Novas por contido

O sindicato denuncia o incumprimento da lexislación en prevención de riscos laborais, ao non se ter negociado coa representación sindical e ao se tratar dun documento sen rango normativo que dificulta a xestión e non garante a saúde laboral.

Logo de que a CIG contactara en numerosas ocasións coa Consellería, e ante a nula vontade negociadora do departamento educativo da Xunta, o sindicato presentou denuncia en materia de prevención de riscos laborais contra a Consellaría de Educación, coincidindo coa incorporación aos centros educativos de máis persoal a partir do luns 11 de maio, para poder atender a fase final do prazo de admisión en centros escolares.

Para a CIG a decisión da Consellaría de programar a apertura dos centros escolares é inaceptábel por:

  • Non negociar esta reapertura, como é preceptivo en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos.

  • Non se trata dun documento normativo, senón dunhas recomendacións e malia iso recollen que se aplicarán as indicacións que figuran nunha guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade, publicada no DOG do 17 de abril, e que exclúe expresamente o persoal dos centros educativos.

  • Dificulta a xestión das posíbeis dispensas de asistencia aos postos de traballo para o persoal que forme parte dun grupo vulnerábel, xa que indican que a dirección do centro emitirá un informe previo para acreditar a imposibilidade de realizar a adaptación do posto de traballo ou a dotación das proteccións necesarias.

  • É dilatar no tempo e burocratizar o procedemento ordinario consistente en que a persoa que se considere vulnerábel faga unha solicitude, ao servizo de prevención, que a exima de incorporarse ao posto de traballo.

  • Non ten en conta a adaptación do posto mediante flexibilización ou teletraballo, este último se é posible para compatibilizar no caso do persoal con fillos ou fillas menores e maiores dependentes a cargo.

A CIG non comparte a decisión de que se produza a incorporación do persoal se non existen todas as garantías, con independencia tanto das formas da negociación como do fondo do documento, si existe un protocolo publicado no DOG para a incorporación das traballadoras e traballadores e no cal se fixa un período dunha semana para unhas actuacións preliminares que comezaron precisamente o mesmo luns día 11, durante a cal se realizará unha análise das necesidades de adaptación dos postos de traballo.

Educación nin negociou nada, nin publicou ningún texto normativo oficial, nin programou o estudo das necesidades con antelación á incorporación de máis persoal.

A CIG alerta da necesidade de extremar as medidas de distanciamento e protección e denunciar calquera incumprimento en materia de saúde laboral, ao tempo que chama ás familias a que procuren usar a sede electrónica para formalizar a solicitude de admisión, facendo excepcional o desprazamento aos centros e procurando contactar antes para programar a visita ao centro, xa que a Xunta non fixou como obrigatoria a cita previa.

A CIG decidiu ratificalo, non porque sexa o mellor protocolo posible, senón para poder seguir traballando con el, ter a oportunidade de amplialo e controlar a súa aplicación para evitar males maiores.

O Protocolo de reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID19 foi aprobado polo Consello da Xunta, e ratificado polos sindicatos integrantes da Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT). Aínda así persistimos na nosa critica de falla de negociación: podía terse feito antes e podía ser moito mellor.

De feito na súa última versión crea unha comisión de seguimento para vixiar e negociar as eivas que ten pola súa precipitación e por non ter tempo a reflexionar sobre todas as demandas que lle presentamos.

Dende o minuto un, aportamos melloras e alegacións, e criticamos os borradores que nos propuxeron coa finalidade de forzar á Xunta a cambialo. Incluso o último día, cando nos anunciaron que era definitivo, consideramos que tiñamos que seguir mantendo a presión para que aceptaran as últimas modificacións.

A Xunta quere unha volta a normalidade canto antes para o que non tivo en conta a posibilidade de contaxio por persoas asintomáticas e deixou fora outras medidas que recollen outras administracións, como o horario reducido ou medidas específicas para o transporte e aparcadoiros.

Entendemos que baixar o risco de contaxio a cero con actividade, é imposible; pero a nosa organización sindical leva traballando activamente dende o comezo de marzo esixindo medidas contra esta pandemia cunha actitude construtiva e responsable mentres a Xunta asubiaba como se non fose con ela. En multitude de ocasións tivemos que denunciar ante o Ministerio de Sanidade, a Inspección de Traballo e a Subdelegación de Goberno.

