Novas por contido

Nunha nota informativa que nos veñen de enviar dende a DXEP e que tamén colgan na súa páxina, as eleccións de destino definitivo dos procesos pendentes do SPIF adíanse ata o día 22 de decembro.

Reproducimos aquí o contido íntegro da nota:

Eleccións de destino definitivo dos procesos selectivos vinculados ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. (SPIF)

No DOG do 12 de decembro publicáronse as Resolucións do 11 de decembro de 2025 polas que se convocan ao acto de elección de destino ás persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso nas escalas, especialidades ou categorías laborais vinculadas ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

En relación co dito acto, infórmase ás persoas aspirantes que o prazo de cinco (5) días hábiles para a selección telemática, a través do sistema electrónico, dos postos ofertados segundo á súa orde de prelación, que estaba previsto que se iniciara o 17 de decembro de 2025, comezará o vindeiro 22 de decembro de 2025.

A Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático convocounos a unha xuntanza para o xoves 18 de decembro, para tratar a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo. En grandes liñas, a proposta ten por obxecto:

  1. Asumir os postos ocupados transferidos do Estado polo traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galiza en materia de ordenación e xestión do litoral.
  2. Crear 3 postos novos necesarios para a carga de traballo existente.

Se é do teu interese, podes descargar a documentación e contactar coa CIG.

O sábado 13 de decembro, a CIG convocou xunto con outras organización sindicais, unha manifestación en Compostela para denunciar o incumprimento do Acordo que a Consellería de Política Social asinou no ano 2023 con CIG, CCOO, CSIF e UGT.

A piques de rematar a vixencia do Acordo, a Administración aínda non activou as subcomisións necesarias para desenvolvelo. Está a Consellería a agardar pola caducidade do Acordo para comezar a cumprilo?

Un dos exemplos máis graves é a falta do protocolo fronte ás agresións físicas e verbais, imprescindible nos centros de atención directa. Hoxe en día están a ingresar persoas con patoloxías psiquiátricas ou adiccións, e o persoal enfróntase a situacións de risco sen as ferramentas nin os recursos mínimos. Isto non é unha opinión, é o día a día de quen sostén estes servizos.

A realidade é que os rateos de persoal están obsoletos desde 2006, e isto tradúcese en situacións límite: centros onde unha soa persoa traballa de noite atendendo a todos os residentes mesmo en varios andares diferentes. A Administración está a facer que o persoal asuma responsabilidades imposibles, poñendo en risco tanto ao persoal como ás persoas usuarias. Durante a pandemia e nos meses posteriores reforzouse o persoal e quedou demostrado que era necesario para dar un  servizo axeitado. Pero a resposta da Consellería foi despedilo en canto puido e volver a deixar os centros en situación de mínimos permanentes.

E isto non afecta só aos centros de maiores ou menores. Dependencia, os EVO e os Equipos de Menores, escolas infantís... son servizos que a día de hoxe están igualmente saturados. No caso dos Equipos de Menores falamos de persoal técnico con ata 140 expedientes, cando o rateo recomendado é de 20. É evidente que así non se pode garantir a protección da infancia nin un seguimento digno dos casos. Ademais, en demasiados lugares trabállase en instalacións indignas, sen privacidade e incumprindo mínimos básicos para respectar a integridade das persoas usuarias.

Por iso dicimos alto e claro: a Consellería de Política Social ten abandonados os servizos sociais públicos e ao persoal que os sostén!. Esiximos o reforzo inmediato dos cadros de persoal, a creación das prazas necesarias e a apertura dunha mesa de negociación seria, con vontade real de resolver problemas, non de adialos.

Os servizos públicos non se sosteñen con discursos, senón con recursos e con respecto ao seu persoal e as persoas usuarias. E ese respecto comeza por cumprir os acordos asinados!

No DOG do 16/12/2025 publican a RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2024 e a baremación definitiva dos servizos prestados para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar nas listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Publican a actualización definitiva de méritos correspondentes ao ano 2024 dos integrantes das listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se especifican no anexo I desta resolución e a persoal laboral dos grupos e categorías que se determinan no anexo II.

As puntuacións totais das persoas integrantes das listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>.

Publican a baremación definitiva dos servizos prestados ata o 31 de decembro de 2024 no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en categorías, corpos ou escalas en que existen listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia que figuren nos anexos I e II.

As puntuacións totais das persoas integrantes das listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>.

As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

A resolución pola que se estableza a substitución dunha determinada lista propia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por unha lista regulada polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo) deberá ser publicada no Diario Oficial de Galiza.

