Novas por contido

En plena vaga de lumes, o cadro de persoal do servizo de extinción de incendios é o mesmo que no mes de maio

A xestión política na prevención e extinción de incendios avogou por volver as contratacións de brigadas de reforzo de verán por parte dos concellos eliminando na práctica a contratación polas listas de agarda da Xunta e aforricando medios e persoal propio.

Os incendios destes días, cunha situación durísima tanto polo número de incendios como pola súa perigosidade, puxeron en alarma á poboación galega mentres se sucederon as denuncias pola falla de medios na extinción e as situacións de abuso que está a sufrir o persoal ao que se lle obriga a soportar xornadas maratonianas de bastante máis de 12 h consecutivas, sen sequera levarlle auga nin comida.

A análise está clara: a Xunta volveu ao sistema de contratación de brigadas de extinción municipais mentres segue escatimando co persoal propio. Porén, a realidade é que as brigadas municipais non estarán activas ata entrado agosto. Á dificultade para asinar convenios súmaselle a necesidade de persoal e a desesperación nos concellos para atopar material de extinción, equipos de protección individual e incluso vehículos en condicións. A volta ao fracasado modelo caótico de finais dos 90 e 2000, cumpre o prognóstico esperado: o fracaso. Mentres, en plena vaga de lume de incendios o cadro persoal é o mesmo que no mes de maio.

Na CIG apostamos por un modelo de xestión único, público e directo para a extinción de incendios, composto por profesionais formados/as e adestrados/as en multiemerxencias que poidan alternar as labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano. É a única forma de ter a flexibilidade suficiente para atender aos incendios, que cada vez están máis desestacionalizados, á vez que se traballa en baixar o potencial de perigosidade ao reducir a biomasa dispoñible e manter as infraestruturas.

Máis a Xunta do PP vai no camiño contrario e, aínda por riba, faino tan mal que chegamos a xullo nestas condicións. Isto non é novo. Que saíran mais ou menos airosos nos veráns anteriores, foi cuestión de sorte, e do tempo.

Lembramos ademais a destrución paulatina e imparable de postos de traballo nas diferentes consellerías da Xunta. Tan só este ano en Medio Rural propóñense eliminar 80 postos de traballo, 21 deles no Servizo de Prevención de Incendios Forestais. Para máis abastanza, hai prazas que levan anos sen cubrir, e tampouco se substitúen as baixas laborais con dilixencia, e nunca as vacacións. Polo tanto, con esta nefasta xestión de persoal, é moi difícil que as brigadas estean completas.

A pesar de que saben que é malogrado, escolleron o modelo de brigadas municipais. Que asinen os convenios e den medios aos concellos e, se non que tiren das listas da Xunta e poñan o operativo a funcionar, respectando os horarios, sen abusar do persoal

Se ao final o éxito na xestión dos incendios no verán depende da chuvia, preguntámonos se non debera dimitir o conselleiro do medio rural na vez de presentarse no lume co mono de traballo nun alarde de propaganda populista?

En definitiva, que se deixen de caralladas que isto dos incendios é un asunto moi serio.

A Secretaría Xeral da Presidencia convocounos a unha xuntanza para o pasado día 8 de xullo, para "informarnos" da súa proposta de modificación da RPT tanto da Presidencia da Xunta como da Axencia de Turismo de Galiza (ATURGA). Ben se puideron aforrar a xuntanza, pois ao ser sen documentación previa, limitáronse a contarnos a película.

A documentación remitírona posteriormente. Se queres transmitirnos algo, contacta coa CIG.

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar convocou aos sindicatos a unha xuntanza para "expoñer" a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería.

De entrada, observamos que a proposta implica unha destrución neta de 20 postos de traballo (crean 36, amortizan 56). Tamén ten numerosas modificacións e recualificacións que teremos que analizar.

A xuntanza está convocada para o martes 12 de xullo, pero hai un incidente que é necesario que solucionen previamente. Mentres tanto, para o que teñas que dicirnos, podes contactar coa CIG.

A administración muda o criterio de primar a experiencia, onde quedou o esperado 90-10?

