Novas por contido

No DOG do 05/06/2023 publican a RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publican os requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 25 de novembro de 2022 polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza, para o persoal funcionario.

Publican a listaxe de solicitudes que deberán acreditar o cumprimento dalgún dos criterios de avaliación exixidos porque non consta a dita información no Rexistro Central de Persoal. Tal relación vén recollida no anexo I desta resolución.

Segundo os artigos 14 e 16 da Orde do 25 de novembro, os anteditos criterios de avaliación deberán cumprirse a 31.12.2021, polo que non serán válidos os cursos feitos con posterioridade a esa data. Tampouco serán válidos os cursos convocados, organizados ou impartidos por organismos que non estean especificamente indicados nos artigos 15 e 17 da antedita orde.

Cada mérito deberá acreditarse documentalmente segundo o indicado no anexo I da Orde do 25 de novembro.

A acreditación dos méritos descritos na letra a) Formación do dito anexo realizarase de xeito electrónico a través do sistema Fides, http://fides.xunta.gal segundo as axudas e instrucións habilitadas para o efecto.

Para cada mérito deberán completarse os datos solicitados no formulario.

Sempre que se dispoña de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, estas achegaranse electronicamente no formulario e presentarase electronicamente a solicitude de actualización do mérito.

Só para aqueles méritos para os que o solicitante non dispoña, nin poda dispoñer, de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, o/a solicitante deberá, unha vez cuberta a información do mérito no sistema FIDES, xerar a solicitude de actualización do mérito e presentala presencialmente acompañada dos documentos acreditativos en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día 7.6.2023 e será de 15 días hábiles.

As persoas solicitantes relacionadas no anexo son requiridas para que, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día 7.6.2023, acheguen os documentos preceptivos segundo o procedemento establecido no punto anterior. De non facelo, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos (MX) e da Comisión de Persoal (CP) que será o martes 06/06/23, coa seguinte Orde do día:

1. RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE MEDIO RURAL (bases helitransportadas)

Descargar

Como mostra da vontade que teñen en negociar é que convocan a mesa de negociación (MX) só media hora antes da votación na Comisión de Persoal.

No DOG do 02/06/2023 publican o desistimento e a inadmisión de determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do complemento de desempelo e da carreira administrativa:

- RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023 pola que se desestiman determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.

- RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023 pola que se desestiman determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de carreira administrativa para o persoal funcionario.

- RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2023 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario do grao I e II do sistema de complemento de desempeño do posto para o persoal laboral.

- RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2023 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario do grao I e II do sistema de carreira administrativa para o persoal funcionario.

Isto non é o mesmo que o anunciado por Función Pública de que van publicar en DOG o luns 5 o requirimento de documentación a determinadas solicitudes.

Informábamos no resumo da Comisión de Persoal do martes 30 de maio, da seguinte información do director xeral de Función Pública:

Carreira profesional: di que continúan coa tramitación. Publicarán no DOG do 2 de xuño a presentación de documentación no FIDES (comezará o día 5). Afecta unhas 500 persoas. Non haberá requirimento individualizado.

O xoves 1 de xuño recibimos unha comunicación de Función Pública co seguinte enunciado: "Finalmente por temas de publicación en DOG, o anuncio co requirimento ás persoas solicitantes da carreira administrativa ou complemento de desempeño, publicarase o vindeiro luns 5 de xuño e non o día 2".

É dicir, que queda para o luns 5 a publicación no DOG da relación de persoas ás que se lle vai requirir documentación para o recoñecemento da carreira administrativa do persoal funcionario ou do complemento de desempeño do persoal laboral.

Aproveitamos para falar do seguinte: recibimos varias consultas preguntándonos se este anuncio tiña que ver cun novo prazo para a presentación da solicitude da carreira profesional ás persoas que quedaron fora por non decatarse no seu momento (foron moitos os compañeiros e compañeiras con moita antigüidade que quedaron fora). Non, este anuncio non ten que ver, non é un novo prazo.

Sobre isto último, a CIG considera que o recoñecemento da carreira ten que ser como cos trienios, que se recoñecen en canto se cumpren os requisitos, e non agardar a que o señor director de Función Pública teña a ben convocalo e non nos faga perder diñeiro porque non lle peta facer a convocatoria.

Os chiringuitos na Xunta de Galiza medran coma os cogomelos. Non ben se extinguen uns, xa se argalla algo para repoñelos con outros, a ducias se fai falla.

