asistimos á Comisión de Persoal do venres 4 de xullo, onde quedou aprobada a convocatoria do proceso selectivo para a agrupación profesional de recursos naturais e forestais. A CIG demandou que a convocatoria fose por concurso-oposición, e que exista promoción interna horizontal que permita un cambio de escala dende outras de agrupación profesional. Ante a negativa da directora xeral de Emprego Público (DXEP), CIG votou en contra. Os demáis sindicatos: CSIF en contra, CCOO e UGT abstención.

Na rolda aberta de intervencións, a DXEP informou:

  • Prazas en resultas de persoas xubiladas que participan en concursos: dá resposta á pregunta da CIG nunha mesa anterior. Informa que as prazas das persoas que concursan e que se xubilan antes da adxudicación dun novo posto, non serán adxudicadas en resultas. A CIG non comparte esta decisión, pois o que están a facer é gardarse un número de postos para ofertalas en comisións de servizos.

  • Concurso de escalas sociais: decidiron retirar do concurso de traslados de escalas sociais que será convocado nas seguintes semanas, as escalas de A1-Educador/a Infantil, e C1-Educación infantil. Para esta decisión tiveron en consideración que o número actual de persoas destas escalas que poderían participar é de 39, fronte ás 128 que quedarían fora por estar pendentes de funcionarización (son persoal laboral fixo do consorcio que superaron o proceso selectivo no ano 2008 e que teñen o exame de funcionarización o sábado 5 de xullo). Estas dúas escalas terían un concurso de traslados con posterioridade á funcionarización. O concurso continuaría coas seguintes escalas: C1-gobernantas/es, C2-aux. clínica, A2-enfermaría. A2-fisioterapia, A2-traballo social, A2-terapia ocupacional, A2-educador social, A1-medicina, A1-psicoloxía, A1-pedagoxía.

A maiores, a CIG preguntou o seguinte:

  • Exame subalternos D.I. do fin de semana pasado: denunciamos que a estas persoas non se lles facilitou copia calcante da folla de respostas como se fai en todos os procesos selectivos. No seu lugar, indicóuselles que copiaran as respostas nun folio en branco. A DXEP resposta que a folla de respostas que se lles ofrece é adaptada e non teñen máquina que as poida ler. Non ofrece solución. Para a CIG é inaceptable que as persoas que fan un exame non poidan levar copia das respostas, por se teñen que reclamar.

  • Convocatoria de procesos selectivos de C1-C2 Cociña e C2 Aux. Coidadores: na CP do 24/06/25 a CIG advertiu de que co cambio de modelo de exame que presentaron a última hora (desdobran 1 exercicio con 2 partes en 2 exercicios), eliminaron a exención dunha parte do exame das persoas de promoción interna. Na publicación das convocatorias en DOG non corrixiron, e solicitamos que fagan unha corrección de erros. A DXEP afirma que revisarán e valorarán unha corrección de erros coa exención dunha parte para promoción interna.

  • Promoción interna corpos xerais: xa está previsto para outubro a convocatoria da promoción interna de A1, A2, C1 e C2 de corpos xerais, e a maioría dos exames para maio ou xuño. E mentres tanto, aínda non está aberta a fase de concurso da convocatoria anterior, polo que as persoas interesadas aínda non saben se aproban a anterior convocatoria. A xente aspirante demanda saber se teñen que estudar, pagar na academia, etc., polo que preguntamos cando van a abrir a fase de concurso e cando a publicación do resultado. A DXEP di que revisarán o estado dos procesos para ver se poden abrir xa a fase de concursos para non solapar.

