- Detalles
Asistimos á Comisión de Persoal do 21/10/25, onde quedaron aprobadas as bases dos procesos selectivos de promoción interna a corpos xerais (A1, A2, C1 e C2). Tamén quedou aprobada unha modificación puntual da RPT de Política Social para executar unha sentenza que afecta a tres postos da escala de Traballo Social. Na rolda aberta de intervencións falouse das prazas “con asterisco” dos procesos de estabilización e da situación que existe nos servizos técnicos de menores.
Promoción interna a corpos xerais
Na Comisión de Persoal do 21 de outubro, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, aprobou co voto en contra de todas as organizacións sindicais esta promoción interna. Ver borradores
Son as bases das convocatorias de promoción interna separada para o corpo superiro-A1, corpo de xestión-A2, corpo administrativo-C1 e corpo auxiliar-C2. Pasou pola Mesa Sectorial o 13/10/25. Falta a aprobación no Consello da Xunta e publicación en DOG.
Correspóndense coas prazas das ofertas de emprego público (OEP) dos anos 2022 e 2023. Non entran as do 2024 (a CIG solicitou sen éxito a sua incorporación). Tamén solicitamos que non exista límite de prazas posto que estas non consumen taxa de reposición de efectivos.
| Corpo |
Convocadas |
| Superior-A1 | 40 |
| Xestión-A2 | 150 |
| Administrativo-C1 | 282 |
| Auxiliar-C2 | 185 |
O corte para o primeiro exercicio vai ser de 4 por praza, ata un mínimo do 40% das preguntas, aplicado ao conxunto do primeiro exercicio, non ás partes.
A Xunta está a limitar as escalas que se poden presentar. A CIG defende que sempre, en todos os casos reciprocamente, o persoal funcionario que cumpra cos requisitos de titulación poida moverse de escala por promoción interna vertical dende o subgrupo inferior e horizontal dende outra escala do mesmo subgrupo. A directora de Emprego Público non acepta.
Somos conscientes de que en moitos casos, superar a promoción interna implica cambiar de localidade. Iso é un problema especialmente nas localidades nas que non existen postos abondo. Por iso reclamamos que se articule algún sistema que permita a recualificación do posto ou algún outro sistema que limite os cambios xeográficos.
Na fase de concurso rexeitamos a puntuación do grao consolidado mentres non eviten que as comisións de servizo pervertan este mérito pola consolidación de grao que se da nun caso moi concreto.
En canto aos exercicios, defendemos a supresión do exercicio de temas en A1, e a proba de informática en C2 (propuxemos que fora substituída por un curso de formación posterior, non eliminatoria, para todos os corpos, adaptado ás súas necesidades funcionais).
CIG, CCOO, CSIF e UGT votamos en contra.
Modificación da RPT de traballo social
Trátase da modificación de tres postos da especialidade de Traballo Social do EVO en Pontevedra en execución dunha sentenza do TSXG que lles recoñece o nivel 22 do complemento específico para así equiparalo a outros EVO.
Rolda aberta de intervencións
Sentenza 9 abril 25 do TSXG, que ordena incluír 30 prazas con asterisco nos procesos de estabilización: temos sentenzas firmes en A2-forestais, e temos información de que tamén son firmes en A1-montes, A1-agrónomos e A2-agrícolas. Solicitamos información e que digan que van facer. A directora xeral afirma que non ten información de incidentes de execución de sentenzas.
Situación grave e urxente que padece o servizos técnicos e técnicas de menores. A DXEP limítase a dicir que toman nota para tramitalo no menor tempo posible.
- Detalles
Nos últimos días coñecéronse novos anuncios de comisións de servizo na Consellaría do Medio Rural. Algunhas delas corresponden a prazas que xa foron adxudicadas de forma definitiva o 16 de outubro, e cuxas persoas titulares aínda nin sequera tomaron posesión. O persoal funcionario interino que se atopa ocupando esas prazas non foi cesado. Esta situación non é un feito illado, senón a mostra dun problema estrutural e prolongado no tempo na xestión do persoal público galego. Unha práctica irregular convertida en norma!

O 20 de outubro publicouse no DOG a resolución para as tomas de posesión das persoas participantes nos concursos de traslados dos corpos especiais, e os destinos definitivos das diferentes convocatorias pendentes de acceso libre e estabilización. Trátase dun concurso de traslados que levaba máis de 12 anos sen convocar, e o problema é que, logo de tantos anos, e de ser un concurso de traslados tan accidentado, é posible que en tres meses quede totalmente desvirtuado.
Isto obedece a diferentes motivos, entre os que salientamos algúns, como que as persoas que se atopan ocupando prazas de libre designación que concursaron, automaticamente volven ás prazas de libre designación. Isto acontece por non teren a esixencia de permanecer un tempo mínimo nas prazas ás que concursaron. Se a isto lle engadimos a situación fraudulenta das prazas de concurso específico, observaremos como nos vindeiros meses van promover decenas de comisións de servizos que, como xa sabemos, se conceden de xeito totalmente clientelar.
Especialmente grave é o que aconteceu nas escalas de agronomía, onde, por poñer un exemplo, houbo dúas prazas, unha no FOGGA e outra en Infraestruturas agrarias, que quedaron vacantes após a publicación da convocatoria do concurso de traslados e fóronlle ofertadas a persoal funcionario que se atopaba pendente de lle seren adxudicados os destinos definitivos. Pola contra, houbo a redor de 60 prazas que quedaron vacantes após a resolución do concurso de traslados e non se lles ofertaron ao persoal funcionario ao que lle había que adxudicar un destino definitivo.
As informacións que están chegando á CIG sinalan que son prazas con moitas responsabilidades e é necesario que estean ocupadas, porque se trata de prazas de infraestruturas agrarias (concentracións parcelarias). Tamén son prazas que teñen que ver coas axudas da PAC e é fundamental a súa cobertura, máxime nesta época do ano, para o peche do exercicio económico.
Agora vemos de maneira continua como se publican anuncios de comisións de servizos para a cobertura destas prazas, polo que é evidente que a Consellaría do Medio Rural, lonxe de regular e controlar as comisións de servizo, o que fai é incentivalas de xeito opaco e clientelar.
Nos últimos anos, a Administración vén mantendo unha práctica sistemática de eludir a convocatoria dos concursos específicos, optando pola cobertura prolongada das prazas mediante comisións de servizo ou persoal funcionario interino, no lugar de convocar os procedementos ordinarios de provisión que marca a lei. Esta forma de actuar, alén de carecer de xustificación, constitúe unha evidente fraude de lei, pois mantén ocupadas durante anos prazas de carácter estrutural que deberían ser provistas con persoal funcionario de carreira mediante concurso específico.
A Xunta de Galiza adoita ampararse en supostos motivos de “interese xeral” para xustificar esta práctica, pero o resultado é a perpetuación dun sistema de cobertura irregular, que impide a mobilidade real, limita a promoción profesional e xera desigualdades entre o persoal.
Mentres se defende publicamente a transparencia e a estabilidade no emprego público, mantéñense bloqueadas prazas estruturais ocupadas irregularmente, incumprindo o límite legal de dous anos establecido no artigo 96.1 da Lei 2/2015, do Emprego público de Galiza. Esta política de feitos consumados desvirtúa os procesos de provisión de postos, reduce as oportunidades de acceso en condicións de igualdade e xera un clima de arbitrariedade e inseguridade xurídica incompatible cos principios de mérito, capacidade e publicidade que deben rexer o emprego público.
🚫 As consecuencias directas desta situación son as seguintes:
- Bloquéase o acceso do persoal de carreira ás prazas vacantes.
- Redúcese o número de postos ofertados nos concursos ordinarios.
- Foméntase a opacidade e discrecionalidade na xestión de persoal.
- Vulnéranse dereitos básicos recollidos no artigo 23.2 da Constitución Española e na Lei 2/2015 do Emprego Público de Galiza.
- Perpetúase unha temporalidade estrutural que contradí os principios de estabilidade e profesionalidade na función pública.
Por iso, PROPOÑEMOS E ESIXIMOS:
- A convocatoria inmediata dos concursos específicos pendentes en todas as consellarías, especialmente na Consellaría do Medio Rural.
- A limitación efectiva das comisións de servizo ao seu carácter temporal e excepcional, así como a eliminación progresiva da cobertura de prazas estruturais con persoal interino cando proceda a súa provisión por persoal funcionario de carreira.
- A publicación de criterios obxectivos, públicos e verificables para a adxudicación das comisións de servizo.
- A actuación da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para garantir a legalidade, transparencia e igualdade na xestión do persoal público.
- Convocatorias dos concursos de traslados permanentes e abertos como se fai noutras administracións.
Conclusión
O abuso das comisións de servizo e a cobertura prolongada de prazas con persoal interino non son cuestións técnicas nin anecdóticas, senón un problema estrutural que afecta á calidade, equidade e credibilidade da Administración pública galega. Dende a CIG esiximos unha actuación inmediata e decidida para poñer fin a esta situación de fraude de lei, restaurar os principios de mérito e capacidade e garantir unha función pública profesional, estable e transparente ao servizo do interese común.
- Detalles
Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remítenos os borradores de convocatorias dos seguintes procesos selectivos para alegacións ata o venres 31 de outubro ás 15:00 horas.
- Corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala de persoal de servizos xerais (PSX). PI. Descarga documentación
- Corpo de auxiliares de carácter técnico da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia subgrupo C2, escala de auxiliares de clínica. Descarga documentación
- Corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2. Descarga documentación
- Corpo administrativo de Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia, subgrupo C1 libre. Descarga documentación
- Corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma Galicia, subgrupo A2. Descarga documentación
- Corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1. Descarga documentación
- Corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos, especialidade de psicoloxía. Descarga documentación
Se tes algunha alegación para facer a estes borradores contacta coa CIG
- Detalles
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou unha xuntanza da Comisión de Persoal para o día 24 de outubro, co seguinte punto da orde do día:
- Proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Instituto Galego da Vivenda e Solo (iGVS)
Esta proposto pasou pola Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF) o pasado venres día 17 de outubro.
Aquí tes a documentación por se é do teu interese: descargar
- Detalles
O persoal do Servizo de Incendios mobilízase o xoves 30 de outubro en Compostela por un servizo público, digno e con garantías laborais. A manifestación saíra ás 11 horas da Consellaría de Medio Rural en San Lázaro e rematará diante do edificio da Xunta en San Caetano.
Dende a CIG-Autonómica denunciamos a situación de abandono, desigualdade e mala xestión que padece o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta de Galiza ao que ano tras ano e, durante as vagas deste verán, póñennos en risco de morte a nós e á poboación. Reclamamos un servizo de extinción de incendios 100% público e único, onde todo o persoal teña as mesmas condicións laborais e se garanta a súa saúde e seguridade.
Somos quenes estamos en primeira liña, quenes arriscamos a vida en cada lume, quenes sostemos o servizo con profesionalidade e compromiso. Pero o noso esforzo non se ve recoñecido pola Administración, que continúa ignorando as nosas demandas máis básicas.
Por iso reivindicamos con forza:
• Aumento do tempo de traballo para o persoal fixo-descontinuo de 8 a 12 meses. Queremos estabilidade e continuidade no emprego realizando as tarefas de prevención de incendios forestais e dando servizo ás multiemerxencias.
• Estender o Acordo do persoal funcionario do SPIF ao laboral. A igual traballo, igual salario e condicións laborais. Basta de discriminacións entre compañeiros e compañeiras que realizan as mesmas tarefas.
