Novas por contido

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos (MX) e da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSF) que será o venres 30/06/23. O día anterior, 29/06/23 tratamos os mesmos asuntos xunto coa proposta de acordo sobre as condicións de traballo do persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública (FISP).

En total un lote de catro RPT, 7 convocatorias de procesos selectivos, e o acordo FISP, xunto coas actas a revisar das mesas anteriores, todo metido con calzador e por tanto sen tempo a estudalo en condicións. 

Un exemplo desto último é que para 4 dos 7 procesos selectivos enviaron a convocatoria de MX e MSF, cos respectivos borradores, antes de rematar o prazo de presentación de alegacións. Estes borradores son exactamente os mesmos que enviaron para a xuntanza previa.

Estes son os puntos da MS e MSF (o acordo FISP foi á xuntanza do xoves 29, pero non vai á MX ou MSF):

Nota: da documentación que nos envían retiramos as actas das xuntanzas previas xa que foron feitas sen que os sindicatos tivesemos ocasión de podelas revisar e alegar ao seu contido, polo que non podemos garantir que sexan reflexo do tratado na xuntanza.

A sentenza contra a Orde de confección de nóminas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza onde se lle daba a razón á CIG adquire firmeza.

O Tribunal Supremo rexeita a casación que presentara a Xunta contra a sentenza gañada por nós no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O acordo asinado pola Xunta, CCOO e UGT pretendía chantaxear ao persoal laboral fixo para que se funcionarizara xa que de non facelo non cobrarían a carreira profesional.

Isto acaba de ser declarado nulo ao adquirir firmeza a sentenza do TSXG contra orde de confección de nóminas por obrigar ao persoal laboral fixo a se funcionarizar para ter a carreira.

Tamén son nulas todas as disposicións dos acordos anteriores que establecían esta chantaxe.

O que resta agora é executar á sentenza, polo que instamos á Xunta a que se sente a negociar coa CIG a aplicación da carreira ao persoal laboral fixo que non se quixo funcionarizar, que a estas alturas xa tería que estar cobrando o grao II, e por suposto, cobrar os atrasos dende 2019.

Así que para non prexudicar máis do que xa fixeron a este persoal tanto a Xunta como os sindicatos asinantes (chega tarde, cando xa case todo o persoal está funcionarizado) deben SOMETERSE ao que di a sentenza, e recoñecer o dereito e pagar o que lle deben ao persoal laboral fixo.

A partir de agora

• A Xunta terá que sentarse con nós para abrir un proceso de solicitude para aquelas persoas que non solicitaron a carreira porque xa tiñan claro que non se ian funcionarizar e polo tanto non aceptaron a chantaxe con efectos do 1 de xaneiro de 2019.
• Terá que devolver as cantidades paralizadas do grao I da carreira profesional ao persoal laboral fixo que a tiñan solicitado pero que ao final non se funcionarizou.
• Non pode repetir a chantaxe na nova carreira profesional (o complemento de desempeño).

O xoves 29 de xuño tivemos unha xuntanza con Función Pública na que se tratou unha nova proposta de acordo para os FISP (Farmacéuticos/as Inspectores/as de Saúde Pública)

Con esta nova proposta xa van tres versións dun documento inicial ao que fixemos alegacións sen que tiveramos nin unha explicación por parte da Consellería de Sanidade nin puideramos discutir o documento nunha mesa de negociación propia.

Dende a CIG reclamamos a negociación por apartados nos que resolver as seguintes cuestións:

