Novas por contido

Aínda que a palabra de Función Pública ten menos valor que unha moeda de 4 céntimos, imos publicar o que nos trasmitíu cando preguntamos polos procesos selectivos e concursos na Mesa Xeral do venres 14/02/2020. E cada quen que lle dea o veracidade que estime.

O director xeral condiciona estes procesos ás eleccions galegas do 5 de abril, ademais de anunciar cambios de titulares de departamento que di de “seguro van a afectar aos prazos previstos”.

  • Proceso selectivo persoal veterinario: Toma de posesión prevista para o 1º semestre 2020 en destino provisional (non será antes das eleccións do 5 de abril).
  • A2 libre a semana que ven “dará resposta”.
  • Promoción interna de corpos xerais, Funcion Pública anuncia as seguintes datas de publicación de listas:
    A2: 18 ou 19 de febreiro
    A1: Di que non é necesario xa que hai menos aprobados que prazas e que “o concurso de méritos non ten incidencia”
  • Oposicións libres-estabilización-consolidación a corpos xerais A1, A2, C1 e C2 e grupos I,II,III e IV, publicarán as listas provisionais de admitidos/as entre o martes 18 e mercores 19
  • Sobre o resto dos procesos selectivos pendentes e xa convocados o director xeral de Función Pública di que se irán publicando as listas provisionais en “absolutamente todos” e “sucesivamente” aos de corpos xerais.
  • As convocatorias de funcionarizacion anunciaos para o luns 17 con exames previstos para a primeira semana de maio.
  • Persoal subalterno e auxiliar de enfermería: exames previstos a partires de finais de abril ou comezos de maio.
  • Convocatorias da OPE social: anuncia exames para a 1ª quincena de xullo


Concursos de traslados:

Concurso corpos xerais: Anuncia a inclusión de prazas novas entre a “semana que ven e a seguinte” e xustifica a lentitude de Funcion Pública pola prioridade que dá á fase de concurso de méritos da promocion interna xa que dí “é mais urxente”

Concurso de traslados ao persoal veterinario: solicitamos resposta das alegaciòns e di que a partir da semana que vén “mirarán” de continuar coas bases.

As catro organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral e asinantes do acordo sobre dispoñibilidade horaria do persoal farmacéutico inspector de Saúde Pública, presentamos en novembro un escrito solicitando a constitución da comisión paritaria de seguimento de dito acordo. Hai que destacar que dende a sinatura do acordo en 2016 esta comisión nunca se reuníu. Como non tivemos resposta decidimos acudir á Inspección de Traballo. 

No escrito facíamos constar as seguintes cuestións:

1.- O día 23 de novembro de 2016 asinouse un acordo sobre dispoñibilidade horaria do persoal farmacéutico inspector de saúde pública, entre a Consellería de Sanidade e as catro organizacións sindicais (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

2.- Dita dispoñibilidade horaria ten por obxecto dar cobertura ás situacións de urxencia que demanden unha actuación administrativa inmediata, por mor do acaecemento ou da probable exposición da poboación, ou dunha parte dela, a un risco inminente para a saúde.

3.- A actuación por mor dunha situación de risco grave e inminente para a saúde debe resultar debidamente motivada, e a administración comunicará estas actuacións á representación sindical a través da respectiva xunta de persoal.

4.- Dende novembro de 2016 hasta hoxe en día, producíronse distintas situacións de urxencia que demandaron actuacións por parte dos inspectores farmacéuticos en base a este acordo de dispoñibilidade.

Non hai constancia de que a administración motivara debidamente estas actuacións, nin que as comunicara á representación sindical a través das respectivas xuntas de persoal.

5.- No punto quinto do acordo, afírmase que:

“Constituirase unha comisión paritaria de seguimento deste acordo, para tratar calquera problemática ou discrepancia relacionada coa dispoñibilidade horaria dos farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública, composta por catro membros en representación da Consellería de Sanidade e catro membros en representación das organizacións sindicais asinantes. Esta comisión reunirase unha vez ao ano, así como cando concorran circunstancias extraordinarias que o motiven, por petición de cada unha das partes asinantes do acordo”.

6.- Dita comisión paritaria nunca se constituíu: nin no ano 2017, nin no 2018, nin no 2019.

En consecuencia de todo isto, a CIG, CCOO, UGT e CSIF solicitamos:

Que a Consellería de Sanidade convoque de forma urxente á comisión de seguimento do acordo de dispoñibilidade horaria do persoal farmacéutico inspector de saúde pública, asinado o 23 de novembro de 2016.

A EGAP publica no DOG Núm. 32 do  luns, 17 de febreiro de 2020 a Resolución pola que se convocan cursos de prevención de riscos laborais, nivel básico, para persoal empregado público e outros colectivos.

Os cursos serán realizados mediante a modalidade de teleformación, e serán os seguintes:

  • Prevención de riscos laborais. Nivel básico. Issga (60 horas de duración).
  • Prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre-nivel básico (60 horas de duración).

O prazo de presentación de solicitudes será do 18 ao 27 de febreiro de 2020 mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula.

Na xuntanza que tivo lugar o 11 de febreiro coa Dirección Xeral de Defensa do Monte e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural (xuntanza á que non acudiron nin CCOO nin UXT) comunicóusenos que o persoal fixo descontinuo de 6 meses do SPDCIF comezaría o seu período de traballo nalgún momento entre finais de marzo e finais de abril dun xeito escalonado, traballando 6 meses consecutivos independentemente da data de entrada. Todo isto sempre e cando as condicións metereolóxicas e a carga incendiaria o permitan. Asemade, que o persoal fixo descontinuo de 9 meses comezaría o 1 de marzo.

A postura da CIG a este respeito foi a mesma de sempre. Entendemos, e así o manifestamos na xuntanza, que a temporalidade mínima de todo o persoal do SPDCIF ten que ser de 9 meses, xa que é a única opción que garante a estabilidade e saída da precariedade laboral e o pleno desenrolo de todas as capacidades do servizo de incendios, coma un servizo de prevención estratéxica e de emerxencias. Asemade, é a temporalidade mínima para o persoal fixo descontinuo do servizo de incendios, recollida no V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, e facilitaría a implantación axeitada de todos os dereitos recollidos neste (tanto os vixentes coma os suspendidos) e un plan de formación axeitado para todo o persoal.

Por parte da CIG deixamos constancia de que a entrada escalonada do persoal de 6 meses podería acarrear problemas e complicacións (por nós que non quede).

No tocante á entrada do persoal fixo descontinuo de 9 meses, dicir que estamos dacordo en que a entrada en datas anteriores ao 1 de marzo podería supoñer certos problemas. Así o manifestamos e a Consellería ao final vai respetar o acordo verbal que existía de preaviso de 15 días para este persoal, polo que a data de inicio será do 1 de marzo.

Así pois, na CIG seguiremos a loitar pola estabilidade e a saída da precariedade de todo o persoal e polo verdadeiro aproveitamento de todas as capacidades do SPDCIF.

Mentres Feijoo se congratula nos últimos días con notas de prensa fardando de subas salariais. A realidade para as traballadoras da Xunta é ben distinta. Estes incrementos retributivos non se lle aplican se están en IT ou de baixa por maternidade. Está situación agrávase para persoal de Consorcio, pois a perda podería chegar a ser do 20% nalgúns casos.

Esta é a política de Feijoo para aumentar a natalidade: roubarlle os atrasos dos incrementos retributivos ás traballadoras.

Estase a producir un grave prexuízo ás traballadoras que se atopan na situación de licenzas por enfermidade ou incapacidade temporal e as que se atopen en situación de permiso por parto, nacemento, acollemento ou adopción dun fillo. Nestes casos os incrementos retributivos durante a baixa (trienios, acordos retributivos, carreira profesional ..) non repercuten na nómina. É dicir, que as retribucións en Incapacidade quedan conxeladas ao instante inicial da baixa.

Así, para unha traballadora que iniciase unha IT en decembro de 2019 e se reincorporase ao seu posto en decembro de 2020 a perda retributiva supón:

  • No caso do persoal da Administración Xeral unha perda entre 382,2 euros aos 822,3 euros.
  • No caso do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar neste ano 2020 debería aplicarse a anualidade correspondente ao acordo asinado en 2017 para a equiparación coas condicións retributivas do persoal laboral da Xunta de Galiza, así que implicaría un perda salarial anual de entre 812,9 e 1.268,8 euros.

En resumo, todas estas empregadas públicas deixan de percibir estes incrementos ademáis do 2% derivado do establecido na normativa básica como suba para o 2020.

A sentenza STSJ GAL 8025/2016 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece o dereito das traballadoras en Incapacidade temporal a percibir as as cantidades atrasadas correspondentes aos incrementos retributivos producidos durante o período de IT. Así o recoñece tamén a sentenza STSJ CL 1554/2019 do Tribunal Superior de Xustiza.

A pesares disto, a Xunta de Galiza non está a abonar as cantidades atrasadas correspondentes a estes incrementos retributivos.

Desde a CIG acabamos de solicitar a Xunta que cumpla as sentenzas do tribunais e pague de oficio os atrasos das subas retributivas tal e como xa levamos solicitando dende hai tempo.

Feijoo deixa de roubarlle o pan ás crianzas das traballadoras da Xunta!

No DOG núm. 28  do martes, 11 de febreiro de 2020 publícase o “DECRETO 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.” No mesmo DOG publícase o “DECRETO 14/2020, do 10 de febreiro, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, os/as xuíces/zas de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, así como o persoal da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020.”

Nestas eleccións autonómicas, ao igual que nas do ano 2012 e do ano 2016, a Xunta vai organizar o dispositivo de desenvolvemento da xornada electoral do día 5 de abril maioritariamente con empregadas e empregados públicos cando tiña a posibilidade de chamar a persoas desempregadas a través das oficinas de emprego.

Nas convocatorias anteriores todo o proceso selección de persoal revestiu de escurantismo e falta de publicidade: nalgunha consellería en servizos centrais mandaron correos ao persoal; nas delegacións territoriais, cada unha fixo á súa maneira, nalgunhas dándolle algo de difusión, noutras chamando directamente a persoas “amigas”. A maior parte do persoal da Xunta non foi informado da posibilidade de participar nestas tarefas.

Desde a CIG acabamos de solicitar que a selección de persoal colaborador se faga entre as persoas en situación de desemprego, usando criterios obxectivos (cargas familiares, renda, antigüidade como desempregado) e se lle dea a publicidade adecuada.

En breve comenzan as obras de mellora da eficiencia enerxética no Edificio Administrativo Xunta de Galicia da Avda. da Habana, 79 de Ourense.

Estas obras consisten na instalación de luminarias con tecnoloxía LED, substitución da caldeira de calefacción existente e colocación de dobre ventá con vidros illantes en todo o edificio.

O martes 4 de febreiro participamos na Comisión de Persoal na que se aprobaron as bases dos procesos selectivos da escala de veterinarios/as, o proceso extraordinario de consolidación da categoría de titulado superior veterinario, os procesos de funcionarización e outras cuestións que poden ser do teu interese no punto de rogos e preguntas. 

CONVOCATORIA DOS PROCESOS DE FUNCIONARIZACIÓN DO PERSOAL LABORAL FIXO

A CIG non se opón a que todos os traballadores e traballadoras teñamos os mesmos dereitos, obrigas e vínculo coa empresa. Pero non así, non deste xeito chapuceiro. 

O persoal laboral fixo (que no seu día xa superiou o correspondente proceso selectivo), non temporal nin indefinido, vai ter que pasar por un proceso chapuceiro grazas ao Acordo de concertación que pactaron a Xunta e os sindicatos CCOO e UGT, pois vai ter que decidir se quere ser funcionario sen certeza da súa situación salarial e sen que primeiro puidese participar nun concurso de traslados e nun proceso de promoción interna como persoal laboral tal e como manda o Convenio. E todo isto baixo a chantaxe de non cobrar a carreira profesional se non acepta pasar a funcionario (ata que o recurso da CIG ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pendente de vista, nos dea a razón).

No DOG do día 4 de febreiro, publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza, agás o persoal que presta servizo en: centros docentes da Consellería de Educación, centros dependentes do SERGAS, e persoal de entes públicos e fundacións.

A inscrición realizarase de forma telemática a través do PORTAX (Portal do Empregado Público da Xunta de Galiza) ou do OPAX (Oficina virtual do persoal da Adminsitración de Xustiza).

O prazo de inscrición rematará transcorridos 2 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

O día 24 de xaneiro a conselleira de Política Social, na rolda de prensa posterior ao consello da Xunta no que se aprobou a Lei de impulso demográfico de Galicia, anunciou a implantación de axudas para a creación de “mini escolas infantís” nos centros de traballo das empresas privadas.

A conselleira afirmou que “Ese tipo de subvenciones no están incluídas dentro del texto legal, sino que figura como una de las medidas nuevas en que trabaja el departamento de cara a paliar la crisis demográfica...”

Outras novas recentes

Venres, 05 Decembro 2025

A CIG alerta de que a falta de protocolos en Medio Ambiente pon a Galiza en risco real ante a peste porcina africana

A CIG-Autonómica denuncia ante a presidenta do Comité de Seguridade e Saúde Laboral que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático carece de protocolos claros, formación actualizada e medidas de bioseguridade para a manipulación, traslado e almacenamento de fauna salvaxe morta, pese ao risco real de transmisión de enfermidades como a peste porcina africana (PPA) ou...
Venres, 12 Decembro 2025

Escalas sanitarias (OEP 2025 e convocatoria 2022 a 2024); RPT APLU (para MSF 15/12/25)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa de Negociación de Persoal Funcionario para o luns 15 de decembro, para tratar os seguintes asuntos: Decreto de Oferta de Emprego Público 2025 das escalas sanitarias (Lei 17/89). Descargar (sen cambios respecto da xuntanza previa) Convocatoria de proceso selectivo de escalas sanitarias...
Venres, 12 Decembro 2025

Proposta de modificación da RPT de Presidencia da Xunta de Galiza

O vindeiro martes, día 16 de decembro, fomos convocados para a negociación da proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia. Trátase dunha modificación de RPT que afecta unicamente a 4 postos. Propoñen a amortización dunha xefatura de sección de biblioteca, tres postos nos que propoñen modificacións e a...