- Detalles
A lei 20/2021 de temporalidade outorga as administracións públicas unha taxa adicional para a estabilización de prazas. Cantas prazas e en que quendas teñen que saír a estabilizar na OEP da Xunta e o quid da cuestión, máis polo de agora Función Pública non avanzou nin sequera unha listaxe provisional e o tempo estáselle a botar enriba. Non aceptamos chapuzadas con números globais e, se non o fan ben, o conflito esta servido.
Deben saír a estabilización as prazas vacantes e estruturais que estean ocupadas por persoas temporais ou interinas ao menos 3 anos antes do 31/12/2021. Repéscanse tamén as ofertadas non convocadas e as que, rematados os procesos, quedaron desertas.
Quenda ordinaria (concurso-oposición): todas as prazas que estiveran cubertas temporal e ininterrompidamente polo menos nos 3 anos anteriores a 31/12/2020.
Quenda extraordinaria (concurso): igual que as anteriores pero cubertas temporal e de xeito ininterrompido dende antes do 1/01/2016. E tamén, as que estando cubertas con posterioridade a esa data, as persoas que as ocupan sexan interinas dende antes do 1/01/2016.
A referencia para tomar os datos é a 31/12/2020, porén a Xunta xa adiantou que empregaría a data do 30/122021. Non nos estraña a súa actitude xa que so uns días antes da entrada en vigor da lei sacou convocatorias con prazas afectadas pola quenda extraordinaria de estabilización (DA6).
Podes baixar o CIG-Informa en formato PDF nesta ligazón.
- Detalles
No DOG do 18/03/2022 publican a Resolución do 15 de marzo de 2022 pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala superior de finanzas, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala técnica de finanzas.
A base IV da convocatoria establece «rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo».
Durante este prazo as persoas interesadas poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados na resolución de convocatoria, modificada pola Resolución do 12 de agosto (DOG núm. 159, do 19 de agosto), aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/
A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente, segundo o establecido na base II de Tramitación electrónica.
Os prazos habilitados para a presentación das solicitudes de participación e a xustificación dos méritos e requisitos comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, e detállanse no seguinte cadro resumo:
| Descrición | Prazo | Período | Observacións |
| Presentación das solicitudes de elección de postos | 15 días hábiles | Desde o 21.3.2022 ata o 8.4.2022 | Base IV da convocatoria do concurso |
| Xeración do impreso de emenda de méritos | 15 días hábiles | Desde o 21.3.2022 ata o 8.4.2022 | Base VI.2 da convocatoria do concurso |
| Expedición do certificado de méritos | 45 días hábiles | Desde o 21.3.2022 ata o 25.5.2022 | Base VI.2 da convocatoria do concurso |
| Presentación do certificado de méritos | 50 días hábiles | Desde o 21.3.2022 ata o 1.6.2022. | Base VI.2 da convocatoria do concurso |
- Detalles
Máis expedientes, máis complexidade administrativa e menos persoal.
Vai tempo que esta unidade ten unha importante saturación de expedientes, acentuada aínda máis nestes días; ata 67 expedientes de media por cada un dos técnicos; mui superior ás restantes provincias e para nada comparable cos que poidan seguirse noutras autonomías. As intervencións pasan polo seguimento diario de cada unha das actuacións propostas, tanto das ordinarias como as de urxencias.
As intervencións de urxencia implican resolver de inmediato as situación de desamparo dos menores coa busca de centros -saturados- e de familias -insuficientes- que garantan a súa protección e a defensa dos seus dereitos fundamentais. Esta insuficiencia de recursos para dar cumprimento ás resolución adoptadas, complica e paraliza a execución dos plans de traballo cos menores e as súas familias.
A sobre carga de traballo tradúcese na obstrución e atraso xeneralizado na tramitación dos expedientes, intentando resolver os máis urxentes e quedando nun segundo plano ou no esquecemento os menos urxentes e, como consecuencia, mui pouco traballo preventivo e situacións ordinarias desatendidas.
O número de expedientes por técnico e totalmente irracional e inasimilable o que implica que as valoracións sexan nun contexto de moita tensión e incerteza na toma de decisións e, en ocasións, son vítimas de condutas agresivas e ameazas por parte dos usuarios, cun elevado risco para a súa seguridade e integridade emocional.
Ao incremento de expedientes e a insuficiencia de recursos hai que sumar a maior complexidade na tramitación administrativa coa posta en marcha dunha aplicación “VALORA” e a nova circular de acollementos que son moi esixentes en canto a formulismos burocráticos.
Esta situación de precarización do servizo repercute de cheo na eficacia e calidade do seu traballo e mesmo crea inseguridade xurídica pola continua asignación de expedientes aínda que se coñeza que non poderán ser valorados no tempo mínimo nin coa dedicación esixible que merece o interese supremo do menor.
Dende a CIG esiximos da Consellaría de Política Social unha actuación decidida cara un incremento de efectivos, emprego estrutural, para así dar resposta ás necesidades dos menores e as súas familias.
- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública achegounos os borradores das seguintes convocatorias de procesos selectivos:
| Nome | Total prazas | Discapacidade | Promoción interna | Descargar |
| A2. Escala técnica de finanzas | 8 (OEP 2019) | 1 | 2 | Descargar |
| C2. Auxiliar administrativo | 5 (OEP 2019) | 5 (intelectual) | Descargar | |
| A1. Bibliotecas e museos | 1 + 1 (OEP 2020) | 2 | Descargar | |
| AP. Subalterno | 119 (OEP 2019 e 2020) | 8 | Descargar | |
| C2. Auxiliar coidador | 65 (OEP 2019 e 2020) | 5 | 16 | Descargar |
| A1. Corpo superior | 75 (OEP 2020 e 2021) | 5 | Descargar | |
| C2. Auxiliar de clínica | 54 (OEP 2019 e 2021) | 7 | 14 | Descargar |
O prazo que temos para presentar alegacións escritas é ata o luns 21, polo que se queres aportar algo, podes contactar coa CIG antes desa data.
- Detalles
O día 10/03/2022 tivemos unha reunión “informal” á que nos convocou Función Pública para falar sobre o Real Decreto-lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral e sobre a Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade.
Hai que dicir que finalmente nada nos trasladou en relación á reforma laboral e o que fixeron foi basicamente informar a grandes trazos sobre a lei de temporalidade.
Despois de facernos un resumo da lei 20/2021, destaca o director xeral que a data tope que van tomar para determinar o cómputo das prazas afectadas polos procesos de estabilización (concurso-oposición e concurso de méritos) vai ser o 30 de decembro de 2021, data da entrada en vigor da lei. Entendemos que o que van facer é ter unha foto fixa a esa data das prazas existentes que cumpran cos requisitos.
En relación ao requisito de “ocupación ininterrompida” das prazas parece que tomarán como criterio o concepto que se establece no borrador de criterios da Secretaría de Estado de Función Pública, aínda que este borrador non sexa de obrigado cumprimento e simplemente sexa unha recomendación.
Lembrou o DXFP que o art. 20 da Lei 22/2021 de Orzamentos Xerais do Estado di que non computan para a taxa de reposición as prazas de persoal indefinido non fixo.
Nestes procesos de estabilización tamén irán as prazas vacantes que cumpran os requisitos, tanto si figuran na RPT como si non figuran, tamén as do entes instrumentais e as que son a tempo parcial e as fixas-descontínuas.
A maiores na OEP ordinaria de 2022 se incluirá a taxa de reposición do 2021 que é de 700 prazas.
No caso dos procesos de concurso-oposición pretende simplificar o baremo que aconsella o Estado dando prioridade a experiencia profesional na escala que se convoque.
No caso do concurso de méritos, considera Función Pública que o baremo do Estado (60% os méritos profesionais e 40% os méritos académicos) non é o máis beneficioso para o persoal.
Das prazas de concurso-oposición e de concurso non se detraerán ningunha para promoción interna pero si para a quenda de discapacidade.
Antes da elección de destino destes procesos manifesta que terá que haber un concurso de traslados do persoal funcionario de carreira.
Advirte que todo isto se vai negociar no ámbito da Mesa Xeral dos Empregados Públicos onde están representados os 4 sindicatos (hai que lembrar que esta reunión era “informal” e estaba SEPGA).
En relación á valoración da experiencia profesional o director xeral comenta que teñen os informes da Asesoría Xurídica da Xunta que confirman que teñen que valorar por igual o tempo traballado nesta ou en calquera outra administración da Unión Europea no mesmo corpo ou escala (segundo o director xeral, esa é a xurisprudencia do TXUE e que coincide cos criterios xurisprudenciais do TSXG).
Aclara tamén que nos procesos de concurso non pode haber exame de galego, polo que terán que ver como se esixe o coñecemento si como requisito ou como mérito. E ante os criterios de desempate di que se non hai outros mellores serán os que se estableceron nas convocatorias en curso.
O que nos conta o director xeral non é nada novo, polo que para saber ao que nos enfrontamos teñen que achegarnos, entre outras cousas, os borradores das convocatorias onde aparezan os criterios e a identificación das prazas que eles consideran que se axustan ao disposto na lei de temporalidade.
- Detalles
Para a reunión do día 10/03/2022 con Función Pública achegáronos as bases de varios procesos selectivos: das especialidades de arquivos, bibliotecas e museos das escalas de axudantes e facultativos, da escalas de enxeñaría de minas e enxeñarías técnicas de minas e obras públicas, de arqueólogos e de subalternos con discapacidade intelectual.
Segundo Función Pública ningunha das prazas está afectada pola Lei 20/2021 de temporalidade e a modo de exemplo cita en concreto que as 4 de enxeñeiros de minas son posteriores ao 1/1/2018, das 7 de arqueólogos 6 están ocupadas dende novembro do 2019 e 1 é vacante pura e as das escalas de arquivos, bibliotecas e museos 12 son vacantes puras e 8 cubertas dende xaneiro de 2021. Do resto non comentou xa que o fixo a grandes trazos polo que cando se negocie a convocatoria solicitaremos que se identifiquen os postos e as datas de ocupación.
Facemos constar que nesas convocatorias a quenda de promoción interna consta como de oposición pura e dura e non aparece a fase de concurso. Nos confirman que se trata dun erro e que o corrixirán engadindo as bases a fase de concurso para a promoción interna.
Tamén lle facemos constar que a CIG sempre defendeu o concurso-oposición como sistema de acceso e que ao non saber aínda cantas prazas desas escalas van ser ofertadas dentro do ámbito da Lei 20/2021 non parece acaido convocar mentres non teñamos os datos.
O director xeral comenta que moitas desas prazas veñen da OEP 2019 e que polo tanto caducarían e que ademais teñen que cumprir co que dicta a lei polo que vai ser difícil chegar a ter un 8% de temporalidade se se deixan caducar as ofertas.
Traballamos sobre as alegacións a presentar. Se queres facernos suxestións ponte en contacto con nós.
- Detalles
A CIG-Autonómica reuniuse cos grupos parlamentares
Representantes da CIG reuníronse este xoves 10 de marzo con representantes do grupos parlamentarios do BNG e do PSOE e o mércores 9 co grupo Popular para demandar o recoñecemento de coeficientes redutores para o persoal gardacostas de Galiza.
Na CIG consideramos vital a consideración das especiais condicións de traballo destas traballadoras e traballadores e que, por iso, é fundamental ese recoñecemento para a xubilación anticipada.
A lei do servizo de gardacostas de Galiza é de 2004 pero, este persoal viña desenvolvendo as súas funcións desde o Servizo de Protección de Recursos Mariños. Isto implica, que levan 30 anos, desde o traspaso competencial á Xunta sen recoñecemento coeficientes xa que pasaron do réxime especial do mar ao réxime xeral.
