- Detalles
Bombeiros e bombeiras forestais e persoal do SPDIF concentráronse a mañá deste xoves 25 de xaneiro diante de Medio Rural, no edificio administrativo da Xunta de Galiza, para exixir que se remate coa precariedade no servizo público de extinción de incendios de Galiza e demandar a súa profesionalización. Denunciaron, ademais, que o anuncio realizado por Rueda foi “claramente electoralista” e que a administración que está constantemente paralizando as negociacións.
Neste sentido lembramos o persoal segue a traballar como fixo descontinuo, só durante seis meses ao ano. Respecto do anuncio do Presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, afirmou que “non nos vale”, porque a pretensión é que ese incremento do tempo de traballo a 9 meses se faga en tres anos. Na CIG entendemos que iso se pode facer xa agora para o 2024 e que acordan tarde, se tiña que ter feito hai tempo. Ademais lembramos que na mesa de negociacion do acordo esta reclamación a fixo so a CIG e non querían tratar nin eso nin meter ao persoal laboral dentro do acordo, afondando na división do persoal, que teria condicións laborais diferentes.
Nesta xornada e no noso manifesto e comunicación aos medios insistimos en que a CIG xa presentara esta proposta de ampliación á Xunta cun plan de reorganización do servizo “que tiña un custo de practicamente cero”. O persoal leva máis de un ano e medio con mobilizacións e tratando de chegar a un Acordo marco regulador de condicións de traballo que asegure os dereitos laborais do persoal empregado público do sector de extinción de incendios forestais. Unha negociación que, denunciamos, “paraliza constantemente a propia consellaría na mesa”.
Principais demandas
O persoal reclama, ademais de traballar todo o ano, rematar coa suspensión de dereitos imposta pola Xunta en 2012, porque non hai compensación por traballar festivos e domingos e vacacións reguladas. Denuncian os problemas de conciliación e que teñen que traballar todas as fins de semana seguidas que poderían impoñerse ao non ter regulación, a falta de cartelera anual regulada ou incluso que che marquen as vacacións cando queren como xa pasou co persoal das brigadas helitransportadas este ano. “Isto ten que estar regulado nun convenio que este persoal, a esta altura, non o ten, está sen dereitos laborais”. Pero hai moitas cousas máis que quedaron no aire ao non ter convenio.
Demandamos tamén un servizo profesional público de extinción e de atención de multiemerxencioas no medio natural e rural. “É o que necesitamos en Galiza”, para isto “o persoal ten que traballar todo o ano e ten que ser profesional”. Xunto a isto denunciamos que ao persoal fixo descontinuo non se lle permitia traballar no sector público o resto do tempo de inactividade do contrato afondando na sua precaridade.
O colectivo de bombeiros/as fortestais está conformado por preto de 1.200 brigadistas que traballan doce meses ao ano e máis de oitocentos que traballan unicamente seis meses ao ano. Denunciamos que a crise dos péllets demostrou que a Xunta “prefire tirar de empresas antes de chamar ao seu propio persoal” e lembramos que nestes días o risco de incendios era cero, que “tiña ao persoal, tiña os medios, ao persoal espallado polo territorio e a capacidade de poder chamar e mobilizar, en apenas unhas horas, ao persoal da consellaría de Medio rural. Non o fixo, nin ao da consellaría de Medio Ambiente e moito menos aos bombeiros e bombeiras forestais que estabamos no territorio e dispostos”.
Servizo multiemerxencias
O persoal de seis meses da mobilización ilustraron coas suas declaracións a precariedade que padecen. Como persoal procedente de SEAGA, onde xa estaban precarizados, pasaron á administración en 2019 e denunciaron que non se pode considerar profesional un servizo no que o persoal traballe só tres ou seis meses ao ano.
