Despois do acontecido o mércores 27 na comisión de seguimento do Protocolo de incorporación ao traballo na Administración xeral da Xunta de Galiza, o señor director xeral de Función Pública ven de anunciar que pola súa incapacidade, obstinación e pasotismo na adopción de medidas para ampliar o teletraballo, vai inaugurar (para eso estamos en eleccións) unha GRAN GARDERIA (que non escola infantil) no hall da segunda planta da Consellería de Presidencia (si, case xusto diante do seu despacho).
Alí, como non, haberá unha gran recollida de fillos e fillas do persoal funcionario e laboral que vai ter que voltar ao seu posto de traballo, pese a que pode facer as súas funcións dende a casa, como o viñan facendo ata agora. Isto é porqué o señor Barreiro vai contratar un gran circo cheo de equilibristas, paiasos, contadores de contos, homes-bala, funambulistas, magos enganadores e todo aderezado como non podía ser doutro xeito dun grande concurso.
Así animamos a todo o persoal que a finais de xuño cando remate a terceira fase, xusto ás 8.00 da mañá acudan a San Caetano que se encherá de nenas e nenos que farán un ambiente festivo e infantil en todas as instalacións e todo gracias ao señor Barreiro e tamén ao señor Feijoo (que pode pasarse por alí a repartir algunha papeleta).
Tamén non nos esquecemos dos nosos maiores que como non van poder quedar sós nas casas, van ter un centro de día diante do despacho da conselleira Fabiola.
Ou sexa que non falte ninguén!!!!!
E agora rematamos a brincadeira e poñémonos serios: a CIG apostou por darlle unha marxe de confianza a este home (Barreiro dixit) pero ese marxe rematou e agora só ten dúas saídas: ou recua e aposta polo teletraballo como fixo o Estado ou mesmo o ensino, ou teremos que rachar o Acordo e mobilizar ao persoal que terá que escoller entre fillos ou traballo e isto é inasumible que o faga unha administración pública.
Instaremos as acción xudiciais, de mobilización, de denuncia pública de queixa institucionais en todas as mesas, pero isto non pode quedar na situación que está. O persoal da Administración xeral non é persoal de segunda; as nosas nenas e maiores valen o mesmo que os do resto do persoal público.
Só avisamos unha vez, como algún maior teña un contaxio por ter que quedar cos cativos dalgún persoal público o señor Barreiro irá á fiscalía como promotor dun atentado contra a saúde pública.
O xoves 28 de maio de 2020, fixéronse realidade os peores temores do persoal veterinario que realiza as campañas de saneamento gandeiro, e que viñan denunciando desde hai moito tempo. As condicións de seguridade e saúde na que o persoal veterinario, que realiza as campañas de saneamento gandeiro, que a consellaría do Medio Rural encomenda ano tras ano á empresa pública TRAGSA son absolutamente deficientes. Xornadas maratonianas, lotes semanais de número de reses a sanear imposíbeis de sacar adiante en condicións seguras, sen nin sequera dispoñer de mangas para a suxeición dos animais, e a obriga de ter que realizar o traballo unha persoa soa.
O saneamento gandeiro era realizado hai tempo por dúas persoas, pero os dirixentes políticos da Xunta de Galicia, en conivencia cos xestores da empresa pública TRAGSA e da súa filial TRAGSATEC, que tamén son nomeados polos dirixentes políticos da Administración, xa que é unha empresa pública, decidiron que ían aforrar custos a conta da seguridade das traballadoras e traballadores, ou incluso da súa vida como nesta ocasión, e obrigaron ao persoal a realizar en solitario as labores que antes facían en equipos de 2 persoas.
Estas condicións laborais, xunto coa presión que se exerce dende a empresa para que se execute unha carga de traballo allea ao razoábel, trae como consecuencia que unha persoa como este compañeiro que onte perdeu a vida, despois de levar un golpe na cabeza propinado polo animal que estaba saneando, no lugar de tomar consciencia da gravidade do golpe recibido, pecha primeiro os datos do lote que estaba realizando. Só despois lle foi posible atender ás súas lesións. Isto exemplifica claramente a presión á que están sometidas estas persoas veterinarias que realizan o saneamento gandeiro da Xunta de Galicia.