  • Funcións e traballo habitual dos novos postos de coordinadores/as.
  • Cadro de persoal para realizar todas as novas funcións e tarefas e cobertura horaria. Modelo de carteleira e proposta de RPT (Niveis 24 e 25).
  • Acordo de condicións de traballo, cumpre:
    • Solucionar os problemas do preámbulo (a Administración fai unha xustificación da imposición horaria baseándose nun decreto anterior non negociado)
    • Horarios de traballo. Seguen a presentarnos un horario raro, con fraccións de 15 min e superior a xornada ordinaria dos empregados públicos. Insistimos no horario de 7 horas/día ordinario e contabilizar o tempo nas gardas (presenciais ou non). É dicir, non aceptamos ampliacións horarias en cómputo anual sobre o máximo establecido no EBEP e na LEPG. O horario especial é unha distribución horaria irregular, non un exceso horario. Coa proposta da Administración poden sumar máis de 20 días de traballo consecutivos. Cuestionamos a necesidade das tardes e que se teña que cubrir toda a provincia.
    • Gardas localizadas e gardas de presencia fisica. Seguen existindo as dúas no texto pero solo se define a garda localizada. O horario por garda resulta excesivo, propomos reducir a 12 h. Non hai compensación de ningún tipo, nin en cartos nin en tempo, nin sequera prevén a axuda de custo para xantar e tampouco hai devolución do día consumido.
      Ademais non se aclara se unha garda se refire a un fin de semana completo ou cada garda é un día solto. Se se trata de garda=día=6 gardas non dan as contas en base o cadro de persoal actual, nen sequera cubrindo a provincia como pretenden. Demandamos unha carteleira de gardas equilibrada. Debe definirse que pasa cando coinciden varios festivos nunha semana. Consideramos que se debe sumar ao máis próximo, non ao seguinte. Coa redacción actual pode que o festivo sexa o luns e que se teña que sumar ao fin de semana seguinte.
    • As funcións dos coordinadores/as nos fins de semana e festivos non están definidas. Entendemos que deberan facer as mesmas que os FISP, se non aínda dan menos as contas para cubrir o servizo.
    • Compensacións. Mellora con respecto a proposta anterior por actualización das cantidades en base a subas salariais dende o 2008 (Veterinarios/as de Saúde Pública) pero segue a ser moi cutre:140 euros máis ao mes por traballar a quendas e gardas con todas as novas funcións. Hai que establecer claramente cal é o específico diferencial porque coa redacción proposta parece que o CE ordinario é diferencial, cando realmente está sumado.
    • As horas extras. Ou son horas extras por alongamento da xornada (ordinaria ou extraordinaria) ou son gardas. Debe definirse correctamente. Se son gardas non se deben atar a caídas, xa que é tempo efectivo de traballo.
    • Mobilidade. Na CIG rexeitamos o artigo da mobilidade. Se é necesario propoñemos que contraten a máis persoal ou que dimensionen adecuadamente o cadro de persoal actual.
    • Efectos económicos. O alongamento da negociación deste acordo é responsabilidade da propia Administración, polo que para evitar un prexuízo económico ao persoal afectado solicitamos que os efectos económicos sexan dende o 1 xaneiro de 2023 e non dende a data de sinatura.
    • Comisión de seguimento. Pedimos que estea conformada polas OOSS da MXEP na vez de polos asinantes. Entendemos que dá maior flexibilidade de convocatoria e resolución na interpretación e control. Estamos cheos de comisións de seguimento que nunca queren convocar.

A Administración finalmente dixo que vai enviar un novo borrador para ter unha última reunión o xoves ou venres da semana que vén, antes de levar o Acordo a aprobación na Comisión de Persoal. Aclara que as gardas son en lotes de fin de semana (un fin de semana=unha garda) e teima en que non se van compensar por que “son de dispoñibilidade” obviando a xurisprudencia que di que o tempo disponible é a tódolos efectos tempo de traballo.

A Valedora do Pobo ven de requirir ás consellerías informe sobre o funcionamento da comisión de seguimento após da denuncia da CIG.

A Administración convoca a comisión de seguimento do Acordo polo requirimento da Valedora do Pobo e “casualmente” 24 horas despois de que se difundira a convocatoria da asemblea xeral que temos os axentes ambientais en Santiago de Compostela para o vindeiro 6 de xullo.

A Valedora do Pobo comezou a tramitación comezou a tramitación da queixa presentada pola CIG. O día 1 de xuño requiriu á Consellería de Facenda, a Consellería do Medio Rural e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a información sobre as convocatorias da Comisión de Seguimento.

A administración ven de convocar a Comisión de seguimento logo, paralizada dende decembro de 2020:

“Convócaselle a unha xuntanza da comisión de seguimento do acordo da consellería do Medio Rural, da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da consellería de Facenda e Administración Pública sobre as condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientais, que terá lugar o 3 de xullo ás 12:30 horas, co seguinte
ORDE DO DÍA:

1. Estados procesos selectivos.
2. Decretos OPE e a súa incidencia na escala.
3. Estados execución do acordo asinado.
4. Rogos e preguntas”

Dende a CIG queremos instar ademais a que se traten estes puntos:

1. Denuncia de incumprimento do Acordo e orde de horarios polo comezo da Época de Perigo Alto 29 de xuño.
2. Regulación de criterios do período extraordinario do persoal adscrito a Medio Ambiente.
3. Regulamento.
4. Aplicación do Acordo de promoción interna da escala (grupo B).
5. Coeficientes redutores para a xubilación anticipada.
6. Garantía e criterios de acceso a formación continua do persoal da escala.

 

Aviso importante

A convocatoria é unha estratexia clara para desinflar forza e tratar de desmontar a unidade do persoal. Polo de agora non temos ningún avance concreto polo tanto continúa convocada a asamblea prevista para o xoves 6 de xullo de 2023 no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galiza.

No DOG do 28/06/2023 publican:

- RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo A2).

- RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo A2).

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta listaxe figuran as persoas aspirantes que teñen pendente de acreditar que están en posesión do Celga requirido.

As persoas aspirantes excluídas, as que non figuren en ningunha das listaxes, así como aquelas persoas que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión ou acreditar que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga 4 ou equivalente.

Ante a inacción da administración da Xunta de Galiza nos avances das escalas de axentes forestais e ambientais, compre xuntarnos para avaliar e acordar accións de cara a defensa dos dereitos laborais, a necesidade de procesos selectivos, da promoción o B e do regulamento. Ademais falaremos de divisións, rebaixas salariais e incumprimento do Acordo de condicións de traballo.

E con iso incumpre o V Convenio e os acordos de condicións de traballo do persoal bombeiro, axente e técnico do SPIF

O xoves 22 remitiuse comunicación ao servizos provinciais e aos distritos na que a Dirección Xeral de Defensa do Monte adiantaba o comezo do Alto Risco para os bombeiros/as forestais e do Período Extraordinario para axentes e técnicos/s do SPIF.

Dende a CIG emitimos queixa a Función Pública e a secretaría xeral técnica de Medio Rural, xa que se salta a normativa que regula as condicións de traballo do persoal. Cárgase o previsto no Acordo de condicións de traballo de axentes e técnicos e o Acordo do persoal do SPIF do V Convenio: nin cumpre os prazos legais de comunicación, nin cumpre a fracción de 15 días. E nin sequera esta xustificado.

 

A autocracia do director xeral de Defensa do Monte

A 26 de xuño o director xeral de Defensa do Monte aínda non ten recuado desta pretensión, o que da mostra da tiranía que exerce sobre o persoal do SPIF.

Si ten a previsión de que se vai producir unha situación excepcional, debera tratalo coa representación do persoal na comisión paritaria e nas de seguimento, pero non o fixo, simplemente porque non se trata dunha situación de risco excepcional: trátase dunha DEMOSTRACIÓN DE PODER.

 

Os efectos de comezar o 29 de xuño

Vacacións e permisos quedan en cuestión. Pásase a traballar segundo o sistema de gardas e cos límites previstos no convenio e nos acordos? Como se xustifica? Poden suspender a alguén as vacacións que esta gozando agora, en base a que?

Imos traballar dous días gratis? Como van ser retribuídos estes días a maiores cando non esta previsto no acordo de condicións de traballo? Ou será que o alto risco vai rematar o 28 de setembro?

 

Os 90 están (pasados) de moda

Será que este director xeral gostaba máis da xestión do servizo dos anos 90. Aqueles tempos nos que cando chovía despedíante e ías para casa e volvíanche contratar cando as cousas se puñan feas.

 

A desastrosa xestión de persoal

Dedocracia nas adscricións e comisións, procesos selectivos inexistentes ou raquíticos cunha temporalidade récord, pagar polos excesos de xornadas a uns si e a outros non, quitar salario ao persoal que estaba a cumprir os servizos mínimos na folga son exemplos da nefasta xestión de persoal no SPIF.

E agora arman un cristo coa nova proba física para as brigadas helitransportadas. E iso que avisados estaban, e como son mais chulos que ninguén, tiraron para adiante cunha proba nova que se non superas pasas a suspensión de chamamentos. E si aceptaches un chamamento de mellora aínda non aclaran se finalmente quedas na calle e sen dereito a paro.

Ao novo secretario xeral técnico quédalle moito choio por diante para por as cousas en orde: que comece por anular a comunicación do alto risco.

Recibimos borradores das convocatorias dos procesos selectivos das escalas de:

Os catro procesos son mediante oposición. Se queres aportar algo, podes contactar coa CIG.

A nova escola infantil, que abrirá en setembro, será de xestión privada

Dende a CIG denunciamos publicamente un novo atentado contra os servizos públicos

A Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), da Consellaría de Política Social, publica por procedemento de tramitación urxente a contratación do Servizo de Xestión, Dirección e Administración da Escola Infantil O-3 da Cidade da Xustiza de Vigo.

A escola contará con 41 prazas e acollerá as crianzas dos empregados e empregadas públicas de Xustiza e da Xunta de Galiza e de haber vacantes, tamén da cidadanía que o solicite.