• Esiximos dignidade salarial e cobrar os complementos a mes vencido e que sexan fixos. Non máis caos nas nóminas nin atrasos inxustificados e que retribúan de oficio estes complementos nas vacacións e baixas, conforme á nova xurisprudencia.
• Denunciamos o descontrol e a mala xestión do persoal por parte da Consellería do Medio Rural na vaga de lumes. A descoordinación e a improvisación poñen en risco persoas e territorio, denunciamos que se contratou en plena vaga de lumes persoal sen darlles formación e sen adestramento.
• Denunciamos a falta de seguridade e saúde laboral:
• As condicións das bases do servizo son pésimas.
• Esiximos axilidade na desinfección e reposición dos EPIs, e vehículos.
• Formación específica axeitada e previa ao comezo do traballo.
• Axilización dos trámites para a xubilación anticipada.
- Cumprimento da Lei Básica de Bombeiros/as Forestais e posta en marcha dun Plan de Igualdade real
Ponte en contacto coa CIG e os teus delegados/as se queres vir no bus.
- Detalles
Recibimos comunicación da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na que nos informan de que o mércores 22 de outubro publicarán no Diario Oficial de Galiza as seguintes resolucións:
- Resolución do 15 de outubro de 2025 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0325, escala de veterinarios.
- Resolución do 15 de outubro de 2025 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0525, escalas de facultativos/as, te técnicos facultativos/as, escala técnica de gobernantes/as e escala de auxiliares de clínica.
O prazo para poder emendar o defecto que motivou a exclusión rematará o día 5 de novembro de 2025.
- Detalles
No ano de maior devastación polos incendios, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non activa as gardas de reforzo e deixa reducida ao 25 % a operatividade do cadro de axentes ambientais
A tempada de caza comeza este domingo 19 de outubro nun contexto especialmente delicado para o medio natural galego. Despois dun verán no que arderon milleiros de hectáreas, a Consellería, por vez primeira en anos, non activou as gardas do período extraordinario, deixando o servizo baixo mínimos históricos polo que só o 25 % do cadro de persoal estará operativo, fronte ao 50 % habitual nestas datas.
Esta decisión resulta especialmente grave no ano en que a fauna galega está máis afectada ca nunca polos grandes incendios forestais que arrasaron amplas zonas e a fauna silvestre que sobreviviu non ten alimento nin acubillo. A repoboación natural dependerá da migración dende espazos verdes limítrofes máis a pesar disto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, non decretou a exclusión nin nos concellos afectados. E, aínda que a lei de caza galega prohibe expresamente o exercicio da caza en terreos queimados apenas ten axentes para exercer este control.
Un servizo esencial sen reforzos
Con isto é máis importante ca nunca a vixilancia da actividade cinexética e do furtivismo, tanto para preservar a fauna, como para garantir a seguridade das persoas cazadoras e das veciñas e veciños que habitan o rural.
A Consellería, ademais de non reforzar o servizo activando o período extraordinario, mantén sen cubrir prazas vacantes e amortizou postos durante anos, o que provoca que contemos apenas cunha parella de axentes por distrito ambiental durante os fins de semana e festivos. Isto ocorre nun país onde se pode practicar a caza en mais do 80 % da superficie e existen arredor de 35.000 licenzas de caza activas.

Sen protocolos de seguridade nin medios de apoio
A situación da falta de persoal agrávase pola falta de medidas de seguridade laboral. Desde o asasinato a queima-roupa de dous axentes ambientais en Lleida no 2017, e aínda coa Lei básica de axentes forestais que obriga a protexer aos axentes, na Galiza seguimos sen protocolos básicos de actuación fronte situacións de risco.
A Consellería négase a poñer en marcha unha centraliña de avisos que tamén xestione incidencias ou chamadas de auxilio —como si ten a Consellería do Medio Rural—, nin organiza os servizos para garantir que os compañeiros e compañeiras non traballen sós. As ameazas e agresións ao persoal axente ambiental continúan sendo un risco real, mentres a Administración mira cara outro lado.
