Novas por contido

Gardacostas de Galiza concentráronse este xoves 22 de decembro diante da Delegación do Goberno na Coruña para reclamar a modificación da Lei 47/2015, que regula a protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro, e se inclúa no Réxime especial de traballadores do Mar ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas.

Con esta protesta, a CIG dá continuidade á campaña para reclamar unha solución á discriminación que sofre este colectivo laboral polo simple feito de ser persoal funcionario. A concentración realizouse coincidindo co debate no pleno do Congreso da Lei de Pesca Sostíbel a través da cal a CIG promovera unha emenda (que foi presentada polo BNG) para a inclusión dos/as gardacostas no réxime do mar.

A semana pasada unha representación da CIG e do persoal do sector reuniuse cos grupos parlamentarios no Congreso das e dos Deputados para pedirlles o seu apoio á dita emenda. Pero aínda que todos os grupos recoñeceron a discriminación por razón de réxime xurídico que sofre o persoal do servizo de Gardacostas, o Goberno español vetou que se debata e, polo tanto, que se vote a emenda, alegando cuestións orzamentarias.

Diante desta negativa do Executivo estatal, a CIG continuará mobilizándose e insistindo na reforma lexislativa para que se inclúa o colectivo, urxentemente, no Réxime Especial de Traballadores do Mar.

Cómpre lembrar que ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores e traballadoras do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións, como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do Réxime Especial de Traballadores do Mar xa que están no réxime xeral da Seguridade Social.

Sen coeficientes redutores e vixilancia médica específica

Está situación esperpéntica supón que o persoal Gardacostas non teña a protección para a súa saúde, como o acceso á xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar.

O colectivo de Gardacostas depende da Consellaría do Mar e a idade media dos cadros de persoal supera os 55 anos. Nalgunhas bases o persoal xa pasa dos 62 anos e incluso 65 anos, pero mentres compañeiros e compañeiras de empresas privadas que comparten embarcación e faenas (como Remolcanosa ou Salvamar) si están incluídos no Réxime Especial de Traballadores do Mar, e polo tanto teñen coeficientes redutores da idade de xubilación, o persoal do servizo público de Gardacostas non, só por seren persoal funcionario.

A CIG-Autonómica leva meses reclamándolle á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que acheguen unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por seren persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a CIG denuncia que, malia ser coñecedores, polo de agora nin a Xunta da Galiza, nin os ministerios implicados foron quen de ofrecer unha solución real ao problema.

Función Pública convócanos á mesa de negociación das convocatorias e enterámonos de que non van cambiar nada porque xa están no DOG.


Envían a documentación a última hora e non podemos nin negociar sobre os cambios nin facer que se revisen unha a unha en cada corpo, escala ou categoría.

Isto aconteceu este mércores 21 de decembro...e para branquear a imposición de mais de 150 convocatorias de procesos selectivos de estabilización cheos de erros...din que poderán recoller alegacións e mudar algo antes da data de presentación de solicitudes por medio de "correccións de erros" no DOG.

E como non negocian simplemente anuncian:

  • Que as convocatorias de estabilización se publicarán os días 26 e 27 de decembro.
  • Que hai que ter unha puntuación mínima de 30 puntos para poder participar nos procesos de estabilización e de 10 para prazas fixas-descontinuas e respecto ás de xornada parcial nada din.
  • A proba de galego é requisito, será previa e e eliminatoria en teoría, xa que se negan a definir o corte na convocatoria e queda en mans dos tribunais: escabechina ou coadeiro?
  • Engaden un artigo no ultimo minuto que permite aumentar ou incluso retirar prazas das convocatorias no curso do proceso. E iso que xa retiraron unha chea delas, como as 390 prazas do SPIF de 6 meses.
  • Nin están claros os requisitos de titulación de moitas prazas, nin tampouco en que escalas se localizan, froito de que levan meses sen facer as cousas ben coa identificación das prazas.
  • As persoas que ocupan as prazas convocadas vaiselles comunicar por medio de listaxes no web.
  • Aínda non temos claro se vas poder participar en varios procesos (xa sabemos que aprobar non).
  • Aumentan a formación para igualala a da carreira profesional: promóvese facer caixa a conta de vender cursiños express empregando universidades privadas.
  • Poñen avisos en prazas para ser restadas por outras convocatorias anteriores en curso.

E van CCOO e UGT e vótanlle a favor tan contentos.

Convocatoria de Mesa Xeral de Empregados Públicos e Comisión de Persoal, mércores 21 de decembro. Orde do día:

Para a Mesa Xeral

  • Temarios do concurso-oposición do Grupo V dos procesos selectivos da Lei 20/21 (incendios). Descargar

Para a Comisión de Persoal

  • OPE ordinaria 2022. Descargar
  • OPE ordinaria 2022, Lei 17. Descarga 
  • Temarios do concurso-oposición do grupo I, III, IV e V dos procesos selectivos da Lei 20/12. Descargar
  • Convocatorias de proceso selectivo por concurso de A1, A2, C1, C2, AP (subalterno, limpeza e recursos naturais e forestais), I, II, III, IV (Lei 20/21). Descargar
  • Convocatoria de proceso selectivo por concurso-oposición de A1, A2, C1, C2, subalterno (Lei 20/21). Descargar

Ampáranse en que o goberno central impón unha determinada taxa de reposición de efectivos, que o PP utilizou durante os mandatos de Rajoy, para xustificar unha OEP minguada.

Non queren negociar a oferta de emprego

Para evitar a negociación a Xunta envía cunha hora de antelación á Mesa Xeral onde vai na orde do día a Oferta de Emprego Público de 2022, as táboas cos datos do número de prazas e do reparto por corpos, escalas e categorías, e o desglose por quenda de acceso libre e de promoción interna.

Con isto tratan de impedir que se poidan analizar e estudar os datos e por tanto que se poidan formular alegacións á mesma. Un método burdo para tratar de seguir impoñendo o que debe ser negociado.

A taxa de reposición, un elemento que impide dotar á administración de todo o persoal necesario

Aínda que a Xunta nos diga nunha nota de prensa que a taxa de reposición é “imposta polo Goberno central” o déficit de persoal é histórico porque o propio goberno do PP con Rajoy á cabeza tamén impuxo esa taxa que leva a que non se poidan asumir novos servizos por falta de persoal.

Isto supón ou unha sobrecarga de traballo sobre os compañeiros e compañeiras ou en moitos dos casos a externalización dos servizos, é dicir se autolimitan para contratar persoal propio pero non o fan a contratar a empresas privadas para desempeñar o traballo que terían que facer eses propios empregados públicos, como vemos en moitos dos casos da privatización de escolas infantís ou residencias de maiores.

Oferta de acceso libre moi reducida

A Xunta de Galiza convoca só 702 prazas de acceso libre. Para administración xeral convoca 525 prazas e para os especiais 177.

Só podemos constatar que habendo escalas con moitísimas vacantes xeradas apenas figuran prazas nesta OEP. Excepto na recente creada escala de orientación laboral no resto dos corpos parece ser a oferta de emprego máis reducida da última década.


Ridícula promoción interna

Temos que destacar á RIDÍCULA PROMOCIÓN INTERNA de 2022, 351 prazas para toda a Administración Xeral da Xunta de Galiza. Cómpre lembrar que os procesos de estabilización da lei 20/2021 na OEP non levaron quenda de PI e ademais a promoción interna desenvolvida ata o de agora é dunha grande dureza onde o persoal funcionario de carreira ten que estar anos preparando  os procesos de promoción interna.

Dende a CIG vimos denunciando que esta dureza unida a falta de prazas fai que moitas veces sexa máis doado acceder a unha praza dun grupo ou subgrupo superior pola quenda de libre que de promoción interna.

