Novas por contido

Remitiu xa un informe no que sintetiza as condicións de extrema dificultade e a carestía de medios

A CIG-Autonómica vén de remitir un escrito á fiscalía, logo de saber que esta solicitou á Xunta de Galiza información sobre a situación de determinadas residencias da terceira idade durante a actual situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia de Covid-19, ofrecéndose a colaborar en todas as cuestións relativas a estes centros. Xunto a este escrito remitimos un informe da situación, a data do xoves 26, en centros que prestan servizos sociais, no cal se recollen as consideracións que nos transmite o persoal, que está a realizar as súas funcións en condicións de extrema dificultade e carestía de medios. 

Segundo este informe a situación é a seguinte:

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

1. Residencias de maiores

Residencia de Maiores de Cerdedo 

Neste momento contan con 14 persoas usuarias, porque as do centro de día están nos seus domicilios. 

A CIG Autonómica denuncia o establecemento unilateral de quendas continuadas que van dende xornadas de 24 horas e 15 días ininterrompidos no persoal de servizos sociais do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dependente da Consellería de Política Social.

Ao longo da maña do mércores 25, e por medio de avisos por WhatsApp e ameazas da directora de area en chamada telefónica, as direccións modificaron as condicións de traballo ao persoal do Consorcio. Entre as modificacións está o aumento de quendas de ata 24 ou 38 horas de xornada e ata 15 días continuados, e cambio de centro de traballo públicos ou integrados dun día para outro. Entendemos que a función destas traballadoras e traballadores é vital e importantísima dado a crise sanitaria polo COVID 19 e o caos nas residencias de maiores de Política Social e nas privadas, pero ser servizo esencial non pode conducir ao abuso.

Segundo acaba de informar a Dirección Xeral de Función Pública, dadas as actuais circunstancias, penalizarán a aquelas persoas integrantes das listas de contratación que rexeiten un chamamento, salvo circunstancias excepcionais tal e como indican:

«Por razóns de urxencia e dada a situación actual da inexistencia de persoal dispoñible en listas, penalizarase aos integrantes das listas, salvo que concorran circunstancias excepcionais como persoas con patoloxías previas ou enfermidades crónicas, mulleres embarazadas, empregados públicos con fillos menores a cargo ou persoas dependentes que non teñan a posibilidade de organizar quendas con outros/as coidadores/as.»

A CIG vén de denunciar á Consellaría de Política Social perante o xefe territorial da Inspección de Traballo pola súa xestión nas residencias de maiores, centros de menores (residenciais) e centros de atención a persoas con discapacidades.

Levamos moitos días denunciando a situación nos centros sociais da Xunta e tememos pola saúde das persoas residentes e traballadoras porque aquí non se fai cargo ninguén e a situación xa é desesperante, e ante o caos organizativo e a deixadez na toma de medidas de prevención perante o covid 19, solicitamos medidas cautelares urxentes da autoridade laboral como que inste a que con urxencia se fagan test en todos os centros de traballo nos que haxa dúbidas de que se seguiron axeitadamente as medidas de prevención e que se establezan de inmediato as medidas máximas de protección fronte ó virus, até comprobar que todas as persoas traballadoras e usuarias son negativas no test.

Editamos: no web de Educación infórmase de que os recoñecementos continúan, pero permitindo mudar a data. Ir á información de educación.

Estamos a recibir consultas de persoal de centros de ensino que teñen pendentes citas para a revisión médica, dentro do campaña de vixiancia da saúde para o 2019/2020.

Parece ser que cando se solicita a Cualtis (empresa encargada de realizar estes recoñecementos médicos) o adiamento da cita debido á situación actual na que nos atopamos, a resposta de Cualtis é... que é imposible.

Dende a CIG informamos de que TODOS OS RECOÑECEMENTOS MÉDICOS PREVISTOS QUEDAN APRAZADOS xa que mutua que ten concedida a xestión así o decidiu e así llo comunicou a Cualtis.

A CIG denuncia perante a Inspección de Traballo graves deficiencias de seguridade no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Chapela, centro asistencial dependente da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra.

Ante o caos organizativo e a deixadez na toma de medidas de prevención perante o COVID-19 solicitamos medidas cautelares urxentes da autoridade laboral como que inste a que se faga o test a todo o peroal urxentemente e se doten de Equipos de Protección Individual (EPIs) e materiais aos centros residenciais de atención a persoas maiores e os centros sociosanitarios.

Neste momento xa hai varios traballadores e traballadoras de baixa e un usuario con contaxio confirmado por Coronavirus. A que esperan? A que se contaxie todo o persoal e non haxa quen se faga cargo de atender as persoas usuarias?

Faltan  medios de protección,  non se desinfecta o centro,  non se fan as probas ás persoas usuarias e  cadro de persoal. Tamén hai falta de persoal polas baixas. 

No Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD Vigo 1 e Vigo 2, antigas Residencias Asistida e de Válidos do Meixoeiro), a UME fixo unha desinfección, pero os medios son escasos e non os máis adecuados (como por exemplo, as máscaras son de papel).

Nestes centros o contacto coas persoas usuarias e estreito xa que son persoas dependentes que precisan axuda para as actividades básicas da vida diaria.

Dende a CIG levamos moitos días a denunciar a situación nos centros sociosanitarios da Xunta e tememos pola saúde das persoas residentes e traballadoras (e as súas familias). 

Aquí non se fai cargo ninguén e é desesperante pedir a adopción de medidas e a dotación de materiais dende hai semanas e que a inacción sexa a resposta. 

A falta de material de protección é unha pobre escusa cando se sabe, por declaracións do propio Presidente da Xunta, que teñen material en stock.

Levamos semanas tamén avisando á Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que nos seus centros pechados (maioritariamente escolas infantís) hai stock de luvas, desinfectante, etc, sen que se poña a disposición dos centros que o necesitan

Só entendemos esta actitude de secuestro de material dende a máis absoluta irresponsabilidade, incompatible co cargo que ocupan e co deber de protexer ao persoal ao seu cargo e á cidadanía.

Ante o incremento da carga asistencial derivada da atención do coronavirus con especial atención ás Residencias de Maiores, Función Pública e o Sergas veñen de ditar unha resolución conxunta pola que se estabelece un procedemento para a cobertura temporal de postos nos respectivos ámbitos.

Na práctica isto significa que se poderá acudir, con carácter excepcional, ás listas do Sergas para a provisión temporal de postos de traballo de categorías equivalentes para as cales non existan listas xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública ou estas estean esgotadas, sempre que resulte debidamente acreditado polo órgano solicitante, e logo de practicar outras medidas previas como mobilidade, reordenación de efectivos, revogación de suspensión de chamamentos ou calquera outra que se poida acordar para atender a necesidade de efectivos que se produza.

A aceptación do posto de traballo terá carácter voluntario, sen que se produza penalización pola súa non aceptación.

A información referente ao centro e localidade de desenvolvemento da prestación así como o resto de datos laborais de interese para a persoa candidata serán facilitados no momento do chamamento.

Como novidade importante, os chamamentos vanse facer tamén as persoas integrantes das listas que actualmente están en suspensión.

De xeito recíproco, o Sergas poderá utilizar, se fose preciso, as listas de contratación temporal xestionadas por Función Pública.

A resolución conxunta estabelece tamén que, con carácter excepcional, para atender as necesidades dos centros sociosanitarios, o Sergas poderá subscribir contratos laborais de duración determinada con estudantes do grao de enfermería no último ano de formación, en funcións de auxilio sanitario e apoio, baixo a supervisión dun profesional sanitario.

A CIG exíxelle á AXI que se aveña ao que dispoñen os protocolos para a prevención do risco na saúde laboral do seu persoal traballador e sobor de todo ao sentido común. Na instrución que elaboraron o 17 de marzo pra o desenvolvemento da actividade da Axencia diante da situación provocada polo COVID19, onde se recollen os traballos a realizar e o xeito de proceder coas ferramentas das que dispoñen, esquecéronse de elaborar un protocolo para as labores de limpeza de vehículos e demais ferramentas do seu traballo así como tampouco se informou ao persoal das medidas a adoitar para a súa protección, nin se lle entregaron EPI´s nin materiais de limpeza.

É outra mostra máis da deixadez e a improvisación da Administración que nestes días segue sen temoeiro eficiente. Exiximos a entrega urxente do protocolo de actuación para a súa protección fronte ao perigo certo da pandemia, a formación completa e os materiais necesarios para a limpeza e deinfección dos vehículos e ferramentas que lles son proprias.

Asemade tamén instamos á convocatoria do Comité de seguridade e saúde laboral desta consellaría para o control e avaliación de medidas adoitadas en coherencia co plan de acción específico do servizo de prevención de riscos laborais.

Para todos e todas que temos familiares, amigos, etc que traballan na empresa privada, a Confederación Intersindical Galega ven de publicar unha guía sobre como pode afectar a declaración do estado de alarma e a actuación dos empresarios/as (especialmente no referido á ERTE`s) nas relacións laborais:

Aquí podes atopala:

COVID19: Todo o que tes que saber sobre como o coronavirus afecta ás relacións laborais: resposta urxente ás preguntas máis frecuentes

A CIG-Autonómica denunciou perante Inspección de Traballo e Sanidade a falla de material de protección nos centros de maiores da consellería de Política Social, incluído Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A día de hoxe en moitos deles aínda non se tomaron as medidas de prevención necesarias nin se dotou de Equipos de Protección Individual (EPI) adecuado ao persoal e ademais non se tomaron medidas organizativas necesarias na xestión do persoal.

O esforzo que están facendo as compañeiras e compañeiros que traballan nos centros de Política Social, e especialmente nas residencias de maiores, por atender ás persoas maiores que viven alí, é máis que meritorio. Non temos dúbida en que as persoas maiores están no centro e son un grupo de risco perante a infección do COVID 19, e tamén somos conscientes de que as persoas traballadoras destes centros somos potenciais vectores de infección. Para a CIG é perverso que a Xunta non lles proporcione o material necesario (incluso o traen dende a casa) xa que temos claro que o coidado e as precaucións que se teñen que adoptar deben ser as máximas posibles, as mesmas que emprega o persoal sanitario.

A falta de medios materiais e persoais, de EPI´s e de protocolos específicos é o principal problema ao que se enfrontan estas traballadoras e traballadores á hora de atender ás persoas maiores. Para colmo, a consellería informa aos centros de que “só se actuaría con EPIS completos no caso de positivos no centro”, incumprindo así o deber legal de prevención do risco que teñen que ter cara o seu persoal e persoas usuarias. É dicir, só poñen medios unha vez que a infección estea dentro. Se é así co período de incubación e latencia que ten a enfermidade poden estar infectadas todas as persoas usuarias cando saia a luz o primeiro caso.

Outras novas recentes

Xoves, 11 Decembro 2025

Ante a tomadura de pelo de Política Social, chamamento á manifestación o sábado 13 ás 11 na Alameda compostelana

Na xuntanza do mércores 10 de decembro da Comisión de Seguimento do acordo de Política Social a Consellaría lonxe de ofrecer solucións, perpetúan a burla que se está levando a cabo co acordo, parecendo máis ben unha tomadura de pelo. A poucas horas da reunión da Comisión de Seguimento, a Consellería envía a documentación base que é practicamente a mesma que xa entregara...
Venres, 12 Decembro 2025

Proposta de modificación da RPT de Presidencia da Xunta de Galiza

O vindeiro martes, día 16 de decembro, fomos convocados para a negociación da proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia. Trátase dunha modificación de RPT que afecta unicamente a 4 postos. Propoñen a amortización dunha xefatura de sección de biblioteca, tres postos nos que propoñen modificacións e a...
Mércores, 10 Decembro 2025

Escalas sanitarias: negociación da OEP-2025 e convocatoria de procesos selectivos (5/12/2025)

No relativo ao persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), o venres 5 de decembro asistimos a unha xuntanza convocada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para tratar a súa proposta de Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2025 e a convocatoria do proceso selectivo das prazas pendentes das OEP 2022, 2023 e 2024. OEP-2025 Sanidade propón...