- Detalles
Dende a CIG seguimos a esixir protección e seguridade para o persoal de Política Social.
- Petición da Covid-19 como Enfermidade Profesional para todo o persoal: Ante a publicación do RDL 3/2021, do 2 de febreiro que recolle medidas relacionadas coa consideración da Covid-19 como enfermidade profesional, a CIG demanda á Administración a súa implicación para que esta sexa recoñecida como tal para todo o persoal de todos os centros da Consellería, ao que nos contestan que estudarán o tema, xa que o documento é moi recente e non está revisado a fondo.
- Avaliacións de riscos: Pídese unha nova avaliación do risco biolóxico nos centros de traballo, adaptada a nova normativa estatal, unha vez modificado o anexo II do RD 664/1997 o 10 de decembro de 2020, onde se inclúe ao SARS-Cov-2 nunha categoría de risco máis elevada, ao que nos contestan que xa están traballando no tema, tanto nos centros dependentes das xefaturas como nos do Consorcio, pero leva o seu tempo.
Seguimos esixindo máscaras Ffp2 para todos aqueles casos onde non é posible manter as distancias de seguridade cos usuarios, e cando estes non teñen a obrigatoriedade de usar máscaras, ao que seguen facendo caso omiso e seguirán guiándose polas indicacións existentes.
Reclámase a dotación de máscaras nos centros Quérote que non hai, quedaron pendentes de mirar o tema.
- Avaliación de riscos psicosociais: Pídese avaliación de riscos psicosociais para un centro da provincia de Pontevedra, e para os centros onde se concentraron os casos positivos. Acórdase facer a petición para o centro de Pontevedra e o resto estudarán o tema.
- Uniformidade Consorcio: Estase a entregar a uniformidade correspondente ao ano 2020 e xestionando a do 2021, pero non teñen intención de entregar a que quedou pendente de anos anteriores a pesar das nosas demandas. O persoal que fai substitucións non ten uniformidade en moitas ocasións, pero escúdanse dando datos que desvían a atención do problema principal.
- Plan de vacinación e cribados: A CIG protesta pola presa e falta de información que houbo con todo o proceso de vacinación. Houbo persoal que non se vacinou pendente de consello facultativo previo, que debido as presas non obtiveron a tempo. A Administración pide desculpas, pero venlles así implantado de Sanidade, non teñen marxe de actuación, e no tocante ao persoal que quedou sen vacinar haberá máis opcións para vacinarse.
En canto á realización de probas de antíxenos reitéraselles que non é función do servizo de enfermería dos centros de Política Social, que como sigan sobrecargando así a este colectivo van quedar sen os poucos que teñen, cuestión que non negan pero que foi unha decisión adoptada pola Secretaría Xeral debido a necesidade da realización das probas e a falta de persoal para facelo, polo que non teñen pensado adoptar medidas.
A CIG demanda, ante a obrigatoriedade de realización de cribados semanais en varios centros da Consellería, que estes se consideren a todos os efectos como xornada laboral, se houbese un accidente no desprazamento se considere como laboral, se proceda a devolución das horas invertidas e se paguen os custos. A Administración acorda estudar o tema coas Xefaturas Territoriais.
- Residencias privadas intervidas: Estase a mandar ao persoal da Xunta de Galicia a residencias privadas intervidas sen respectar os dereitos laborais do V Convenio Colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, non se respectan xornadas laborais, libranzas obrigatorias, non se lles ofrece material de protección,... e traballan en situacións críticas, polo que hai que dar solución urxente a esta problemática. Confirman facer todo o que está nas súas mans, que se lles transmita todas as incidencias que consideremos.
- Xestión CLONEGAL: Hai moitos produtos de desinfección, que non se usan, acumulados nos centros do Consorcio, incluso varios caducados, e séguense a recibir a máis. Contestan que están a traballar no problema, xa se deberían estar recollendo. Pediron aos centros que se elaborase unha listaxe coas necesidades periódicas de produtos para poder evitar isto no futuro.
- Protocolo Covid-19 en oficinas: Pídese unhas instrucións unánimes para poder aplicar en todas elas, xa que dependendo do responsable de departamento actuase de distinta maneira.
- Formación 2021: Pregúntase pola previsión do plan de formación para o ano 2021, ao que comunican que seguirán coa formación Covid, insistindo as direccións dos centros na entrega dos manuais existentes sobre este tema, así como a formación existente de anos anteriores na EGAP. Admiten propostas.
SEGUIREMOS INSISTINDO!!!!
