- Detalles
No DOG do 08/05/2023 publican a Orde do 26 de abril de 2023 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galiza do persoal laboral fixo procedente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (código de procedemento AP100A).
Poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galiza o persoal laboral do CGSIB, sempre que reúna os seguintes requisitos:
a) Ter formalizado un contrato laboral fixo coa entidade de procedencia, celebrado despois de ter pasado un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade.
b) Ter a titulación establecida no anexo II e cumprir os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galiza.
c) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.
A solicitude de integración dirixirase á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude e realizarase no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no DOG, segundo o modelo de solicitude que se xunta no anexo I.
O posto de traballo ao que se adscriba o persoal interesado será o mesmo que viña desempeñando no momento da solicitude de integración ao abeiro do correspondente contrato de traballo como persoal laboral fixo da entidade de procedencia.
As notificacións electrónicas recibiranse pola sede electrónica da Xunta de Galiza e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, con avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.
O persoal laboral fixo do CGSIB que non solicite a súa integración ou, unha vez solicitada, renuncie voluntariamente a ela, así como as persoas solicitantes que non cumpran os requisitos para que aquela se produza, manterá o réxime xurídico do persoal ao servizo do Consorcio establecido nos seus estatutos adicional terceira e no ordenamento laboral.
- Detalles
Na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 05/05/23 obtivemos a seguinte información.
Calendario dos exames: nos vindeiros días publicarán na web de FP o calendario dos 92 procesos selectivos que están convocados e que foron ao Consello da Xunta de onte. As datas son orientativas, os exames nunca van ser antes desa data.
Tribunais procesos selectivos: nos vindeiros dous meses publicarán os tribunais que están pendentes.
Listaxes definitivas de admitidos/as dalgúns dos procesos selectivos cuios exames van ser en xuño-xullo: Sairán tamén nos vindeiros días.
Procesos de estabilización de concurso-oposición e de concurso de méritos:
- Na semana que vén ou na seguinte informarán de cando van saír as listaxes de admitidos/as.
- A idea de FP é rematar os procesos de libre o antes posible, logo o concurso de méritos e finalmente o concurso-oposición da lei 20-21.
- Di Función Pública que teñen que comezar a facer os exames da estabilización da lei 20-21 coa maior prontitude porque son moitos procesos e en decembro de 2024 ten que estar todo rematado.
Concurso de traslados dalgunhas escalas: iranse tramitando paralelamente aos procesos selectivos. FP non se atreve a dicir cales.
PI horizontal (funcionarización) do persoal laboral que obtivo praza nos últimos procesos selectivos: intentarán ter negociadas as bases antes das vacacións de verán, falan de xuño.
PI das últimas OEPs: negociación das convocatorias en setembro.
Previsión do remate dos proceso de auxiliares de enfermería: houbo catro renuncias, polo que o tribunal ten que tirar da lista de aprobados e abrir un novo prazo para presentar a documentación. Agardan que non haxa máis incidencias
Proceso selectivo de gardacostas: pendente da baremación da fase de concurso.
Proceso selectivo de bombeiros forestais: di FP que houbo sobre 400 reclamacións, polo que non pode dar polo de agora un prazo aproximado.
Prazo extraordinario da carreira profesional: valorarán abrir un novo prazo para aquelas persoas que por diferentes motivos non poideron solicitala no período anterior.
- Detalles
A enquisa que di que é “non vinculante” marca salarios e funcións individualizando as condicións de traballo e condicionando unha posterior negociación colectiva na que se garantan os dereitos laborais.
A Consellería do Medio Rural pretende a división do persoal funcionario, axentes e técnicos, en dúas direccións xerais mudando o sistema e carga de traballo e a estrutura territorial e funcional, rebaixando salarios e empeorando as condicións de traballo.
A nova estratexia da Consellería do Medio Rural: enviar unha enquisa ao persoal para saltarse a negociación colectiva
Xa avanzamos o rexeitamento da enquisa por parte da CIG, que sinala condicións laborais e funcións sen terse aberto sequera un proceso de negociación onde se traten as bases da reestruturación: a carga de traballo, a distribución territorial e os dereitos laborais. Coa enquisa, Medio Rural individualiza as condicións laborais dos postos, con rebaixas salariais para que nos pelexemos entre compañeiros: e así somos máis febles.
