Novas por contido

A Xefatura Territorial de Ourense da CMATV oferta as prazas a comisión de servizo de axentes ambientais que ten sen cubrir, do 22 ao 29 de xuño. A oferta responde as queixas e demandas da CIG de falta de cobertura das vacantes.

A Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ven de convocar a comisión de servizo as prazas de axentes ambientais. A maioría destas prazas levan anos sen cubrirse porque Facenda non autoriza a súa cobertura por listas de contratación, ao non consideralo un servizo prioritario.

Dende o 2010 o cadro de persoal de axentes ambientais pasou de 45 axentes na provincia a apenas 32, sobrecargando de forma insostible ao persoal, e prexudicando o servizo público ao non poder realizarse todas as quendas horarias ou cubrir o territorio adecuadamente.

Ademais a falta de persoal leva a que moitas veces se dividan os equipos, tendo que traballar en solitario para cubrir determinados servizos o que aumenta o risco de accidentes e de agresión a estes funcionarios/as públicos.

Para máis, a falta de cobertura durante anos fixo que algunhas das prazas foran amortizadas para financiar outros postos de estrutura da consellería en Santiago de Compostela.

Dende a CIG opoñémonos a perda de emprego na provincia de Ourense, a máis castigada proporcionalmente, na destrución de emprego público. Xusto unha provincia onde o sector publico ten un peso fundamental na economía e é sustento de moitas familias ourensás.

Si se cubren as prazas estamos de parabéns. Estes son os requisitos:

- Ser funcionario/a público de escalas ou subgrupo co mesmo requisito de titulación (artigo 96.2 lei 2/2015)
- Carnet de conducir A (moto) e B

Mais información nesta ligazón https://www.xunta.es/comisions/

PRAZAS OFERTADAS DE AXENTES AMBIENTAIS

  • DISTRITO: XI - O RIBEIRO / ARENTEIRO - MAC993011032190003
  • DISTRITO: XI - O RIBEIRO / ARENTEIRO - MAC993011032190004
  • DISTRITO: XI - O RIBEIRO / ARENTEIRO - MAC993011032190005
  • ZONA: OURENSE - CELANOVA - MAC993012132001004
  • COMARCA: VALDEORRAS - MAC993013132090005
  • ZONA: BAIXA LIMIA - PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA - SERRA DO XURÉS - MAC993015132060002
  • ZONA: BAIXA LIMIA - PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA - SERRA DO XURÉS - MAC993015132060008

No DOG do 23/06/2023 publican:

- RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo A1).

- RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo A1).

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta listaxe figuran as persoas aspirantes que teñen pendente de acreditar que están en posesión do Celga requirido.

As persoas aspirantes excluídas, as que non figuren en ningunha das listaxes, así como aquelas persoas que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión ou acreditar que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado

Recibimos borradores das convocatorias dos procesos selectivos das escalas de A1 de: letrados/as, informática e estatística. Para as tres convocatorias a forma de acceso sería a de oposición.

Proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, na escala de letrados, subgrupo A1

Recollen as 4 prazas da OEP do 2020 e outras 4 da OEP do 2021, que estaban sen convocar. En total son 10 prazas, reservando 2 para promoción interna. Descargar.

Proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, na escala de sistemas e tecnoloxía da información, subgrupo A1

Son 16 prazas da OEP do 2022. Reservan 1 para persoas con discapacidade, e 4 para promoción interna. Descargar.

Proceso selectivo para o ingreso na escala superior de estatística, subgrupo A1

Convocan 2 prazas, da OEP do 2022 (nas bases falan do 2021). Reservan 1 para promoción interna. Descargar.

No DOG do 19/06/2023 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2023 pola que se convoca o programa de autoformación para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como para o persoal da Administración de xustiza de Galiza e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).

Convocan as actividades do programa de autoformación que figuran nesta resolución, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas nos anexos I e II.

A inscrición para o acceso aos contidos poderá facerse en calquera momento a partir do 1 de xullo de 2023, día seguinte ao da finalización do prazo de matrícula da proba de avaliación das actividades do programa de autoformación.

Poderase acceder aos ditos contidos na aula virtual da EGAP desde a inscrición de acceso ata o 28 de decembro de 2023.

