- Detalles
A CIG vén de instar á Dirección Xeral de Emprego Público a constituír e convocar a Comisión Paritaria de Formación para o Sector da Autonómica e a garantir a negociación efectiva da formación antes de que o plan anual 2027 sexa aprobado polo Consello Reitor da EGAP; así como antes da aprobación dos restantes plans específicos de formación do sector.
A formación non pode decidirse unilateralmente. O artigo 37.1.f do Estatuto básico do persoal empregado público e o artigo 153.1.f da Lei do emprego público de Galiza obrigan a negociar os criterios xerais dos plans e fondos de formación, incluídas as necesidades, prioridades, recursos, colectivos destinatarios, condicións de acceso, seguimento e avaliación.
Porén, a EGAP presenta os seus programas anuais ao Consello Reitor sen unha negociación colectiva previa que permita ao persoal participar na definición das súas propias necesidades formativas. Na CIG insistimos en que a aprobación formal por este órgano non substitúe a Mesa Xeral nin converte en negociado un plan previamente elaborado pola Dirección da Escola.
A Xunta creou en 2014 a Comisión Paritaria de Formación Local, integrada pola Administración, a Fegamp e as organizacións sindicais máis representativas. Este órgano continúa aprobando e supervisando os plans financiados para o persoal das entidades locais. En cambio, Emprego Público non identifica nin acredita unha comisión equivalente e operativa para o persoal da Administración autonómica.
Dende a CIG reclamamos que se constitúa e se convoque a Comisión Paritaria de Formación para a Autonómica, destinada ao persoal da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais. Se Emprego Público afirma que xa existe, deberá acreditalo documentalmente, convocala e dar conta da súa actividade.
A CIG esixe, tamén, información completa sobre os fondos, os custos, as solicitudes, as persoas solicitantes, as prazas, as admisións, as exclusións, as listaxes de agarda e a demanda non atendida, con datos desagregados por actividade, territorio, colectivo e sexo. Sen esta información non é posíbel avaliar se a oferta responde ás necesidades reais nin coñecer o desfasamento entre a demanda e as prazas dispoñíbeis.
Os plans incluídos no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas deben seguir o procedemento específico de negociación e aprobación previsto nel. Para abranguer tamén a formación financiada con fondos propios, na CIG propoñemos crear un órgano técnico paritario na Mesa Xeral ou establecer un procedemento periódico de negociación e seguimento.
A formación é un dereito do persoal e unha ferramenta para mellorar os servizos públicos. Non pode seguir planificándose por inercia, de costas ás necesidades reais e contando sempre co mesmo círculo de persoas colaboradoras.

- Detalles
A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza).
Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP). Unha vez que aceptan que hai erros, informan que o luns publicarán en DOG unha corrección de erros.
Aínda que o sindicato CCOO xa difundiu información de que habería ampliación de prazo, dende a DXEP negan que eles confirmaran tal afirmación. Non desbotan a posibilidade, pero rexeitan que xa confirmaran a ampliación.
A CIG esixe que ABSOLUTAMENTE TODAS AS PRAZAS VACANTES sobrantes do concurso se ofrezan neste acto de elección de destino.
A CIG esixe á DXEP que oferte a totalidade das prazas vacantes no proceso de elección de destino definitivo publicado pola Resolución do 24 de setembro. Non aceptamos que a Dirección Xeral decida arbitrariamente que prazas se ofertan e cales se gardan, obrigando ás persoas que superaron un proceso selectivo a cambiar de domicilio ou asumir longos desprazamentos mentres existen vacantes próximas.
Tampouco aceptamos que se oferten prazas con xornada reducida mentres se gardan prazas vacantes a xornada completa. As persoas que gañaron unha praza teñen dereito a unha oferta de destinos ampla e transparente, non a unha oferta condicionada polas decisións da Administración.
E por se isto fose pouco, a relación publicada está chea de erros e códigos duplicados, xerando unha situación de auténtico caos e dificultando a elección de destino. A CIG esixe unha corrección inmediata da relación de prazas e a ampliación do prazo de elección, para que ninguén pague os erros da Administración.