O xoves 7 tivemos a primeira xuntanza informativa sobre o borrador de criterios comúns que van rexer os procesos selectivos de estabilización. O director xeral da función pública anuncia a negociación ao longo do mes de xullo ainda que posiblemente se traslade a setembro, Tamen realizará unha convocatoria modelo para poder comprobar como vai quedar (que achegaran cara finais de mes). Temos ata o venres 15 para presentar alegacións ao primeiro documento. Podes achegarnos as túas alegacións, contacta coa CIG.

Cuestións a destacar da xuntanza (aclaramos que estas non son as achegas da CIG, é o que se tratou):

  1. Malia que a administración nun principio criticaba a proporción da experiencia dos criterios do Estado de 60-40, e propuña achegarse máis ao 90-10, agora recúa coa escusa da seguridade xurídica.
  2. O tempo traballado na propia administración convértese no cabalo de batalla: como máximo proponse un coeficiente multiplicador (cutre: de ata 1,3) para máis nin o mete no baremo.
  3. Aclara o carácter eliminatorio do coñecemento do galego.
  4. Os baremos de formación teñen un peso excesivo sobre o conxunto máis cando non é de acceso universal, sobre isto non aclara nada.
  5. Sobre a puntuación polas listas de agarda están abertos a valorar outras listas públicas e decretos anteriores.
  6. A autoevaluación aínda está en pañais, recoñecen estar a traballar co Amtega e Asesoría Xeral da Xunta. Non haberá que pagar taxas para acceder a autoavaliacion e falou da posibilidade de ter que cumprir unha puntuación mínima para presentar o que pode ser restritivo.
  7. Abertos a mudar a data límite de referencia dos méritos.
  8. Recoñecen especificidades dalgúns colectivos/escalas que se poden integrar nas convocatorias.
  9. Sobre acadar o máximo de antigüidade con 25 anos non argumenta porque escollen ese e non outro, di que reducir moito pode traer problemas de empate, cuestión esta a discutir.
  10. Na valoración de exercicios de procesos selectivos anteriores: abertos a valorar os procesos superados sen praza e os de prazas que eran para contratos temporais.
  11. Sobre as convocatorias nos entes do artigo 45.b) da LOFAXGA (sociedades mercantís e fundacións) din que poden ser separadas. O resto serán convocadas pola dirección xeral da función pública, pero todas con estes criterios.

Por outra, din que enviarán a actualización dos buzóns de postos a vindeira semana coa resposta as alegacións presentadas.

Quedaron por tratar cuestións importantes e falar falouse de moito, pero sen avanzar, polo que a negociación está por comezar. Na CIG achegaremos con boa fe propostas para que as bases sexan o máis equilibradas posibles e que teñan a flexibilidade suficiente para admitir as diferencias e especificidades. A única forma de non afondar nas discriminacións que provoca a lei 20/21 é recoñecer o esforzo e experiencia dos compañeiros e compañeiras temporais que traballan con nós.

Mais avisamos, na CIG non somos complacientes e si non avanzamos temos claro que a loita é o único camiño.

Unha nova proposta da Xunta para non pagar o que pactaron e non executaron, e evitar a ampliación de dereitos ao persoal excluído.

O goberno galego enviou aos sindicatos unha proposta de acordo para regular o sistema de carreira profesional. A proposta contén algúns cambios significativos respecto da actual carreira, todos na liña de recortar dereitos.

Facemos un repaso polo miudo de como se cociñou o actual sistema de carreira e cal era o panorama que tiñamos naqueles anos. Analizamos como está montado o tinglado, os incumprimentos, mentiras .. 

Se che interesa, descarga o boletín.

¿Mais postos de estrutura para que? Outra modificación rápida da RPT da Consellería que segue sen reorganizar e abordar os problemas

Nesta nova modificación rápida da RPT da consellería volvese repetir o doutras veces: un mero formalismo de presentar a información á representación sindical sen intención real de negociación. Así, despois desta xuntanza, a proposta vai ir directa á Mesa Xeral.

Aínda que esta modificación puntual da RPT, e xa van tres, ven dada polo decreto de estrutura (Decreto 116/20220 do 23 xuño, publicado no DOG do 4 de xullo), e non se amortizan prazas, seguen a crear postos de dirección sen pensar nunca na creación de postos base. Máis necesarios se cabe agora nesta consellería pola carga de traballo da tramitación fondos Next Generation, para os que van crear grupos de traballo en base a persoal temporal e interino.. En fin, a repetición dos erros do pasado que deron lugar a Lei 20/2021, da temporalidade.

