- Detalles
No DOG do 30/05/2022 publican o DECRETO 79/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galiza, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza.
O número de prazas que integran esta oferta ascende a un total de 7.038.
No anexo I figura o número de prazas que corresponde á convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal de longa duración, prevista nas disposicións adicionais sexta, sétima e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e inclúe aquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no seu artigo 2.1, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 e sempre que tales prazas continuasen a estar ocupadas na data de entrada en vigor desta lei.
Prazas correspondentes á Administración xeral 4.158 e prazas das entidades instrumentais 1.574.
Total anexo I: 5.732.
No anexo II figura o número de prazas que corresponde á taxa adicional para a estabilización de emprego temporal prevista no artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, e inclúe as prazas de natureza estrutural, dotadas orzamentariamente, ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente como mínimo, nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 e sempre que tales prazas continuasen a estar ocupadas na data de entrada en vigor desta lei.
Prazas correspondentes á Administración xeral 483 e prazas das entidades instrumentais 265.
Total anexo II: 748 prazas.
No anexo III figura o número de prazas que corresponden co proceso de funcionarización ao abeiro do artigo 4 polo sistema de concurso-oposición. Un total de 281 prazas.
No anexo IV figura o número de prazas que corresponden á promoción interna horizontal para o persoal laboral fixo, segundo o regulado no artigo 5, polo sistema de concurso-oposición.
Un total de 277 prazas.
As prazas previstas no anexo I convocaranse, con carácter excepcional, polo sistema de concurso, de acordo co establecido na disposición adicional sexta, sétima e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, e que consistirá exclusivamente na valoración de méritos.
As prazas previstas no anexo II convocaranse polo sistema de concurso-oposición de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro.
- Detalles
No DOG do 27/05/2022 publican as resolucións polo que se fan públicas as baremacións provisionais de varios procesos selectivos de promoción interna tal e como che indicamos aquí.
No caso do corpo de xestión, subgrupo A2, e do corpo administrativo, subgrupo C1, se advirten moitos erros na baremación do apartado f “Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores”.
Nas bases das convocatorias se establece que este epígrafe terá unha valoración máxima de 1 punto e vemos que nas resolucións aparecen moitos aspirantes que superan dita puntuación.
A maiores temos constancia de casos concretos onde, aínda estando a puntuación por debaixo de 1 punto se están a valorar os permisos, reducións de xornada e excedencias desfrutados despois da publicación das convocatorias, contravindo o que se dispón na base II.3 das propias convocatorias, "Os méritos enumerados na base II.2 deberán referirse á data de publicación da presente convocatoria".
Dende a CIG puxémonos en contacto con Función Pública e son conscientes dos erros polo que procede unha corrección. Aínda así animamos a calquera persoa que considere que este erro lle afecta a que presente reclamación.
- Detalles
Función Pública achegounos os borradores dos seguintes catro procesos selectivos, correspondentes ás Ofertas de Emprego Público dos anos 2020 e 2021, con prazo de alegacións ata o día 1 de xuño. Se queres aportar algo, podes contactar coa CIG.
Acceso libre (forma de acceso: oposición)
- A2. Corpo de xestión. 90 prazas (7 discapacidade). Descargar.
- C1. Corpo administrativo. 102 prazas (10 discapacidade). Descargar.
- C2. Corpo auxiliar administrativo. 125 [ten que ser un erro, pois serían 120] prazas (12 discapacidade). Descargar.
Promoción interna (forma de acceso: concurso-oposición)
- C1. Escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de carreteiras e de dominio público hidráulico. Descargar.
- Detalles
No DOG do 27/05/2022 publican:
- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 47, do 7 de marzo).
- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).
- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 47, do 7 de marzo).
- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).
- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).
- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 47, do 7 de marzo).
- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).
Adxudican con carácter definitivo os postos que figuran nos anexos destas resolucións.
O prazo da toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia.
O cesamento deberá efectuarse o día 6 de xuño de 2022.
Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será de vinte (20) días hábiles e deberá computarse desde o día 7 de xuño de 2022.