Agora elaboran un documento improvisado que se comprometen a mellorar coas organizacións asinantes. Xa avisamos de que sen avaliacións de riscos laborais e plan preventivo específico por centro e actividade non hai volta ao traballo segura. E que ten que abranguer a toda a administración, xa que este é un protocolo que se cingue basicamente aos edificios e centros de traballo meramente administrativos.

Porén recoñecemos que neste último protocolo de desescalada e medidas xerais a Xunta acepta achegas da CIG e mellora sensiblemente o texto inicial de forma que:

1. As medidas preventivas fronte o COVID19 que se propoñen son de carácter xeral sen prexuízo das adaptacións, protocolos concretos para funcións e postos non administrativos. 

2. Non substitúe a necesidade de avaliacións de riscos laborais dos centros e postos de traballo fronte o COVID19 que complementen estas medidas.

3. Aumenta a consideración de teletraballo ao despacho ordinario de asuntos dende o domicilio particular (incluso sen medios telemáticos). 

4. O persoal recoñecido como especialmente sensible non terá que reincorporarse ata a terceira fase (agás que nesta fase estea de  baixa).

5. O teletraballo xa non é a última opción. Prorrogase o teletraballo que se viña facendo ata o de agora polo motivo do coronavirus (na fase 1 e 2). Ábrese unha mesa de negociación do teletraballo.

6. O servizo de prevención de riscos laborais pasa a ter un papel máis activo ao ter que comprobar as medidas e informar con carácter previo. Tamén se dará conta aos comités de seguridade e saúde laboral.

7. O persoal será consultado ante a posible reordenación de quenda de traballo nestas fases. Terán preferencia o persoal con convivintes de risco ou fillas/os e maiores a cargo.

8. Incorpórase a revisión entre fases por criterios sanitarios da autoridade competente. 

9. O acceso as dependencias administrativas será de xeito individual e con carácter xeral baixo un sistema de cita previa.

10. Separación de equipamentos e baños de uso público e empregados/as públicas e hixienización.

Aínda así o protocolo ten eivas que requiren ser vixiadas e emendadas. Unha delas é que segue deixando a decisión da incorporación do persoal de moitos centros, como por exemplo os de ensino, en mans de cada dirección. É certo que iso o estableceu o goberno español con carácter xeral, pero iso non significa que non se poida regular. Neste sentido a primeira tarefa na comisión de seguimento é que todas as consellerías acepten, a pesares das súas particularidades, un criterio común, e a incorporación se faga cos mesmos criterios que no resto de dependencias administrativas, aínda que se adapten ás circunstancias destes centros.

E finalmente o que valoramos en primeiro lugar é a saúde dos traballadores e traballadoras, e si incluso con eivas este protocolo servía para implementar medidas organizativas e de protección adecuadas, aínda que fosen mellorábeis. Cremos que non nos equivocamos pedindo que se poña en marcha, pero tendo as reservas que por responsabilidade se nos esixen para ser vixiantes do seu cumprimento, promovendo á vez as melloras que sexan posíbeis.

Tal e como informamos hai unhos días, o persoal desprazado a outros centros pola crise da covid-19 cobrará os gastos de quilometraxe grazas ao traballo da CIG.

Aínda que a Consellería de Política Social non tiña claro que todo o persoal desprazado forzosamente a prestar servizos noutros centros de traballo, diferentes ao propio, tivera dereito a percibir a compensación económica por ese desprazamento (a razón de 0,19 euros por km), tras varias xestións levadas a cabo polas delegadas da CIG, a Consellería finalmente farase cargo dese pagamento.

Cal é o procedemento para que che aboen este concepto?

O persoal afectado:

  1. Presentará a solicitude de axuda de custo.

  2. Achegará esa solicitude ó departamento de xestion económica da Consellería de Política Social.

Ten en conta que si o teu desprazamento foi en transporte público deberás achegar coa solicitude os xustificantes orixinais.

A pesares dos moitos atrancos que están a poñer, queremos lembrarche que o persoal especialmente sensible fronte ao COVID19 ten a posibilidade de solicitar que se lle valore a súa situación.