Ademais, 3 dos 4 postos de nova creación están abertos a A11 (Xunta, Estado e outras CCAA), e A12 (ídem mais administración local), como se o persoal da Administración Autonómica de Galiza non estivese máis que capacitado para cubrir estes postos. E por riba presentando unha xustificación nula na memoria funcional, por moito que o Secretario Xeral Técnico nos conte o conto de que necesitan un perfil que coñeza os procedementos dos concellos. Por suposto, seguen sen dar información económica do que supón a creación desta nova estrutura (debe ser que como non amortizan prazas xa pensan que non é preciso).

Existen incoherencias nos requisitos de corpos e escalas para servizos centrais e as xefaturas territoriais que non teñen sentido xa que realizan o mesmo traballo.

Recordámoslle a consellería que temos gañada no Tribunal Supremo unha sentenza contra a anterior RPT, polo que cando a consellería queira negociar a modificación global da RPT, como asi anunciou nesta e noutras reunións, terá que facelo obrigatoriamente sobre a RPT anterior anulada xudicialmente, non sobre a última existente.

Preguntados pola situación do persoal afectado pola Lei 20/2021(BOE 29 decembro) e que as súas prazas non aparecen no decreto 79/2022 (DOG 30 maio), dinos que os erros xa foron postos en coñecemento da Dirección Xeral de Función Pública para a sua corrección, e debe ser ela a que articule como facelo.

En resumo, outra modificación “puntual” da consellería que segue sen abordar os problemas.

A CIG solicitou o luns 4 de xullo a extensión da sentenza que afecta ás funcións do persoal de servizos xerais (PSX), referida á limpeza de maneira ordinaria nos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

A CIG interpuxo demanda de conflito colectivo sobre a imposición das tarefas de “limpeza ordinaria” ao persoal de servizos xerais do Consorcio, que foi xulgada o 2 de setembro de 2021 na provincia de Lugo. A sentenza deu a razón á CIG, polo que o persoal PSX, non ten que realizar tarefas de limpeza ordinaria.

O Consorcio interpuxo recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a antedita sentenza, resolvendo o TSXG a desestimación do recurso, co que ratifica a sentenza da primeira instancia.

Transcorrido o prazo para presentar recurso de casación de unificación de doutrina perante o Tribunal Supremo sen que se presentara, a sentenza obtén carácter de firmeza.

Por todo isto a CIG solicita a extensión de dita sentenza ao resto de traballadores/as que teñen as mesmas condicións de traballo.

A Dirección Xeral de Función Pública enviou aos sindicatos un primeiro borrador para comezar a negociación dos criterios que rexerán as convocatorias de procesos selectivos derivados da Oferta de Emprego Público extraordinaria do 2022, derivada da Lei 20/21 (lei da temporalidade). A primeira xuntanza vai ser o xoves 7 de xullo. 

Neste borrador hai cousas que son inadmisibles, como que non se valore máis o tempo traballado na propia Administración. E outras que están sen resolver, como as singularidades de determinadas escalas, a valoración do tempo traballado das persoas con contratos fixo-descontinuos, a data límite para valorar ter superado un proceso selectivo, ou incluso a falta de acceso en pé de igualdade á formación valorable. Hai moito que discutir. 

Por outra parte, segue pendente a xuntanza á que nos ían convocar para falar das prazas ofertadas co obxecto de engadir/emendar o que proceda. O director de Función Pública comprometérase a respostar ás alegacións que presentamos e non foran atendidas, para dar así un prazo para xustificar documentalmente e poidan reconsiderar a situación.

Podes achegarnos o que consideres: contacta coa CIG.

Recibimos convocatoria e documentación dunha proposta de modificación da RPT da Consellería de Economía, Industria e Innovación. A xuntanza vai ser o mércores 6 de xullo.

Nunha primeira ollada, a proposta deriva da modicicación da estrutura orgánica, e non implica amortización de postos de traballo.

Se queres achegarnos algo, podes contactar coa CIG.