Todo isto podería terse evitado. A CIG leva reclamando reiteradamente acceso aos buzóns de prazas antes da súa publicación, precisamente para poder detectar e corrixir erros. A Administración negouse.
Agora os erros están publicados e quen paga as consecuencias é o persoal.
A CIG esixe que se corrixa de inmediato a oferta, se incorporen todas as vacantes que correspondan, se eliminen os erros e duplicidades e se amplíe o prazo de elección.
Basta de opacidade e de decisións arbitrarias. As prazas vacantes son da Administración pública e deben estar á disposición do persoal que gañou o seu posto.
Edición 01/10/26: a DXEP confirma que o luns 5 de outubro publicarán unha corrección de erros, e que a elección de destino comezaría o martes 6. A CIG xa enviou unha solicitude para que incrementen algún día mais polo complicado dalgunha escala.
- Detalles
Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26)
O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible.
Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo coas traballadoras que despois de un mes, continúan a loitar para ser cesadas (e así acceder ás listas de contratación) ou ter os seus certificados de empresa para poder tramitar ás súas prestacións por desemprego.
Hoxe foi o día da reunión co xerente, xerente adxunta de escolas infantís e o xefe de persoal. Hai que vivilo para contalo.
Ceses e certificados de empresa
A primeira cuestión foi sobre os ceses e os certificados de empresa. Como está esta situación? Cando pensan arranxar este problema que se iniciou o 17 de agosto e continúan sen arranxar?
Di o xerente que revisaron todo e que xa todos os casos deberían estar ao día, que a xestoría externa que teñen contratada (!!!) emitiu todos os certificados de empresa. Pero ollo! Que se alguén o tivera mal, que lle mande un correo! Así que aquí compartimos a conta de correo electrónico do xerente, para que reciba el todas aquelas comunicacións necesarias: xerente@igualdadebenestar.org
Tamén aproveitamos para que estes altos cargos tomen conciencia do que significa non cobrar a prestación por desemprego e procedemos a ler cartas que nos pasaron varias afectadas. Coa CIG tamén estaba unha afectada na xuntanza que leu unha carta no seu nome e apoiando a todas as compañeiras cesadas.
Trienios
Recibida hoxe a nómina para as novas funcionarias de carreira, non están os trienios. Explica o xerente que Emprego Público xa ten toda a información para poder facer os pagos. Así que comeza o xogo de “balóns fóra” para moitas da preguntas que faremos. Datas para o pago dos trienios? Non hai respostas.
Portal do empregado (asuntos propios e vacacións)
Aseguran que a día de hoxe xa está todo correcto para todas as traballadoras, que non se perden os asuntos propios non desfrutados, que estaban facendo reaxustes e xa está todo ben.
Insistimos se están seguros que é así e confirman que si, que está todo ben. Na CIG supoñemos que se hai erros… mail ao correo do xerente.
Redución de xornada: para cando as resolucións?
Máis voltas e voltas. Que non teñen as carteleiras das escolas e entón non poden resolver, que o primeiro é prestar o servizo (o segundo debe de ser que as traballadoras dispoñan dunha redución de xornada para a garda e custodia dos seus fillos/as menores).
Protestamos que este colectivo está formado nos seus cadros de persoal por mulleres, que xa basta de continuar tirando balón fóra e resolvan!
Teñen intención de facelo nos vindeiros días, pero que hai moito volume de traballo porque se deron cambios de centros de traballo.
Complemento por funcións de dirección nas escolas infantís e redución de xornada
Como pode ser que as direccións que teñen redución de xornada, teñan reducido o plus de dirección? Entón… matriculan menos alumnado? atenden a menos familias? xestionan menos a escola? Como se entende isto! É redución do tempo de atención directa ás crianzas, non de funcións como dirección!
Explican que isto é un problema informático… que temos razón… que si que estaba pasando así…mil voltas.
Preguntamos: ides corrixilo?
Din que si (veremos!).
Sentenzas carreira profesional
Xa pasan do ano para facer estes pagos recoñecidos por sentenza. Están avisados para que así o fagan e todo continúa igual.
Precisamos datas de pago e ollo á resposta: silencio total.
Movemento das persoas que ocupan postos itinerantes nas escolas infantís
Informan que están valorando que postos teñen que moverse segundo a demanda de matrícula no período extraordinario de admisión de alumnado, que están facendo o estudo cos coordinadores/as.
Solicitamos que sexan cautelosos con estes movementos, que informen coa maior antelación posible e que non sexan traslados do persoal que lles repercuta na súa vida familiar.
Coberturas
A estas alturas non están ofertadas todas as coberturas xeradas dende o día 1 en moitos casos. Os centros están desbordados porque é un comezo de curso totalmente diferente e con falta de persoal.
Outra partida de balóns fóra. Que a culpa é de Emprego Público, que son quen xestionan as listas de contratación.
Tomas de posesión das escalas sociosanitarias
Preguntamos: o persoal técnico dos I+B e dos CD, poden seguir coa flexibilización e teletraballo se toman posesión no mesmo posto que ocupaban? Non contestan.
Enviaron mail dende o departamento de persoal avisando do erro de requirir CELGA, titulación e informe médico para as tomas de posesión? (esta documentación xa foi presentada para poder elixir destino). Di o xerente que si, que se avisou aos centros de traballo estes días.
Poden explicarnos as chamadas que están recibindo as equipas técnicas dos centros residenciais na que se lles di que a partir desta fin de semana terán que traballar en fin de semana? Como aplican un cambio das carteleiras negociadas ata o 31 de decembro? Di o xerente que falará co xerente adxunto sobre este tema. Indicamos que URXE aclarar isto e que non poden romper unilateralmente o asinado cos comités de empresa.
Pouco máis e veñen dicirnos que son as xerencias as vítimas de todo o que sucede, que fan ata onde poden… vaia escándalo!
Se tan mal están, o noso consello dende a CIG é que presenten a súa dimisión!
- Detalles
No DOG do 30/09/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escalas técnicas de mantemento de servizos, de recursos naturais e forestais, especialidades de capataz, mecánico naval, patrón de embarcación e guía intérprete de patrimonio natural, de cociña, de condución e de análises de laboratorio; no corpo de auxiliares de carácter técnico, escalas de gardas de recursos naturais, de auxiliar de cociña, de auxiliar de mantemento, de auxiliar de laboratorio, de auxiliar de condución e de auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidades de oficial e de mariñeiro vixilante, e en agrupación profesional, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña, de recursos naturais e forestais e de mantemento.
C1: escalas técnicas de:
► mantemento de servizos
► recuros naturais e forestais, especialidade capataz
► mecánico naval
► patrón de embarcación
► guía-intérprete de patrimonio cultural
► de cociña
► de conducción
► análise de laboratorio
C2: escalas auxiliares de:
► gardas de recursos naturais
► cociña
► mantemento
► laboratorio
► conducción
► recursos naturais e forestais, especialidade oficial
► mariñeiro-vixilante
AP:
► escala persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade limpeza e cociña
► escala persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, escala de recursos naturais e forestais
► escala de mantemento
Procedemento:
1.- Para os procesos selectivos non afectados pola Lei 20/2021, do 28 de decembro, e no suposto de que unha persoa aspirante figure incluída no anexo I en diferentes corpos, deberá optar por un deles no acto de elección de destino e solicitar nos restantes a exce dencia por prestación de servizos no sector público no mesmo prazo previsto na disposi ción terceira, sempre que se cumpran os requisitos exixidos no artigo 174 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza.
Para os procesos selectivos derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, será de aplicación o disposto no artigo 11.2 da Lei 5/2022, do 21 de decembro, de medidas urxen tes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza. Non se pode pedir excedencia
2.- O acto de elección desenvolverase de acordo cos seguintes criterios: 1. Dentro do mesmo subgrupo e especialidade, a orde para a elección de destino virá determinada pola data de publicación das convocatorias dos procesos selectivos, de xeito que as convocatorias máis antigas terán preferencia sobre as máis recentes.
3.- Para o acceso á aplicación informática de elección de destino, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remitiralles ás persoas aspirantes un correo electrónico co usuario e a clave de acceso á aplicación do proceso selectivo.
4.- No prazo máximo de dous días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, a persoa aspirante, no suposto de que non recibise correcta mente o seu usuario e clave, deberá poñerse en contacto co servizo informático da Direc ción Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no teléfono 881 99 98 83, para que se lle faciliten os datos necesarios. ( Días 1 e 2 de outubro)
Unha vez transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior, abrirase un prazo de tres días hábiles para que as persoas aspirantes que constan no anexo I desta resolución se leccionen telematicamente, a través do sistema electrónico, os destinos ofertados por orde de prelación. (Días 5,6 e 7 de outubro)
5.- A elección de destinos deberase realizar a través do sistema electrónico ao que se poderá acceder a través da seguinte páxina web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/es/funcion-publica/procesos-selectivos/ eleccion-destino
6.- Unha vez que acceda ao seu expediente electrónico, a persoa aspirante deberá, en primeiro lugar, elixir entre as opcións «Renuncia», «Solicitude de excedencia» ou «Escoller posto».
De elexir “ renuncia” ou “ solicitude de excedencia” deberá presentar esta por escrito no Rexistro da Xunta de Galiza no mesmo prazo previsto na disposición terceira De elixir a opción «Escoller posto», a persoa aspirante seleccionará, por orde de pre ferencia, os destinos que se ofertan
7.- Todas as comunicacións que formulen as persoas aspirantes dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Admi nistración de Persoal, Servizo de Selección (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela). Para o caso deberán empregar o modelo co código PR004A
8.- Na páxina web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/es/funcion-publica/procesos-selectivos/eleccion-destino es tará á disposición das persoas aspirantes información complementaria para a utilización da aplicación informática e a presentación das solicitudes de elección de destino
- Detalles
A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo
A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa xestión. A Escola tenta silenciar as críticas mediante continuas interrupcións e increpacións, restricións das intervencións, documentación remitida a última hora, actas que omiten ou cambian a información e unha prohibición selectiva á presenza de persoas asesoras da CIG nas sesións.
Esta actitude converte a participación no Consello Reitor nun trámite sen capacidade real de deliberación, control ou fiscalización, motivo polo que a CIG vén de presentar unha queixa ante o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presidente do devandito Consello.
Única convocatoria do Consello Reitor en 2026
A sesión do 23 de setembro foi a primeira convocada en 2026, malia que o artigo 8.3 da Lei 4/1987, de creación da EGAP, obriga a reunir o Consello Reitor, como mínimo, unha vez ao trimestre. A Dirección acumula, así, numerosos asuntos nunha única sesión e remite centos de páxinas de documentación fóra da xornada laboral, deixando apenas un día para analizalas. Nestas condicións, a CIG sinala que resulta imposíbel contrastar os datos, detectar irregularidades, preparar propostas e exercer responsabelmente as funcións dunha vogalía.
O resultado é un Consello Reitor decorativo, que se convoca para cubrir o trámite, presentar decisións xa preparadas e avalar a xestión da Dirección, non para deliberar nin exercer un control efectivo.
Atrancos dirixidos contra o «sindicato crítico»
Até agora, a asistencia de persoas asesoras propostas polas organizacións sindicais foi habitual nas sesións do Consello Reitor da EGAP. Agora, a Dirección da Escola tenta impedilo. Na CIG consideramos que se trata dunha decisión selectiva e discriminatoria, adoptada despois de que esixísemos responsabilidades e reclamásemos a dimisión da directora.
A CIG advirte, amais, de que a EGAP non pode continuar empregando as actas para fabricar consensos, borrar discrepancias e adaptar a memoria do órgano aos intereses da Dirección. Por este motivo, reclamámoslle ao conselleiro de Facenda que as sesións se graven integramente e que se implante o sistema de audioacta, ao abeiro do art. 18.1 da Lei 40/2015.
Plans de formación unilaterais e informes autocompracentes
A EGAP está a decidir unilateralmente e de costas á representación das persoas traballadoras a formación de ao redor de 22.000 persoas empregadas públicas do sector da Administración autonómica, motivo polo que na CIG levamos anos reclamando a negociación da formación, transparencia, a publicación do rexistro de persoal formador e empresas e o cumprimento dos deberes legais en materia de normalización e capacitación profesional en galego, sen que a EGAP mude nin un milímetro a súa dinámica autoritaria.
A CIG tampouco aproba nin as contas da EGAP nin os seus informes de resultados, que non dispoñen de información suficiente e verificábel, só de cifras agregadas sen documentar e que non permiten ser contrastadas; as cales desvían a atención do feito de que milleiros de persoas empregadas públicas quedan sen a formación que precisan. A EGAP limítase a exhibir datos de enquisas de satisfacción da minoría que obtivo praza, pero négase a avaliar as necesidades das persoas excluídas e a realizar unha avaliación global dos plans.
Exemplos da xestión
A demanda desatendida cada ano da formación en linguaxe administrativa e linguaxe xurídica galegas é alarmante: 1.200 prazas ofertadas fronte a 5.650 solicitudes en 2026. Trátase dunha formación singular por responder ao mandato legal da capacitación lingüística que garante o dereito de atención en galego da cidadanía, pero este mandato é incumprido pola Dirección da EGAP de xeito reiterado, malia telo establecido na Lei 4/1987 da súa creación.
Mentres isto sucede, a EGAP e a Secretaría Xeral da Lingua concertan con entidades privadas, como o Colexio de Enxeñeiras de Camiños, Canles e Portos, cursos restrinxidos de linguaxe administrativa, con matrículas que acadan os 400 euros; e tiran de «colaboracións externas» opacas para que persoal propio ou alleo que traballa a xornada completa imparta estes cursos, mentres o persoal lingüista da Xunta, coordinado por unha contratación privada da EGAP, fica a media xornada e con só sete meses de actividade ao ano.
A EGAP é unha institución pública, non un espazo reservado á compracencia. A crítica sindical non se cala, non se interrompe nin se borra das actas. A CIG esixe que a EGAP remate coas súas redes clientelares e cumpra as funcións para as que foi creada.
Por unha EGAP pública, de calidade e en galego xa!
- Detalles
Prazos de inscrición
Persoal nomeado antes do 25 de setembro: dende o 25 de setembro ao 31 de outubro.
Persoal nomeado o 26 de setembro ou despois: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte á súa toma de posesión.
Persoal interino e substituto: dende o día 1 ao 20 do mes seguinte a aquel no que se cumpran os 65 días traballados de forma ininterrompida, contados dende o 01/09/2026, ou dende o día seguinte ao nomeamento se fora posterior a esa data.
Páxina de inscrición
Ligazón
Resolución
Ligazón
Instrucións
Ligazón
Dúbidas frecuentes
Ligazón
- Detalles
Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información.
O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o listado de postos e continuarán en breve, pero non da datas.
Ademais se reclama que se de continuidade ao proceso de integración do INTECMAR, do que non da resposta da DXEP.
Elección destino de varias escalas
(camareiros/as limpadores/as, condución, cociña, mantemento, aux laboratorio...)
A directora xeral de Emprego Público informa en mesa de negociaciión que os actos de elección de destino desas escalas publicaranse en DOG do mércores 30 de setembro.
Consorcio
O desastre na xestión do persoal é tal que case que levamos tempo en condicións de poder dicir que será “a pregunta Consorcio” propia de cada mesa de negociación.
Nesta ocasión o Consorcio repite o mesmo erro que coas escalas infantís, agora para o persoal sociosanitario: requírelles que para poder asinar a toma de posesión a partir do día 1 deben entregar a mesma documentación solicitada na resolución do DOG coa lista de persoas aprobadas, necesaria para poder acceder ao acto de elección de destino (de feito se non a entregaban decaían).
Como é posible que repitan o erro? Isto nas escalas infantís (mentres non se aclarou), levou a que varias traballadoras atrasaran a súa toma de posesión porque non conseguían cita para solicitar o informe médico. Piden CELGA, informe médico e titulación académica. Non hai consellería que faga isto que fai o Consorcio. Hai que pecharse en San Lázaro de novo para que actúen?
Tamén preguntamos cando pensan comezar a respectar a conciliación e resolver as reducións de xornada.
A directora xeral responde que estamos no certo e que non poden pedir esa documentación de novo e xa entregada. Que unha vez máis darán aviso no Consorcio de que é un erro pedila. Das reducións non se manifesta.
Tamén se fala de que as comisións de servizo, ao non ter control ningún están supoñendo diferentes tipos de situacións como que nalgunhas das xefaturas territoriais de Política Social din que van resolvelas antes das tomas de posesión, co cal as novas funcionarias non poderían acceder a elas, cousa que si se puido facer noutras escalas.
A directora di que terían que levar o mesmo sistema que noutras escalas e poder acceder as novas funcionarias.
- Detalles
Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel outono cálido e seco que prolongaría o risco de lumes forestais.
Convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo de condicións de traballo e avances na xubilación anticipada
Na CIG lamentamos a falla de resposta da Consellaría do Medio Rural ás reivindicacións das escalas de enxeñaría forestal, un persoal que desempeña funcións esenciais na planificación e xestión forestal, na coordinación do dispositivo e na loita contra os incendios forestais.
Após as reunións mantidas nos meses de maio e xuño para abordar diferentes cuestións que preocupan a este colectivo, dende a CIG sinalamos que a conselleira do Medio Rural convocounos a unha xuntanza para o vindeiro 24 de setembro. Porén, a orde do día limita a reunión unicamente á cuestión da aplicación de coeficientes redutores para facilitar a xubilación anticipada.
Convocatoria da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo do persoal técnico
Na CIG resúltanos incomprensíbel que fiquen fóra desta convocatoria outras reivindicacións prioritarias para o persoal técnico, como as especializacións ou a actualización do Acordo de condicións de traballo.
Esta situación non é nova. O 6 de marzo do 2024 as organizacións sindicais —coa excepción de CCOO— solicitamos formalmente a convocatoria da Mesa de seguimento do Acordo de condicións de traballo do persoal técnico. Trátase dun acordo que data de 2008 e que, despois de case dúas décadas, precisa dunha revisión e actualización que dea resposta á realidade actual destes postos de traballo.
Na CIG tampouco entendemos que as persoas responsábeis da Consellaría do Medio Rural manteñan reunións con outras escalas, grupos e categorías que forman parte do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais e, pola contra, non atendan do mesmo xeito as escalas de enxeñaría forestal. Este persoal asume importantes responsabilidades na planificación do territorio, na coordinación, na xestión forestal e na propia extinción dos incendios.
Esta falla de atención resulta aínda máis preocupante cando o executivo galego vén insistindo publicamente na necesidade de investir e reforzar a prevención dos incendios forestais. Fronte a estas declaracións, dende a CIG advertimos de que na Dirección Xeral de Defensa do Monte existen dúas prazas dependentes da Subdirección Xeral de Prevención que levan meses sen estar ocupadas.
Xubilación anticipada e coeficientes redutores
O 14 de setembro de 2026 a CIG rexistrou perante a Secretaría Xeral Técnica do Medio Rural e a Dirección Xeral de Emprego Público e Persoal un escrito no que solicitamos a modificación da normativa de emprego público necesaria para facilitar a xubilación anticipada do persoal técnico mediante a aplicación dos correspondentes coeficientes redutores.
Esta será unha das cuestións que o noso sindicato trasladará á conselleira na reunión do día 24 de setembro, na que tamén reclamaremos que se desbloquee dunha vez a situación do colectivo e que se convoque, coa máxima urxencia, a Mesa de seguimento do Acordo do persoal técnico, ademais de que se cumpran os compromisos adquiridos pola Administración a respecto das restantes reivindicacións pendentes.
Incerteza ante o remate das gardas o 30 de setembro
Dende a CIG advertimos á Consellería de que o 30 de setembro rematan os 4 meses de gardas deste persoal sen que, a día de hoxe, se coñezan as previsións da Dirección Xeral de Defensa do Monte a respecto do dispositivo de incendios para as semanas posteriores.
Esta falla de planificación resulta especialmente preocupante ante a posibilidade de que se produza un outono cálido e con poucas precipitacións, circunstancia que podería prolongar o risco de incendios forestais máis alá do período habitual.
Por todo isto, a CIG esíxelle á Consellaría do Medio Rural que deixe de adiar os problemas do persoal técnico de enxeñaría forestal, que abra unha interlocución efectiva co colectivo e que dea resposta ás cuestións laborais e organizativas que levan anos pendentes.

- Detalles
A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila.
Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando menos terá que esperar a que se abra novamente o prazo de solicitude do Fondo de Acción Social (FAS) para que poida solicitar a pervivencia do seu dereito.
Hai que ter en conta, tamén, que o FAS leva un importante atraso (agora mesmo aínda está sen resolver o que corresponde ao ano 2025), polo que, se a este persoal non se lle mantén o dereito que tiña recoñecido como persoal laboral, tería que esperar ata o ano 2027 para poder solicitalo.
É evidente que o importe non é elevado, pero si que supón unha axuda para contribuír aos gastos que supón ter unha persoa dependente a cargo e que ten uns ingresos moi baixos (inferiores ao SMI).
A CIG xa leva anos denunciando que do FAS xa só queda a axuda para a atención de persoas con discapacidade porque a Xunta mantén suprimidas as axudas iniciais deste fondo, como a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.
É por iso que xa solicitamos que esta axuda sexa incluída no recibo de salarios tamén para o persoal funcionario, co mesmo sistema de solicitude e xestión que ten o persoal laboral. De non facerse así supón un agravio comparativo para o persoal funcionario público que cada ano debe solicitar e achegar a documentación xustificativa para percibila con máis de un ano de atraso.
Para poder facelo sería necesario acompasar os dous anos que leva de atraso e é preciso incrementar o orzamento, polo que a CIG novamente o incluirá nas súas achegas á lei de medidas que se negocie nos vindeiros meses.
Agora mesmo manter a axuda do artigo 35 a aquelas persoas que a viñan percibindo é cuestión de vontade, non de cartos, porque ese orzamento existe polo que... Haberá vontade por parte de Dirección Xeral de Emprego?
- Detalles
A CIG denuncia que Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras.
Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez conseguida a aclaración do departamento de Emprego público, a causa é que o tempo en redución de xornada por conciliación non se esta a contabilizar, só se está a contar o efectivamente traballado.
Dupla penalización
Na CIG non saímos do noso asombro. A propia Función Pública discrimina na promoción profesional ás súas traballadoras por usar seu dereito á conciliación, facéndoas caer na dupla penalización: redución de salario e redución na carreira profesional.
Por iso, preguntámonos quen está ao mando deste barco, quen controla que se cumpra a normativa de igualdade e non discriminación, para que serve ter un Plan de Igualdade se non se cre na Igualdade, quen dá este tipo de ordes discriminatorias e onde está a formación do persoal responsable e das persoas traballabadoras en materia de igualdade para que isto non poida suceder.
No noso sindicato cuestionamos a hipocrisía e falla de compromiso coa igualdade e solicitamos que corrixan estas prácticas discriminatorias e que fagan real e efectiva a igualdade na Xunta de Galiza.
Denuncia no xulgado
De non ser así, advertimos de que acudiremos aos tribunais a denunciar á Dirección Xeral de Emprego Público e ao resto de consellarías que non están a contabilizar a redución de xornada, por violación do dereito fundamental á igualdade por razón de xénero na promoción profesional e no salario.
Na CIG amosamos a nosa desconformidade con que non se computen para carreira profesional como xornada completa as xornadas inferiores á ordinaria, da mesma forma que acontece nos trienios. A antigüidade sempre é a xornada completa e existe numerosa normativa e xurisprudencia que así o recoñece.