Neste sentido é necesario estudar outras fórmulas como establecemento dunha promoción interna extraordinaria, automática e por concurso de méritos sen límite de prazas, na que as persoas funcionarias de carreira que teñan a titulación requirida poidan promocionar directamente ao seguinte subgrupo transformando a súa praza, estea aberta ou non, nunha do subgrupo superior.

OEP extraordinaria 2022 

Na negociación das bases das convocatorias de estabilización da Gain as présas, como xa é habitual na Administración, deixan as cousas para última hora cunha negociación exprés con apenas tempo para estudar a documentación, a súa análise e a participación co persoal. Conseguimos que se puideran presentar alegacións ao borrador ata o martes que vén e unha nova xuntanza para que non “despacharan” á primeira. 

Estas son as cuestións que destacamos:

  • Das 51 prazas totais  que se ofertan na OEP, 49 son as que pertencen á Axencia con convocatoria propia polas súas condicións (non están no VCCU). A Gain pretende sumarlle un 10% adicional sen máis (5 prazas). Estamos á espera de saber cales son, xa que a explicación que nons deron era un pouco rara, no sentido de que podían estar compartidas con Función Pública, xa que as persoas tiñan antigüidade nas dúas partes. 
  • O procedemento de presentación de solicitudes é farragoso e ademais sinala tamén un correo electrónico no que “avisar”. Solicitamos un procedemento normalizado como o resto dos procesos selectivos. 
  • Tras a petición de CCOO a Gain vai valorar baixar a puntuación do coñecemento da lingua e traspasalo a outros méritos, como o tempo como bolseiros/as, etc. Opoñémosnos e solicitamos que se manteña o equilibrio nas bases, pois é mais seguro, xusto e recíproco.
  • Pretenden valorar os máster que non se valoran nas bases da Xunta (e ademais estudarán se deben ser homologados ou oficiais ou non) e introdúcenos en dous apartados, independentes incluso das titulacións, e tamén formacións relacionadas coas prazas que deu expresamente a entidade, ou incluso os "entes nos que se subrogou". 
  • Van valorar o tempo traballado nos “entes que se subrogaron” de igual forma que no propio ente. Deben especificar cales son eses entes dos que se subrogou.
  • Eliminan o apartado de valoración de ter superadas probas anteriores, porque para a GAIN non houbo procesos selectivos con fase de oposición, e os puntos que lle corresponden (7,5) traspásanos a outros méritos. 
  • Vemos un pouco raro que apareza nas bases a autoavaliación e, ao mesmo tempo, por unha suposta axilidade, queiran que as persoas aspirantes metan toda a documentación coa solicitude. En todo caso, opuxémonos sempre á autoavaliación, e máis se non se revisan todas as solicitudes.
  • Non aclaran se a proba de galego previa a faría Función Pública ou a convocarían eles.

Nas manifestacións por parte da GAIN parece que non contan con que é un proceso aberto e se poden presentar outras persoas ademais das que xa están a traballar na casa. Avisamos que hai que ser cautelosas coas bases para que o proceso estea equilibrado e o máis axustado á OEP e á normativa, xa que doutra forma poderíase tumbar todo o proceso selectivo, prexudicando a estabilización.

Temos para presentar achegas ao texto ata o martes 20 ás 14 h. Podes contactar connosco dende aquí.

 

Estamos convocados para o luns 19 á Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e Comisión de Persoal, nas que se van tratar os temarios e as convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, e as ofertas de emprego público (OEP) ordinarias do ano 2022 de postos dependentes da Dirección Xeral de Función Pública e dos postos de persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), dependentes de Sanidade. 

