- Detalles

Tras varias xuntanzas e alegacións, estas catro convocatorias quedaron finalmente aprobadas co voto en contra das catro organizacións sindicais con representación na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT).
A1-Corpo superior: 30 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
A2-Corpo de xestión: 185 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
C1-Corpo administrativo: 240 prazas da OEP-2020 e 21. Descargar
C2-Corpo auxiliar: 130 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
Modelo inadecuado. A CIG rexeita o modelo das promocións internas, xa que a experiencia demostra que non é adecuado. Algo falla cando a anterior promoción foi superada por 9 persoas de 46 prazas a A1, e 13 aprobados/as de 52 prazas a C2. A CIG insistiu en revisar o modelo de promoción. Poderíamos non poñer límite ao número de prazas? Abondaría con superar algún tipo de formación? Podemos acordar a simplificación de probas e temario? Podemos recualificar os postos para evitar desprazamentos e localidade? Función Pública non ten intención de negociar nada disto.
Non acumulan OEP-2022 e 2023. Nestas convocatorias meten as ofertas dos anos 2020 e 2021. Negáronse a acumular as do ano 2022 e 2023, que son: 20+20 prazas en A1; 90+60 en A2; 182+100 en C1, 65+120 en C2. Tampouco aceptan acumular as prazas non cubertas da convocatoria anterior.
Restrinxen a promoción vertical (agás consumo e turismo para A1), e non permiten a horizontal. A CIG defende que mentres as persoas aspirantes cumpran cos requisitos esixidos para o acceso ao subgrupo, se permita a promoción horizontal dende outra escala do mesmo subgrupo, e vertical dende calquera escala do subgrupo inferior, en todos os casos e con reciprocidade nas respectivas promocións que se convoquen para todos os corpos e escalas.
A proba de informática. Esta proba para a promoción a C2, ten demostrado exixir un nivel excesivo para o traballo ordinario que ten que realizar unha persoa do corpo auxiliar. A realidade é que o modelo é inadecuado porque o funcionario ou funcionaria do corpo auxiliar vai traballar, na maioría dos casos, sobre aplicacións informáticas específicas, e pouco ou nada con procesador de texto, e menos aínda coa folla de cálculo.
Aínda así, alguén imaxina un letrado da Xunta que non saiba utilizar o procesador de texto? A CIG propón eliminar a proba de informática no proceso selectivo, e no seu lugar convocar cursos formativos (non selectivos) para todas as persoas que superen un proceso de calquera corpo ou escala, adaptado ao uso das ferramentas informáticas (xerais ou específicas) que poida ter que empregar no desempeño do seu traballo.
Non ao dobre exercicio. Independentemente da nosa pretensión de cambiar o modelo de promoción, na actual non compartimos que para A1 e A2 haxa dous exercicios. Moito menos que o segundo de A1 sexa de desenvolvemento escrito de tema. En canto a C1 e C2, ainda sendo un único exercicio, meten dúas partes cun corte mínimo en cada parte, polo que en realidade son dous exercicios. Demandamos un único exercicio, cun único corte.
Comisións de servizo para o traballo desenvolvido. Da redacción desprendemos que o que se valora é o nivel do posto definitivo. Como estamos cansos de que anden a xogar con este asunto, insistimos ao DXFP que nos confirme e non se molla.
Formación privada. Cambian a redacción da formación que se valora. Antes era válida a formación “organizada E impartida ..”. Agora pasa a “CONVOCADA, organizada OU impartida ..”. Entendemos que abren a porta a unha chea de formación privatizada.
Máis. Nas nosas alegacións tocamos moitas outras cuestións que non entran a discutir, como a eliminación de taxas, permitir o control sindical dos tribunais, a non obriga de permanecer no posto a quen ocupe un posto aberto ao subgrupo ao que se promociona, a distribución xeográfica dos postos, cambio no exercicio de galego, a valoración da antigüidade, o grao persoal, axustar os dereitos de conciliación, ..
Para rematar, queremos que convoquen xa os concursos de traslados, e poder dar así destino definitivo ás persoas que superen o proceso.
- Detalles
Función Pública vén de remitirnos un borrador do buzón de postos que se ofertarán nun vindeiro concurso de traslados para a provisión de postos de traballo de axentes medioambientais e forestais.