A nova ocorrencia vén agora da man da Dirección Xeral de Emprendemento e Emprego, a cargo de Margarita Ardao (Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade), cunha rede de chiringuitos constituída por 15 entidades denominadas "polos de emprendemento e apoio ao emprego", e que están repartidos polas catro provincias. Na actualidade hai activos 8 polos, mentres que aínda están pendentes outros 7. Os polos activos son os seguintes:

Polo da Costa da Morte (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Coristanco)
Polo das Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol)
Polo da Mariña (Mondoñedo)
Polo da Montaña Lucense (A Fonsagrada)
Polo de Lugo Sur (Monforte de Lemos)
Polo de Ourense Centro e Sur (Verín)
Polo de Miño Central (O Carballiño)
Polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas (“La Moda” Rural Lab, local da Fundación Roberto Rivas, Silleda)

E que veñen sendo estes "polos"?

Son novas oficinas onde a Xunta disque que ofrece asesoramento personalizado e permanente a persoas emprendedoras, para que desenvolvan proxectos empresariais. Con esa finalidade impártenselles sesións de titorización, que están a cargo de "persoal titor experto de primeiro nivel", persoal que traballa para a Xunta pero que está directamente contratado por unha fundación privada.

O lema empregado pola Xunta na propaganda institucional para esta “rede de polos” é “Xempre contigo”, e dende ela convócanse axudas económicas de 9.2 millóns de euros en 2023, segundo a Xunta, provenientes dos fondos europeos de recuperación Next Generation EU, mediante os cales se implementa o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

Quen xestiona estes fondos? Vexamos...

Esta rede de "polos" é un conglomerado de fundacións privadas, e tamén doutras entidades privadas vinculadas co Opus Dei, coas que a Xunta de Galiza está a conveniar os servizos e funcionamento destes polos.

O persoal que está a traballar nestes polos, a pesar de ter contrato cunha fundación privada, traballa en oficinas da Xunta (aínda que segundo se indica nos webs dos polos, algún dos locais é dunha entidade privada). O material, os logos e as aplicacións son da Xunta tamén. Dará lugar unha vez máis todo isto a novas responsabilidades pola cesión ilegal de traballadores/as? Xa advertimos dende aquí á directora xeral e a todas as persoas que poidan ter responsabilidade que no caso de que ocorran situacións como as descritas, que a maiores da responsabilidade disciplinaria derivada do artigo 28 da LEPG dende a CIG imos utilizar a vía penal por delitos contra a administración pública.

A coordinación de toda a rede de polos está nas mans da Fundación Juana de Vega, fundación privada. Á súa vez, a Fundación Juana de Vega coordina a outras fundacións, e tamén a outras entidades privadas, entre as que se atopan as seguintes:

 

Volvemos ás andadas e chiringuitadas!

Orzamentos da Comunidade Autónoma Galega. Ano 2023: Polos de emprendemento

 

Entidade beneficiaria

Concepto

Dotación orzamentaria 2023

Fundación Juana de Vega

Coordinación dos polos emprendemento

120.000 €

Fundación Juana de Vega

Convenio polo Rías Altas e Arco Ártabro

120.000 €

Fundación Venancio Salcines

Convenio polos emprendemento

240.000 € 

Fundación Cel - Iniciativas por Lugo

Convenio polos emprendemento 

240.000 €

Fundación Ronsel

Convenio polos emprendemento

240.000 €

EFA Fonteboa

Convenio Polo Costa da Morte

110.686 €

EFA Fonteboa

Convenio Polo Costa da Morte

9.314 €

Fundación Roberto Rivas

Convenio polo Pontevedra Norte e Rías Baixas

111.000 €

Fundación Roberto Rivas

Convenio polo Pontevedra Norte e Rías Baixas

9.000 €

Sen especificar

Convenios entidades polos emprendemento áreas xeográficas de Galiza

120.000 €

Sen especificar

Asistencia polo Ourense Centro e Sur

120.000 €

Sen especificar

Asistencia polo Lugo Sur (Monforte)

120.000 €

Sen especificar

Convocatoria axudas polos emprendemento

5.425.462 €

Sen especificar

Actividades de difusión e promoción polos emprendemento

440.000 €

Sen especificar 

Mantemento servizos web polos emprendemento

60.000 €

 

Total

7.485.462,00 €

O luns 29 e o martes 30 de maio tivo lugar a xuntanza da Mesa Xeral e a Comisión de Persoal respectivamente, onde se aprobou a RPT de Augas de Galiza. Dentro do punto de Rogos e preguntas, o director xeral de Función Pública deu información de: procesos selectivos, RPTs (incendios, educación, Gain), funcionarización, concursos de traslados, integración da Axencia de Turismo e EPOSH e carreira profesional.

MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE AUGAS DE GALIZA

1.- Opoñémonos as amortizacións de postos que traen na proposta para a falsa regularización procedente da Lei 2/2013 de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza, lei que está plenamente derogada polas sucesivas leis de orzamentos; máis aínda porque a día de hoxe a D.X. de Orzamentos non precisou (dende o ano 2013) cal é a cantidade económica que tería que minguar Augas de Galiza. Como ben pon na memoria, xa naquel momento Augas de Galiza regularizou o seu orzamento deixando sen dotación orzamentaria 35 postos por un importe de 1.012.611,07 €.

Pero veñen agora con que hai que aumentar esa dotación orzamentaria con 9 postos máis, xunto con 11 postos da extinta EPOSH. A maiores, manteñen sen dotación orzamentaria 13 postos dentro da RPT que se aproba.

En resumo, e segundo os nosos cálculos, amortízanse 55 postos de traballo por non ter dotación orzamentaria, pero quedan 13 postos mais na RPT sen dotación orzamentaria.

2.- No proceso negociador coa consellería, a documentación indicaba que o importe de creación de postos nesta RPT ascendía a 3.970.155,63. Na memoria económica que se nos presenta o importe de creación é de 2.026.748,38.

O mesmo pasa co importe das amortización con dotación orzamentaria: nas distintas mesas de negociación coa consellería e os representantes de Augas o importe das amortizacións ascendía a 1.175.501,11, e na memoria económica que se nos presentou o mesmo día da Mesa Xeral, o importe ascende a 574.341,91. Non cadran as contas.

3.- Opoñémonos á minoración do gasto a través da amortización de postos en “diferido” que aparece na última folla da memoria económica. Como se pode dotar economicamente postos que se crean nesta RPT con cartos que aínda non existen porque os posto cos que os pretenden financiar están ocupados a día de hoxe? Din que os cartos para poder crear os posto que se pretenden saen doutras partidas económicas, transferindo crédito do capítulo II do orzamento de Augas, pero non indican de que programas, artigos, conceptos e subconceptos. Só e unicamente mencionan o capitulo II como un saco sen fondo. E se é así, e a partida económica que pode detraer do capitulo II ao I, pedimos que se manteña ese importe para a dotación e creación dos postos e se elimine a amortización en “diferido” que se pretende.

4.- Unha vez mais, falta o informe favorable e obrigatorio da D.X. de Planificación e Orzamentos. Pero a Administración non só convocou a Mesa Xeral como farsa de negociación senón que para dar mais veracidade a que a Mesa Xeral non é para negociar cos sindicatos, xa enviaron ao mesmo tempo a convocatoria da Comisión de Persoal para o día seguinte e coa mesma documentación. Consideramos ese proceder fora de toda negociación.

5.- Na negociación que se mantivo co consellería, indicóusenos que os postos que se estaban a crear da extinta EPOSH, eran para dar cobertura a todo o persoal, tanto aquel que voluntariamente se vai integrar, como para aqueles que renuncian a integración. Opoñémonos a que quen renunciou a ser integrado voluntariamente nesta Administración (e que por iso vai gañar mais cartos que os seus homólogos que se integren ou que existen dentro da Xunta de Galiza), se lle poida colocar dalgún xeito nun código de RPT de augas. Solicitamos que en todo caso, tanto os que rexeitaron como os que non poden ser integrados, se cree un cadro de persoal nos que se identifique os seus postos, e con elo se eliminen desta RPT os postos que se crearían en función do persoal da EPOSH.  

Voto: 

  • En contra: CIG
  • A favor: CCOO, UGT e CSIF

ROGOS E PREGUNTAS

Procesos selectivos

Nos vindeiros días publicarán as listaxes provisionais de admitidos e excluídos de 48 procesos de estabilización da Lei 20/21 (irán todos os de persoal laboral). Abrirán o prazo para presentar a documentación. Figurará quen non teña acreditado o nivel de galego.

RPT incendios, educación e GAIN

A finais desta semana enviarán para negociación ás RPTs de Medio Rural (brigadas helitransportadas). 

En breve comezará a negociación da RPT de Educación e de GAIN.

Funcionarización

Na semana que vén sairán varios nomeamentos de funcionarización. Despois do verán irá o resto.

Concursos de traslados

Preguntamos pola previsión da negociación dos concursos (xeral, especial, laboral..). Sen resposta do DXFP

Integración da Axencia de Turismo e EPOSH

Preguntamos pola previsión da Axencia de Turismo, sen resposta.

Da EPOSH, o DXFP informa que tentarán finalizala en xuño.

Carreira profesional

Di que continúan coa tramitación. Publicarán no DOG do 2 de xuño a presentación de documentación no FIDES (comezará o día 5). Afecta unhas 500 persoas. Non haberá requirimento individualizado.

A Dirección Xeral de Función Pública enviou aos sindicatos a relación de prazas e os criterios de selección das mesmas, para as eleccións de destino do novo persoal funcionario de carreira e persoal laboral fixo que superou os seguintes procesos selectivos:

  • Titulado/a superior veterinario (I-05)
  • Escala de veterinarios/as (A1)
  • Escala de Auxiliares de clínica (C2)
  • Especialidade de Educadores/as (A2)
  • Escala superior de saúde laboral (A1)
  • Escala técnica de saúde laboral (A2)

Os sindicatos temos ata o venres 2 de xuño para alegar. Se é do teu interese, podes contactar coa CIG.

Os arquivos son follas de cálculo que conteñen dúas lapelas. Na primeira están os criterios, na segunda, a relación de prazas.

No DOG do 30/05/2023 publican a RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2022 das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Publican a actualización provisional de méritos relativos ao ano 2022 dos integrantes das listas elaboradas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral que figuran nos anexos I e II.

As puntuacións totais das persoas integrantes das listas para o nomeamento de funcionarios/as interinos/as (anexo I) e as das integrantes das listas para a contratación temporal de persoal laboral (anexo II) poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <Listas de contratación>.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).​​

Dentro do punto de Rogos e preguntas da Mesa Xeral de negociación de empregados públicos á que asistimos o luns 29 de maio, o director xeral de Función Pública deu información de: 

  • Datas de exames: van publicar no DOG dos vindeiros días as datas de exercicios de 15 procesos selectivos para os que xa anunciaran a data.
  • Resolución de recursos nos procesos selectivos de educadores/as e de auxiliares de clínica, nos vindeiros días.
  • Baremo provisional de procesos de A1 e A2 de finanzas: publican o luns 5 de xuño.
  • Pendente o baremo de gardacostas.
  • Tomas de posesión dos procesos de persoal educador, veterinario e auxiliar de clínica: hoxe ou mañá enviarán un borrador de criterios. Darán un prazo para alegar ata o venres 2 de xuño. A partir da semana seguinte podería facerse a eleccion de destino. Agás no proceso de laborais de veterinarios, no resto teñen que incluír prazas ocupadas por persoal interino (tirarán das de menor antiguidade no caso de ser preciso):
    • Persoal educador: persoal interino dende o 19 de novembro de 2019.
    • Veterinarios/as funcionarios: persoal interino dende o 28 de xuño de 2022.
    • Auxiliares de clínica: persoal interino dende o 02 de marzo de 2011.
  • Persoas que están solicitando o reingreso que son laborais fixos. Nas vindeiras semanas negociarán a convocatoria dun proceso para dar estos reingresos en prazas de funcionario e nos proximos meses deben presentarse á funcionarización.

Remitímoslle un escrito a Función Pública para que restableza as condicións á espera da sentenza tras a denuncia presentada en 2019.

Reclamamos a restitución dos dereitos laborais que foron recortados ao persoal empregado público coa escusa da crise en 2012. Máis dunha década despois o Goberno galego segue a utilizar os mesmos argumentos para non restablecer as condicións de traballo suspendidas o que nos levou a presentar demanda no 2019 ante o TSXG contra as decisións da Xunta de manter os recortes.

Queremos lembrar que a Xunta aproveitou a crise económica iniciada en 2008 para sacar adiante a lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público de Galiza, unha norma que impuxo recortes de dereitos laborais que se manteñen a día de hoxe a pesar de que o texto da propia lei establece que “o carácter desta lei é temporal, polo que a súa vixencia queda supeditada á subsistencia das difíciles circunstancias económicas que afectan a sustentabilidade das contas públicas”.

Unha vez atenuados os efectos máis graves da crise a partir de 2018 dende a CIG comezamos a demandar a restitución dos dereitos e desenvolver distintas mobilizacións con este obxectivo, porque nos cansámos de tentar razoar contra o muro dos sucesivos Gobernos do PP.

Por iso iniciamos un proceso de reclamación xudicial en 2019 para a restitución dos dereitos suspendidos con carácter retroactivo, e aínda estamos a agardar pola sentenza. Agora decidimos presentar un escrito dirixido ao director xeral da Función Pública reclamándolle a restitución dos dereitos suprimidos mentres non se produce a decisión xudicial.

Neste tempo o Goberno español derrogou a disposición adicional 2ª do RDL 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade coa lei 21/2022, de 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, en vigor dende o 01/01/2023. De xeito que o propio Goberno central, que ditou unha lei similar á galega no mesmo ano, recoñece por lei que non se dan as circunstancias que xustifiquen a aplicación dos artigos 32 e 38.10 do Estatuto Básico do Empregado Público. Por iso preguntámonos a que agarda a Xunta entón para restituír os dereitos laborais arrebatados ao seu persoal hai máis dunha década.

O texto derrogado é o seguinte:

"Disposición adicional segunda. Suspensións ou modificacións de convenios colectivos, pactos e acordos que afecten ao persoal funcionario ou laboral por alteración substancial das circunstancias económicas.

Aos efectos do previsto no artigo 32 e 38.10 do Estatuto Básico do Empleado Público entenderase, entre outras, que concorre causa grave de interese público derivada da alteración substancial das circunstancias económicas cando as Administracións Públicas deban adoptar medidas ou plans de axuste, de requilibrio das contas públicas ou de carácter económico financeiro para asegurar a estabilidade orzamentaria ou a corrección do déficit público."

A eliminación de dereitos baseouse precisamente no artigo 38.10 do EBEP, “por concorrer causas graves de interese público derivadas dunha alteración substancial das circunstancias económicas que afectaban á sustentabilidade das contas públicas”. A súa vixencia ficou condicionada á crise económica que se iniciou en 2008, rematou en 2014 e deuse por totalmente superada en 2018, segundo se recolle nos argumentos incluídos na nosa demanda.

Os dereitos suspendidos foron:

• O Fondo de Acción Social: suprimiron todas as medidas agás as destinadas a persoal empregado público con persoas con discapacidade a cargo; todas as demais quitáronas, como por exemplo a axuda por adquisición de vivenda, estudos de crianzas ou para gastos en gafas, lentes de contacto ou dentista.

• O dereito a nove días de “permiso por asuntos persoais sen xustificación”, quedando reducidos a seis.

• Artigo 19º do V Convenio Colectivo, relativo ao “descanso e festivos”.

• Artigo 29º do Convenio Colectivo, relativo aos “dereitos de comedor”.

• Artigo 34º.2 do Convenio Colectivo, relativo á “gratificación por xubilación”.

• Disposición Adicional 3ª, relativa a "períodos de descanso en Nadal e Semana Santa”.

Outras novas recentes

Mércores, 22 Outubro 2025

Aprobadas as convocatorias de promoción interna de corpos xerais, e modificación puntual RPT PS (CP 21/10/25)

Asistimos á Comisión de Persoal do 21/10/25, onde quedaron aprobadas as bases dos procesos selectivos de promoción interna a corpos xerais (A1, A2, C1 e C2). Tamén quedou aprobada unha modificación puntual da RPT de Política Social para executar unha sentenza que afecta a tres postos da escala de Traballo Social. Na rolda aberta de intervencións falouse das prazas “con...
Venres, 17 Outubro 2025

A CIG presenta 40 propostas de cambios na xestión e máis de 700 achegas de cursos ao plan de formación 2026 da EGAP

Estas propostas forman parte da campaña da CIG «Por unha EGAP transparente e en galego». A recada foi posible grazas ás abondosas contribucións do persoal desta Administración, que demanda non só o incremento substancial da cantidade de cursos, que permita un acceso máis doado e xusto, senón tamén a total transparencia na selección do persoal formador, como garante dunha...
Martes, 21 Outubro 2025

Borradores dos procesos selectivos de corpos xerais, PSX, auxiliar de clínica e psicoloxía

Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remítenos os borradores de convocatorias dos seguintes procesos selectivos para alegacións ata o venres 31 de outubro ás 15:00 horas. Corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala de persoal de servizos xerais (PSX). PI. Descarga documentación Corpo de...