- Detalles
Recibimos comunicación da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na que nos informan de que o mércores 22 de outubro publicarán no Diario Oficial de Galiza as seguintes resolucións:
- Resolución do 15 de outubro de 2025 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0325, escala de veterinarios.
- Resolución do 15 de outubro de 2025 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0525, escalas de facultativos/as, te técnicos facultativos/as, escala técnica de gobernantes/as e escala de auxiliares de clínica.
O prazo para poder emendar o defecto que motivou a exclusión rematará o día 5 de novembro de 2025.
- Detalles
No ano de maior devastación polos incendios, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non activa as gardas de reforzo e deixa reducida ao 25 % a operatividade do cadro de axentes ambientais
A tempada de caza comeza este domingo 19 de outubro nun contexto especialmente delicado para o medio natural galego. Despois dun verán no que arderon milleiros de hectáreas, a Consellería, por vez primeira en anos, non activou as gardas do período extraordinario, deixando o servizo baixo mínimos históricos polo que só o 25 % do cadro de persoal estará operativo, fronte ao 50 % habitual nestas datas.
Esta decisión resulta especialmente grave no ano en que a fauna galega está máis afectada ca nunca polos grandes incendios forestais que arrasaron amplas zonas e a fauna silvestre que sobreviviu non ten alimento nin acubillo. A repoboación natural dependerá da migración dende espazos verdes limítrofes máis a pesar disto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, non decretou a exclusión nin nos concellos afectados. E, aínda que a lei de caza galega prohibe expresamente o exercicio da caza en terreos queimados apenas ten axentes para exercer este control.
Un servizo esencial sen reforzos
Con isto é máis importante ca nunca a vixilancia da actividade cinexética e do furtivismo, tanto para preservar a fauna, como para garantir a seguridade das persoas cazadoras e das veciñas e veciños que habitan o rural.
A Consellería, ademais de non reforzar o servizo activando o período extraordinario, mantén sen cubrir prazas vacantes e amortizou postos durante anos, o que provoca que contemos apenas cunha parella de axentes por distrito ambiental durante os fins de semana e festivos. Isto ocorre nun país onde se pode practicar a caza en mais do 80 % da superficie e existen arredor de 35.000 licenzas de caza activas.

Sen protocolos de seguridade nin medios de apoio
A situación da falta de persoal agrávase pola falta de medidas de seguridade laboral. Desde o asasinato a queima-roupa de dous axentes ambientais en Lleida no 2017, e aínda coa Lei básica de axentes forestais que obriga a protexer aos axentes, na Galiza seguimos sen protocolos básicos de actuación fronte situacións de risco.
A Consellería négase a poñer en marcha unha centraliña de avisos que tamén xestione incidencias ou chamadas de auxilio —como si ten a Consellería do Medio Rural—, nin organiza os servizos para garantir que os compañeiros e compañeiras non traballen sós. As ameazas e agresións ao persoal axente ambiental continúan sendo un risco real, mentres a Administración mira cara outro lado.
Dende a CIG Autonómica instamos de novo á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a activar as gardas e atender as demandas do persoal e garantir un servizo público de calidade, que protexa a biodiversidade galega e exercicio correcto da actividade cinexética. Non se pode falar de medio ambiente mentres se desmantela o seu primeiro muro de protección: os e as axentes ambientais!!
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 21 de outubro, para a aprobación dos seguintes puntos:
- Promoción interna de corpos xerais
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo superior-A1. Descargar
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo de xestión-A2. Descargar
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo administrativo-C1. Descargar
- Bases da convocatoria de promoción interna separada ao corpo auxiliar-C2. Descargar
- Modificación puntual da RPT por sentenza xudicial que afecta a uns postos da especialidade de Traballo Social. Descargar
As bases da promoción interna de corpos xerais pasou previamente pola Mesa Sectorial do 13/10/25.
Unha vez que pase pola Comisión de Persoal, queda pendente a aprobación no Consello da Xunta e a publicación en DOG.
- Detalles
O pasado venres día 17 de outubro á Mesa Sectorial trouxeron a proposta de modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)
Contido da proposta:
- Creacións de 24 postos de traballo: 1 posto de director/a, 5 postos de xefatura de servizo, 1 posto de xefatura de oficina técnica ,5 postos de xefatura de sección, 5 postos de xefatura de negociado, 1 posto base subgrupo C1 e 6 postos de arquitectos/as de funcións facultativas.
- Propoñen a amortización de 9 postos de traballo: 1 posto de director/a, 6 postos de xefatura de servizo e 2 postos de subalterno/a
Dende a CIG valoramos positivamente que, no balance final de creacións contra amortizacións, teñan un saldo netamente superior as creacións. Tamén consideramos acaído a proposta de mérito de licenciatura en dereito e non a esixencia da titulación para un posto da Administración Xeral, aínda que solicitamos que os postos que en anteriores RPTs o teñen, lles sexa modificado nesta RPT, e pase a ser un mérito e non un requisito para ter unha consonancia entre distintos postos.
No que atinxe á amortización de postos de persoal subalterno, entendemos que polo menos debería haber dous postos por centro ou edificio, pois senón quen os supliría en caso de solicitude de vacacións, permiso de asuntos propios ou mesmo baixas médicas? No IGVS de A Coruña existe un só posto de persoal subalterno. Nas oficinas de Ferrol non hai ningún...
- Detalles
Estas propostas forman parte da campaña da CIG «Por unha EGAP transparente e en galego». A recada foi posible grazas ás abondosas contribucións do persoal desta Administración, que demanda non só o incremento substancial da cantidade de cursos, que permita un acceso máis doado e xusto, senón tamén a total transparencia na selección do persoal formador, como garante dunha maior calidade da formación recibida.
O sistema obsoleto e opaco de xestión da formación da EGAP
A EGAP teima a día de hoxe en manter un sistema de xestión da formación caracterizado pola nula transparencia, a selección discrecional de persoal formador (persoal titor, persoal xestor, persoal director, persoal coordinador, etc.), moito del empregado público, para o cal Emprego Público quere que esta segunda actividade constitúa un mérito, para os efectos, por exemplo, dos concursos. Non obstante, esta é unha actividade profesional caracterizada pola inexistencia de convocatorias de selección e baremos públicos. Tampouco sabemos a día de hoxe, en pleno século XXI, cal é a puntuación obtida polas persoas solicitantes de formación, desagregada segundo os criterios de selección aplicados en cada caso, porque a EGAP non fornece esta información ano tras ano.
A CIG pide cambios substanciais, a elaboración participativa da programación formativa e máis e mellor formación
Mentres na programación anual se repiten determinadas constantes, como é a sucesión dos mesmos cursos impartidos sempre polas mesmas persoas ―moitas delas cargos da Xunta, e outras moitas pertencentes a empresas privadas―, constatamos que non se diversifican as temáticas e especialidades dos cursos para atender a todas as necesidades do persoal `por igual, deixando fóra da formación a moitos e moitas das nosas profesionais.
Por estes motivos, un ano máis, a CIG pide cambios substanciais na xestión e na atención ás necesidades de formación. Entre estes cambios está unha viraxe obrigada de 360º cara á transparencia, como garante dunha maior calidade das actuacións formativas; e unha programación da formación participativa e que sitúe no centro as necesidades das persoas empregadas públicas, cunha oferta considerablemente maior e máis diversa que responda, verdadeiramente, á demanda existente.
Plans de formación específicos para o SPIF, para a promoción interna, para o galego e outras linguas e para a igualdade
Capítulo á parte merece a demanda de formación do SPIF. Ao igual que fixemos en anos anteriores, solicitamos que a EGAP dote o plan de formación anual dun plan específico para o SPIF, indispensable sempre, e con máis motivo aínda ante un escenario de lumes extremos como os vividos este verán. O plan que achegamos ampliouse para recoller innumerábeis necesidades non satisfeitas até o de agora.
Outro punto candente é a enorme demanda de formación en lingua galega, que ano tras ano a EGAP ignora, ao programar unha oferta manifestamente insuficiente, e que non responde, nin de lonxe, as necesidades existentes. Como vimos denunciando, isto constitúe unha deixación de funcións da EGAP, que non cumpre cos fins para os que foi creada, feito que leva moitos anos tendo un efecto desgaleguizador moi grande. A súa obriga legal é adoptar medidas de fomento do galego na formación e a docencia e no resto de esferas da súa actividade (edición, adquisición de fondos da biblioteca, premios, convenios e contratos, etc.) e da propia Administración.
Non esquecemos a necesidade de dispoñer dun plan propio para a promoción interna. Incluímos de novo, como vimos facendo dende hai anos, un plan de formación avanzado, técnico e amplo en lingua e cultura galegas, en portugués e na Lusofonía; volvemos engadir un plan de linguas cooficiais e de linguas da UE diversificado e con niveis de competencia acordes á demanda, e tamén un plan de linguas internacionais; todos os cales deben contar coa formación para a preparación de probas oficiais de nivel. A eles engádese un programa específico para profesionais da linguaxe de signos. Tamén se propoñen un plan formativo en materia de igualdade entre mulleres e homes ampliado, e outro en materia de LGTBIQ+.
Completan a proposta innumerábeis temáticas, como a IA, as institucións sociosanitarias, a fisioterapia, o traballo social, a saúde pública, os museos, as obras e edificacións, a PRL e os primeiros auxilios, a cociña, a condución, a protección do patrimonio natural, a I+D+i, a saúde pública, a sanidade vexetal ou os informes técnicos
Non faltan os eidos nos que o persoal ten especial inquedanza, como as aplicacións prácticas da intelixencia artificial e TIC no día a día da Administración, dende o traballo de oficina e tramitación electrónica, ao traballo de campo ou a cociña; así como a protección de datos e seguridade da información; a loita antifraude e a transparencia; ou o estrés laboral, a prevención de riscos e os primeiros auxilios aplicados a distintos sectores de actividade. Por outra banda, demandamos formación na lexislación específica de cada consellaría ou entidade, sen esquecer as propostas do eido do traballo social, a elaboración de informes técnicos, a I+D+i, as emerxencias, a condución, a conservación do patrimonio e a recuperación de fauna silvestre, a cociña, a fisioterapia, as institucións culturais, as institucións sociosanitarias (centros de maiores, centros de día, centros de menores, centros de persoas con discapacidade e dependencia, centros de educación infantil, centros de educación especial e ordinaria, etc.), a saúde pública, a sanidade vexetal, as obras e edificacións, e un longo etcétera.
Non imos parar até conseguir cambios e melloras substanciais para todas e todos! «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO»!

- Detalles
O Real Decreto 919/2025, de 15 de outubro, regula os coeficientes redutores da idade de xubilación aplicables ao persoal axente forestal e ambiental das administracións públicas.
Este avance é unha conquista colectiva do persoal axente ambiental e tamén froito da presión e do traballo sindical desenvolto pola CIG durante a tramitación da Lei básica que permitiu incorporar a reivindicación histórica da xubilación anticipada con coeficientes redutores, que nin se albiscaba nos textos iniciais. Porén, denunciamos que agora o Goberno complica e atrasa a súa aplicación efectiva, xa que a norma non entrará en vigor ata a aprobación dos orzamentos xerais do Estado para 2026 ou ata que se dite unha norma legal que fixe a cotización adicional correspondente. Por este motivo e, dada a situación política actual, vemos difícil que se poda aprobar no Congreso axiña polo que lamentamos que non se aplique de forma inmediata e directa como SI se fixo cos nosos compañeiros e compañeiras bombeiros/as forestais.
Contido principal do Real Decreto 919/2025
No resto das cuestións, o texto mellora substancialmente o borrador inicial, incorporando varias das alegacións defendidas pola CIG-Autonómica:
- Elimina a disposición que graduaba e limitaba a súa aplicación so a unha % do cadro persoal durante o 2026 e 2027, restrinxindo o acceso a xubilación a unha parte dos compañeiros/as.
- Recoñece o tempo relativo a outras profesións que teñen coeficientes redutores, e así poderemos acumular o tempo de bombeiros/as forestais e axentes para acadar o mínimo dos 15 anos.
- Elimina a traba coa que condicionaba de facto a redución de 6 anos da idade xubilación ordinaria (por exemplo se a túa idade de xubilación ordinaria son é os 65 poderías xubilarte ós 59), que era ter 37 anos de cotización exclusivas como axente forestal.
- Considera como tempo efectivo de servizo —sen perda de dereito— os períodos de maternidade, adopción, acollemento, permisos parentais, risco por embarazo ou lactancia, e violencia de xénero ou sexual e as reducións de xornada por motivos de conciliación contarán o 100%.
Deste xeito, o dereito á xubilación anticipada será de aplicación xeral para todo o persoal que cumpra os requisitos establecidos. Porén ao o non incorporar a alegación pola que pediamos a aplicación directa unha vez aprobado o RD sen estar condicionado aos orzamentos ou outra lei, a xubilación para o persoal axente forestal vai ser unha longa corredoira empinada.
Requisitos e condicións principais para o acceso á xubilación anticipada:
- Coeficiente reductor: 0,20 por cada ano completo de servizo efectivo. Isto permite adiantar a xubilación ata 5 anos dende a idade de xubilación ordinaria (65 anos) con carácter xeral, ou 6 anos no caso de contar con 37 de cotización efectiva.
- Requisitos mínimos: Ter 15 anos de servizo efectivo como axente forestal, ademais de cumprir os períodos de cotización da Seguridade Social. Para este mínimo permítense acumular períodos en diferentes profesións que conten con dereito a coeficientes redutores.
- Cotizacións adicionais: A norma require cotizacións adicionais para poder acollerte á xubilación anticipada. Por iso na Mesa Xeral de Persoal Empregado Público, celebrada o 16 de outubro, anticipámonos e solicitamos xa que se inclúa a previsión das cotizacións adicionais derivadas da aplicación deste Real Decreto na Lei de orzamentos de Galiza para o 2026 e respostaron que SI contemplan consignar as contías para facelo efectivo.
- Detalles
Dúas das normas máis relevantes para as persoas empregadas públicas como son a lei de orzamentos e a lei de acompañamento (lei de medidas fiscais e administrativas), o PP despachounas sen dar lugar sequera a unha negociación real. E para isto non nos enviou os textos das leis ata 20 horas antes da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, e para poñer máis obstáculos enviou nova documentación media hora antes. A iso se lle chama mala fe negocial.
Pero non por iso renunciamos a expoñer as nosas demandas:
- Derrogación definitiva da lei de medidas temporais do 2012 e restauración dos dereitos recortados (9 días de asuntos propios, Fondo de Acción Social completo, dereitos do V Convenio, etc).
- Xornada de 35 horas semanais aplicando xa o que existe noutras administracións e compensación da redución a aqueles sectores que teñen outra xornada acordada.
- Concurso de traslados permanente, cun prazo máximo de resolución de 6 meses.
- Promocións internas mediante concurso de méritos sen límite de prazas.
- Comisións de servizos de superior categoría para corpos e escalas de subgrupos superiores se non existe persoal do propio corpo ou escala para cubrilas, tal e como existen noutras administracións.
- Complemento de antigüidade tendente a igualar os trienios.
- Complemento transitorio para restaurar os importes dos soldos bases das pagas extras recortadas.
- Consignar as cantidades necesarias para o cumprimento das sentenzas sobre a carreira profesional. Levantar o veto ao grao de carreira que perdeu o persoal interino e temporal no 2019 e reservar cantidades para aplicar o grao IV no 2026 como xa se aplica agora no SERGAS.
- Suprimir a taxa de reposición de efectivos mentres unha norma de carácter básico non o impida, supresión que imos seguir defendendo na mesa das Administracións públicas en Madrid.
- Cobertura de absolutamente todas as necesidades de substitucións de persoal e de prazas vacantes e subsidiariamente, negociación da inclusión de gardacostas, oficinas de emprego e outros colectivos e servizos no artigo 13 da lei de Orzamentos.
- Recoñecer nos orzamentos as contías para as cotizacións sociais que permitan facer efectiva a aplicación dos coeficientes redutores para os colectivos que o teñan recoñecido e para os que poidan ter un próximo recoñecemento.
- Encadramento de todas as escalas ás que se lles esixa o título de técnico superior no grupo B, tal e como establecen o EBEP e a LEPG, e que se faga efectivo a todos os efectos, administrativos e económicos. Eliminación de todas as disposicións da LEPG que o exclúen ou rebaixan. E encadramento das escalas ás que se lles esixa a titulación de técnico correspondente aos ciclos de grao medio no subgrupo C1, do mesmo xeito e cos mesmos efectos que os que subliñamos arriba.
- Suprimir a reforma que permite a redución dos complementos específicos adicionais en casos de IT, vacacións, adaptacións de posto, segunda actividade, etc, introducida pola reforma da lei de medidas do 2023, e establecer garantías para o acceso aos postos de segunda actividade entre outros ao Servizo de Gardacostas.
- Previsión orzamentaria para abordar unha racionalización dos niveis de todos os corpos e escalas.
- Modificación permisos: adaptación ás novas realidades e garantir que sexan plenamente efectivos polo que o permiso parental para o coidado de fillo, filla ou menor acollido/a ten que ser retribuído, e o de nacemento para a nai biolóxica ten que incrementarse a 25 semanas, o permiso do proxenitor diferente da nai biolóxica no caso de familias monomarentais ou monoparentais sexa de 38 semanas correspondentes ás dezaseis semanas da nai biolóxica e dezanove semanas da outra persoa proxenitora, e o de adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, de 25 semanas.
A Xunta do Presidente Rueda pretende seguir cunha norma continuísta, sen abordar os problemas que existen na actualidade, agás nalgún caso, e obviar o debate de que cuns Orzamentos Xerais que van ter o teito de gasto máis alto da historia, non haxa posibilidade de introducir medidas que melloren as condicións laborais do seu persoal. Das novidades apenas destacar moi poucas cousas:
- Modifican varios permisos para adaptalos ao EBEP, pero perden a posibilidade dunha mellora, tal e como lles plantexamos nas nosas alegacións.
- Contemplan un miserable incremento retributivo do 0,5% froito dos acordiños sindicais de Madrid.
- Confirman que se consignarán as contías necesarias para as cotizacións sociais que dean dereito a aplicación dos coeficientes redutores.
- Como cuestión singular encadran as escalas de patrón e mecánico de Gardacostas no grupo B (parece que cumprir as leis e algo que lles teñamos que aplaudir) pero van seguir no C1 a efectos administrativos e económicos. Isto non é ningún avance. E sinxelamente un fraude. Ao igual que no resto das escalas (tanto as que esixindo un ciclo superior seguen no C1 como as xa encadradas no B) esiximos que a todos os efectos, administrativos e económicos sexan grupo B.
- E o cuarto destacable é a modificación da Lei de emprego público para establecer o destino definitivo para o persoal de novo ingreso como única posibilidade, algo, que á luz dos problemas causados polos destinos provisionais, parece que xa chega tarde, aínda que consideramos que así ten que ser para o futuro. E xunto con isto, crean un réxime transitorio para tratar de remediar a situación creada actualmente con todo o persoal que está en destino provisional tendo concursos en marcha, e que introduce algún elemento que causa incerteza pero ao sernos entregado o texto tan só media hora antes da Mesa Meral non puidemos valorar a conciencia na propia mesa.
O goberno do PP, que levará estes proxectos de lei ao Parlamento tratando de pasar por riba da representación do persoal, terá que dar contas no mesmo, pois dende a CIG trataremos que as nosa alegacións se presenten como emendas durante a tramitación parlamentar.
- Detalles
Milleiros de persoas participaron nas 15 mobilizacións convocadas pola CIG con motivo da xornada de paro xeral
O paro xeral por Palestina está a ter un importante seguimento entre a clase traballadora galega, que unha vez máis amosa a súa solidariedade ao participar tamén de xeito masivo nas mobilizacións para reclamar a fin do xenocidio e da ocupación ilegal. A sinatura do cesamento ao fogo, malia que aínda non se materializou sobre o terreo, atende á reivindicación máis urxente para a poboación de Gaza, pero supón un paso insuficiente na reclamación que motivou esta xornada de loita: esixir unha solución que leve xustiza e paz para o pobo palestino, que faga valer o seu dereito de autodeterminación e que supoña a fin da ocupación ilegal por parte do Estado xenocida de Israel.

O seguimento do folga, aínda que desigual, ten unha elevada incidencia en sectores como ensino e os grandes centros de traballo. A solidariedade evidenciouse tamén nas concentracións realizadas polo persoal nos propios centros de traballo e nas mobilizacións que a CIG desenvolveu ao longo da mañá nas sete cidades máis en Vilagarcía, Carballo, Verín, Ribadeo, Monforte, Ribeira, A Estrada e A Guarda, nas que participaron milleiros de persoas.
Mención á parte merecen os servizos públicos, pois como vén sendo práctica habitual e a CIG xa denunciou, os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza impiden na práctica o exercicio á folga e confirman a negativa do Goberno galego a romper as relacións bilaterais que mantén con Israel. Este boicot ao paro xeral forma parte do silenciamento do xenocidio do pobo palestino nos medios de comunicación públicos galegos e do soporte permanente ao Estado soinista.
A CIG denunciou que a inhumanidade amosada polo PP ante a realidade palestina é inaceptábel, e reclamou ao Goberno de Rueda que deixe de estar de perfil e tome unha postura clara na defensa da legalidade internacional.

Cómpre seguir mobilizándose por Palestina
Antes do inicio da manifestación de Compostela, a CIG puxo en valor a resposta dada polas traballadoras e traballadores galegos nunha xornada que se suma ás máis de mil cen mobilizacións convocadas na Galiza ao longo destes dous últimos anos para denunciar o xenocidio do pobo palestino e a complicidade dos gobernos occidentais diante desta barbarie.
Neste senso, a CIG advirte que, a pesar do recente acordo para o cesamento dos ataques en Gaza, as accións de protesta non poden rematar porque o pobo palestino é vítima dunha brutal ocupación dende hai 77 anos. Sen a ocupación por parte do Estado sionista de Israel non se pode entender o xenocidio en Gaza.
A CIG denunciou que Israel, co permanente apoio das potencias internacionais, nomeadamente os EUA, vén aplicando un réxime de apartheid contra o pobo palestino, roubando as súas terras e obrigando ao desprazamento forzoso da poboación local, executando detencións e encarceramentos sumarios e sometendo a poboación palestina a un acoso permanente.
A CIG lembrou que a impunidade nestas actuacións favoreceu o desmembramento de Palestina e a creación da Faixa de Gaza como o maior campo de concentración da historia, hoxe reducido a cascallos e exemplo da barbarie coa que actúa o Estado xenocida de Israel.
Garantir o dereito de autodeterminación
Por parte da CIG aseveramos que ao igual que viñemos facendo dende o inicio da agresión á Faixa de Gaza, non debemos cesar na nosa acción de denuncia e repulsa a esta persecución e na exixencia do dereito á vida, á paz, á dignidade e á xustiza para o pobo palestino. Salientamos, igualmente, que cómpre seguir presionando para garantir que o acordo de cesamento do fogo non constitúa un novo atranco nas lexítimas aspiracións do pobo palestino a contar cun estado propio, con soberanía plena e integridade territorial do río Xordán ao mar Mediterráneo, e para que se garanta o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas.
Así mesmo, reivindicamos unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel e o resto de responsábeis directos que permitiron e colaboraron nesta barbaridade.
Rachar as relacións bilaterais e boicot a Israel
A CIG engadiu que esta xornada de paro e mobilizacións ten que servir tamén para esixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado xenocida de Israel, que pasan por que a UE, o Goberno español e o Goberno galego rompan as relacións militares, comerciais e diplomáticas mentres non remate a ocupación ilegal da Palestina.
Nesta liña reclamamos que nin un céntimo dos impostos que paga a clase traballadora (que representan un 60% dos ingresos totais do Estado) se dedique a colaborar cun réxime xenocida e que eses recursos económicos sexan destinados a mellorar as condicións de vida da propia clase traballadora.
Ao tempo, requirimos tamén que se recoñeza o dereito á obxección de conciencia das persoas traballadoras das empresas e administracións que manteñen relacións comerciais ou doutro tipo con Israel,“que poderán negarse a prestar os seus servizos laborais en traballos ou proxectos que impliquen colaboración coa entidade sionista.
Finalmente, a CIG reivindicou que se recoñeza o estatuto de refuxiadas ás persoas palestinas que o desexaren, con permisos de residencia e traballo.
- Detalles
Na rolda aberta de intervencións da MSF do 13/10/25, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu información de:
Concursos ordinarios de traslados
A CIG preguntou pola situación de todos os concursos de traslados que están en execución, pola situación das medidas xudiciais que afecten aos concursos, e polas previsións dos concursos que faltan por convocar.
A DXEP respostou:
- Que no mes de novembro publicarán o baremo provisional do concurso de corpos xerais
- Que a continuación publicarían o baremo será o de escalas sociais
- Que non tiñan novidades xudiciais
- E punto final
Concursos específicos
Preguntamos cando tiñan pensado publicar en DOG o modelo de convocatorias de concursos específicos, ao que respostou que non se vai publicar. Afirmou que as consellerías xa teñen o modelo, e que agora está na man de cada unha delas.
Tal e como xa lle dixeramos no seu día, e que foi un dos motivos de votar en contra na comisión de persoal, é inaceptable que o modelo aprobado non conteña ningunha obriga de convocar os concursos específicos nun prazo límite. Sen esa obriga, veremos no tempo que tardan en convocar o primeiro e o último dos concursos específicos. E mentres tanto, seguirán botando man das comisións de servizos.
Carreira profesional
Afirma que a negociación será en outubro, insiste en que os efectos económicos serán a 01/01/2025, e que para evitar problemas co IRPF os pagos serán dentro do 2025.
Toma de posesión de enxeñarías+ciencias+arquitecturas
A DXEP informa que a publicación en DOG será para a semana que ven, e a toma de posesión ao día seguinte.
- Detalles
As bases das convocatorias de promoción interna separada para corpos xerais (A1, A2, C1 e C2), pasou pola Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario que tivemos o luns 13 de outubro. Para a súa publicación en DOG falta que queden aprobadas nunha futura Comisión de Persoal.
As convocatorias recollen as prazas das OEP dos anos 2022 e 2023. A CIG solicitou a incorporación tamén das da OEP-2024 (18 en A1, 35 en A2, 73 de C1, 170 de C2). Porén, reclamamos que a promoción interna non tivese límite de número de prazas, tendo en conta que estas non consumen tasa de reposición de efectivos.
Respecto dos borradores iniciais destas convocatorias, axustaron un pouco o tema da Lei 7/2023, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galiza, e reduciron o número de preguntas do primeiro exercicio de A1 e A2.
Estas convocatorias son moi similares ás anteriores, pero destaca un importante cambio no corte para superar o primeiro exercicio: pasamos de 4 por praza sen baixar do 50%, e de non chegar, poder baixar ao 40%, pero naqueles exercicios que tiñan duas partes o corte había que superalo en cada parte; agora, o corte queda en 4 por praza ata o 40% directamente, e aplicado ao conxunto do exercicio, non a cada parte. Esta diferenza facilitará sen dúbida a superación da fase de oposición.
A Xunta está a limitar as escalas que se poden presentar. A CIG defende que sempre, en todos os casos, o persoal funcionario que cumpla cos requisitos de titulación poida moverse de escala por promoción interna vertical dende o subgrupo inferior e horizontal dende outra escala do mesmo subgrupo. A directora de Emprego Público non acepta.
Somos conscientes de que en moitos casos, superar a promoción interna implica cambiar de localidade. Iso é un problema especialmente nas localidades nas que non existen postos abondo. Por iso reclamamos que se articule algún sistema que permita a recualificación do posto ou algún outro sistema que limite os cambios xeográficos.
Queremos algúns axustes na fase de consurcos. Destacamos que pedimos a eliminación da puntuación por grao consolidado, ou que busquen a maneira de evitar que as comisións de servizo pervirtan este mérito pola consolidación do grao que se da nun caso concreto (cando previamente a obter un posto de nivel superior nun concurso, xa se estivo nese nivel en comisión de servizos).
En canto aos exercicios, defendemos a supresión do exercicio de temas en A1, e a proba de informática en C2 (propuxemos que fora substituida por un curso de formación non eliminatorio para todos os corpos, adaptado ás súas necesidades funcionais).