O prazo para facer alegacións remata o vindeiro luns 20 de novembro de 2023. Descarga o buzón de postos. Se tes algo que comentar, contacta coa CIG.
- Detalles
A CMATV enviounos os borradores de dúas propostas de acordo para regular:
- Acordo para a formación dunha unidade móbil especializada da escala de axentes forestais e medioambientais. Descargar
- Acordo que establece o réxime de prestación de servizos do persoal que desenvolve a súa actividade laboral no territorio do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. Descargar
Esta xuntanza vai ser o venres 17 de novembro.
- Detalles
A CIG exixe que se incremente o tempo de traballo para o persoal fixo descontínuo
Decenas de traballadoras e traballadores dos servizo de emerxencias de incendios forestais da Galiza manifestáronse o luns 13 de novembro fronte a consellería de Medio Rural, convocados pola CIG-Administración Autonómica, para reclamar unha mellora efectiva das súas condicións laborais, máis estabilidade, máis seguridade e un aumento do tempo de traballo para o persoal fixo-descontinuo.
Trátase de bombeiros e bombeiras forestais, vixiantes e emisoristas, que fan fronte, ano tras ano, ao maior índice de lumes de todo o estado español. Incendios forestais que debido o cambio climático e o abandono do medio rural, cada vez son máis perigosos e máis difíciles de xestionar.
Condicións laborais obsoletas
Este colectivo ten que lle facer fronte a estes incendios nunhas condicións laborais obsoletas, poñendo en risco a súa seguridade e saúde, con horarios abusivos de xornadas maratonianas, mais sen compensación algunha polo traballo realizado en fins de semana e festivos. Un dereito que foi recortado pola crise do capital en 2012, que pagamos os traballadores e traballadoras e que despois de tanto tempo e de probado crecemento económico, seguimos sen recuperar.
Xunto a isto denunciouse que as e os compañeiros de seis meses son obrigados a vivir por debaixo do limiar da pobreza porque, malia as denuncias, a Xunta négalles a compatibilidade para poder traballar no período de inactividade do seu contrato. Por iso clamaron contra un Goberno da Xunta que non ten escusas para que se lle amplíe o tempo suficiente de traballo para poder vivir dignamente, xa que hai un aforro considerable derivado do proceso de funcionarización do persoal laboral fixo e da resolución dos procesos selectivos, que son a prazas funcionariais e que suporá un considerable aforro a administración, de cando menos 2,5 millóns de euros.
Porén, nin o persoal funcionarizado desde o mes de xullo deste ano, nin as brigadas helitransportadas de nova creación, nin os compañeiros e compañeiras que van ser reconvertidos proximamente, logo dos procesos dos procesos selectivos en marcha, contan cun acordo que regule e protexa as súas condicións laborais. A Administración, irresponsablemente, deixou a centos de compañeiros/as conscientemente sen regulación, coa obriga da prestación do servizo, pero sen os dereitos laborais.
Por iso, dende a CIG recorriuse á Valedora do Pobo onde se presentaron máis de 700 sinaturas, para que Medio Rural nos convocara a unha mesa de negociación que tivo lugar o pasado 29 de setembro. Unha xuntanza na que a Administración se comprometeu a seguir negociando e traer propostas á mesa, aínda que “transcorrido un mes, non soubemos nada: nin proposta nin reunión.
Casualmente, unha vez convocada esta manifestación para reclamar a continuación das negociacións e un bo acordo de condicións laborais si recibimos noticias da Administración que nos citou a unha mesa que tivo lugar o pasado día 9 de novembro. Alí levounos unha proposta de horarios completamente lamentable, que empeora de maneira manifesta as condicións laborais que recolle o V Convenio. Unha burla máis aos traballadores/as do servizo, outro desprezo máis a este persoal tan indispensable para a protección do medio ambiente e para a seguridade de todas as galegas. Outro agravio comparativo máis con respecto o resto do persoal dependente da administración.
A CIG reclama da administración unhas condicións laborais dignas
Así, o que dende a CIG lle exiximos á Xunta de Galiza é unha carteleira negociada, única e anual; compensación por traballar fins de semana e festivos; horarios que permitan o descanso e a conciliación; ampliación do tempo de traballo do persoal de seis meses; a aplicación de coeficientes redutores e catálogo de enfermidades profesionais que corresponden por lei as bombeiras e bombeiros forestais.
Isto xunto a mellora das instalacións e maior implantación de medidas para reducir os riscos laborais; a regulación do réxime de horarios, tempos de descanso, funcións, permisos, vacacións… sempre mellorando o V Convenio do persoal laboral, ademais dun plan formativo que inclúa a formación en apoio en continxencias no medio natural e rural, tal e como lle corresponde a este persoal como servizo de emerxencias que son.
Un novo acordo que, en síntese, mellore o anterior e sexa de aplicación tanto para persoal funcionario como laboral que traballa neste dispositivo para que non se produzan máis desigualdades entre compañeiros e compañeiras.

- Detalles
Nas mesas de negociación que tivemos o martes 14 de novembro co director xeral de Función Pública facilitou información da previsión de elección de destino dos seguintes procesos selectivos:
- Hoxe saiu aprobados de gardacostas. Teñen 20 días para presentar documentación. A elección de destino probablemente vaia para despois de Reis.
- A elección de destino de traballo social publícase o venres 17. Van corrixir un posto.
- Publicarán algunha elección de destino de ISSGA nos vindeiros días.
- Están a traballar na elección de destino tanto de A1 como A2 de finanzas (están a facer as prácticas agora). Tamén enxeñería agronómica, montes, forestal, estabilización e libre, bombeiro forestal, bombeiro forestal conductor, emisorista e vixiante fixo. Deberían sair nos vindeiros días/semanas.
- Detalles
Función Pública convocounos a varias xuntanzas (Mesa Xeral, Comisión de Persoal, e Mesa Sectorial de Funcionarios/as) para os días 14 e 15 de novembro. Os asuntos son:
Convocatorias de promoción interna separada a corpos xerais
- A1-Corpo superior: 30 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
- A2-Corpo de xestiion: 185 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
- C1-Corpo administrativo: 240 prazas da OEP-2020 e 21. Descargar
- C2-Corpo auxiliar: 130 prazas da OEP 2020 e 21. Descargar
Convocatorias de procesos selectivos de acceso libre
- B-Delineantes: 9 prazas (3 promoción interna) da OEP-2020. Descargar
- B-Axentes ambientais: 96 prazas (24 promoción interna) da OEP-2020, 22 e 23). Descargar
- C1-Análises de laboratorio: 12 prazas (3 promoción interna) da OEP 2020. Descargar
- C1-Mantemento de servizos: 17 prazas (5 de promoción interna) da OEP 2020. Descargar
- C1-Recursos naturais e forestais, esp. capataz: 7 prazas (2 de promoción interna) da OEP 2020. Descargar
- C2-Arquivos e bibliotecas: 15 prazas (4 de promoción interna) da OEP 2020. Descargar
- C2-Recursos naturais e forestais, esp. oficial: 16 prazas (4 de promoción interna) da OEP 2020. Descargar
- AP-Limpeza e cociña: 117 prazas da OEP 2020 e 2022. Descargar
- AP-Recursos naturais e forestais: 42 prazas da OEP 2020, 21 e 22. Descargar
Convocatorias de procesos selectivos de de acceso libre reservada para persoas con discapacidade intelectual
- C2-Persoal de servizos xerais (PSX): 4 prazas da OEP 2020. Descargar
- AP-Limpeza e cociña: 31 prazas da OEP 2020, 21, 22 e 23. Descargar
RPT da Presidencia da Xunta
RPT da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
- Detalles
No DOG do 14/11/2023 publican:
- RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo superior da Administración xeral e no corpo facultativo superior de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1.
- RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo de xestión da Administración xeral e corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2.
- RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1.
- RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galiza (DOG).
- Detalles
A chulería e ignorancia de Función Pública non ten límite, ou se lle descoñece teito.
Despois de que nas catro últimas promocións internas ao corpo auxiliar (subgrupo C2) quedaran prazas desertas e que o sistema selectivo se demostrara un desastre, inxusto e ineficiente, e que se detectara claramente o problema, este director xeral segue queréndose rir das persoas empregadas públicas do corpo subalterno.