  • Solicitamos a negociación do encadramento correcto na LEPG as escalas de cociñas xa que sairon as convocatorias no DOG do día 30 (casualidade, o mesmo día en que a CIG convocou manifestación en Compostela). Reiteramos o que xa manifestamos na negociación das convocatorias: entendemos que non se pode pedir unha titulación de maior nivel ao grupo que esta prevista na Lei do emprego público de Galiza (LEPG). Queremos que se negocie de forma urxente as escalas na LEPG e se forme unha estrutura profesional nas cociñas da Xunta de Galiza. Non é admisible que na Consellería de Educación sexan C2-auxiliares as persoas responsables das cociñas escolares. Preguntamos canto se está a aforrar a día de hoxe a Consellería de Educación con este persoal? (a maiores das cotizacións por desemprego están todas as diferenzas salariais xudicializadas que xa non retribúen). A DXEP di que toma nota. Afirma que si hai algo de aforro pero que descoñece o importe.

  • Solicitamos a negociación das condicións laborais do persoal de administración e servizos (non docente) dos centros de ensino. Afeamos a ausencia da Consellería de Educación na Comisión de Persoal (algo habitual nesta consellería). Lembramos que o anterior DXFP (Jose Maria Barreiro) comprometérase a comezos do 2024 a abrir unha negociación das condicións de traballo do persoal dos centros de ensino. A DXEP non resposta.

  • Solicitamos que resposten aos escritos da CIG dirixidos á DXEP. É unha falta de respecto que non se dignen en respostar. Como non, a DXEP non resposta.

  • Calendario: as persoas demandan información para organizar a súa vida, e solicitamos:

    • Cando van ser os segundos exames que están pendentes de poñer data? A DXEP resposta que as datas dos 2º exercicios das convocatorias do 2023 e 2024 xa están publicadas as ampliacións de prazo. Os que se van a realizar antes do verán xa estarían convocados.

    • Preguntamos se teñen xa previsión da finalización dalgúns concursos de traslados e tomas de posesión? Resposta só ao concurso de enxeñarías, para dicir que non teñen datas para publicar a resolución. Engade que teñen que levar ao tempo as tomas de posesión de quen está en provisional, e que están a analizar a data das tomas de posesión e os listados de postos.

Comisións de servizos a prazas C2-axentes forestais: Para rematar, xurde un debate sobre a concesión de prazas en comisión de servizos na escala de axentes forestais-C2 a persoas doutras escalas de C2, algo que a LEPG permite cando é distinta escala no mesmo subgrupo e ninguén da propia escala o solicita. Non quedan claras as explicacións da DXEP, pero o que resulta evidente para a CIG é que aínda que os postos sexan C1/C2, non poden dar comisión como C2-axente forestal por ser unha escala declarada a extinguir.

Outras novas recentes

Xoves, 26 Marzo 2026

O PLADIGA 2026 mantén conxelado o persoal propio e afonda na externalización do operativo de alto risco

A Xunta non aumenta persoal para a extinción de lumes O PLADIGA 2026 non incorpora ningunha praza nova de persoal propio da Xunta para a extinción de lumes no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Mantén exactamente os mesmos efectivos que en 2025: 276 brigadas de terra e 12 brigadas helitransportadas. Nin máis persoal técnico, nin bombeiro, nin...
Mércores, 18 Marzo 2026

CIG denuncia á Consellería de Política Social diante a Inspección de Traballo

A Consellería de Política Social incumpre a Lei de prevención de riscos laborais. Na Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), as traballadoras embarazadas das escolas infantís de cero a tres anos están sometidas a un risco biolóxico inaceptable. As empresas e institucións con persoas empregadas a cargo teñen que protexer aos seu cadros de persoal ante os riscos derivados...
Mércores, 18 Marzo 2026

O TSXG resolve que o persoal de servizos xerais non ten que facer as tarefas de limpeza ordinaria dos centros do Consorcio Galego de Serv...

A CIG interpuxo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) un conflito colectivo en desconformidade coa interpretación que o Consorcio dá á cláusula do Acordo de Integración e coa práctica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar consistente en impor, aos/ás traballadores/as coa categoría de PSX de determinados centros de día, vivendas comunitarias e...