Novas por contido

O xoves 20/02/25 participamos na Comisión de Persoal, na cal se votaron os seguintes asuntos tratados nas mesas de negociación previas do día 14/02/25:

RPT do Instituto de Estudos do Territorio (IET)

Xuntanza inicial: outubro de 2024. Fora unha xuntanza con documentación incompleta.

Proposta (Mesa Xeral de Empregadas Públicas 14/02/25): creación de 3 postos, amortización de 6; incremento de méritos en postos creados de xefatura de sección; eliminación da titulación de dereito para transformalo en mérito nunha xefatura de servizo; e a regularización de 5 postos base C1 da escala técnica de especialistas en reprodución cartográfica. Dos 3 postos que se crean, un deles é unha xefatura de servizo con funcións solapadas con outra xefatura de servizos. Tiveron en conta unha das alegacións da CIG en relación ás titulacións como méritos dos dous postos creados como xefaturas de sección; demandamos o incremento de complemento dos postos que realizan traballos específicos. Os postos de reprodución cartográfica deberían ter un nivel 18, equiparábel aos postos de delineantes.

Aprobación: CIG vota en contra, dado que a proposta supón unha merma na capacidade de traballo do IET e non resolve o gran problema de fixar o persoal que traballa en postos moi especializados e que se atopa en postos base do grupo A1 de Administración Xeral.  A DXEP aprobou a proposta, que contou tamén co voto en contra de CCOO e UGT e coa abstención de CSIF.

RPT de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Xuntanza inicial: xullo 2024 (única xuntanza).

Proposta (Mesa Sectorial de Persoal Funcionario 14/02/25): axeitar a RPT ao decreto de estrutura da consellaría: traspaso da Dirección Xeral de Mobilidade á Consellaría de Presidencia; creación dun posto de subdirección xeral de Coordinación e Planificación; modificación de postos na Subdirección de Réxime Xurídico e Administrativo. Rectifican a apertura a xeral/especial do posto de xefatura de xervizo de Apoio Técnico. Non inclúen unha modificación dun posto que por sentenza teñen que reconverter a grupo III, categoría 9.  Respecto do concurso de traslados de enxeñarías, esiximos que o posto IVA100000015770006 (enxeñeiro/a en funcións facultativas), ofertado na AXI, continúe no ente, pois unha vez pechado o proceso de elección de postos (13/02/25), aparecen co seu traslado á Dirección Xeral de Mobilidade (Presidencia), froito dun acordo entre as consellerías asinado en setembro do 2024. 

Aprobación: CIG abstense.  A DXEP aprobou a proposta co voto favorábel de CCOO, CSIF e UGT.

Rolda aberta de intervencións

A directora xeral de Emprego Público responde ás preguntas formuladas pola CIG nas mesas do 14 de febreiro:

  • Carreira profesional do persoal laboral temporal do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia: a directora di que hai persoal cobrando o grao I-II ou ben o grao I, segundo lle corresponde; agás as persoas que non cumprían os requisitos.
  • Estatutos do Intecmar: chegounos hai meses un borrador de novos estatutos do Intecmar adaptados á Lofaxga. Agora sae na prensa información ao respecto, pero á CIG non a convocan. Queremos que se nos confirme en que estado están as cousas. A directora sinala que están pendentes de ter unha xuntanza coa secretaría xeral técnica para analizar as modificacións que se están a propoñer.

No DOG do 21/02/2025 publican a RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias.

A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://www.xunta.gal/funcion-publica, na epígrafe de <concurso de traslados>.

A listaxe de persoas solicitantes excluídas figura como anexo desta resolución.

As persoas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza para, de ser o caso, poder emendar o defecto que motivou a exclusión. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galiza https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions e deberá cubrirse e presentarse electronicamente.

No DOG do 20/02/2025 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2025 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Convocan as actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Administración institucional, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Exceptúase o persoal docente da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia e bombeiros, e o persoal do Servizo Galego de Saúde. Non se entende por tal o persoal empregado público da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza ata o 27 de febreiro 2025.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.


Ante a denuncia da CIG a responsábel da EGAP manifestou que non suprimiu nada, só cambiou o «xeito» no que se celebran as nosas Letras con respecto a anos anteriores. 

