Novas por contido

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural activa o protocolo de vixilancia da gripe aviaria nas aves silvestres sen informar nin revisar EPIS nin indicar as medidas preventivas.

Na CIG solicitamos a convocatoria urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Non se informou da alerta ao todo persoal de campo

Non é a primeira vez que se activa a alerta polo risco de gripe aviaria na nosa comunidade, pero si é a primeira vez que se obvia informar e actuar na prevención da saúde do persoal dos Servizos de Patrimonio Natural que se ten que encargar da vixilancia, control, traslado e tratamento de aves migradoras nos centros de recuperación de fauna silvestre.

O virus da gripe aviaria (é un tipo de influenza) ten risco de introducirse nos humanos e de combinarse co virus da gripe común ou A. O risco de contaxio é real para as persoas traballadoras, as súas familias e incluso a transmisión a poboación por eso se activa un protocolo de seguimento europeo. Para evitar que os que traballamos podemos enfermar ou ser fonte de contaxio hai que establecer un protocolo preventivo e EPIs adecuados e informar e formar periodicamente.

A CIG solicita o CSSL e que se tomen medidas preventivas urxentes

Mais dun mes despois se que se activaran as alarmas no país a representación do persoal non temos aínda ningunha información da consellería, por eso os delegados de prevención da CIG solicitamos a convocatoria urxente do Comité de Seguridade e Saúde Laboral e que ao menos se tomen as seguintes medidas preventivas:

1.Información do risco actual e Avaliación de riscos específica e plan de acción con especial coidado de aplicadores, biocidas e EPIS. Formación do persoal en medidas preventivas, desinfección e colocación EPIS.

3. Revisión de vehículos e departamentos para o traslado da fauna e EPIS contaminados.

4.Protocolos específicos de manexo, traslado e control.

5.Revisión de EPIS e Biocidas.

Ourense: o Servizo de Patrimonio Natural leva anos sen cubrir a praza de veterinario/a

É inaceptable coa que está caendo coa pandemia mundial, no Servizo de Patrimonio Natural de Ourense leven anos sen cubrir a praza de veterinario/a fundamental entre outros traballos para o seguimento e control de enfermidades dos animais silvestres, moitas delas transmisibles ás persoas.

Por iso, este 12 de febreiro reunímonos coa Xefatura Territorial e que proceda a cobertura inmediata da única praza de veterinario/a do servizo.

Ademais solicitamos que abrise o acceso ao REXEL ao persoal axente ambiental para o que incluso nos propuxo crear un rexistro por distritos das denuncias. Ao tempo solicitamos o poder consultar o REGIAC e o programa das licenzas de caza e pesca para ter a información necesaria nas gardas e quendas de vixilancia.

O mércores 16 participamos na Comisión de Persoal na que se aprobou a RPT do IET, a segunda de funcionarización, e un acordo sobre o mesmo. En rogos e preguntas falouse dos procesos selectivos e dos concursos de traslados, tanto de corpos xerais como de administración especial.

RPT do Instituto de Estudos do Territorio

Non podemos apoiar a creación de postos coa amortización doutros. E mantemos o resto das nosas alegacións. CIG vota en contra. 

Os outros sindicatos (CCOO, CSIF e UGT) din estar en contra da destrución de postos de traballo, pero como neste caso non se destruen máis das que se crean, votan a favor. 

Acordo de “acomodación” da segunda RPT de funcionarización de determinadas escalas de administración especial

En coherencia a como se levou a negociación do proceso de funcionarización, votamos en contra.

CSIF tamén vota en contra, mentres que CCOO e UGT votan a favor.

RPT de funcionarización de administración especial de servizos sociais

A proposta que se aprobou na Comisión de Persoal é a mesma que presentaron para a Mesa Xeral. É dicir, que non aceptaron ningunha das nosas alegacións. Non houbo negociación. Non se cumpre o criterio de homoxeneidade de que fala o director xeral. Non nos vale a promesa de que se vai estudar e modificar posteriormente, pois tiveron tempo para facelo (non damos validez a algo que “poderá ser”). A CIG vota en contra. O mesmo vota a CSIF.