A Xunta de Galiza mais os sindicatos asinantes do mal chamado Acordo de Concertación Social teñen o obxectivo de funcionarizar a case que todo o persoal laboral sen considerar situacións de máxima precariedade e indefensión na que se sitúan algúns colectivos. A saber:

1. Categorías de persoal laboral que polo seu pequeno número non teñen correspondencia no Decreto 165/2019, de 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galiza.
Ex., categoría 20, do grupo IV, conserxe. Este persoal a a pesares de instar a súa opción a participares no proceso de funcionarización e percibir o complemento de carreira profesional, non poderán ser persoal funcionario xa que a Admón non quere incluír esta categoría no decreto 165 polo que continuarán como laborais fixos sen posibilidade de concursar, promocionar.... permanecerán ancorados ao posto ata a xubilación.
Mesmo acontece coa categoría tradutor/a, intérprete da administración de xustiza, III-052, tamén coa de auxiliares de autopsias, categoría IV-039 e outras.

2. Nas cociñas dos colexios da Consellaría de Educación, a diferencia dos das escolas infantís de Política social, o persoal responsable das mesmas é un oficial 2ª, mentres que nas EEII o é un oficial de 1ª. Os oficiais de 2ª se funcionarizarán na escala auxiliar de cociña, subgrupo C2, do corpo auxiliar de carácter técnico da admón especial da Xunta de Galiza, e os oficiais de 1ª  farano na escala técnica de cociña, subgrupo C1, da mesma admon especial.
A maior parte dos oficiais de 2ª das cociñas dos colexios están percibindo retribucións de oficial de 1ª de acordo coas sentencias xudiciais que lles recoñecen retribucións da categoría superior polo exercicio e a responsabilidade na elaboración dos distintos menús; incluso para os distintos grupos de alérxenos
As funcións diferenciais do subgrupo C1 e o C2 establecidas na Lei do Emprego Público de Galiza son a xestión dos alérxenos e a xestión de residuos.
Se os oficiais de 2ª se funcionarizan ao C2 perderán o dereito a reclamar estas diferencias polo traballo de superior categoría pero ao mesmo tempo, quen fará os menús para os alérxenos que son responsabilidade dun subgrupo C1?

3. A taxa de temporalidade en persoal laboral é moi alta. A maior parte destes postos contan cunha antigüidade na Xunta de máis de 10 anos; antigüidade suficiente para ter dereito á percepción do complemento de carreira profesional. A pesares de que a xurisprudencia do Tribunal Supremo afirma que a carreira é unha condición de traballo que afecta a todos por igual e que o vínculo contractual non pode ser causa de discriminación, a Xunta e os sindicatos asinantes da Concertación Social os continúan excepcionando deste dereito. Mesmo acontece co persoal laboral fixo que decida non funcionarizarse. Esta discriminación obriga a unha continua presenza nos órganos xurisdicionais do social para o recoñecemento do dereito.

A funcionarización non pode ser unha chantaxe para a percepción do complemento de carreira xa que o cambio de vínculo contractual é unha decisión sometida á voluntariedade do persoal laboral.

Outras novas recentes

Xoves, 11 Decembro 2025

Comisión de seguimento – Servizo de Gardacostas (10/12/25)

Resumo da reunión da comisión de seguimento do Servizo de Gardacostas do 10 de decembro no que se tratou a proposta de modificación da Orde de horarios e as carteleiras do primeiro semestre de 2026:1. Proposta de carteleiras  Logo do estudo das carteleiras para o primeiro semestre de 2026 constatamos enormes diferenzas entre bases. Con igual salario, o número de quendas,...
Luns, 15 Decembro 2025

Elección de destinos de SPIF

En relación ás eleccións de destinos de SPIF, na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario do luns 15 de decembro, a CIG manifestou o seguinte: Oferta de postos adxudicados en concurso de traslados En DOG 17/11/25 publican a resolución do concurso de traslados do spif. En DOG 12/12/25 convocan a elección de destino definitivo ás persoas que superaron varios...
Martes, 16 Decembro 2025

Actualización definitiva de méritos do 2024 e baremación definitiva dos servizos no Consorcio nas listas de substitucións

No DOG do 16/12/2025 publican a RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2024 e a baremación definitiva dos servizos prestados para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nas listas para a cobertura con carácter...