- Detalles
A CIG avoga por un I Plan de Igualdade máis ambicioso e efectivo, cun ámbito temporal de 3 anos de duración —en vez de 4—, ademais de promover que a enquisa de igualdade ao persoal se adiante ao primeiro ano do plan.
Consello de Contas de Galiza: 18 anos de atraso na aprobación do I Plan de Igualdade
Todas as Administracións Públicas teñen a obriga de contar cun plan de igualdade dende 2007. Porén, a lexislación incúmprese de xeito clamoroso, impedindo unha igualdade efectiva. Nas administracións galegas os primeiros plans de igualdade van elaborándose a contagotas, demostrando o máis que feble compromiso coa igualdade real. O Sergas facíao con 14 anos de atraso (2021), mentres que a Administración xeral da Xunta aprobaba o seu plan a finais de 2023, máis de 16 anos tarde. No caso do Consello de Contas, este atraso bate o récord dos 18 anos. Non foi sen tempo!
Aínda así, é unha moi boa nova para todo o persoal do Consello de Contas dispoñer, por fin, deste I Plan de Igualdade, aprobado este 23 de xuño de 2025, e froito dunha negociación intensa pero con pouca marxe de manobra. Nela foron aceptadas moitas alegacións feitas pola CIG, pero outras moitas quedaron no tinteiro, deixándonos moito traballo por diante para achandármoslle o camiño a un II Plan de Igualdade con moitas máis melloras.
A CIG-Autonómica demanda un I Plan cunha duración máxima de 3 anos e unha enquisa ao persoal no primeiro ano de vixencia
Por de pronto, este I Plan de Igualdade supón un tímido avance. Inclúense algunhas novas actuacións de conciliación, pero márcanse como metas a conseguir, entre outras, o mero cumprimento das leis —ignoradas sen reparo até o de agora— e a publicidade do propio plan de igualdade e dos seus obxectivos.
Por estes motivos, e ao contrario do parecer de CSIF, CCOO e UXT —a favor de 4 anos de duración do I Plan—, na CIG traballaremos a prol de adiantar a elaboración do II Plan de Igualdade ao terceiro ano de vixencia, para contar con datos renovados e máis fieis á realidade do Consello de Contas, de cara a detectar canto antes problemas preexistentes que ficasen sen atender, ou novas situacións que afrontar, ás que darlles solución á maior brevidade. Tamén avogamos por non esperar 2 anos, e facer unha enquisa directa ao persoal sobre a situación de igualdade no primeiro ano do I Plan de Igualdade.
Logros da CIG-Autonómica
Entre outras peticións recollidas no Plan, o Protocolo de prevención e actuación contra as violencias no traballo deste I Plan abranguerá, a proposta da CIG, o acoso por orientación sexual, o acoso por identidade e/ou expresión de xénero ou outras expresións de violencia no traballo, ademais do acoso sexual e acoso por razón de sexo. Isto é un bo avance cara á loita contra todas as violencias no traballo, con independencia da súa natureza. A prevención e actuación, no caso do acoso moral, será afrontado por parte do Código Ético da entidade.
Este I Plan de Igualdade non dispón dun Protocolo contra a violencia de xénero. Dende a CIG propuxemos que fose elaborado, por entender que se trata dun instrumento indispensable. Vemos cumprida parcialmente a nosa pretensión, dado que, aínda que non se dotou o I Plan deste protocolo dende o seu inicio, inclúese a súa elaboración durante a implantación.
Emprego do castelán e de linguaxe sexista por parte da consultora Ingade Connect, S.L.