- Detalles
No DOG do 27/05/2022 publican a RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se abre o prazo posesorio dos postos adxudicados en virtude da resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galiza, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019.
O prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.
O cesamento deberá efectuarse o día 6 de xuño de 2022.
Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será vinte días hábiles e empezará a computarse o día 7 de xuño de 2022.
- Detalles
Resumo da Comisión de Persoal do martes 24 de maio, na que se aprobaron os criterios e decreto de OEP-extraordinaria do 2022 derivada da Lei 20/21 da temporalidade. Aprobouse tamén unha modificación da RPT da CMATV e de Cultura. En Rogos e preguntas falouse das datas de exames dos procesos selectivos de escalas sanitarias, das tomas de pose do concurso de traslados e destino definitivo de corpos xerais, e das previsións dos procesos selectivos que están actualmente en fase de concurso.
Criterios e Decreto de OEP-extraordinaria 2022 de Administración xeral (agás escalas sanitarias) e entes
- Mantemos que teriamos que ter negociado o baremo, o corte, etc, aspectos que afectan ao posicionamento da CIG. Rexeitamos que deixen todo en mans da futura negociación das convocatorias. Demasiada discrecionalidade futura.
- Deixan aberta a posibilidade de que o exame de galego, para quen non teña Celga, poida ser eliminatorio ou non.
- Comprométese a estudar para as convocatorias que a valoración dos servizos prestados na propia administración teña máis valor. Pero di que neste momento non o ve posible.
- Non entendemos que mesturen unha OEP-extraordinaria co proceso de funcionarización.
- Non se comprometen a nada coa promoción interna. Nin a unha taxa adicional agora (que non computa para a reposición), nin o que virá na oferta ordinaria, nin a facelo mediante concurso de méritos.
- Finalmente engaden na OEP a previsión de prazas que xa van quedar desertas en procesos que están actualmente en fase de concurso (77 prazas), así como outras 135 convocadas en decembro por Función Pública (restando da oferta extraordinaria aquelas que se cubran no proceso selectivo que está en execución).
Con este panorama, quedou aprobado cos seguintes votos dos sindicatos: CIG en contra, CCOO abstención, CSIF en contra, e UGT abstención.
Decreto de OEP-extraordinaria 2022 de persoal funcionario de escalas sanitarias (lei 17)
- Este Decreto tamén deixa todo para o que se decida posteriormente, nas convocatorias, nunha liña similar á de Función Pública, aínda que ten algunha diferenza.
- En calquera caso afirmamos que non existiu negociación. Sanidade limitouse a convocarnos a dúas xuntanzas, en días consecutivos, coa mesma documentación, sen darnos tempo nin a estudalo, nin a discutilo, nin a que eles mesmos valorasen o que manifestásemos os/as representantes sindicais do persoal.
- Coa súa actuación non cumpriron cos principios da negociación colectiva. Por exemplo, o deber de axuda mutua.
- A CIG vai valorar se as formas de Sanidade dan lugar a impugnar a oferta.
As catro organizacións sindicais (CIG, CCOO, CSIF, UGT) manifestamos o mesmo respecto da falta de negociación, ficou aprobado co voto en contra dos catro sindicatos.
RPT da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Non aceptaron as alegacións que lles puxemos enriba da mesa. Aprobado co voto en contra de CIG, e a abstención de CCOO, CSIF e UGT.
RPT da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
A CIG presentara un contencioso por unhas encomendas a Tragsatec que finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal. Por esta razón, crean unha serie de prazas de persoal arqueólogo e arquitecto. Pero fano cun nivel totalmente inadecuado, negándose a consellería a discutilo.
Sendo a CIG a responsábel de que se creen os postos, nestas condicións votamos en contra, o mesmo que CSIF e UGT, mentres que CCOO abstívose.