Durante a intervención de CCOO tivemos a sensación de que quen falaba era o director de función pública (DXFP), pois fartouse de defender as bondades da proposta. A verdade que non era necesaria a presenza nin a intervención do DXFP, pois xa estaba CCOO para defender a proposta da Xunta e recriminar aos que votamos en contra. Evidentemente CCOO, e tamén UGT, votaron a favor.

Segundo o DXFP a RPT aprobarase no Consello da Xunta do xoves 17, e entrará en vigor o día 1 de marzo.

Cronograma de RPTs (educación, vicepresidencia, consorcio e servizos sociais)

Xa en rogos e preguntas, o DXFP informa de que nas próximas semanas teremos algunha RPT máis, como a de educación e vicepresidencia (e algunha máis non definida). E inmediatamente rematadas estas retomaremos a do consorcio e servizos sociais. Aproveitarán esa rpt para revisar o asunto do persoal de menores e carné de conducir e algunha cuesitón máis sobre política social. Calcula que será durante marzo.

Procesos selectivos en execución

Informa o DXFP que o día 25 publicarán a apertura da fase de concurso duns 7 ou 8 procesos selectivos.

Corpos xerais (concursos e procesos selectivos)

Preguntamos polas datas de toma de posesión do concurso de traslados e dos procesos selectivos que están actualmente en destino provisional, así como as previsións dos procesos que están en execución. O DXFP:

  • Concurso: Confirma que o venres se publica no DOG a resolución do concurso.
  • En destino provisional: iniciarán o procedemento de elección de destino das persoas de promocion interna e acceso libre que están en destino provisional, que será ao longo de marzo. 
  • Unha vez feito o anterior comezarán as tomas de posesión de concurso e procesos selectivos. Meterémonos probablemente en abril. 
  • Procesos selectivos en execución: afirma que comezan os prazos da fase de concurso.

Escalas e administración especial (concursos e procesos selectivos)

Pedimos cronograma dos procesos selectivos que están en execución. O DXFP informa:

  • ISSGA: están a traballar para nomear o tribunal (fai uns días solicitaron membros); exames no 2º trimestre deste ano. 
  • Finanzas:  nuns días sae lista definitiva. Traballando na designación do tribunal. 
  • E só quedarían os procesos convocados en decembro. Agora mesmo teñen 60 procesos en marcha.

Solicitamos a previsión da data do primeiro exercicio do proceso selectivo de escalas sanitarias (que na súa convocatoria non indicaba ningunha estimación). O DXFP comprométese a preguntar a Sanidade e informar noutra xuntanza.

Denunciamos que do concurso de traslados de persoal veterinario enviaran un borrador fai dous anos, a CIG presentou as alegacións correspondentes e non soubemos nada. Varias veces coprometéronse a retomalo, e non cumpriron. Tamén queremos que dean os pasos necesarios para convocar os concursos de todas as escalas e administración especial. O DXFP resposta que están coa RPT de veterinarios (outra vez o mesmo conto), para así poder retomar o concurso. Asegura que teñen intención de convocar o concurso completo para toda a administración especial (incluindo veterinarios). Non da prazos, e non menciona nada das escalas de administración xeral.

O luns 31 de xaneiro saíron publicadas varias resolucións polas que se encomendan a TRAGSATEC traballos de xestión e control de varias áreas de traballo de persoal empregado público da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o 2022

Tragsatec, empresa filial de Tragsa que se adica a servizos técnicos agrarios, con estas encomendas tan só durante o ano 2022 suma 5 millóns de euros para realizar diversos traballos de control e xestión ambiental. A Consellería de Medio Ambiente continúa a externalizar funcións de persoal empregado público a pesar de que recentemente o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, após da denuncia da CIG, anulou as encomendas de control de patrimonio arqueolóxico a esta mesma empresa.

As encomendas de Medio Ambiente son diversas e afectan a varios servizos da consellería que con estas novas contratacions se veñen a reforzar. Así Tragsatec está a realizar dende traballos auxiliares de impacto e avaliación ata actividades de control, competencias claras do persoal funcionario público.
E tamen están a tramitar axudas e autorizacións de instalacións, a recompilación do expediente, coa análise da documentación das solicitudes, o informe ambiental que logo pasan a autorización coa sinatura de funcionarios públicos. Crease así unha clara inseguridade xurídica ao persoal funcionario que ten que asinar un traballo do que non fixo o seguimento ademais de extraer da rede da Xunta expedientes e información sensible. Ademais cuestionamos que unha empresa realice todos os trámites administrativos para instalacións de alto impacto como son parques eólicos ou minería extractiva.