Estas son as consecuencias criminais de forzar unhas condicións laborais extremas nun ámbito laboral cunha exposición tan elevada aos riscos laborais.
Non sabemos cales son os motivos de explotar ás traballadoras e traballadores desde a Administración, sendo a Consellaría do Medio Rural e a Xunta de Galiza plenas coñecedoras das intolerables situacións de risco que padecen diariamente no desenvolvemento destes traballos e mirando para outro lado, pasando por riba das obrigas derivadas da necesaria coordinación de actividades que como administración tamén teñen que cumprir.
Unha administración, a Xunta de Galiza, que a través da consellaría do Medio Rural encomendou á empresa pública TRAGSATEC a realización dos programas de sanidade e produción animal para o ano 2020 por 7.225.038,39 € . Pero hoxe, por desgraza, si sabemos cales son as consecuencias. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200316/AnuncioG0426-060320-0003_gl.html (punto 4)
Dende a CIG estamos a recompilar toda a información para presentar denuncia ante a inspección de traballo porque este fatal accidente laboral ten responsábeis e deben responder polos seus actos e pola omisión das súas responsabilidades.
A CIG aposta por aumentar a presión para conquerir a recuperación dos dereitos recortados no V Convenio Colectivo Único dende o ano 2012
Ás dez horas do venres 29 de maio, a menos de 24 horas das masivas concentracións convocadas pola CIG, CCOO, CSIF e UGT para reclamar a retirada da proposta de Instrucións para as vacacións de 2020 para o persoal das residencias de Política Social, centros de menores, residencias de maiores e de atención a diversidade, o Subdirector Xeral de Persoal da Consellería comunica ás organizacións sindicais a retirada das devanditas Instrucións, e a apertura do prazo para facer as solicitudes, aplicando o establecido no V Convenio Colectivo Único para o persoal da Xunta de Galiza .
Na CIG valoramos positivamente o éxito das concentracións de onte, pola unidade e alta participación en todos os centros e provincias e, chamamos a seguir nas mobilizacións, para conquerir a recuperación de dereitos que se manteñen recortados dende o 2012, con moito máis ánimo, logo desta primeira vitoria.
Defendemos e reivindicamos publicamente a necesidade de que Galiza conte cuns servizos sociais públicos, de calidade e ben dotados de medios humanos e materiais, como o instrumento máis eficaz que vertebre e asegure a debida atención aos colectivos máis vulnerables da poboación e como elemento primordial na loita contra o COVID-19, rexeitando modelos mercantilistas baseados unicamente no beneficio empresarial que deixan ao marxe o benestar do individuo e a sociedade. Por iso, seguimos a ESIXIR
A defensa duns servizos sociais públicos, dignos e de calidade.
O incremento de prazas públicas e de xestión directa.
A posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria coa recuperación dos condicións laborais do convenio.
A recuperación dos dereitos laborais que se manteñen recortados como a compensación por festivos e domingos traballados o que aumentaría o cadro persoal e rebaixaría a excesiva carga coa redución da xornada máxima anual.
A transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa reducindo a precariedade.
En definitiva que a Consellería de Política Social proceda á recuperación dos dereitos económicos e laborais arrebatados desde a entrada en vigor da Lei 1/2012, de 29 de febreiro de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, mediante a apertura inmediata dunha mesa de negociación.
Queremos avaliacións de riscos de cada posto e constitución do novo Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) que represente a todo o persoal.
- Constitución do novo CSSL: Solicitamos constitución do novo comité XA e continuidade nas xuntanzas, xa que que o persoal do Consorcio está en terra de ninguén, e non se lles está dando resposta aos problemas de seguridade e saúde esenciais en todo momento, pero moito máis na situación que estamos a vivir, o que consideramos inadmisible. Acordaron mirar se era posible facelo sen máis demora e convocalo o antes posible. Ao non asistir representación por parte do Consorcio Galego non quixeron tratar temas específicos, pediuse avaliacións de riscos e protocolos de actuación para todos os centros, porque non era certo que estiveran pendurados en ningunha páxina, solo para o prazo de admisión das Escolas Infantís, que se este comité non se vai facer cargo destas cuestións que sexa o Consorcio quen convoque aos anteriores CSSL, xa que por falta de petición de convocatorias non é.
