- Detalles
Na Comisión de Persoal do mércores 14 de maio, quedou aprobada a Resolución pola que se convoca o proceso selectivo para as especialidades de patrón/patroa e mecánico/a da escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galiza.
Son 23 prazas, mediante o sistema de oposición, repartidas do seguinte xeito:
- Patrón/patroa: 10 prazas, das que 1 está reservada para persoas con discapacidade, e 3 para promoción interna para persoas da escala de axentes de Gardacostas.
- Mecánico/a: 13 prazas, das que 1 está reservada para persoas con discapacidade, e 4 para promoción interna para persoas da escala de axentes de Gardacostas.
As bases foron negociadas previamente na Mesa Sectorial de Funcionarios/as (MSF) o día 8 de maio (se é do teu interese, podes ler o noso resumo: ligazón).
Respecto do borrador que levaron á MSF, fixeron os seguintes cambios:
- Requisitos de titulación: poñen os que indica a Lei do Emprego Público de Galiza (LEPG).
- Indican que o exame das dúas especialidades serán simultaneamente.
- Permiten rebaixar o corte ata 40%, pero só ata completar o número de prazas.
Na intervención da CIG manifestamos o seguinte:
- Poucas persoas candidatas haberá que teñan as titulacións para presentarse ás dúas especialidades. Pero podería ser, así que non queremos o exame simultáneo, para que as persoas candidatas que cumpran cos requisitos poidan presentarse ás dúas escalas.
- Aceptaron a posibilidade de baixar o corte ao 40% se co 50% non chegan a 4 persoas por praza. Pero a rebaixa ata o 40% vai ser ata completar unha persoa por praza. Isto pode implicar que non queden persoas con puntuación para as listas de substitución. A CIG reclama restaurar a posibilidade de baixar o corte ao 40% ata completar 4 persoas por praza.
- Defendemos a forma de acceso mediante concurso-oposición, para recoñecer así ás persoas con experiencia.
- O requisito de permiso de conducir non está na LEPG. Xustifican en que si está na Relación de Postos de Traballo (RPT). Entón, o que teñen é un desaxuste entre o que pon a LEPG e a RPT que teñen que corrixir. Insistimos en que deben axustarse aos requisitos da LEPG.
- O primeiro exercicio ten dúas partes. E cada unha desas partes ten un corte individual. A consecuencia é que en realidade son dous exercicios eliminatorios. Queremos que o corte sexa global para o exercicio, non para as partes.
Finalmente a convocatoria quedou aprobada co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT.
- Detalles
No DOG do 14/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinadas escalas e especialidades da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.
As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <listas de contratación>, e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.
As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentaren reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellaría de Facenda e Administración Pública, no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario das escalas que se relacionan:
Corpos e escalas (persoal funcionario)
Grupo Corpo/ escala Denominación
C1 209U Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal xefe de brigada.
C2 207S Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de emisorista/vixilante/a fixo/a.
C2 207T Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba.
C2 207U Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal.
- Detalles
O teletraballo é unha modalidade de prestación de servizos que compre manter na nosa Administración, resultado da negociación colectiva na que se acadou o Acordo coa CIG en decembro de 2020. O obxectivo foi substituír ao “teletraballo da Covid” e que tivera a maior vocación de permanencia posible e, deste xeito quedou regulado na Orde do 14 decembro de 2020 pola que se publica o Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza.
Mais estes meses estamos a ver como en determinadas unidades tentaron limitar o teletraballo ou incluso chegaron a suxerir a idea de que non se ían conceder determinados días. Na CIG avisamos de que isto non se podía facer “as bravas” e que se tiña que seguir o procedemento establecido. Porén, quedamos preocupadas/os ante o aumento de manifestacións contra o teletraballo por parte de persoas que teñen responsabilidade na xestión do persoal en varios departamentos e centros directivos, polo que falamos coa Dirección Xeral de Emprego Público por se houbera cambios unilaterais por parte da Administración, cousa que non íamos admitir.
Entón, que hai de certo nos rumores sobre a deriva antiteletraballo?
- SI, hai unha petición de datos de teletraballo ás consellerías por parte da DXEP, que son necesarios para poder convocar ás comisións, a técnica e a de seguimento.
- SI, hai malas interpretacións ou confusións, incluso ignorancia ou mala fe nalgunhas direccións territoriais e servizos, que aproveitando a solicitude de datos quixeron limitar o teletraballo fora do procedemento establecido, na vez de falar co seu persoal e acordar para manter o 40% de presenza nalgunhas datas.
- SI, é certo que os permisos e vacacións do persoal teñen prioridade sobre a modalidade de prestación de servizos de teletraballo. Hai que facer cadrantes para deixar o servizo cuberto.
e,
- NON hai limitacións nin restricións do Acordo de teletraballo publicado. O procedemento esta vixente na súa totalidade e, nestes momentos, tampouco hai proposta de modificación enriba da mesa.
- NON hai ningún tipo de instrución limitante dende a Dirección Xeral de Emprego Público, nin de número de xornadas nin de días da semana.
- NON chegou a Emprego Público ningunha resolución de suspensión ou revogación do teletraballo nestes meses.
Aínda que concordamos que pode ser necesaria unha análise do seu funcionamento para mellorar as eivas que se atopen, lembramos que unha aplicación incorrecta nalgunha unidade ou algún abuso puntual dalgunha persoa teletraballadora non pode dar lugar a unha limitación xeral deste réxime de prestación de servizos. E compre introducir unha fórmula que permita equilibrar nas unidades esta prestacións de servizos. NON se pode admitir que co mesmo traballo e na mesma unidade a unhas persoas se lles conceda o 50% das xornadas e a outras tan so un día a semana.
Somos conscientes de que hai máis cuestións que mellorar polo que se tes propostas, contacta coa CIG.
E por suposto, se intentan restrinxir sen motivo o teu teletraballo, se o queren facer a través de ordes verbais e sin resolución, se cho revogan ou si consideras que existen problemas, non dubides en contactar coa CIG.
- Detalles
Mediante a modificación do Real Decreto 383/2008 o Goberno pretende reducir os dereitos de xubilación do persoal bombeiro forestal establecendo límites a aplicación dos coeficientes redutores.
O proxecto de modificación do Real Decreto 283/2008 pretende rebaixar e escalar os dereitos de xubilación anticipada incluídos na Lei 5/2024, do 8 de novembro, básica de bombeiros forestais. Nesta lei igualábanse os dereitos de xubilación de bombeiros forestais co do resto de bombeiros cuns coeficientes redutores do 0,20. Porén, neste momento está en proxecto reducir estes dereitos no noso persoal bombeiro forestal, establecendo unha discriminación intolerable en relación co resto de bombeiros, xa que sinala un límite de 59 anos (con 35 ou máis cotizados) ou 60. Polo que, aínda que podas anticipar máis a idade de xubilación logo de aplicar os coeficientes redutores, non vas poder e vas ter que esperar a cumprir os 60.
Ademais, por se esta fora pouca limitación, vai ser condicionante que non se poda xubilar máis do 10% dos bombeiros forestais e vaise implementar a norma “a prazos” polo que os/as que lle toque no 2025 so poderán reducir 2 anos e no 2026, 4 anos, que se contarán a partir da idade ordinaria de xubilación (hoxe nos 66 anos e 8 meses). Un “sinsentido” que xunto coa elevada idade media do cadro de persoal vai a producir unha acumulación de solicitudes nos anos vindeiros, que como consecuencia atrasarán o dereito a xubilar.
| IDADE ORDINARIA XUBILACIÓN | IDADE CO PROXECTO DE COEFICIENTES | |
| 2025 (-10% bombeiro forestal) | 66 anos + 8 meses | 64 anos + 8 meses (so adiantas 4 meses) |
| 2026 (-10% bombeiro forestal) | 66 anos + 9 meses | 62 anos + 9 meses (so adiantas 3 anos + 3 meses) |
Como cuestión adicional non van poder aplicar coeficientes redutores aqueles compañeiros e compañeiras que están en Incapacidade Permanente sen outra actividade laboral, o que precariza de novo a quen está nunha situación máis desfavorable.
Co que loitamos para conseguir os coeficientes redutores non podemos dar nin un paso atrás!, por iso dende a CIG, vimos de presentar alegacións no trámite de participación pública, aberto ata o 19 de maio aquí.
E, lembramos a importancia de respectar os dereitos de participación do persoal, polo que as organizacións sindicais que temos a consideración de máis representativas deberemos poder negociar estes cambios normativos dentro das mesas de negociación legais do estado español, e ter a oportunidade de por freo a esta clara discriminación consecuencia dos “pactos sociais” ás agachadas.
Coa CIG na rúa, a loita continúa!