Cada persoa determinará libremente o número de actividades en que queira inscribirse e mais o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas.

Pode participar nas probas de avaliación das actividades do programa de autoformación o persoal destinado nas administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como o persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), que non estea en situación de servizos noutras administracións públicas diferentes das que sexan obxecto desta convocatoria, excedencia voluntaria e suspensión de funcións, e reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos neste anexo II.

O prazo de presentación de solicitudes de participación nas probas de avaliación será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 30 de xuño de 2023.

O número máximo de probas de avaliación das actividades do programa de autoformación que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

A directora de Atriga convocounos a unha xuntanza para o día 22 de xuño, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.

Para a aprobación desta proposta falta que o asunto pase pola Mesa Sectorial de negociación do persoal funcionario ou Mesa Xeral, votación en Comisión de Persoal, Consello da Xunta e DOG. Supoñemos que tamén haberá un prazo para presentar alegacións escritas.

Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG

O Sergas en Vigo habilitou o pasado verán as súas instalacións en García Barbón como centro sociosanitario con servizo de sauna. As instalacións son de uso exclusivo ao persoal funcionario e estatutario que presta servizos xunto coa cidadanía que necesite acudir a realizar xestións.

É de destacar que este servizo de sauna foi prestado durante a xornada laboral, de balde e sen necesidade de prescrición médica.

Salientamos tamén que as persoas beneficiarias non tiveron sequera que moverse do posto de traballo xa que as características das instalacións permitiron aplicar o servizo en case todo o edificio.

A climatización do edificio está moi danada, con numerosos motores de ventilación derramados, sen que as persoas responsábeis políticas da Administración Autonómica tomasen medidas para corrixilo. Sumando isto ao feito de que o espazo con ventilación exterior está maioritariamente ocupado por despachos, tivemos numerosos postos de traballo interiores sen ventilación e sen climatización, o que forzou unhas condicións de temperatura e humidade inadecuados para traballar.

Cando está a piques de chegar o verán do 2023 e o calor, non sabemos se o Sergas ten previsto que repitamos o tratamento de sauna un ano máis ou se por contra tomaron medidas na reparación das máquinas.

(Nota: Marta Fernández Tapias cesou como delegada territorial o 16/06/2023)

Quedoulle pequeno o pisiño que Marta Fernández Tapias ocupa na totalidade do quinto andar do edificio administrativo da Xunta en Vigo. Quedoulle pequeno porque ten que compartilo cun número incerto de persoas (poderían ser 10-12), entre as que temos unhas seis de libre designación (3 secretarias, 1 secretaria territorial, 1 letrado/a, 1 sección), un número descoñecido de persoal de gabinete (asesores e prensa), e algún chofer.

Facendo memoria, o pisiño da delegada territorial é unha herdanza dos seus antecesores dende os tempos de Mª José Bravo Bosch, quen forzou un desaloxo do persoal funcionario que ata ese intre utilizaba o quinto andar para traballar.

Foille imposíbel arrexuntarse un pouco mais para facer un espazo adecuado para as roldas de prensa, así que nada como utilizar a entrada do edificio principal. Así, de paso, cando veñan persoas importantes, estarán nun espazo máis visible.

Fai máis de 20 anos que estamos no edificio administrativo de Vigo, e dende o primeiro día xa quedou pequeno, ata o punto de que non hai espazo para o arquivo e de que a cada pouco haxa intencións de sacar algún servizo do edificio para facer espazo.

No edificio hai salas de xuntas abondo para facer roldas de prensa, e nestas condicións, todo o persoal co que temos falado transmitiunos o seu desgusto pola ocupación dun novo espazo que por riba ten un uso moi ocasional.

No DOG do 16/06/2023 publican:

- RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2023 pola que se desestiman determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.

- RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2023 pola que se desestiman determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de carreira administrativa para o persoal funcionario.

Desestiman as solicitudes sinaladas nos anexos a estas resolucións para acceder aos graos extraordinarios I e II do sistema de carreira administrativa, por non cumpriren os requisitos previstos para o acceso ao grao establecidos na Orde do 25.11.2022.

De conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícaselles ás persoas interesadas que se sinalan nos anexos destas resolucións a desestimación da súa solicitude de recoñecemento extraordinario dos graos I ou II do sistema de carreira administrativa.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer directamente recurso contenciosoadministrativo de acordo co establecido nos artigos 8 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, consonte o disposto no artigo 46.1 da citada norma legal.