Así mesmo, está previsto que se publiquen no Diario Oficial de Galicia do 18/12/2025 as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza, nas que se incorporan as solicitudes presentadas no prazo extraordinario aberto para as persoas incluídas nas listas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e no prazo ordinario establecido no artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Tras a xuntanza que tivemos coa Consellería de Sanidade o 5 de decembro, o luns 15 pasou por Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF) a proposta de Decreto da Oferta de Emprego Público (OEP) de escalas sanitarias do ano 2025, e a convocatoria do proceso selectivo tamén das escalas sanitarias correspondente a todas as prazas das OEP dos anos 2022, 2023 e 2024. 

Os documentos que envían, para os dous asuntos, non teñen cambios respecto do borrador inicial, e nesta Mesa a consellería tempouco moveu os textos. Así que estamos nun punto no que é probable que non acepten cambios. 

Para a OEP-2025, manifestamos:

  • Axilidade: que non pase máis dun ano entre oep e convocatoria, e entre convocatoria e nomeamento.

  • Cuantificación: das 23 prazas ofertadas, 21 son vacantes por xubilación e queremos saber os números de vacantes de cada clase. A resposta de Sanidade é que por cuestións organizativas decidiron concentrar as vacantes nas clases de inspección e subinspección médica (17 prazas).

  • Previsión de xubilacións: habilitan a convocatoria de prazas adicións por previsión de xubilacións dos dous anos seguintes. O problema que xenera é que hai riscos de deixar fora a persoas que superen o proceso se finalmente non se efectiviza unha das xubilacións previstas.

  • Forma de acceso: concurso-oposición. Defendemos que conste a porcentaxe 40-60.

  • Tribunais: a súa composición será paritaria para o conxunto da oferta. Defendemos que sexa paritaria para cada convocatoria.

  • Promoción interna: limítanse a dicir que se respectará o mínimo legal (25%). CIG defende que sexa do 50% e separada da libre.

  • Galego: indica que as bases “establecerán o carácter deste exame". Con iso permiten que poida ser non eliminatorio. Rexeitamos que un funcionario ou funcionaria poida non estar capacitado/a para comunicarse cunha persoa que lle fale en galego. 

Para a convocatoria do proceso selectivo dos anos 2022 a 2024

  • Inclusión das prazas da OEP 2025: a convocatoria que propoñen correspóndese con todas as prazas das OEPs dos anos 2022, 2023 e 2024. Propomos que sumen as prazas da OEP 2025 (a do punto anterior) que vai quedar publicada antes de rematar o ano.

  • Actualización do temario: o temario da parte específica é do ano 2021, e podería necesitar unha revisión. En todo caso, queremos normas de dereito positivo en troques de temas, e se non é posible, que publiquen manuais ou referencias bibliográficas.

  • Fase de concurso: defendemos unha revisión nas seguintes liñas:
    • Que sexa diferente en promoción interna e acceso libre
    • Que a experiencia na propia administración puntúe máis que noutras
    • Que a experiencia na mesma clase aumente o seu peso respecto da experiencia noutros postos
    • Que desapareza a puntuación por permanencia (xa vai na experiencia).
    • Que para a formación non puntúe a impartición mentres non haxa criterios obxectivos e transparentes para a selección de persoas formadoras
    • Valorar só a formación de entidades públicas

  • Proba de galego: a proba de galego debe ser eliminatoria, pois non pode superar o proceso unha persoa que non estea capacitada para atender á cidadanía no seu idioma.

  • Infrarrepresentación feminina: se existe, que sexa o primeiro criterio de desempate.

  • Linguaxe inclusiva: solicitamos o emprego de linguaxe inclusiva na totalidade do texto, dándolle preferencia ás formas neutras, polo que pedimos a súa revisión.

Tras pasar pola MSF, agora toca que sexa aprobada en Comisión de Persoal e, unha vez que decida o Consello da Xunta, irá para o DOG.

En relación ás eleccións de destinos de SPIF, na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario do luns 15 de decembro, a CIG manifestou o seguinte:

Oferta de postos adxudicados en concurso de traslados

En DOG 17/11/25 publican a resolución do concurso de traslados do spif. En DOG 12/12/25 convocan a elección de destino definitivo ás persoas que superaron varios procesos selectivos do spif. Detectamos que polo menos 10 postos adxudicados en concurso de traslados, son ofertados para destino definitivo. Ten que ser un erro.

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que efectivamente é un erro, e que publicarán unha corrección en DOG.

Postos insuficientes

Hai categorías/escalas en que o número de persoas que superaron o proceso é superior ao de postos ofertados (ten que ser outro erro). Noutras categorías/escalas, si chegan, pero ofertan un número de postos moi xusto cando existen máis vacantes. Defendemos que oferten todas as prazas que quedaron vacantes no concurso de traslados.

A DXEP resposta que nos distintos procesos de spif, teñen numerosos casos de persoas que superaron varias escalas ou superaron funcionario e laboral ao mesmo tempo. Por tanto, serán bastantes os casos nos que as persoas terán que optar. Tendo iso en conta, asegura que o número de postos que ofertan son suficientes. En información posterior indicou que van a revisar as prazas, polo que suspenden a elección de destino.

