Novas por contido

O persoal laboral fixo que superiou o proceso de funcionarización tomou pose como persoal funcionario de carreira o pasado 13 de xullo. Así, no mes de xullo se lle liquidaron 12 días de haberes como persoal laboral máis a parte proporcional da paga extra devengada por 12 días (sobre 180). A partires do día 13 de xullo os seus haberes foron devengados xa como persoal funcionario da Administración xeral da Xunta de Galiza.

O devengo das pagas extras do persoal funcionario non é o mesmo que o do persoal laboral; así, o laboral devenga a extra de xuño computando o período que vai dende o 1º de xaneiro ao 30 de xuño, e a extra de Nadal comprende o que vai dende o 1º de xullo ao 31 de decembro. O persoal funcionario, pola súa parte, devenga a paga extra de xuño computando o período de 1º de decembro ao 30 de maio; a do Nadal, dende o 1º de xuño ao 30 de novembro.

No mes de decembro o persoal laboral funcionarizado percibiu a paga extra pero nunha contía que se corresponde con 141 días devengados, ou sexa do período que vai dende o día da toma de pose como persoal funcionario, 13 de xullo, ata o 30 de novembro. No seu cómputo anual, percibiu a parte proporcional de 193 días de paga extra como laborais e 141 días de paga extra como persoal funcionaio, o que totalizan 334 días de paga extra e non 365 días necesarios para percibir as dúas pagas extras anuais na súa totalidade.

Polo tanto, todo aquel persoal laboral que se funcionarizou no ano 2021 perdeu un sexto da paga extra; ou sexa, a parte proporcional correspondente a un mes de traballo. Temos devengada a totalidade das pagas extras deste ano 2021 pero o distinto cálculo empregado para o seu devengo fai que perdamos unha importante contía dos nosos haberes. Esta situación xa era coñecida por Función Pública e os asinantes do acordo de concertación (CCOO e UGT) e non arbitraron solucións nin, tan sequera, facilitaron información que nós permitise decidir con plenitude de coñecementos sobre todas as peculiaridades deste proceso.

Esiximos da Consellaría de Facenda a adopción de medidas legais para que o persoal laboral funcionarizado perciba a totalidade das pagas extras do ano 2021. A tesorería da Xunta de Galiza ten que estar a rebentar; róubanos un mes de paga extra xa devengada, afórrase a cotización por desemprego de todo o persoal laboral funcionarizado, non recupera o fondo de Acción Social, non paga o grao II extraordinario da carreira profesional, non convoca a carreira profesional ordinaria ...

Dende comezo deste mes de decembro a incidencia da COVID na Galiza ten aumentado de maneira exponencial chegando hoxe a sobrepasar a barreira dos 27.000 contaxios diarios con unha incidencia total de máis de 2.300 persoas contaxiadas e máis de 1.000 casos por cen mil habitantes (a recomendación da OMS está en 50 casos) e cunha situación insostible nos centros sanitarios.

Aínda que a vacinación masiva, o uso de máscaras e a redución da interacción social é importante o feito e que os contaxios están aumentando en gran número.

Porén, a pesar da recomendación do presidente Alberto Nuñez Feijoo de limitar a interacción social, a Administración da Xunta move cada día miles de traballadores e traballadoras públicos que usan os transportes colectivos de viaxeiros, e que conviven nos grandes centros administrativos. E lembremos que a día de hoxe hai unidades co 100% do persoal en activo sen sequera teletraballo ordinario.

As administracións autonómicas de Cataluña e o Pais Vasco, así como a propia Administración do Estado están implementando medidas de teletraballo con motivacións sanitarias antipandemia; e mesmo Portugal decretou un teletraballo masivo entre todo o seu persoal público. Tamén o Presidente do Goberno do estado español recomenda un teletraballo do 100% nos funcionarios das administracións para baixar a incidencia pandémica.

Todo isto nos leva á CIG a solicitar que consonte ao artigo 12 do Acordo sobre prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza se implemente o Réxime especial de teletraballo obrigatorio pola a actual situación sanitaria.

E tamén que se convoque á Comisión de Seguimento para o análise e control da duración deste réxime especial, se inste ás consellerías á revisión das medidas preventivas fronte a COVID nos centros de traballo e se dote ao persoal dos EPIS adecuados así como dunha dotación de máscaras, xa que a última entrega se fixo hai mais de seis meses e a sua vida útil xa está mais que rematada.

A Xunta segue sen tomar en serio a elaboración do I Plan de Igualdade

O director xeral de Función Pública realizou o 21 de decembro unha comisión para a elaboración do I Plan de Igualdade na Administración Xeral da Xunta de Galiza sen convocar á CIG. Si estiveron convocadas o resto das organizacións sindicais: CCOO, UGT e CSIF. Coidamos que esta actuación só responde ao intento de boicot da multitude de propostas que se presentaron por parte da CIG co fin de mellorar o funcionamento e de recadar maiores datos para a elaboración do Plan.

O 23 de decembro cumpriuse un ano da nova constitución da Comisión negociadora do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza; prazo máximo que a lei dá para ter negociado, elaborado, implantado e comunicado ao Rexistro o Plan de Igualdade. E aquí seguimos, tentando aprobar o Regulamento de Funcionamento da Comisión e acordar que datos deben de ser recollidos para poder efectuar unha Diagnose que sexa efectiva, e non un calote da Administración para dar por concluída unha obriga legal e contar cun Plan de Igualdade floreiro.

A Administración segue sen tomar en serio o Plan de Igualdade e adía reunións, modifica os seus propios documentos ou non cumpre co primeiro paso de todo Plan de Igualdade: a elaboración dun documento oficial que recolla o COMPROMISO oficial de levar a cabo accións positivas de Igualdade de trato e de oportunidades na empresa, de implantar o Plan na estrutura, e de dotalo dos medios materiais e humanos necesarios para levalo a cabo. E facer público e notorio este compromiso como manifestación positiva da súa firme intención de aprobalo e implantalo na Xunta de Galiza.

Pero o que resulta intolerable é que se incumpran os dereitos de representación e participación recoñecidos nas normas fundamentais e que non se convoque á CIG á reunión da Comisión Negociadora do día 21 de decembro, e que Función Pública siga adiante con esa Comisión co resto de sindicatos deixando fóra ao sindicato maioritario na Administración Galega, pretendendo que nos incorporáramos á reunión á última hora,: tarde, mal e sen xeito, incumprindo o respecto e a boa fe que deben rexer toda negociación, (nin a orde do día enviaron).

Non sabemos a qué ven esta forma de proceder do director xeral da Función Pública, e se é que pretende deixar fóra da Mesa de Negociación do Plan de Igualdade á CIG, para que lle sexa máis fácil aprobar calquera cousa; ou se o DXFP comeza a estar un pouco empachado do seu poder incontestable. No caso da primeira opción, manifestamos que nunca daremos por válida a prepotencia e seguiremos loitando porque se respecten os dereitos do persoal e se fora o segundo, é moi fácil Sr. director xeral, mude de retos político-laborais, porque a rutina crea hábitos incompatibles co exercicio democrático das responsabilidades.

Xa lle solicitamos a Función Pública unha nova reunión urxente do Plan de Igualdade, porque a celebrada sen convocar á CIG non é válida, e así será denunciado de non atender esta petición. Queremos contar cun verdadeiro Plan de Igualdade de trato e de oportunidades para todo o persoal sen demoras, pero sen atallos, e que a Igualdade nesta Administración sexa un compromiso claro e firme e se constitúa, de agora en diante, no alicerce de todas as relacións laborais, e non sexa só unha obriga legal.

Tras o Informe de Fiscalización de Gastos de persoal da Administración Xeral durante os exercicios 2014 e 2019 do Consello de Contas, onde conclúe que se cometeron numerosas irregularidades na xestión do persoal da Xunta de Galiza, as xuntas de persoal funcionario analizaron o seu contido que ven de ratificar o que veñen denunciando nos últimos dez anos. Así elaboran un manifesto que dirixen ao conselleiro de Facenda e Administracións Públicas no que se trasladan as eivas, solicitan o cese do director xeral de Función Pública e se propoñen solucións como:

● Convocar e resolver os concursos de traslados en tempo e forma. Hai escalas que levan máis de 8 anos sen concurso ou o concurso específico que nunca se convocou.
● Regular a convocatoria, organización e xestión dos procesos selectivos creando unha comisión profesional, tal como acontece na Administración Xeral do Estado español.
● Aprobar un novo decreto de provisión de libres designacións e comisións de servizo, baseado na publicidade e transparencia, no mérito e na concorrencia.
● Promover a aprobación e estruturación axeitada de todas as relacións de postos de traballo.
● Cumprir cos compromisos na carreira profesional.
● Manter unha cultura do diálogo nas mesas de negociación e non un pulso de “ou o tomas ou o deixas”.
● Dotar a Función Pública dos medios persoais, materiais e tecnolóxicos que poidan manter unha xestión de persoal eficaz, racional e moderna.

 

MANIFESTO DAS XUNTAS DE PERSOAL FUNCIONARIO DA XUNTA DE GALIZA NOS SERVIZOS CENTRAIS, A CORUÑA, LUGO, OURENSE E PONTEVEDRA

ANTE AS DECLARACIÓNS DO GOBERNO GALEGO SOBRE A XESTIÓN DA FUNCIÓN PÚBLICA GALEGA, AS CINCO XUNTAS DE PERSOAL DA XUNTA DE GALIZA APOIAN O SEGUINTE MANIFESTO:

Ben é sabido que a xestión do persoal na Xunta de Galiza é unha desfeita marcada pola ineficacia, a improvisación e a incoherencia. Isto non é só unha apreciación da inmensa maioría das empregadas e dos empregados públicos e das persoas que as representan, tanto a nivel sindical como a través das xuntas de persoal, senón que ata o principal órgano de fiscalización externa da actividade da Administración da Xunta de Galiza: o Consello de Contas, o pon de manifesto no Informe de Fiscalización de Gastos de Persoal da Administración Xeral-Exercicios 2014-2019. Informe demoledor, cuxa lectura recoméndase, ao que pódese acceder enlace de pé de páxina.

A simple lectura das “CONCLUSIÓNS” contidas no dito informe, evidencia as carencias e irregularidades da política de xestión do persoal da Xunta de Galiza. Así, entre outros, nas ditas conclusións dinse cousas que levamos reclamando e criticando dende hai anos, e que se substancian entre outras en:

2.2. Non resulta posible determinar con precisión os efectivos reais da Administración e das entidades instrumentais.

2.8. As ofertas de emprego público carecen das orientacións e criterios estratéxicos seguidos para esa programación.

2.10. Existe unha excesiva prolongación na duración dos procesos selectivos de acceso ao emprego público.

2.13. Existe un elevado número de persoal declarado indefinido non fixo por sentenzas xudiciais (1.462 empregados), cun incremento relevante respecto da mesma data do exercicio anterior (1.060 no 2018).

2.14. O sistema de provisión de postos por concurso non está funcionando adecuadamente como forma regular de provisión dos postos de funcionarios. “E o mesmo fala do concurso específico”

2.15. Na provisión de postos en comisión de servizos non consta unha motivación adecuada da designación do candidato seleccionado nin a publicación das adxudicacións das prazas convocadas.


É evidente que a nefasta xestión, en materia de persoal da Xunta de Galiza, ten como máximos e principais responsables ao seu Presidente: o Sr. Feijoo e ao Sr. Barreiro, director xeral da Función Pública. O Sr. Corgos aínda non tivo seguramente tempo para poder analizar e dixerir tamaña desfeita. Xestión que non so dana directamente ao persoal da Xunta, o que xa de por si é moi grave, senón á cidadanía á que a Administración debe servir, o que aínda é peor.

Pero o Goberno galego no canto de recoñecer esas problemáticas e poñerlle remedio, poñendo á fronte da xestión da Función Pública a alguén coa sensibilidade e coas capacidades suficientes para elo, e proporcionándolle medios persoais e materiais necesarios, actúa coma unha lura. Así, para distraer ao estrado (persoal da Administración e cidadanía en xeral), acode á tinta da prensa, alegando que a culpa téñena os sindicatos e que todo se reduce a que nos procesos selectivos a tardanza achácase a que nas negociacións coas organizacións sindicais sempre se acorda un período de 6 meses entre a convocatoria e o primeiro exame.

Tendo en conta que Función Publica está na actualidade coa realización dos procesos convocados hai 3, 4 ou 5 anos non hai moito que falar da xestión de este órgano.

Podemos tamén matizar que o período de 6 meses non é un período imposto polas organizacións sindicais , é un período de mínimos para garantir que haxa un tempo prudencial entre a convocatoria e o primeiro exame, pero, que para nada xustifica os retrasos de anos que están a acontecer en varias convocatorias.

Haberá que fixarse máis na tan denostada por vostedes Administración central, onde se fan procesos selectivos e concursos anuais, xestionados por comisións de selección profesionais. Pero iso non interesa, aquí séguese a manter unha estrutura do século dezanove con cargos incapaces de cumprir prazos e procesos.

Señor Feijoo, a culpa é súa e de quen fai anos, demasiados anos, xestiona as políticas de persoal da Xunta de Galiza. Como antigo sindicalista, debe saber que as persoas que representan ás traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza, a través das diferentes organizacións sindicais, son as primeiras interesadas en que a política de persoal sexa eficiente, xusta e racional, cousa que nestes momentos e dende fai moito tempo, desgraciadamente, non o é.

As Xuntas de Persoal da Xunta de Galiza, lexítimas representantes do persoal funcionario,pulan por que se poña a traballar, deixe de acudir á prensa para distraer ao público, contando as súas mentiras ou medias verdades, e elixa uha persoa para dirixir a función pública galega que sexa quen de facer ben o traballo que ten encomendado, por exemplo:


• Sexa quen de convocar e resolver os concursos de traslados en tempo e forma, tanto de persoal funcionario como laboral. Por poñer un exemplo, hai categorías que levan máis de 8 anos sen concurso ou o concurso especifico famoso nunca se convocou, e este ritmo nunca se convocará.

• Regule a convocatoria, organización e xestión dos procesos selectivos para evitar o galimatías que existe hoxe en día, creando unha comisión profesional de procesos selectivos, tal como acontece no Estado

• Aprobe dunha vez un novo decreto de provisión de libres designacións e comisións de servizo, baseado na transparencia, no mérito e na concorrencia xusta.

• Promova a aprobación e estruturación axeitada de todas as relacións de postos de traballo.

• Cumpra cos seus compromisos na Carreira profesional, mantendo e mellorando a mesma, e non como está agora totalmente paralizada.

• Manteña unha cultura do diálogo nas mesas de negociación e non un pulso de “ou o tomas ou o deixas”.

• E como corolario que dote á propia Función Pública dos medios persoais, materiais e tecnolóxicos que poidan manter unha xestión de persoal eficaz, racional e moderna.

Na semana do 20 de decembro convocóusenos a unha mesa xeral e a unha comisión de persoal extraordinaria para aprobar a OEP extraordinaria de 2021.

A Xunta se ampara en que o Real Decreto 14/2021, o "Icetazo", habilita as administracións a convocar como taxa adicional para a estabilización de emprego unha oferta extraodinaria.

Aínda que o EBEP e a LEPG establecen que son obxecto de negociación "as normas que fixen os criterios xerais en materia de acceso..." como é o caso dunha OEP, a Xunta NON trae a negociar esa norma senon só os "criterios". E obvia que xunto cos criterios o fundamental é saber que prazas se van convocar, de que corpos, escalas ou categoría, cal é o total de prazas e a súa distribución. E tamén si vai haber quenda de promoción interna (no caso de prazas de categorías de persoal laboral é obrigatorio contemplar isto recollido polo V Convenio).

O único que pon enriba da mesa e o criterio de que serán por concurso-oposición podendo mudar este sistema de acceso se cambia a normativa básica que se está a debatir no Senado, sen aportar nada máis e algún comentario vago sobre que serán prazas de entes e as que queden desertas dalgúns procesos selectivos que aínda non están rematados pero que saben que hai menos aspirantes aprobados que prazas

Polo tanto a OEP extraodinaria non é nin oferta, nin de emprego, porque non se sabe que se vai convocar e queda simplemente en extraordinaria tomadura de pelo.

O 14 de decembro de 2021 tivo lugar unha xuntanza ordinaria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Emprego e Igualdade para tratar varias avaliacións de riscos laborais, o Plan de Formación para o ano 2022, a siniestrabilidade laboral e os sistemas de aire acondicionado.

Despois de que na última reunión do CSSL da consellería (24-11-2021) forzásemos a convocatoria dunha nova xuntanza máis executiva antes de fin de ano, avanzamos varias cuestións do funcionamento ordinario deste comité, como as propostas preventivas e a revisión das condicións dos centros de traballo das que destacamos:

  • Aprobouse que se programe para o 2022, un curso de formación presencial de “Cadros directivos para a prevención do burnout nos empregados públicos” dirixido os directores das OE, xefes de servizo e unidade, para evitar o estrés e mellorar o clima laboral dos centros de traballo. Con esta acción formativa preténdese prever e procurar xestionar o queime do persoal como sucede nas oficinas de emprego, onde a saturación de carga de traballo e os problemas de xestión do persoal viuse agravada pola situación actual da pandemia do COVID.

 

  • Gracias a iniciativa da CIG, modificouse a redacción do regulamento de funcionamento do comité para que quedasen claras as competencias da presidencia e secretaría, e evitar a súa paralización por desidia da administración. Ademais obrigamos a publicar os acordos de interese xeral do Comité para informar e facer partícipe ao persoal da consellería nas accións que se desenvolvan.

 

  • Logramos que os xefes territoriais se puxeran as pilas e revisaran os sistemas de aire acondicionado de todas as oficinas de emprego do noso país, poñendo no taboleiro de anuncios do persoal o parte de revisión dos mesmos para que puideran ser consultados.

 

  • Ademais revisáronse polo miúdo varios centros onde se deu conta por parte das xefaturas do estado de execución das medidas descritas nos Plans de Acción das correspondentes avaliacións de riscos laborais e achegamos correccións a eivas destes documentos e tamén dos centros.

 

  • Por outro lado a Xunta segue a actuar como se a COVID non existise: non subministra datos de incidencia da mesma no persoal da consellería, non permite o teletraballo nas oficinas de emprego nas funcións compatibles e así poder baixar a carga e a presencia do persoal. Estase a empregar a cita previa, polo que pódese organizar o traballo para reducir a presencia física nos centros.

 

Os delegados e delegadas de prevención da CIG loitamos pola mellora das condicións de traballo nas que a seguridade e saúde é fundamental. Para poder facelo contamos coa túa participación. Denuncia, informa, require, propón e achega aquí co asunto: CIG CSSL Emprego e Igualdade.

 

 

Concerto Sanitario coas entidades privadas

  • O cambio ordinario de entidades polos mutualistas so se poderá facer no mes de xaneiro non queren abrir máis prazo.
  • Inclúense na carteira de servizos a reprodución humana asistida para mulleres sen parella, persoas transexuais que conservan a capacidade de xestar e mulleres lesbianas.
  • As entidades privadas asumirán prestacións derivadas da COVID, máis ábrese a posibilidade de que os servizos públicos de saúde paguen a estas entidades estes servizos.
  • Desde a CIG, denunciamos o incremento dos orzamentos dos concertos con estas entidades privadas en porcentaxes tal elevadas (desde o 4,1 % para o 2022 ao 10 % no 2024) cando estas empresas está reducindo os cadros médicos en varias especialidades, con listas de agarda para consultas e probas diagnósticas (como sucede con neuroloxía, dermatoloxía...) e mesmo con axendas pechadas sen data de novas citas. Mostramos que as partidas orzamentarias dedicadas por MUFACE a ofrecer asistencia non son inferiores ao custo dos servizos prestados pola sanidade pública tal e como veñen reiterando os medios de comunicación. Asi analizamos o orzamento do 2022: as entidades privadas van percibir 1.169.863.030 euros para a atención sanitaria do 76,31 % da totalidade de mutualistas e beneficiarios que escolleron a opción privada, isto é, para 1.132.378 persoas = 1.033 euros / persoa. A isto hai que engadir tamén o 76,31 % da partida orzamentaria dedicada á atención farmacéutica (307.529.300 de euros / 1.132.378 persoas) = 271,57 euros / persoa. 1.033 euros + 271,57 = 1.304,57 euros per cápita ao ano. O gasto medio anual da sanidade pública dos servizos autonómicos é de 1.486 euros por persoa.

Poxa de bens patrimoniais de MUFACE

Vanse por a poxa diversos bens inmóbeis de MUFACE. A CIG denunciamos que algúns nos parecían infravalorados na taxación que realizara a mutualidade. En concreto, manifestamos que unha casa unifamiliar situada en zona ben situada en Madrid, para a que se propuxo como taxación a cantidade de 2.140.994€, parecía moi reducida esa valoración. O caso é que este ben inmóbel foi adxudicado en 7.226.000 de euros, cinco millóns máis do taxado por MUFACE.

Os ingresos totais de MUFACE por estas adxudicacións e o seu destino é o seguinte:

  • Importe total da poxa: 14.338.879,2euros.
  • Importe Fondo destinado a novas sedes: 10.296.070,7 euros.
  • Importe Fondo especial: 4.042.808,5euros.

Traslado de oficinas delegadas

Infórmasenos de que existen oficinas actualmente inaccesíbeis que requiren unha nova localización pola imposibilidade de realizar traslados ou obras en Málaga, Toledo, Cantabria, Ourense e Ceuta.

Información sobre OPA de Vigo

OPA (Oficina de Prestacións Automatizadas). Crearase en Vigo a primeira das dez OPAs proxectadas. Situada na Zona Franca, tamén albergará este edificio, en aluguer, a actual Oficina Delegada de Muface en Vigo. Esta OPA realizará tan só tramitación electrónica e comezará a funcionar en xaneiro próximo. Dotada inicialmente con cinco persoas da totalidade de 20, que está previsto cubrir progresivamente até 2024. A estas cinco prazas sumaranse as actuais tres da Oficina Delegada. A introdución destas OPAs constitúen un claro caso de deslocalización do traballo. Así desde Vigo vanse atender os expedientes dos Servizos Provinciais de MUFACE máis saturados (Barcelona, ​Sevilla, Madrid, Málaga e Valencia).

Desde a CIG formulamos as nosas prevencións e reservas sobre a introdución destas oficinas automatizadas polo que trae consigo redución de cadros de persoal e afastamento da Administración cos administrados, obrigados a manter relacións telemáticamente cos problemas que poden ter determinados colectivos de mutualistas que, pola súa idade ou pola descoñecementos informáticos, non se vallan por si mesmos no emprego destes medios. Seguiremos vixiantes os cadros de persoal para comprobar se estas oficinas supoñen recortes de postos de traballo.

Nova versión da APP

Están introducindo actualizacións consistentes en novo deseño, renovación tecnolóxica adaptándoa ás versións dos sistemas operativos... O/as usuario/as poderán rexistrarse directamente desde a app e non desde a sede electrónica como sucedía antes, coa posibilidade de solicitar cita previa, prestacións dentarias e oculares.

Execución orzamentaria e PXE 2022

Ao peche do exercicio 2020, o remanente era de 187,33 millóns de euros; mentres que ao peche do exercicio 2019 esta magnitude situábase en 200,68 millóns de euros. Estímase que a finais do presente ano o remanente estará ao redor de 137,10 millóns de euros.

Entrégasenos unha folla cos datos resumidos do orzamento de MUFACE no Proxecto de Orzamentos do Estado. Ascende a 1.905.793.890 euros, dos que a maior partida corresponde aos concertos sanitarios coas entidades privadas (1.169.863.030 euros), que representa un incremento do 4,51 por cento con respecto ao do ano 2020.

Un ano máis reuniuse o Comité de Seguridade e Saúde Laboral do Intercentros para tratar o programa de avaliación de riscos do vindeiro ano. E outro ano máis constatamos que queda un longo camiño por percorrer. As cuestións plantexadas poden resumirse nos seguintes puntos:

  • A meirande parte das avaliacións de centros que se van a realizar en 2022 son motivadas porque estes levan 10 anos sen avaliar (na provincia de Lugo todas atenden a esta motivación).

  • A solicitude de implantación de medidas de emerxencia por parte dos responsables dos centros é residual (na provincia da Coruña non se fixo ningunha solicitude).

  • Nesta xuntanza manifestamos os problemas que xurdiron en Vigo coas probas complementarias para mulleres, xa que non se realizaban tódalas probas incluidas e que din que van comprobar este feito.

  • Con respecto á formación impartida en materia de riscos laborais, valoramos positivamente a formación relacionada cos riscos psicosociais. Pero consideramos que certos cursos non teñen a duración suficiente para ser unha formación axeitada e de calidade (tal e coma por exemplo o Curso Xestión de agresións e resolución de conflitos nos centros asistidos da Xunta de 2,5 horas de duración).

  • No tocante á investigación de accidentes laborais, non hai ningunha novidade e seguen a empregarse os mesmos criterios á hora de realizala.

  • Atendendo á nosa petición, instaron aos CSSL para que se reuniran. Mención aparte merece o CSSL de Cultura que inda non o fixo (di que llo voltaran a requirir).

  • Ademáis de todo isto, dende a CIG insistimos en que entreguen máscaras FPP2 para as traballadoras das escolas infantís de cero a tres anos e os centros de maiores, pero optaron pola calada por resposta, ignorando unha vez máis a sentenza do TSXG que lle daba a razón a unha denuncia da CIG e seguindo co recurso no Tribunal Supremo.

  • E xa para rematar preguntamos qué pasa co número de contaxios nos centros escolares e os pais que teñen que coidar dos cativos cando están confinados que non poden teletraballar. Cal é a solución a esta cuestión? Segundo a presidenta do CSSL este non é un suposto de deber inexcusable por conciliación. É o mesmo caso que cando tes un fillo con gripe, tes que buscarte a vida ou tirar de días de asuntos propios.

Educación busca regularizar os centos de postos agochados de persoal non docente nos centros educativos cun paripé de negociación e cargándose 44 prazas

A CIG denuncia que dende hai varios anos a Consellería de Educación seguiu un proceso precario e, como mínimo, escuro, na contratación de persoal non docente que pretende resolver neste ano a través dunha pseudo-negociación para a regularización en RPT de 370 postos de traballo que a consellería mantivo agochados durante anos (algún mesmo dende o ano 2012). Nesta modificación tamén aproveitan para amortizar 44 postos de traballo.

Por que denunciamos que a contratación é en precario e un proceso oscuro? Pois moi sinxelo. A contratación é en precario porque todo o persoal contratado dende hai anos, en moitos casos tería dereito a cobrar os pluses que os seus compañeiros/as que están en códigos de RPT teñen recoñecidos, pero a consellería non llos paga por ese mesmo motivo, por non estar incluídos na RPT.

Mediante este proceso escurantista de contratación no que estiveron agochados os postos de traballo producíronse dúas situacións ilegais:

  • Os postos non foron incluidos nas distintas OEP.
  • Froito diso, tampouco foron ofertados aos traballadoras/es laborais fixos nin en concursos de traslados nin en adscricións provisionais.

Se a situación non fora xa extremadamente grave, con este proceder a consellería de Educación conseguirá tamén que moitos dos traballadores/as laborais temporais que ocupan esas prazas e que levan máis de 3 anos nelas, poidan chegar a ser declarados persoal indefinido non fixo.

A CIG esixe responsabilidades

Quen se vai responsabilizar nominalmente de todas estas tropelías?. Dimitirá o director xeral de Centros e Recursos Humanos?. Cesarán ao subdirector xeral de Recursos Humanos (que leva no posto dende o ano 2007 e ten coñecemento sobrado do que aquí se denuncia)? Dimitirá o director xeral da Función Pública por ser o responsable máximo do control do persoal da Xunta de Galicia? Ou dimitirá o conselleiro? Na CIG estamos seguros de que nin vai dimitir ninguén, nin van sancionar a ninguén

A CIG non merca este peixe

O que pretenden é vendernos que aceptan a inclusión das prazas “creadas” neste curso 2021-2022 (na primeira proposta que nos achegaron non aparecían eses postos de traballo ocultos) e para “contentarnos” amplían seis medias xornadas a xornada completa e crean unha máis de persoal limpador e dúas de axudante/a de cociña máis en todo o país.
Isto supón a regularización de 370 prazas e a amortización doutras 44, cando o que realmente sucede é que as tiveron agochadas dende polo menos hai case seis anos cos prexuízos que eso lle supón as traballadoras e traballadores, como xa explicamos.

Como CIG solicitamos toda a documentación necesaria para analizar e, de ser o caso, avaliar as responsabilidades que se poidan esixir, vía negocial ou incluso vía xudicial, se así o consideraramos necesario, pero na segunda e última xuntanza do venres 17 de decembro acusáronnos literalmente de pedir moita documentación. Xa nos advertiron que parte da documentación solicitada directamente non nola van dar e a que din que si... que a porán á nosa disposición. Mais segundo a consellería, a documentación solicitada non inflúe nesta modificación, polo que non a achegan nin na propia mesa, polo que poñemos en dúbida que efectivamente se nos facilite.

Non aceptan ningunha das nosas alegacións como o abono de atrasos ó persoal que non cobrou os pluses, o abono de oficio das diferenzas salariais ao persoal de cociña, o plus de perigosidade nos CEE, as compensacións das itinerancias, a realización das avaliacións de riscos laborais en todos os postos de traballo... A consellería nen sequera contempla a posibilidade da apertura dunha mesa de negociación de ratios de limpeza e cociña, que entendemos como a única solución posible para a mellora das condicións de traballo deste persoal.

A CIG esixe que se manteñan os contratos de reforzos pola COVID

Por outra banda, o vindeiro día 22 de decembro rematan os contratos do persoal de reforzo de limpeza, que lembremos foi o único reforzo que a consellería admitiu para o persoal non docente nestes tempos de pandemia, a pesares de que a CIG solicitou en innumerables xuntanzas o reforzo tamén para o persoal de cociña. Pola parte da consellería a resposta foi sempre negativa. Diante do alto número de contaxios a día de hoxe nos centros de ensino, na última xuntanza a CIG volveu esixir o mantemento dos contratos de reforzo.

Toda esta desfeita preténdena facer co beneplácito sindical a través da “non negociación” levada a cabo. Pois xa lles adiantamos agora que a CIG non vai ser un monicreque nin na mesa de pseudonegociación nin fóra dela.

Emprego de máscaras FFP2

A CIG solicita a execución de maneira urxente da sentenza gañada sobre o emprego de máscaras FFP2, e a retirada do recurso de casación interposto pola Xunta para non ter que cumprila. Pídese o emprego de máscaras FFP2 en todas as situacións onde non é posible garantir a distancia de seguridade, ou en lugares pechados onde exista movemento de xente. Recórdaselles que as máscaras FFP2 teñen unha vida útil determinada e non se debe sobrepasar, como está a acontecer en varios centros.

Transmitirán as nosas peticións, pero de momento só teñen indicación do emprego deste tipo de máscaras en caso de estar ante un caso positivo de Covid-19 ou sospeitoso.

Como actuar ante un accidente de traballo ou enfermidade profesional

O servizo de prevención elaborou un informe cos pasos que debe seguir tanto o persoal como a empresa nestes casos, que unha vez se recollan as achegas presentadas neste comité, se difundirá polos centros de traballo, para tratar así de evitar que un accidente ou enfermidade laboral acabe como unha continxencia común por non saber como actuar.

Uniformidade Escolas Infantís CGSIB

Visto que está próximo a rematar o concurso actual de uniformidade, solicítase a participación dos/as delegados/as de prevención na vindeira adxudicación, ao que en principio non poñen obxección, pero non permiten modificacións a novas propostas ata entón.

Problemática xerada por persoal apto con restricións

Pídese reforzo do cadro de persoal para non xerar unha carga de traballo, ao que nos responden que esa solución no é viable, que ten difícil amaño, igual no que se debe incidir é na opción a unha segunda actividade como en outras consellerías. Proponse tamén a creación de grupos de traballo para xestionar con Función Pública estas adaptacións.

Traslado Xefatura Territorial de Política Social da Coruña

Está previsto o inicio a partir do 10 de xaneiro. Farase unha avaliación de riscos unha vez feito o traslado.

Avaliacións de riscos psicosociais no departamento de persoal do CGSIB

Pídese explicacións porque non se informou a este comité da realización deste estudio, e a escusa foi que fora o anterior comité quén solicitara estudio, pero a este tampouco o informaron, así que solicitamos información do proceso e que isto non volva acontecer. Acordouse que a partir de agora o CGSIB debía comunicar aos membros deste comité todas as visitas de avaliación que fixese nos centros e os estudios psicosociais.

Estudios psicosociais pendentes

Contan empezar a segunda quincena do mes de xaneiro cos estudios psicosociais que se acordaran no pleno celebrado en xullo, así como facer as revisións de algunhas avaliacións que xa están feitas.

Condutas violentas en centros residenciais

Nos últimos anos, están a ingresar nos centros pertencentes a consellería, usuarios con problemática psiquiátrica que non entran dentro do perfil de residentes para o que estamos dotados/preparados, o que está ocasionando graves prexuízos tanto para o persoal como para os demais usuarios. Isto xa se transmitira noutros plenos, pero segue sen dar solución.

Tratarán de falar co Sergas para que as visitas do psiquiatra sexan máis frecuentes y que faciliten formación e pautas de actuación en situacións de urxencia por agresións.

Estado obras no chan da RM Oleiros e da RM Volta do Castro

Informa a Subdirección de Contratación que na RM de Volta do Castro comezaron amañando unha zona para ver o resultado e visto que son os esperados continuarán coas seguintes fases, o mesmo acontece na RM de Oleiros, onde se iniciou por unha planta, pero seguirase coas seguintes.

Preparación de medicación en quenda de noite na RM de Caranza

Esta tarefa está a ocasionar moita queixa entre o persoal, xa que a esas horas é máis difícil a concentración para facelo correctamente, o traballo é moi repetitivo, a iluminación non é a axeitada, e moitos outros factores que se suman. Esta é unha queixa que se transmite desde moitos outros centros da consellería. O servizo de prevención fará un estudio específico sobre esta problemática e as posibles consecuencias.

E.I. O Ventorrillo e E.I. Sta Mª de Oza

Na E.I. O Ventorrillo están encargados dous cambiadores que están pendentes de entregar e instalar e na E.I. Santa Mª de Oza hai unha serie de deficiencias nun local habilitado para vestiario, no mal uso que se está facendo da saída de emerxencia e carros de limpeza pouco axeitados, comprometéndose a Administración a revisar e solucionar todas estas deficiencias e o servizo de prevención a facer unha nova avaliación de riscos se o consideran preciso.

Seguiremos pelexando pola mellora da seguridade e saúde laboral nos nosos centros de traballo.

Outras novas recentes

Luns, 16 Decembro 2024

Proposta de Acordo para a correcta finalización de determinados procesos de estabilización (SPIF) (borrador 16/12/24)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos unha proposta de acordo relacionado coa terminación dos procesos selectivos de estabilización para as distintas clases e escalas do servizo de incendios. O asunto ven motivado polo feito de que houbo un cambio de criterios en canto á baremación da experiencia do persoal fixo-descontinuo. Con...
Mércores, 18 Decembro 2024

Convocatoria do Consello Reitor da EGAP (26/12/24)

O 17 de decembro recibimos a convocatoria da EGAP para asistir ao Consello Reitor, que este ano se estableceu o 26 de decembro de 2024. Como é habitual na EGAP, a convocatoria non se remite coa documentación a tratar na xuntanza (a secretaria da EGAP indica que se enviará en "datas próximas"), quizais coa expectativa de que a leamos por Noiteboa ou Nadal... Entre os puntos...
Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...