- Detalles
Un ano despois da inadmisíbel eliminación de tódolos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, a dirección da EGAP segue na súa liña de tentar acalar a lingua e cultura galegas, malia a que, precisamente, un dos motivos da existencia da Escola é a normalización e difusión do galego na Administración pública.
Unha mostra máis de que as persoas responsábeis da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) están a rexeitar a lingua e cultura galegas, incumprindo os fins do organismo público, é que non hai nin unha soa mención ao Día das Letras Galegas 2025 na portada do seu web. Tampouco sequera aparece unha mención a esta conmemoración no apartado de «Actualidade» onde se relacionan as novas no seu espazo en internet.
A difusión da programación dos actos conmemorativos das Letras Galegas deste 2025, para o coñecemento público en xeral das persoas que puidesen estar interesadas en asistir, é nula, sobre todo tendo en conta que hai un prazo de solicitude —que remata o 12 de maio—, as prazas son limitadas e as persoas destinatarias son, amais do persoal empregado público, o público en xeral. Isto bate frontalmente co que adoita facer a EGAP con ocasión doutros eventos, como unha sinxela conferencia, onde ademais de publicitalo no seu web, tamén o anuncia na prensa. Nada disto se lle aplica á efeméride do ano máis importante en relación coa nosa lingua.
Na ficha da actuación para os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2025 a EGAP ten programadas as seguintes actividades:
- Acto conmemorativo o venres 16 de maio de 12.30 h a 14.30 h, no salón de actos da EGAP: proxección dunha homenaxe, un relatorio a cargo de Icía Varela e unha interpretación musical por parte de Emilio Rúa. Ao remate hai un cóctel. As persoas destinatarias son aquelas interesadas en asistir (público en xeral) até completar o aforo.
- Viaxe de interese cultural o domingo 18 de maio de 10.30 h a 17.15 h. A viaxe inclúe unha visita a Muxía e outra a Malpica, ademais dun xantar. Non se especifica ningunha outra información. Para poder asistir á viaxe é obrigatoria a asistencia previa ao acto conmemorativo (non entendemos por que motivo!), e a selección faise por orde de inscrición. Só ten acceso á viaxe o persoal empregado público de calquera das administracións públicas de Galiza, cun límite de 50 prazas.
A devandita ficha remite á páxina de inicio do web da EGAP para poder ver o programa completo do acto conmemorativo e a viaxe. Ningunha desta información está dispoñible á data de remate do prazo oficial para solicitar a participación.
Pretende a dirección da EGAP minimizar a repercusión dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2025, despois de seren eliminados en 2024? Nestes momentos o número de solicitudes presentadas é de 34, mentres que a EGAP indica na Área de Matrícula que convocou 286 prazas, das cales 50 se corresponden cunha viaxe cultural a Malpica e Muxía.
Esiximos á EGAP que cumpra cos fins que ten atribuídos por lei e que se deixen de acalar as letras e lingua galegas xa!
Mobilízate connosco o vindeiro 15 de maio diante da EGAP por unha EGAP transparente e en Galego!

- Detalles
Dende a vicesacretaría xeral da Consellería de Sanidade veñen de convocarnos ás catro organización sindicais asinantes do acordo para a ordenación e mellora da prestación de servizos veterinarios oficiais no ámbito da Xunta de Galicia a unha xuntanza previa o vindeiro venres día 16 de maio sobre a proposta de modificación do dito acordo para súa negociación. Para iso achégannos un borrador no que se inclúen en amarelo parte das consideracións realizadas polas organizacións sindicais o pasado 5 de maio.
Porén vos pedimos que nos fagades chegar as alegacións ao texto que consideredes oportunas antes do xoves.
Proceso selectivo C1-escala operativa Gardacostas, especialidades de patrón e mecánico (CP 14/05/25)
- Detalles
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou Comisión de Persoal para o vindeiro mércores, 14 de maio, co seguinte punto na orde do día: proposta de convocatoria de proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso polas quendas de acceso libre e promoción interna, nas especialidades de patrón e mecánico da escala operativa do Servizo de Gardacostas, C1. Descargar
- Detalles
A Presidencia da Xunta consumou un incremento retributivo para o seu persoal da escala de letrados/as e un cambio na estrutura para un mellor control político do Instituto Galego de Estatística. Estas medidas foron aprobadas na Comisión de Persoal do xoves 8 de maio de 2025, co voto en contra de CIG, abstención de CCOO e UGT, e voto favorable de CSIF.