- Detalles
A consellería enviounos unha convocatoria para negociar a súa proposta de modificación parcial da RPT. A xuntanza vai ser o venres 12 de venres.
Segundo nos comunican, a proposta consiste na adaptación da RPT da Secretaría Xeral Técnica ao novo decreto de estrutura orgánica da consellería.
Se tes algo que dicir, podes contactar coa CIG.
- Detalles
A nova regulación, publicada no DOG do 7 de xaneiro, entrou en vigor o 4 de febreiro. O documento final contou co voto favorable da CIG, e foi rexeitado por CCOO, CSIF e UGT.
Coa regulación do 2013, o teletraballo ordinario (non COVID) resultou ser un privilexio aplicable a unhas poucas escalas e postos concretos. A nova regulación resulta máis favorable. Inclusive todas as limitación que establece poden ser superadas se están suficientemente motivadas. Que se poida estender esta modalidade de traballo depende do esforzo que faga a Xunta pola dixitalización dos trámites e documentos.
A solicitude iniciase no Portax, dende a opción: “flexibilidade e teletraballo”. Pero a continuación, os trámites non son nada intuitivos, polo que xa nos diriximos a Función Pública para solicitar unha serie de correccións:
Percorrido estraño no Portax. A solicitude leva a pantallas mesturadas coas solicitudes de permisos e licenzas. Por claridade, deberían ser pantallas totalmente diferenciadas.
Lexislación amosada no Portax. A lexislación asociada está ben ao principio, pero posteriormente está a do 2013.
Plan individual e informe motivado no comezo da solicitude. É necesario poder meter estes documentos dende o inicio da solicitude, a fin de poder xustificar os casos que requiren motivación suficiente, como son: horarios diferentes de 9 a 14:30, presenza do cadro de persoal inferior ao 40%, peticións de xornadas superiores ao 50%, ou por tratarse de postos non susceptibles de seren desempeñados en réxime de teletraballo. A non presentación da motivación suficiente dende o comezo da solicitude pode dar lugar a denegacións que deberían ser concedidas.
Solicitude para persoas sen acceso a Portax. Debe habilitarse algún procedemento que permita a tramitación da solicitude de teletraballo ás persoas que non teñen Portax ou certificado dixital.
Evitar denegacións sistemáticas. Prevemos un arranque con moitas solicitudes (pola xente á que se lle denegou pola regulación anterior e agora volvan a solicitar). Convén ditar algún tipo de instrución que favoreza que non se denegue por sistema, e evitar que se atasque na falta de informes, na indisposición de certificado dixital ou na falta de medios técnicos.
Quen fai o plan individual de traballo? Non está claro quen fai o plan individual de traballo (si quen o autoriza), se a persoa supervisora ou a traballadora.
Formación. Demandamos formación pola EGAP en materia de: protección de datos, competencias dixitais e prevención de riscos laborais específica dos riscos asociados a esta modalidade laboral. E consideramos moi necesario formar ás persoas supervisoras en materias relacionadas co traballo por obxectivos, e todos os aspectos que favorezan a concesión desta nova modalidade de traballo.
Teletraballo COVID. A nova regulación do teletraballo xa contempla un réxime especial de autorización, polo que procede adaptalas. Deben indicalo na resolución, e aplicarse con criterios uniformes, que eviten situacións de bloqueo que puidemos ver en consellarías como Mar, Medio Rural ou Sanidade. Na CIG seguiremos a reclamar o teletraballo como a medida preventiva colectiva e organizativa mais efectiva tanto dentro dos centros de traballo como a nivel social (evítanse transportes e desprazamentos).
Se xa tes unha solicitude favorable de tetraballo ordinaria aprobada pola normativa do 2013, vas seguir con ela sempre que se cumpran solidariamente os requisitos da unidade.
Se a túa solicitude anterior foi denegada, agora podes volver a solicitala, xa que o novo marco regulador é máis favorable.