Dende a CIG Autonómica instamos de novo á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a activar as gardas e atender as demandas do persoal e garantir un servizo público de calidade, que protexa a biodiversidade galega e exercicio correcto da actividade cinexética. Non se pode falar de medio ambiente mentres se desmantela o seu primeiro muro de protección: os e as axentes ambientais!!
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 21 de outubro, para a aprobación dos seguintes puntos:
- Promoción interna de corpos xerais
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo superior-A1. Descargar
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo de xestión-A2. Descargar
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo administrativo-C1. Descargar
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo auxiliar-C2. Descargar
- Modificación puntual da RPT por sentenza xudicial que afecta a uns postos da especialidade de Traballo Social. Descargar
As bases da promoción interna de corpos xerais pasou previamente pola Mesa Sectorial do 13/10/25.
Unha vez que pase pola Comisión de Persoal, queda pendente a aprobación no Consello da Xunta e a publicación en DOG.
- Detalles
O pasado venres día 17 de outubro á Mesa Sectorial trouxeron a proposta de modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)
Contido da proposta:
- Creacións de 24 postos de traballo: 1 posto de director/a, 5 postos de xefatura de servizo, 1 posto de xefatura de oficina técnica ,5 postos de xefatura de sección, 5 postos de xefatura de negociado, 1 posto base subgrupo C1 e 6 postos de arquitectos/as de funcións facultativas.
- Propoñen a amortización de 9 postos de traballo: 1 posto de director/a, 6 postos de xefatura de servizo e 2 postos de subalterno/a
Dende a CIG valoramos positivamente que, no balance final de creacións contra amortizacións, teñan un saldo netamente superior as creacións. Tamén consideramos acaído a proposta de mérito de licenciatura en dereito e non a esixencia da titulación para un posto da Administración Xeral, aínda que solicitamos que os postos que en anteriores RPTs o teñen, lles sexa modificado nesta RPT, e pase a ser un mérito e non un requisito para ter unha consonancia entre distintos postos.
No que atinxe á amortización de postos de persoal subalterno, entendemos que polo menos debería haber dous postos por centro ou edificio, pois senón quen os supliría en caso de solicitude de vacacións, permiso de asuntos propios ou mesmo baixas médicas? No IGVS de A Coruña existe un só posto de persoal subalterno. Nas oficinas de Ferrol non hai ningún...
- Detalles
Estas propostas forman parte da campaña da CIG «Por unha EGAP transparente e en galego». A recada foi posible grazas ás abondosas contribucións do persoal desta Administración, que demanda non só o incremento substancial da cantidade de cursos, que permita un acceso máis doado e xusto, senón tamén a total transparencia na selección do persoal formador, como garante dunha maior calidade da formación recibida.
O sistema obsoleto e opaco de xestión da formación da EGAP
A EGAP teima a día de hoxe en manter un sistema de xestión da formación caracterizado pola nula transparencia, a selección discrecional de persoal formador (persoal titor, persoal xestor, persoal director, persoal coordinador, etc.), moito del empregado público, para o cal Emprego Público quere que esta segunda actividade constitúa un mérito, para os efectos, por exemplo, dos concursos. Non obstante, esta é unha actividade profesional caracterizada pola inexistencia de convocatorias de selección e baremos públicos. Tampouco sabemos a día de hoxe, en pleno século XXI, cal é a puntuación obtida polas persoas solicitantes de formación, desagregada segundo os criterios de selección aplicados en cada caso, porque a EGAP non fornece esta información ano tras ano.
A CIG pide cambios substanciais, a elaboración participativa da programación formativa e máis e mellor formación
Mentres na programación anual se repiten determinadas constantes, como é a sucesión dos mesmos cursos impartidos sempre polas mesmas persoas ―moitas delas cargos da Xunta, e outras moitas pertencentes a empresas privadas―, constatamos que non se diversifican as temáticas e especialidades dos cursos para atender a todas as necesidades do persoal `por igual, deixando fóra da formación a moitos e moitas das nosas profesionais.
