Novas por contido

Grazas a un intensivo traballo sindical da CIG o persoal do PN das Illas Atlánticas regula e mellora notablemente as súas condicións de traballo. O Acordo foi asinado o mércores 25 de xuño coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o conselleiro de Facenda e Administración Pública.

Dende a transferencia á Xunta en 2008, o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galiza (PNIAG), no que atinxe ás condicións laborais dos seu persoal, permaneceu nunha densa néboa a través da cal a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático (CMACC) non quixo ver o que alí ocorría e tampouco integrou con normalidade este novo órgano administrativo, deixando a súa xestión á deriva e sen supervisión. Esta situación levou ao Parque Nacional a achegarse máis á definición de “chiringuito público” pola xestión opaca e “alegal” do persoal. 

A temporalidade do persoal transferido (case a metade), xunto co abuso das comisións de servizo para cubrir as vacantes, fixo que o 90% do persoal fose vítima do medo, ás represalias e a perder o traballo ou o posto. O parque converteuse nun feudo, onde cando preguntabamos polas condicións de traballo nas diferentes estancias e servizos de persoal, respostábannos: "as illas van aparte" (despois un silencio incómodo)

A irrupción da forza da CIG no Parque Nacional estes anos foi decisiva:

  • Creáronse catro novos postos de axentes ambientais tras denunciar a falla de persoal.
  • Fixéronse públicas as graves condicións de penosidade do traballo nas illas.
  • Iniciáronse melloras no eido da prevención de riscos laborais 
  • Conseguíronse cursos da EGAP de formación específicos.  
  • Creáronse en RPT os postos ocultos do Parque Nacional (case a metade do persoal).
  • Remátanse as graves discriminacións retributivas mantidas durante anos.

E finalmente conséguese negociar un Acordo de condicións de traballo para o persoal do PN onde se recoñece formalmente a Xornada especial do Parque Nacional Illas Atlánticas.

Este acordo é froito dun intenso traballo dos nosos delegados/as en diferentes eidos que, pese ás resistencias e contínuos atrancos, conseguiron sentar nunha Mesa de Negociación á CMACC e logo á Drección Xeral de Emprego Público 

Este acordo en realidade consta dun doble acordo:

  • Acordo de equiparación de niveis: remátase coa discriminación retributiva, dignifícanse as condicións económicas do persoal do PN, equiparando os niveis aos do resto do persoal da Xunta.
  • Acordo de condicións de traballlo do persoal que pernocta nos arquipélagos: por primeira vez despois de 17 anos establécense formalmente as condicións de traballo nas illas.

Os aspectos máis destacados son:

  • Recoñécese a xornada especial do Parque Nacional Illas Atlánticas na RPT,
  • A adscripción do posto de traballo establécese por arquipélago na RPT. Isto é esencial para a elección de destino
  • Establécese un período ordinario e outro extraordinario (10 semanas) que acolle a todo o persoal por igual. No periodo extraordinario a xornada será de 12 horas efectivas.
  • Establécense dúas semanas adicionais de descanso en compensación pola xornada especial.
  • A produtividade vinculada ao traballo en período extraordinario iguálase e esténdese a todo o persoal 
  • O complemento específico diferencial increméntase en 2000€ anuais en compensación pola xornada especial (da insularidade).
  • Afiánzanse formalmente as indemnizacións por razón de servizo por gastos de manutención
  • Programa formativo específico dada a singularidade do traballo neste espazo insular.
  • Ao persoal laboral que ocupa os postos afectados polo acordo aplicaránselle de xeito transitorio o Acordo, así evitamos a grave discriminación derivada da lentitude dos procesos de estabilización.

Recoñecemos que existen asuntos que non se puideron mellorar na medida que considerábamos óptimo. Pero este é o comezo dunha nova etapa que ten por obxeto seguir traballando na mellora das condicións de traballo do persoal. Sen dúbida, esta mellora repercutirá moi positivamente no servizo público que se presta á cidadanía e na mellora da imaxe do único Parque Nacional galego.

Na CIG estamos satisfeitos polo traballo realizado e reivindicamos a loita do persoal, pois sen equipo non hai melloras!

 

Onte, día 24 de xuño foi a Mesa Sectorial de Funcionarios dous concursos no que se trataou o Concurso de Persoal Veterinario e o Concurso de persoal de laboratorios, mantemento, condución, cociña, capataz, mecánico naval, patrón, guía patrimonio natural, mariñeiro-vixiante, limpeza, subalterno. Tamén se nos aportou información importante sobre o concurso de "escalas sociis"

    • Concurso de persoal veterinario:

  • No apartado de méritos específicos eliminan a puntuación por titulación académica propia do posto e nivel de coñecemento de lingua estranxeira específico. Queda só o permiso de circulación. Nas alegacións sempre pedimos a eliminación de todos os méritos específicos e que a empresa se encargue de formar ao persoal.
  • O grao persoal consolidado que exceda o nivel 20 pasa a 0,15 (isto é exactamente equivalente a outros procesos que parten de niveis inferiores)
  • Ofértanse 355 postos.
  • 21 postos amortizados: 5 da Consellaría de medio Rural e 13 da Consellaría de Sanidade por peche de matadoiros, 2 teñen vixencia temporal, 1 en reserva por incapacidade temporal e 2 ocupados por adscrición por causas de saúde.
  • Os postos que están ocupados por adscrición por causas de saúde sairán en resultas



Dende a CIG formulamos as seguintes alegacións ao concurso:

  • Antigüidade: máis puntuación máxima, sen reducir a puntuación mensual, para incrementar os anos a valorar (actualmente 31 anos)
  • Méritos específicos: que os retiren
  • Traballo desenvolvido: en comparación co peso dun mes de antigüidade (0,02 ptos/mes), que un mes de traballo desenvolvido no nivel mínimo sexa equivalente ao 25% da antigüidade (0,005 puntos), e o máximo chegue ao 50% (0,01 ptos).
  • Grao persoal: que sexa consolidado, sen necesidade de formalizado
  • Formación: engadir escolas oficiais de idiomas
  • Titulación académica: compartir máximo coa formación
  • Permanencia e conciliación: hai un erro, pois poñen a puntuación máxima deste epígrafe só para a conciliación, pero non hai máximo para a permanencia.

Dende a DXEP contestan:

  • Actualizarán os postos que queden vacantes non susceptibles de ser prorrogables.
  • Escolas Oficiais de Idiomas ,teñen problemas coa aplicación informática, tratarán arranxalos.
  • Non hai postos abertos a outras Admóns.
  • Os postos retirados por amortización, están en fase de creación na modificación das RPTs.
  • Os erros atopados no apartado de conciliación subsanaranse

    • Concurso de persoal de laboratorios, mantemento, condución, cociña, capataz, mecánico naval, patrón, guía patrimonio natural, mariñeiro-vixiante, limpeza, subalterno.

  • No apartado de outros méritos eliminan a puntuación por titulación académica propia do posto e nivel de coñecemento de lingua estranxeira específico.
  • Engaden permiso de conducir valorable no posto.
  • O grao persoal consolidado que exceda o nivel 12 pasa a 0,15 (esto en algunhas era menor).
  • De 2675 postos iniciais quedan 2629: 35 amortizacións por modificación das RPTs e por adscricións por causas de saúde. Na Agrupación Profesional foron ofertadas na OPE para as persoas con discapacidade Intelectual


Alegacións feitas pola CIG:

  • A información que temos é que nas seguintes especialidades non existe persoal funcionario de carreira, polo que non procede convocar concurso de traslados e xa se lles podería dar destino definitivo directamente:
        • Escala técnica de RRNN e forestais, especialidades de patrón de embarcación, mecánico naval e guía de patrimonio natural
        • Escala auxiliar de RRNN e forestais, especialidade de mariñeiro-vixilante
        • Todo este persoal ven transferido do estado (parque illas atlánticas), sen existir persoal propio anterior.
  • Antigüidade: máis puntuación máxima, sen reducir a puntuación mensual, para incrementar os anos a valorar (actualmente 31 anos)
  • Méritos específicos: que os retiren
  • Traballo desenvolvido: en comparación co peso dun mes de antigüidade (0,02 ptos/mes), que un mes de traballo desenvolvido no nivel mínimo sexa equivalente ao 25% da antigüidade (0,005 puntos), e o máximo chegue ao 50% (0,01 ptos).
  • Grao persoal: que sexa consolidado, sen necesidade de formalizado
  • Formación: engadir escolas oficiais de idiomas
  • Titulación académica: compartir máximo coa formación
  • Permanencia e conciliación: hai un erro, pois poñen a puntuación máxima deste epígrafe só para a conciliación, pero non hai máximo para a permanencia.


ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS

A DXEP en referencia ao concurso das “Escalas sociais” refire que están analizando o número de persoas do Consorcio que están afectadas polo concurso. Informa que hai só 2 escalas afectadas e están analizando os postos que habería que retirar desas escalas. Tomarán decisión en función das escalas e persoas. Di que “comunicarán pronto”
Refire que o Concurso poderá seguir adiante adiando o concurso de estas escalas afectadas.

O martes 24 de xuño tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal (CP) na que se aprobaron as convocatorias de seis procesos selectivos, todos eles co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT. 

Como cuestión previa, a CIG solicitou a suspensión da Orde do día, pois estas convocatorias non foron negociadas, xa que a única vez nas que puidemos ver os textos foi cando o levaron directamente á MSF sen tempo para o seu estudo, o que motivou a queixa de todos os sindicatos. Porén, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu por boa esta falsa negociación.

Os procesos selectivos aprobados teñen todos eles as seguintes características:

  • Forma de acceso mediante oposición. A CIG reclamou concurso-oposición.
  • A promoción interna cumpre o mínimo que marca a lei (25%), permitida dende calquera escala do subgrupo inferior. Non aceptan a petición da CIG, de que a promoción sexa do 50%, e que permitan a promoción horizontal dende outras escalas do mesmo subgrupo.
  • Aínda que é certo que está anunciada unha data prevista para o primeiro exercicio, iso non é máis que información que pode mudar (xa o tentaron no pasado), polo que a CIG solicitou sen éxito que poñan un prazo máximo para a súa realización.
  • Solicitamos que as partes específicas sexan normas de dereito positivo, e non temas. E se manteñen os temas, que publiquen manuais ou como mínimo referencias bibliográficas.


A1.Profesores de escolas marítimo-pesqueiras, especialidade de procesos de cultivo acuícola

Son 3 prazas da OEP-2024, das que unha é para promoción interna. Sendo o primeiro exercicio obxectivo (test), e o segundo subxectivo (elaboración e defensa oral de unidades didácticas), queremos: 1) substituír o 2º exercicio por un suposto práctico test, 2) de mantelo, que o desempate sexa co primeiro, e non co segundo, 3) rexeitamos que teñan o mesmo peso, e optamos porque o 1º puntúe o dobre que o 2º.

A2.Mestre de taller de escolas marítimo-pesqueiras, especialidade de servizos ao buque

Unha praza de acceso libre da OEP-2024. Os argumentos son idénticos aos do proceso anterior. Pero este ten unha cuestión que deben corrixir: a exposición dunha unidade en A2, é sobre tres elixidas por sorteo de entre as catro elaboradas pola persoa candidata. Isto implica unha dificultade maior que no caso de A1, que elixen libremente a unidade que queren de entre as catro elaboradas, sen sorteo previo. Por tanto, en A1 hai máis opcións de elixir que en A2. A DXEP toma nota, pero non da resposta á nosa advertencia.

C1. Escala técnica de cociña e C2. Escala auxiliar de cociña

Para C1 son 15 prazas (OEP-2024), das que 1 é para persoas con discapacidade e 4 para promoción interna. Para C2 son 45 prazas, con 3 para discapacidade e 12 para promoción interna. 

Co proceso de funcionarización destas categorías de persoal laboral, a Xunta de Galiza montou un lío cos requisitos de titulación ata o punto de que pode quedar a cargo da cociña dun colexio unha persoa coa única formación de ESO, sen máis coñecemento de cociña. Deben solucionar a situación modificando a Lei do emprego público de Galiza (LEPG), e o que fan é poñer uns requisitos de titulación nestas convocatorias de oposicións que non coinciden co indicado na LEPG. Ao noso entender, isto pode supoñer un problema de inseguridade xurídica nas convocatorias, polo que solicitamos a paralización destes procesos e a modificación previa da LEPG. Como era de esperar, tiran para adiante. Veremos as consecuencias.

A CIG viña advertindo de que o modelo que viñan usando de facer un primeiro exercicio con dúas partes, no que para superalo había que superar cada unha das partes, era, de facto, dous exercicios cos seus respectivos cortes. E nestes procesos adáptanse á realidade: dividen o primeiro exercicio en dous, correspondendo o primeiro exercicio á primeira parte do anterior primeiro exercicio, e correspondendo o segundo exercicio á segunda parte do anterior primeiro exercicio. Modifican algo a nota de corte pero no fondo pensamos que non suporá cambios respecto do anterior. Pero esquecéronse de algo: no modelo previo, as persoas de promoción interna estaban exentas das preguntas da parte común do temario, e tal e como enviaron a convocatoria, non existe ningunha diferenza entre promoción interna e acceso libre.

En canto ao programa, incidimos en que teñen que retirar o tema de “conceptos básicos do programa de xestión CENPOS”, xa que non existe ningún manual ou guías ó dispor en internet que permita o seu estudo. O que teñen que facer é formar nesta aplicación posteriormente ás persoas que superen o proceso. E se o manteñen, pois esiximos que publiquen algún manual ou guía.

C2. Escala auxiliar de coidadores

Son 50 prazas, con 4 para discapacidade e 13 para promoción interna. Facemos as mesmas referencias anteriores tamén para esta convocatoria, á que engadimos que teñen que revisar o programa, xa que hai incremento respecto de convocatorias anteriores, hai partes repetidas, e hai temas que nada teñen que ver coas funcións do persoal desta escala.

AP-Subalternos/as

Son 35 praza da OEP-2022, con 5 para discapacidade. Non ten promoción interna vertical, pero mantemos a esixencia de que se oferte promoción interna horizontal dende outras escalas do mesmo grupo.

Neste proceso hai un cambio radical do temario. Cualificámolo de irracional por dous motivos:
    1. Hai temas con contidos que nada teñen que ver entre si agrupamos no mesmo tema. Por exemplo, no mesmo tema temos: vixilancia de centros de traballo, estruturas orgánicas da Xunta, e oficinas de información e atención ao cidadán.
    2. Hai materias que non teñen que ver coas funcións desta escala, como son o manexo do Rexel ou a práctica das notificacións. E menos mal que a última hora retiraron: a desratización, a desinfección, almacenaxe de produtos perigosos, etc.

Con tido isto, a CIG votou en contra das seis convocatorias de procesos selectivos que serán publicadas por decisión do Consello da Xunta.

O persoal non docente nos centros de ensino ve incrementada de novo a súa carga de traballo sen contraprestacións. 

No marco do acordo de colaboración entre a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, ofértanse as accións formativas do Plan Formativo para o emprego (cursos AFD).

Na Orde do 1 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galiza para o período 2024-2026, e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2024-2025  establece un total de 149 cursos que se impartirán en 38 IES e 28 CIFP distribuídos por todo o País.

Tendo en conta que este acordo establece que para poder impartirse cada curso deberá contar cun mínimo de 10 persoas (8 excepcionalmente nos núcleos de poboación de menos de 5000 habitantes) isto fai un mínimo aproximado de 1.500 alumnas/os que cursarán esta formación en centros de ensino públicos cunha media de 400 horas por curso.

Deste acordo derívase unha retribución económica polo incremento da carga de traballo ao persoal docente que participa na impartición deste tipo de formación duns 33 euros brutos por hora de docencia.

Dende a CIG-Autonómica preguntámonos se este incremento notable do alumnado nos centros educativos públicos nos que se imparte este tipo de cursos so repercute no persoal docente ou se tamén supón unha carga para persoal non docente que traballa nestes centros. Ou é que o persoal subalterno, o persoal administrativo, persoal de limpeza ou sobre todo as axudantes de cociña dalgúns centros CIFP que asumen tamén parte do traballo na atención a este alumnado non é merecedor tamén do recoñecemento retributivo que supoñen estas tarefas encomendadas a maiores? O seu traballo é menor?, rende menos?

Este incremento de traballo do persoal non docente da Consellería de Educación, sen que leve aparellado o recoñecemento retributivo que debería de supor, non é novo, máis vense a engadir ao xa esgotado crédito na paciencia deste persoal que ve como agora, os centros cada vez se abren máis á contorna poñendo os seus espazos para o desfrute da cidadanía, aperturando as súas canchas e salas para o uso da colectividade. 

Dende a CIG defendemos e defenderemos sempre que estas instalacións deben ser de uso aberto á colectividade, máis o que non pode ser é que isto supoña un incremento moi notable no traballo das/os nosos compañeiras e compañeiros sen que se teña reforzado o servizo (con ratios máis que desfasadas) ou compensado o incremento na carga de traballo.

Abonda xa deste abuso e de discriminación duns colectivos con respecto a outros! Demandamos que a Consellaría de Educación se sente a negociar un acordo que aborde a situación do persoal non educativo en centros de ensino públicos!

Xornada técnica de incendios organizada pola CIG-Autonómica de Lugo, in memoriam de Quique Casanova, prezado compañeiro falecido nun incendio forestal. 

A xornada terá lugar o xoves 26 de xuño de 2025 no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo. Dará comezo ás 9.30 h, e a súa clausura está prevista para as 14.30 h. O aforo é libre, previa inscrición no enderezo secorganizacionlugo@galizacig.gal.

O programa contará con relatorios que tratarán de preto a extinción de incendios forestais na Galiza, a prevención de riscos, o comportamento extremo dos incendios e a análise dos accidentes, como o sufrido polo compañeiro homenaxeado.

 

A CIG avoga por un I Plan de Igualdade máis ambicioso e efectivo, cun ámbito temporal de 3 anos de duración —en vez de 4—, ademais de promover que a enquisa de igualdade ao persoal se adiante ao primeiro ano do plan.

Consello de Contas de Galiza: 18 anos de atraso na aprobación do I Plan de Igualdade

Todas as Administracións Públicas teñen a obriga de contar cun plan de igualdade dende 2007. Porén, a lexislación incúmprese de xeito clamoroso, impedindo unha igualdade efectiva. Nas administracións galegas os primeiros plans de igualdade van elaborándose a contagotas, demostrando o máis que feble compromiso coa igualdade real. O Sergas facíao con 14 anos de atraso (2021), mentres que a Administración xeral da Xunta aprobaba o seu plan a finais de 2023, máis de 16 anos tarde. No caso do Consello de Contas, este atraso bate o récord dos 18 anos. Non foi sen tempo! 

Aínda así, é unha moi boa nova para todo o persoal do Consello de Contas dispoñer, por fin, deste I Plan de Igualdade, aprobado este 23 de xuño de 2025, e froito dunha negociación intensa pero con pouca marxe de manobra. Nela foron aceptadas moitas alegacións feitas pola CIG, pero outras moitas quedaron no tinteiro, deixándonos moito traballo por diante para achandármoslle o camiño a un II Plan de Igualdade con moitas máis melloras. 

A CIG-Autonómica demanda un I Plan cunha duración máxima de 3 anos e unha enquisa ao persoal no primeiro ano de vixencia

Por de pronto, este I Plan de Igualdade supón un tímido avance. Inclúense algunhas novas actuacións de conciliación, pero márcanse como metas a conseguir, entre outras, o mero cumprimento das leis ignoradas sen reparo até o de agora e a publicidade do propio plan de igualdade e dos seus obxectivos. 

Por estes motivos, e ao contrario do parecer de CSIF, CCOO e UXT a favor de 4 anos de duración do I Plan, na CIG traballaremos a prol de adiantar a elaboración do II Plan de Igualdade ao terceiro ano de vixencia, para contar con datos renovados e máis fieis á realidade do Consello de Contas, de cara a detectar canto antes problemas preexistentes que ficasen sen atender, ou novas situacións que afrontar, ás que darlles solución á maior brevidade. Tamén avogamos por non esperar 2 anos, e facer unha enquisa directa ao persoal sobre a situación de igualdade no primeiro ano do I Plan de Igualdade.

Logros da CIG-Autonómica

Entre outras peticións recollidas no Plan, o Protocolo de prevención e actuación contra as violencias no traballo deste I Plan abranguerá, a proposta da CIG, o acoso por orientación sexual, o acoso por identidade e/ou expresión de xénero ou outras expresións de violencia no traballo, ademais do acoso sexual e acoso por razón de sexo. Isto é un bo avance cara á loita contra todas as violencias no traballo, con independencia da súa natureza. A prevención e actuación, no caso do acoso moral, será afrontado por parte do Código Ético da entidade.

Este I Plan de Igualdade non dispón dun Protocolo contra a violencia de xénero. Dende a CIG propuxemos que fose elaborado, por entender que se trata dun instrumento indispensable. Vemos cumprida parcialmente a nosa pretensión, dado que, aínda que non se dotou o I Plan deste protocolo dende o seu inicio, inclúese a súa elaboración durante a implantación.

Emprego do castelán e de linguaxe sexista por parte da consultora Ingade Connect, S.L.

Polo demais, na CIG seguiremos vixiantes para que toda a documentación relativa a este plan de igualdade  e todos os que veñan sexa elaborada en galego, esixindo cláusulas de emprego da nosa lingua nas contratacións das empresas «asesoras de igualdade», como Ingade Connect, S.L. Estas entidades privadas, xunto coas nosas administracións, deben respectar a normativa lingüística. Ademais, esixímoslles o cumprimento do seu deber ético e profesional de empregar unha linguaxe non sexista nos seus informes técnicos e documentación. É surrealista e escandaloso, por non dicir insultante, que estas mesmas empresas que asumen o papel de asesoras das administracións na aplicación da lexislación de igualdade, a incumpran elas mesmas. As cláusulas de emprego de linguaxe non sexista por parte destas empresas «asesoras de igualdade» son irremediabelmente necesarias, tamén. 

Se queres facernos chegar as túas suxestións, dúbidas ou queixas, non dubides en contactares connosco.

 

A CIG-Autonómica denuncia que un ano máis comezada a campaña de alto risco de incendios forestais seguimos sen ter unha xestión de persoal planificada e ordenada e destaca deficiencias no estado nas bases e no sistema de traballo dentro dos incendios forestais.

No 2024, o Presidente da Xunta repetía a xustificación ante os incendios forestais do comezo do verán afirmando que “hai unha grande intencionalidade detrás dos lumes”. En 20 anos pasamos de atender máis de 10.000 incendios de media ao ano a termos 2500.

Os incendios agora son máis perigosos e, isto aprendímolo no 2017, a eucaliptización, o cambio climático e o abandono do rural son factores relevantes, máis compre salientar que a capacidade de reacción e a eficiencia do sistema de extinción de incendios vese comprometida pola superestrutura de mando, a atomización das condicións laborais e a mala xestión do persoal das brigadas de bombeiros e bombeiras forestais, que son a base da loita contra o lume.

A Dirección Xeral de Defensa do Monte énchese de actos de propaganda e crea unidades onde elixe libremente, e a dedo, ao persoal que accede co fin dun ben maior, formar parte dunha elite apagalumes para abordar as grandes crises de incendios forestais. Porén esquécese da fortaleza do sistema na Galiza a eficiencia no ataque inicial dos lumes para que non se fagan grandes, o coñecemento do territorio e das súas condicións bioclimáticas locais, “a guerra de guerrillas”.

As macroestruturas de extinción e mando (UDEX - unidades de dilección de extinción -, e UTA -unidade técnica de apoio- ou a SEMOP- unidade para grandes incendios-), o cambio de vixiantes por cámaras, as aplicacións, a IA etc, non poden substituír o factor humano. Tamén necesitamos vixiantes nas casetas, brigadas do territorio, e axentes ambientais directores de extinción coñecedores do monte. Como exemplo pecháronse nos ultimos anos o 50% das casetas de vixilancia.

Levamos avanzado moito coa loita polas condicións laborais do persoal do SPIF, máis a Xunta rompeu os compromisos adquiridos coa representación do persoal e ten diferenciadas as condicións salariais e laborais do persoal funcionario e laboral bombeiro que é o fixo-descontínuo, e o persoal laboral fixo descontinuo segue precarizado e conseguindo dereitos a base de conflito e loita e demandas xudiciais que denuncian a discriminación.
A falta de cobertura de vacantes e a ausencia dun sistema áxil e de apoio para a cobertura persoal, reduce o numero de bombeiras das brigadas condicionando a súa eficiencia no ataque e aumentando os riscos laborais. E que seguimos tendo brigadas de 2 ou 3 persoas facendo o primeiro ataque nun lume forestal, é inadmisible. Neste comezo de campaña levamos xa 7 chamamentos de persoal caóticos, sen informar aos sindicatos e de forma desordenada.

O avellentamento do cadro de persoal aumenta as baixas e os accidentes laborais, e aínda esta sen establecer a xubilación anticipada e un sistema de segunda actividade que non debilite a estrutura do servizo.

A cobertura de axentes e técnicos, estase a realizar estes días, logo de denuncia da CIG, pero de forma opaca e irregular no territorio e con persoal sen experiencia produto de mais de 10 anos sen procesos selectivos. E si comezan traballar unha vez comezada a campaña de alto risco, como poden afrontar a dirección de extinción se é imposible o coñecemento do territorio, dos medios persoais e si tampouco van ter acceso a formación?

E, a esta improvisación na cobertura hai que sumar que as contas non dan, para crear unidades na vez de crear prazas o que fan é retraelas do dispositivo xeral. No 2017, logo da vaga de lumes o presidente Feijoo comprometeuse no Parlamento a crear 57 prazas para conformar as UIFO (unidades de investigación de incendios forestais) e o fixo amortizando postos. E repetiron a xogada coas UDEX que son unidades opacas inexistentes nas relacións de postos de traballo, e foron creadas a dedo entre persoal axente polo Director Xeral. O persoal detráese do cadro dos distritos deixando as comarcas sen cobertura 24h, o que supón que ao saír unha alerta teñen q cubrir dende outra zona aumentando os tempos de reacción.

As bases do persoal de terra seguen a presentar graves deficiencias. Estes puntos de encontro moitas veces son simples naves ou garaxes con taquillas e casetos de obra en mal estado onde comparten espazo os vehículos e a maquinaria coas persoas durante quendas de 10 horas e sen unha simple instalación para facer xantar ou unha neveira. E durante o verán pasan de albergar a 16 persoas a máis de 50 nas diferentes quendas sen servizo de limpeza nin mantemento. As bases de helicóptero seguen sen ser 100% públicas e non se adaptan a imprebisibilidade das múltiples tempadas de incendios arbitrarias que varían polo cambio climático.

Segue sen ser avaliada a eficacia en relación o seu alto custe da participación de militares e da UME. Temos denunciado en moitas ocasións a falla de operatividade da estrutura militar na extinción de incendios, debido a súa rixidez operativa, así como o tamaño da sua maquinaria que non esta adaptada as nosas aldeas e montes. Ademais a Administración realízalles formación conxunta co persoal do dispositivo de incendios. Na CIG opoñémonos a militarización preventiva do territorio e a intervención da UME en situacións de incendios ordinarias, como está a suceder.

Destacar a falta dun sistema de mantemento de infraestruturas e de faixas preventivo adaptado ao territorio e 100% público e baseado nunha intervención intelixente de autoprotección con planeamento por distrito. Na vez de iso temos faixas por metros impositivas sobre os pequenos predios forestais, emprego de herbicidas altamente canceríxenos nas faixas das infraestruturas e a potenciación descontrolada das queimas forestais.

A esto sumámoslle a eucaliptización de Galiza e o proxecto da macrocelulosa de Altri que defende a Xunta do PP como propia. Favorecer as especies pirofitas en plena emerxencia climática é unha irresponsabilidade gravísima que pon en perigo ao noso persoal de extinción e a sociedade galega e os seus recursos. Convidamos a desaparecida co Conselleira de Medio Rural a que acuda a un incendio forestal nun eucaliptal, a ver si se atreve a coller a mangueira da foto de Feijoo.

Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) erguemos a voz unha vez máis para denunciar a situación crítica do Centro de Maiores de Taboadela, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a "actitude irresponsable e despilfarradora" da Xunta de Galiza.

A Administración Autonómica mantén a persoal na casa cobrando sen traballar, mentres que nas instalacións urxe a presenza de máis efectivos para atender as necesidades dos residentes, especialmente na quenda de noite. É aínda máis incomprensible si se ten en conta que a Xunta ten a persoal en espera de reincorporación –moitos/as deles tras sentenzas xudiciais que declararon nulos os seus despedimentos– pero opta por mantelos na casa cobrando.

Esta situación, ademais de ser unha afronta á xustiza, representa un inaceptable malgasto de cartos públicos. Mentres a cidadanía afronta desafíos económicos, unha parte da administración estaría a destinar recursos a pagar a traballadores/as que non están a desempeñar as súas funcións, contravindo ditames xudiciais firmes. É absolutamente incomprensible e indignante que se estea a malgastar o diñeiro de todos/as desta maneira!, As sentenzas xudiciais deben acatarse e a Administración ten a obriga de ser exemplar na xestión dos recursos públicos!. Manter a persoal na casa, cobrando sen traballar e ignorando os tribunais, é un auténtico despropósito que esixe responsabilidades!. Esta práctica non só dana a credibilidade da Administración, senón que tamén perxudica a eficiencia e o bo funcionamento dos servizos públicos.

Levamos moitos meses alertando sobre a dramática situación que se vive nas noites do Centro de Maiores de Taboadela. Debido á elevada cantidade de grandes dependentes con complexas casuísticas, o persoal que se atopa en solitario na quenda nocturna (lembramos que soamente queda un traballador/a) non é capaz de mobilizar axeitadamente os/as usuarios/as para realizar tarefas básicas como os cambios de cueiros ou as mobilizacións posturais. É unha situación inhumana para os residentes e unha sobrecarga inasumible para os traballadores!

Esta xestión é unha mostra clara do desinterese da Xunta de Galiza pola calidade da atención sociosanitaria e o benestar dos nosos maiores. Dende o sindicato esiximos a readmisión inmediata de todo o persoal afectado e a dotación urxente dos recursos humanos necesarios para garantir que todos os residentes, especialmente os grandes dependentes, reciban a atención digna e axeitada que merecen!

Desde a CIG advertimos que seguiremos loitando e denunciando esta situación ata que se implementen solucións reais e se poña fin a esta nefasta xestión. É incomprensible que, mentres a cidadanía loita por chegar a fin de mes, a Administración despilfarre os cartos. En tempos de supostos axustes e recortes, resulta insultante ver como os nosos impostos se destinan a pagar a quen non traballa!

Denunciamos o maltrato institucional a persoas anciás e crianzas e o incumprimento da normativa en Prevención de Riscos Laborais para o persoal traballador

Moitas das escolas infantís da rede Galiña Azul e os Centros de Atención a Persoas Maiores (CAPM) xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar carecen de sistemas de climatización.

Estes días de vaga de calor as temperaturas alcanzadas na maioría destes centros están preto dunha media os 30° á sombra no interior dos centros. Nas horas centrais do día, cando as crianzas e as persoas maiores dormen a sesta, as temperaturas que se alcanzan na maioría destes centros superan os 35°.

Todos os anos, repetidamente, temos que denunciar na Inspección de Traballo, situacións de calor extrema, que afecta á saúde dos cadros de persoal. En anteriores ocasións advertimos que estas situacións se estaban a repetir ano tras ano e a perspectiva co cambio climático é que se van a suceder cada ano e con máis episodios. A esta situación de vagas de calor engádese a tendencia construtiva de grandes ventás que axudan a que entre a calor.

Por outro lado, ademais do risco físico por golpe de calor para o persoal, súmase o risco psicosocial que lles causa as traballadoras o ver ás persoas usuarias (crianzas de cero a tres anos e persoas anciás) nesta situación de risco para a súa saúde e o seu benestar.

As pequenas e pequenos e as persoas anciás non gozan da saúde á que teñen dereito e que se lles subtrae (segundo a OMS, a saúde defínese como o estado completo benestar físico, mental, espiritual, emocional e social, e non só a ausencia de afecciones ou enfermidades).

A Administración non se pode escusar dicindo que son situacións puntuais porque son recorrentes e cada vez comezan máis cedo. Tampouco poden facernos ver que a dotación cun ventilador, un “pingüín” ou un aparello de renovación de aire procedente do exterior son sistemas de climatización, porque os termómetros indican o contrario.

 

O señor Rueda e a señora Fabiola están fresquiños nos seus despachos ou teremos que preocuparnos pola súa saúde?

Vimos de ser convocados para unha Mesa Sectorial de Funcionarios Públicos para o vindeiro martes día 24 de xuño na que se tratará:

  • Subgrupo C1: persoal de laboratorio, mantemento de servizos, de condución, de cociña, capataz, mecánico naval, patrón de embarcación e guía intérprete de patrimonio natural. 
  • Subgrupo C2: auxiliar laboratorio, de mantemento, de condución, de cociña, oficial de recursos naturais e forestais, de mariñeiro-vixiante e de gardas de recursos naturais.
  • AP: limpeza e cociña e escala de persoal subalterno e de mantemento.

Se tes algunha dúbida ou queres facernos chegar algunha alegación contacta coa CIG

Outras novas recentes

Venres, 06 Marzo 2026

Incumprimentos do Acordo de Teletraballo e novas restricións inxustificadas

Tres anos sen convocar a Comisión Técnica de Teletraballo: a Xunta segue permitindo recortes arbitrarios nas xornadas de teletraballo Na Comisión de Persoal deste venres 6 de marzo de 2026 volvemos denunciar o incumprimento reiterado do Acordo de Teletraballo e a aparición de novas restricións arbitrarias que non teñen amparo na norma. A directora xeral de Emprego...
Luns, 09 Marzo 2026

Centos de mulleres mobilízanse coa CIG en Compostela ao berro de «Feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade»

A central reivindica o contido de clase e a orixe que deu lugar ao 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras  L4UdCkHQcPo   Ao berro de «Feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade», centos de mulleres participaron este domingo en Compostela na manifestación convocada pola CIG con motivo do 8 de Marzo. Unha data de reivindicación e loita porque, a...
Luns, 09 Marzo 2026

«Fondo de acción social (FAS)» 2025 (xuntanza do 5/03/26)

A CIG demanda unha negociación real co obxectivo posto na recuperación do auténtico fondo de acción social (FAS), tal e como o manteñen Administracións como o Parlamento de Galiza e a Valedoría do Pobo Galego, e non que fique reducido a unha axuda á discapacidade. O 5 de marzo tivo lugar a reunión da Mesa Delegada da Mesa Xeral de Persoal Empregado Público sobre os...