En Galiza somos dos primeiros en desenvolver a lexislación estatal contida no Real Decreto-Lei 28/2020 de traballo a distancia. Outras comunidades, como Madrid, tamén o teñen aprobado (https://i.gal/6JH6g). E curiosamente neste caso si contaron co voto favorable de CCOO, UGT e CSIF, sindicatos que en Galiza votaron en contra. Así que vai unha comparativa dos acordos coas cuestións máis esenciais:
TELETRABALLO EN GALIZA (apoiado por CIG) |
TELETRABALLO EN MADRID |
|
Quen pode teletraballar? |
Todos os postos, agás: rexistros, atención 24 h, persoal subalterno, centros de ensino, postos sen datos dixitalizados, aqueles que presten servizos fora dos edificios administrativos e aqueles que teñan unha prestación presencial necesaria. |
Todos os postos, agás: aqueles con datos non informatizados, aqueles con contacto directo co público (rexistros, información, centros de ensino); aqueles que polo seu volume ou circunstancias especiais non poidan desenvolverse fora das instalacións administrativas e aqueles que teñan unha prestación presencial necesaria. |
Máximo de xornadas |
Un máximo do 50% das xornadas mensuais. |
Máximo de tres xornadas semanais. |
Cantidade de efectivos presenciais |
Defínese unha porcentaxe de presencialiade mínima dun 40% da unidade. Esta porcentaxe non se terá en conta en centros pequenos. |
Non definida; ligada a prestación do servizo. |
Garantía da desconexión dixital |
Fíxase un horario de referencia xeral de teletraballo de 9,00 a 14,30 en aras de poder asegurar a diferenciación entre xornada laboral e vida privada. Poderá ser diferente o horario de referencia a peticion segundo plan de traballo. Respéctanse compatibilidades e xornadas especiais. |
Non se fixa xornada, derivase ao plan de traballo. |
Prelación na concesión de teletraballo |
Defínese unha prelación entre: persoal que sufra violencia de xénero, embarazadas, persoal con discapacidade, tempo e distancia de desprazamento ao centro de traballo, maiores de 60 anos... |
Non se fixa. |
Comisión de seguimento |
Reunións trimestrais para estudar a ampliación do acordo, implementar melloras, e avaliar as cláusulas de ampliación. |
Reunións non definidas. |
Mantemento do teletraballo xa concedido |
Mantéñense todas ás concesións previas ata a súa finalización. Si o reparto de xornadas semanais anterior é superior ao 50% mensual, pode proporse manter sistema previo. |
Non se especifica. |
Experiencia mínima no posto |
Un ano. |
Só nomea experiencia nas funcións do posto. |
Réxime especial |
En determinadas circunstancias sanitarias, de emerxencia ou organizativas poderase decretar o teletraballo obrigatorio. |
O mesmo que en Galiza. |
Vixencia e revisión do acordo |
Tres anos, con prórrogas anuais. Denunciable polas partes no derradeiro trimestre de vixencia. Continúa en vigor durante a negociación dun novo acordo. |
Non previsto. |
Os acordos de teletraballo xa aprobados, e os que están por vir (Valencia, Asturias, Cataluña), SON TODOS MOI SIMILARES. Na CIG non temos ataduras segundo en que comunidade esteamos. Negociamos e defendemos o que coidamos e mellor para os traballadores e traballadoras.
- Detalles
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de convocar, de forma gratuíta, cursos preparatorios de galego para as probas de obtención do certificado de galego (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4.
Haberá cursos no modo presencial para Celga 3 e 4 e no modo en liña para os niveis 1, 2, 3 e 4.
Período de inscrición: do 4 ao 24 de febreiro de 2021
Destinatarios: Os cursos preparatorios para os certificados de galego (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de 16 anos ou por quen os realice no ano natural da convocatoria
As solicitudes deben presentarse mediante un formulario estándar dispoñible a partir do 4 de febreiro de 2021 na sede electrónica da Xunta de Galiza. As solicitudes para cursos en liña deben enviarse electronicamente.
Código de procedemiento administrativo: PL600A
Máis información aquí.
- Detalles
Abre o prazo para solicitar o recoñecemento médico para o persoal da Administración Xeral de Xunta de Galiza.
No DOG do 03/02/2021, publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos. A inscrición realizarase a través de PORTAX para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza, ou ben do OPAX para o persoal da Administración de Xustiza, agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.
O prazo de inscrición será de 3 meses contados desde o día seguinte á publicación no DOG.
Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo/a facultativo/a competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase preferiblemente de forma telemática a cada traballador/a.
Dende a CIG seguimos insistindo en que teñen que actualizar os protocolos médicos para que estes recoñecementos sexan o máis exhaustivos posible e completamente adaptados ás tarefas realizadas.
- Detalles
Unha vez desconvocada a folga do persoal técnico, as persoas responsábeis políticas da consellería negocian cunha asociación o que deben tratar coas organizacións sindicais.
Logo de ter faltado ao seu compromiso de ter negociado as condicións laborais do seu persoal técnico antes do 31 de decembro para que fora desconvocada a folga, agora pretenden ignorar á representación legal do persoal inciando conversas cunha asociación profesional que non ten capacidade negociadora.