Persoal a dispor a cambio de migallas
Xa nos consta que Medio Rural ten a persoal seducido coa promesa dunha nova especialización no servizo de incendios. O fin xustifica os medios, e todo lles vale para crear unha nova elite ao servizo directo e permanente das direccións xerais.
Abandonados dende hai anos e agora veñen cunha reestruturación dos distritos
Sen concursos, sen regulamento, sen convocar oposicións, sen avances no grupo B e pretenden impoñer unha división cargándose os Acordos de condicións de traballo vixentes.
POR QUE A CIG REXEITA A ENQUISA E AS RAZÓNS POLAS QUE NON DEBES FACELA
1. Queren confundirnos para que pensemos que as condicións que poñen na enquisa son definitivas e que foron negociadas.
2. Pretenden individualizar as relacións laborais. Se respostas a estas validando. Esta actuación da consellería é unha práctica antisindical que pretende cargarse a negociación colectiva vulnerando este dereito fundamental previsto nas leis e regresando o século XIX.
3. Non aportan as organizacións sindicais unha proposta de reestruturación coa información básica necesaria: datos de carga de traballo, distribución territorial e funcional, mobilidade, centro de referencia, un plan de emprego que garanta a viabilidade dos postos e do persoal que os ocupa así como o dereito ao salario íntegro e a localidade de adscrición dos postos.
4. A enquisa marca unhas condicións laborais que van en contra do disposto nos Acordos de condicións de traballo do persoal técnico e axentes ambientais que conseguimos tras a folga e loita en unidade.
- Detalles
O día 3 de maio tivemos a segunda reunión coa Consellería do Medio Rural para a creación das brigadas helitransportadas no servizo de incendios forestais.
Dos cambios feitos pola consellería destacamos:
1. Crean 50 prazas de persoal de brigadas helitransportadas que estarán operativas este verán. Tendo en conta o proceso de funcionarización actual, vanas cubrir mediante comisións de servizos e de non poder cubrirse todas mediante este sistema, farán os chamamentos polas listas de laborais da categoría correspondente de orixe (dáse por feito que non vai haber listas de persoal funcionario operativas para primeiros de xuño. Os chamamentos serán de aceptación voluntaria.
2. Con respecto ao persoal emisorista, o persoal que ocupa as prazas prestará servizo na base da helitransportada durante o período de funcionamento do helicóptero, e no centro de coordinación de distrito correspondente o resto do tempo.
3. Aceptan corrixir o centro de traballo, as prazas adscríbense ao distrito coa comarca e concello correspondentes.
4. Para acceder haberá que superar a proba física Pack Test consistente en camiñar 4.800 metros sobre terreo chan cun peso de 20 kg. ás costas, nun tempo máximo de 45 minutos. Retiran do documento o requisito de proba anual á espera dunha negociación no ámbito axeitado.
Dende a CIG manifestamos o seguinte:
• Valoramos de xeito positivo a creación de emprego público máis entendemos que esta proposta podería ser mais ambiciosa e rescatar ao resto das brigadas helitransportadas para á xestión pública.
• Rexeitamos a arbitrariedade da cobertura mediante comisións de servizos. Propoñemos, coma sempre, criterios obxectivos de adxudicacións nas comisións de servizo polo menos como coas adscricións temporais do V Convenio.
• Opoñémonos ás amortizacións. Esiximos unha memoria económica mais completa que compare o emprego neto destruído na privada e o seu custo, co emprego neto creado na pública.
• Parécenos máis axeitada a nova distribución nos centros de traballo de destino.
• Solicitamos que se estableza unha negociación para regular os desprazamentos do persoal emisorista a dous centros de traballo diferente (itinerancias) e as súas compensacións.
- Detalles
O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que terán lugar o venres 05/05/23, coa seguinte Orde do día:
- Relación de Postos de Traballo de Infraestruturas e Mobilidade. Descargar
- Relación de Postos de Traballo de Amtega. Descargar
- Detalles
A Consellería de Medio Rural convocounos a unha segunda xuntanza para o día 3 de maio, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT) pola creación de postos adscritos ás brigadas helitransportadas. Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.
Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG.
- Detalles
A Xunta retira a cláusula ilegal sobre suspensión de contratos das escolas infantís de cero a tres anos da Axencia Galega de Servizos Sociais.
