- Detalles
A Consellería do Medio Rural enviounos a comunicación seguinte:
No día de hoxe remitíronse a Xestión de listas as prazas que se indican no ficheiro anexo.
En relación coas prazas das brigadas helitransportadas que teñen como requisito indispensable a proba física pack test indicarvos o seguinte:
- As citacións teñen carácter voluntario, toda vez que os postos son de persoal funcionario e a lista de persoal laboral e por outro lado os postos teñen un requisito imprescindible.
- Co fin de facilitar á Xestión das listas e non causarlle prexuízos as persoas que están ocupando postos non vacantes ou doutra categoría, acordouse convocar á totalidade das persoas que están incluídas na citación e teñen posibilidades de que lle sexa asignada unha praza á realización da proba física pack test que se realizará no lugar, data e hora que se indican:
- Data: 11 de xullo de 2023
- Hora: 10:00 horas
- Lugar: Pistas de atletismo do Campus Vida da Universidade de Santiago Compostela
- As persoas interesadas na aceptación do posto, con carácter previo á realización da proba física deben achegar un certificado médico de que acredite que están en condicións de realizar probas de esforzó físico.
- As persoas que non estean interesadas na aceptación do posto ou que se presente á proba física e non a superen non deben xestionar a citación recibida.
- Así mesmo, no día de hoxe mandouselle un SMS e unha notificación electrónica, coa información indicada anteriormente, á totalidade das persoas incluídas na citación.
- Detalles
A Consellería de Política Social enviou aos sindicatos unha proposta de "Acordo sobre as condicións especiais de traballo do persoal dos centros de xestión propia da consellería de Política Social da Xunta de Galiza".
A proposta é de data 07/07/2023, e os sindicatos temos de prazo para alegar ata o martes 11 de xullo. Descargar.
Se é do teu interese, contacta coa CIG.
- Detalles
A Consellería de Política Social convocounos a unha xuntanza para o día 11 de xullo, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.
Esta é a segunda xuntanza pola modificación desta RPT (a anterior é do 9 de xuño).
- Detalles
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Unviersidades convocounos a unha xuntanza para o día 10 de xullo, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.
Esta é a segunda xuntanza desta proposta de modificación (a anterior é do 09/06/23). Para a aprobación desta proposta falta que o asunto pase pola Mesa Xeral, votación en Comisión de Persoal, Consello da Xunta e DOG.
- Detalles
Cando aínda estamos en negociación, CSIF, SEPGA, CCOO e UGT xa anunciaron o seu voto favorable en plena xuntanza, polo que están a renunciar a acadar calquera mellora.
Os sindicatos participamos o xoves 7 de xullo nunha xuntanza con Función Pública e Sanidade para tratar o acordo de condicións de traballo do persoal funcionario da escala de farmacéutico inspector de saúde pública (FISP). O director xeral de Función Pública quere pechar o texto a semana que ven e aprobalo finalmente nunha Comisión de Persoal neste mes de xullo (se é posíbel, xunto coa RPT). Descargar proposta.
Todos os sindicatos pediron algunha mellora pero, agás a CIG, xa anunciaron o seu voto favorable na propia mesa de negociación. Con este posicionamento xa declarado, Función Pública e Sanidade non necesitan facer concesións, pois saben que teñen garantido o apoio de CSIF, SEPGA, CCOO e UGT sen mover unha letra.
A CIG foi o único sindicato que mantivo a tensión aportando e debatendo ata o ultimo momento. O noso voto xa o comunicaremos cando chegue o momento de votar, non agora cando aínda estamos sentados a negociar.
A proposta necesita depurar algunhas cuestións e a CIG non renuncia a conseguilo, polo que na mesa reclamamos con forza que:
- Compensan con diñeiro a activación das gardas localizadas como se foran horas extraordinarias. Pero o tempo dispoñible desas gardas localizadas, que por sentenza son traballo efectivo, non as compensan nin con diñeiro nin con descanso.
- O cómputo de horas traballadas supera o máximo anual: por exemplo, facer gardas seis fins de semana e dous festivos ao ano, con 13 horas en cada día de garda, e sen compensar con descanso superan o máximo de 1665 horas anuais.
- A proposta fala (punto 8) de reclasificación dos postos. O literal do texto implica que os postos de coordinador/a sairían dos existentes, seleccionados a dedo, e reclasificados. A CIG esixiu que non poden reclasificar a coordinador/a postos con titular.
- Hai que corrixir o texto para garantir a reciprocidade de calquera mellora cos compañeiros e compañeiras veterinarias.
Finalmente o director xeral de Función Pública e a representación de Sanidade, aceptaron:
- Afinar a redacción para deixar constancia de que as futuras melloras serán de aplicación recíproca a FISP e VISP.
- Que darán unha volta ás gardas e a definición de retribucións.
- E que os postos de coordinación serán creación/amortización, non reclasificación.
- Detalles
A última hora da véspera da asamblea, a Xunta de Galiza veta o acceso a San Caetano a máis de 120 axentes ambientais a unha asemblea autorizada para este xoves 6 de xullo, polo que tiveron que trasladarse para un salón da EGAP (Escola Galega de Administración Pública en Fontiñas). Estas funcionarias/as públicos con horarios de 00 a 24 horas tiveron que facer quendas para poder acudir dende toda Galiza á asemblea convocada.
A cancelación da sala por parte da Xunta foi un claro intento de desmobilización porque acumula numerosos incumprimentos do Acordo de condicións de traballo de 2018 conquerido despois dunha folga que durou varios meses.
Na actualidade, 543 axentes ambientais traballan nos Distritos Ambientais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (156) e, na Consellería de Medio Rural nos Distritos Forestais (387), de non se ter amortizado prazas e de ter cuberto todas as vacantes o numero sería maior.
Cunha alta porcentaxe de temporalidade, a necesidade de procesos selectivos foi unha das cuestións que máis se demandaron. Preocupa tamén a intención da Consellería de Medio Rural de reordenación e división do persoal dos Distritos forestais cun empeoramento das condicións laborais e do servizo público. A negativa da Xunta de convocar o grupo B e manter a rebaixa profesional foi outra das cuestións que centraron o debate.
Con todo estas foron as conclusións máis destacables:
- Convocatoria urxente de procesos selectivos (concurso-oposición) das 56 prazas das OEP 2020 e 2022, e oferta de todas as vacantes (máis de 130) contando tamén coas numerosas xubilacións. Tamén compre solución as prazas non convocadas do C2 da oferta de estabilización da lei 20/2021 e as que negou por ser da DA8ª.
- Concurso de traslados, sen mobilidade dende hai mais de 10 anos.
- Negociación do regulamento da escala de axente técnico en xestión ambiental. Tal como se comprometeu a Administración tras a sinatura de diversos acordos (un no ano 2016 e outro no ano 2018).
- Activar o grupo B, que é o que esta previsto na Lei de Emprego e no TREBEP para a titulación requirida da escala. O acordo de 2016 comprometía a Administración a que unha vez que reciclara a titulación o 40% do persoal, se convocaría o proceso de promoción interna. Esta porcentaxe esta máis que superada pero a Xunta segue incumprindo os seus acordos co escusa de que se necesita unha regulación específica do goberno estatal cando noutras administracións non hai problema para aplicar o B.
-OPE parlamento Galiza DOG nº 67 mércores 5 de abril 2023 Escala: técnica de mantemento de infraestruturas. Grupo B
-Concello da Coruña 29/07/2021 Elaboración de listaxes de persoal funcionario interino para cobertura de prazas de Técnico superior de informática Grupo B.
-Consello consultivo de Galiza 3/5/2019 informe sobre a creación no concello de Santiago Escalas encadradas no Grupo B. Para a creación do novo grupo B chega por medio dunha modificación da RPT - Necesidade de creación de prazas comprometidas pola Xunta e que viñan previstas nas medidas 26 e 27 do ditame do Parlamento Galego do ano 2017 con motivo da vaga de lumes e das que non creou ningunha.
- Rematar coa discriminación do persoal axente ambiental do AGACAL que traballa na EIF de Lourizán.
- Plan Formativo conxunto con acceso a todo o persoal da escala.
E, sobre a pretensión manifestada por Medio Rural de división do persoal dos distritos forestais concluíuse cun NON ROTUNDO á DIVISIÓN e un SI á ESPECIALIZACIÓN.
Se a Administración non avanza nos compromisos adquiridos nos acordos asinados no 2016, 2017 e 2018, xa hai máis de 5 anos, ou vai adiante cunha división da escala con retrocesos laborais, vai ter conflito inmediato asegurado, e xa se estudan as primeiras accións de loita para o mes de setembro.


- Detalles
No DOG do 07/07/2023 publican:
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala superior de estatísticos.
O sistema selectivo será o de oposición. O obxecto do proceso selectivo será cubrir seis (6) prazas.
Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama na data de finalización do prazo da presentación das solicitudes de participación.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de letrados.
O sistema selectivo será o de oposición. O obxecto do proceso selectivo será cubrir dez (10) prazas.
Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título universitario oficial de licenciado ou grao en dereito na data de finalización do prazo da presentación das solicitudes de participación.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información.
O sistema selectivo será o de oposición. O obxecto do proceso selectivo será cubrir dezaseis (16) prazas.
Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama na data de finalización do prazo da presentación das solicitudes de participación.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala superior de orientación laboral.
O sistema selectivo será o de oposición. O obxecto do proceso selectivo será cubrir seis (6) prazas.
Titulación: estar en posesión ou en condición de obter, o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o título de licenciada/o ou graduada/o nunha titulación de calquera rama.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, escala de orientación laboral.
O sistema selectivo será o de oposición. O obxecto do proceso selectivo será cubrir centro trinta (130) prazas.
Titulación: Estar en posesión ou en condición de obter o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o título de diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspección turística.
O sistema selectivo será o de concurso-oposición. O obxecto do proceso selectivo será cubrir sete (7) prazas.
Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o título de diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, na escala técnica de condución do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1.
O sistema selectivo será o de oposición. O obxecto do proceso selectivo será cubrir vinte (20) prazas.
Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de bacharel ou equivalente e os carnés de tipo C e de tipo E. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria.
- RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se deixa sen efecto a Resolución do 10 de febreiro de 2023 (DOG núm. 35, do 2 de febreiro), que declaraba deserto o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de facultativo de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de museos, retrotraendo as actuacións á convocatoria realizada pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril) e abrindo un novo prazo para presentar as solicitudes.
Ábrese un novo prazo de vinte (20) días hábiles para presentar as solicitudes, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Dentro deste prazo as persoas aspirantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente dirixida á Dirección Xeral da Función Pública, a través da plataforma FIDES (https://fides.xunta.gal).
- Detalles
O ano pasado afirmou que todas as horas extras traballadas polo persoal do SPIF durante a vaga de lumes do pasado verán serían compensadas
A realidade é que a día de hoxe parte do persoal do servizo de incendios segue sen cobrar e sen desfrutar a compensación en tempo de traballo establecida
Na nómina de decembro do ano pasado fóronlle aboadas a unha parte do colectivo as horas de prolongación realizadas na extinción de lumes entre o 14 de xullo e o 31 de agosto de 2022. Pero non a todos. Como pode ser isto se todo o persoal que aceptou prolongar a súa xornada para loitar contra as nefastas consecuencias dos gravísimos incendios realizou o mesmo esforzo e arriscou a súa seguridade por igual?
Non hai ningún criterio obxectivo para realizar esta discriminación e a Consellaría do Medio Rural non dá ningunha explicación para este agravio entre o persoal do servizo de incendios.
Dende a CIG xa manifestamos que non se debían pagar as horas extras e que tiñan que compensar a súa totalidade en tempo de descanso, pero coma sempre a Consellería fixo caso omiso da recomendación.
A día de hoxe dende a Consellaría non dan explicacións convincentes deste caos e vai pasando o tempo. Ante isto e para evitar que pase o prazo dun ano dende a realización das horas extraordinarias, dende a CIG recomendámosvos a todas e todos os compañeiros/as que non cobraron que presenten unha reclamación previa de cantidades antes de que cumpra o ano da súa realización.
Se queres reclamar contacta cos delegados/as da CIG para que te faciliten o modelo.
CONSELLEIRO: PAGA O QUE DEBES
- Detalles
As seis semanas adicionais por maternidade, tamén para a paternidade
O TSXG estima que o empregado público denunciante ten tamén dereito a 6 semanas adicionais ás 16 do permiso de paternidade, a cargo da administración pública e en igualdade de condicións que o permiso de maternidade das mulleres.
O Tribunal de primeira instancia de Vigo de primeiras fallou en contra do traballador, mais unha vez recorrido pola CIG diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, este revogou a sentenza inicial en contra, estimando a demanda nos seguintes termos:
«...sobre DEREITOS DE CONCILIACIÓN DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL, debemos revogar e revogamos a resolución recorrida, estimando a demanda e declarando o dereito do actor a desfrutar dun permiso por nacemento de fillo de proxenitor non xestante de 22 semanas de duración, e non das 16 semanas recoñecidas, condenando á ENTIDADE DEMANDADA a estar e pasar por esta declaración e a que lle recoñeza o dereito a desfrutar das 6 semanas non recoñecidas, con todos os efectos legal e regulamentariamente establecidos...»
O TSXG considera que hai discriminación indirecta por razón de sexo na situación en que una disposición, criterio o práctica aparentemente neutros pon a persoas dun sexo en desvantaxe particular con respecto a persoas doutro.
Basea a súa sentenza nos dereitos de conciliación e a corresponsabilidade, na Lei de emprego público de Galiza, no Real Decreto-Lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, establecendo idéntica duración para o permiso por nacemento da nai biolóxica que para o permiso derivado do nacemento para o proxenitor distinto da nai biolóxica, así como nas directivas europeas de aplicación.
A CIG comprometida na conciliación e a corresponsabilidade familiar nos labores de coidados.
Reclama os teus dereitos!!
- Detalles
No DOG do 05/07/2023 publican:
- RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galiza e no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, (subgrupo C1), e para o ingreso no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, (subgrupo B).
- RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galiza e no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo C1), e para o ingreso no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo B).
As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal
A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal
Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta listaxe figuran as persoas aspirantes que teñen pendente de acreditar que están en posesión do Celga requirido.
As persoas aspirantes excluídas, as que non figuren en ningunha das listaxes, así como aquelas persoas que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión, ou acreditar que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado.