Corpos xerais: cese e toma de posesión (concurso de traslados e destino definitivo)
O DXFP confirma o que xa dixo uns días antes, que o venres 27 publicarán no DOG o resultado de elección de destino e a data de cese e o prazo de toma de posesión, tanto dos compañeiros e compañeiras que obtiveron destino no concurso de traslados como de quen estaban en destino provisional e pasan a definitivo. Segundo di, a data de cese vai ser o 6 de xuño, e ao día seguinte comeza o prazo posesorio.
Procesos selectivos que están en fase de concurso
O venres 27 tamén publicarán o baremo provisional de méritos de A1/A2/C1/C2 de promoción interna de corpos xerais, comezando un prazo de 10 días para alegacións. E a "semana que ven" irán publicando os baremos provisionais doutros procesos selectivos pendentes.
Ligando esta información coa que transmitira na Mesa Xeral do venres 20, referiríase ás convocatorias de oferta social, que tentarían facelo ao longo de xuño (dixera "todos ou a maioría").
Previsión do primeiro exercicio do proceso selectivo de escalas sanitarias
En rogos e preguntas a CIG continúa a dar a lata querendo a previsión de data de realización deste primeiro exercicio. Insistimos en que levamos moitas xuntanzas preguntando o mesmo e obtendo a resposta de que "mañá" ou "para a semana" vai o DXFP a preguntar a Sanidade. Ou ben está a ocultarnos a información, ou ben é Sanidade quen lla oculta a el.
A única resposta que obtemos é: que aínda non hai tribunal, que non sabe se o haberá antes de agosto ou non, que preguntará, pero que cre que que o exame non serán antes de setembro. Por agora, non hai mais.
- Detalles
No DOG do 25/05/2022 publica a RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2021 das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.
En aplicación do establecido na disposición adicional primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, nas listas para a cobertura transitoria de postos de persoal funcionario da escala de veterinarios (A1-2067) e da escala de ciencias, especialidades de bioloxía (A1-2068) e química (A1-2069), valoraranse, ao abeiro do artigo 9, letra b), do Decreto 37/2006, os méritos por servizos prestados nas categorías profesionais laborais declaradas equivalentes polo Decreto 165/2019.
As puntuacións totais das persoas integrantes das listas para o nomeamento de funcionarios/as interinos/as (anexo I) e a dos integrantes das listas para a contratación temporal de persoal laboral (anexo II), poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratacion>.
As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
- Detalles
No DOG do 25/05/2022 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2022 pola que se convocan, con carácter extraordinario, actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.
O prazo de presentación de solicitudes abarcará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 3 de xuño de 2022.
Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución:
1. O persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza e da Administración institucional, en situación de servizo activo ou servizos especiais que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.
Está exceptuado o persoal docente da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, o persoal das escalas dos corpos da policía de Galiza, bombeiros e o persoal do Servizo Galego de Saúde, agás que estea en situación de servizos especiais en calquera das administracións relacionadas no parágrafo anterior. Non se entende por tal os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.
2. Sen prexuízo do anterior, poderán ofertarse actividades formativas a empregados/as públicos/as pertencentes a outras entidades, organismos e institucións públicas, cando así se estableza na epígrafe «persoal destinatario» da actividade formativa.
- Detalles
O concurso de traslados previo e simultáneo NON RESTA postos á estabilización e SUMA dereitos
Na CIG vimos de recibir varias comunicacións de traballadoras fixas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Como delas se deducen algunhas interpretacións sobre o tratamento que debe ter dito persoal compre aclarar algúns puntos.
1. Como é normal e xusto, os postos de traballo do Consorcio teñen que ter a opción de ser cubertos en primeiro lugar polo actual persoal laboral fixo. Exactamente igual que ocorre co persoal funcionario da Xunta e igual que se recolle no V Convenio Colectivo.
2. Para iso ten que haber un concurso de traslados previo aos procesos de consolidación e estabilización onde se ofrezan todas as vacantes.
3. A resolución deste concurso ten que ser SIMULTÁNEA á resolución dos procesos selectivos, exactamente igual que se ten feito e se está a facer na Xunta: o mesmo día que tome posesión no seu posto o persoal fixo que concurse, toma posesión o persoal que aprobe os procesos selectivos, sendo a orde de prelación, primeiro o persoal fixo que concursou e despois o persoal que aprobe os procesos selectivos.
4. O acordo de integración do persoal do Consorcio, que é de hai 5 anos NON establece unha orde temporal. Simplemente se recollen numerados unha serie de acordos, que se ben é certo que uns teñen que ser de desenvolvemento consecutivo pola súa propia natureza, outros non.
5. Como o acordo é de hai 5 anos e nese tempo nin se convocaron procesos selectivos, nin se completaron moitos dos puntos establecidos no acordo, e a maiores outro tipo de procesos como a funcionarización do persoal laboral da Xunta distorsionaron o sentido do mesmo, a solución para salvagardar os dereitos do persoal laboral fixo ten que ser a de desenvolver xa parte dos acordos.
6. Para iso compre que o persoal laboral fixo transforme a súa relación nunha relación de natureza funcionarial dentro dos corpos e escalas da Xunta de Galiza.
7. O modelo de funcionarización aplicado na Xunta non é o que nós levamos defendendo, fundamentalmente porque se fixo a cegas tendo que optar por funcionarizarse sen coñecer as condicións de traballo. Pero neste momento é a única opción de garantir a mobilidade.
8. Isto é así porque si se aproba unha RPT de persoal funcionario e o persoal laboral fixo do Consorcio non se funcionariza quedarían ancorados no posto que ocupan perdendo o dereito á mobilidade e cambio de posto.
9. A opción non é por tanto, como algunhas persoas nos piden, que a RPT siga sendo de persoal laboral, porque as escalas xa están creadas de persoal funcionario e os procesos selectivos que van poñer en marcha son de persoal funcionario, co que a única solución sería deixar só como de persoal laboral as prazas que actualmente ocupa o persoal laboral fixo e por tanto estes só poderían concursar a esas prazas cando o dereito é que poidan concursar a todas as prazas vacantes (con toma de posesión simultánea coas persoas que aproben os procesos selectivos e que poderán facelo nos postos sobrantes do concurso de traslados).
10. E finalmente, o concurso de traslados de persoal laboral fixo NON RESTA prazas para os procesos de estabilización, xa que a quen lle adxudiquen un posto no concurso deixa vacante o seu de orixe para ser ofertado ao persoal de novo ingreso.
- Detalles
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) certifica 51 prazas que irían na oferta de estabilización. Agás dúas que serían mediante consurso-oposición, todas as demais van pola estabilización extraordinaria de concurso de méritos. Salientar que das 51, 42 non están en RPT a día de hoxe. A GAIN conta con que as prazas desta oferta convocaranse de xeito conxunto co resto das prazas da Administración xeral, pero aínda está sen pechar a negociación con Función Pública de se os entes van ter convocatoria separada ou conxunta.
Esta reunión ven despois da nosa queixa en Mesa Xeral onde nos queixamos de que había entes que non negociaron a oferta coa representación do persoal. A documentación contén erros, e comprométense a falar con Función Pública para arranxalos antes da Comisión de Persoal na que se aprobe a OEP.
A GAIN presenta unha listaxe de postos, algúns deles sen sequera data de ocupación. Así, sen ter unha listaxe completa de todas as vacantes nin o seu histórico para poder comprobalos, temos que fiarnos a cegas do que nos contan. De todas formas xa tiñamos remitidas varias alegacións na aplicación de postos de Función Pública a prazas que nos fixeron chegar as compañeiras e compañeiros do GAIN e que hoxe reiteramos nesta mesa.
A pesar das alegacións e da certificación achegada pola Axencia, Función Pública segue a manter varios erros na sua listaxe, como unha praza que Función Pública tena nunha listaxe errada, e a exclusión de varias prazas que din que están convocadas. As persoas esponsables de persoal da GAIN non eran coñecedores de que esas prazas convocadas son excluídas da oferta por parte de Función Pública.
Estas son as prazas excluídas por Función Pública da certificación da GAIN (en amarelo):