A xuntanza complementaria (06/02/25) ao consello reitor de 26 de decembro de 2024 trouxo cola e temos que ir por capítulos. Dado que a dinámica habitual da dirección da EGAP é dar a calada por resposta, por parte da CIG reiterámonos en todos os asuntos expostos no consello reitor, entre os que está a supresión dos actos conmemorativos oficiais do Día das Letras Galegas de 2024, que se viñeron celebrando ininterrompidamente dende hai 38 anos.

Ante as novas peticións de aclaracións durante a xuntanza sobre os motivos que levaron a esta supresión, a dirección da Escola insistiu en que non ten ningún problema co Día das Letras Galegas nin co galego. Porén, a directora fixo depender a celebración das Letras da súa continuidade no cargo tras a toma de posesión de Rueda en abril de 2024, nun acto narcisista de personificación da institución nela mesma. Despois de confirmar esa continuidade, e ver que non había tempo suficiente para as celebracións tradicionais, a directora manifestou que optou por «mailear» (enviar por email) un vídeo sobre a intelectual homenaxeada, motivo polo que —segundo ela— non se pode dicir que non se fixo nada… Ese vídeo, sinalou, «meneouse» e obtivo moitísimas descargas, aínda que di non lembrar cantas, pero a EGAP comprobouno e trasladoullo ao Consello da Xunta nun informe.

Na CIG consideramos que esta é unha escusa intolerábel e inadmisíbel máis para xustificar o inxustificábel: o incumprimento reiterado dos fins para os que a EGAP foi creada, entre os cales se atopa a difusión e a normalización do galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal empregado público e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galegas. Os actos conmemorativos oficiais do Día das Letras Galegas, realizados por este organismo, non poden nin deben depender dos medos dunha persoa a perder o seu cargo público.

Todos estes feitos cobran maior relevancia, se cabe, se temos en conta o contexto de emerxencia lingüística na que nos atopamos, motivo polo que hai convocada unha manifestación nacional este 23 de febreiro en Compostela (12 h na Alameda) , á que che convidamos a asistir. 

Lingua Vital Xa na EGAP!

Asunto: Resolución da listaxe de persoas admitidas e excluídas, concurso F0324

Concurso F0324: escalas de enxeñaría, enxeñaría técnica, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias.

A Dirección Xeral de Emprego Público vén de comunicarnos que o venres 21 de febreiro vai publicarse no DOG a seguinte resolución:

Resolución do 18 de febreiro de 2025 pola que se publica a listaxe de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de enxeñeiras, enxeñeiras técnicas, arquitectas, arquitectas técnicas e ciencias.

O venres 14/02/25 participamos en dúas mesas de negociación nas que se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT do Instituto de Estudos do Territorio, 2) RPT de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Na rolda aberta de intervencións, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu algunha (pouca) información de varios asuntos.

RPT do Instituto de Estudos do Territorio (IET)

O punto foi tratado na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos. A proposta do IET inclúe a creación de tres postos, amortización de 6, incremento de méritos en postos creacos de xefatura de sección, eliminación da titulación de dereito para transformalo en mérito nunha xefatura de servizo, e a regularización de 5 postos base C1 da escala técnica de especialistas en reprodución cartográfica.

A xuntanza inicial coa consellería foi en outubro/2024. Fora unha xuntanza con documentación incompleta. Dos 3 postos que crean, un deles é unha xefatura de servizo con funcións solapadas con outra xefatura de servizos. Tiveron en conta unha das alegacións da CIG en relación ás titulacións como méritos dos dous postos creados como xefaturas de sección. Demandamos o incremento de complemento dos postos que realizan traballos específicos. Os postos de reprodución cartográfica deberían ter un nivel 18, equiparable aos postos de delineantes.

RPT de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Punto tratado na Mesa Sectorial de Negociación do Pesoal Funcionario. A proposta ven a adecuar a RPT ao decreto de estrutura da consellaría. Traspasan a DX de Mobilidade a Presidencia. Crean un posto de subdirección xeral de Coordinación e Planificación. Modifican postos na subdirección de Réxime Xurídico e Administrativo.

Outra RPT que ven de lonxe: o asunto ven á Mesa 7 meses despois da primeira e única xuntanza, de xullo de 2024. Para esta mesa si envían documentación completa, cousa que non ocorreu na xuntanza anterior. Rectifican a apertura a xeral/especial do posto de Xefatura de Servizo de Apoio Técnico. Non inclúen unha modificación dun posto que por sentenza teñen que reconverter a grupo III categoría 9.

Respecto do concurso de traslados de enxeñarías, esiximos que o posto IVA100000015770006 (enxeñeiro en funcións facultativas), ofertado na AXI, continúe no ente, pois unha vez pechado o proceso de eleición de postos (13/02/25), aparecen co seu traslado á D.X. de Mobilidade (Presidencia), froito dun acordo entre as consellerías asinado en setembro do 2024. É dicir, que fai moitos meses que saen do cambio, e veñen agora a executalo unha vez que rematou o prazo para a súa solicitude no concurso de traslados.

Rolda aberta de intervencións

Funcionarización do persoal laboral fixo do GAIN -> unha vez que se resolva o proceso de estabilización, procederase á convocatoria para a funcionarización.

Estatutos do Intecmar: chegounos hai meses un borrador de novos estatutos do INTECMAR adaptados á LOFAXGA. Agora sae na prensa información ao respecto, pero á CIG non a convocan. Queremos que se nos confirme en que estado están as cousas. -> Resposta a DXEP non ten "información formal" e que preguntará.

Carreira Profesional do persoal laboral temporal do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia: Non a están a cobrar, hai que solucionar esta situación. Non resposta

Preguntamos pola posta en marcha da UICON (Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático) -> curiosamente din que “para a semana” van convocar aos sindicatos para tratar esta modificación de RPT.

Para cando a publicación da RPT do Consorcio Galego de Servizos Sociais? -> Para a primeira quincena de marzo.

Opacidade e presións ao persoal funcionario para a autorización de Altri

Malia o forte clamor de toda Galiza e a enorme presión social e política contra a instalación da pasteira de Altri ―proxecto Gama―,  a Xunta do PP teima en seguir adiante co proxecto da pasteira na Ulloa.

Na busca de calquera argumento que xustifique o «si» que xa lle teñen dado publicamente á instalación da pasteira, desta volta centran o seu discurso no persoal funcionario que ten que elaborar os informes e tramitar os procedementos das diferentes autorizacións. Moi ao seu pesar, a cuestión técnica depende do persoal funcionario, quen hoxe ten que traballar con informes que realiza a propia empresa. A presión exercida sobre este persoal está a ser bestial. Falamos de compañeiros e compañeiras funcionarias públicas de diferentes departamentos que se negaron a sacar adiante as autorizacións pola información parcial e sesgada que dá Altri para o seu proxecto. A Xunta tivo que recorrer ás persoas que ocupan postos directivos de libre designación para a asinar os informes.

Augas de Galiza autorizou?

Responsables da Xunta manifestaron publicamente ter a autorización de Augas de Galiza para a retirada de 46.000 m³/día de auga e a posterior vertedura ao río Ulla, mais o certo é que nin a sección de Lugo o tramitou, nin en Servizos Centrais consta que asinaran ditas autorizacións as persoas funcionarias ás que lles correspondería. Sabemos que nin a Área de Calidade de Augas, nin a Sección de Residuos traballaron no proceso de autorización.

Todo indica, segundo as informacións das que dispoñemos, que foi o comisario de Augas, un posto de libre designación, quen validou o informe que lle preparou a propia empresa, sen que nos conste hoxe que estea resolto o expediente. Dados os milleiros de ollos que están postos na parte máis polémica da instalación dunha megapasteira na Ulloa, parécenos raro raro que se atrevan a facelo tan mal.

Dende a CIG non imos permitir que as propias persoas responsables da Administración acosen e ameacen ao persoal funcionario, e tampouco que se secuestren as súas funcións, cumpridas con neutralidade e obxectividade, para outorgárllelas a persoas designadas politicamente e que obvian os criterios técnicos.

 

O anuncio foi feito no transcurso da Mesa Xeral de Persoal Empregado Público de hoxe ás 12 horas.

A preguntas da CIG sobre a posta en marcha das UICON (Unidades de Intervención de Conservación da Natureza), a  vicesecretaria xeral da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático adiantou que para a vindeira semana convocará ás centrais sindicais para unha modificación de RPT co obxectivo de poñer a andar estas unidades. 

Recordemos que a creación das UICON negociámola hai un ano, polo que xa non é sen tempo a súa posta en funcionamento.

 

No DOG do 14/02/2025 publican:

1. Transformación de oficio de listas de categorías profesionais equivalentes:

  • C1 20D5 Corpo de técnicos de carácter facultativo, escala de axentes técnicos facultativos, especialidade animación sociocultural
  • C1 209H Corpo de axudantes de carácter facultativo, escala técnica de condución
  • C2 207Y Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de coidadores
  • C2 208Q Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de condución
  • C2 209M Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade arquivos e bibliotecas
  • C2 209N Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade museos

A relación provisional de persoas excluídas poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, https://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

 

2. Apertura dun prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario exclusivamente para as persoas integrantes das listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes (o prazo para a presentación de instancias será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza):

  • corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil (subgrupo A2)
  • axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz (subgrupo C1)
  • corpo de administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia de estradas (subgrupo C1)
  • corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala técnica de cociña (subgrupo C1)
  • corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de axentes de inspección, especialidade de mobilidade (subgrupo C1)
  • corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala técnica de análises de laboratorio (subgrupo C1)
  • corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala técnica de mantemento de servizos, subgrupo C1
  • corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de gardas de recursos naturais (subgrupo C2)
  • corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala auxiliar de mantemento (subgrupo C2)
  • corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala auxiliar de recursos naturais e forestais (subgrupo C2)
  • corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala auxiliar de cociña (subgrupo C2)
  • o corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala auxiliar de laboratorio (subgrupo C2)

As persoas interesadas en formar parte das listas únicas deberán presentar instancia que se presentará preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible, así mesmo, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica das solicitudes utilizarase a aplicación FIDES e poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede. xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As instancias dirixiranse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Nos últimos meses a CIG alertou polo xeito de proceder da EGAP e da AGASP no referente á formación dos empregados e empregadas públicas, coa colaboración e complicidade das consellerías. 

Centrándonos na EGAP, as nosas queixas e denuncias van encamiñadas, entre outras cuestións, á inexistencia de criterios e transparencia na escolla de docentes, coordinadores/as e demais figuras precisas para a organización da formación do persoal empregado público.

Formación impartida e concursos específicos

O pasado mes de xaneiro a Dirección Xeral de Emprego Público remitiunos unha proposta de resolución para a publicación dunhas bases marco para as convocatorias das prazas de concurso específico das distintas consellarías. A nosa sorpresa foi cando vemos que a Consellaría de Facenda quérelle puntuar a formación que impartiron a través da EGAP aos/ás participantes nesas convocatorias específicas. Este comportamento, dende a CIG, parécenos intolerábel, e opoñémonos de maneira enérxica e rotunda.

Na xuntanza que vimos de ter os sindicatos coa EGAP o 6 de febreiro, a CIG volveu pedir transparencia e acceso público ao Rexistro de Formadores/as da EGAP. A directora da Escola respondeunos que o rexistro é «amplísimo», pero non considera necesaria a aplicación de ningún principio de transparencia nin publicidade para cumprir co obxectivo dunha formación actualizada e de calidade; unha opinión que é xusto a contraria da que temos na CIG.

Lamentamos que non se faga público o Rexistro de Formadores/as e tamén que non exista ningún baremo ou criterio que obedeza a uns mínimos de transparencia en materia de persoal para a escolla do persoal docente, directores/as, coordinadores/as ou calquera outra figura precisa para a organización dos cursos. Isto parécenos dunha gravidade moi grande, como acontece coas comisións de servizos, que se outorgan co coñecido método da  «dedocracia» e a continuación pretenden que se lles puntúe o tempo traballado nas comisións de servizos como mérito.

Hoxe pretenden realizar estes «favoritismos» nas convocatorias dos concursos específicos, pero o máis probable é que nun futuro próximo a intención da Dirección Xeral de Emprego Público sexa a de puntuar a formación impartida como docentes ou outras figuras formativas nos concursos de traslados ordinarios, e isto prexudicaría a milleiros de empregadas e empregados públicas/os.

Resumo dalgunhas retribucións e compensacións económicas por impartir formación e prestación de servizos na EGAP

As retribucións do persoal seleccionado para impartir actuacións formativas na EGAP está regulado na Instrución sobre retribucións das colaboracións que se prestan nas actividades da Escola Galega de Administración Pública (EGAP, 6 de maio de 2022).

 

 

Rexistro de Formadores/as da EGAP

Retribucións e compensacións económicas

DOCENTES

Cursos de formación
€/hora lectiva variábeis (dificultade técnica, calidade docente, especialidade)*

Cursos de autoformación

€/hora**

Relatorios e conferencias
€/sesión variábeis (duración,  especialización, calidade docente)

Mesas redondas
€/sesión variábeis (especialización, dificultade técnica)

80 - 140

60

210 - 700

100 - 300

COORDINADORAS E COORDINADORES

Coordinación xeral

Coordinación técnica
€ variábeis (nº alumnas/os, duración)

600

300 - 3000

DIRECTORAS E DIRECTORES

Cursos de formación continua
€ variábeis (1ª edición ou sucesivas, curso inferior ou superior a 25 horas )

Cursos superiores, seminarios, congresos, simposios xornadas, cursos monográficos
€ variábeis (nº directores/as, duración, especialidade, nº alumnas/os)

75 - 150

600 - 6000

 Elaboración propia. Fonte: Instrución sobre retribucións e colaboracións (EGAP, 2022)

*«1. Modalidade presencial e telepresencial: 80€ por hora lectiva. Esta contía poderá incrementarse até 140 € por hora lectiva, en función do seu nivel de dificultade técnica, da calidade académica do docente e especialidade do curso [...]. 3. Modalidade mixta: a retribución das horas impartidas presencialmente ou telepresencialmente farase de acordo co establecido no punto 1 e a retribución das horas de teleformación segundo o establecido no apartado 2.»

**«2. Modalidade de autoformación: 60€ por hora. A estes efectos computaranse tres horas retribuídas para os cursos de até 29 horas e catro horas retribuídas para os cursos de até 50 horas.»

 

Outras novas recentes

Venres, 16 Xaneiro 2026

Atrasos 2025 para persoal en suspensión de emprego por nacemento, garda con fins de adopción, acollemento ou adopción, rico no embarazo o...

Todas as persoas que durante o ano 2025 estiveron en suspensión de emprego por nacemento, garda con fins de adopción, acollemento ou adopción dun fillo ou filla, así como, risco durante o embarazo ou a lactación natural deberá pedir un certificado de bases de cotización para poder reclamar o pagamento dos atrasos da suba do 2,5 % do ano 2025 á Mutua ou á Seguridade...
Luns, 19 Xaneiro 2026

CRAPD de Vigo: a autoridade laboral obriga á Xunta a constituír un grupo de traballo para enfrontar os riscos psicosociais graves

A autoridade laboral obriga á Xunta a avaliar os novos riscos (psicosociais e de todo tipo) que se están producindo neste complexo por mor do cambio no perfil das persoas usuarias Dende hai uns anos, ingrésanse en centros residenciais, que antes eran só para persoas maiores, outro tipo de persoas usuarias de emerxencia social. Despois da denuncia da representación do...
Mércores, 21 Xaneiro 2026

As Equipas Técnicas de Menores. Ouvidos xordos a demandas históricas do servizo

As equipas técnicas do servizo de menores da Consellaría de Política Social e Igualdade levan anos sufrindo o desleixo desta Consellaría que, lonxe de escoitar as demandas históricas deste e doutros colectivos da área social da Administración, négase sequera a sentarse nunha mesa a negociar as condicións do seu persoal. Derivado dun recurso ao límite da súa capacidade...