O problema é que a proba de coñecementos informáticos é un obstáculo infranqueable, e non por falta de coñecemento dos opositores, senón porque así está deseñada para facer de barreira, cun nivel de esixencia que non se corresponde coas necesidades reais que vai ter o persoal para traballar no corpo auxiliar.
O da proba de coñecementos ofimáticos do C2 vén herdado de cando as persoas do corpo auxiliar tiñan que saber mecanografía porque o resto dos corpos non tiñan por que usala. E os aspirantes tiñan que ir cargados ata Compostela, A Coruña ou Silleda, segundo onde fora o exame, coas súas máquinas de escribir Olivetti 98 de 14 kg de peso, que era o modelo estándar que se usaba nas administracións.
No século XXI onde TODAS as persoas funcionarias, dende a AP ata o A1 UTILIZAN A DIARIO ordenadores no seu traballo, a pregunta que se deberían facer en Función Pública é: por que unha persoa do C2 ten que acreditar coñecementos informáticos e as do C1, A2 e A1 non?
A CIG pedíu que se retire o exame de informática, pero Función Pública segue a manter un copipega das bases anteriores sen mudar absolutamente nada.
Que uns xestores públicos sexan incapaces de detectar cal é o problema que impide utilizar recursos humanos internos xa formados sen ter que recorrer a recrutamento externo se supón que é de ignorantes. E se coñecen cal é ese problema e seguen para adiante significa que son uns chulos.
- Detalles
Non é que escriban as notas na barra dun bar, é que intelectualmente son uns palanquíns e non dan artellado unha mellor desculpa para convencernos de que non sufrimos unha perda de poder adquisitivo.
Na última nota de UGT sobre o incremento do 0,5% nos din varias cousas de interese, como que no ano 2022 nos subiron un 6,66% as retribucións e no 2023 un 4,5%, co cal a perda de poder adquisitivo pásanos de largo ao persoal da Xunta. Todos os anos, nos orzamentos xerais do Estado e con carácter básico se establece unha suba (ou non) das retribucións co fin de paliar (outra vez ou non) a inflación.
Pero contarnos que un complemento de carreira ou de desempeño é para iso é o mesmo que dicir que os trienios teñen por función evitar a perda de poder adquisitivo e non retribuír a antigüidade.
Pois isto é o que fan os amigos da UGT, sumar á suba salarial do 3,5% do 2022 e do 3% en 2023, os incrementos da carreira profesional. Resulta entón que o complemento de carreira profesional non é unha retribución adicional ao complemento de destino, senón que existe “para non perder tantos cartos”.
As preguntas son: que lles di UGT aos traballadores doutras administracións que quedaron coa suba pelada e cunha perda de poder adquisitivo? Ou que lles di ás empregadas públicas da Xunta ás que lles negou a carreira por ser interinas ou temporais (e que accederon ao grao I ao gañar a CIG as demandas)?. E tamén, que lle di ao persoal laboral fixo que non se quere funcionarizar, ou que obrigaron a funcionarizarse en subgrupos inferiores con perdas salariais importantes como ao persoal coidador do III-99?
O que si sabemos é o que din da paralización da carreira profesional durante un ano: “...un dereito cercenado por un gravísimo erro sindical sen antecedentes”. Son moi benevolentes consigo mesmos e o que deberían dicir é que foi un dereito cercenado CONSCIENTEMENTE por eles e a administración para ver si colaba a ilegalidade cometida.
Para colarlle tal cantidade de bulos ao persoal da Xunta hai que ter máis sofisticación intelectual. Quod natura non dat UGT non praestat.
- Detalles
O mércores 15 de novembro, os delegados e delegadas da CIG vamos a concentrarnos en San Caetano pola xornada de 35 horas, as promocións internas anuais e os concursos de traslados permanentes.
Convidamos a participar ao persoal que poida achegarse ás 11 horas diante do edificio da Xunta.
Retomamos así a concentración prevista para o día 2 de novembro e que tivemos que suspender por prudencia ante a alerta metereolóxica daquel día.
Rueda, escoita, estamos en loita!