Prazas helitransportadas

Preguntamos que teñen pensado facer coas prazas helitransportadas, pois as persoas aspirantes non tiveron que superar unha proba específica para estes postos. A resposta da DXEP é que revisarán o que procede facer

Prazas de estabilización

Para rematar, vemos que nalgunha escala hai menos persoas aspirantes que as de persoas que superaron os procesos de estabilización. Van correr a lista posteriormente á elección de destino? Non temos resposta a isto.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa de Negociación de Persoal Funcionario para o luns 15 de decembro, para tratar os seguintes asuntos:

  • Decreto de Oferta de Emprego Público 2025 das escalas sanitarias (Lei 17/89). Descargar (sen cambios respecto da xuntanza previa)

  • Convocatoria de proceso selectivo de escalas sanitarias (das OEP 2022 a 2024). Descargar (sen cambios respecto da xuntanza previa)

  • Proposta de modificación da RPT da APLU. Descarga

O vindeiro martes, día 16 de decembro, fomos convocados para a negociación da proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia.

Trátase dunha modificación de RPT que afecta unicamente a 4 postos. Propoñen a amortización dunha xefatura de sección de biblioteca, tres postos nos que propoñen modificacións e a creación dunha xefatura de sección na asesoría xurídica xeral.

Documentación remitida: (descarga documentación)

  • Borrador da memoria xustificativa do proxecto de modificación da RPT
  • Relación postos a amortizar
  • Listado de equivalencias parcial 
  • Anexo DOG parcial 
  • Relación postos modificados 
  • Relación creacións postos

Se queres facer algunha achégada conctacta coa CIG

 

A CIG-Autonómica chama a unha concentración diante do Parlamento da Galiza o vindeiro martes 16 de decembro ás 11 horas pola defensa dunha lei de orzamentos que recupere dereitos e salarios para o persoal público. Denunciamos a situación de empobrecemento que sofre o persoal e o deterioro contínuo dos servizos públicos.Nos últimos anos, as políticas liberais impulsadas polos gobernos do PP e do PSOE, tanto dende o Estado español como dende a Xunta de Galiza, están a desmantelar unha Administración Pública que debería ser forte, moderna e ao servizo da cidadanía.

A súa aposta pola privatización de servizos está a provocar un funcionamento deficiente da Administración e pon en risco a prestación dos servizos públicos que garanten a igualdade e a cohesión social. Ao mesmo tempo, as condicións laborais do persoal público empeoran ano tras ano. Perdemos máis do 20% do poder adquisitivo, mentres se conxelan as ofertas de emprego público propiciando o avellentando dunha administración incapaz de avanzar nun contexto de dixitalización e modernización.

É urxente axilizar e ampliar as ofertas de emprego público para renovar os cadros de persoal, crear novo emprego público e garantir unha Administración ao servizo da sociedade, con medios suficientes para atender ás necesidades de todas e todos.

A xubilación tamén é un dereito que os gobernos teñen posto no punto de mira. A intención de eliminar a xubilación forzosa do EBEP e permitir o traballo até os 72 anos é un ataque directo ao dereito ao descanso digno e á renovación xeracional. Preguntámonos como se vai renovar o persoal se pretenden que traballemos até os 72 anos?

A CIG rexeita rotundamente calquera intento de adiar a idade de xubilación. Denunciamos tamén a complicidade dos sindicatos estatais CCOO, UXT e CSIF, que coas súas sinaturas e pactos cos gobernos do Estado e da Xunta, contribuíron ao empobrecemento do persoal público e ao deterioro dos servizos. Asinaron acordos salariais por debaixo do IPC, acordos que mantiveron as taxas de reposición e que provocaron a perda de postos de traballo, ademais de pactos incumpridos que deixaron en papel mollado as súas promesas.

Agora, a historia repítese: volven negociar á marxe da Mesa Xeral, fóra do ámbito legal de negociación, perpetuando coa súa sinatura outro acordo regresivo, que deteriora aínda máis os nosos salarios e condicións laborais.

Para reverter esta situación esiximos ao Goberno do Estado e tamén da Xunta de Galiza unha lei de orzamentos que inclúa:

  • Unha Cláusula de garantía salarial blindada por lei máis, ademais dunha suba do 5% para este 2025 e para o 2026 (para isto temos en marcha unha iniciativa lexislativa para que o Parlamento galego inste á Xunta de Galiza a dirixirse ao goberno do Estado para que presente unha proposta de lei que recolla a cláusula de garantía salarial) 
  • Xornada laboral de 35h
  • Á Xunta de Galiza na súa lei de orzamentos demandámoslle:
    - Concursos de traslados permanentes.
    - Complemento de antigüidade para a homologación dos trienios‍.
    - Promocións internas por concurso de méritos sen límite de prazas‍.
    - A Administración debe esixirse a si mesma que o persoal de novo ingreso cumpra o requisito de coñecemento da lingua galega
    - Recuperar os 9 días de asuntos particulares recortados no 2012. (derrogar a lei de medidas 2012).
    - Supresión da limitación nas contratacións de persoal substituto e interino.
    - Un complemento transitorio do soldo base e trienios das pagas extraordinarias para recuperar o poder adquisitivo perdido dende o 2010.
    - Carreira profesional aberta, xusta, equilibrada e que restaure dereitos á quen llos negou.