Tal e como vimos dicindo dende a CIG, lembra que NON DEBES FACILITAR OS TEUS DATOS MÉDICOS a ninguén que non sexa o SPRL (Servizo de Prevención de Riscos Laborais).

Que teñas unha serie de patoloxías ou sexas maior de 60 anos NON determina directamente ese recoñecemento de persoal especialmente sensible polo que o primeiro paso que terías que dar segundo a guía elaborada pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é facer unha solicitude á persoa responsable da unidade (director/a ou xefatura) para que estude a túa vulnerabilidade ante o COVID19. Poderías utilizar os seguintes modelos:

  • Se traballas no ámbito sanitario ou sociosanitario: descargar.
  • Se traballas no ámbito non sanitario ou non sociosanitario: descargar.

A persoa responsable da unidade (director/a ou xefatura) realizará un informe sinalando o nivel de risco segundo o establecido no Anexo IV desa guía e daralle traslado ao SPRL para que o servizo médico poida determinar se o teu posto pode adaptarse ou pola contra deberán apartarte do servizo.

O médico ou médica especialista en medicina do traballo, avaliará a solicitude recibida, e solicitará ao/á traballador/a a documentación acreditativa da súa situación que resulte procedente.

Lembra que tal e como se indica na referida guía, o persoal que se inclúe coma grupo vulnerable é o que presenta algunha das seguintes doenzas ou situacións persoais: enfermidade cardiovascular/HTA; diabetes, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia; cáncer en tratamento activo, maiores de 60 anos ou embarazo.

É a guía que debe seguir todo o persoal da Xunta e que en definitiva ven a entorpecer e atrasar as baixas por risco de COVID19 a persoas especialmente sensibles (ir á nova referida).

Se tes menores ou maiores dependentes ao teu cargo pono en coñecemento da dirección ou responsable directo para que se poidan establecer quendas ou flexibilidades da túa xornada laboral.

Se onte comentamos que o acordo do Cecop do 5 de maio só mencionaba ao persoal administrativo e de limpeza dos centros de ensino e polo tanto os demais estaban eximidos de ir ao centro, hoxe mesmo, Educación emite unhas instrucións dando volta ao disposto.

A cuestión non é se o persoal debe incorporarse aos centros ou non, senón como vai ser a incorporación e con que garantías e criterios. Non pode ser que a dirección dun centro lle diga ao persoal que ten que facer determinadas horas de traballo presencial e que estableza un sistema de cita previa e que noutros centros baixo a mentalidade “presencialista” de moitos directores, o persoal estea por estar. E con isto nos referimos non só ao persoal subalterno senón tamén aos auxiliares e ao persoal de limpeza.

Na reunión da Xunta Autonómica de Directores varios directores presionaron á Consellería porque nas instrucións non se contemplaba a incorporación de todo o persoal non docente e a Consellería respostou que o venres no Consello da Xunta se podía decidir outra cousa. Non se decidiu, pero Educación si o fixo e deixa a incorporación ao criterio das direccións. Agora inclúen ao persoal subalterno.

A Consellería do Medio Rural ven de presentarnos un mini resumo do Plan de prevención de incendios forestais

Neste plan, que vai mañá ao Consello da Xunta, aparte da participación do persoal do SPIF nas tarefas de prevención de lumes trata as aldeas modelo con actividade gandeira intensiva para a xestion da biomasa, o plan de pastos e de silvicultura preventiva

Contido destacado no Plan e do resto de cuestións tratadas na xuntanza coa postura da CIG

CONTIDO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

CIG

Datas do Plan

Do 18 de maio ao 13 de xullo con avaliación semanal da continuidade do traballo a partires do 20 de xuño (risco de incendios)

Non é aceptable prorrogar o plan máis aló do 30 de xuño por entrar no periodo ordinario de alto risco, no que as tarefas prioritarias son vixiancia e extincion de lumes ( V Convenio)

Alugueiro de tractores para tarefas de desbroce en faixas primarias e secundarias

Opción de alugalos con ou sin condutor Ao final din valorar un sistema de superiores categorías mesturado coa prestación voluntaria por parte dos traballadores/as (non o deixaron aclarado)

Estamos a favor do alugueiro dos tractores pero o seu manexo ten que recaer en persoal da Xunta de Galiza por listas tractorista (III-064) e no seu defecto a superior categoría