Por estes motivos, un ano máis, a CIG pide cambios substanciais na xestión e na atención ás necesidades de formación. Entre estes cambios está unha viraxe obrigada de 360º cara á transparencia, como garante dunha maior calidade das actuacións formativas; e unha programación da formación participativa e que sitúe no centro as necesidades das persoas empregadas públicas, cunha oferta considerablemente maior e máis diversa que responda, verdadeiramente, á demanda existente.
Plans de formación específicos para o SPIF, para a promoción interna, para o galego e outras linguas e para a igualdade
Capítulo á parte merece a demanda de formación do SPIF. Ao igual que fixemos en anos anteriores, solicitamos que a EGAP dote o plan de formación anual dun plan específico para o SPIF, indispensable sempre, e con máis motivo aínda ante un escenario de lumes extremos como os vividos este verán. O plan que achegamos ampliouse para recoller innumerábeis necesidades non satisfeitas até o de agora.
Outro punto candente é a enorme demanda de formación en lingua galega, que ano tras ano a EGAP ignora, ao programar unha oferta manifestamente insuficiente, e que non responde, nin de lonxe, as necesidades existentes. Como vimos denunciando, isto constitúe unha deixación de funcións da EGAP, que non cumpre cos fins para os que foi creada, feito que leva moitos anos tendo un efecto desgaleguizador moi grande. A súa obriga legal é adoptar medidas de fomento do galego na formación e a docencia e no resto de esferas da súa actividade (edición, adquisición de fondos da biblioteca, premios, convenios e contratos, etc.) e da propia Administración.
Non esquecemos a necesidade de dispoñer dun plan propio para a promoción interna. Incluímos de novo, como vimos facendo dende hai anos, un plan de formación avanzado, técnico e amplo en lingua e cultura galegas, en portugués e na Lusofonía; volvemos engadir un plan de linguas cooficiais e de linguas da UE diversificado e con niveis de competencia acordes á demanda, e tamén un plan de linguas internacionais; todos os cales deben contar coa formación para a preparación de probas oficiais de nivel. A eles engádese un programa específico para profesionais da linguaxe de signos. Tamén se propoñen un plan formativo en materia de igualdade entre mulleres e homes ampliado, e outro en materia de LGTBIQ+.
Completan a proposta innumerábeis temáticas, como a IA, as institucións sociosanitarias, a fisioterapia, o traballo social, a saúde pública, os museos, as obras e edificacións, a PRL e os primeiros auxilios, a cociña, a condución, a protección do patrimonio natural, a I+D+i, a saúde pública, a sanidade vexetal ou os informes técnicos
Non faltan os eidos nos que o persoal ten especial inquedanza, como as aplicacións prácticas da intelixencia artificial e TIC no día a día da Administración, dende o traballo de oficina e tramitación electrónica, ao traballo de campo ou a cociña; así como a protección de datos e seguridade da información; a loita antifraude e a transparencia; ou o estrés laboral, a prevención de riscos e os primeiros auxilios aplicados a distintos sectores de actividade. Por outra banda, demandamos formación na lexislación específica de cada consellaría ou entidade, sen esquecer as propostas do eido do traballo social, a elaboración de informes técnicos, a I+D+i, as emerxencias, a condución, a conservación do patrimonio e a recuperación de fauna silvestre, a cociña, a fisioterapia, as institucións culturais, as institucións sociosanitarias (centros de maiores, centros de día, centros de menores, centros de persoas con discapacidade e dependencia, centros de educación infantil, centros de educación especial e ordinaria, etc.), a saúde pública, a sanidade vexetal, as obras e edificacións, e un longo etcétera.
Non imos parar até conseguir cambios e melloras substanciais para todas e todos! «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO»!


