- Detalles
No DOG do 31/07/2023 publican a RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter provisional que solicitaron a inclusión na lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.
Fan pública a lista provisional única para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.
As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <listas de contratación> , e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).
Nas devanditas listas figura a seguinte información:
– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.
– Persoas solicitantes admitidas na lista única, ao abeiro da Resolución do 12 de abril de 2023, procedentes das solicitudes presentadas no prazo de 2023 nas listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes segundo o punto sétimo da dita resolución, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, en relación co seu artigo 2.
- Detalles
Función Pública comunicounos que está prevista a próxima publicación da listaxe provisional de admitidos e excluídos das solicitudes que se presentaron para a creación da lista única da agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.
No punto sétimo da Resolución do 12 de abril de 2023 pola que se creaba esta lista, se indicaba que se tramitarían como solicitudes desta escala as solicitudes presentadas neste prazo anual das categorías equivalentes (V-001) e (V-011) dado que estas listas pecharán no momento da entrada en xestión na nova lista única.
Deben cumprir cos requisitos esixidos no prazo ordinario para ser admitidas e ademais estar en posesión dos requisitos do artigo 3 da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).
A publicación está prevista para o vindeiro luns 31 de xullo de 2023.
- Detalles
O pasado 27 de xullo tivo lugar unha xuntanza da Mesa Xeral na que se trataron os seguintes asuntos: 1) I Plan de igualdade da Xunta de Galiza; 2) Acordo de integración e carreira profesional do persoal de GAIN. En rogos e preguntas falouse dos concursos de traslados, a integración do Consorcio, dos procesos selectivos en execución e o RD Lei 5/2023.
REMATE DA NEGOCIAICÓN DO I PLAN DE IGUALDADE
O director xeral de Función Pública (DXFP) comezou expoñendo as alegacións que admitiron na derradeira negociación dos documentos do Plan de Igualdade.
Tratáronse os tres documentos que forman parte do Plan de Igualdade e, o martes día 1 de agosto irán a Comisión de Persoal. Os documentos son os seguintes: Diagnose do Plan, Protocolo de acoso e outras violencias no traballo e Medidas do Plan de Igualdade para a súa posible aprobación.
Despois da Comisión de Persoal informaremos ampliamente das nosas consideracións e postura respecto do Plan de Igualdade.
ACORDO DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL DO GAIN
Ao respecto do GAIN, a CIG rexeita o modo de proceder da Administración con negociación encuberta cun sindicato e excluíndo aos demais (o DXFP di que era meramente informativa), e a entrega da proposta de Acordo tan só 26 horas antes da súa discusión en Mesa. Levaremos este proceder á nosa asesoría xurídica para a súa valoración.
A DXFP explica que vai iniciar a negociación da integración como persoal laboral da Xunta do persoal laboral que estabilice. Esta negociación será antes de rematar a estabilización (segundo semestre do 2023). Rematada a integración, comezará a funcionarización, que finalizaría no primeiro trimestre do 2024. Incluirían as prazas na OEP-2023.
Abrirán a carreira profesional extraordinario en dous meses para quen acepten integrarse e funcionarizarse. Con efectos económicos a 1/1/2023. A CIG rexeitamos que recoñezan o complemento de carreira só para quen acepte a integración e se funcionarice.
No segundo semestre do 2023 negociarase a RPT do persoal de Gain.
ROGOS E PREGUNTAS
Concursos de traslados
Están estudando as alegacións ás bases do concurso de administración especial (rematarían a semana que ven). As bases estarán en setembro e inmediatamente sairán os buzóns de postos. Están traballando no concurso de enxeñarías e, se é posible, algunha escala máis de especial de Politica Social. Negociarémolo en setembro e publicarano en outubro.
A CIG insistiu en demandar a negociación dos concursos de traslados de todos os corpos e escalas, tanto de administración xeral como especial, co obxectivo de que poida estar resolto antes do 31/12/2024. O DXFP tira balóns fora e négase a poñer datas concretas.
Integración do Consorcio
Preguntamos pola Integración do persoal do Consorcio, ao que o DXFP resposta que "estamos en ello". Di que en setembro traballarán na RPT, e que a funcionarización será posterior.
Procesos selectivos en execución
O 3 outubro tomarán posesión educación social e auxiliares de enfermaría. Tamén publicarán do resto de procesoss (que será en setembro).
Estabilización: publicarán as listaxes definitivas nas vindeiras semanas. O exame de galego será na primeira quincena de setembro (publicarano no DOG nuns días).
Real Decreto Lei 5/2023
Novos permisos: afirma que dende Función Pública enviaron instrucións internas ás consellerías. Algúns permisos son de aplicación directa. Outros necesitan desenvolvemento regulamentario. Di que o permiso de 8 semanas non é retribuido e que precisa desenvolvemento.
Interpretación do artigo 217 (estabilización): di que eles xa foron previsores e deixaron a OEP aberta para incorporar as prazas que ian quedando vacantes dos procesos que se estan a celebrar.
- Detalles
O director xeral de Función Pública (DXFP) convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será venres 28/97/23, coa seguinte Orde do día: RPT de Sanidade (consecuencia do Acordo do persoal Farmacéutico Inspector). Descargar.
Na documentación non observamos cambios respecto da proposta que xa discutimos coa consellería na xuntanza previa do 18 de xullo.
A documentación inclúe o Acordo de condicións de traballo do persoal FISP, sen cambios respecto da versión anterior.
O DXFP anunciou que o martes 1 de agosto habería unha Comisión de Persoal, pero non o seu contido. Podería ser que ese día quedase aprobada definitivamente a RPT e o Acordo.
- Detalles
A historia repítese
Tal e como informamos en xuño, segundo Función Pública, por "problemas de xestión" os trienios do persoal laboral do SPIF funcionarizado en xuño se aboarían na nómina de xullo.
Desta volta é Medio Rural quen nos informa de que:
Por problemas que xurdiron na tramitación administrativa , non se poden aboar na nómina do mes de xullo os trienios ao persoal laboral do servizo de incendios funcionarizado no mes de xuño.
Porén, unha vez solucionados os problemas detectados, informámoslles que o pagamento dos trienios dende a data de funcionarización farase efectivo na nómina do mes de agosto.
Dende a Conselleria de Medio Rural pregamos transmitan as nosas desculpas a todas as persoas afectadas.
O que en xuño foron "problemas de xestión", agora en xullo son "problemas que xurdiron na tramitación administrativa".
Agardamos que os problemas realmente se resolvan e que na nómina de agosto se faga efectivo o pagamento dos trienios adebedados.
- Detalles
Asistimos a unha xuntanza coa Dirección Xeral de Función Pública, a Consellería de Política Social e Orzamentos o xoves 20 de xullo, para negociar un Acordo de condicións de traballo do persoal que presta servizos nos centros de Política Social.
Informa o director xeral que enviarán unha nova proposta nuns días que conterá unha serie de cambios respeito á anterior que dende a CIG considerabamos inaceptábel. A semana que ven teremos xuntanzas para tratar de chegar a un acordo antes do día 8 de agosto. Desa proposta podemos destacar as seguintes novidades a falta de que nos remitan o texto:
- Incluirá expresemente no ámbito de aplicación ao persoal do Consorcio.
- Suprime o parágrafo que permitía reducir o descanso entre xornadas até as 7 horas.
- A xornada de traballo será de 7, 7 e 10 horas respectivamente.
- Establecerase un descanso dun domingo de cada dous e non mais de 5 días seguidos de traballo.
- Reducirase a xornada máxima anual, pero sen que sexa inferior a 1400 horas.
- Convertirán 144 contratos con xornada inferior á ordinaria en xornada completa.
- Aumento duns 100 postos de traballo na RPT.
- Iso sí, parece que parte das cuestións que se recollen van carecer de concreción, xa que poden estar supeditadas ás "necesidades do servizo” ou “posibles limitacións”.
Dende á CIG, e á espera de recibir o novo borrador, manifestamos o seguinte:
- Instamos a que se definan no documento unhas ratios axeitadas por centros.
- A uniformidade non está na proposta (si estaba recollida no V Convenio).
- Non se recolle expresamente á compensación por traballo nocturno.
- Non inclúe unha definición do que se considera o traballo a quendas.
- Non se contempla a compensación do 24 e 31 de decembro para o persoal que traballa de luns a venres.
- Instamos a que conste no acordo que se librarán a metade dos fins de semana (sábado e domingo) e a metade dos festivos. No caso dos festivos existen centros onde isto dista moito de cumprirse.
- Non se contempla un proxecto de segunda actividade.
- Solicítase a recuperación do dereito a comedor.
- Realizar un acordo para cubrir as reduccións de xornada e dun reforzo para as adaptacións de tempo de traballo por motivos de saúde.
- Analizar a tipoloxía de usuarios que están a entrar nos centros de Política Social por emerxencia social, e como se vai afrontar dun xeito correcto a súa atención.
- Pedimos que se incrementen os niveis retributivos mínimos do persoal.
Nota: o luns 24 de xullo enviaron unha nova versión, con prazo para presentarmos alegacións ata o mércores 26. Descargar
- Detalles
Asistimos á xuntanza da Mesa de negociación de funcionarios/a e á Comisión de Persoal, do martes 18. O asunto da orde do día foi a creación dunha unidade de matadoiro móbil. En rogos e preguntas falamos de: concursos de traslados, gastos por locomoción, GAIN, Consorcio e Augas.
Unidade de Matadoiro móbil
A Consellaría de Sanidade vai crear unha unidade de matadoiro móbil constituída por dous inspectores/as veterinarios/as (itinerantes) e persoal da empresa Tragsatec. O proxecto é "piloto", e ven financiado con orzamento de Sanidade e de Medio Rural.
Aseguran as persoas responsábeis políticas da Administración, que as condicións do persoal veterinario serán as mesmas que as do resto do persoal veterinario de matadoiros, segundo o Acordo de ordenación e mellora das prestacións de servizos veterinarios oficiais do 31/10/2008. Pois ben, con ese acordo non se poden regular cuestións tales como a itinerancia ou a especificidade horaria que poidan ter.