  • Temarios de estabilización de persoal funcionario (descargar)

  • Temarios de estabilización de persoal laboral, grupos I, IV e V (descargar)

  • OEP ordinaria 2022 (descargar)

  • OEP ordinaria 2022 de escalas sanitarias (descargar)

  • Convocatoria do proceso selectivo extraordinario de estabilización por concurso, (descargar)
    • subgrupo A1 e grupo I, categorías 19, 22, 32 e 40
    • subgrupo A2 e grupo II, categorías 3, 4, 5, 6, 9, 34 e 35
    • subgrupo C1, e grupo III, categorías 3, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 101 e 103
    • subgrupo C2, e grupo IV, categorías 7, 12, 20, 21, 24, 25, 31, 34, 37, 38, 39, 998ª
    • agrupación profesional, escalas de persoal subalterno e persoal de limpeza e recursos naturais e forestais

  • Convocatoria do proceso selectivo extraordinario de estabilización por concurso-oposición, (descargar)
    • subgrupo A1
    • subgrupo A2
    • subgrupo C1
    • subgrupo C2
    • agrupación profesional, escala de persoal subalterno

Os sindicatos con representación na Mesa Xeral, CIG, CCOO, CSIF e UGT, asistimos a unha xuntanza convocada polo director xeral de Función Pública para tratar as convocatorias e temarios dos procesos de estabilización (derivados da Lei 20/21), xunto coas ofertas de emprego público (OEP) ordinarias do ano 2022 de Función Pública e das escalas sanitarias (Lei 17/89). Función Pública retirou finalmente a OEP ordinaria, e deu información doutros asuntos que relatamos en "Outras informacións"

Tes a túa disposición as bases das convocatorias, os temarios, e as ofertas de emprego que nos entregaron para a Mesa Xeral do luns 19: ligazón.

Convocatorias dos procesos selectivos da Lei 20/21

  • As bases irán á Mesa Xeral para a que estamos convocados o luns 19. Serán aprobadas en Comisión de Persoal o mércores 21. E de aí, ao Consello da Xunta e DOG (antes de rematar o ano).
  • Prazas: publicaranas no web. Indicarán as prazas que corresponden a cada escala/categoría. Non haberá prazo de alegacións, pero si corrixirán calquera erro que se poida detectar. Publicarán as iniciais e 4 díxitos do DI das persoas que as ocupan.
  • En canto á escala en que se publica unha praza, fano seguindo a sentenza, non as funcións.
  • Prazo de solicitudes para os procesos de estabilización: comezará o 16 de xaneiro. Ata esa data poderían corrixir erros nas prazas.
  • Retiran as prazas do persoal funcionario interino que pola Lei 4/88 (LFPG) pasou a laboral.
  • Inclúense unhas 40 prazas aportadas polas consellerías. E algunha máis aportadas polos sindicatos.
  • Proba de galego nos entes que fan a súa propia convocatoria: hai a posibilidade de que sexa conxunta nos entes. Pero non é criterio obrigatorio, polo que os entes son libre para decidir.
  • O tope de idade para presentarse son os 67 anos, que é a idade de xubilación obrigatoria.

Temarios estabilización

O DXFP fai un repaso dos cambios (eliminan, engaden e refunden temas). Estes cambios xa estarían incorporados aos borradores que enviaron para a Comisión de Persoal. Menciona cambios en: parte xeral de A1, arquitectos, expertos lingüistas, enxeñeiros técnicos agrícolas, auxiliar informática e auxiliar de mantemento.

A CIG manifesta o seguinte:

  • Os temarios enviados seguen sen dar resposta as alegacións feitas polo persoal e por esta central sindical.
  • Os temarios das distintas categorías dun mesmo subgrupo non teñen un número de temas equitativo. Atopamos dentro dun mesmo subgrupo, categorías con moitos máis temas que outras.
  • Os temarios teñen contidos pouco concretos, de maneira que existen temas cuxa amplitude pode resultar inabarcable pola redacción xeral dos seus contidos.
  • Os temarios de algunhas categorías non corresponden nos seus contidos co traballo a desenvolver polo persoal que ocupa os postos desas categorías.
  • Nin sequera os temarios da parte xeral son os mesmos para todas as categorías dun mesmo subgrupo, entón non se comprende a denominación “parte xeral”, xa que non é xeral para tódalas categorías dese subgrupo, de feito, algunha categorías non levan sequera parte xeral.
  • Como nos temarios enviados na ocasión anterior, comprobamos que os temarios foron elaborados sen unha adecuada reflexión, con cortas e pegas.
  • Queremos sustituír temas por normas de dereito. Se non é posíbel, elaboración de manuais ou como mínimo referencias bibliográficas.
  • Deben modernizar e concretar máis os contidos. Hai contidos obsoletos ou desfasados.