Coa CIG na rúa, a loita continúa!

Na xuntanza do mércores 10 de decembro da Comisión de Seguimento do acordo de Política Social a Consellaría lonxe de ofrecer solucións, perpetúan a burla que se está levando a cabo co acordo, parecendo máis ben unha tomadura de pelo.

A poucas horas da reunión da Comisión de Seguimento, a Consellería envía a documentación base que é practicamente a mesma que xa entregara en outubro de 2024 ignorando totalmente as alegacións e advertencias.

Proposta inadmisíbel

A Xunta mantén medidas ás que xa nos opuxemos e introduce retrocesos graves, como permitir que o persoal renuncie ás súas vacacións para cubrir as doutras compañeiras. Pretenden converter o descanso dunhas en esgotamento doutras, vulnerando dereitos do persoal. Mudan as subscomisións, unificando cuestións que nada teñen que ver unhas con outras. Agora é unha soa subcomisión técnica.

Dereitos anunciados… pero imposibles de exercer

A Consellaría presume de conceder días de descanso, mais bloquea a súa aplicación real. É unha política de fachada, anuncian dereitos que logo impiden desfrutar.

Incumprimentos contínuos do acordo

Os exemplos son numerosos:

  • Falta de dúas persoas en quenda de noite en todos os centros.
  • Uso das “C” para romper secuencias.
  • Interpretación restritiva e lesiva das RN.
  • Solapamentos entre quendas.
  • Máis do 50% das fins de semana e festivos  traballados.
  • Redución de presenzas por quenda.
  • Sen medidas fronte a problemas derivados de perfís psiquiátricos nos centros. Os problemas de agresións nos centros non se poden tratar nunha subcomisión unificada, mesturando todo, agresións, intersubstitucións e comedor. 

A Administración di que convocarán á subcomisión, pero non dan datas de cando pode ser, da mesma maneira que lle están dando largas ás nosas alegacións.

Pregúntase pola continuidade da negociación que recollía o Acordo como é a 2ª actividade da que non soubemos máis.

Interpélase tamén polas intersubstitucións que se están a producir no Consorcio de xeito oculto, movendo persoal dun centro para outro para facer fins de semana ou de centros de día ou escolas para  outras por falta de persoal. Din que non son intersubstitución senón horas extras!!!! 

Sobre o comedor, xa antes de estar no Convenio, existía e se pagaba.

A falsa solución da Subcomisión de Intersubstitucións

A única referencia á necesaria cobertura de persoal é unha Subcomisión limitada a “homoxeneizar vacacións e permisos”. Nada de reforzos reais, nada de cubrir necesidades, nada de solucionar a falta crónica de persoal. Traen as intersubstitucións xa definidas, substraendo de negociala nunha
subcomisión.

Un modelo de negociación baseado no incumprimento. O enfoque da Consellaría non garante descanso, nin planificación, nin dignidade laboral. Pretenden normalizar a falta de mínimos e o esgotamento por non cubrir ausencias.

Dende a CIG manifestamos o noso apoio incondicinábel á proposta do Comité intercentros e os Comités de empresa da Consellaría de Política Social das catro provincias, que acordaron unha serie de mobilizacións polo incumprimento fragrante do Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellaría de Política Social e Xuventude.

Coa mobilización poderemos conseguir mellorar as condicións de traballo !!!      

13 de decembro, ás 11 na Alameda de Compostela,

Por unhas condicións de traballo dignas!

Por espazos de traballo sen violencias de ningún tipo!!

VOS SODES A NOSA FORZA!!!

Outras novas recentes

Luns, 01 Xuño 2026

CCOO, UGT E CSIF, contra as persoas da promoción interna do 2020 e 2023

Despois de ter realizado unha masiva concentración o mércores 27, as compañeiras e compañeiros que alí nos concentramos vemos como estes tres sindicatos sacan unha nota botándolle a culpa á CIG, no canto de botarlla á directora xeral, do que pretende facer creando unha incompatibilidade ficticia entre o concurso e as tomas de posesión da promoción interna. Na Comisión de...
Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...
Xoves, 04 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)

No DOG do 04/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2026 pola que se convocan actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia e das entidades locais, así para o persoal...