A Consellería de Medio Ambiente fai encomendas ao tempo que nin reforza o cadro persoal nin cubre as vacantes

As de informe de impacto non son as únicas encomendas de servizos que corresponden a funcionarios e funcionarias públicas, son todas como os traballos do servizo de calidade ambiental e do seu persoal inspector ou de Augas de Galiza que se externalizan ao tempo de que esta consellería é campioa en non cubrir as prazas vacantes e moito menos as baixas do seu persoal e ten amortizado numerosas prazas nos últimos anos.

O goberno do PP privatiza servizos públicos empregando as encomendas de xestión

Esta externalización “a contagotas” supon ao fin a privatización dos servizos públicos da Xunta de Galiza conformando unha administración paralela. Medio Rural, Politica Social e Sanidade tamén teñen abondosas encomendas a esta empresa pero hai outras como a do 012 que leva xa a maioria das xestions cidadáns coa Xunta.

Na CIG témolas en estudo para a sua demanda xudicial inmediata, se tes información e queres axudar, ponte en contacto con nós aquí.

Estas son os servizos que se externalizan coas resolucións do 31 de xaneiro:

Traballos auxiliares de avaliación ambiental estratéxica, de avaliación de impacto ambiental, de tramitación da autorización ambiental integrada, así como traballos auxiliares relacionados coa calidade do solo: 1.056.574,14 €

Encomenda que comprende o servizo técnico cualificado para a análise, xestión, planificación e control da xestión de residuos de Galicia: 544.838,04 €

Outro servizo técnico cualificado para a predición e difusión climatolóxica, o seguimento do estado químico e ecolóxico das augas, o control da calidade do aire e o cambio climático: 2.717.669,10 €

O asesoramento xurídico, económico e de información ambiental en materia de calidade ambiental e cambio climático: 668.250,57 €

 

En relación ás prazas do concurso que estaban adxudicadas a persoas que se xubilaron, e despois de que llo fixéramos constar a Función Pública esixindo unha reasignación dos postos, finalmente a Xunta o que decidiu ao respecto é o seguinte:

  1. Coas prazas que foron adxudicadas no concurso a compañeiros/as xubilados/as antes da resolución, se fai unha reasignación. Isto xa se pode observar a través da páxina de Función Pública.

  2. Coas prazas de orixe destes/as compañeiros/as e que formaban parte do concurso ao ser prazas de resultas, deciden DEIXALAS DESERTAS e retiralas do concurso.

Isto non ten moita lóxica. Esas prazas formaban parte do concurso ao ser prazas de resultas, son prazas que agora están vacantes por xubilación, que foron solicitadas no concurso e que o xeito ordinario de cubrilas e mediante concurso, precisamente o que está en marcha.

Manifestámoslle a Función Pública o noso desacordo con isto e esperamos que corrixan esta decisión.

E sobre as persoas que non validaron a solicitude e que constan como concursantes pero con cero puntos, Función Pública finalmente decide que ao ter todos os postos un requisito de puntuación mínima non pode adxudicalos a ninguén que teña cero puntos, incluso no caso de postos aos que só concursou unha desas persoas ou que habendo máis dun concursante quedaron desertos.

A excepción serían aquelas persoas que tiñan a obriga de concursar, ás que se lles adxudicará unha praza de oficio. Tanto nun caso como noutro a Administración se ampara en que non se poden saltar as bases do concurso.

Outro asunto de grande importancia é que dos postos ofertados en resultas hai algúns que retiran do concurso porque pretenden amortizalos. As bases do concurso din que "A adxudicación dun posto de resultas estará condicionada a que o dito posto sexa de necesaria cobertura". Este epígrafe foi un dos aspectos aos que a CIG se opuxo durante a negociación, pero mantiverono igualmente. Para a CIG, se un posto está na RPT, é un posto necesario, e por tanto teñen que ofrecelo. A cacicada vai acompañada da desilusión que veñen que provocar nalgunha xente que fai uns días aparecía cun posto adxudicado, e uns días despois xa non.

