Novas por contido

A maiores de tratar sobre procesos selectivos e concursos de traslados (ir á información), nas xuntanzas que tivemos os días 13 e 14 de novembro con Función Pública (Mesa Xeral de Negociación, Comisión de Persoal e unha xuntanza previa), tratamos máis asuntos: 

RPT Cultura

  • Despois de anos de reclamacións, por fin deciden homologar a outros corpos especiais os niveis do persoal técnico superior e medio de arquivos, museos e bibliotecas. Porén, quedan fora arqueólogos/as e algún arquitecto/a, algo inaceptable.
  • Non crean o obrigatorio arquivo central da consellería (precisamente cultura tiña que dar exemplo).
  • Manteñen dous postos abertos a docentes (xeral/docente), pero inexplicablemente pechados a persoal de escalas propias.
  • Hai outros dous relacionados coas bibliotecas aos que se exclúe á escala de blbliotecas.
  • A Administración cedeu a súa proposta inicial de cambio de horarios do persoal laboral dos centros culturais. Pretendía nun principio pasar a todo o persoal de quendas de mañá a mañá ou tarde. Ao final o paso é voluntario e se fará definitivo nas prazas cando queden vacantes.
  • Os horarios son un parche. Reclamamos sentarnos a pactar un acordo de horarios en bibliotecas, museos e arquivos.
  • Non estamos conformes coa destrución neta de emprego e sen xustificar os motivos.
  • Esiximos una solución á situación de sobrecarga do único posto do depósito legal de Vigo.
  • Crean un museo do viño sen dotalo do persoal necesario (só tres subalternos e 1 técnico museos que quitan do museo etnolóxico). Pretenden que se nutra do traballo e documentación do persoal do museo etnoloxico de Ribadavia co que queren compartir a dirección e o persoal técnico. Para a CIG e inaceptable que a Xunta venda un novo museo a bombo e prato que non dotan de persoal propio  e sobrecarguen ao persoal doutro. Para maior abastanza poñen horario especial e mañá e tarde, empiorando as condicións laborais do persoal dos museos e abrindo a porta a seguir na liña de eliminar as xornadas continuadas.
  • Descargar documentación da Mesa Xeral

 

RPT Política Social

Son dúas modificacións puntuais. 1) apertura a administración xeral/especial dun posto de subdirección: non nos opoñemos, pero reclamamos que indiquen as especialidades. 2) cambiar requisito imprescindible de licenciatura en dereito por mérito a un posto de sección xurídica, que quedaría para A1/A2/C1.

Descargar documentación da Mesa Xeral.

Achegounos Función Pública os borradores das convocatorias de procesos selectivos a postos de persoal funcionario por acceso libre e promoción interna. 

Achegaronos tamén os borradores das convocatorias dos procesos selectivos extraordinarios de consolidación de postos de categorías equivalentes aos corpos xerais.

A CIG mantén a crítica á falta de criterio xeral no que serían os modelos de procesos selectivos como se pode verificar a nada que comparemos as convocatorias aprobadas no último ano.

Estes son os borradores:

Corpo/Escala/Categoría  Total prazas   Promoción interna   Discapacidade 
A1.Corpo superior de Admón. xeral 133 33 10
A2.Corpo de xestion de Admón. xeral 65 16 4
C1.Corpo administrativo de Admón. xeral 91 22 8
C2.Corpo aux. administrativo de Admón. xeral 320 80 27
I-004.Titulado superior (consolidación) 60   3
II-007.Titulado medio (consolidación) 30    
III-2 e 62.Administrativo (consolidación) 6    
IV.Aux.Administrativo (consolidación) Pendente    

 

Nota: como estamos a recibir consultas, queremos indicar que as prazas de promoción internas mencionadas van ser en convocatoria conxunta coa de acceso libre. A maiores están pendentes as seguintes convocatorias de promoción interna separada da libre (borradores pendentes):

Grupo  OEP-2018   OEP-2019   Total prazas 
A1.Corpo superior de Admón. xeral 20 26 46
A2.Corpo de xestión de Admón. xeral 60 67 127
C1.Corpo administrativo de Admón. xeral 95 100 195
C2.Corpo auxiliar administrativo de Admón. xeral 25 27 52

A CIG obrigou a conselleira a dar explicacións no Parlamento galego

A conselleira de Política Social fixo o martes 12 caso omiso das advertencias a respecto da problemática laboral que repercute negativamente na calidade asistencial dos centros da súa competencia, entre eles os de maiores e os de menores. A comparecencia de Fabiola García produciuse a petición dos grupos parlamentarios da oposición, aos que a CIG-Autonómica lles trasladou a situación real dos cadros de persoal e da atención aos usuarios/as.

Dende a CIG denunciamos que a comparecencia da titular de Política Social foi exercicio de demagoxia e de propaganda electoral e lamentamos que se centrase case unicamente en louvar as bondades das donacións privadas por parte da Fundación de Amancio Ortega mediante a que se crearán sete novos centros nas principais cidades do país. O que non precisou en ningún momento, a pesar de que se lle interpelou en distintas ocasións, foi se a xestión dos centros vai ser pública ou privada.

A conselleira botou man de datos moi cuestionábeis para xustificar a situación actual de falta de persoal e das condicións laborais de pseudo explotación que padecen as traballadoras/es. Lembremos que o propio Consello de Contas de Galiza recoñece a non substitución de persoal “Tras inspeccionar só 10 centros constatou que había da orde de 10.022 días sen substitucións de persoal (vacacións, permisos, etc.), o que equivalería á contratación de 7 enfermeiras/os e 40 Tecae”.

CCOO e UGT non asistiron á reunión pois xa o negociaron previamente coa Administración e válelles a proposta da mesma.

O venres 9 de novembro fomos convocadas as organizacións sindicais para negociar as novas escalas que queren crear na lei de emprego público de Galiza e as súas funcións de cara aos procesos de funcionarizacion do persoal laboral. Pero a negociación reduciuse a cero e na reunión limitáronse a dar conta por parte de Función Pública di seguinte:

  • Non acepta ningunha alegación das que presentamos dende a CIG.
  • Non resposta aos motivos do por que crean escalas nun subgrupo ou outro nin explican que criterios empregaron, nin por que se esixen determinadas titulacións.
  • Négase a un acordo negociado no que se revisen todas as escalas incluídas as existentes para adecualas ao Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e as súas titulacións equivalentes. 
  • Non acepta nin resposta á proposta da CIG de crear escalas que posibiliten unha futura promoción interna.
  • Non acepta unha promoción interna cos mesmos requisitos que a funcionarización para o persoal que xa e funcionario, incluso pedimos simultaneidade nas convocatorias.
  • Non acepta concurso de traslados de personal laboral previo aos procesos de funcionarización.
  • Non acepta a transposicion dos dereitos laborais e salariais do V Convenio para o persoal que se funcionarice.

En definitiva o director xeral de Función Pública IMPÓN a perda de dereitos, PROVOCA desigualdades e conflitos entre o persoal e NON NEGOCIA coa CIG a pesar de ser materias de obrigada negociación segundo a lexislación vixente.

Dende a CIG Autonómica queremos denunciar a mala calidade da alimentación e intoxicacións continuadas que se están a dar nas escolas infantís do Consorcio galego de servizos de igualdade e benestar da Xunta de Galiza. Coa nova intoxicación que se produce na Galiña azul de Carral volve a evidenciarse o risco que sofren os nosos pequenos polos “servizos de catering” en vez de cociñas própias.

Estas casos de intoxicacións estan a ser moi numerosos e xa denunciamos e que aconteceron a semana pasada como nos centros de primaria da Xunta de Marín e Pontevedra que tamen estan con empresa de catering.

As cociñas con persoal propio teñen un sistema de control sanitario da Xunta, ao eliminarse a xestión pública e venderse o servizo cara empresas de catering xa non está no programa de control sanitario e do REGASA (base de datos do rexistro sanitario galego). Elimínase desta forma a presión inspectora a estas grandes empresas que operan nas cociñas dos centros públicos e distribúen a comida ó longo do País buscando o máximo beneficio e xogando coa saúde dos usuarios e usuarias.

Para a CIG ademais de que aos alimentos estén en bo estado tamén teñen que ser adecuados para a alimentación dos pequenos, así debese eliminar a presenza de graxas trans, alimentos alerxénicos, sucres e aditivos ou incluso exceso de sal. Pero os pais e nais descoñecen que materia prima que se emprega e si a Xunta está a facer cumprir a lei e as recomendacións de alimentación escolar vixentes onde se marcan limitacións a estes ingredientes.

Dende a CIG esiximos que a cociña e os comedores formen parte do servizo público cunha xestión 100% pública. A alimentación dos nosos nenos e nenas debe ser de proximidade, equilibrada, saudable e por suposto sen traslados que aumentan os riscos de intoxicación.

A Xunta esixe máis dereito administrativo para ser conserxe que para ser dalgún corpo superior. A inexistencia de criterios xerais fai que procesos equiparables teñan convocatorias diferentes. As diferencias entre convocatorias constitúen unha discriminación e unha desigualdade segundo que corpos e escalas se convoquen.

A nada que comparemos entre si algunhas convocatorias de procesos selectivos dos últimos anos, sexan de acceso libre, de promoción interna ou de consolidación, observamos diferencias substanciais entre procesos do mesmo grupo. Estes días Función Pública levou ás mesas de negociación máis borradores de convocatorias de diferentes escalas. E como non, máis diferencias substanciais.

Non pode ser que nun proceso selectivo para o corpo subalterno onde se require como requisito de titulación o certificado de escolaridade, se esixa un coñecemento en materias como as relativas ao emprego público ou ao procedemento administrativo, superior ao que se esixe para varios corpos superiores, algúns deles onde a aplicación do procedemento administrativo sancionador é parte substantiva do seu traballo.

Non pode ser que para a promoción interna ao corpo superior A1, haxa tres exercicios (cuestionario test 120 preguntas, suposto práctico test 40 e desenvolvemento de un tema); que para veterinarios-A1 sexan dous (suposto práctico test 40 preguntas e desenvolvemento de 1 tema); e para médico-A1 sexa un exercicio (test 180 preguntas) [en todos eles excluíndo o ficticio exercicio de galego].

Non pode ser que uns anos o mellor sistema da proba de galego sexa a tradución, despois o mellor pase a ser un cuestionario test, e agora volvamos á tradución.

Non pode ser que os erros nos test penalicen 1/4 de acerto uns anos, outros 1/3 e novamente 1/4.

Non pode ser que en diversos procesos de promoción interna os tribunais fixasen un corte que nuns casos deixou prazas sen cubrir como por exemplo: 1) Promoción interna A1-2018: aínda falta a nota do 3º exercicio e so quedan xa 23 funcionarios/as para 44 prazas; e 2) Promoción interna ao C2-2018: so aproban a 58 opositores para 106 prazas. E noutros foi tal o corte que pasou tan pouca xente a fase de oposición que case desaparece a fase de concurso. E ao tempo, para outros procesos selectivos, estean a falar dun alto número de aprobados da fase de oposición para que o concurso teña peso.

Por outra banda hai meses se convocaron procesos para o Corpo Subalterno e Auxiliares de Clínica onde se castiga aos opositores con temarios que nada teñen que ver, por extensos, cos aprobados na Comisión de Persoal do 5/11/19, e tampouco cos criterios de corrección, notas de corte e moitas máis cuestións.

Como mostra deste desatino, comparemos por exemplo convocatorias de corpos da mesma familia como auxiliar de clínica (subgrupo C2) e enfermería (subgrupo A2):

  • Función Pública considera que como futuras funcionarias e funcionarios tanto o persoal das dúas escalas teñen que ter coñecementos en dereito administrativo.
  • Para auxiliares de clínica (C2) esíxelles o coñecemento dos títulos preliminar, I, II, III, IV e V da lei 39/2015, cun total de 126 artigos. No temario da escala de enfermería (A2) esixen 33 artigos da mesma lei.
  • Isto é unha aberración xurídica.

Tan irracional é este asunto que a CIG propuxo na Comisión de Persoal do 5/11/2019 que se anulen as convocatorias de procesos selectivos pendentes de executar, se convoque un grupo de traballo con carácter de urxencia para establecer unha proposta de sistema común de acceso á Función Pública segundo os subgrupos de titulación no que están encadrados os corpos e escalas, e se volvan a convocar todos os procesos selectivos conforme ao acordado nese grupo de traballo, para tratar de unificar criterios nos distintos procesos selectivos.