Polo demais, na CIG seguiremos vixiantes para que toda a documentación relativa a este plan de igualdade —e todos os que veñan— sexa elaborada en galego, esixindo cláusulas de emprego da nosa lingua nas contratacións das empresas «asesoras de igualdade», como Ingade Connect, S.L. Estas entidades privadas, xunto coas nosas administracións, deben respectar a normativa lingüística. Ademais, esixímoslles o cumprimento do seu deber ético e profesional de empregar unha linguaxe non sexista nos seus informes técnicos e documentación. É surrealista e escandaloso, por non dicir insultante, que estas mesmas empresas que asumen o papel de asesoras das administracións na aplicación da lexislación de igualdade, a incumpran elas mesmas. As cláusulas de emprego de linguaxe non sexista por parte destas empresas «asesoras de igualdade» son irremediabelmente necesarias, tamén.
Se queres facernos chegar as túas suxestións, dúbidas ou queixas, non dubides en contactares connosco.

- Detalles
A CIG-Autonómica denuncia que un ano máis comezada a campaña de alto risco de incendios forestais seguimos sen ter unha xestión de persoal planificada e ordenada e destaca deficiencias no estado nas bases e no sistema de traballo dentro dos incendios forestais.
No 2024, o Presidente da Xunta repetía a xustificación ante os incendios forestais do comezo do verán afirmando que “hai unha grande intencionalidade detrás dos lumes”. En 20 anos pasamos de atender máis de 10.000 incendios de media ao ano a termos 2500.
Os incendios agora son máis perigosos e, isto aprendímolo no 2017, a eucaliptización, o cambio climático e o abandono do rural son factores relevantes, máis compre salientar que a capacidade de reacción e a eficiencia do sistema de extinción de incendios vese comprometida pola superestrutura de mando, a atomización das condicións laborais e a mala xestión do persoal das brigadas de bombeiros e bombeiras forestais, que son a base da loita contra o lume.
A Dirección Xeral de Defensa do Monte énchese de actos de propaganda e crea unidades onde elixe libremente, e a dedo, ao persoal que accede co fin dun ben maior, formar parte dunha elite apagalumes para abordar as grandes crises de incendios forestais. Porén esquécese da fortaleza do sistema na Galiza a eficiencia no ataque inicial dos lumes para que non se fagan grandes, o coñecemento do territorio e das súas condicións bioclimáticas locais, “a guerra de guerrillas”.
As macroestruturas de extinción e mando (UDEX - unidades de dilección de extinción -, e UTA -unidade técnica de apoio- ou a SEMOP- unidade para grandes incendios-), o cambio de vixiantes por cámaras, as aplicacións, a IA etc, non poden substituír o factor humano. Tamén necesitamos vixiantes nas casetas, brigadas do territorio, e axentes ambientais directores de extinción coñecedores do monte. Como exemplo pecháronse nos ultimos anos o 50% das casetas de vixilancia.
Levamos avanzado moito coa loita polas condicións laborais do persoal do SPIF, máis a Xunta rompeu os compromisos adquiridos coa representación do persoal e ten diferenciadas as condicións salariais e laborais do persoal funcionario e laboral bombeiro que é o fixo-descontínuo, e o persoal laboral fixo descontinuo segue precarizado e conseguindo dereitos a base de conflito e loita e demandas xudiciais que denuncian a discriminación.
A falta de cobertura de vacantes e a ausencia dun sistema áxil e de apoio para a cobertura persoal, reduce o numero de bombeiras das brigadas condicionando a súa eficiencia no ataque e aumentando os riscos laborais. E que seguimos tendo brigadas de 2 ou 3 persoas facendo o primeiro ataque nun lume forestal, é inadmisible. Neste comezo de campaña levamos xa 7 chamamentos de persoal caóticos, sen informar aos sindicatos e de forma desordenada.
O avellentamento do cadro de persoal aumenta as baixas e os accidentes laborais, e aínda esta sen establecer a xubilación anticipada e un sistema de segunda actividade que non debilite a estrutura do servizo.
A cobertura de axentes e técnicos, estase a realizar estes días, logo de denuncia da CIG, pero de forma opaca e irregular no territorio e con persoal sen experiencia produto de mais de 10 anos sen procesos selectivos. E si comezan traballar unha vez comezada a campaña de alto risco, como poden afrontar a dirección de extinción se é imposible o coñecemento do territorio, dos medios persoais e si tampouco van ter acceso a formación?
E, a esta improvisación na cobertura hai que sumar que as contas non dan, para crear unidades na vez de crear prazas o que fan é retraelas do dispositivo xeral. No 2017, logo da vaga de lumes o presidente Feijoo comprometeuse no Parlamento a crear 57 prazas para conformar as UIFO (unidades de investigación de incendios forestais) e o fixo amortizando postos. E repetiron a xogada coas UDEX que son unidades opacas inexistentes nas relacións de postos de traballo, e foron creadas a dedo entre persoal axente polo Director Xeral. O persoal detráese do cadro dos distritos deixando as comarcas sen cobertura 24h, o que supón que ao saír unha alerta teñen q cubrir dende outra zona aumentando os tempos de reacción.
As bases do persoal de terra seguen a presentar graves deficiencias. Estes puntos de encontro moitas veces son simples naves ou garaxes con taquillas e casetos de obra en mal estado onde comparten espazo os vehículos e a maquinaria coas persoas durante quendas de 10 horas e sen unha simple instalación para facer xantar ou unha neveira. E durante o verán pasan de albergar a 16 persoas a máis de 50 nas diferentes quendas sen servizo de limpeza nin mantemento. As bases de helicóptero seguen sen ser 100% públicas e non se adaptan a imprebisibilidade das múltiples tempadas de incendios arbitrarias que varían polo cambio climático.
Segue sen ser avaliada a eficacia en relación o seu alto custe da participación de militares e da UME. Temos denunciado en moitas ocasións a falla de operatividade da estrutura militar na extinción de incendios, debido a súa rixidez operativa, así como o tamaño da sua maquinaria que non esta adaptada as nosas aldeas e montes. Ademais a Administración realízalles formación conxunta co persoal do dispositivo de incendios. Na CIG opoñémonos a militarización preventiva do territorio e a intervención da UME en situacións de incendios ordinarias, como está a suceder.
Destacar a falta dun sistema de mantemento de infraestruturas e de faixas preventivo adaptado ao territorio e 100% público e baseado nunha intervención intelixente de autoprotección con planeamento por distrito. Na vez de iso temos faixas por metros impositivas sobre os pequenos predios forestais, emprego de herbicidas altamente canceríxenos nas faixas das infraestruturas e a potenciación descontrolada das queimas forestais.
A esto sumámoslle a eucaliptización de Galiza e o proxecto da macrocelulosa de Altri que defende a Xunta do PP como propia. Favorecer as especies pirofitas en plena emerxencia climática é unha irresponsabilidade gravísima que pon en perigo ao noso persoal de extinción e a sociedade galega e os seus recursos. Convidamos a desaparecida co Conselleira de Medio Rural a que acuda a un incendio forestal nun eucaliptal, a ver si se atreve a coller a mangueira da foto de Feijoo.
- Detalles
Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) erguemos a voz unha vez máis para denunciar a situación crítica do Centro de Maiores de Taboadela, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a "actitude irresponsable e despilfarradora" da Xunta de Galiza.
A Administración Autonómica mantén a persoal na casa cobrando sen traballar, mentres que nas instalacións urxe a presenza de máis efectivos para atender as necesidades dos residentes, especialmente na quenda de noite. É aínda máis incomprensible si se ten en conta que a Xunta ten a persoal en espera de reincorporación –moitos/as deles tras sentenzas xudiciais que declararon nulos os seus despedimentos– pero opta por mantelos na casa cobrando.
Esta situación, ademais de ser unha afronta á xustiza, representa un inaceptable malgasto de cartos públicos. Mentres a cidadanía afronta desafíos económicos, unha parte da administración estaría a destinar recursos a pagar a traballadores/as que non están a desempeñar as súas funcións, contravindo ditames xudiciais firmes. É absolutamente incomprensible e indignante que se estea a malgastar o diñeiro de todos/as desta maneira!, As sentenzas xudiciais deben acatarse e a Administración ten a obriga de ser exemplar na xestión dos recursos públicos!. Manter a persoal na casa, cobrando sen traballar e ignorando os tribunais, é un auténtico despropósito que esixe responsabilidades!. Esta práctica non só dana a credibilidade da Administración, senón que tamén perxudica a eficiencia e o bo funcionamento dos servizos públicos.
Levamos moitos meses alertando sobre a dramática situación que se vive nas noites do Centro de Maiores de Taboadela. Debido á elevada cantidade de grandes dependentes con complexas casuísticas, o persoal que se atopa en solitario na quenda nocturna (lembramos que soamente queda un traballador/a) non é capaz de mobilizar axeitadamente os/as usuarios/as para realizar tarefas básicas como os cambios de cueiros ou as mobilizacións posturais. É unha situación inhumana para os residentes e unha sobrecarga inasumible para os traballadores!
Esta xestión é unha mostra clara do desinterese da Xunta de Galiza pola calidade da atención sociosanitaria e o benestar dos nosos maiores. Dende o sindicato esiximos a readmisión inmediata de todo o persoal afectado e a dotación urxente dos recursos humanos necesarios para garantir que todos os residentes, especialmente os grandes dependentes, reciban a atención digna e axeitada que merecen!
Desde a CIG advertimos que seguiremos loitando e denunciando esta situación ata que se implementen solucións reais e se poña fin a esta nefasta xestión. É incomprensible que, mentres a cidadanía loita por chegar a fin de mes, a Administración despilfarre os cartos. En tempos de supostos axustes e recortes, resulta insultante ver como os nosos impostos se destinan a pagar a quen non traballa!
- Detalles
Denunciamos o maltrato institucional a persoas anciás e crianzas e o incumprimento da normativa en Prevención de Riscos Laborais para o persoal traballador
Moitas das escolas infantís da rede Galiña Azul e os Centros de Atención a Persoas Maiores (CAPM) xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar carecen de sistemas de climatización.
Estes días de vaga de calor as temperaturas alcanzadas na maioría destes centros están preto dunha media os 30° á sombra no interior dos centros. Nas horas centrais do día, cando as crianzas e as persoas maiores dormen a sesta, as temperaturas que se alcanzan na maioría destes centros superan os 35°.
Todos os anos, repetidamente, temos que denunciar na Inspección de Traballo, situacións de calor extrema, que afecta á saúde dos cadros de persoal. En anteriores ocasións advertimos que estas situacións se estaban a repetir ano tras ano e a perspectiva co cambio climático é que se van a suceder cada ano e con máis episodios. A esta situación de vagas de calor engádese a tendencia construtiva de grandes ventás que axudan a que entre a calor.
Por outro lado, ademais do risco físico por golpe de calor para o persoal, súmase o risco psicosocial que lles causa as traballadoras o ver ás persoas usuarias (crianzas de cero a tres anos e persoas anciás) nesta situación de risco para a súa saúde e o seu benestar.
As pequenas e pequenos e as persoas anciás non gozan da saúde á que teñen dereito e que se lles subtrae (segundo a OMS, a saúde defínese como o estado completo benestar físico, mental, espiritual, emocional e social, e non só a ausencia de afecciones ou enfermidades).
A Administración non se pode escusar dicindo que son situacións puntuais porque son recorrentes e cada vez comezan máis cedo. Tampouco poden facernos ver que a dotación cun ventilador, un “pingüín” ou un aparello de renovación de aire procedente do exterior son sistemas de climatización, porque os termómetros indican o contrario.
O señor Rueda e a señora Fabiola están fresquiños nos seus despachos ou teremos que preocuparnos pola súa saúde?
- Detalles
Vimos de ser convocados para unha Mesa Sectorial de Funcionarios Públicos para o vindeiro martes día 24 de xuño na que se tratará:
- Concurso de traslados escala de veterinarios/as. Documentación: convocatoria. Buzón de postos.
- Concurso de traslados. Documentación: convocatoria. Buzón de postos.
- Subgrupo C1: persoal de laboratorio, mantemento de servizos, de condución, de cociña, capataz, mecánico naval, patrón de embarcación e guía intérprete de patrimonio natural.
- Subgrupo C2: auxiliar laboratorio, de mantemento, de condución, de cociña, oficial de recursos naturais e forestais, de mariñeiro-vixiante e de gardas de recursos naturais.
- AP: limpeza e cociña e escala de persoal subalterno e de mantemento.
Se tes algunha dúbida ou queres facernos chegar algunha alegación contacta coa CIG
- Detalles
Seguimos reclamando a activación das negociacións. A negociación de RPT está estancada no 2021
O martes 10 de xuño reunímonos co director e a xerente de AGACAL, logo de ter solcitado a xuntanza xa no mes de marzo na procura de información sobre o contrato de xestión da Axencia para o período 2025-2029 e a activación das negociacións de RPT de AGACAL, máis apenas conseguimos que nos deran información algunha:
- Reclamamos o emprego da lingua galega e a linguaxe inclusiva nas publicacións de AGACAL. Os incumprimentos da normativa en materia lingüística son habituais.
- Preguntamos pola fonda reestruturación que anunciaron na reunión co persoal do CIAM o 17.03.2025. Non respostan.
- Solicitamos novamente a apertura de mesas de negociación de RPT, paralizadas dende hai dous anos pola propia AGACAL polo desfase orzamentario que teñen na RPT de 2021 (teñen 11 prazas sen orzamento). Contestan que “van ver se o amañan”.
- Curso de “Capacitación para traballos con animais de Investigación”. Trasladamos o descontento do persoal coa calidade do curso. Solicitamos que se mellore para vindeiras formacións e se planifique esta formación para todo o persoal do CIAM que traballe con animais (formación persoal de novo ingreso, persoal dos CEFAs,...).
- Estado da negociación da roupa de traballo. A mesa de traballo que acadou a CIG para negociar o prego de prescricións técnicas non se reúne dende hai un mes, logo de enviar as achegas á súa proposta. Confirman de novo que as nosas achegas van ser incorporadas, o que suporá o cumprimento, por fin, da normativa de prevención de riscos en canto á roupa. Refiren estar traballando niso, máis non contamos que saia antes de setembro. Solicitamos que se suministre xa a todo o persoal de campo crema solar, non podemos agardar a setembro para a protección contra a radiación solar. Verbalizan estar de acordo.
- Prevención de Riscos Laborais. Os incumprimentos das avaliacións de riscos en AGACAL son sistemáticos! Solicitamos mesa de traballo para revisar os plans de acción e establecer unha cronoloxía seria para o seu cumprimento. A CIG xa interpuxo demanda en Inspección de Traballo polo aumento da siniestrabilidade no CIAM (catro accidentes nun mes). Levabamos 11 meses reclamando medidas urxentes para a cobertura dos postos de campo e denunciando a sobrecarga laboral por falta de persoal en todos os CSSL de medio rural que houbo (xullo 2024 e marzo 2025) e tamén nos medios de comunicación, visibilizando a asociación que hai entre as vulneracións dos dereitos do persoal e o benestar animal (non hai persoal suficiente para atender as necesidades básicas do gando existente). Na demanda en Inspección tamén solicitamos a investigación dos accidentes acontecidos (non se están investigando os accidentes, con ou sen baixa e, polo tanto, non se toman medidas correctoras). O director da Axencia dí que "para arranxar todo non dan as contas e que se están investindo fondos en CIAM, pero as necesidades destes centros son elevadas". Lembramos que AGACAL deixou sen executar 10 millóns de € de fondos europeos para investimentos pola nefasta xestión, que paliarían en boa medida as carencias das instalacións e dos equipamentos.
- Solicitamos que se incorpore ao novo contrato de xestión 25-29 un plan de formación negociado para todo o persoal de AGACAL. Mandaremos proposta concreta e "estudarán".
- Reiteramos a preocupación do persoal investigador e deste sindicato pola falta de transparencia na adxudicación de recursos para investigación. Refiren non estar de acordo
- Detalles
Estimase a demanda interposta ante a Tesoureiría da Seguridade Social e a Xunta de Galiza condenando a certificar as bonificacións que correspondan na aplicación dos coeficientes redutores de xubilación previstos no Real Decreto 383/2008 do 14 de marzo que establece os coeficientes redutores da idade de xubilación dos/as bombeiros/as ao servizo da administración e organismos públicos
Xa dende fai anos a loita da CIG en prol de acadar a categoría bombeiro forestal, foi un claro obxectivo, non so pola profesionalización das/dos traballadoras/es, inadecuadamente encadrados na Seguridade Social, e todas as implicacións negativas que tiña para o colectivo. Loxicamente acadar a categoría tamén traía consigo recoñecementos clave, como un plan formativo especifico, polo que claramente loitamos con diferentes PNL, e a protección da saúde do persoal do SPIF, baseada nun desenrolo da aplicación das enfermidades profesionais, así como a redución da idade de xubilación en base a aplicación específica do RD 383 de 2008 de 14 de Marzo.
Dende a CIG, loitamos tanto no Parlamento Europeo, como no Parlamento do Estado, para conquerir unha lei marco de recoñecemento da profesión de bombeiro/a forestal e as regulacións que acompañan esta profesión. Ao final acadouse un marco legal, que por suposto non era o ideal, pero que entendiamos que podería reforzar a curto prazo os dereitos recoñecidos especificamente nesta lei clave (Lei 5/2024 do 8 de Novembro onde se expresa na súa disposición adicional 4ª, de forma precisa e moi clara cal é o réxime de xubilación do persoal obxecto da mesma)
Pois ben, accións torticeiras por parte dos lexisladores, e "compañeiros/as de barco", intentaron limitar ese dereito, modificando, ou mellor dito intentando modificar, o decreto clave da idade de xubilación, por un decreto modificado innecesariamente, e encima reducindo os dereitos inherentes xerados polo decreto vixente, fronte ao que, por suposto, interpuxemos unhas alegacións especialmente contundentes a ese feito. Máis xa tiñamos iniciado o proceso xudicial para aplicación dende o principio da actividade do dereito da aplicación dos coeficientes redutores aos compañeiros/as do SPIF.
No histórico día 17 de xuño de 2025, nos xulgados de Lugo, cun traballo impecable tanto de planificación dos tempos como das accións precisas dos nosos servizos xurídicos, conseguimos acadar a primeira sentenza do Estado onde se recoñece a aplicación dos coeficientes redutores a un compañeiro bombeiro forestal, con carácter retroactivo dende o principio da actividade. Dende a CIG consideramos esta unha data absolutamente histórica para as/os bombeiros/as forestais tanto galegos como para todos/as os/as bombeiros/as forestais do Estado.
Lembramos que tamén fomos os primeiros en conseguir a categoría bombeiro/a forestal por sentenza a un compañeiro en xuño de 2015, que supuxo o inicio dun proceso que trouxo consigo a profesionalización e o encadre deste importante colectivo.
Grazas á vontade dos/das afiliados/as que seguen crendo no traballo da CIG.
- Detalles
Fartas xa desta Adminstración Pública que mingunea ao persoal que traballa nas cociñas de xestión da Xunta de Galiza e pisa os dereitos do persoal non docente nos centros de ensino públicos, convocámoste á movilización que terá lugar o vindeiro día luns 30 de xuño ás 11 horas que partirá dende diante da Consellaría de Educación nos edificios administrativos de San Caetano, rúa Otero Pedraio, Compostela.
- Pola negociación dun Acordo de condicións de traballo, que recupere e mellore os dereitos do V Convenio, para todo o persoal non docente, da administración e servizos dos centros de ensino (PAS)
- Polo encadre das escalas segundo a titulación requirida para o acceso como laborais de acordo coa LEPG e o EBEP.
- Pola eliminación da Agrupación Profesional e a promoción ao C2
- Pola separación das escalas de axudante de cociña e camareira-limpadora
- Por unha estrutura profesional nas cociñas, oficiais de 1º (xefes/as cociña-B), oficiais de 2º (C1) e axudantes (C2).
- Esiximos a negociación de ratios para o persoal non docente, subalterno e limpador, que hoxe na pública, xa superan aos da privada.
- Pola negociación das funcións de todo o persoal non docente dos centros de ensino públicos e parar así os abusos que sofren.
- Pola recuperación salarial, rebaixada tras a funcionarización
Para asistir á manifestación do 30 de xuño estamos a organizar autobuses dende as diferentes comarcas: se queres vir con nós contacta coa CIG:
- Detalles
A CIG continúa coas súas actuacións encadradas na campaña «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», pola que denuncia a situación crítica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), despois de anos dunha xestión opaca, desgaleguizadora e que ignora as necesidades de actualización permanente de todo o persoal pertencente á Administración Xeral da Xunta de Galiza e entes instrumentais.
O sindicato CIG, na súa condición de organización máis representativa das persoas traballadoras do sector público galego, e consonte á normativa vixente, consideramos que existen motivos de interese público para a fiscalización da xestión económico-financeira da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
Rechama o hermetismo da EGAP, coa exclusión das súas memorias anuais e nas contas presentadas ante o Consello Reitor, dos detalles das contratacións de empresas privadas, convenios con entidades públicas e empresas privadas, e tamén a opacidade na xestión do Rexistro de persoal e empresas privadas formadoras da EGAP; cuestións sobre as cales, a pesar de telo solicitado, non se resposta nin se fan públicas, como é obrigado. Na actualidade, forman parte do Rexitro polo menos 34 empresas privadas, ademais de máis de 500 persoas físicas, parte das cales son empregadas e empregados públicos. Como exemplo, a empresa Sirtelco, presente na EGAP en contratos menores e licitacións, e prestadora de servizos de formación.
Por este motivo, vimos de solicitar ao Consello de Contas a inclusión da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na súa programación de fiscalizacións. De acordo coa Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galiza, corresponde a este órgano a fiscalización da actividade económico-financeira do sector público galego, co obxecto de comprobar o sometemento da xestión pública aos principios de legalidade, eficacia, eficiencia e economía.
Deste xeito na CIG continuamos coas súas actuacións encadradas na campaña «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», iniciada o pasado 15 de maio, data na cal se manifestou para pedir a dimisión da actual directora pola situación de opacidade da xestión e o secuestro da EGAP, así como pola deriva antigalega, autoritaria, antidemocrática, elitista e partidista, á que está sometida a institución da súa man.
Así mesmo, reiterámoslle á Consellaría de Facenda e Administración Pública a nosa esixencia de que garanta unha EGAP transparente, receptiva, coherente e respectuosa cos fins para os que foi creada.

- Detalles
No DOG do 17/06/2025 publican a RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a relación de persoas admitidas e excluídas con carácter provisional que solicitaron a inclusión nas listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, ao abeiro do establecido no artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021.
Fan públicas as listas provisionais únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución.
As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <Listas de contratación>, e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.
As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentaren reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellaría de Facenda e Administración Pública; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).