O pasado 14 de xuño tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal e da Mesa Sectorial de Funcionarios nas que se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT de Política Social; 2) RPT de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; 3) RPT de Gain.

Dentro do punto de Rogos e preguntas, o director xeral de Función Pública deu información de: procesos selectivos derivados da Lei 20/21; postos para a elección de destino de veterinarios/as, educadores/as e auxiliares de clínica; previsión de concursos de traslados.

RPT DE POLÍTICA SOCIAL

Fixemos unha exposición real da situación das dúas Residencia obxecto da modificación (As Gándaras e Burela), da cantidade de residentes dependentes que están sen valorar e están considerados como persoas sen necesidade de asistencia, polo que as ratios a considerar non serían as mesmas. Tamén se lles expón que tanto a RM de As Gándaras coma a RM Burela non teñen máis plantas adaptadas para usuarios gran dependentes como fan constar no informe, polo que vai dificultar o traballo a hora de manexar grúas, cadeiras de rodas...., o que sobrecarga e dificulta máis o traballo. Faise análise de categoría por categoría explicando o motivo polo que non son suficientes o número de postos creados na RPT proposta.

As demais organizacións seguen a mesma liña, e opinan que a información enviada non é suficiente xa que vista a exposición da CIG hai moitos datos que non se teñen en conta.

O director xeral de Función Pública resposta que si se están a cumprir as ratios.

CIG considera que a dotación proposta non é adecuada para o incremento de traballo, polo que votamos en contra. CCOO a favor. CSIF e UGT abstéñense.

RPT DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

CIG vota en contra polas amortizacións. CCOO, CSIF e UGT tamén votan en contra.

RPT GAIN

Os catro sindicatos votan en contra.

ROGOS E PREGUNTAS

Procesos selectivos derivados da Lei 20/21 (lei da temporalidade)

Publicarán as listaxes de persoas admitidas e excluídas das escalas do grupo A1 no DOG do 23 de xuño, tanto as de concurso de méritos como as de concurso-oposición. O resto de grupos irá saíndo segundo as teñan.

Eleccións de destino

Tamén enviarán "en breve" os novos listados de postos para a elección de destino de veterinarios/as, educadores/as e auxiliares de clínica tendo en conta algunhas alegacións presentadas.

Concursos de traslados

Nas "próximas semanas" enviarán un borrador con bases xerais de concursos adaptada a nova normativa de mobilidade.

Co lema "pola recuperación dos dereitos e a dignidade en Política Social", convocamos a toas/os traballadoras/es de Política Social ás mobilizacións que se levarán a cabo durante este mes de xuño.

DÍA 20 DE XUÑO: CARAVANA DE COCHES

Xefatura Saída Hora Remate
A Coruña Oleiros 10:00 Xefatura Territorial
Lugo R.M. As Gándaras 11:00 Edif. Administrativo da Xunta
Ourense Taboadela (CEPM) 12:00 Ourense (Casa de Chocolate)
Vigo Meixoeiro 11:00 Edif. Administrativo da Xunta

TRAE O TEU COCHE E ÚNETE!

DÍA 28 DE XUÑO: CONCENTRACIÓN DIANTE DE SAN CAETANO

Ven vestido/a de negro ou cunha prenda negra. Haberá autobuses dende a túa provincia. Anótate no teu centro de traballo ou ponte en contacto coa túa delegada ou delegado sindical.

TODOS/AS XUNTOS/AS IMOS RECUPERAR A NOSA DIGNIDADE. PARTICIPA

Outras novas recentes

Mércores, 17 Xuño 2026

Xefaturas de sección (corpos xerais), sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións:A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando a persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou...
Mércores, 17 Xuño 2026

Calendario de adxudicacións de postos e actos de elección de destino (MSF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario, a directora xeral de Emprego Públiico trasládanos o seguinte calendario de resolucións de adxudicacións de postos dos concursos de traslados e dos actos de elección de destino: Informática: van publicar unha corrección de erros para cambiar dúas cuestións:  Modifican o apartado D), referido ao traballo...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e agrupación profesional

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...