Letrados/as
Non cuestionamos que o persoal funcionario da escala de Letrados/as da Presidencia da Xunta, teñan unha alta carga de traballo que xustifique unha mellora retributiva de 5.000 € anuais. E tamén concordamos en que vexan as súas retribucións homologadas cos equivalentes do Consello Consultivo de Galiza. O caso é que os letrados e letradas da Presidencia da Xunta de nivel 30 quedan cun Complemento Específico de 30.193,94 €/anuais, e os/as de nivel 28 quedan con 23.444,12 €/anuais.
Foi unha decisión imposta na Lei de orzamentos, sen negociar, que deixa fora a todo o resto do persoal, que vai con niveis dende o 10 ao 30, con retribucións brutas anuais dende os 20.000 ata os 60.000 €.
Tan só o incremento do complemento de específico (5.000 €) dos letrados e letradas de nivel 30, case iguala o total anual de específico que cobra un persoal funcionario de nivel 10 (uns 6.500 €/anuais).
A CIG non se opón a que se incrementen 5.000 € aos que máis cobran, pero tamén para os que menos. Queremos un incremento de 5.000 € brutos anuais de xeito lineal para todo o persoal ao servizo da Administración Autonómica de Galiza. Queremos unha revisión global das retribucións, cun incremento dos niveis mínimos, e un estudo do nivel que corresponde a cada posto axustado ás dificultades técnicas, dedicación, responsabilidade, quendas, etc.
Deslocalización de postos
A proposta da Presidencia da Xunta inclúe a deslocalización de catro postos de letrados/as. Estes van poder elixir a localidade dende a que van traballar. Non é teletraballo, é que estes catro postos van poder decidir en que cidade van ter a súa oficina de traballo.
A CIG non se opón á deslocalización de postos, sempre que sexa transparente, aberto, e con criterios obxectivos. Pero non deste xeito, para postos sinalados, sen un procedemento público e transparente.
O control do Instituto Galego de Estatística
Outra pata desta modificación da RPT da Presidencia da Xunta é o traspaso do IGE que pasa a ser un instrumento directo da Presidencia.
A manobra nace tras o informe devastador que emitiu o IGE sobre a situación dramática de perda de falantes que vive a lingua propia de Galiza. O Presidente Rueda decidiu inmediatamente modificar a estrutura da Xunta para adscribirse directamente o IGE. Será el, licenciado en dereito, quen presida os distintos órganos estatísticos: o IGE, o seu consello reitor, e o Consello Galego de Estatística.
- Detalles
No DOG do 12/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 9 maio de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias, convocado pola Resolución do 27 de febreiro de 2024.
Publican as puntuacións provisionais das persoas concursantes admitidas para cada un dos postos solicitados, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na epígrafe de concurso de traslados https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta
As persoas interesadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, concretamente ata o 26 de maio. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal e deberá cubrirse e presentarse electronicamente segundo o establecido na base IV da convocatoria («Tramitación electrónica») https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracionde-reclamacions
- Detalles
Compañeira/Compañeiro:
O vindeiro xoves 15 de Maio imos facer unha CONCENTRACIÓN diante do edificio da EGAP en Fontiñas, Compostela.
Co lema «Por unha EGAP transparente e en Galego» esiximos a demisión da directora que, dende que entrou no posto, está a desmontar, literalmente, a institución. Á xa opacidade endémica uniuse o peche da biblioteca, a privatización de cursos, a dedocracia co profesorado, a falla de valoración das enquisas que realiza o alumnado, a baixada da calidade, a escaseza de cursos, sobre todo de linguaxe administrativa, a precaridade do persoal lingüista e, agora, a galegofobia.
Lembramos que o ano pasado directamente eliminou os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, e que non hai ningún tipo de fomento da lingua galega, cando estamos a ver que o castelán se está a converter na lingua de uso cotiá, non só nos órganos da EGAP, senón tamén na formación.
É importantísimo manter unha formación continua de calidade e na nosa lingua, na que todas teñamos oportunidade de acceder aos cursos cunha oferta suficiente e equilibrada para atender as diferentes necesidades do persoal empregado público.
É por iso que che convocamos para que acudamos xuntas a esta MOBILIZACIÓN na defensa da EGAP.
Vémonos o xoves 15 de maio ás 11 h diante da EGAP!
Mobilízate contra a deriva privatizadora, antigalega e elitista da EGAP!