Oferta de emprego pública ordinaria 2022

Refírense tanto á OEP dependente da Dirección Xeral de Función Pública como a de persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), dependente de Sanidade. Irá a Mesa Xeral o luns 19, e aprobadas en Comisión de Persoal o mércores 21.

Outras informacións

Carreira profesional: van unhas 17.000 solicitudes presentadas. A maioría cumpren os requisitos. Os incidentes serán tratadas máis adiante.
Queren pagar na primeira quincena de xaneiro.

Procesos selectivos en execución: Entre esta semana e a que ven sairá o baremo definitivo de enfermería, sicólogos, aux. enfermería, e pode que algún mais. Tentarán que saian todos os definitivos neste ano. Algún pode que saia no web pero non no DOG. Elección destino pendentes: procurarán sacar as prazas no web (polo día 22?)

Estamos convocados para o día 20 de decembro a unha xuntanza coa Consellería de Economía, Industria e Innovación para tratar a súa Relación de Postos de Traballo. 

Tes a túa disposición a documentación (descargar) e podes escribirnos o que consideres se tes algo que dicir (contactar coa CIG).

Ante a falta de persoal substituto nas listaxes de contratación temporal actualmente en vigor, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar,  procedeu á selección de persoal a través do SEPE para dar cobertura ás necesidades de persoal dos centros de traballo. 

Esta situación de esgotamento das listas e a selección de persoal para fornecelas, impide calquera seguimento das contratacións e das propias listaxes, pois non pode ser comprobado nin pola representación sindical nin polas propias persoas integrantes das listas, xa que non están publicadas en ningures.

Tras esta selección de persoal, o Consorcio procedeu a facer os chamamentos para cubrir as necesidades dos centros, en moitas ocasións sen esgotar as listas en vigor como é preceptivo (como por exemplo sucedeu nas escolas de Vigo-Valadares, Poio, Forcarei, Crecente, Cerdedo, entre outras).

Moitas traballadoras e traballadores que estaban agardando o chamamento para as coberturas de permisos e vacacións neste mes de decembro, observaron como se lles ofrecían as prazas as  persoas que acababan de seren seleccionadas sen que, previamente, lles foran ofertadas previamente a elas, véndose así gravemente prexudicadas. Esta é unha situación que se repite, nesta época do ano, dende hai tempo.

A CIG reiteramos, unha vez máis que: 

  1. As listas de contratación do CGSIB non cumpren cos preceptos constitucionais, traducidos en transparencia.
  2. Non se poden facer chamamentos a persoas seleccionadas polo INEM sen antes esgotar os chamamentos polas listas actuais e incumprir as propias bases.
  3. Os ámbitos de chamamentos son provinciais, polo que o persoal chamado ten que aceptar contratos cunhas distancias do seu domicilio que nalgúns casos non lles permite conciliar a súa vida persoal e laboral e, a maior parte deles, no ámbito rural e sen transporte público. Por outro lado os contratos precarios que se lles ofertan, non lles permiten, en moitos casos, cubrir os gastos de desprazamentos e/ou aloxamento.
  4. A Comisión de Seguimento de listas do Consorcio non ten presenza nin control sindical.

 

 

 

 

 

 

Decepción ante a falta de vontade política do goberno. Os grupos no Congreso manifestan o seu apoio, pero o goberno veta a emenda que permitiría resolver a situación.

A Secretaria nacional de CIG-Autonómica, acompañada duns compañeiros do Servizo de Gardacostas de Galiza, reuníronse na mañá do martes 13 de decembro con representantes dos grupos parlamentarios no Congreso das e dos Deputados para reclamar o seu apoio e que se modifique a Lei 47/2015, reguladora da protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro. A central sindical promoveu para iso unha emenda, que foi presentada polo BNG, para que se acolla ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas no TREMAR.

As xuntanzas, que se desenvolveron ao longo da xornada, coincidiron coa celebración da ponencia da Lei de Pesca Sustentábel. Todos os grupos recoñeceron a discriminación por razón de réxime xurídico que sofre o persoal do servizo de gardacostas, por seren funcionarios, e consideraron que tiñan que estar integrados no TREMAR.

Porén, a decepción chegou polo veto do goberno á emenda que supón que non se poida debater e moito menos votar. É dicir que a práctica do goberno de vetar esta emenda se contradí co que manifestan tanto o PSOE como Unidas Podemos. Con todo, non nos imos render e insistiremos na reforma lexislativa para que se inclúa o persoal gardacostas, con urxencia, no réxime especial do Mar.

Diante do veto do goberno, por cuestións orzamentarias, Unidas Podemos propuxo como alternativa presentar unha proposición non de lei (PNL) para buscar unha saída. Pola súa banda os representantes do PSOE indicaron que “non teñen claro se a lei de pesca é a saída a isto e din que temos que tratar con Traballo e Seguridade Social”.

ERC e EH Bildu manifestaron tamén o seu pleno apoio á emenda. ERC propuxo buscar conxuntamente co BNG unha fórmula para recuperar a emenda e xa adiantou que mantería o seu apoio á loita onde siga, se isto non vai adiante.

No mesmo sentido, Bildu explicou que “estudan a posibilidade de discutir o veto do goberno porque non lle concordan os números e insistiron en que hai varias vías para que o goberno, cun informe favorable, poida recuperar a emenda”.

Na xuntanza co grupo popular, que se desenvolveu no decurso da tarde, os seus representantes declararon sentirse sorprendidos polo veto a emenda, porque eles ían votar a favor mais indicaron que intentarían que desde Galiza se lle dea impulso á iniciativa ou se busque unha solución pactada Goberno-Xunta.

Diante disto, a conclusión das xuntanzas é que o problema témolo nós e a nosa saúde, mais a solución téñena eles e quen podían realmente resolver a situación só demostraron falla de vontade política.

Inclusión no TREMAR

Ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores e traballadoras do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da seguridade social.

Está situación esperpéntica supón que o noso persoal non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar. Isto é mais grave se temos en conta que, porén, os compañeiros da privada que comparten o ámbito laboral coas tarefas e os medios da Xunta (embarcacións, etc..) están no TREMAR con normalidade.

A CIG-Autonómica leva meses reclamando á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que aporten unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por seren persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a CIG denuncia que, malia ser coñecedores, polo de agora nin a Xunta da Galiza, nin os ministerios implicados aportaron solución real ao problema.

 

Outras novas recentes

Luns, 02 Xuño 2025

A CIG pide á Valedora do Pobo que garanta que o persoal cociñeiro teña titulación técnica

A CIG acode á Valedora do Pobo ante a negativa da Administración de rectificar sobre a contratación de persoal sen titulación nas cociñas escolares. Coa presentación dunha queixa ante a Valedora do Pobo pedimos que interveña para que as persoas responsables da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional se senten a negociar unha saída xusta á...
Xoves, 29 Mai 2025

Menores vulnerables en mans de empresas privadas. Quen os protexe?

Cando o que importa non é o servizo, senón trincar pasta! Recentemente, veñen de publicarse dúas novas no DOG (Resolución do 12 de maio de 2025 e a Resolución do 23 de abril de 2025) que fan referencia a que os concursos polos que dous centros de menores, o de Casa da Quintán en Ponte Caldelas (oito prazas) dirixido a menores con medidas de protección e problemas de saúde...
Martes, 03 Xuño 2025

Concurso traslados escalas sociais; RPT CMACC; Acordo Illas Atlánticas (MSF 06/06/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será o venres 06/06/25, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de Acordo para o persoal adscrito ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. Descargar 2. Proposta de Acordo polo que se aproba a modificación da...