A actitude da consellaría do Medio Rural é absolutamente contraria ás regras de funcionamento do sistema democrático. Trasmítelle á asociación profesional a proposta de iniciar negociacións sabendo que a única representación legal son as persoas que forman parte das Xuntas de Persoal, elixidas polos compañeiros e compañeiras nas eleccións sindicais, xunto coas organizacións ás que estes/as representantes pertencen e o Comité de Folga.
A consellería sábeo, así que non van de cara: “negociamos coa asociación profesional, pero cando teñamos todo acordado pasámolo polas mesas formais de negociación para branquear o acordo e darlle legalidade”. Que gañan con esto? Se cadra, conseguen presionar aos traballadores e traballadoras e de paso paralizan a acción e a loita sindical neste conflito. Non é a primeira vez que esto pasa, é de manual, e na CIG non imos picar. Non aceptamos este xogo e non imos aceptar malos acordos que deixen unha folga digna en papel mollado.
Señor conselleiro do Medio Rural, deixe de facer trampas na negociación colectiva e actúe con talante democrático: cumpra os compromisos aos que chega, respeite ao seu persoal técnico e convoque ás organizacións sindicais representativas do persoal da súa consellaría para negociar as súas condicións laborais.
- Detalles
Ven de comunicarnos Función Pública, que unha vez aprobados os Orzamentos da Comunidade, o terceiro tramo do complemento de carreira dos subgrupos A1 e A2 se cobrará na nómina de febreiro.
Con isto se completa ao 100% o importe do grao I da carreira profesional destes dous subgrupos que estaba dividida en tres, frente aos 2 tramos existentes no caso de C1, C2 e AP.
De todos os xeitos seguimos sen saber o que aquí preguntamos sobre a posta en marcha do grao II para os subgrupos C1, C2 e AP e demandamos que tamén se inicie este ano o acceso ao grao II para os subgrupos A1 e A2.
- Detalles
Que hai de certo en toda a información que están a recibir as compañeiras e compañeiros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sobre a fixeza, a indefinición a oferta de emprego, os procesos selectivos, etc?
Se é do teu interese, a CIG-Autonómica convídate a asistir á asemblea que imos ter este xoves día 4 de febreiro, ás 19:30 horas, en directo a través de YouTube. Poderás intervir a través dun chat.
Ollo: YouTube require que te identifiques cunha conta de gmail para poderes empregar o chat.
Lembra que YouTube permite modificar a calidade dos videos. Nós imos emitir a 720 píxeles. Revisa a túa calidade premendo na roda dentada que verás no curruncho inferior dereito da pantalla.
Ir á emisión en directo da Asemblea: https://i.gal/consorcio040221
- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública achegounos un borrador da convocatoria do proceso selectivo para a escala de letrados/as da Administración Autonómica de Galiza. Son 8 prazas (1 para persoas con discapacidade, e 2 para promoción interna), correspondentes á Oferta de Emprego Público do ano 2019.
Temos de prazo para presentar alegacións ata o martes 9 de febreiro. Asi que se tes algo que dicirnos, podes contactar coa CIG.
- Detalles
A CIG solicitou a convocatoria da comisión de seguimento do Acordo de Integración no V Convenio do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Na Resolución de 8 de xuño de 2017 (DOG 30/06/2017) publícase o Acordo de integración do Consorcio Galego de Servizos de igualdade e Benestar no V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta, e constitúese unha comisión de seguimento para velar polo cumprimento do dito Acordo e dirimir todas aquelas cuestións susceptibles de interpretación e/ou negociación.
O día 29 de decembro de 2020 publícase no DOG a Oferta de Emprego Público do ano 2020, no que se recollen prazas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Algunhas delas están ocupadas permanentemente por persoal temporal dende o ano 2007, que teñen o carácter de indefinido non fixo, e que superaron un concurso-oposición para acceder a postos temporais. O resto das prazas que se contemplan nesta OEP son as creadas e ocupadas entre os anos 2007 e 2017, ambos os dous incluídos.
A CIG insiste en que se negocie a relación de postos de traballo coa identificación correcta das prazas e solucionar as eivas que están a impedir, entre outras cuestións, a baremación das listas de agarda e identificar con claridade cal é a situación contractual de cada posto ocupado na actualidade.
Para tratar estas e outras cuestións que afectan practicamente a todo o cadro de persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e, xa que logo, pode causar grande impacto en todo o servizo e nas traballadoras e traballadores solicitamos, con carácter urxente, a convocatoria da dita comisión de seguimento do Acordo.
Dende a CIG informaremos puntualmente de todas aquelas cuestións que se traten e que afecten ao cadro de persoal.