Dende a CIG sempre puxamos pola creación de escolas infantís nos edificios administrativos e demais lugares onde se concentren traballadoras e traballadores co fin de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar. Porén, tamén esiximos que estes servizos sexan de xestión pública porque é ben sabido que o público é servizo e o privado beneficio.

Unha vez máis, a Xunta de Galiza inviste en infraestruturas públicas a conta dos impostos dos galegos e as galegas e, de seguido, “cede” a xestión a empresas privadas, xustificando este xeito de actuar "...ao non dispor de medios suficientes...

Pois parece ser que se teñen medios suficientes para a construción, equipamento e dotación económica para pagar polo servizo...pero non se teñen medios para aforrar cartos contratando a persoal propio.

O modelo privatizador dos servizos públicos está na xenética do PP. Faino ás caladas, con aleivosía e nocturnidade, facendo propaganda do servizo pero sen entrar a explicar que se dá a xestión ás empresas privadas para o seu beneficio a calquera prezo.

 

O Goberno galego vén de anunciar a contratación de expertos/as que informarán positivamente o que os funcionarios/as rexeitan.

A CIG-Autonómica denuncia que a lei de simplificación administrativa aprobada polo Goberno do PP persegue facer posíbel o até de agora imposíbel: pagar a empresas privadas para facer os trámites de autorización atribuídos a persoal público. O que se pretende con esta normativa é que si os funcionarios/as da Xunta informan negativamente, a Xunta poida comprar informes positivos para favorecer ás grandes empresas que espolian os recursos naturais do país. Unha práctica mafiosa á que lle deron cobertura legal a través da “lei de depredación” de Galiza.

A Xunta artellou un plan para a aprobación exprés de actuacións que podían repercutir no patrimonio natural ou cultural do país: parques eólicos, minería, infraestruturas, industria, etc., pero, como a redución de prazos garantistas non lle chega para sacar adiante proxectos de grande impacto, o que fai agora é directamente e comprar as autorizacións pagando a empresas privadas para que substitúan o papel imparcial das persoas funcionarias públicas.

Ademais, esta nova actitude gangsteril vén acompañada das denuncias de presións por parte dos empregados/as públicos/as para que dean o positivo á aprobación de proxectos.

Un claro exemplo desta carreira pola depredación do país é que en tan só dúas semanas aprobaron máis de 35 parques eólicos. Outros non se aprobaron porque os funcionarios/as atopan que as empresas promotoras omiten datos nos estudos de impacto ambiental que paralizarían os seus proxectos: especies en perigo de extinción, patrimonio arqueolóxico, afloramentos singulares, afectación pola proximidade de espazos protexidos, sinerxía con outros proxectos, etc.

Diante disto, a pregunta que nos facemos é se a Xunta lle vai pagar a unha empresa para que lle diga o mesmo que o informe negativo dunha persoa funcionaria pública. Os funcionarios/as públicos/as temos o deber de actuar conforme aos principios de legalidade, obxectividade, neutralidade, e imparcialidade, entre outros, e iso implica actuar conforme á legalidade e non admitir presións mafiosas como paralizar informes ou aceptar a imposición do sentido dos mesmos.

Xustificar a privatización

Ao mesmo tempo é a propia Xunta q que boicotea esta axilidade, impedindo a contratación de máis persoal para que a tramitación se faga máis áxil e logo poder xustificar a súa actitude privatizadora, aínda que o principal problema non é a privatización, que xa de por si é preocupante, senón pagar para que os informes digan o que o PP quere que digan, o que na práctica supón unha especie de suborno.

Finalmente, censuramos que a única razón deste disparate de recorrer a empresas privadas para facer o traballo de funcionarios/as públicos/as é que o Goberno galego quere pisar o acelerador na carreira por vender Galiza ao mellor postor.

Outras novas recentes

Luns, 03 Agosto 2026

Modificación da RPT de Medio Ambiente e Cambio Climático (29/07/2026)

Nesta xuntanza por parte da CIG solicitamos que o persoal que actualmente non fai quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante; insistimos na urxencia de abrir a negociación integral das condicións de  traballo da escala de Recursos Naturais e Forestais; e reiteramos a nosa solicitude de abril para abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e...
Martes, 04 Agosto 2026

Caos —de novo— nas nóminas de Medio Rural

Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo.  O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...
Mércores, 12 Agosto 2026

A Xunta chama «absentismo» ao colapso do Sergas

Galiza non ten unha taxa de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada, debido ás listaxes de agarda do Sergas, que bloquean as recuperacións; motivo polo que a CIG esixe a derrogación de calquera medida penalizadora da incapacidade temporal do persoal empregado público e o reforzo da atención sanitaria...