- Avaliacións de riscos: Pedimos avaliacións de riscos e protocolos de actuación para todos os centros de traballo pertencentes á consellería que están pendentes de apertura, e non esperar ao último día para facer todo as carreiras e mal. Contestan que están traballando no tema, e que de momento non hai previsión de que se vaian abrir. Así como de todos aqueles postos que polas súas características específicas necesitan protocolos especiais, como poden ser as unidades de menores, valoración de dependencia,... que deben facer desprazamentos a domicilios.
- Dotación de EPIs: Pídese que haxa unha reserva de material en todos os centros, xa que o subministro non está sendo áxil, e en caso de aparecer novos casos o material existente en algún centro non chegaría nin para un par de días. Pídese tamén que teñan en consideración que a medida que se acerca o verán as temperaturas son cada vez máis elevadas, polo que unha única máscara por quenda non vai ser abondo.
- Reforzos persoal: Os contratos de reforzo de persoal débense manter como ata agora, porque aínda que os casos positivos de Covid-19 estean diminuíndo, as medidas de precaución débense manter, e o traballo é similar, séguense a facer illamentos preventivos, a limpeza e desinfección debe seguir sendo exhaustiva, comezan as visitas de familiares nos centros... A previsión segundo a presidencia do comité é que se manteñan, polo menos “de momento”.
- Réxime de visitas: Solicítaselles instrucións claras no réxime de visitas aos centros para que todo o persoal o teña claro, xa que hai centros nos que non está sendo así. Hai instrucións contraditorias, xa que os familiares non poden saír do recinto co residente, pero os residentes autónomos si que poden saír ata a 1Km da residencia. Quedaron en aclarar a forma de actuar nesta situación, as xefaturas territoriais deberan ter expostos os protocolos de réxime de visitas, para que todo o persoal teña coñecemento. En canto aos plans de continxencia, aclaran que se dan unhas instrucións básicas, pero despois cada centro debe facer un específico dependendo das súas características que debe ser aprobado por sanidade.
- Formación: É evidente que a formación non foi a axeitada durante esta pandemia, sendo o cadro de casos positivos entre os traballadores un reflexo disto, polo que reclamamos unha vez máis que se forme a todo o persoal, tanto na colocación de EPIs, como no manexo de produtos de limpeza, como en todo aquelo que teña que ver cos riscos biolóxicos ocasionados polo Covid-19. Segundo o técnico de prevención a partir da próxima semana comezarase con cursos presenciais nos centros de Política Social.
- Protocolo persoal vulnerable: Está a ser moi lenta a tramitación no caso de persoal vulnerable, aseguran que a partir de agora vai ser moito máis áxil, porque eran moitas as solicitudes que tiñan; pregúntaselles que vai pasar coa xente que ten criterios de persoa sensible, pero como non hai casos positivos no centro de traballo considerase que non está en risco, no momento en que haxa un illamento por sospeita ou un caso positivo novo, ao que respostan que no caso de illamento procurarase que este persoal non traballe con eles, e no caso de un novo positivo volvera tramitar a solicitude e tratarase de forma preferente para resolver con axilidade.
- Cadro información de contaxios: Seguiran a pasar aos responsables sindicais, coa periodicidade que o viñan facendo, a información sobre os casos positivos entre o persoal, pero non son coñecedores dos datos de residentes, aínda que procuraran facerse cos eles.
- Riscos psicosociais: Os cambios de quendas deben facerse de forma puntual e xustificada e non como un hábito, asunto que terán en conta, así como os desprazamentos de persoal público a residencias privadas, sen que os representantes dos traballadores saiban a situación e as súas condicións de traballo, poñendo en risco a súa saúde, ao que respostan que era sanidade a que manexaba todo isto.
SEGUIMOS PELEXANDO POR UNHA CONTINUIDADE NA SEGURIDADE
A Dirección Xeral de Función Pública emite unha nota informativa sobre os procesos selectivos que teñen prazos pendentes.
A partir do 1 de xuño reanúdanse os prazos administrativos dos procesos selectivos que se relacionan, así como dos días hábiles pendentes para o seu termo:
O xoves 28 de maio celebrouse unha xuntanza telemática do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Rural
Despois de ter solicitado antes do inicio do estado de alarma a celebración de comité extraordinarios para implementar protocolos ante o COVID-19, e con máis de dous meses de retraso convocouse o luns 25 o comité coa intención de tratar unicamente dous puntos: protocolos de incorporación do persoal das Oficinas Agrarias Comarcais e para a realización de Traballos de Campo do persoal da Consellería de Medio Rural.
A CIG entendendo que existían moitos centros de medio rural que non quedaban incluídos nesta orde do día, solicitou a ampliación da orde do día cos seguintes puntos e que finalmente foron incluídos na xuntanza:
• Actuacións preliminares das medidas adoptadas en aplicación do protocolo de reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao Covid-19.
• Medidas e protocolos a desenvolver nos centros do CIAM, Lafiga, Evega e Lourizán.
• Análise de riscos do laboratorio de sanidade animal con respecto ás actividade de análises PCR de coronavirus (que se estiveron a facer e que aínda que estean parados na actualidade, poden desenvolverse en calquera momento) e medidas preventivas a desenvolver.
• Situación das medidas preventivas e organizativas fronte ao coronavirus nos centros de formación da consellería do Medio Rural en función do traballo e tarefas que vaian a desenvolver nos vindeiros meses.
• Medidas preventivas e organizativas fronte ao coronavirus fronte as actividades de formación e transferencia tecnolóxica que ser desenvolvan nos vindeiros meses.
A presión da CIG fixo que se pasara dunha xuntanza de trámite a tratar temas de fondo que preocupan a todo o persoal e que inciden na mellora das medidas preventivas en todos os centros de traballo de Medio Rural. Os principais acordos e decisións tomadas polo comité foron:
1. Aprobación do protocolo de medidas preventivas fronte ao coronavirus na atención ao público nas oficinas agrarias comarcais, no que se incorporaron as seguintes melloras a proposta da CIG: aplicación de forma subsidiaria do protocolo xeral e o protocolo de medidas preventivas fronte ao coronavirus nos servizos de rexistro e atención á cidadanía, colocar carteis informativos, intensificar as actuacións e desinfeccións de todas as dependencias especialmente os espazos comúns, colocación de alfombras hixienizantes nas entradas, establecer medidas preventivas de carácter colectivo en cada unhas das OAC´s antes da reincorporación do persoal (neste caso indicouse por parte da administración que conta con ter feitas todas as medidas preventivas necesarias antes do 1 de xuño e no caso de non telas implementadas, non se incorporarán as persoas traballadoras)
2. Aprobación do protocolo de medidas preventivas fronte ao coronavirus nas tarefas de campo do persoal da consellería do Medio Rural, no que se incorporan as seguintes melloras a proposta da CIG: subministración dun dispensador individual con solución hixienizante (con capacidade mínima de 100 ml), substitución do uso de peróxido de hidróxeno na vez de hipoclorito sódico na desinfección, incorporar protocolo de disolucións para desinfeccións da consellería de Medio Rural, realizar formación para a desinfección dos vehículos, uso de mascarilla nos vehículos compartidos.
3. Avaliación do protocolo para a extracción de ácidos nucleicos de mostras sospechosas de SARS CoV-2: indícase que é un laboratorio preparado para este tipo de risco biolóxico e que se estivo facendo análises PCR do coronavirus por unha encomenda de Sanidade. Neste punto a CIG solicita a incorporación deste novo risco biolóxico na avaliación de riscos do centro e que aproveitando a posibilidade material que ten este centro de facer probas PCR, se fagan para todo o persoal de Medio Rural neste laboratorio seguindo os protocolos de sanidade.
4. Avaliación do plan de desescalada dos sectores vinculados a AGACAL. Este documento pasouse cun día de antelación polo que non foi posible presentar as achegas correspondentes. Desde a CIG facemos constar que é un documento moi xenérico e que non entra na avaliación específica das medidas preventivas e organizativas dos 14 centros moi específicos que dependen de AGACAL: centros de formación e centros de investigación. Desde AGACAL quedaron en elaborar un informe detallado para cada centro de traballo.
5. Presentouse documento actuacións preliminares das medidas adoptadas en aplicación do protocolo de reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao Covid-19 da consellería do Medio Rural, que se levou ao comité intercentros de seguridade e saúde. Desde a CIG solicitamos que se amplíe e revise este documento e se inclúa entre outros aspectos os protocolos de conciliación e de persoal sensible.
6. Na rolda libre de intervencións a CIG solicita que: se apliquen medidas preventivas en servizos esenciais de gandería, se axilice a tramitación das solicitudes do persoal sensible, se impulse o teletraballo e medios telemáticos, se establezan medidas de conciliación máis alo do 15 de xuño, reforzar os servizos de limpeza, seguimento da posta en práctica dos protocolos aprobados, protocolo ante aparición de positivos por coronavirus en centros de medio rural, seguimento da aplicación das medidas preventivas no seguinte comité.
A CIG solicitou a avaliación individualizada de cada centro de traballo así como as medidas preventivas e organizativas antes da reincorporación do persoal e que de forma cautelar non se incorpore ninguén ata que non estes implementadas as medidas. Na CIG defendemos que a incorporación do persoal tense que facer con tódalas garantías e seguridade.
O prazo de 20 días hábiles para a presentación de solicitudes de participación nos procesos de funcionarización convocados no DOG do 17/02/2020 quedara no seu momento suspendido pola declaración do estado de alarma.
Unha vez que os prazos administrativos se reanudan ou reinician con efectos do 1 de xuño de 2020, toda persoa interesada poderá matricularse nos procesos de funcionarización correspondentes á súa categoría. O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 1 de xuño e remata o día 2 de xuño de 2020.
Segundo o establecido no artigo 9 do Real Decreto 537/2020, de 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE número 145 do 23 de maio de 2020 ) con efectos do 1 de xuño, o cómputo dos prazos administrativos que fosen suspendidos reanudarase, ou reiniciarase, se así se prevese nunha norma con rango de lei aprobada durante a vixencia do estado de alarma e as súas prórrogas.
O mércores 27 tivemos a primeira xuntanza da comisión de seguimento do Protocolo de reincorporación. Para a CIG o Protocolo quedou desactualizado nada máis publicarse, xa que ese mesmo día o Estado ampliaba o teletraballo a tres meses. Porén, coidabamos que se ía arranxar, xa que era un documento que tiña que someterse a actualización e revisión.
Sobre o papel a reincorporación ao traballo presencial debera ser segura, xa que as actuacións preliminares do protocolo obrigaban a unha coordinación con Función Pública, a un control do Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) e á participación dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) por medio de informes. Porén, todo fallou, e nestes 20 días demostrouse a descoordinación das consellerías con Función Pública e o seu pouco interese.
Para a Xunta convocar esta xuntanza da comisión de seguimento é un mero trámite para xustificarse fronte ás denuncias á Inspección, xa que a actitude do director xeral de Función Pública foi a de botar balóns fóra, sen achegar nada, e afirmando que para eles todo está ben. Demostrou unha vez máis a súa ineptitude para o cargo.
Así, estas son as cuestións que levamos a esta reunión, e das que cómpre dar resposta:
1. Ámbito:Denunciamos que deixaron nun limbo a parte do persoal:
a) Persoal non docente dos centros de ensino: o director xeral de Función Pública (DXFP) non quere incluílos, di que se rexe no referido a cuestións de vacacións e permisos polo que dispoña o centro -algo que non é certo- polo que, na práctica, lle aplican cuestións específicas que dependen das direccións. Ao final acepta instar á Consellería de Educación para que negocie connosco, xa que na mesa sectorial do ensino non está representado o persoal non docente.
b) Persoal dos centros de día e escolas infantís: o director xeral de Función Pública fala dun protocolo propio do que nada sabemos. Denunciamos a falla de negociación por parte de Política Social.
c) Persoal non sanitario de Sanidade, Sergas, inspectores/as…: nin se digna a responder.
2. Informes para pasar de fase: faltan consellerías enteiras (Sanidade) ou centros territoriais (xefaturas territoriais, SSCC Consorcio, oficinas de emprego, centros de educación...). Pasaron a fase 1 sen fase preliminar, sen comprobación do SPRL, ou sen sequera informe, e reincorporaron a persoal sen cumprir prazos mínimos. Segundo o director xeral de Función Pública o de Facenda está feito polo miudo, e non lle consta que falten informes.
Para o luns 1 de xuño comeza a fase 2 na que xa hai unha reincorporación normalizada, agás teletraballo autorizado. Fallaron nas fases anteriores e agora tampouco hai informe das medidas preventivas que se tomaron nos centros, quendas ou identificación do persoal e de medidas organizativas. O director anuncia que van ter reunión o venres 29 co SPRL para a fase 2, e entenden que a fase preliminar e fase 1 xa están sen problema.
3. Protocolos de reincorporación para centros específicos que quedaron fóra do ámbito deste protocolo: non se negociou ningún coa representación sindical. Dixo que ía falar coas consellarías afectadas: Educación, Sanidade e Política Social.
4. Protocolos de medidas de prevención de riscos para funcións específicas ou centros:deben vir dentro das avaliacións de riscos laborais cun plan aprobado para o COVID 19. Temos algúns soltos, e no mellor dos casos asinados por secretarios xerais técnicos, nunca polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais. O director xeral de Función Pública mestura protocolos con informes sen responder as propostas da CIG.
5. Persoal sensíbel: a CIG pedíu como medida cautelar que o persoal quede na casa mentres non resolven as solicitudes; o DXFP dixo que xa o decidiran na reunión de secretarios xerais. Sobre a tardanza da súa tramitación, di que se resolven por parte do SPRL en 2 ou 3 días, e por ese tempo non ven problema en que a persoa estea na casa, aínda que sabemos que hai algunha que leva case 1 mes e di que “lle avisemos”. A Xunta planea a súa reincorporación na fase 3, cando poderían estenderse medidas como o teletraballo.
6. Teletraballo: Solicitamos data para a mesa de teletraballo. Diferenciamos dous tipos: dunha banda o teletraballo COVID, que a Xunta ten que fomentar e desenvolver urxentemente como a mellor medida organizativa para evitar a concorrencia de persoal nos centros, e doutra o teletraballo ordinario.
Sobre o primeiro: Función Pública dáo por feito, non ten intención de fomentalo entre os centros directivos. Recoñece que o persoal puido teletraballar e a Administración continuou funcionando correctamente, aínda que se nega a amplialo escudándose nun 15% de persoas que non se conectan, dicindo que non funciona e que non teñen un sistema de valoración telemático -puro presencialismo-.
Sobre o ordinario: Función Pública di que se están a atender as solicitudes de teletraballo ordinario, e que para a extensión do teletraballo hai que facer modificacións da normativa de 2013, e sen iso non é posible. Para isto teriamos unha mesa de teletraballo prevista no protocolo que non quere convocar xa. Dende a CIG insistimos xa que vemos necesaria unha mesa urxente de teletraballo para establecer medidas de fomento e avaliación, porque ademais esta situación do COVID non vai acabar o 15 de xuño.
7. Conciliación a partir do 15 de xuño: obrígase á reincorporación presencial de persoal que ten crianzas e maiores a cargo, e que ten pechados os centros. Os centros educativos pecharon coa alarma, e continúan pechados o 19 de xuño por fin do curso, e non hai as opcións de conciliación previas ao COVID-19 (campamentos, ludotecas, etc). Pedimos solucións para todo o persoal e estender o teletraballo. O director insiste en non aclarar a solución, á espera da situación sanitaria.
8. Conciliación do persoal que non ten teletraballo: a isto nin se dignou en respostar.
En conclusión, unha desfeita que non semella que deamos solucionado na prometida convocatoria da reunión de seguimento a semana que vén (mércores 4 ou xoves 5 de xuño), e que teremos que seguir a denunciar.
O resto das organizacións sindicais presentes na xuntanza congratúlanse mentres expoñen incumprimentos, nós combatemos e loitamos. Sen o Protocolo sería peor, pero aplicado deste xeito tampouco imos ben.
O martes 26 de maio ás 12:00 horas mantivemos unha reunión por videoconferencia do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que tiña coma único punto da orde do día tratar o tema dos protocolos de reincorporación dos empregados/as públicos ao traballo presencial.
Respecto do protocolo de gardería fluvial comenta que o protocolo xeral de traballo xa especifica as medidas para a protección contra riscos biolóxicos, e que o persoal xa dispón dos epis necesarios para as actuacións que implican a exposición a estes riscos, polo que tamén serviría para a exposición ao COVID-19.
Respecto da petición dun protocolo específico para a incorporación das brigadas da AXI comenta que o están elaborando e que nesta semana o facilitarán, tendo en conta as alegacións que se presentaron para este tipo de protocolo.
Tamén comenta que sobre o informe executivo de medidas adoptadas en aplicación do protocolo de reincorporación se é posible non detallar especificamente por posto se non categorías, por exemplo nos postos con despachos propios, e detallando os postos que precisan adaptacións.
Respecto das fases 2 e 3 do protocolo no informe indica que en canto teñan información sobre estas fases nola pasarán.
Respecto da falta de formación e información resposta que están elaborando cartelería e folletos para distribuír nos centros de traballo.
Respecto da incorporación dos anexos do protocolo de inspección de transportes aos outros protocolos din que lles parece correcto e que o farán.
Respecto da garantía de reposición dos produtos e EPI´s din que incluirán unha regra xeral de garantía de reposición en tódolos protocolos.
Respecto de algunhas medidas relativas a reunións de traballo e organización do teletraballo comentan que ese aspecto é máis de organización do traballo ca de prevención de riscos, polo que lle dan traslado á AXI para que de instrucións ao efecto.
Respecto do uso do ozono pregúntanlle ao Servizo de Prevención de Riscos, que comenta que non ten información suficiente ao respecto da súa utilidade real fronte ao COVID-19.
Respecto dos riscos no ámbito da gardería fluvial solicitamos que se incorpore no protocolo do COVID-19 unha referencia aos riscos biolóxicos do protocolo xeral.
Respecto da información complementaria ao informe de medidas adoptadas matizamos que a petición de maior información máis detallada se refira principalmente aos postos que precisan adaptacións e a espazos específicos de atención a usuarios. Respecto do persoal que conta con despacho propio é suficiente que o fagan por categorías.
Respecto da formación e información incidimos no persoal que ten menor formación e que pode ter dificultades na comprensión dos protocolos, polos que reclamamos accións máis especificas neste caso. Tamén valoramos que se distribúa cartelería como recordatorio das medidas de seguridade.
Respecto ao persoal vulnerable, dende o servizo de prevención indican que xa recibiron numerosas peticións de valoración e que consideran correcta a información que o persoal xa ten. O que si existe é unha confusión entre declaración de persoal especialmente sensible con petición de teletraballo, e que resulta necesario aclarar esta confusión.
Recordamos a necesidade de distribución de mascarillas para os casos nos que non sexa posible gardar a distancia de seguridade, pois non toda a xornada se pode cumprir. Respecto da garantía de reposición dos produtos e EPI´s solicitamos que se designen persoas responsables da petición de produtos en cada centro de traballo.
Respecto do uso dos postos de uso comunitario, por exemplo os de vixilancia da AXI, reclamamos que o protocolo especifique as condicións para o seu uso, por exemplo detallando as necesidades de hixienización entre usos.
Respecto do uso do ozono detallamos a existencia na delegación de Pontevedra de dous aparellos que se utilizan para hixienizar os vehículos e insistimos na necesidade de correcta ventilación dos mesmos por un período non inferior a 10 minutos despois da hixienización. Comentan que en Lugo e Coruña tamén teñen eses aparellos, pero que fan pouco uso deles posto que non comparten vehículos habitualmente. O presidente do CSSL propón que polo momento non se inclúa o seu uso nos protocolos e que voluntariamente se utilice sempre que se adopten as medidas de seguridade previstas.
A CIG reclama o rexistro retributivo, imprescindíbel para analizar a fenda retributiva entre mulleres e homes.No mes de xuño a CIG solicitou o rexistro retributivo do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma do ámbito subxectivo do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, que afecta a máis de 26.000 persoas.A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal...
Nesta xuntanza por parte da CIG solicitamos que o persoal que actualmente non fai quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante; insistimos na urxencia de abrir a negociación integral das condicións de traballo da escala de Recursos Naturais e Forestais; e reiteramos a nosa solicitude de abril para abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e...
Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo. O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico...