- Detalles
Dende a CIG-Administración Autonómica denunciamos a decisión da Xunta e máis do Consorcio de suprimir as horas de programación e titorías de escolas infantís
Esta medida supón un novo atentado contra os servizos públicos que afecta á calidade do servizo ao eliminar a programación educativa, as xuntanzas coas familias, a preparación dos materiais e as avaliacións de resultados que resultan vitais para o desenvolvemento educativo das crianzas de 0 a 3 anos.
Na CIG-Administración Autonómica consideramos que eliminar estas actividades de máxima importancia na educación converte un servizo público integral e educativo nun servizo asistencial de menor calidade. Neste sentido, preguntámonos en que se vai diferenciar unha escola infantil da Xunta dunha gardería. Semella que a pretensión é convertir as escolas infantís en lugares onde aparcar as crianzas na vez de ter un tempo de desenvolvemento educativo propio e adaptado á súa idade e a cada cativo/a.
A intención da Xunta é clara: deteriorar os servizos públicos para evitar as diferencias cualitativas cos privados e así desmantelar pouco a pouco a xestión 100% pública e de calidade. Isto engadido a que cada escola pública nova que se abre se fai con xestión privada.
Incumprimento da legalidade
As tarefas eliminadas pola Xunta e o Consorcio de Igualdade e Benestar de programación e atención educativa están recollidas na lexislación de aplicación (Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia; Real Decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil).
Até o de agora, case un 6% da xornada laboral non era de atención directa ás crianzas e se ocupaba para elaborar programacións, atender as familias, avaliar, deseñar ambientes de aprendizaxe, preparar materiais... tal como recolle o Regulamento de Réxime Interior das escolas infantís. Pero nestes momentos se as traballadoras queren manter a calidade do servizo terán que facelo no tempo libre, na casa ou no centro despois da xornada laboral. Nese senso, as instrucións da Dirección da Axencia e Xerencia do Consorcio son claras, nada de proxecto educativo, só tempo de atención directa asistencial dentro da xornada laboral.
O empeño da Xunta de Galiza de acabar co proxecto educativo das escolas infantís vén de lonxe e até de agora pouco a pouco, de vagar para que non se note tanto. Primeiro acabou cos tempos de programación nas escolas infantís da Axencia. Coas escolas infantís do Consorcio comezou retirando os tempos e a oferta de formación do persoal no 2017, que preparaba profesionais na vangarda na atención educativa as crianzas.
Hai menos dun ano, en abril de 2023, retiraron a páxina escolasinfantisdegalicia.net, que conectaba a todas as escolas da rede e que era unha ferramenta imprescindible para o traballo colaborativo dos centros. Os blogues permitían ás escolas o traballo en equipo do profesorado, o traballo colaborativo entre escolas, o intercambio de información coas familias, potenciaba a relación familia/escola, favorecía a reflexión pedagóxica e a avaliación do traballo desenvolvido... A páxina, ademais, aloxaba outros contidos de moito interese para a formación do persoal, como artigos de análise e innovación pedagóxica.
Igualan á baixa os servizos públicos coa oferta privada
O que pretenden a Xunta e o Consorcio é igualar á baixa os servizos públicos coa oferta privada como paso previo á venda e desmantelamento dos servizo públicos, e para que se escolla a privada antes que a pública unha vez ambas son gratuítas, a única forma é igualalas pola baixa.
As traballadoras das escolas infantís públicas están en pé de guerra contra o deterioro do servizo e se suceden cartas de queixa. Non lles deixan facer o seu traballo como profesionais educativas. Dende a CIG denunciamos esta situación e lembramos que a sociedade galega non pode ir un paso atrás e permitir máis deterioro dos servizos públicos. As nosas cativas merecen unha atención integral neste tramo educativo. Non podemos limitarnos a gardar nenos e nenas e que acaben co proxecto educativo público das escolas infantís.
- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública achegounos os borradores dos concursos de traslados de: A) Corpos xerais; B) Escalas de enxeñarías, enxeñarías técnicas, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias.
Os sindicatos temos prazo para alegar ata o mércores 7 de febreiro (na comunicación inicial falaban do xoves 8). Se é do teu interese, contacta coa CIG.
Estes dous concursos son similares aos que están a saír para gardacostas, consumo, incendios, etc. Hai un cambio: incorporan para ofertar en resultas como potenciais vacantes os postos ocupados por motivos de saúde.
Non temos previsión de datas, nin para a negociación nin para a súa aprobación e convocatoria. Pero no horizonte está o día 31/12/2024, data na que por imposición legal teñen que estar rematados os procesos selectivos da Lei 20/2021.
En canto teñamos a relación de postos farémolos públicos para a súa revisión.
- Detalles
Na Comisión de Persoal do venres 2 de febreiro quedaron aprobadas as bases dos concursos de traslados das escalas de gardacostas e de consumo, co voto a favor de CIG, abstención de CCOO e UGT, e voto en contra de CSIF. O motivo fundamental do voto favorable da CIG é que se convocaron todos os postos vacantes existentes na RPT.
No caso de gardacostas, tiñamos información de dous postos de subinspector/a, nivel 16 en servizos centrais, que supostamente estaban vacantes e non ofertaban, pero resulta que as persoas titulares teñen dereito a reserva dos postos durante dous anos, polo que non son vacantes por agora e non se poden ofertar.
No caso de consumo, o IGCC pretendía amortizar 6 postos vacantes, polo que os retiraban do concurso. Finalmente deixaron sin efecto a pretensión do IGCC e todos os postos vacantes van ser ofertados.
Respecto dos postos de segunda actividade de gardacostas, Función Pública e a Consellería do Mar dan garantías de que non existirá perda de retribucións (Decreto 136/2017, artigo 38).
- Detalles
Segue aberta a mesa de negociación para o Acordo de condicións laborais para o persoal do SPIF, que polo de agora a CIG considera insuficiente e que exclúe ao persoal laboral.
O 1 de febreiro de 2024, tivemos unha nova xuntanza coa Consellería de Medio Rural para negociar o Acordo. Aínda que houbo cambios con respecto á última proposta de borrador, para nós segue sendo insuficiente con falta de regulación en cuestións básicas tales coma as quendas.
Pero o problema mais destacado é que o texto que nos presentan deixa fora ao persoal laboral, directamente a 985 compañeiros fixo-descontinuos e indirectamente queda no aire o persoal laboral que ocupa prazas de funcionario. Compre reconducir a situación é que se produza a negociación no ámbito adecuado na que estean todas as partes implicadas no V Convenio. Pretende a Xunta de Galiza ter persoal facendo o mesmo traballo e con condicións laborais distintas? E posible ter horarios, sistema de quendas, salario diferente nun mesmo servizo?.
A maiores diso cabe reflexionar sobre moitos elementos do acordo como:
- Que pasará cando un compañeiro que está a facer as quendas deste acordo sin a compensación economiza nin horaria o reclame no xulgado e lle apliquen en vez do Acordo o V Convenio?
- E ter distintos horarios e salarios para persoal fixo-descontinuo e o funcionario é unha irresponsabilidade que vai abocar ao caos ao servizo de incendios da Galiza e afondar na discriminación do colectivo de traballadores máis precarizados da consellería.
- Por outra parte deixa para regular máis adiante o complemento de nocturnidade ou a adaptación das quendas para o persoal das brigadas helitransportadas e centros con condicións especiais alongando o problema de indefinición actual.
- Mención especial merece o apartado económico: soben ás cantidades pero seguen a establecer diferenzas entre grupos por compensar domingos e festivos e… de verdade imos tardar 3 anos en cobrar o 100%?.
- As compensación de 5 días haberá que pegalas as vacacións que se poderán coller en grupos de 7 días efectivos de traballo, na CIG defendemos que sirvan de descanso real e repartilos para baixar os riscos laborais asociados a fatiga (como AP).
- E insistimos nun novo apartado para a negociación de funcións e organización dentro das quendas e horarios e tamén no traballo nos incendios que estamos pendentes de ver se aceptan cando envíen o último documento.
Valoramos a intención, aínda que tarde, da administración en recoller parte do Acordo Marco e Anexo de incendios proposto pola CIG en marzo 2022 para negociar este acordo. Non podemos dicir o mesmo do trifachito sindical CCOO-UGT-CSIF querendo por catro pesos, deixar fóra a parte dos/as compañeiros/as do ámbito deste acordo.
Así lembrámosche que comezamos unha negociación cunha proposta de ACORDO DE CONDICIÓNS LABORAIS para todo o persoal do SPIF e agora derivou a un ACORDO DE PERSOAL FUNCIONARIO que exclúe a mais da metade dos compañeiros e que é tan aberto e xeral para seguir de despachos coa comisión de seguimento.
AVISO IMPORTANTE
Mentres prosigan as negociacións de forma positiva, do calendario de mobilización, SUSPENDEMOS TEMPORALMENTE a concentración prevista para este martes 6 de febreiro pendentes de si por unha vez temos un BO ACORDO PARA TODO O PERSOAL
- Detalles
No DOG do 01/02/2024 publican a RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2024 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza.
É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galiza, agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consallería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; ao persoal dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.
A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galiza) ou do Opax (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza).
O prazo de inscrición rematará transcorridos 4 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.
- Detalles
A Administración enviounos unha proposta de Acordo de condicións de traballo (parcial) para o persoal bombeiro forestal funcionario do SPIF da consellería do Medio Rural. Ás portas das eleccións autonómicas entroulles a présa e teñen pretensión de rematar a negociación e aprobar a proposta nestes días. Descarga a proposta
Ante a necesidade urxente de tratar as cuestións descritas nesta proposta co persoal afectado, a CIG convoca unha asemblea telemática para podermos valorar a proposta todas e todos xuntos.
A asemblea comezará ás 18:00 h do mércores 31 de xaneiro, dende a seguinte ligazón:
https://forga.my.webex.com/forga.my/j.php?MTID=m26ea99a17f7c834e549e78e4d9193638
Número de reunión: 2363 985 5882
Contrasinal: 573Eu
Para asegurar a participación con respecto e responsabilidade de todos e todas, temos que seguir unhas normas básicas na videoconferencia.
- Identifícate co nome e o distrito, e procurar manter a cámara acesa
- Solicita a palabra para intervir
- Mantén o micro apagado cando non esteas no uso da palabra
- Respecta o uso da palabra e as opinión dos compañeiros e compañeiras
- Non graves nin deites os comentarios fóra da plataforma, respectar a intimidade e a liberdade de expresión
Se tes calquera problema ou cuestión sobre a conexión, non dubides en contactar cos delegados/as da CIG. Tamén temos ao teu dispor os locais da CIG para realizar a conexión.
- Detalles
No DOG do 30/01/2024 publican a RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.
Fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución, así como para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que se relacionan no anexo II.
As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de listas de contratación e no Servizo de Atención e Información á cidadanía, a través do teléfono 012.
As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.
As persoas solicitantes excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición
- Detalles
Na Mesa Sectorial de Funcionarios que terá lugar o 1 de febreiro de 2024 tratarase a modificación da RPT da consellería de Política Social e Xuventude derivada da aplicación do Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da consellería de Política Social e Xuventude.
Descargar a proposta. Se resulta do teu interese, contacta coa CIG.
- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública vén de convocarnos a unha Mesa Sectorial de Funcionarios que terá lugar o 1 de febreiro de 2024 na que se tratarán os borradores dos concursos ordinarios para a provisión de postos de traballo vacantes nas escalas do Servizo de Gardacostas de Galiza e nas escalas de Consumo.
Descarga a proposta do concurso de Gardacostas.
Descarga a proposta do concurso de Consumo.
Se resultan do teu interese, contacta coa CIG.
- Detalles
35 horas no 2024 XA para todo o persoal empregado público da Xunta de Galiza!!
As experiencias de redución de xornada laboral ao longo destes anos demostran que unhas xornadas acordes ao século XXI implican grandes beneficios, un mellor clima laboral e unha maior produtividade. Frente ao presentismo como idea do pasado, ábrese camiño outro modelo de entender a realidade laboral.
Na Administración da Xunta de Galiza hai varios sectores (SERGAS e persoal dos centros de Política Social) onde a xornada de 35 horas é xa unha realidade.
En varias administracións públicas do Estado español de distinta cor política sucede o mesmo con carácter universal para todo o seu persoal.
Noutros estados europeos a semana laboral de 4 días está a implantarse en varios ámbitos e con éxito, non só como ampliación de dereitos senón que repercute no incremento da produtividade.
A implantación da xornada de 35 horas do Acordo de persoal de centros de Política Social implicou de xeito directo a creación de máis de 120 postos de traballo e a conversión de postos de media xornada en xornada completa.
As vantaxes da redución de xornada na Xunta de galiza son claras:
- Favorece a creación de emprego público.
- Mellora a calidade asistencial e dos servizos públicos.
- Reduce os riscos laborais e o síndrome de burnout.
- Mellora a produtividade e reduce o absentismo.
- Favorece a conciliación do traballo coa vida persoal e familiar.
Solicitamos á Xunta de Galiza que implante con carácter inmediato as 35 horas de xornada semanal máxima para todo o persoal da Administración xeral (corpos xerais, especiais, escalas e categorías de persoal laboral).
Para o persoal que ten xornadas especiais, con fins de semana, quendas, nocturnidade ou xornada partida, solicitamos a aplicación directa da xornada máxima semanal de 32 horas xa que o tempo de noite ou rotado ten un peso maior na saúde das persoas traballadoras.
Ademais instamos á apertura dun proceso negociador para camiñar cara as 32 horas e á semana de catro días laborais con carácter ordinario.
Recollida de sinaturas
Estamos a recoller sinaturas coa xornada de 35 horas. Convidámoste a que o imprimas, asines e llo facilites a algún delegado ou delegada da CIG. Descargar.