- Detalles
Como todos os anos, durante a campaña de realización do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) desde a CIG ofertamos o servizo de realización das Declaracións da Renda a todas aquelas persoas afiliadas que teñan as cotas ao día.
A campaña da renda deste ano comeza o día 8 de abril 2026 rematando o 30 de xuño 2026. Para solicitar cita podes facelo por dúas vías:
1. Vía web
Accedendo mediante a ligazón https://oficina.cig.gal/renda
A solicitude sempre se fará cos datos da persoa afiliada e cubrindo os datos solicitados. Hai que por o importe da casilla 505 da renda do 2024, e, no caso de non ter feito a renda indicar os 5 últimos números de conta bancaria. Unha vez cubertos estes datos accedes á axenda.
Lembra que as citas poden ser presenciais (terás que achegarte ao local) ou telefónica (ese día e hora aproximada chamarémoste). A cita será confirmada no correo electrónico indicado.
RECOMENDAMOS QUE POLA SUA FACILIDADE E PRACTICIDADE COLLAS A CITA VIA WEB, na ligazón indicada https://oficina.cig.gal/renda, xa que pola densidade do número de chamadas que se reciben, as liñas colápsanse, facendo imposible dar a atención debida.
2. Vía Telefónica
Chamando aos locais da CIG preferiblemente no horario de maña.
Para coller a cita tes que ter a man o documento de identidade, a renda do ano pasado e senón fixeches a renda terás que indicar os 5 últimos números da conta bancaria, tanto teus como do teu cónxuxe ou parella.
Imprescindible ter estes datos a man no momento da chamada senón non poderemos concertar a cita
Indica se percibiches salarios atrasados, por sentenza, acordo, Fogasa, etc.... antes do inicio desta campaña xa que pode ser que teñas que tributalo neste exercicio!!!
Lembra que á hora de facer a Declaración da Renda que a cota sindical desgrava.
REQUISITOS PARA DESGRAVAR POR FILLOS, DESCENDENTES E ASCENDENTES
Fillas e fillos: ter menos de 25 anos no 2025 agás os discapacitados, depender e convivir co declarante, e ter rendas anuais inferiores a 8.000€, e non estar obrigados a declarar
Descendentes: o mesmo que o anterior
Ascendentes: ser maior de 65 anos, agás os discapacitados, depender e convivir co declarante e ter rendas anuais inferiores a 8.000€
- Detalles
A Dirección Xeral de Emprego Público volve demostrar unha xestión caótica e irresponsable na oferta de postos para a toma de posesión
Dende a CIG-Autonómica denunciamos que se ofertan só 98 postos, exactamente as persoas aprobadas (96 acceso libre B + 2 estabilización C1), cando no concurso previo quedaron 123 postos vacantes, deixando sen cubrir 49 postos reais. Xa que inclúen 24 postos que non pasaron polo concurso de traslados —mesmo un de axente territorial— distorsionando completamente a provisión de postos/destinos..
Ademais, algúns destes postos están ocupados por persoal interino de longa duración da escala de axentes forestais do C2, con máis de vinte anos de servizo, sen que tiveran opción de estabilización. Esta situación pode derivar en indemnizacións de milleiros de euros, consecuencia directa dunha mala xestión da Xunta.
O panorama é máis complexo cara o futuro se temos en conta que das prazas de medio ambiente só se ofertan 7 postos, a pesar de ser de difícil cobertura, de feito están acudindo con comisións de servizo doutras escalas, trasladando persoal dun servizo a outro e deixando sen opcións ás persoas que acceden por oposición con coñecementos específicos.
Non estamos só ante un problema de número de postos, senón tamén de clasificación. Na CIG temos xa en estudo da impugnación desta elección de destino, porque non é admisible que persoal do grupo B estea a tomar posesión en postos clasificados como C1, o que supón na práctica unha rebaixa da súa escala. Esta actuación será levada aos tribunais e ampliarase tamén aos postos que non pasaron polo concurso de traslados.
A Dirección Xeral de Emprego Público entrou nunha dinámica de conveniencia, aplicando un criterio contrario ao defendido nas mesas de negociación —ofertar os postos que pasaron polo concurso— algo imposible de xustificar se non é para prexudicar a uns e beneficiar a outros. E por que motivo non envía previamente á representación do persoal os buzóns de postos para que podamos alegar? Que está a agochar?
Dende a CIG-Autonómica esiximos a retirada inmediata dos postos irregulares e a oferta de todas as vacantes que pasaron polo concurso conforme os criterios de legalidade, planificación e respecto polo emprego público.
- Detalles
Esiximos a aplicación inmediata do réxime excepcional de teletraballo ante a situación actual, marcada pola suba dos combustibles e da cesta básica
A guerra no Oriente Medio, tras os ataques militares de Estados Unidos e Israel contra Irán, e as súas consecuencias sobre o mercado enerxético internacional, co bloqueo do estreito de Ormuz, xa están a ter efectos directos en todos os sectores produtivos, máis alá do custo de encher o depósito. A isto súmase a liberación de reservas estatais de petróleo, cun escenario incerto nas vindeiras semanas.