Incapaces de responsabilizarse dos seus actos discriminatorios, os culpábeis de paralizar o grao II da carreira e de asinar acordos que exclúen ao persoal, tratan unha vez máis de retorcer a realidade.

Como émulos de Pablo Casado levan tempo recorrendo á falacia do home de palla e a outros sesgos cognitivos propios da posverdade. Vexamos que nos contan estes fenómenos.

Na comisión de seguimento do acordo de concertación acordaron:

- Seguir pagando o segundo grao extraordinario pendente ao persoal que xa tiña recoñecido o primeiro.

- Incorporar ao persoal que non cumpría os requisitos, no ano 2019.

- Estender a aplicación da carreira ao resto de empregados públicos da Administración Xeral da Xunta de Galicia.

Segundo eles isto é para superar o estancamento “como consecuencia de varias demandas interpostas pola CIG que anulan para todo o persoal a parte do Acordo relacionada coa continuidade da carreira profesional extraordinaria”

Pero aquí xorden varias cuestións:

1ª cuestión: se as demandas da CIG anulan a carreira por que seguimos cobrando o grao I?

2ª cuestión: se a sentenza da CIG é de 14/07/2021 e a orde para regular o grao II tiña que publicarse segundo o acordo de concertación no 2º semestre de 2020, como pode ser que non poñer en marcha o grao II sexa consecuencia das demandas da CIG?

3ª cuestión: e se as demandas da CIG paralizaban a aplicación do grao II, que mudou agora para que si se poida aplicar?

Pois ben, a sentenza gañada con posterioridade a que se tivera que poñer en marcha o grao II non anula “para todo o persoal”, senón que anula un acordo porque non inclúe a todo o persoal. Se o inclúe remata a causa de nulidade. E isto non quixeron facelo ata o de agora.

Polo tanto:

1ª resposta: a demanda da CIG non impedía o cobro do grao I a quen xa o tivese concedido.

2ª resposta: a Xunta decidíu, antes da sentenza da CIG, paralizar o grao II e CCOO e UGT para eludir responsabilidades difundiron o bulo de que interpoñer unha demanda paralizaba un proceso.

3ª resposta: agora non mudou nada. Fan agora o que tiñan que ter feito hai dous anos. Incluír a todo o persoal e poñer en marcha o grao II. E se non mudou nada terán que explicar por que tardaron 2 anos en recoñecer a universalidade da carreira e ano e pico en poñer en marcha o grao II.

E para rematar cóntannos que a súa iniciativa permite retomar a carreira “...sen necesidade de agardar (seguramente varios meses) aos pronunciamentos dos tribunais”.

Que buenas son las hermanas ursulinas!. O que non din é que esta extensión “ao resto de empregados” faise precisamente porque a CIG gañou varias sentenzas e que a propia Lei acompañamento dos Orzamentos que modifica a Lei de emprego público de Galiza ASÍ O RECOÑECE. Ao resto do persoal se lle vai aplicar a carreira PORQUE A CIG O GAÑOU NOS TRIBUNAIS. E ademais, cuñaos, se non tendes que agardar á pronunciamentos dos tribunais, por que non se puxo o grao II en marcha cando dicía o acordo?

Bulo tras bulo ata a derrota final, ocultando que son os verdadeiros culpábeis de que ninguén ata o de agora cobre o grao II e a metade do persoal non cobre o grao I.

Só falta que nolo conten entre vacas nunha macroganxa. Viva el vino!

No DOG do 15/02/2022 a EGAP publica a Resolución do 11 de febreiro de 2022 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/ matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

A Xunta leva á Mesa Xeral de Empregados Públicos do luns 14 de febreiro a negociación das RPT de varias consellerías para a funcionarización exprés do persoal

Función Pública sáltase os seus propios criterios e deseña unha RPT de funcionarización onde postos semellantes teñen diferentes níveis e complementos. Nin homoxeneiza nin harmoniza os postos equivalentes da mesma categoría e as mesmas funcións para que teñan igual salario coa escusa de que as RPTs son “dinámicas”.

As présas son malas compañeiras e a día de hoxe nin sequera temos claro que vaian a recoller os pluses recoñecidos no xulgado. A maior abastanza, pretenden publicar a RPT o 1 de marzo sen negociar nada máis, nen mover un pao. Unha vez máis enviaron a documentación para a Comisión de Persoal (16/02/2022) uns minutos antes da Mesa de negociación. Xa o teñen todo amañado cos socios de CCOO e UGT, que están encantadísimos.

