Novas por contido

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sentencia que o persoal de servizos xerais do Consorcio só deberá facer funcións de limpeza con carácter puntual e sempre fóra do horario no que as realice o servizo de limpeza

A CIG leva denunciado ante a autoridade laboral, en numerosas ocasións, ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por impoñer tarefas ao persoal de servizos xerais que exceden o recollido no DOG sobre as funcións desta categoría.

En marzo de 2020, a CIG denunciou, mediante conflicto colectivo na provincia de Lugo, a obriga imposta ao persoal de servizos xerais (tanto en escolas en infantís como en centros de maiores) de realizar tarefas de limpeza con carácter xeral.

Na resolución do DOG do 30 de xuño de 2017, na que se recolle o Acordo para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e a creación da categoría de PSX, establécese que as persoas traballadoras desta categoría realizarán funcións de limpeza unicamente con carácter puntual, atendendo ás necesidades cando sexa necesario para manter a continuidade do servizo, e sempre fóra do horario no que o centro ou unidade dispoña de servizo específico de limpeza. Con todo, os departamentos de maiores do Consorcio non realizaron a contratación de empresas de limpeza, impoñendo ao persoal de servizos xerais funcións de limpeza máis alá de necesidades puntuais. Ademais, nas escolas infantís, a pesar de ter servizos de limpeza externos ou prestados polos concellos, impoñen tamén a este persoal a realización de tarefas máis alá do que se establece neste Acordo.

Con data de 2 de decembro de 2021 o Xulgado do Social N1 de Lugo ditou sentenza estimando a demanda interposta pola CIG declarando que as persoas traballadoras pertencentes á categoría de persoal de servizos xerais teñen dereito a que só se lles encomenden funcións de limpeza, unicamente con carácter puntual, atendendo ás necesidades cando sexa necesario para manter a continuidade do servizo, e sempre fóra do horario no que o centro ou unidade dispoña de servizo específico de limpeza, é dicir ratificando o recollido no Acordo de Integración do Consorcio, no cal se crea a categoría de PSX.

A dita sentenza foi recurrida pola Xunta de Galicia /Consorcio Galego Servizos de Igualdade e Benestar perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal o 13 de maio de 2022 ditou sentenza desestimando este recurso e confirmando a sentenza de 2 de decembro de 2021 do Xulgado do Social N.1 de Lugo.

Publicada no DOG do 30/05/22 a Oferta de Emprego Público (OEP) extraordinaria de estabilización, sen a identificación das prazas e con falta de concreción dalgúns aspectos fundamentais que quedarán para a súa decisión no momento das convocatorias.

Oferta extraordinaria sen a identificación de prazas nin concreción de aspectos básicos

A falta de identificación das prazas ofertadas fai difícil verificar o cumprimento dos requisitos da Lei/2021 e comprobar si o número de prazas ofertadas coincide coas dos listados que facilitou Función Pública. E xa adiantamos que as contas de hoxe non coinciden coas listaxes que levou a negociar. Ata faltan entes enteiros que incluso saían nos primeiros listados e agora, onde foron?

Outra negociación chapuceira e sen garantías

Durante o proceso de negociación rápido e chapuceiro, a CIG insistiu na necesaria concreción, xa na propia OEP, de numerosos aspectos que van afectar á posterior execución das convocatorias. A Oferta non entra a fixar os cortes para superar as probas, ou aspectos do futuro baremo, como a valoración dos servizos prestados para a Administración Autonómica diferenciados dos servizos noutras administracións.

O Decreto de Oferta inclúe o requisito de coñecemento de galego, pero deixa en mans das posteriores convocatorias a decisión da súa valoración e do seu carácter eliminatorio ou non (podería rematar nun mérito, non nun requisito).

Logo de 15 anos da entrada en vigor do EBEP continuamos sen a cobertura de prazas do grupo B, co que na práctica hai escalas que teñen que acceder á baixa, ao grupo C1.

A Oferta non entra na promoción interna vertical do persoal funcionario de carreira e laboral fixo: non existe o compromiso dun incremento de prazas adicional á oferta de estabilización (sen restar), nin unha mellora das condicións da promoción.

O que si sae é a promoción interna horizontal para seguir co proceso de funcionarización, do persoal fixo do consorcio e dalgunhas prazas e categorías que quedaran atrás.

En canto á reserva de prazas para persoas con discapacidade, o Decreto de oferta limítase a dar número gordos, 454 prazas en total, que venden moi ben, sen especificar os números polo miúdo de cada escala ou categoría, unha discrecionalidade que podería dar lugar a limitar prazas á oferta total.

Para rematar, como Función Pública sabe que non fixo as cousas ben e ten moitos erros na identificación das prazas, meten unha disposición adicional para redistribuílas e ademais recolle a posibilidade de ampliar a oferta ata nun 10% das prazas para as que estando convocadas con anterioridade quedasen desertas.

A OEP foi aprobada na Comisión de Persoal do 24/05/22 co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT.

No DOG do 30/05/2022 publican o DECRETO 79/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galiza, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza.

O número de prazas que integran esta oferta ascende a un total de 7.038.

No anexo I figura o número de prazas que corresponde á convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal de longa duración, prevista nas disposicións adicionais sexta, sétima e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e inclúe aquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no seu artigo 2.1, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 e sempre que tales prazas continuasen a estar ocupadas na data de entrada en vigor desta lei.

Prazas correspondentes á Administración xeral 4.158 e prazas das entidades instrumentais 1.574.

Total anexo I: 5.732.

No anexo II figura o número de prazas que corresponde á taxa adicional para a estabilización de emprego temporal prevista no artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, e inclúe as prazas de natureza estrutural, dotadas orzamentariamente, ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente como mínimo, nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 e sempre que tales prazas continuasen a estar ocupadas na data de entrada en vigor desta lei.

Prazas correspondentes á Administración xeral 483 e prazas das entidades instrumentais 265.

Total anexo II: 748 prazas.

No anexo III figura o número de prazas que corresponden co proceso de funcionarización ao abeiro do artigo 4 polo sistema de concurso-oposición. Un total de 281 prazas.

No anexo IV figura o número de prazas que corresponden á promoción interna horizontal para o persoal laboral fixo, segundo o regulado no artigo 5, polo sistema de concurso-oposición.

Un total de 277 prazas.

As prazas previstas no anexo I convocaranse, con carácter excepcional, polo sistema de concurso, de acordo co establecido na disposición adicional sexta, sétima e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, e que consistirá exclusivamente na valoración de méritos.

As prazas previstas no anexo II convocaranse polo sistema de concurso-oposición de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro.

No DOG do 27/05/2022 publican as resolucións polo que se fan públicas as baremacións provisionais de varios procesos selectivos de promoción interna tal e como che indicamos aquí.

No caso do corpo de xestión, subgrupo A2, e do corpo administrativo, subgrupo C1, se advirten moitos erros na baremación do apartado f “Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores”.

Nas bases das convocatorias se establece que este epígrafe terá unha valoración máxima de 1 punto e vemos que nas resolucións aparecen moitos aspirantes que superan dita puntuación.

A maiores temos constancia de casos concretos onde, aínda estando a puntuación por debaixo de 1 punto se están a valorar os permisos, reducións de xornada e excedencias desfrutados despois da publicación das convocatorias, contravindo o que se dispón na base II.3 das propias convocatorias, "Os méritos enumerados na base II.2 deberán referirse á data de publicación da presente convocatoria".

Dende a CIG puxémonos en contacto con Función Pública e son conscientes dos erros polo que procede unha corrección. Aínda así animamos a calquera persoa que considere que este erro lle afecta a que presente reclamación.

Función Pública achegounos os borradores dos seguintes catro procesos selectivos, correspondentes ás Ofertas de Emprego Público dos anos 2020 e 2021, con prazo de alegacións ata o día 1 de xuño. Se queres aportar algo, podes contactar coa CIG.

Acceso libre (forma de acceso: oposición)

- A2. Corpo de xestión. 90 prazas (7 discapacidade). Descargar.

- C1. Corpo administrativo. 102 prazas (10 discapacidade). Descargar.

- C2. Corpo auxiliar administrativo. 125 [ten que ser un erro, pois serían 120] prazas (12 discapacidade). Descargar.

Promoción interna (forma de acceso: concurso-oposición)

- C1. Escala de axentes de inspección das especialidades de vixilancia de carreteiras e de dominio público hidráulico. Descargar.

No DOG do 27/05/2022 publican:

- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 47, do 7 de marzo).

- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).

- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 47, do 7 de marzo).

- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).

- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).

- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 47, do 7 de marzo).

- RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se adxudica destino definitivo ao persoal funcionario que superou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo).

Adxudican con carácter definitivo os postos que figuran nos anexos destas resolucións.

O prazo da toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia.

O cesamento deberá efectuarse o día 6 de xuño de 2022.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será de vinte (20) días hábiles e deberá computarse desde o día 7 de xuño de 2022.

No DOG do 27/05/2022 publican a RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2022 pola que se abre o prazo posesorio dos postos adxudicados en virtude da resolución definitiva do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración xeral da Xunta de Galiza, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019.

O prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

O cesamento deberá efectuarse o día 6 de xuño de 2022.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será vinte días hábiles e empezará a computarse o día 7 de xuño de 2022.

Resumo da Comisión de Persoal do martes 24 de maio, na que se aprobaron os criterios e decreto de OEP-extraordinaria do 2022 derivada da Lei 20/21 da temporalidade. Aprobouse tamén unha modificación da RPT da CMATV e de Cultura. En Rogos e preguntas falouse das datas de exames dos procesos selectivos de escalas sanitarias, das tomas de pose do concurso de traslados e destino definitivo de corpos xerais, e das previsións dos procesos selectivos que están actualmente en fase de concurso.

Criterios e Decreto de OEP-extraordinaria 2022 de Administración xeral (agás escalas sanitarias) e entes

  • Mantemos que teriamos que ter negociado o baremo, o corte, etc, aspectos que afectan ao posicionamento da CIG. Rexeitamos que deixen todo en mans da futura negociación das convocatorias. Demasiada discrecionalidade futura.
  • Deixan aberta a posibilidade de que o exame de galego, para quen non teña Celga, poida ser eliminatorio ou non.
  • Comprométese a estudar para as convocatorias que a valoración dos servizos prestados na propia administración teña máis valor. Pero di que neste momento non o ve posible.
  • Non entendemos que mesturen unha OEP-extraordinaria co proceso de funcionarización.
  • Non se comprometen a nada coa promoción interna. Nin a unha taxa adicional agora (que non computa para a reposición), nin o que virá na oferta ordinaria, nin a facelo mediante concurso de méritos. 
  • Finalmente engaden na OEP a previsión de prazas que xa van quedar desertas en procesos que están actualmente en fase de concurso (77 prazas), así como outras 135 convocadas en decembro por Función Pública (restando da oferta extraordinaria aquelas que se cubran no proceso selectivo que está en execución).

Con este panorama, quedou aprobado cos seguintes votos dos sindicatos: CIG en contra, CCOO abstención, CSIF en contra, e UGT abstención.

Decreto de OEP-extraordinaria 2022 de persoal funcionario de escalas sanitarias (lei 17)

  • Este Decreto tamén deixa todo para o que se decida posteriormente, nas convocatorias, nunha liña similar á de Función Pública, aínda que ten algunha diferenza.
  • En calquera caso afirmamos que non existiu negociación. Sanidade limitouse a convocarnos a dúas xuntanzas, en días consecutivos, coa mesma documentación, sen darnos tempo nin a estudalo, nin a discutilo, nin a que eles mesmos valorasen o que manifestásemos os/as representantes sindicais do persoal.
  • Coa súa actuación non cumpriron cos principios da negociación colectiva. Por exemplo, o deber de axuda mutua.
  • A CIG vai valorar se as formas de Sanidade dan lugar a impugnar a oferta.

As catro organizacións sindicais (CIG, CCOO, CSIF, UGT) manifestamos o mesmo respecto da falta de negociación, ficou aprobado co voto en contra dos catro sindicatos.

RPT da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Non aceptaron as alegacións que lles puxemos enriba da mesa. Aprobado co voto en contra de CIG, e a abstención de CCOO, CSIF e UGT.

RPT da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

A CIG presentara un contencioso por unhas encomendas a Tragsatec que finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal. Por esta razón, crean unha serie de prazas de persoal arqueólogo e arquitecto. Pero fano cun nivel totalmente inadecuado, negándose a consellería a discutilo.

Sendo a CIG a responsábel de que se creen os postos, nestas condicións votamos en contra, o mesmo que CSIF e UGT, mentres que CCOO abstívose.

Corpos xerais: cese e toma de posesión (concurso de traslados e destino definitivo)

O DXFP confirma o que xa dixo uns días antes, que o venres 27 publicarán no DOG o resultado de elección de destino e a data de cese e o prazo de toma de posesión, tanto dos compañeiros e compañeiras que obtiveron destino no concurso de traslados como de quen estaban en destino provisional e pasan a definitivo. Segundo di, a data de cese vai ser o 6 de xuño, e ao día seguinte comeza o prazo posesorio.

Procesos selectivos que están en fase de concurso

O venres 27 tamén publicarán o baremo provisional de méritos de A1/A2/C1/C2 de promoción interna de corpos xerais, comezando un prazo de 10 días para alegacións. E a "semana que ven" irán publicando os baremos provisionais doutros procesos selectivos pendentes.

Ligando esta información coa que transmitira na Mesa Xeral do venres 20, referiríase ás convocatorias de oferta social, que tentarían facelo ao longo de xuño (dixera "todos ou a maioría").

Previsión do primeiro exercicio do proceso selectivo de escalas sanitarias

En rogos e preguntas a CIG continúa a dar a lata querendo a previsión de data de realización deste primeiro exercicio. Insistimos en que levamos moitas xuntanzas preguntando o mesmo e obtendo a resposta de que "mañá" ou "para a semana" vai o DXFP a preguntar a Sanidade. Ou ben está a ocultarnos a información, ou ben é Sanidade quen lla oculta a el.

A única resposta que obtemos é: que aínda non hai tribunal, que non sabe se o haberá antes de agosto ou non, que preguntará, pero que cre que que o exame non serán antes de setembro. Por agora, non hai mais.

No DOG do 25/05/2022 publica a RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2021 das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

En aplicación do establecido na disposición adicional primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, nas listas para a cobertura transitoria de postos de persoal funcionario da escala de veterinarios (A1-2067) e da escala de ciencias, especialidades de bioloxía (A1-2068) e química (A1-2069), valoraranse, ao abeiro do artigo 9, letra b), do Decreto 37/2006, os méritos por servizos prestados nas categorías profesionais laborais declaradas equivalentes polo Decreto 165/2019.

As puntuacións totais das persoas integrantes das listas para o nomeamento de funcionarios/as interinos/as (anexo I) e a dos integrantes das listas para a contratación temporal de persoal laboral (anexo II), poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratacion>.

As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

No DOG do 25/05/2022 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2022 pola que se convocan, con carácter extraordinario, actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

O prazo de presentación de solicitudes abarcará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 3 de xuño de 2022.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución:

1. O persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza e da Administración institucional, en situación de servizo activo ou servizos especiais que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Está exceptuado o persoal docente da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, o persoal das escalas dos corpos da policía de Galiza, bombeiros e o persoal do Servizo Galego de Saúde, agás que estea en situación de servizos especiais en calquera das administracións relacionadas no parágrafo anterior. Non se entende por tal os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.

2. Sen prexuízo do anterior, poderán ofertarse actividades formativas a empregados/as públicos/as pertencentes a outras entidades, organismos e institucións públicas, cando así se estableza na epígrafe «persoal destinatario» da actividade formativa.

Outras novas recentes

Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e agrupación profesional

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...
Mércores, 17 Xuño 2026

Xefaturas de sección (corpos xerais), sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións:A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando a persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27. Os...