Mentres a Unión Europea recomenda reducir desprazamentos e fomentar o teletraballo para aforrar combustible, e o propio Goberno do Estado español incorpora esta medida nas súas actuacións fronte á crise a través de plans de mobilidade sostible, na Xunta do PP estase a facer o contrario: seguen recortando xornadas en numerosos centros de traballo a pesar de que se traten de postos administrativos ou tecnicos sen atención ao público, cousa que temos denunciado aquí e sobre a que interpuxemos unha demanda xudicial.
Esta situación está a incrementar de forma directa o custo de acudir ao posto de traballo, nun momento no que o persoal xa viñamos sufrindo unha perda de poder adquisitivo pola suba da carestía da vida, cun IPC real elevado e incrementos salariais insuficientes para compensalo. E esta nova guerra tan so leva 6 semanas...
Reclamamos da Xunta unha resposta inmediata, solidaria e adaptada á realidade actual, activando medidas excepcionais ou ampliando ao máximo o teletraballo co máximo respecto ao mantemento do servizo público. É hora tamén de negociar un Plan de Mobilidade para todo o persoal. Non pode seguir a mirar para outro lado mentres estamos a asumir as consecuencias desta situación.
- Detalles
Asistimos á Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario o martes 7 de abril, para tratar varias propostas de modificación de relacións de postos de traballo (bioloxía, ciencias do mar, Fogga e Vivenda). Na rolda aberta de intervención falouse dos concursos de traslados, dos exames de oposición de SPIF, da oferta de destinos de Axentes, do Plan de Igualdade e da carreira profesional.
RPT DA COMUNIDADE AUTÓNOMA
Modifican tres postos de traballo para permitir a toma de posesión definitiva dos procesos selectivos de bioloxía e ciencias do mar, consistente en cambios de especialidade e doutoramento como méritos. A CIG manifestou que ou se lle pon a todos os postos o mesmo ou non se entende a diferenza de niveis entre os postos. Queremos que se sentena negociar para que non teñamos que estar a bailar cos postos segundo a situación.
RPT DE VIVENDA E PLANIFICACIÓN DE INFRAESTRUTURAS
Amortizan 17 postos para crear 15, e modifican determinados aspectos de 5 postos. Rexeitamos a destrución de emprego público para crear postos de estrutura. Rexeitamos a apertura de postos a outras administracións sen acordo de reciprocidade. A xefatura de sección de nóminas en Pontevedra non tería que ser de área de persoal, senón económica.
RPT do FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA (FOGGA)
Modifican a xefatura de Servizo Sector Lácteo e Mercados Agrícolas que pasa de especial a xeral. Cambian a adscrición dun posto de A11 (Xunta, Estado, CC.AA.) a só Xunta (AXG). Para a CIG non hai un argumento sólido para abrira o posto de especial a xeral. Reclamamos máis postos de traballo en Ourense e Lugo pola alta carga que están a sufrir, e con postos de traballo vacantes que non se cubren. A representación de Fogga di que son conscientes dos problemas en Ourense e Lugo, e que están agora tramitando a cobertura dos postos.
ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS
Datas de resolución e posesión de concursos de traslados: a DXEP segue sen facilitar información suficiente. Limítase a dicir que: 1) o concurso de axentes está pendente da toma de posesión (nada novo); 2) para corpos xerais no mesmo DOG en que se publique a resolución sairá tamén a data de toma de posesión (están e elaborar o calendario con datas aproximadas), engade que podería ser na próxima semana pero non o ten claro (tampouco queda claro se fala de cando pensa que terán pechado o calendario ou cando van publicar en DOG).
Postos retirados do concurso de escalas sociais: non dá información nin datos.
Data de exame de bombeiros (15 de maio): a DXEP desminte os ruxe-ruxe de que o exame vai ser aprazado. Continúa a data do 15 de maio.
Oferta de prazas para destino de Axentes medioambientais: son 98 prazas para 98 persoas aprobadas. A DXEP di que van revisar (retirar postos e engadir) e publicar as modificacións .
Enquisa Plan de Igualdade: enviouse a todo o persoal empregado público. O prazo de resposta rematou o 6 de marzo. Agora están a analizar toda a información recibida. A CIG engade que queremos saber que porcentaxe houbo de participación, porque a enquisa era mala, con preguntas non axeitadas.
Carreira profesional: a DXEP non ten clara cantas solicitudes quedan por resolver. Revisará e trasladará a información.
- Detalles
No DOG do 06/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de varias escalas e especialidades do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, e da agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.
A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galiza, https://www.xunta.gal/funcion-publica, na epígrafe de <concurso de traslados>.
A listaxe de persoas solicitantes excluídas figura como anexo desta resolución.
As respostas ás reclamacións poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions co DI e co código da reclamación formulada.