Unha das materias negociais que o EBEP e a LEPG atribúen ás mesas xerais de negociación é fixar os criterios xerais en materia de acceso á Función Pública e nese marco, observamos que a Admininistración obra de xeito pendular no relativo a establecer modelos e tipos de exame, número de probas, temario e fase de concurso. É necesario e urxente que se fixen eses criterios para ser aplicados por igual a todos os procesos selectivos que se convoquen.

Somos conscientes de que o modelo final non sería o da CIG, poderiamos chegar a un consenso (ou non), cun modelo que non acade a totalidade do que son as nosas pretensións. Pero en todo caso debería ser xusto e proporcional á esixencia de titulación e funcións de cada subgrupo e escala.

No noso modelo defendemos: que se establezan exercicios de corrección obxectiva; que na promoción interna as notas de corte, exercicios e programas sexan distintos; forma de acceso mediante concurso-oposición; que os tribunais se elixan por sorteo; que as notas de corte se publiquen coa convocatoria; que se adapten as taxas á realidade socioeconómica do País; que as escalas de antigas categorías laborais sexan convocadas por última vez como persoal laboral e se realice un concurso de traslados previo; que o primeiro exercicio sexa feito exclusivamente en lingua galega e a cambio suprimimos a proba específica de galego; que teña máis peso a parte específica que a común; que na fase de concurso se inclúan os cursos de formación de universidades, escola de idiomas, etc; que os temarios se racionalicen para adaptalos ás funcións de cada escala; e un longo etc.

Todo isto podería valer como modelo para todos os procesos. Mais aceptaríamos outro se a idea é fixar un marco común para todos eles. De aí que solicitemos con urxencia a negociación deses criterios xerais para logo negociar proceso a proceso, co traballo xa case todo feito dentro deses parámetros comúns.

O director xeral de Función Pública, co apoio de CCOO e UGT, non aceptou reiniciar as negociacións para fixar eses criterios xerais, polo que a CIG negouse a votar na Comisión de Persoal do día 5 de novembro.

Goberno de Feijoo, CCOO e UGT impulsan uns procesos viciados dende a orixe, por aplicar distintos modelos a procesos similares e modelos máis ou menos gravosos segundo lle veña en gana, fuxindo de todo criterio racional e obxectivo para determinar cales son as bases deses procesos selectivos.

Esto foi o que votou cada sindicato na Comisión de Persoal do 5/11/2019

  • CIG: negámonos a votar a todas as convocatorias.
  • CCOO e UGT votan a favor de todas as convocatorias.
  • CSIF vota en contra de todas as convocatorias.

Algunhas desas convocatorias xa as están a publicar no DOG dende o día 6 de novembro e posteriores.

Están enriba da mesa as bases de convocatorias de bióloxía, veterinario/a e diversas especialidades da escala de servizos sociais (médico/a, psicólogo/a, enfermeiro/a, fisioterapeuta, traballo social, terapeuta ocupacional e educador/a). Tamén van as equivalentes de persoal laboral.

Tivemos unha primeira xuntanza co director xeral de Función Pública (venres 25) e algúns deses procesos pasaron por Mexa Xeral (martes 29); está convocada Mesa Xeral e Comisión de Persoal para o martes 5/11/2019. Faltará o acordo en Consello da Xunta e DOG.

Haberá duas convocatorias diferentes por cada especialidade, unha para os postos de persoal funcionario, e outra para os postos de persoal laboral. Os exercicios serán o mesmo día. As convocatorias de persoal funcionario suman as prazas de acceso libre, promoción interna, estabilización de persoal funcionario interino e persoal laboral indefinido non fixo en posto de funcionario. As convocatorias de consolidación de persoal laboral son prazas de persoal laboral indefinido non fixo en posto de persoal laboral.

O venres 31 de outubro veñen de rematar os procesos electorais aos comités de empresa da distintas consellerías da Xunta que comezaron en decembro de 2018 na Consellaría de Facenda e no comité de empresa de Servizos Centrais, e remataron o venres coas eleccións aos comités de empresa de Economía, Emprego e Industria.

Os resultados en número de delegados/as tanto en persoal funcionario como en persoal laboral son:

O 24 de outubro tiveron lugar as eleccións sindicais aos comités de empresa de persoal laboral da consellería de Política Social, no que desta vez se elixían catro comités que suman 94 delegadas e delegados.

Cun ámbito de máis de 6.000 persoas traballadoras e unha grande participación, o número de votos para a a CIG foi o maior, o que avala o noso traballo de defensa dos dereitos das persoas empregadas públicas e o rexeitamento dos acordos lesivos asinados por outros sindicatos.

A CIG consegue ser a forza maioritaria nos catro comités obtendo un total de 31 dos 94 representantes a elixir entre as 7 forzas sindicais que se presentaban:

 

 

A CIG gaña, e con ela gañamos as traballadoras/es desta consellería. Estas eran as primeiras eleccións onde se elixía un órgano de representación único tanto para quen traballa nos centros da consellería como para quen traballa no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar. Fronte a confrontación entre colectivos de traballadores que outros sindicatos promoveron nesta campaña CIG cree e fomenta a unidade, porque os intereses son iguais, os problemas son comúns e porque somos unha unidade indivisíbel e a única confrontación posíbel é coa nosa empresa e non entre nós.

O voto á CIG avala unha política de reivindicacións e propostas en defensa das traballadoras do consorcio e da consellería. Unha liña de traballo a prol de recuperar dereitosv laborais, de implantar horarios e medidas de conciliación do século XXI, de establecer a xornada de 35 horas, de asegurar a estabilidade laboral, de cobrar uns salarios dignos.

Pero o voto á CIG é tamén un voto contra aqueles que buscaron a desigualdade negando a carreira profesional á metade das compañeiras e tendo que acudir a unha funcionarización forzosa, que negociaron ofertas de emprego ridículas e taxas de reposición, que renunciaron a defender os descansos e o artigo 19 do V Convenio. E tamén un berro forte contra os que apostaron por defender ao patrón fronte aos/as traballadores/as.

Con esta confianza renovada as compañeiras e compañeiros da CIG afrontamos uns anos decisivos onde sabemos que temos o respaldo maioritario das persoas desta consellería para seguir traballando cara a un futuro mellor.

E finalmente, queremos dar as grazas á todas as persoas que confiaron en nós e apoiaron as candidaturas da CIG.

Publicada no DOG Núm. 202 do mércores, 23 de outubro de 2019 resolución da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do fondo de acción social do exercicio económico 2018, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/as solicitantes ou dos/as causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pódense consultar as listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS.

As persoas interesadas dispoñen de dez días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para reclamar e emendar defectos.

O Fondo de Acción Social foi unha das cousas que o goberno de Feijoo recortou coa  Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia. Pasaron os anos, pero os recortes temporais continúan. Desde a CIG continuamos en loita para recuperar todo o arrebatado e incrementar as axudas.

Outras novas recentes

Xoves, 10 Xullo 2025

Creación da Axencia Intecmar (09/07/25)

O día 9 de xullo tivemos a primeira reunión (segundo a Consellería) informativa sobre a creación da Axencia INTECMAR e a disolución do Instituto. Isto segundo a Consellaría, pero o comité de empresa de INTECMAR xa negociou o borrador que presentan. Aínda que a directora e a vicesecretaria xeral din que non se negociou nada, o presidente do comité de empresa comenta na súa...
Venres, 11 Xullo 2025

A carreira profesional e a avaliación do desempeño: para adiante en xullo?

Con máis de medio ano de atraso, a Xunta quere sacar unha convocatoria extraordinaria dos graos I, II e III da carreira profesional. E no medio do lote queren aprobar ás agachadas, en pleno verán, a carreira ORDINARIA e a AVALIACIÓN DO DESEMPEÑO que vai traer enormes consecuencias para o persoal ao servizo da Administración Autonómica. A directora xeral de Emprego Público...
Martes, 15 Xullo 2025

Avaliación do desempeño e carreira profesional ORDINARIA: a despachar nuns días tras 10 anos de retraso e moitas incertezas?

Fai pouco máis dunha semana que a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) enviou un documento de 40 páxinas co anteproxecto que regulará a avaliación do desempeño e a carreira profesional ordinaria (non confundir coa convocatoria da carreira extraordinaria para os graos I, II e III). O contido desta avaliación do desempeño afecta moitísimo ao...