Novas por contido

O mércores 27 tivemos a primeira xuntanza da comisión de seguimento do Protocolo de reincorporación. Para a CIG o Protocolo quedou desactualizado nada máis publicarse, xa que ese mesmo día o Estado ampliaba o teletraballo a tres meses. Porén, coidabamos que se ía arranxar, xa que era un documento que tiña que someterse a actualización e revisión.

Sobre o papel a reincorporación ao traballo presencial debera ser segura, xa que as actuacións preliminares do protocolo obrigaban a unha coordinación con Función Pública, a un control do Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) e á participación dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) por medio de informes. Porén, todo fallou, e nestes 20 días demostrouse a descoordinación das consellerías con Función Pública e o seu pouco interese.

Para a Xunta convocar esta xuntanza da comisión de seguimento é un mero trámite para xustificarse fronte ás denuncias á Inspección, xa que a actitude do director xeral de Función Pública foi a de botar balóns fóra, sen achegar nada, e afirmando que para eles todo está ben. Demostrou unha vez máis a súa ineptitude para o cargo.

Así, estas son as cuestións que levamos a esta reunión, e das que cómpre dar resposta:

1. Ámbito: Denunciamos que deixaron nun limbo a parte do persoal:

a) Persoal non docente dos centros de ensino: o director xeral de Función Pública (DXFP) non quere incluílos, di que se rexe no referido a cuestións de vacacións e permisos polo que dispoña o centro -algo que non é certo- polo que, na práctica, lle aplican cuestións específicas que dependen das direccións. Ao final acepta instar á Consellería de Educación para que negocie connosco, xa que na mesa sectorial do ensino non está representado o persoal non docente.

b) Persoal dos centros de día e escolas infantís: o director xeral de Función Pública fala dun protocolo propio do que nada sabemos. Denunciamos a falla de negociación por parte de Política Social.

c) Persoal non sanitario de Sanidade, Sergas, inspectores/as…: nin se digna a responder.

2. Informes para pasar de fase: faltan consellerías enteiras (Sanidade) ou centros territoriais (xefaturas territoriais, SSCC Consorcio, oficinas de emprego, centros de educación...). Pasaron a fase 1 sen fase preliminar, sen comprobación do SPRL, ou sen sequera informe, e reincorporaron a persoal sen cumprir prazos mínimos. Segundo o director xeral de Función Pública o de Facenda está feito polo miudo, e non lle consta que falten informes.

Para o luns 1 de xuño comeza a fase 2 na que xa hai unha reincorporación normalizada, agás teletraballo autorizado. Fallaron nas fases anteriores e agora tampouco hai informe das medidas preventivas que se tomaron nos centros, quendas ou identificación do persoal e de medidas organizativas. O director anuncia que van ter reunión o venres 29 co SPRL para a fase 2, e entenden que a fase preliminar e fase 1 xa están sen problema.

3. Protocolos de reincorporación para centros específicos que quedaron fóra do ámbito deste protocolo: non se negociou ningún coa representación sindical. Dixo que ía falar coas consellarías afectadas: Educación, Sanidade e Política Social.

4. Protocolos de medidas de prevención de riscos para funcións específicas ou centros: deben vir dentro das avaliacións de riscos laborais cun plan aprobado para o COVID 19. Temos algúns soltos, e no mellor dos casos asinados por secretarios xerais técnicos, nunca polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais. O director xeral de Función Pública mestura protocolos con informes sen responder as propostas da CIG.

5. Persoal sensíbel: a CIG pedíu como medida cautelar que o persoal quede na casa mentres non resolven as solicitudes; o DXFP dixo que xa o decidiran na reunión de secretarios xerais. Sobre a tardanza da súa tramitación, di que se resolven por parte do SPRL en 2 ou 3 días, e por ese tempo non ven problema en que a persoa estea na casa, aínda que sabemos que hai algunha que leva case 1 mes e di que “lle avisemos”. A Xunta planea a súa reincorporación na fase 3, cando poderían estenderse medidas como o teletraballo.

6. Teletraballo: Solicitamos data para a mesa de teletraballo. Diferenciamos dous tipos: dunha banda o teletraballo COVID, que a Xunta ten que fomentar e desenvolver urxentemente como a mellor medida organizativa para evitar a concorrencia de persoal nos centros, e doutra o teletraballo ordinario.

Sobre o primeiro: Función Pública dáo por feito, non ten intención de fomentalo entre os centros directivos. Recoñece que o persoal puido teletraballar e a Administración continuou funcionando correctamente, aínda que se nega a amplialo escudándose nun 15% de persoas que non se conectan, dicindo que non funciona e que non teñen un sistema de valoración telemático -puro presencialismo-.

Sobre o ordinario: Función Pública di que se están a atender as solicitudes de teletraballo ordinario, e que para a extensión do teletraballo hai que facer modificacións da normativa de 2013, e sen iso non é posible. Para isto teriamos unha mesa de teletraballo prevista no protocolo que non quere convocar xa. Dende a CIG insistimos xa que vemos necesaria unha mesa urxente de teletraballo para establecer medidas de fomento e avaliación, porque ademais esta situación do COVID non vai acabar o 15 de xuño.

7. Conciliación a partir do 15 de xuño: obrígase á reincorporación presencial de persoal que ten crianzas e maiores a cargo, e que ten pechados os centros. Os centros educativos pecharon coa alarma, e continúan pechados o 19 de xuño por fin do curso, e non hai as opcións de conciliación previas ao COVID-19 (campamentos, ludotecas, etc). Pedimos solucións para todo o persoal e estender o teletraballo. O director insiste en non aclarar a solución, á espera da situación sanitaria.

8. Conciliación do persoal que non ten teletraballo: a isto nin se dignou en respostar.

En conclusión, unha desfeita que non semella que deamos solucionado na prometida convocatoria da reunión de seguimento a semana que vén (mércores 4 ou xoves 5 de xuño), e que teremos que seguir a denunciar.

O resto das organizacións sindicais presentes na xuntanza congratúlanse mentres expoñen incumprimentos, nós combatemos e loitamos. Sen o Protocolo sería peor, pero aplicado deste xeito tampouco imos ben.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...
Xoves, 12 Decembro 2024

UGT torpedea e crispa a negociación do I Plan de Igualdade de Portos de Galiza (05/12/24)

Esta foi a reacción á postura manifestada pola CIG de rexeitamento a dar validez tanto á proposta de plan de igualdade como de diagnose elaboradas pola Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta antes da constitución da comisión de igualdade, que Portos puxo enriba da mesa. A xuntanza de constitución da Mesa de Igualdade de Portos de Galiza foi, cando menos,...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...