Novas por contido

A CIG decidiu ratificalo, non porque sexa o mellor protocolo posible, senón para poder seguir traballando con el, ter a oportunidade de amplialo e controlar a súa aplicación para evitar males maiores.

O Protocolo de reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID19 foi aprobado polo Consello da Xunta, e ratificado polos sindicatos integrantes da Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT). Aínda así persistimos na nosa critica de falla de negociación: podía terse feito antes e podía ser moito mellor.

De feito na súa última versión crea unha comisión de seguimento para vixiar e negociar as eivas que ten pola súa precipitación e por non ter tempo a reflexionar sobre todas as demandas que lle presentamos.

Dende o minuto un, aportamos melloras e alegacións, e criticamos os borradores que nos propuxeron coa finalidade de forzar á Xunta a cambialo. Incluso o último día, cando nos anunciaron que era definitivo, consideramos que tiñamos que seguir mantendo a presión para que aceptaran as últimas modificacións.

A Xunta quere unha volta a normalidade canto antes para o que non tivo en conta a posibilidade de contaxio por persoas asintomáticas e deixou fora outras medidas que recollen outras administracións, como o horario reducido ou medidas específicas para o transporte e aparcadoiros.

Entendemos que baixar o risco de contaxio a cero con actividade, é imposible; pero a nosa organización sindical leva traballando activamente dende o comezo de marzo esixindo medidas contra esta pandemia cunha actitude construtiva e responsable mentres a Xunta asubiaba como se non fose con ela. En multitude de ocasións tivemos que denunciar ante o Ministerio de Sanidade, a Inspección de Traballo e a Subdelegación de Goberno.

Agora elaboran un documento improvisado que se comprometen a mellorar coas organizacións asinantes. Xa avisamos de que sen avaliacións de riscos laborais e plan preventivo específico por centro e actividade non hai volta ao traballo segura. E que ten que abranguer a toda a administración, xa que este é un protocolo que se cingue basicamente aos edificios e centros de traballo meramente administrativos.

Porén recoñecemos que neste último protocolo de desescalada e medidas xerais a Xunta acepta achegas da CIG e mellora sensiblemente o texto inicial de forma que:

1. As medidas preventivas fronte o COVID19 que se propoñen son de carácter xeral sen prexuízo das adaptacións, protocolos concretos para funcións e postos non administrativos. 

2. Non substitúe a necesidade de avaliacións de riscos laborais dos centros e postos de traballo fronte o COVID19 que complementen estas medidas.

3. Aumenta a consideración de teletraballo ao despacho ordinario de asuntos dende o domicilio particular (incluso sen medios telemáticos). 

4. O persoal recoñecido como especialmente sensible non terá que reincorporarse ata a terceira fase (agás que nesta fase estea de  baixa).

5. O teletraballo xa non é a última opción. Prorrogase o teletraballo que se viña facendo ata o de agora polo motivo do coronavirus (na fase 1 e 2). Ábrese unha mesa de negociación do teletraballo.

6. O servizo de prevención de riscos laborais pasa a ter un papel máis activo ao ter que comprobar as medidas e informar con carácter previo. Tamén se dará conta aos comités de seguridade e saúde laboral.

7. O persoal será consultado ante a posible reordenación de quenda de traballo nestas fases. Terán preferencia o persoal con convivintes de risco ou fillas/os e maiores a cargo.

8. Incorpórase a revisión entre fases por criterios sanitarios da autoridade competente. 

9. O acceso as dependencias administrativas será de xeito individual e con carácter xeral baixo un sistema de cita previa.

10. Separación de equipamentos e baños de uso público e empregados/as públicas e hixienización.

Aínda así o protocolo ten eivas que requiren ser vixiadas e emendadas. Unha delas é que segue deixando a decisión da incorporación do persoal de moitos centros, como por exemplo os de ensino, en mans de cada dirección. É certo que iso o estableceu o goberno español con carácter xeral, pero iso non significa que non se poida regular. Neste sentido a primeira tarefa na comisión de seguimento é que todas as consellerías acepten, a pesares das súas particularidades, un criterio común, e a incorporación se faga cos mesmos criterios que no resto de dependencias administrativas, aínda que se adapten ás circunstancias destes centros.

E finalmente o que valoramos en primeiro lugar é a saúde dos traballadores e traballadoras, e si incluso con eivas este protocolo servía para implementar medidas organizativas e de protección adecuadas, aínda que fosen mellorábeis. Cremos que non nos equivocamos pedindo que se poña en marcha, pero tendo as reservas que por responsabilidade se nos esixen para ser vixiantes do seu cumprimento, promovendo á vez as melloras que sexan posíbeis.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...