- Detalles
Na xuntanza “técnica” do martes 1 de outubro para tratar o buzón de postos non se pecharon os asuntos. A convocatoria continúa pendente dos postos e dunha modificación da RPT de Educación que tiña que estar feita fai un ano.
Rematou a xuntanza coa “previsión” dunha nova xuntanza polo buzón de postos e o aviso de que o 16 de outubro (“ou á semana seguinte”) habería unha Mesa Xeral, co que a convocatoria estaría pendente de que a publicasen no DOG a finais de outubro.
Así que xa veremos se finalmente van publicar en outubro este concurso xeral que tiña que estar publicado en setembro do ano pasado.
Función Pública fainos aos sindicatos introducir as alegacións aos postos mediante unha aplicación informática, e resulta que por erro informático ou descoñecemento dalgunhas persoas da propia Función Pública, non accederon ás alegacións que mecanizamos (unicamente revisaron as presentadas en papel). Por tanto, a maioría das alegacións estaban sen atender. En consecuencia, van revisalo e convocaranos a unha nova xuntanza.
- Detalles
A dirección xeral de Función Pública e a secretaría xeral de Igualdade pretenden sacar un documento ás présas saltándose os requisitos que marca a lei para a súa elaboración.
Xa van 12 anos da entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, a Xunta de Galiza segue sen Plan de Igualdade para o seu persoal, a pesar de ser obrigatorio para as empresas e entidades de máis de 250 traballadores.
Arredor de 20.000 persoas empregadas públicas da administración xeral da Xunta de Galiza estarían acollidas por este plan, deixando nunha situación incerta ao persoal de entidades como o IGAPE, o Consorcio, Itmar ou Portos de Galicia, entre outros, xa que a Xunta manifesta que non ten intención de incluílos.
- Detalles
O 30 de setembro de 2019 reúnese en convocatoria ordinaria o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a excepción de UGT e CCOO que non asistiron. Nel tratáronse os seguintes puntos:
1.- Plan de formación do persoal CMTV 2020 dos que destacamos os seguintes que serán obrigatorios, así conta como tempo de traballo e deben facilitarche o transporte.
- Curso de formación sobre riscos específicos do seu posto de traballo (Art 19 LPRL) para todo persoal de campo da consellería.
- Curso de manexo e funcionamento de radios TETRA.
- Formación sobre Plans de Xestión de emerxencias para o persoal de parques naturais.
- Detalles
A CIG ven de solicitar a xuntanza da comisión de seguimento que está recollida no apartado 3.16 do Acordo de condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galiza, no V Convenio Colectivo Único para o Persoal Laboral da Xunta. Esta comisión é o órgano encargado de velar polo cumprimento de dito acordo.
Desta forma preténdese activar unha ferramenta básica para a negociación de Epis, mellorar os accesos ás casetas de vixilancia ou a volta ao público das brigadas helitransportadas, por exemplo.
Nesta comisión de seguimento tamén estaba previsto no ano 2008, o estudo da reclasificación do persoal emisorista e bombeiro/a forestal condutor do grupo V ao IV (recollida no artigo 3.20 do devandito acordo), para a súa aplicación no exercicio seguinte. Esta reclasificación aínda esta sen estudar nen implementar.
- Detalles
A Xunta de Galiza pon en risco a saúde da poboación galega pola pésima xestión da sanidade ambiental. A Consellería de Sanidade négase a instaurar un sistema de alertas para controlar e xestionar mellor os brotes hídricos de gastroenterine como o de Corme.
CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian que o brote hídrico de gastroenterite que se ven producindo dende o 26 de setembro en Corme, que afectou a deceas de veciños da localidade, con vómitos e diarreas, foi xestionado incorrectamente polos responsables da Consellería de Sanidade.
Unha vez mais non se entende que un brote de gastroenterite iniciado o sábado 21 de setembro, non se investigase ata o luns 23, expoñendo durante varios días a poboación a riscos para a súa saúde.
Denunciamos que non se adoptaran de xeito inmediato as medidas necesarias para o seu control, nin se recollesen as mostras de auga durante eses días para evaluar a súa orixe, a súa incidencia e a súa evolución.
- Detalles
Dende a CIG levamos moito tempo loitando polo recoñecemento da categoría profesional de Bombeiro/a forestal e por converter ao SPIF nun servizo de emerxencias versátil para o medio natural e rural, sen perder de vista a prevención coma unha función básica dun servizo de bombeiros forestais.
Os piares sobre os que se asentou a acción da CIG todo este tempo son a formación, operatividade e estabilidade laboral vinculada á atemporalidade dun servizo de emerxencias.
Tamén fomos pioneiros na loita polas certificacións profesionais, mediante numerosas iniciativas parlamentarias, dando coma resultado que moitos compañeiros/as acadasen a cualificación profesional específica do noso colectivo, cuestión fundamental de cara ao futuro do SPIF.
Na CIG somos conscientes das vantaxes que ten o recoñecemento da categoría profesional de Bombeiro/a forestal (entre elas a aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación) e apostamos enerxicamente polo seu recoñecemento. Agora, un documento do INSS recibido por un traballador do servizo (logo de solicitude feita pola CIG), ven a darnos a razón xa que recoñece que sería aplicable unha bonificación de tempo sobre a idade legal da xubilación por desenvolver a actividade de Bombeiro/a forestal. Porén, a nosa loita ainda non rematou, agora temos que seguir avanzando cara á aplicación dos coeficientes redutores coa maior amplitude posíbel.
Coa CIG continuamos traballando para que o SPIF siga a camiñar cara ao ámbito da multiemerxencia non só legalmente senón tamén coma unha realidade operativa que vai dar un mellor servizo público aos galegos e galegas.
- Detalles
CCOO informa que para o ano 2020 as retribucións das persoas empregadas públicas van subir un 3% grazas ao acordo de mellora de emprego asinado por CCOO, UGT e CSIF en Madrid no 2018.
Non contan que o único comprometido nese acordo é unha suba do 2% e que para chegar ao 3% hai un condicionante que é que o PIB medre un 2,5%.
Como xa vos contamos nesta nova de marzo de 2018, cando asinaron o acordo de concertación xa sabían que era moi improbable que o incremento do PIB fose do 2,5%, porque as previsións do Banco de España en decembro de 2017 o situaban nun 2,1%.
As últimas previsións do Banco de España en setembro do 2019 son que o PIB deste ano vai estar no 2%.
No acordo de Madrid que asinaron CCOO, UGT e CSIF, se desindexaban os salarios do IPC e se vinculaban ao crecemento económico segundo o que subíra o PIB do ano anterior.
Pois ben, cun incremento do PIB do 2% a cantidade variable a cobrar é CERO. Polo que en vez do anunciado 3% de CCOO o que nos subirán os salarios será so dun 2%. Un gran negocio para os asinantes do Acordo, pero un mal negocio para as persoas empregadas públicas.
- Detalles
O día 17 de setembro publicouse no BOE a Orde TMS/941/2019, de 6 de setembro, pola que se distribúen territorialmente para o exercicio económico de 2019, para a sua xestión polas comunidades autónomas con competencias asumidas, subvencións adicionais do ámbito das políticas activas de emplego financiadas con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, incluíndo aqueles destinados á execución do Plan de Choque polo Emprego Xove 2019-2021.
No anexo V desta orde se recolle a asignación do número de persoas adicadas a labores de orientación e/ou prospección de empleo a contratar por cada Comunidade Autónoma con cargo aos fondos asignados na aplicación 19.101.241-A.454.70, correspondéndolle a Galiza un total de 188 persoas.
O 19 de setembro puxémonos en contacto coa Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa desa consellería co fin de coñecer como se vai implementar o disposto na Orde TMS/941/2019, especialmente no relativa ao chamamento a través das listas de contratación das persoas que vaian realizar os servizos de orientación e/ou prospección de emprego. Obtivemos o compromiso de que unha vez estudada a orde se nos convocaría para informar sobre o asunto.
Considerando a urxencia de realizar canto antes os chamamentos, e dado que este proceso afecta a grande número de persoas, vimos de solicitar por escrito unha xuntanza con esa consellería á maior brevidade posíbel.
- Detalles
A incógnita podería quedar despexada o martes 1 de outubro, día en que estamos convocados para discutir sobre as prazas a ofertar.
As bases do concurso quedaron aprobadas na Comisión de Persoal do 2 de agosto (coa abstención de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT). A previsión nese momento era que se publicaría en setembro, unha vez que se pechase a discusión da oferta de postos.
Xa non vai ser en setembro, pois a xuntanza para pechar os postos está convocada para o martes 1 de outubro. E queda pendente unha Mesa Xeral para aprobar a inclusión en RPT duns postos de Educación que levan un ano creados. Así que despois de incumprir a súa previsión, sen dar sinais de vida durante case todo setembro, a cousa vai quedar para outubro como moi pronto.
Hai quen anda a dicir que o concurso queda para xaneiro. A CIG non ten argumentos para darlle veracidade a ese murmurio, polo que en principio quedámonos con que poden convocar en outubro. Pero con Función Pública nunca se sabe e unha vez máis poden incumprir as súas previsións.
En canto ao contido das bases o asunto xa está pechado; xa o explicamos polo miúdo no resumo da Comisión de Persoal do 2 de agosto, cando se aprobaron as bases da convocatoria (ler nova de 2/8/2019). Contabamos daquela que ao final desbloqueouse o principal elemento de discrepancia, a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizos. Pero mantíñanse discrepancias en aspectos como a non valoración da titulación académica, os cursos das escolas de idiomas, e o desequilibro excesivo nalgúns méritos. Se queres, aquí tes toda a información: https://i.gal/SKzQb
E os demáis concursos? A última información que temos, tamén do 2 de agosto, é que a negociación do concurso de veterinarios sería en setembro/outubro, e a de especiais negociariase unha vez publicado o de veterinarios. O de outras escalas de xeral tampouco se sabe, e o de laborais non o queren convocar nunca máis (unha das consecuencias do Acordo de Concertación que asinaron CCOO e UGT).
Esta é a situación das prazas: descargar borrador do buzón de postos a 25/09/2019.
- Detalles
Publicada no DOG Núm. 181 Martes, 24 de setembro de 2019, RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican as puntuacións e destinos definitivamente asignados na primeira fase do concurso de traslados para a cobertura de postos de traballo de persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria e se convoca para a elección de destino definitivo aos/ás funcionarios/as incluídos/as na segunda fase deste proceso.
Resolta definitivamente a primeira fase do concurso de traslados para a cobertura de postos de traballo de persoal sanitario funcionario incluído baixo o ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria, convocado pola Resolución do 25 de setembro de 2018, coa publicación das puntuacións definitivas e a adxudicación de destinos.
Os prazos de cesamento no actual destino e de toma de posesión nos destinos adxudicados comenzarán a computar a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se resolva a segunda fase deste proceso, coa adxudicación de destino definitivo ao persoal funcionario de novo ingreso seleccionado no concurso-oposición convocado pola Resolución do 27 de xullo de 2010.
Publicada a relación de destinos que se ofertan na segunda fase deste proceso, para a elección de destino definitivo, aos/ás funcionarios/as de novo ingreso seleccionados/as mediante o concurso-oposición convocado pola Resolución do 27 de xullo de 2010.
Convócase os/as funcionarios/as seleccionados/as no antedito proceso selectivo, e que se detallan no anexo III desta resolución, o día 7 de outubro, ás 13.00 horas, no salón de actos da Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, para que en único chamamento e acto, elixan destino definitivo entre os que se ofertan no anexo II, pola orde de puntuación final obtida no concurso-oposición da clase correspondente, con preferencia a favor dos/das aspirantes que, de ser o caso, accedesen pola quenda de promoción interna.