Luces dos vehículos do servizo contra incendios

Habería dispoñibilidade inmediata para adquirir unhas 300 luces V1 provisionais, e nos seguintes pregos vehiculos incluiríanse de forma estructural

Aceptamos solución provisional. A CIG xa demandou en varias ocasións a súa implantación na Inspección de traballo

Adquisición de mascarillas

Teñen varias opcións para a súa adquisición. Van valoralas e recolleran a opinión das organizacións sindicais

Estudaremos as opcións no CSSL e pedimos que en todo caso se adapte á Avaliación de Riscos Laborais COVID

Formación en protocolos ante o risco polo COVID-19

Terán lugar na semana do día 11 de maio

Plan de formación previsto na Avalicion Riscos Laborais- CSSL. Non especifican quen a vai a impartir

Entrega de EPIS do persoal FD 6 meses

Semana do 11 de maio

Tratar no CSSL en base á Avaliación Riscos Laborais COVID19

Comunicacións e autorizacións de queima

A partires do día 11 de maio de xeito telefónico ou pola internet. Non presencial

Parecenos ben que non sexa de xeito presencial mentres haxa risco coronavirus

Prevención de riscos laborais

Ao final aceptan convocar aos Comités de Seguridade e Saúde a semana que ven

Existe un proceder caótico e tardío coa prevención de riscos laborais no SPIF. Non se fixo unha avaliación previa do risco biolóxico COVID19 nos postos de traballo, non se conta para nada co SPRL e grandes eivas nas medidas preventivas nos puntos de encontro

Vacacións durante o periodo do estado de alarma

Non as van a dar na primeira semana de traballo do persoal FD de 6 meses. Logo manifestan que poden poñer a metade das vacacións cando consideren

Opoñémonos a impoñer periodos de vacacións para o persoal no periodo do estado de alarma

 

Persoal especialmente sensible

Actúan acorde ao protocolo elaborado pola Xunta de Galicia para o recoñecemento coma persoal sensible

Estamos en contra deste protocolo posto que complica este procedemento. Ningúen agás médico/a do SPRL pode valorar risco saúde do COVID nas persoas vulnerables

Chamamentos para a cobertura de prazas

Non respostan

A CIG solicita a cobertura das prazas e que esta se faga polas listas actualizadas

 Na CIG seguimos reclamando que o SPIF sexa un servizo público, profesional, formado e por riba de todo que o persoal traballe de xeito SEGURO.

Nas próximas semanas está previsto que  comence a progresiva reincorporación presencial  de empregados públicos aos seus postos de traballo. O persoal do departamento provincial da AMTEGA en Ourense  está considerado como traballador de campo, dado que as súas funcións non son só administrativas. No seu traballo diario van presencialmente aos postos doutros empregados da Xunta para resolver incidencias técnicas.

Nestas intervencións acceden ao posto dos usuarios entrando en contacto co seu espazo de traballo e manipulando teclado, PCs, cables, monitores, impresoras.

A última Avaliación de Riscos dos traballos de campo da AMTEGA en Ourense é de xullo de 2017. Ante a emerxencia sanitaria do COVID-19 necesitan un protocolo específico para as intervencións técnicas e unha nova avaliación de riscos dos traballos de campo actualizada.

O persoal da AMTEGA en Ourense carece de medios de protección adecuados e suficientes para realizar as intervencións técnicas: luvas, mascarillas homologadas, xel hidroalcohólico, mamparas protectoras, etc.

Ademais no seu espazo de traballo actual non se gardan os 2 metros de distancia entre todos os postos de traballo.

Desde a CIG solicitamos a Xunta e a AMTEGA:

  1. Establecer un protocolo para as intervencións técnicas presenciais e realización dunha avaliación de riscos dos traballos de campo actualizada ao COVID-19
  2. Dotar ao persoal de AMTEGA dos medios de protección necesarios: mamparas protectoras, dispensadores de xel hidroalcohólico, EPIs (luvas e masacarillas homologadas), etc.
  3. Tomar as medidas organizativas necesarias para manter a distancia de seguridade entre os traballadores no centro de traballo.

Nas próximas semanas está previsto que  comence a progresiva reincorporación presencial  de empregados públicos aos seus postos de traballo. Desde o inicio do estado de alarma e debido á situación extraordinaria causada pola evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 moitos empregados públicos non renovaron o seu certificado dixital. Temos constancia de que moitos de estes empregados necesitarán renovar o seu certificado inminentemente.

Actualmente a renovación do certificados para toda a provincia de Ourense consiste nun trámite presencial que se realiza no Punto de Acreditación Dixital (PAD), localizado na Delegación da Amtega en Ourense, no Edificio administrativo, avenida da Habana 79, 6º andar.

Función Pública impón un protocolo de reincorporación ao traballo presencial do persoal ao servizo da Administración Autonómica. Exclúe aos ámbitos sanitario, sociosanitario, educativo e xudicial.

O primeiro borrador recibímolo ás 15h do luns 4 de maio. Tiñamos de prazo para presentar alegacións a un documento de 20 páxinas antes das 10h do mércores 6 (menos de 48 horas). Ese día a CIG presentou as alegacións, un documento de 20 páxinas froito dunha chea de horas de traballo de moita xente.

Moito interese non tiveron en querer saber o que tiñamos que dicir os sindicatos, pois só unhas horas despois de finalizar o prazo de alegacións dese mesmo día 6, xa tiñamos unha nova versión do protocolo e o día seguinte, xoves 7, enviáronnos o protocolo definitivo, sen ningunha xuntanza, sen ningunha negociación. A machado.

Como dixemos do documento previo, isto é unha chapuza. Non aceptaron ningunha das nosas alegacións. Deixa fóra a todo o persoal que non realiza exclusivamente tarefas administrativas. Poñemos en dúbida a súa efectividade. 

A destacar:

  • Inicialmente e como é lóxico non se reincorporará ao traballo quen teña síntomas de coronavirus ou quen estivese en contacto estreito con persoas afectadas por COVID 19. Terá que seguir as indicacións das autoridades sanitarias.

  • Teletraballo: poderá seguir nesa modalidade o persoal con menores a cargo ou maiores dependentes e as embarazadas se a súa situación persoal é incompatible coa flexibilidade da xornada laboral, pero na terceira fase terán que reincorporarse todos e todas ao traballo presencial.

    • O persoal empregado público que, con anterioridade á declaración do estado de alarma, contase con sistemas de teletraballo ou de flexibilidade horaria por conciliación autorizados, seguirán ostentando o dereito ao seu exercicio.

  • Primeira fase: desenvolverase en 2 semanas. Incorporarase o persoal que non pode teletraballar sempre que se cumpran as condicións de protección e seguridade esixidas e a distancia mínima de seguridade de 2 metros.

  • Segunda fase: desenvolverase en 2 semanas. O persoal cuxos postos de traballo non garantan a separación de 2 metros alternará a prestación presencial co réxime de teletraballo. Posibilidade de establecer quendas de traballo con preferencia para o persoal que teña menores ou maiores a cargo ou que conviva cunha persoa que estea dentro dos grupos considerados de risco.

  • Terceira fase: desenvolverase en 2 semanas. 

  • Salvo que criterios sanitarios obriguen a ampliación destes prazos, en 6 semanas todo o persoal se incorporará ao traballo presencial, incluído o persoal declarado especialmente sensible.

  • E a chantaxe final en forma de comisión de seguimento e grupo de traballo só para os asinantes.

Hai máis de 15 días que levamos instando á Consellería de Educación a que se sente a negociar a desescalada e non improvise a incorporación do persoal laboral e de administración xeral. En todo este tempo nin negociaron nin actuaron na toma de medidas preventivas fronte o coronavirus.

E agora, debido a decisión da apertura do prazo de matricula para o alumnado (decisión que tomaron na mesma Consellería), o persoal administrativo e de limpeza comezará a prestar servizos presencias a partir do vindeiro luns 11 sen ningún tipo de protección fronte o COVID:

  • A Consellería considera que con manter un distanciamento social de arredor de 2 metros é suficiente.

  • Considera innecesaria a colocación de mamparas (colocar unha mesa como obstáculo parece a medida máis acaída). O que non se aclara é como se recolle a documentación da matrícula dende tal distancia, ou como se lle poden dar indicacións aos usuarios.

  • Despois de que moitos centros cederan o seu material hixiénico e de limpeza, agora o panorama é que a Consellería non vai prover de luvas, nin de máscaras, nin de xel hidroalcohólico ao persoal, tendo en conta que no caso do persoal de limpeza isto é básico.

  • A nivel organizativo tampouco se adoptaron medidas, nin en como debe ser o acceso e o tránsito nas dependencias, nin se tratou de implementar un sistema de atención de cita previa que impidan a aglomeración de persoas.

  • En relación ao persoal de limpeza, tamén nega a necesidade de material de protección para as tarefas de limpeza e desinfección e non establece os protocolos necesarios para esta situación, remitíndose directamente ao acordo do Cecop.

  • E relacionado con isto, pensa a Consellería facer os test de COVID ao persoal de limpeza que estivo desprazado en residencias e centros de Política Social, antes de que entren en contacto coas compañeiras, alumnado, pais e nais ou demais usuarios e usuarias dos centros? Vai dotar a este persoal de EPIs?.

A CIG considera que o servizo que se presta nas secretarías é similar ao que se presta nun rexistro ordinario polo que as medidas que se teñen que tomar son as mesmas, e que as tarefas de limpeza e desinfección neste momento son de vital importancia e as traballadoras que as desempeñan deben estar máis protexidas ca nunca xa que se expoñen directamente ó virus e ademáis terán que empregar produtos de elevada toxicidade.

O persoal que polas súas condicións de saúde, idade ou embarazo pode ser considerado traballador/a sensible pola súa vulnerabilidade ao risco de contaxio ao coronavirus o ten aínda máis complicado nesta consellería. Para tramitar a baixa ou a adaptación do posto antes non tiñan nada previsto e, logo de apretarlles, recomendan acudir ao procedemento da Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, publicada no DOG do 17 de abril. Ao final con tantas voltas nen seguen o protocolo do Estado (mais sinxelo e directo) nin a guía. Na práctica a Consellería de Educación abandona a súa responsabilidade co persoal vulnerable poñéndoo en risco deliberadamente.

Tampouco ten en conta ó persoal que ten menores/maiores a cargo xa que non contempla ningún tipo de permiso ou conciliación ou teletraballo neste sentido.

Non chega con publicar uns consellos hixiénicos para o persoal en caso de pandemia como única actuación. A desidia da conselleira transfórmase nun desprezo á saúde dos traballadores e dos usuarios dos centros de ensino e coloca a esta consellería no número 2 do ranking de neglixentes despois de Política Social.

A Resolución do Cecop do 5 de maio fala de que a partires do luns 11 só se incorporará o persoal administrativo e o persoal de limpeza. O resto do persoal non docente NON TEN QUE INCORPORARSE. O persoal subalterno non esta incluido e non ten que incorporarse segundo palabras da conselleira e do secretario xeral técnico. 

Se tés algún problema na incorporación, pide a orde por escrito, e contacta coa CIG.

Outras novas recentes

Venres, 12 Decembro 2025

Escalas sanitarias (OEP 2025 e convocatoria 2022 a 2024); RPT APLU (para MSF 15/12/25)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa de Negociación de Persoal Funcionario para o luns 15 de decembro, para tratar os seguintes asuntos: Decreto de Oferta de Emprego Público 2025 das escalas sanitarias (Lei 17/89). Descargar (sen cambios respecto da xuntanza previa) Convocatoria de proceso selectivo de escalas sanitarias...
Mércores, 10 Decembro 2025

Escalas sanitarias: negociación da OEP-2025 e convocatoria de procesos selectivos (5/12/2025)

No relativo ao persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), o venres 5 de decembro asistimos a unha xuntanza convocada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para tratar a súa proposta de Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2025 e a convocatoria do proceso selectivo das prazas pendentes das OEP 2022, 2023 e 2024. OEP-2025 Sanidade propón...
Venres, 05 Decembro 2025

Comité de Seguridade e Saúde da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático (26/11/25)

O pasado 26 de novembro reuniuse o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, no que se trataron diversos asuntos, entre os que destacamos: Previsións formativas para o ano 2026 (Descarga) Urxe realizar a formación das titulacións que habiliten para a navegación con embarcacións ao que se comprometeu a presidenta do comité fai...