E recalcamos que como servizo de emerxencias traballan a quendas, en noites, domingos e feriados coa funcionarizacion mais de 600 compañeiros carecen hoxe de convenio e agora terian que ter un acordo marco, que si teñen, por exemplo, os axentes forestais. Asegurouse que levamos dous anos tratando de negociar unha proposta, feita pola CIG partindo do V Convenio, para que non haxa esa diferenza entre funcionarios e laborais porque como dixeron os compañeiros “ao cabo respondemos ás mesmas ordes de mando e traballamos no mesmo”. E denunciamos que, “polo de agora, non temos ningunha resposta”.
Até o de agora “non podiamos traballar nin no sector público ou con capital público”, unha situación que se está modificando e considerou inxustas as condicións laborais deste colectivo porque somos un servizo de multiemerxencias que podería actuar “se hai nevadas, quitando a neve do rural; se hai unha crise, como agora dos péllets, podemos intervir; se hai unha treboada podemos retirar árbores caídas”. Considerou que, porén, “parece ser que non interesa, non sei se por aforro ou porque non se ten en mente”.
Concluímos exixindo que se reactiven as negociacións do acordo marco porque é o momento de rematar con esta situación que é unha mostra de desleixo cara o seu propio persoal.
LECTURA AO MANIFESTO
Logo de máis de unha hora de cantos e berros para que con forza se oíse a voz e as reclamacións do colectivo de traballadores/as do SPIF deuse lectura a un manifesto situando as loitas do persoal no seu contexto actual, a necesidade de continuar coa mesa de negociación e loitar ata conseguir un BO Acordo de condicións de traballo con dereitos laborais para todos/as e a ampliación ata 12 meses o ano do tempo de traballo para ter un SERVIZO PROFESIONAL E 100% PUBLICO!!
Un día despois da mobilización, hoxe venres 26 Medio Rural convocanos a xuntanza da mesa de negociación, que como sabedes a tiñan parada dende o mes de novembro. A reunión para tratar o Acordo de condicións laborais vai ser este martes 30.
AGRADECEMENTOS A TODOS OS COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS QUE LOITADES PARA QUE O ACORDO MARCO REGULADOR PARA TODO O PERSOAL DE INCENDIOS VAIA ADIANTE.
COA CIG SEMPRE DEFENDEREMOS UN SERVIZO PÚBLICO UNICO E SEN DISCRIMINACIÓNS!!

- Detalles
Na xuntanza da Comisión de listas de contratación que tivo lugar o 24 de xaneiro informaron do seguinte:
- No DOG do 30 de xaneiro está previsto que se publiquen as listas de contratación coas novas inclusións do ano 2023 que estaban pendentes de publicar.
- Plan de reforzo dos Equipos de Valoración e Orientación Discapacidade (EVOS): a consellería de Política Social pediu autorización para cubrir a través das listas de contratación de persoal laboral un posto de médico/a, mentres se manteña o Plan de reforzo.
- Plan Corresponsables de Galicia: solicítan autorización para facer uns chamamentos a través das listas de contratación de persoal laboral do grupo III, categoría 90 (animador/a sociocultural) para toda Galicia. Para cubrir os postos en Lugo terán que facelo a través dun chamamento ao Servizo Público de Emprego (SEPE). A aceptación destes chamamentos será voluntaria.
- Agacal: solicitan autorización para a cobertura dun posto a través das listas de contratación de persoal laboral do grupo III, categoría 68 (oficial/a 1ª agrario. Capataz agrario) para un Proxecto de avaliación e comercialización das prantas da vide. A aceptación deste chamamento será voluntaria.
- Detalles
Nun informa conxunto doutras organizacións sindicais coméntase que chegaron a un “acordo” coa Xunta sobre algunhas condicións laborais unicamente para o persoal funcionario do SPIF
CCOO-CSIF-UGT informan de que, segundo as súas palabras, nestas semanas tiveron “vías abertas” coa Administración para consensuar posturas de cara a avanzar na regulación das condicións de traballo, mentres estabamos a espera da continuidade das negociacións na mesa acordada.
Pero indo ao fondo da cuestión, se isto é certo, na CIG estamos de parabéns porque se recoñezan algunhas das propostas recollidas no Acordo Marco Regulador e no anexo de incendios presentados pola CIG hai case dous anos. Cantos máis a unha mellor!