A CIG presentara conflito colectivo ante o TSXG polas suspensións de contrato ao persoal substituto nos períodos vacacionais no que pechan as escolas infantís, tanto da Axencia (pendente de celebrar o 29 de xuño) como do Consorcio.
Unha vez celebrado, e gañado, o conflito do Consorcio, que declara nula esa cláusula contractual, a Consellaría de Política Social retira xa dos contratos a dita cláusula. As compañeiras, tanto da AGSS como do Consorcio, xa non poden ser suspendidas de contrato nos períodos vacacionais.
Nas escolas infantís da rede pública de cero a tres anos, a Administración galega castigaba ao persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período vacacional, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.
A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.
Agora, o TSXG ditamina que a dita cláusula é nula:
“...3º) -A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución da/o traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregador/a adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por opoñerse a normas de dereito necesario.
4º) As persoas traballadoras afectadas pola aplicación desa cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacións e festas escolares das Escolas Infantís, sempre que ese réxime sexa o que se lle aplicaría á persoa traballadora substituída. Condenamos á parte demandada a estar e pasar polo declarado.”
Agora, as traballadoras e traballadores poden reclamar as cantidades económicas que deixaron de percibir no último ano e que lle regularicen as cotizacións da seguridade social dos últimos cinco anos.
Se estiveches nesta situación, ponte en contacto coa CIG !!
- Detalles
Medio Rural prepara unha enquisa que di que é “non vinculante” para tantear ao persoal fixando salarios e funcións e condicionando unha posterior negociación colectiva.
A Consellería do Medio Rural non concreta a proposta xerando confusión e incerteza. Divide ao persoal funcionario, axentes e técnicos, en dúas direccións xerais mudando o sistema e carga de traballo e a estrutura territorial e funcional.
Comezar a casa polo faiado, obviar a negociación colectiva, saltarse as normativa e que o fin xustifique os medios é xa algo case habitual nesta consellería. Confrontamos esta actitude e rexeitamos unha enquisa que xa sinala condicións laborais e funcións sen terse aberto sequera un proceso de negociación onde se plantexen as bases da división, a carga de traballo ou a distribución territorial. Medio Rural individualiza as negociacións cunha enquisa chea de arbitrariedades e que converte o persoal en persoal a dispor da dirección xeral correspondente (iso si “dacordo coa persoa que vai ser mobilizada porque aquí somos todos amiguiños”).
A mobilidade: a dedo?
Sen concurso de traslados dende o 2012, sen procesos selectivos dende o 2013 e cunha alta porcentaxe de persoal interino, agora queren mover ao persoal ao gusto do consumidor e sen concurso. Isto nin e serio nin é legal, e para máis deixanse gardada a posibilidade de mobilidades posteriores ao dispor das direccións xerais.
Se teiman na división, non se pode facer ás bravas, hai que facer un plan de emprego no que se estableza unha provisión dos postos obxectiva e deixarse asignacións a dedo.
O salario e as condicións laborais están en cuestión
O salario é importante, e moito. Pero tamén o son as condicións de traballo, a carga de traballo, a distribución funcional e territorial deste e por suposto a organización habitual e de “picos extraordinarios”. E se ten que pór sobre a mesa todo e logo comezar a negociar.
Na enquisa sinalan as condicións laborais porque se respostamos=aceptamos e xa non teñen que discutilas e como, xa imos estar divididas, teremos menos forza, e ademais trae repercusión salarial á baixa pero solo para a metade. A realidade e que con isto cárganse os Acordos de condicións de traballo do persoal axente e técnico.
A posición da CIG
A CIG reclamamos a negociación dun Plan de emprego, como se fixo noutros casos de peche ou mobilidade de centros, onde se respecten os dereitos do persoal.
Que retiren a enquisa e se poñan a negociar é a nosa alegación principal, pero se queres achegarnos máis cuestións contacta cos teus delegados/as de referencia ou faino aquí.
- Detalles
A CIG ten solicitado en numerosas ocasións a implantación do grupo B na nosa administración, pero a Dirección Xeral de Función Pública fai mutis sobre o asunto e mantén a rebaixa profesional de varias escalas incumprindo o EBEP e os seus propios Acordos
A Xunta mantén sine die a rebaixa profesional das escalas de persoal funcionario que, segundo o EBEP, deberan estar no grupo B, xa que se lles esixe para o ingreso un grao superior de formación profesional. A realidade é ben triste, e máis de 15 anos despois seguimos sen grupo B nos corpos xerais e especiais da Administración Xeral da Xunta de Galiza.