A CIG valora positivamente a creación de emprego público, pero non compartimos a externalización de servizos, e neste caso, agás os dous postos de persoal veterinario, o resto vai ser persoal contratado a través da empresa Tragsatec.
A maiores do anterior, a CIG valorará a impugnación do asunto polo feito de que no proceso de negociación non se respectaron as formas, xa que a xuntanza previa coa consellería foi convocada sen a antelación debida.
Por estas cuestións a CIG votou en contra, o mesmo que UGT e CSIF. Pola súa parte, CCOO abstívose.
Rogos e preguntas
Concurso de traslados de administración especial: afirma o DXFP que terán prioridade á hora de convocarse, aquelas escalas que leven máis tempo sen convocarse, e menciona as da consellería de Política Social e os das escalas compartidas.
Indemnizacións por gastos de locomoción: para poder aplicar a suba do importe dos gastos de locomoción de 0,19 a 0,26, están a falar coa Dirección Xeral de Orzamentos. Entenden que non é directamente aplicable, e que terían que facer cambios na normativa galega.
Carreira profesional do persoal do GAIN: van tentar incluír o acordo na convocatoria da Mesa Xeral da semana que ven.
Integración do Consorcio e Augas de Galiza: informa que os procesos de integración seguen tramitándose.
Atraso na contratación do persoal do servizo de incendios: o persoal foi chamado fai máis dun mes, e asegura que os atrasos debéronse a un problema coa fiscalización dos contratos.
- Detalles
Agacal convocounos a unha xuntanza para o día 26 de xullo, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.
Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG.
- Detalles
A oferta de emprego público libre de SEAGA ten características “peculiares” tales coma recoñecer na fase de méritos os servizos prestados en empresas privadas ou no libre exercicio da profesión, temarios súper reducidos ou a realización dunha entrevista persoal.
A empresa pública SEAGA (Servizos Agrarios Galegos, S.A.) vai realizar a convocatoria dunha oferta pública de emprego de 58 prazas:
- 11 técnicos/as superiores
- 11 técnicos/as medios/as
- 5 oficiais 2ª administrativo/a
- 31 capataces
Unha empresa pública, cuxo capital é 100% da Xunta de Galiza, que está completamente controlada pola consellería do Medio Rural e que se rexe no sistema de selección de persoal pola Lei do emprego público de Galicia vai adxudicar, na condición de persoal laboral fixo, 11 prazas de técnico/superior e 11 de técnico/a medio/a cun salario anual que vai dos 28.000 aos 40.000 € mediante un sistema selectivo que non garante nin de lonxe os principios de igualdade, mérito e capacidade.
O conselleiro de Medio Rural, en colaboración co director xeral da Función Pública, pretende convocar este proceso selectivo en SEAGA coas seguintes características:
1- Descompoñer a oferta mediante tres sistemas.
- Primeiro, convocando prazas “continuas” (de todo o ano) e prazas descontinuas (de 6, 7 e 9 meses).
- Segundo, asignando as prazas de técnico/a superior e medio/a a 4 áreas diferentes e facendo a convocatoria separada por cada área.
- Terceiro, solicitando até 6 titulacións diferentes para técnico/a superior e 3 para técnico/a medio
A consecuencia deste sistema é que as prazas de técnico/a superior e medio son convocadas practicamente dunha en unha.
2- Establecer un temario para as prazas de técnico/a superior de 10 temas e para as de técnico/a medio de 8 temas.
Hai que ter en conta que esta é unha convocatoria libre. Non se trata dun proceso de estabilización, nin de promoción interna. A modo de comparación... a última convocatoria de prazas da Xunta de Galicia establece 101 temas para o grupo A1 e 70 para o A2, na estabilización extraordinaria da Xunta de Galicia 91 temas para o A1 e 70 temas para o A2 e na última convocatoria de promoción interna do A1 55 temas.
3- Na fase de méritos recoñecer os servizos prestados en empresas privadas ou no exercicio libre da profesión.
4- Introducir como parte do proceso selectivo unha entrevista persoal.
- Detalles
O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos (MX) para o xoves 27/07/23.
Nesta Mesa Xeral vaise tratar o contido do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza que se estivo negociando nas xuntanzas previas da comisión negociadora creada ad hoc para este asunto e que naceu froito da insistencia amosada pola CIG.
Na orde do día tamén vai unha Proposta de Acordo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e as organizacións sindicais para a integración do persoal do GAIN nas estruturas da administración da Xunta de Galiza, mais temos que salientar que sobre este asunto non nos enviaron documentación.
Esta é a documentación da que dispoñemos a falta de que nos envíen a que está pendente:
Diagnose da situación de igualdade no seo da Administración da Xunta de Galiza I
Diagnose da situación de igualdade no seo da Administración da Xunta de Galiza II
Diagnose da situación de igualdade no seo da Administración da Xunta de Galiza III
Protocolo de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo
Medidas/obxectivos do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza

