- Detalles
Recibimos comunicación do director xeral de Defensa do Monte na que solicita á Secretaría Xeral Técnica do Medio Rural, o reinicio da actividade do persoal laboral fixo-descontinuo de incendios, con data do 17 de marzo de 2025.
Na comunicación, o DXDM menciona que a incorporación é en base á necesidade de incorporación de efectivos para realizar traballos de prevención e de extinción de incendios.
- Detalles
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convocounos a unha xuntanza para o venres, día 12 de marzo, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a proposta: descargar.
A proposta quere adaptar a RPT á estrutura orgánica da consellería, recodifican postos sen máis cambios, e financian a estrutura mediante a amortización dun posto de limpeza na Coruña.
Pero ten máis contido:
- No gabinete do conselleiro crean dous postos de secretario/a, libre designación, abertos a outras administracións. Así o conselleiro terá tres secretarios/as, todos de LD e aberto a outras administracións para así poñer a quen lle pete.
- Na Secretaría Xeral Técnica crean o posto de secretario/a do/da SXT, LD e aberto a outras administracións. Tamén crean un posto de arquitecto/a.
- Nos catro departamentos territoriais crean un posto de xefatura de sección de coordinación.
- Hai cambios de denominación, supresión de observacións, cambios de escalas, e máis aperturas a outras administracións.
- A un técnico superior de arquivos queren meterlle requisito de permiso de conducir para "retirada e deposito de documentación" (é dicir, que xustifican en que fai funcións de subalterno).
- Detalles
A dirección descartou que a Escola Galega de Administración Pública poida impartir formación específica para o persoal de cociña, gardacostas, ou aquel que demanda mellorar as súas competencias sobre sanidade vexetal ou recuperación de fauna salvaxe. O argumento manifestado é que estes temas non entran na formación que «tradicionalmente» imparte a EGAP.
En febreiro os sindicatos tivemos unha xuntanza coa EGAP complementaria á do consello reitor do 26 de decembro. Nela, a actual responsábel da EGAP transmitiunos a particular concepción sobre os dereitos á formación continua do persoal da Administración Autonómica que determina o actual deseño dos plans de formación anuais da Escola Galega de Administración Pública: unha visión clasista, onde non caben as necesidades formativas reais de todo o persoal.
Dende a actual dirección da Escola téimase en que, se ten que elixir, é máis importante impartir formación en contratación pública e licitacións que en cociña. A contratación pública é un tema de formación que considera «útil» para a modernización da Administración. Non lle parece «útil», pola contra, que o persoal de cociña das escolas, residencias de maiores ou de persoas discapacitadas estea ao tanto de todos os coñecementos actuais para o mellor desempeño das súas funcións, e a mellor atención aos sectores de poboación máis vulnerábeis.
Se as expertas e os expertos en emprego público apuntan a que a materia pendente é modernizar e profesionalizar o emprego público, como sinalou a directora da EGAP, non entendemos como pode afirmar que a Escola segue esa liña de modernización, mentres insiste, ao mesmo tempo, en excluír formacións específicas porque non forman parte das “tradicións” formativas da EGAP.
Una formación de calidade, útil e actualizada, que profesionalice e modernice, ha de ser negociada, ten a obriga legal de adoptar unha perspectiva de xénero, ha de ser inclusiva, ha de facer consultas directas periódicas e sistemáticas ás persoas empregadas públicas, e debe atender a todo o persoal por igual.
Na CIG opoñémonos a que se exclúa directamente da oferta a centos de empregados e empregadas públicas porque o seu traballo non se fai dende un equipo informático!

- Detalles
Despois de esixir durante anos que os impulsen, aceptan retomar os concursos de traslados xa convocados e poñer en marcha os que faltan. As tomas de posesión das persoas que están en destino provisional e das que aproben os procesos selectivos serán en postos definitivos unha vez resoltos os concursos de traslados
Na última Xanela (febreiro/2025), volviamos a esixirlle á Xunta que axilizara os concursos de traslados. Na Comisión de Persoal do venres 7 de marzo, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) anunciou: que aceptan dar prioridade a convocar e resolver os concursos de traslados; que as tomas de posesión dos procesos selectivos serán directamente definitivos, unha vez resoltos os concursos de traslados; excepciona os procesos de persoal laboral e de escalas en que non existe persoal funcionario, nos que directamente haberá toma de posesión definitiva sen agardar por un concurso de traslados.
Esto é o anunciado pola DXEP na Comisión de Persoal:
- Dos concursos de traslados
- Van impulsar e axilizar os concursos de traslados xa convocados. Son seis: corpos xerais, especiais (enxeñarías, arquitecturas e ciencias), gardacostas, consumo, axentes ambientais e escalas do SPIF.
- Na próxima semana informarán da data de publicación en DOG da resolución de prazo para acreditar méritos e elección de postos do concurso de corpos xerais. O listado de persoas admitidas/excluídas será posteriormente (non entendemos esta orde, pero efectivamente foi así noutros concursos).
- Nos meses de marzo e abril negociaremos as convocatorias dos restantes concursos que están pendentes de convocar. Menciona expresamente, a modo de exemplo, os seguintes: escalas sociais, veterinarios/as, mantemento, limpeza e cociña.
- Non haberá concurso de traslados naquelas escalas/especialidades nas que non existe persoal funcionario de carreira. Tampouco nas categorías que quedan de persoal laboral, por decisión política para forzar á funcionarización. Neste punto NON PODEMOS ESTAR DE ACORDO: todo o persoal laboral fixo ten que ter o dereito a participar en procesos de mobilidade.
- Informarán posteriormente de cales son esas categorías/escalas/especialidades nas que non van convocar concurso de traslados por non ter persoal funcionario de carreira en destino definitivo.
- Dos procesos selectivos
- Os destinos serán definitivos.
- A próxima semana comezarán a publicar no DOG as resolucións das eleccións de destino dos procesos de categorías/escalas/especialidades nas que non van convocar concurso de traslados.
- Nos procesos en que hai convocado ou van a convocar un concurso de traslados, a medida que vaian rematando os concursos, irán convocando as eleccións de destino.
- As tomas de posesión dos concursos, aínda que se resolvan antes, e os destinos definitivos, realizaríanse simultaneamente. E non debería pasar moito tempo entre a resolución e a efectiva toma de posesión.
- Solicitamos información, aínda que fose orientadora, das súas previsións temporais (convocatorias e resolucións de concursos, datas de tomas de posesión). A DXEP limítase a dicir que non dará previsións ata que teñan todos os concursos convocados.
A ÚNICA SOLUCIÓN VIÁBEL E XUSTA
Dende a CIG consideramos que no actual estado de cousas, a única solución que pode abrir camiño para resolver todos os procesos pendentes (concursos, destinos provisionais, procesos selectivos) é a que nos acaban de anunciar: IMPULSAR OS CONCURSOS DE TRASLADOS.
Esta era a solución lóxica, e que lle levamos esixindo dende hai moito tempo. A idea da Administración de dar destinos provisionais ás persoas que aproban procesos selectivos sen pasar as prazas por un concurso de traslados é ALTAMENTE perigosa, porque ALTERA A PRELACIÓN DE DEREITOS DAS PERSOAS EMPREGADAS PÚBLICAS. E isto é así a raíz dunha sentenza do Tribunal Constitucional que, independentemente do que poidamos opinar sobre a sentenza, establece que a administración non pode dar destinos provisionais. Isto da lugar a que persoas que estaban en destino provisional demandaran a conversión do destino provisional en definitivo en postos que non pasaron polo concurso de traslados previamente.
Esta é unha situación que non se tería dado se a Administración tivera convocado concursos anuais en todas as categorías/corpos/escalas, pero tras dez, quince ou máis anos sen concursos, o lio está montado.
As persoas que acudiron ao xulgado teñen dereito a facer valer os seus intereses ante o mal funcionamento da Administración respaldadas por unha sentenza do Tribunal Constitucional. Pero dito isto, a CIG defende que EXISTE unha ORDE DE PRELACIÓN entre os dereitos que se confrontan á hora de escoller destino: sempre defendemos que as persoas que poden participar nos concursos de traslados teñen dereito a optar a absolutamente todas as prazas vacantes dos seus corpos e escalas na Administración; seguidamente, aquelas que están en destino provisional por orde de promocións; e finalmente as persoas que aproben os procesos selectivos en marcha.
Se isto vai acompañado da medida de realizar simultaneamente as tomas de posesión, para a CIG será a única fórmula para garantir os dereitos de todo o persoal. Estaremos vixiantes para que dunha vez cumpran.
- Detalles
O venres 7 de marzo asistimos á Comisión de Persoal, na que quedou aprobada unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería de Economía e Industria. Na rolda aberta de intervencións tratáronse diversos asuntos: concursos de traslados e eleición de destino, axencia galega da industria forestal, funcionarización do persoal coidador, promoción interna ao corpo auxiliar, pagamento por asistencia a tribunais da consellería de educación, grao III da carreira profesional e persoal investigador.
RPT de Economía e Industria
A proposta que traen é, basicamente, unha adaptación da RPT á estrutura orgánica, polo que non temos moita marxe de manobra. Defendemos que os postos sexan para o persoal da nosa administración (AXG), e que os que son para administración especial, especifiquen as especialidades.
O voto da CIG foi abstención. CCOO: abstención. CSIF: en contra. UGT: a favor.
Concursos de traslados e eleición destino procesos selectivos
A DXEP informa de que van a impulsar os concursos de traslados, e que estes terán prelación sobre as eleccións de destino dos procesos selectivos, que serán definitivos. Pola súa transcendencia, elaboramos unha información máis polo miúdo: ligazón
Axencia Galega da Industria Forestal
En abril/2024 a Xunta anunciou (prensa e DOG) a desaparición desta axencia, que pasaría a ser unha dirección xeral. A axencia depende dende a primavera pasada de Economía e Industria. Dito isto, a CIG preguntou pola previsión desta axencia, se a van a extinguir, se a van a converter en dirección xeral, que teñen previsto e cando. O secretario xeral técnico de Emprego e Industria respondeu dicindo que a extinción non implica a disolución, que haberá unha subrogación total por parte da consellería, que non é un proceso sinxelo, e que cando teñan claro como facer convocarán aos sindicatos.
Funcionarización persoal coidador
Na Mesa Sectorial do 28/02/25, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) dixo que o exame sería o 20 de maio. Pero ese día é un martes, polo que a CIG solicitou que se ratificase na data, xa que no pasado xa tiveran que mudar a data dun exame por ser día laboral, o que afecta á atención das persoas menores que requiren asistencia. A DXEP resposta que efectivamente esa é a previsión, pero que o revisarán.
Promoción interna ao corpo auxiliar-C2
A CIG denuncia que nesta promoción interna quedaron prazas desertas, e xa van 5 convocatorias igual. Esiximos unha solución reparadora, que ten que pasar necesariamente:
- Por recoller as prazas deixadas desertas.
- Por incrementalas (non hai límite pois a promoción interna non consume taxa de reposición).
- Sacar unha OEP extraordinaria coas prazas acumuladas e fixar unha convocatoria na que NON se esixa unha proba de informática.
- E si se requirise algún coñecemento específico posterior, este se acade mediante formación.
- A única resposta da DXEP é que “tomamos nota das suxestións”.
Pagamento por asistencia a tribunais de procesos selectivos da consellería de educación
A CIG informa que foron 191 tribunais, con exames en xullo/2024, e parte do persoal colaborador aínda non cobrou. Como mínimo haberá unha persoa de limpeza e outra subalterna por cada tribunal. Pasado xa máis de medio ano, cualificamos á consellería de educación de morosa co seu persoal. A DXEP tan só di que “trasladará a queixa a educación”. A persoa representante de educación non di nada.
Grao III da carreira profesional
Para cando? A resposta da DXEP é a habitual: “estamos analizando as alegacións”.
Persoal investigador
Estase a negociar un convenio marco no ámbito das fundacións sanitarias. Pero ese convenio marco afecta a persoal de máis ámbitos e afecta a persoal non investigador. A DXEP “toma nota”.
- Detalles
A proba de informática é completamente innecesaria
Está claro que a Xunta non quere que a xente promocione. Isto é evidente porque levamos dende a oferta de emprego de 2008 ata hoxe con 5 convocatorias de promoción interna nas que quedan prazas vacantes sen cubrir:

O que parece innecesario, a non ser que o que se pretenda é precisamente IMPEDIR que a xente promocione, é realizar unha proba sobre unha suite informática, cando esta non se esixe para o resto de subgrupos e TODOS OS POSTOS CON TRABALLOS ADMINISTRATIVOS VAN TRABALLAR CON ORDENADORES. Nos procesos selectivos para os corpos administrativo, de xestión e superior e moitas escalas, e todos desenvolven o seu traballo con ferramentas informáticas, non hai proba de coñecementos informáticos.
Xa explicamos que isto ven derivado de cando a Administración esixía o coñecemento de mecanografía (e ir coa Olivetti 98 ao exame). A día de hoxe é unha ridiculez e un atranco seguir mantendo este tipo de probas.
Na Comisión de Persoal do día 07/03/2025 esixímoslle unha vez máis á Dirección Xeral de Emprego Público que adopte unha solución reparadora.
Esta ten que pasar necesariamente por recoller as prazas deixadas desertas, por incrementalas (non hai límite pois a promoción interna non consume taxa de reposición), sacar unha OEP extraordinaria coas prazas acumuladas e fixar unha convocatoria na que NON se esixa unha proba de informática. E si se requirise algún coñecemento específico posterior, este se acade mediante formación.
Xa está ben de tomarlle o pelo ao persoal. As situacións extraordinarias requiren solucións tamén extraordinarias.
- Detalles
O persoal que participou no desenvolvemento dos procesos selectivos de ensino do 2024 segue sen cobrar!!
Vai aló xa máis de medio ano da celebración no País dos exames para docentes tanto de Primaria como da ESO e o persoal tanto docente como non docente necesario para a celebración destas convocatorias segue sen cobrar.
Foron un total de 1743 prazas convocadas nas que había inscritas 21230 persoas que se distribuíron en 191 tribunais (76 de Educación Primaria e 115 entre ESO, EOI e FP). Para poder realizar estes procesos e tendo en conta que os tribunais están conformados por 5 persoas e para a apertura dos centros de ensino é preciso como mínimo un subalterno/a e un limpador/a, fan que a o número de persoas precisas para levar a cabo con normalidade estes procesos sexa de aproximadamente dunhas 1910 persoas.
Pois tendo en conta que todos estes procesos foron no mes de xullo de 2024, e a renuncia a ser membro dos tribunais é complexa, así como as presión ao persoal non docente que a pesar de “ser voluntaria a participación” sufre presións de todo tipo para poder levar a cabo con seguridade e hixiene estas convocatorias, a Xunta aínda debe á meirande parte deste persoal os servizos prestados.
Estes adiantos que o persoal referido tivo que facer supoñen, en moitos casos adiantar centos e incluso miles de euros costeándose as viaxes, as comidas e incluso as noites de hoteis necesarias, que aínda non foron pagadas.
Esta Xunta de Galiza que se fachenda de xestión e sentidiño debería escoitar para sí o que tanto cacarexa e pagar dunha vez o traballo feito, aboando os xuros de demora polo atraso indebido.
- Detalles
A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou aos sindicatos á Comisión de Persoal que será o venres 7 de marzo, para a aprobación da modificaicón da Relación de Postos de Traballo da Consellería de Emprego e Industria. Descargar
O asunto pasou pola Mesa Sectorial de persoal Funcionario o venres 28 de febreiro: ligazón.
- Detalles
A Vicesecretaría Xeral de Sanidade convocounos a unha xuntanza que será o martes 11/03/25, para tratar a adaptación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería de Sanidade e do Sergas ao decreto de estrutura. Descargar
Se é do teu interese, podes desgargar a documentación e contactar coa CIG.
- Detalles
Era unha demanda formulada dende hai anos por este sindicato que se actualizase unha norma de hai dúas décadas.
Dende a CIG consideramos que se debe mellorar a orde de horarios de forma que se asegure o seu cumprimento. Case 20 anos despois segue a haber grandes diferencias entre bases a hora de establecer “criterios” e nalgunhas intentan compensar situacións abusivas como o exceso de noites poñendo salteadas ou rebaixando nestas as tarefas.
Hai que ter en conta que o persoal ao que vai dirixida esta regulación traballa nunhas condicións extremas, cunha gran esixencia física e mental e co risco engadido do control dunha actividade delituosa, a do furtivismo, que move milleiros de euros no noso país e que cada vez está máis organizada aumentando o risco laboral de forma exponencial.
A orde de horarios actual foi modificada polo Decreto de gardacostas que a actualiza, e tamén foi interpretada e desenvolvida por varias instrucións unilaterais por parte da Administración que foron recortando dereitos, como é o caso do goce de vacacións. Dende a CIG reclamamos a negociación e definición destas cuestións agora e opoñémonos a regulacións posteriores.
Descarga aquí as nosas alegacións.
