- Detalles
A Inspección insta á Xunta a entregar un protocolo de actuación fronte ao risco biolóxico no embarazo na Axencia Galega de de Servizos Sociais (AGASS).
Após a denuncia que interpuxemos as delegadas da CIG na Inspección de Traballo (ITSS) o 12 de marzo de 2026, a inspectora instou á Xunta a entregar un protocolo de actuación para protexer as traballadoras embarazadas fronte ao risco biolóxico nas escolas infantís da AGASS, xa que nas mesmas condicións de exposición a un risco de natureza biolóxica, as traballadoras do Consorcio están protexidas e as demais non.
A CIG logrou hai xa dez anos a protección das traballadoras embarazadas das escolas infantís do Consorcio fronte ao risco biolóxico no embarazo, após unha sentenza dun xulgado do social de Vigo, ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
O servizo de prevención propio da Xunta e a xerencia da AGASS veñen de achegar o 27 de abril un protocolo de actuación para protexeren a saúde das traballadoras e da súa descendencia, xa que non existen postos exentos de riscos para o embarazo nas escolas infantís, dado que a natureza do risco está nas propias crianzas usuarias.
Segundo as directrices para a avaliación de riscos e a protección da maternidade no traballo do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), no caso do citomegalovirus (CMV) están contraindicadas as probas de detección precoz de anticorpos nas traballadoras embarazadas, e é aconsellable limitar ao máximo o contacto con fluídos biolóxicos no embarazo no caso de seronegatividade xa que, do contrario, non está garantida a protección fronte á reinfección ou a reactivación da infección. Non existe a vacinación, e a infección do feto, de consecuencias graves, está asociada coa infección materna.
A CIG pediu que o protocolo fronte ao risco sexa o mesmo para todas as escolas infantís da Xunta (AGASS e Consorcio), de xeito que recolla todas as categorías presentes nestes centros. A autoridade laboral incidiu tamén en reclamar esta cuestión.
Teñen que protexer a saúde destas traballadoras, tanto do Consorcio como da AGASS, e tratar estes contratos de substitución como se fai cos contratos de persoal fixo descontínuo: unha vez que se reanuda un contrato (neste caso, cando hai un novo nomeamento) séguese a estar na situación protexida, evitando burocracias inútiles e o risco psicolóxico que se xera.
Por outra banda, imos solicitar que se modifique o decreto de listas para que concorde con esta nova situación. Os chamamentos polas listas de substitución non poden supoñer unha discriminación por razón de sexo para as mulleres, que son as que se atopan nesta circunstancia. Tamén é necesario que o Consorcio non se demore até varios meses en achegarlle á traballadora os documentos para tramitar a prestación, xa que a AGASS e a Mutua teñen unha previsión de espera para esta xestión de dez días, e así virá recollido no protocolo.

- Detalles
Na Comisión de Persoal do venres 24 de abril tratáronse o Decreto da OEP 2026 e a modificación da RPT de AXI.
A OEP 2026 continúa coa rebaixa do grupo B a C1. Na forma de acceso en acceso libre e en promoción interna conxunta non se comprometen a que sexa a través de concurso-oposición, e a promoción interna é restritiva (non se comprometen ao 50%, restrinxen o cambio de escalas e non habilitan a promoción a horizontal). Co cal o noso voto foi en contra.
Tamén manifestamos o voto en contra na aprobación da modificación da RPT de AXI, xa que non se tiveron en conta ningunha das alegacións presentadas na negociación a respecto do persoal de AXI afectado pola súa denominación, para a diferenciación do persoal contratado a través de empresas externas. As funcións que está a realizar a día de hoxe todo o persoal da escala de axentes de inspección de estradas é o mesmo, polo que non ten sentido manter diferentes denominacións para a mesma escala. Ademais, están a incumprir o acordo asinado.
- Detalles
Dende hai anos, a CIG sempre se posicionou a favor de todo tipo de accións e mobilizacións para conseguir melloras nas condicións laborais do persoal que traballa nas escolas infantís e tamén, consecuentemente, pola calidade do servizo público que se presta.
Nos últimos tempos, e por mor da deriva privatizadora do Partido Popular, estase a tratar de igualar á baixa as condicións de traballo e de prestación do servizo dos centros de xestión pública co resto dos centros nos que prima é o beneficio empresarial.
Os dereitos da infancia nesta etapa educativa e o dereito das traballadoras a estar libres do maltrato institucional que supoñen os ratios excesivos, falta de horarios para programar, horarios de atención as crianzas abusivos, etc. quedan conculcados polas políticas públicas.
O manifesto que publican as nosas compañeiras que forman parte da Plataforma concorda co que dende a CIG levamos demandando historicamente das Administracións Públicas.
Estamos de acordo en que se precisa maior financiamento, formación continua, baixada dos cocientes de alumnado, e políticas públicas para que as familias poidan conciliar unha vida laboral que garantan o dereito da infancia ao tempo de descanso e vida familiar.
Pedimos tamén a figura imprescindible da parella educativa para atender ás necesidades das crianzas nas aulas e nos distintos espazos. A ninguén se lle escapa que unha traballadora non pode atender á vez un cambio de cueiro dunha crianza mentres atende á seguridade física e afectiva do resto.
Somos un colectivo feminizado e, como tal, con postos de traballo infravalorados e mal tratado: reclamamos tamén o dereito á protección da saúde das traballadoras embarazadas e a súa descendencia ante o risco biolóxico.
Temos razón e entre todas imos conseguilo!
Parabéns por facelo visible e darlle voz!
Ánimo, compañeiras !!
- Detalles
Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT, presentamos o 23 de abril un escrito conxunto no que solicitamos a convocatoria dunha mesa de negociación sobre o persoal da escala de vixilancia de estradas.
O obxectivo é establecer medidas que garantan a correcta identificación do persoal empregado público desta escala, así como a dos medios de locomoción que utilizan no desenvolvemento das súas funcións, e diferenciar claramente a este persoal con respecto ao das concesionarias privadas dedicadas á conservación de estradas, medidas que redundarán na mellora da seguridade laboral e na percepción da cidadanía de cara a este colectivo.
Nos últimos anos, o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que realiza as funcións de vixilancia e policia en materia de estradas, sufriu unha importante transformación, tanto na súa estrutura orgánica como na evolución dos seus medios, procedementos de traballo ou nas súas funcións e responsabilidades.
Hai que ter en conta a convivencia, e mesmo o solapamento de determinadas funcións do persoal empregado público co persoal das empresas privadas concesionarias de conservación e de vialidade invernal de estradas, quen a maiores deben, por contrato, rotular os seus vehículos e a súa roupa laboral exactamene igual que os dotados para o persoal empregado público, creando confusión e indefensión de cara á cidadanía. Esta situación agrávase aínda máis pola negativa da Administración de mudar a denominación da escala a “axentes de vixilancia de estradas”, que reflicte dun xeito máis acaído a condición de persoal empregado público e o exercicio de autoridade.
Por estas razóns e obxectivos, as organizacións sindicais diriximos o escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas coa intención de comezar un proceso de negociación.
- Detalles
Na comisión de persoal do 24/04/2026, preguntamos en que estado se atopa o proceso de elección de destino da escala técnica de orientación, dado que o día 04/04/2026 se publicou no DOG a convocatoria de elección de destino.
A directora xeral anunciou que unha vez revisado todo se publicará nas vindeiras semanas (2 ou 3 semanas como moito).
- Detalles
Na Comisión de Persoal de 24/04/2026 voltamos a esixir que nos convoquen xa á reunión á que se comprometeron. Na Mesa Xeral do 21/04/2026 comprometéronse a convocarnos a unha xuntanza de carácter técnico para solventar o problema dos actos de elección de destino. Nin nos enviaron datos, nin a listaxe de postos. Non podemos saber cantos postos quedaron vacantes da fase de resultas se non nos facilitan os datos.
O que si podemos saber, por exemplo, é que do subgrupo A1 na primeira fase só quedaron 180 postos abertos a ese subgrupo sen adxudicar. E só contando coas persoas aprobadas de libre, promoción interna, concurso de estabilización e concurso-oposición suman 297 persoas. Onde están os 117 postos que faltan? Sobran 117 postos de resultas? E así sucesivamente. E todo isto sen computar as persoas aprobadas de libre e da promoción interna pendente (que a ver se sacan a lista de aprobadas XA!), posterior á estabilización. ACHEGUEN OS DATOS, porque sen telos non podemos saber se é posible evitar a idea da DXEP dos “bloques”.
E como, ademais, temos constancia de que en moitas xefaturas territoriais se está avisando a persoas que están en comisión de servizos en postos vacantes XERADOS DESPOIS DO CONCURSO, é dicir, que non pasaron polo concurso, e que teñen nivel, todo isto nos fai sospeitar de que hai unha falla de previsión absoluta na convocatoria de ofertas de emprego público e provisión de postos. NON PODE HABER MENOS POSTOS QUE PERSOAS.
E como é evidente que os postos que non pasaron polo concurso non se deberían ofrecer, só queda facer excepcións, como en casos extremos, ofertar postos base, abrir postos a outros subgrupos ou tal e como se fixo no concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, CREAR POSTOS BASE NOVOS.
As persoas teñen dereito a saber que é o que realmente sucede. FACILITEN OS DATOS E CONVOQUEN A REUNIÓN XA!
Da resposta da directora xeral deducimos que TEÑEN MONTADA UNHA LEA MONUMENTAL. Todo o que nos dixeron con anterioridade eran "previsións" e todo está condicionado a unha análise que resulta que "non está rematada". E cando rematen e antes de publicar os actos de elección de destino convocarannos e aí explicarannos por que elixiron a opción dos 2 bloques, que segundo ela "non hai outra opción", e tamén nos explicarán a orde de convocatorias e subgrupos, ou viceversa.
E o dato de máis relevancia é que a publicación das eleccións de destino será nas "vindeiras semanas" (sic). Un nivel de concreción indignantemente pouco preciso como para NON ACLARAR NADA cando foi ela mesma a que anunciara que se publicarían entre os días 20 e 24 de abril.
E da petición de que publiquen xa a lista de aprobadas da promoción interna do 2023 limítase a dicir a obviedade de que "teñen que publicar as persoas aprobadas coa proposta do tribunal e logo abrir o prazo para presentar a documentación e xa logo poderán seleccionar destino." Aclara que "...nas vindeiras semanas publicarán as listas de aprobados".
(Mentres non fan isto, avanzamos aquí o estado dos postos sobrantes do A1 só da 1ª fase e o número de persoas aprobadas simplemente a título informativo e a modo de exemplo sobre a necesidade de termos todos os datos).
| POSTOS SOBRANTES DA PRIMEIRA FASE DO CONCURSO | POSTOS ABERTOS AO A1 | APROBADAS A1 | ||||
| A1 | 172 | 180 | 2019 LIBRE | 76 | ||
| A1 A2 | 2 | 2020 PI | 3 | |||
| A1 A2 C1 | 6 | 2022 CONC | 211 | |||
| A2 | 70 | 2022 CONC OP | 7 | |||
| A2 C1 C2 | 38 | TOTAL | 297 | |||
| C1 | 80 | |||||
| C1 C2 | 174 | |||||
| C1 C2 AP | 1 | |||||
| C2 | 890 | |||||
| AP | 599 | |||||
| TOTAL | 2.032 | |||||
Cálculo feito cos postos sobrantes da 1ª fase ao non facilitarnos a DXEP os datos de resultas
- Detalles
No DOG do 24/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de varias escalas e especialidades do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, e da agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.
Publican as puntuacións provisionais das persoas concursantes admitidas para cada un dos postos solicitados, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na epígrafe de concurso de traslados https://www. xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta
As persoas interesadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, concretamente ata o 11 de maio de 2026. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e deberá cubrirse e presentarse electronicamente segundo o establecido na base IV da convocatoria (tramitación electrónica) https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-detraslados/xeracion-de-reclamacions/
- Detalles
No DOG do 24/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2025 das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.
Publican a actualización provisional de méritos relativos ao ano 2025 das persoas integrantes das listas elaboradas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral que figuran nos anexos I e II.
As puntuacións totais das persoas integrantes das listas para o nomeamento de persoal funcionario interino (anexo I) e das persoas integrantes das listas para a contratación temporal de persoal laboral (anexo II), poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>.
As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Unha vez realizadas as emendas procedentes, daráselle publicidade ás puntuacións definitivas mediante a publicación da oportuna resolución no Diario Oficial de Galiza.
- Detalles
A CIG-Autonómica pon á túa disposición o video da asemblea telemática do pasado 16 de abril de 2026 por un Acordo de condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino, e pola profesionalización das escalas de cociña.
A asemblea foi telemática, transmitida en directo por YouTube. Ten unha duración de unha hora e 31 minutos. Durante o seu desenvolvemento, os compañeiros e compañeiras puideron interactuar connosco a través de chat.
A CIG insiste na necesidade de que a Consellería de Educación, e a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, convoquen ás organizacións sindicais a negociar un acordo de condicións de traballo que regule as funcións, xornada e retribucións do persoal non docente dos centros de ensino. E tamén que se revisen os requisitos de titulación do persoal de cociña (o que afecta non só aos centros de ensino) e de outro personal que fose necesario.
Seguimos!
- Detalles
Na Mesa xeral de negociación de persoal empregado público tratouse a Oferta de Emprego Público do ano 2026 para a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e dos seus entes instrumentais, agás a OEP das escalas sanitarias. Na rolda aberta de intervencións falouse da elección de destino de corpos xerais, de problemas coa formación da EGAP para o persoal do Consorcio, e lios coas listas de substitución de PSX e xerocultoras/es.
OEP 2026
Este ano, a Xunta desmelenouse: por primeira vez en moitos anos trouxeron á mesa de negociación no mes de abril a OEP, e non nos últimos días de decembro, como é o habitual. Así que parabéns por este acelerón. A ver se espabilan en todo e non pasa mais dun ano ata as convocatorias, e como moito outro máis ata a resolución de cada un dos procesos.
O que non cambia son as formas: entregaron os anexos de prazas a véspera, pola tarde, sen tempo a analizalo, cando xa o difundiran á prensa, antes de negocialo coa representación legal do persoal.
Haberá promoción interna separada, mediante concurso-oposición, só para corpos xerais, permitindo participar a A2-consumo e turismo para ir a A1-superior, e para as escalas de Agrupación Profesional que poderán ir a C2-auxiliar. Tamén haberá de C1-consumo a A2-consumo. A CIG reclama promoción interna separada co 50% da oferta en todas as escalas, vertical e horizontal en todos os casos recíprocamente de xeito que o persoal funcionario que cumpra coa titulación poida moverse de escala. Tamén reclamamos á Xunta que se implique en promover que o Estado faga os cambios normativos necesarios para permitir a promoción saltando grupos.
En canto aos destinos de promoción interna, rexeitamos a obriga de permanecer no posto nos casos en que este estea aberto ao subgrupo ao que se promociona. E queremos que os reclasifiquen cando sexa posible, ou polo menos que artellen algún sistema que facilite conservar ou a localidade ou unha zona próxima.
O acceso libre tamén terá promoción interna, conxunta. Non indican a forma de acceso (quedará a criterio de cada convocatoria).
En canto á funcionarización do persoal laboral fixo, non se trata dunha "repesca", senon de persoas en excedencia que solicitaron o reingreso.
A discapacidade vai ao 12%, co 2% para intelectuais. Estes últimos serán en convocatorias separadas.
Manteñen a inmoralidade de que as escalas de grupo B queden en C1. Xa tiveron tempo dende que existe a Lei de emprego público de Galiza, e non hai ningún tipo de impedimento a que o Parlamento de Galiza faga as adaptacións necesarias sen requirir normativa estatal previa.
Tribunais: non concordamos que a paridade deba ser polo conxunto da oferta. Queremos que sexa tribunal a tribunal. Tamén que as persoas sexan seleccionadas por sorteo ou algún outro método fora da designación a dedo.
Para rematar, a OEP das escalas sanitarias é a única que queda fora. Os decretos de estrutura de Sergas e Sanidade prevén o seu traspado á DXEP. Que o fagan xa.
| Descargar | ||
| Criterios da OEP | Anexo de prazas | |
ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS
Formación da Egap para o persoal substituto do Consorcio: conseguir un curso de formación na Egap é moi complicado pero cando o persoal substituto do Consorcio conseguen praza nun curso, reciben un aviso da EGAP conforme son excluidas porque non aparecen con contrato na base de datos que Función Pública mecaniza cos datos das altas e ceses. Cando se lle pide explicación a Función Pública, o que se indica é que non teñen esa información mecanizada porque o Consorcio non a trasladou. O grave é que as perxudicadas son as traballadoras substitutas do Consorcio, sendo moi numerosos os casos que xa están reflexando por rexistro e mail as súas queixas. Solicitamos dende a CIG unha aclaración e solución ao respecto.
As categorías de psx e persoal xerocultor non están na relación de categorías e escalas que se relacionan no Fides cando te queres anotar nas listas de contratación (nin como listas abertas nin como listas pechadas). Segundo o decreto de listas, se unha lista está pechada pódeste anotar se tes méritos que achegar (tempo traballado). Nestas dúas categorías non hai esa posibilidade porque non aparecen. As listas que están agora en xestión (baremándose) destas dúas categorías son dos anos 2019 e 2020 e non as volveron a abrir e hai bastantes traballadoras que están prestando servizos nas listas do Consorcio que entraton por selección do INEM e que poderían anotarse nunha lista pechada. Os centros de traballo tamén saen prexudicados desta situación porque non van ter persoal suficiente para cobertura de vacacións (especialmente grave para os centros de maiores co persoal xerocultor).
Responde a DXEP que falará con Consorcio para aclarar estas cuestións.