Función Pública, para negar o B nun principio argumentou a necesidade dunha regulación estatal, e como o razoamento non se sostiña, meteu unha excepción na LEPG para que as escalas de axentes técnicos ambientais e de delineantes queden na practica no C1. E todo isto fíxoo a pesar de que asinou no 2016 un Acordo de promoción interna para que os/as axentes ambientais puideran promocionar ao grupo B. Ao persoal delineante, (debe ser porque son poucos/as) simplemente os ningunea e nin se digna a respostar, como sucedeu na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 17 de marzo cando dende a CIG preguntámoslle especificamente polo mantemento absurdo da exclusión do B mencionando expresamente como exemplo ao persoal delineante do Concello da Coruña que estaban a tomar posesión neste grupo.
E agora repítese a rebaixa profesional facendo equivalencias á baixa como é o caso dos/as xefes de cociña ou dos/as oficiais de primeira a quen se lles esixiu o grao superior para o acceso á condición de laboral fixo e agora os/as sitúan directamente no C1. Ou anulándoo “de facto” como fai coas escalas de xefe/a de brigada de incendios forestais. E nesta dinámica algúns dos graos medios vense afectados e “en coherencia” son rebaixados ao C2.
Para a CIG non hai xustificación posible que manteña esta rebaixa profesional na Xunta, xa que concellos e deputacións da Galiza xa teñen persoal no grupo B. Outros sindicatos piden o B por un lado mentres asinan equivalencias rebaixadas por outro, o que lle vale a Función Pública para escudarse neles e adiar o asunto e non cumprir o Estatuto Básico do Empregado Público que creou o Grupo B no ano 2007. Non nos rendemos e volveremos insistir ata que morran da vergoña.
Ata cando a Administración autonómica vai seguir a negar o grupo B? Que se cumpra a Lei e que se respecte a titulación profesional do persoal da Administración pública galega.
- Detalles
No DOG do 28/04/2023 publican a RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galiza polo que se autorizan os criterios de repartición e convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2022, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.
Este acordo ten por obxecto aprobar os criterios de repartición e a convocatoria do Fondo de Acción Social do persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza relativo á axuda para a atención de persoas con discapacidade correspondente ao ano 2022.
O importe da axuda será de 2.160 € por causante, con rateo da dita cantidade para o caso de que o recoñecemento ou cualificación da discapacidade se producira con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 ou a convivencia non se mantivera durante todo o exercicio. A axuda aboarase na conta consignada para o ingreso da nómina.
Poderán solicitar a axuda do Fondo de Acción Social os empregados que prestaran servizos durante o ano 2022 nalgún dos órganos ou entidades a que se refiren as letras a) e c) do artigo 4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza, e que teñan a condición de:
a) Persoal funcionario de carreira ou persoal funcionario interino, incluído o persoal docente.
b) Persoal laboral do V Convenio colectivo único que se atope nalgunha das seguintes situacións:
– Que teña a cargo un causante cun grao de discapacidade igual ou superior ao 75 % e con rendas superiores a 13.510 € anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración.
– Que cumpra os requisitos para ser beneficiario desta axuda e se lle denegara a prevista no artigo 35 do V Convenio colectivo.
– Que estivese adscrito a un posto de natureza fixa descontinua, caso en que terá dereito a percibir a parte proporcional da axuda correspondente aos períodos de inactividade.
c) Profesores de relixión.
A solicitude será única, con independencia do número de causantes con discapacidade polos que se solicita a axuda, e xerarase de forma telemática desde a internet: http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm
Presentarase dentro do prazo dos dez días hábiles seguintes ao da publicación desta convocatoria no DOG no rexistro ou de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/ portada) mediante o trámite de solicitude xenérica, a través do servizo PR004A –presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado– e dirixiranse á Consellaría de Facenda e Administración Pública, unidade da Dirección Xeral da Función Pública.
No obxecto do asunto indicarase: convocatoria do Fondo de Acción Social do ano 2022. Xunto coa solicitude achegaranse tamén as copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos que se aleguen.