- Detalles
Após a xuntanza da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario do pasado 27 de marzo, onde se tratou a convocatoria do proceso selectivo de estradas e mobilidade, agora a directora de Emprego Público convócanos á reunión da Comisión de Persoal (CP), fixada para o 9 de abril, coa seguinte orde do día:
1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.
*[Cambios!: a nova versión do texto trae dous cambios importantes:
- engaden a fase de concurso
- inclúen ao persoal laboral fixo do grupo IV-31 (persoal legoeiro) na promoción interna]
3. Proposta de sanción de suspensión provisional de persoal funcionario de carreira da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no marco do procedemento disciplinario que se segue contra dito/a funcionario/a.
4. Rolda aberta de intervencións.
- Detalles
O día 27/03/26 saíron publicadas no DOG as puntuacións provisionais das persoas participantes no concurso de escalas sociais (F0525).
E como agasallo, xunto coas puntuacións, a DXEP retira do concurso 25 postos vacantes (1 de auxiliar de clínica, 1 de educador/a social, 1 de terapeuta ocupacional, 2 de médico/a, 11 de psicólogo/a e 9 de traballador/a social).
Ese mesmo día, na Mesa sectorial de persoal funcionario a CIG pediu explicación á directora xeral e esta non se dignou a contestar nada, mesmo despois de repreguntar. Din que na páxina web xa figuraban en vermello os postos retirados, pero aí non vén o motivo da exclusión e sinalan que son procesos xudicializados, e hai determinada información que non poden proporcionar e só poden anunciar no DOG para que as persoas interesadas comparezan.
Isto son desculpas, porque independentemente de que a retirada derive de medidas cautelares ou de sentenzas firmes (e nós xa pedimos os expedientes), iso non impide que a Administración poida adoptar solucións para garantir o dereito das persoas concursantes.
Hai que lembrar que a culpa de todo isto é da propia Xunta de Galiza ao dar postos de nivel en destino provisional, cando o que tiña que ter feito en tempo e forma é un concurso de traslados e posteriormente dar destinos definitivos ao persoal de novo ingreso.
E chegados a este extremo, o que tería que facer a Xunta antes de retirar os postos é sentarse coa representación sindical a negociar previamente e tratar de atopar unha SOLUCIÓN CONSENSUADA, onde se garantan os dereitos de quen agora os perde.
Como temos máis precedentes, ao igual que no caso do concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, o que teñen que facer é DUPLICAR OS POSTOS.
Si se puido facer anteriormente se pode facer agora. E non hai desculpa, nin organizativa nin orzamentaria, que impida facelo. A DXEP ten que saír da desidia e da zona de confort e afrontar o problema en vez de agochar a cabeza retirando postos.
Dende logo, á CIG isto non nos vale, e imos empeñarnos con todos os medios para garantir o dereito das persoas concursantes a poder optar como mínimo, a un posto de similares características aos retirados tal e como se fixo con anterioridade.
- Detalles
No DOG do 01/04/2026 publican a RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento da xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo de grao medio, escala técnica facultativa, especialidade de educador e educadora infantil; corpo de técnicos/as de carácter facultativo, escala de axentes técnicos/as facultativos/ as, especialidade educación infantil; corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de coidadores de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.
O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos e para xustificar a posesión de méritos e requisitos será de 10 días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, concretamente desde o 6 de abril de 2026 ao 17 de abril de 2026.
Durante o prazo indicado no punto primeiro as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, aos cales se engaden as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publícase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo: https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta
Os méritos e requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das súas entidades públicas instrumentais.
Para acreditar os méritos, as persoas concursantes presentarán a documentación que xustifique a totalidade do mérito rexistrado, do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023. Isto é, se posúen documentos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas incorporaranas directamente no seu expediente electrónico persoal a través do enderezo https://fides.xunta.gal ou, cando os documentos orixinais figuren en formato papel, presentarán a documentación e o informe xerado en Fides, na pestana de actualización de méritos, de maneira presencial en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
- Detalles
O xefe da Área de Recursos Humanos da Axencia de Turismo de Galiza vén de convocarnos a unha xuntanza informativa previa á negociación na Mesa Xeral sobre unha proposta de modificación da RPT da Axencia de Turismo de Galiza. A reunión terá lugar o luns 13/04/26 ás 11 h na sede na Axencia na Barcia, coa seguinte orde do día:
1. Información da proposta de modificación da RPT da Axencia de Turismo de Galiz (memoria económico-financeira e memoria funcional).
2. Intervencións dos/as representantes das OOSS.
3. Rogos e preguntas.
No caso de que teñas algunha pregunta, suxestión ou dúbida, ou queiras achegarnos algún dato, non dubides en poñerte en contacto coa CIG.
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será o martes 07/04/26, coa seguinte Orde do día:
1. RPT que modifica 3 postos de bioloxía e ciencias do Mar. Descargar
2. RPT de Fogga. Descargar
3. RPT da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Descargar
Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG.