- Detalles
E quen será a dirección nas escolas do Consorcio… (será un paquete sorpresa?)
Na mesa de negociación de hoxe, 19/05/26, dende a CIG quixemos trasladar unha serie de cuestións que preocupan ás traballadoras das escolas infantís, e así vimos recollendo, ante a previsión de comezar o vindeiro curso 26/27 nos novos destinos e así non interferir no traballo educativo que supón o inicio de curso cos períodos de adaptación do alumnado:
1. Hai traballadoras/as que estabilizan (educadoras/es infantís A2 ou técnicos en educación infantil C1) e que aparecen nas listas de aprobadas tanto no concurso como no concurso oposición de estabilización. Sabemos que ao elixir en concurso xa decaen de concurso oposición, pero esa depuración da lista cando a farán? Previa a elixir destino para que poidan “subir” na lista todas aquelas persoas que quedaran fóra? Nesa actualización da nova lista de aprobadas/os entendemos que xa inclúen outras cuestións que fixeron que decaeran das listas de aprobadas (listas que nalgún caso teñen ano e medio).
⇒ A DXEP indica que na resolución para o acto de elección de destino, (previsiblemente en xullo) as persoas que aprobaran varios procesos van sair na resolución e teñen que renunciar a todos menos a un deles. Previamente á publicación deste acto de elección de destino, a Xunta sacará un listado actualizado das persoas aprobadas (hai persoas xa xubiladas, etc).
⇒ Posteriormente e previo ás tomas de posesión, sairán novos listados de aprobados cubrindo os postos deixados polas persoas que renunciaron.
2. As persoas que aprobaron nos procesos de oposición (C1) posteriores a estabilización entrarán no acto de elección de destino próximo? As últimas xa entregaron en febreiro toda a documentación tras a publicación da lista de aprobadas e non tería sentido que non o fagan xa que o paso seguinte é a elección de destino. Insistimos que deberían de elixir xa e así deixar rematados os procesos, porque… para que agardar máis?
⇒ Sobre este asunto, a DXEP indica que revisarán en que situación se están para poder incluílas.
3. Outra cuestión que queremos abordar é que todo o persoal do grupo A2 está moi preocupado coa maneira de adxudicar os postos de dirección nas escolas do Consorcio. Na RPT de Política Social, no caso das escolas infantís do Consorcio, non aparece recollido a cal das persoas que ocupen un posto de A2 na escola se lle adxudicarán estas funcións. Os niveis son os mesmos para calquera posto do A2, pero unha das funcionarias vai ter a función de dirección.
Isto non sucede nas escolas da AGASS, que si aparece o posto cun nivel superior polas funcións de dirección que veñen especificadas.
Co cal, o que trasladamos dende a CIG é: como pretenden entón que as persoas elixan destino sen saber que posto ocuparán? Onde está recollido o complemento de dirección que non aparece na RPT? Xa as persoas que están participando no concurso de traslados se atoparon con este problema e isto non é nada serio xa que se elixe destino cun ollo tapado porque logo podes levar o paquete sorpresa.
⇒ Ante esta cuestión a DXEP traslada que “AGASS é un ente e o Consorcio é outro ente” e cando se incorporen as persoas do A2 ao posto “se decidirá nese momento”.
Emprego Público, segue agochando a cabeza e se inhibe de tomar unha decisión. As respostas non son propias de quen ostenta o cargo coa máxima responsabilidade en xestión de persoal da Xunta de Galiza.
4. E para rematar, tamén precisamos saber como será a xestión das vacacións porque outros cursos a estas alturas xa as estaban marcando (as do propio ano en agosto, co peche das escolas). E tamén se os AP´s os perderían ou se conservan.
⇒ Emprego Público di que o tratará co Consorcio e AGASS e nolo trasladarán.
A CIG continuará defendendo os dereitos das traballadoras porque querer ter información e transparencia de cuestións básicas, non debería ser unha loita! Pero se hai que loitar, aí estaremos!!
- Detalles
No DOG do 19/05/2026 publican o DECRETO 40/2026, do 18 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.
A modo de resumo estes son os principais cambios:
- Elimínase de súpeto a posibilidade de chamamentos por mellora de emprego. As persoas traballadoras non só non poden acceder a unha praza vacante unha vez que acepten un posto, senón que a maiores tampouco poderán acceder a outro posto doutra categoría/escala superior ao que poideran ter dereito impedindo as posibilidades reais de conciliación e a progresión profesional. Equipar de facto por exemplo un contrato de días por un permiso coa posibilidade de optar a un posto vacante é unha ABERRACIÓN.
- Empregarase un sistema de chamamento extraordinario no caso de que concorra unha situación xustificada de urxencia e necesidade inaprazable na cobertura de determinados postos para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público. No caso do persoal do SPIF este sistema será o empregado dende o 01 de marzo ata o 31 de outubro de cada ano.
- No caso de chamamentos urxentes disporase de menos de 24 horas para atendelo (ata as 23:59 horas do día que se recibe).
- Afóndase no uso dos medios electrónicos: chamamentos por SMS para cobertura de postos de urxente cobertura, credencias electrónicas, enderezo para comprobar a adxudicación dos postos….
- Redúcese a penalización no caso de rexeitar ou renunciar a un posto dun ano a seis meses e non existirá penalización ao renunciar a un posto con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria ou a un posto de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez transcorridos dous meses desde a data do inicio da prestación de servizos.
Para a CIG esta modificación é terriblemente lesiva para o persoal e está pensada para ocultar a incompetencia e a nefasta política de cobertura de postos ao antepoñer unha suposta axilidade administrativa e planificación interna da Administración fronte aos dereitos, expectativas profesionais e condicións reais de dispoñibilidade do persoal traballador, obviando que a solución é unha correcta organización e previsión.
E por se todo isto fora pouco, constatamos que xa comezaron a aplicarlle con carácter retroactivo esa medida ao persoal que tiña aceptado un chamamento con anterioridade á entrada en vigor desta modificación.
Diante desta desfeita, que supón unha perda de garantías para o persoal afectado e que foi adiante co voto en contra de tódalas organizacións sindicais, a CIG valorará todas as medidas posibles a adoptar para tratar de revertir este despropósito.
Como primeira acción imos realizar concentracións diante dos centros de traballo o vindeiro martes 26 de maio ás 11 horas. Seguiremos informando.

- Detalles
Nas anteriores 6 convocatorias de letradas/os (dende 2013), quedaron desertas 2 de cada 3 prazas ofertadas. As persoas candidatas ano tras ano son incompetentes? Déixanas desertas para dalas en comisión de servizos a persoal funcionario doutras escalas? Por que dividen as prazas dunha mesma Oferta en convocatorias diferentes?
Asistimos á Mesa Sectorial do luns 18 para negociar as bases da convocatoria do proceso selectivo para a escala de letradas/os, un proceso moi similar ao convocado no 2024: forma de acceso mediante oposición; seis exercicios, dous deles de exposición oral de sete temas, un voluntario de lingua estranxeira; un programa tamén moi similar ... A única diferencia subliñable está no corte dos exercicios orais.
Facendo unha análise de como foron os procesos anteriores obtemos o seguinte:

De todas estas convocatorias, a porcentaxe de prazas cubertas foi do 37%. Se collemos as convocatorias dos últimos 10 anos, a porcentaxe baixa ao 32%. Andamos arredor de que se están a cubrir nada máis que unha de cada tres prazas convocadas. Con estes datos caben tres conclusións:
- A inmensa maioría das persoas opositoras que se presentan ano tras ano non teñen a capacidade necesaria para traballar na escala de letrados/as
- Os tribunais, ben por decisión propia, ben por indicacións recibidas, poderían estar interesados en que as prazas queden sen cubrir para así poder adxudicar as vacantes en comisións de servizos a persoal funcionario doutras escalas escollido a dedo
- O proceso selectivo é inadecuado
Damos por feito que a Xunta de Galiza non considerará razoable que exista unha incapacidade xeneralizada das persoas candidatas ano tras anos. Tamén damos por feito que ninguén vai recoñecer que deixalas desertas é froito dunha decisión consciente. Así que só podemos valorar que o proceso é inadecuado.
Non vamos afondar en nada máis, en que non compartimos a forma de acceso, ou en que non haxa diferenzas entre acceso libre e promoción interna. Non entramos en que haxa seis exercicios, dous deles de 7 temas. Tampouco entramos en que concordamos que se permita a promoción horizontal e vertical dende calquera escala do mesmo ou inferior subgrupo.
Para a CIG hai unha cuestión que anula calquera outra consideración: estamos ante un modelo de proceso selectivo que reiteradamente, convocatoria tras convocatoria, deixa un de cada tres postos sen cubrir. Un proceso que necesita unha revisión profunda. En definitiva, o actual modelo NON VALE.
A maiores do anterior, e para rematar, queremos engadir un proceder que nos parece absurdo: dividen os posto de cada oferta de emprego entre convocatorias de anos diferentes.
Nesta proposta de Resolución convocan 10 prazas para a escala de letrados e letradas, das OEP de 2023 e 2025:
- Na OEP-2023 había 10 prazas, e na convocatoria publicada no 2024 incluíron 2 prazas, polo que restaron 8 sen convocar, que son as que convocan agora.
- Na OEP-2025 tamén hai 10 prazas, das que agora inclúen 2 prazas. Quedarán 8 sen convocar.
Esta situación de ir dividindo as prazas dunha OEP e repartilas en convocatorias diferentes repítese dende fai anos, e só ocorre en letrados. É algo absurdo, polo que reclamamos á Xunta que se agora mesmo están dispoñibles 18 prazas, que as convoquen todas xa.
- Detalles
Hoxe, 18/05/26, na mesa xeral a DXEP tampouco quixo dar resposta razoada á demanda de que a promoción interna do 2023 poida participar nos actos de elección de destino definitivo.
A resposta que deu é que aínda hai un prazo de 20 días para presentar a documentación e que hai un prazo dun mes para presentar recursos de alzada.
Sobre isto último supoñemos que coñece que o recurso de alzada non é suspensivo con carácter xeral, xa que a continuación dixo que teríamos que esperar ata o 30 de maio.
Pois ben, entendemos que non habería desculpa para que se no 30 de maio non está xa resolta a negociación para modificar a RPT e crear postos e abrir outros, preparada a listaxe de postos e feita a resolución para o acto de elección de destino, entón, SI PODERÍAN dar destinos. E si remata pouco despois do 30, TAMÉN, porque sería esperar uns días para evitar un mal maior.
Ou o asunto dos prazos é unha desculpa?
- Detalles
Recibimos como punto da orde do día da Mesa Xeral do luns 18 de maio unha modificación da claúsula terceira do protocolo e o sorprendente son dúas cuestións de moito calado:
1. Pasan directamente de convocar á comisión negociadora que é quen ten a capacidade de diálogo para levar a cabo modificacións e saltan a unha Mesa Xeral sen ningún tipo de apuro. Así que a través do rexistro trasladamos o venres 15 de maio que é necesario retirar do punto da orde do día esta cuestión e solicitamos que se convoque a esta comisión porque precisamos revisar o protocolo na metade de cumprimento xa que detectamos eivas na aplicación.
2. Pretenden excluír cando nunca estiveron incluídos “ao persoal docente dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e o persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galiza, que se rexerán polo seu propio protocolo” sen ter protocolo asinado e coa gravidade que significa continuar desprotexendo a estes colectivos de traballadoras. Acaso ten que continuar ditando sentenzas o TSXG en relación ao incumprimento en materia de prevención de riscos laborais porque cando estes colectivos queren activar o protocolo o que se lles indica é que non o teñen co cal teñen que recorrer á xustiza?
A Xunta de Galiza non hai por onde collela e desprotexe aos traballadores/as: O protocolo de acoso non é unha broma, fagan o favor de poñerse as pilas!
- Detalles
No DOG do 18/05/2026 publican a RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se dispón a aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na cobertura temporal dos postos dos corpos e escalas adscritos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
A cobertura destes postos será realizada a través das listas que correspondan reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, a partir do 21 de maio de 2026.
A cobertura temporal dos postos adscritos ao corpo auxiliar da Administración xeral, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e ao corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial, escala de xerocultor ou xerocultora, a través das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, realizarase a través das listas propias do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar mentres non finalice o procedemento de elaboración das listas correspondentes ás ditas escalas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
- Detalles
As competencias en todas as etapas educativas, tenas de xeito exclusivo a Xunta, non o Goberno español, como quere facer crer Rueda e, polo tanto, é a Xunta a que ten na súa man estabelecer en que condicións hai que prestar este servizo público.
Seica as competencias en Educación son do Goberno español! Que morro teñen!!
En declaracións recentes, o presidente da Xunta de Galiza anima ás traballadoras das escolas infantís a manifestárense en Madrid contra o Goberno español. Dende a CIG ímoslle refrescar a memoria para que non precise persoal asesor, aínda que xa sabemos que a súa asesoría é da estirpe de Tellado ou de M.A.R.
Ten razón cando apunta que o Goberno español ten responsabilidades coa Educación. Aí queda para os restos o concordato coa Igrexa, que tanto prexudica á educación pública, entre outras cousas; e tamén eses teitos normativos tan altos que lles permiten aos gobernos autonómicos impoñer cocientes de alumnado propios dos anos sesenta. Tamén nas políticas de conciliación, para que non se teñan que institucionalizar as crianzas durante horas, e as familias poidan traballar conciliando a vida persoal e a laboral. Aínda que xa sabemos que as amigas e amigos da patronal xa lle lembran seguido que por aí non poden ir.
Pero non apunte e dispare a quen ten as competencias en Educación, que pode ser suicida...
O Decreto 329/2005, de 28 de xullo —21 anos, xa choveu!!—, que establece os requisitos mínimos dos centros de menores e dos centros de atención á infancia é da súa Xunta de Galiza. Algunha comunidade autónoma non ten esas aulas a tope coma no noso país e teñen ratios máis baixas.
Facendo un siloxismo, temos que:
- O tramo de 0 a 3 anos é unha etapa educativa.
- As competencias en Educación son exclusivas da Xunta, sobre as que o Parlamento de Galiza pode lexislar e vostedes regular.
- Conclusión: a Xunta pode establecer as condicións nas que se dá o servizo nas escolas de 0 a 3 anos.
Así que, sen termos que ir a Madrid, vostedes poden facer todo o que precisamos ao respecto das escolas infantís:
- Baixada das ratios.
- Establecemento das parellas educativas en todos os centros.
- Regulación das condicións dos espazos nos que se dá o servizo.
- Establecemento do tempo preciso dentro da xornada semanal para a programación e preparación de aulas, avaliacións, titorías, etc.
- Servizo público de xestión pública na Consellaría de Educación.
- Fomento do galego na etapa educativa de 0 a 3 anos. Que se garanta a aprendizaxe e a inmersión lingüística en galego.
- Protección da saúde: recoñecemento do risco biolóxico para o embarazo para todas as traballadoras na etapa educativa de cero a tres anos.
Sr. Rueda, se tanto apoia as traballadoras, por que establece uns servizos mínimos tan «máximos»?
Míntanlle a outras, que as traballadoras das escolas non tragamos esa bóla!!
- Detalles
No DOG do 15/05/2026 publican:
- RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de mantemento de servizos.
- RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica de condución.
- RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de mantemento.
- RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de condución.
O sistema selectivo será o de oposición.
As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galiza, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galiza.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galiza (DOG).
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público convocounos para unha Mesa Xeral e Mesa Sectorial o venres 15 de maio, e unha Mesa Sectorial o martes 19. Estes son os puntos da orde do día:
- Convocatoria de proceso selectivo da escala de letrados-A1. Descargar
- Convocatoria concurso traslados A1-A2 inspección e subinspección urbanística. Descargar
- Convocatoria concurso traslados A2-inspeccion turistica-C1-vixilancia estradas-dominio publico hidraulico. Descargar
- Convocatoria concurso traslados A1-A2-C1 informática. Descargar
- Modificación RPT Atriga. Descargar
- Modificación do protocolo de actuación fronte ao acoso e violencias sexuais e psicolóxicas no traballo. Descargar
- RPT MA-Litoral. Descargar
Se é do teu interese, contacta coa CIG.
Nota: as mesas do vernes 15 foron movidas para o luns 18.
- Detalles
Achegamos máis información complementando a que difundimos o luns 11 de maio sobre os actos de elección de destino e tomas de posesión de corpos xerais.
No concurso de traslados adxudicáronse 833 prazas en 1ª fase, 240 en resultas e 2 de oficio. Quedaron sen adxudicar 6 xefaturas de sección e máis ou menos 110 prazas de xefatura de negociado (das que unhas 90 estarían en Santiago).
Acto de elección de destino
Tal e como trasladamos onte, o acto de elección de destinos será único para os dous bloques (os bloques só indican a prioridade na elección pero non implican actos sucesivos).
Para estes actos están valorando a posibilidade de que se poida escoller ademais de por posto, por localidades ou niveis, o cal facilitaría o acto de escolla.
Esperan que as datas posesorias finalicen previsiblemente a mediados de xullo.
Teñen que elixir destino nestas tomas de posesión 1.330 persoas do bloque 1 e 762 do bloque 2, que sumarían 2.092 persoas.
| BLOQUE 1 | |
| FUNCIONARIZACIÓN | 5 |
| PROMOCIÓN INTERNA 2020 | 92 |
| LIBRE 2019 | 721 |
| PROMOCIÓN ESPECÍFICA | 23 |
| LIBRE 2022 | 489 |
| BLOQUE 2 | |
| CONCURSO 2022 | 635 |
| CONCURSO-OPOSICIÓN 2022 | 127 |
Prazas
Para a elección destas persoas disporase de máis ou menos 2.630 prazas, tendo déficit nos grupos A1 e A2 (sen especificar a cantidade) e superávit nos grupos C1, C2 e AP.
Postos do Consorcio
Para tentar cubrir ese déficit para as tomas de posesión van a incluír 60 postos pertencentes aos Servizos Centrais do Consorcio que non pasaron polo concurso: 11 postos base A1, 8 xefaturas de sección, 6 postos base A2, 1 xefaturas de negociado, 4 postos base C1, 6 xefaturas de grupo e 24 postos base C2.
Xefaturas de negociado
Dos 110 negociados que sobraron do concurso, 90 son en Compostela. Valoran introducir para as tomas de posesión negociados que non pasaran polo concurso de características similares (parecen dar a entender que en Compostela), “comprometéndose” a non ofertar prazas de negociado en delegacións.
Xefaturas de sección
Das seccións só se ofrecerán as 6 que sobraron do concurso e as do Consorcio, pero non ofrecerán o resto das que non pasaran polo concurso (sobre 147).
Postos das oficinas de emprego retirados do concurso
Non as ofertarán.
Postos base
No concurso sobraron 200 postos base A1 e A2 sen coller polo que poderían incluír postos de similares características. E como aínda así existe déficit de postos, terán que realizar modificacións nas RPT ou ben para crear postos de nivel 16 ou abrir postos dese nivel ao subgrupo A2.
Promoción interna 2023
Instámoslle a que incluíse na toma de posesión á promoción interna do 2023 (OEP´s 2020-2021), pero negouse alegando que non estaba rematado o proceso (están en proceso de entrega de documentación, que remata a finais de maio, con probabilidade antes de que comecen as eleccións de destino, polo que non é escusa).
Tamén lle pedimos a estimación que tiñan de entre as persoas aprobadas nesta promoción, cantas terían que elixir destino para saber que provisión de prazas serían necesarias, pero novamente negouse a dar os datos alegando que era un proceso sen acabar, que non se ía levar a toma de posesión neste momento e que eses datos daríanse máis adiante, cando correspondera xa que agora non era o momento.
Datas
En canto ás tomas de posesión, a directora "estima" que estarán rematadas antes do 15 de xullo. Co cal o comezo do prazo posesorio arrancaría a mediados de xuño. E iso implicaría que os actos de elección de destino (e o coñecemento das listaxes de postos) non se debería de demorar máis alá de comezos de xuño.