Previo á funcionarización, a CIG reclama a negociación dun Acordo marco regulador que recolla os dereitos laborais de todo o persoal

A CIG non se vende, seguimos a loitar pola condicións salariais e laborais do persoal que se funcionariza. A Xunta resposta mencionando o Acordo de concertación, pero nin nese acordo nin no decreto de funcionarización atopamos ningunha referencia ao mantemento dos dereitos: terán que deixalo clariño para que cada centro directivo non faga o que lle pete co persoal afectado. A única forma é recollendo os dereitos laborais na LEPG ou mediante un Acordo marco regulador.

O mesmo día que se publicou no web de Función Pública a adxudicación definitiva de postos do concurso de traslados, saltou o ruxe-ruxe de que a adxudicación quedaba en suspenso polo erro de incluir na adxudicación a compañeiros e compañeiras xa xubilados aos que lles foron adxudicados postos no concurso.

Tras consultalo con Función Pública, o que se nos transmitiu é que habería “reaxustes”, pero non unha suspensión.

Voltamos preguntar por esta cuestión na Mesa Xeral do luns 14, solicitando que se asignen eses postos, Segundo o director xeral o número de postos afectados son poucos, entre 3 e 5, e se corrixirá a adxudicación antes da publicación no DOG (prevista para o venres 18).

Solicitamos tamén o listado de todos os postos do concurso que quedaron desertos e di que non o facilitará ata que se corrixan os erros da adxudicación.

Unha vez publicada a adxudicación de destinos no web de Función Pública, a publicación da correspondente resolución no DOG sería o seguinte venres día 18, segundo transmiten dende a Administración e consta no mencionado web.

Falta desvelar cando vai ser a toma de posesión, condicionada polos 82 postos ofertados que están ocupados por persoal laboral indefinido por sentenza. E sobre isto, temos algo que contar.

Despois de que o director xeral obviara este asunto, e só falase de simultanear a toma de posesión do concurso coa das persoas que están en destino provisional da anterior promoción interna, manexábamos tres opcións (na nova anterior)

  • Que as 80 prazas non foran adxudicadas a ninguén no concurso, e Función Pública ao ter estes datos decida non agardar pola resolución dos procesos selectivos ao non haber o perigo de ocupar eses postos por concurso antes que por proceso selectivo.
  • Que hipoteticamente si puideran ser adxudicadas pero Función Pública decidira retiralas do concurso de tapadillo, sen dar explicacións.
  • Que si haxa adxudicación dalgún deses postos no concurso, pero Función Pública decidira dalos igualmente, asumindo que o persoal que está neses postos poida ir ao xulgado e incluso gañar. Isto é, darlle unha patada para adiante ao problema e dentro dun tempo xa dirá a xustiza se hai que mover postos.

Con calquera destas opcións, as tomas de pose podían ser en dous ou tres meses ou menos. Se a alternativa era agardar polos procesos selectivos de acceso libre que están actualmente en execución, a cousa quedaría para setembro ou máis.

Unha vez que xa temos os datos das adxudicacións, puidemos cruzar prazas ofertadas e adxudicacións, e obtivemos os seguintes datos:

  • Das 82 prazas referidas, só foron adxudicadas 2 no concurso. As outras 80 non aparecen adxudicadas.

  • As 2 adxudicadas estaban ocupadas por persoas que xa se presentaron a un proceso selectivo e suspenderon, polo que as prazas poden ser adxudicadas no concurso.

E que pasa coas outras 80 que non foron adxudicadas? Das tres opcións que manexabamos xa queda despexada a terceira (eliminan a posibilidade da vía xudicial). Falta saber se é que non as pediu ninguén, ou se as retiraron para facilitar a resolución do concurso, como a CIG pediu fai máis dun ano.

Con este panorama, non hai motivos para pensar que a toma de posesión vai quedar para setembro. Non podemos dicir cando será, pero probablemente sexa antes do verán. Ata podería ser dentro dun mes.

Pero sexa cal sexa a opción que escolleron non fai falla agardar máis tempo. Só teñen que convocar para darlles o destino definitivo con prazas sobrantes do concurso ás persoas dos anteriores procesos de promoción interna e libre que están en destino provisional e facer a toma de posesión simultánea. E non habería que esperar a que se resolvan os actuais procesos que están en marcha de promoción interna e libre. A que esperan?

E que pasa pasa coas persoas xubiladas que obteñen praza no concurso?

Función Pública segue cubríndose de gloria. Detectamos varias persoas xubiladas ás que lles adxudican un posto no concurso. Esta broma pesada, máis que un erro puntual parece indicar que a base de datos coas adxudicacións do concurso estaba feita dende hai moitos meses, e que agora nin se molestaron en aplicar un filtro para eliminar ás persoas xubiladas.

Esiximos que antes de que saia a resolución no DOG se corrixa a adxudicación tendo en conta estes postos. Isto sería unha pequena mellora (máis postos de concurso) para moita xente que as pediu e ás que non llas adxudicaron.

A este respecto, feita a consulta con Función Pública asegúranos que non se paraliza o concurso (ruxe-ruxe que xa está moi estendido), pero si que se vai producir un “reaxuste”. Como se trata de engadir prazas, podería producir algún cambio, pero sempre por engadir persoas, non por excluílas.

A última sentenza do TSXG gañada pola CIG remata coa chantaxe ao que estaba sometido o persoal laboral fixo para cobrar a carreira profesional: xa non é necesario funcionarizarse.

A Xunta resposta atropeladamente á sentenza contra a Orde de confección de nóminas do 2019 enviando para aprobar a toda presa na mesa xeral a RPT das prazas a funcionarizar para apurar a toma de posesión e manter a chantaxe, a pesar de que non temos negociados os dereitos laborais.

Na CIG solicitamos unha xuntanza con Función Pública para executar a sentenza e que abra un novo prazo para poder solicitar a carreira a todo o persoal, fixo, interino e temporal.

No decreto de funcionarización non hai ningunha referencia aos dereitos laborais

A maior parte dos postos que se funcionarizan teñen condicións laborais específicas como o traballo a quendas, as noites, a penosidade ou traballo con cargas ou tóxicos. A Xunta con CCOO e UGT negáronse a regular as condicións laborais e nin sequera garanten os dereitos que temos hoxe.

E non paran de chegar queixas das categorías que xa foron funcionarizadas, a pesar de que nos dixeron que “ian quedar igual”: neste nadal non cobramos a paga extra como antes, obrigáronnos a estar no centro cando pecha a usuarios e nos impuxeron horarios. Que cristo van armar agora coa funcionarización do persoal bombeiro, ou de centros educativos ou de residencias?

O persoal que se funcionariza vai quedar sen convenio e a Xunta, CCOO e UGT negáronse a traspasar os dereitos á Lei de Emprego Público. Na CIG opoñémonos a unha funcionarización sen regulación das relacións laborais e esiximos á Xunta, previa a funcionarización, un Acordo regulador das condicións de traballo.

Que perdemos coa funcionarización si non trasladamos os dereitos do V Convenio?

1. A negociación de carteleiras (o que na práctica supón imposición horaria e de quendas), as compensacións e os límites de fines de semana e festivos, etc.
2. O dereito a roupa de traballo anual, material…
3. As superiores categorías
4. As adscricións reguladas
5. Os trienios de 31,88
6. Os pluses salariais e a reclamación de cantidades
7. A promoción interna do 50%
8. Acudir ao xulgado do social se tes problemas (sen custes e rápido)
9. A posibilidade de presentar un conflito colectivo
10. A xubilación parcial anticipada e o resto de dereitos ancorados ao contrato de traballo

Outras novas recentes

Venres, 19 Xuño 2026

Plantón sindical a Educación na negociación da RPT ata que non negocie un acordo para o persoal non docente

O pasado venres 12 de xuño a Consellaría de Educación convocou ás organizacións sindicais (OOSS) para negociar unha modificación da RPT sen aportar documentación algunha o que precipitou ter que adiarse esa xuntanza para o día de hoxe, venres 19 de xullo a petición da parte social e logo de remitir un borrador para a mesa. Hoxe, venres 19, a CIG e as outras OOSS presente na...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e agrupación profesional

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...
Xoves, 18 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix)

No DOG do 18/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2026 pola que se convocan as probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) nos seus niveis de iniciación e intermedio para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, da...