Aledámonos tamén de que manifesten que a Xunta está disposta, aínda que con retraso, a reducir a xornada máxima anual a 1550 horas, xornadas de 10 horas sen posibilidade de prolongación, restaurar o dereito ao descanso de dous días naturais ininterrumpidos, a compensación por traballar en domingos e festivos e ter un carteleira de traballo única para todo o ano.
Resulta curioso coñecer por outras organizacións sindicais que tras a última reunión de mesa de negociación do 09 de novembro se aceptan agora as achegas da CIG. Pero aínda quedan moitas outras propostas da CIG por tratar e regular: nocturnidade, vacacións e permisos, compensacións adicionais, funcións, enfermidades profesionais, instalacións, sistema de cobertura de prazas, etc…
Agora ben, o que non podemos compartir é este xeito de negociar de “despachitos”, fóra do marco da mesa de negociación. Entendemos que a Xunta vese apretada ante a mobilización masiva do persoal, pero rexeitamos a utilización política do persoal empregado público.
Sen ánimo de polemizar, non seguir os cauces establecidos na negociación colectiva fai que se teña a impresión de que son medidas improvisadas pola falta de transparencia do proceso. Por que se había unha mesa negocial aberta agora se opta por outra vía? Porque se pretende a desmobilización do persoal? Queren que perdan forza as reivindicacións dos/as traballadores/as?
Tampouco podemos compartir que se siga separando ao persoal funcionario do persoal laboral e que teñan diferentes condicións e dereitos laborais. Este é un servizo único e coma tal ten que ser tratado.
E queda claro que calquera avance nos dereitos laborais virá dado pola mobilización e a libre reivindicación do persoal do SPIF.
- Detalles
Función Pública achegounos o listado de postos para a elección de destino de A1.Agrónomos/as e A2.Téc. Agrícolas. Na comunicación recibida indican que o listado é para "efectos informativos", polo que a CIG xa solicitou poder facer alegacións ao listado.
No documento, que podes descargar aquí, aparecen códigos e descripcións da formación, que son os seguintes:
cod_forma - descripción
- 168 - CARNÉ DE CONDUCIR B1 (MÉRITO).
- 370 - DOUTORAMENTO EN MATERIA AGRARIA (R.I.).
- 372 - DOUTORAMENTO EN VITICULTURA (R.I.).
- 640 - PARA PERSOAL DOUTRA ADMINISTRACIÓN, CURSO DE PERFECCIONAMENTO DE GALEGO (R.I.).
- Detalles
No DOG do 24/01/2024 publican:
- RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditacion dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, e para o ingreso nas categorías 19, 32, 38 e 40 do grupo I de persoal laboral da Xunta de Galiza, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro e do 6 de febreiro de 2023.
- RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditacion dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, e para o ingreso nas categorías 3, 4, 5, 6, 9, 35 e 39 do grupo II de persoal laboral da Xunta de Galiza, e persoal laboral propio do Cixtec (grupo II), convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro e do 6 de febreiro de 2023.
As persoas aspirantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos baremables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da canle de emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal, seguindo o procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das súas entidades públicas instrumentais.
Unha vez que accedan á canle do emprego público de Galiza (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:
a) No suposto de que as persoas aspirantes estean conformes cos datos consultados, porque os méritos baremables neste proceso figuran no estado de validados, non precisarán realizar ningunha actuación.
b) No suposto de que a persoa aspirante non estea conforme cos datos consultados, por non constaren ou por seren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa deles ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, para que os devanditos méritos se poidan valorar neste proceso.
c) As persoas aspirantes que atopen no seu expediente electrónico persoal erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado» deberán presentar alegacións a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos», accedendo ao proceso de estabilización desta resolución en que figure inscrito, na epígrafe «que podo facer?», «presentación de alegacións».
O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta» rematará aos dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.
- Detalles
A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural convocou dun día para outro ás organizacións sindicais a unha xuntanza na que se nos informou de que van facer unha ampliación progresiva do tempo de traballo do persoal de 6 meses do SPIF ata acadar os 9 meses. Así, a idea é que o tempo de actividade anual sería 7 meses no 2024, 8 meses no 2025 e 9 meses no 2026.
Este anuncio da Administración resulta sorprendente pois ata hoxe negábanse a atender a demanda da CIG para a ampliación do tempo de traballo cunha boa organización e xestión do persoal sen aumentar practicamente o custe.
A ninguén se nos escapa que este anuncio fóra de mesa de negociación ten unha intención política provocada pola nosa mobilización prevista para este xoves 25. Loitaremos para que non quede no aire e se plasme nun ACORDO ASINADO.
E si, é unha boa nova, calquera ampliación do tempo de traballo do persoal é benvida!
E como as propostas da CIG sempre van máis aló de medidas illadas, loitamos por un servizo integral de multiemerxencias no ámbito forestal e rural, con dereitos laborais para todo o persoal.
Quédanos un longo camiño por percorrer e levamos moitos anos loitando contra o desleixo e a inacción da Xunta, que ralentiza todo o tempo a negociación dun ACORDO DE CONDICIÓNS DE TRABALLO NO SPIF con DEREITOS LABORAIS PARA TODO O PERSOAL.
RUEDA XA QUE TE POS, ISTO É O QUE NOS QUEDA POR FACER!
1. Recuperar os dereitos suspendidos no 2012, como as compensacións por traballar domingos e festivos, os Fondo de Acción Social, gratificación extraordinaria por xubilación, etc.
2. Traballo todo o ano para todas.
3. Un Acordo que nos integre a todo o persoal, sen discriminacións nen diferencias nas condicións laborais.
4. Un servizo 100% público, que apoie ao rural galego e atenda as multiemerxencias.
5. Implantación efectiva de medidas de prevención de riscos laborais.
6. Cotización adicional para os coeficientes redutores para a xubilación anticipada.
7. Plan integral de mellora das instalacións.
8. Plan formativo axeitado e negociado.
9. Conciliación real e efectiva.
10. Regulación das adaptacións de posto por motivos de saúde e posibilidade de optar a un posto alternativo no caso de IPT.
11. Sistema de chamamento de prazas áxil para vacantes, vacacións e baixas.
Mobilízate polos teus dereitos este xoves 25 de xaneiro ás 10:30 horas diante da Consellería do Medio Rural.
Coa mobilización e a loita entre todas e todos conseguimos avanzar!!
- Detalles
A CIG Administración Autonómica solicita á consellería de Política Social que reconvirta as prazas creadas para atallar a crise asistencial que provocou a pandemia da Covid en estruturais
A CIG presenta un informe e solicitude a Xunta de Galiza demandando a creación da prazas pola necesidade estrutural dos reforzos derivados da crise da Covid, tanto nos centros residenciais de Política Social como do Consorcio de Igualdade e Benestar. Lembramos que a día de hoxe o persoal contratado pola Covid sigue traballando, pero a xestión en cada residencia é diferente, e é completamente caótica, nuns casos entran en carteleira e noutros non contan para as ratios de persoal porque son “reforzos” e lóxicamente non poden facelo. A realidade é que as prazas son moi necesarias para o mantemento do servizo públicoe tender con calidade ás persoas usuarias e a Xunta tamén o recoñece de forma tácita ao manter os contratos vixentes a día de hoxe.
Máis dende a CIG entendemos que levamos xa demasiado tempo con esta xestión improvisada que se converte nunha contratación con consecuencias negativas para a administración e os traballadores xa que os sitúa en fraude de lei. E esta a quedar demostrado que as prazas e o obxecto dos contratos hoxe xa non é unicamente a Covid sinon que é o funcionamento normalizado destes centros. As compañeiras de reforzo hoxe son esenciais, son prazas estruturais e forman parte na práctica do cadro persoal e atenden todas as situacións como o resto do persoal. Nas residencias non so temos Covid, tamen andazos de gripe ou infeccións bacterianas ou situacións de vulnerabilidade de residentes como o aumento da dependencia, etc que requiren que haxa un cadro de personal profesional ben dimensionado. Ademais para manter a atención moitas das veces os dereitos dos empregados públicos vense recortados con denegacións sistemáticas de permisos, etc xa que que con cadros de persoal tan xustos e escasos vense condicionados ás necesidades do servizo.
Por todo iso e xa que nestes días vaise xuntar a Comisión de Seguimento de carteleiras de Política Social lembramoslle a Administración que debe crear as prazas en RPT xa. Dende a CIG vimos a reiterar a necesidade legal da creación das prazas na relación de postos de traballo de maneira urxente, para que se podan ter en conta nos centros e non desaparezan por caprichos de xestión ou interese político.
Son esenciais, son necesarias para o mantemento da calidade do servizo e non poden seguir nunha situación irregular. Non queda outra que convertelas a prazas estruturais.
- Detalles
Hoxe, día 19 de xaneiro de 2024, tralas xuntanzas da Comisión de Persoal e da Mesa Sectorial de persoal funcionario, quedou claro que a Xunta segue a impoñer un modelo de procesos selectivos e promocións internas que fan que o persoal teña que superar toda unha carreira de obstáculos. E desta a Xunta impuxo o seu modelo en contra do criterio de tódalas organizacións sindicais.
Para nós, é inaceptábel convocar oposicións puras e duras mentres exista unha temporalidade tan alta na administración. Sempre defendemos o concurso oposición como sistema de acceso, pero aínda máis tendo en conta o contexto actual. A maiores, tampouco compartimos as probas selectivas con criterios de corrección non obxectivos, e nestas convocatorias seguen a haber exames de temas, orais e de lectura.
Tampouco podemos aceitar o feito de ter unha promoción interna tan dura cando estamos neste momento de entrada de persoas na administración por concurso de méritos, hai que pararse a pensar e negociar un marco e modelo axeitado, que permita acceder dende calquera escala do subgrupo inferior que teña a titulación. Esta sempre foi unha reivindicación da CIG que agora cobra inda máis sentido. A Xunta rectificou e agora a antigüidade para acadar a puntuación máxima nestes procesos é de 24 anos de servizo, pero de pouco vai servir se os procesos de promoción interna son tan duros e con tan poucas prazas que poucas persoas traballadoras chegan á meta.
A Xunta non quere adaptarse aos tempos e todo isto vai na merma do seu persoal.
A maiores do anterior, en Rogos e Preguntas:
- Remitirán a semana que ven as prazas para a elección de destino das enxeñerías agronómica e técnica agrícola. Primeiro elixirán os do A1 (enx. agronómica) e logo A2 (técnica agrícola).A resolución será conxunta. Todos os que aprobaran a promoción interna quedan na súa praza porque os postos están abertos. A prioridade de elección para as persoas participantes polo acceso libre será:
- Primeiro pola maior antigüidade da oferta.
- No caso de que a oferta sexa do mesmo ano, primeiro o proceso de estabilización e logo o de libre. Este criterio aplicarase en vindeiras ocasións. Dende a CIG solicitamos esta prioridade de elección da estabilización con respecto ao acceso libre e agradecemos que por parte de Función Pública se atendera á nosa reivindicación.
- O mércores 24 de xaneiro vaise publicar a resolución para a apertura de prazo de acreditación de méritos do concurso de méritos do A1 e A2. Haberá un prazo de 10 días hábiles para presentar a documentación dos méritos que non consten no FIDES.
- A vindeira semana tentarán tamén remitir as prazas de elección de destino de gardacostas.
- Nuns días remitirán tamén os postos para o concurso de traslados da escala de Consumo.
- RPTs:
- Están traballando na RPT do Consorcio facendo adaptacións dos niveis.
- Van crear 33 prazas na RPT do Consorcio e 3 prazas en centros residenciais e 14 en escolas infantís na RPT de Política Social.
- Nos vindeiros días irá a Mesa e Comisión de Persoal a RPT de Educación.
- Non se pode introducir no FIDES a titulación académica inda porque non está aberta esa pestana.
- Proximamente anunciarase a data de realización dos exames da promoción interna cruzada vertical.
- Detalles
Hai máis de 3.000 compañeiros/as que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar
Un mes despois de que a Xunta coñecera a chegada destes residuos as praias non ten mobilizado a ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Autonómica cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario.
A Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. Máis de 3.000 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar.
En concreto, que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; 2 axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peóns forestais; 3 técnicos/as ambientais; 15 técnicos/as superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.
Xunto a isto a Xunta conta con medios e vehículos e que están preparados. Ademais, no caso das e dos axentes ambientais pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio nacional.
Porén, a Consellaría de Medio Ambiente considerou que non era necesario, ignorando as capacidades do seu propio persoal que poderían ter unha función relevante, non só no control, senón tamén na coordinación de que as tarefas de limpeza non danaran áreas protexidas como os complexos dunares, especies catalogadas ou alteraran zonas de nidificación nestas contornas de alta sensibilidade ambiental. Ángeles Vázquez na súa batalla política preferiu minimizar a crise ambiental e despois derivar a responsabilidade contra o Gobierno na vez de mirar para dentro e contar co seu propio persoal tanto técnico como o de campo.
Para que contratar empresas?
Segundo a propia Administración, o persoal da Consellería do Mar e o persoal da zona da Consellería de Medio Ambiente si fan súas funcións en carteleira e zona habitual, sen activarse ningún reforzo porque non é necesario e non é un Prestige . Por iso preguntámonos entón por que contratan empresas? Para que fan falla voluntarios/as? Para que pedir recursos da Administración do Estado?
Ignorar ao persoal propio non é a primeira vez que sucede coa Consellería de Medio Ambiente de Ángeles Vázquez, pois nos lumes que asolaron a Rede Natura ou mesmo os Parques Naturais, nestes anos, non activou nin sequera o período de gardas dos seus axentes ambientais (período extraordinario) para contar con maior cobertura de persoal, nin antes nin durante nin despois, para xestionar as posibles tarefas de restauración ambiental.
Antes, ou ao tempo de contratar ao persoal de empresas públicas, como nestes días fixo con SEAGA e TRAGSA, debería ter solicitado ao outro persoal de emerxencias que ten a Xunta por toda Galiza, comarca a comarca: os bombeiros e bombeiras forestais e o axentes ambientais da Consellería de Medio Rural, que traballan as 24 h todos os días do ano e poderían traballar desde a primeira chamada. E temos tamén a mais de 600 compañeiros e compañeiras fixos e fixas descontinuas en período de suspensión de contrato. En síntese, máis de 3.000 efectivos preparados en emerxencias no medio natural ignorados.
Dende a CIG-Autonómica lembramos que no caso do Prestige si se mobilizou a todo este persoal, tarde e mal, cando xa se autoorganizaran. Por iso lamentamos que non se aprendera desa experiencia. A realidade é que non existe un protocolo nin unha planificación clara para estas emerxencias, sexan do nivel que sexan, máis cando hai que actuar rápido e a Xunta ten os medios, ten o persoal no territorio e ten o coñecemento.
- Detalles
O día 16/01/24 as catro organizacións sindicais asinantes do Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude solicitamos a convocatoria urxente da comisión de seguimento do antedito acordo, co fin de tratar as seguintes cuestións:
- Carteleiras para o ano 2024.
- Asuntos particulares dos días 24 e 31 de decembro de 2023.
- Noite de domingo ou festivo.
- Convocatorias das subcomisións.
Pois...dito e feito. Función Pública acaba de convocar a comisión de seguimento para o venres 19 de xaneiro.
Sorprende a celeridade de Función Pública ao convocarnos só dous días despois de terllo solicitado. No pasado non ten amosado tanta rapidez, polo que agardamos que non sexa flor dun día e que non teña nada que ver con que esteamos a un mes das eleccións autonómicas...