O Servizo de Gardacostas conta con diferentes escalas de persoal como a de axentes, executiva, operativa, técnica e de inspectores veterinarios. Dispoñen de medios para realizar as tarefas de vixilancia, control e salvamento, bases e embarcacións de vixilancia e inspección e incluso de remolcador e buque de salvamento e tamén helicópteros.
Competencia exclusiva
Galiza ten competencia exclusiva en materia das súas augas interiores, marisqueo e acuicultura e dada a importancia económica e social que para o noso país ten este sector, defendemos o reforzo do seu persoal e das súas funcións como fundamentais e rexeitamos a deriva de funcións de competencia autonómica cara a Garda Civil, ou incluso a Policía Nacional, ambos corpos e forzas de seguridade do estado español.
Lembramos as condicións xeográficas galegas con tantos quilómetros de costa, a necesidade de levar adiante as funcións e operativos polo coñecemento da xeografía e das peculiaridades de pesca, a complexidade da nosa costa de cara a operacións de salvamento, control do furtivismo ou mesmo traballos de Inspección e salvamento en augas exteriores, mediante un acordo de colaboración con medios do Estado.
Circunstancias que fan necesario o reforzo deste servizo para que Galiza asuma todas as competencias propias respecto ao relacionado co mar, para o que precisamos maiores medios e persoal e mellores condicións laborais.
Xubilación anticipada
Por todo isto, a CIG considera que é vital a valoración e o recoñecemento de coeficientes redutores para a xubilación anticipada polas funcións que desenvolven.
A CIG subliña os efectos que o traballo ten a medio e longo prazo sobre a súa saúde e, polo tanto, a calidade de vida e considera que debe valorarse conxuntamente a sinerxía da especial penosidade das funcións do mar e o traballo en embarcacións de todo tipo, do traballo no salvamento, as quendas, a toxicidade en materia de contaminación mariña e as tarefas policiais e de vixilancia e inspección que realizan como axentes de autoridade, o que fai máis que xustificada a aplicación de coeficientes redutores.
Resposta dos grupos parlamentarios
O grupo parlamentario Popular comprometeuse a repetir a iniciativa presentada xa en 2016, na que instaban á Xunta a solicitar o encadramento deste persoal no REMAR e, á súa vez, á revisión dos coeficientes aplicados nese réxime xeral.
Pola súa banda o BNG, que ademais presentou recentemente iniciativas no Congreso das e dos Deputados, comprometeuse a reforzar as iniciativas e traballar por varias vías para conseguir a xubilación anticipada.
As representantes do PSOE, que xa eran coñecedoras da materia, consideraron que é de xustiza, indicaron que van estudar os camiños para instar ao recoñecemento dos coeficientes redutores deste persoal funcionario e que non se quede atascado como xa pasou en anteriores ocasións.
A CIG-Autonómica valora de xeito moi positivo estes encontros pero somos sabedoras de que a intención política axuda, pero sen a iniciativa da Xunta, cun expediente argumentado e a aprobación do goberno do Estado español, vai ser difícil.
Para rematar, indicamos que xa temos solicitado unha xuntanza con Función Pública e a consellaría do Mar, así como cos ministerios afectados para seguir a traballar neste recoñecemento.

- Detalles
O CSSL da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda celébrase o 4 de marzo logo da solicitude da CIG (18 de febreiro) polo inicio de actividades de control ante a alerta de gripe aviaria.
Nesta reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral tratáronse os seguintes asuntos:
Actuacións no caso do virus da influenza da gripe aviar H5N1
A subdirectora xeral de Biodiversidade expón que mantiveron unha reunión o 4 de febreiro co persoal dos Servizos que realizan traballos de recollida para “refrescar” a Circular de 2017, e que non se fixo antes porque non se detectaron casos e xa había un protocolo en vigor. Indica que se remitan correos con todas as dúbidas para tratar no vindeiro Comité.
Informa tamén da entrega de EPI´s no servizo de Lugo, e que en breve se entregarán aos demais.
Dende a CIG insistimos nas diferenzas coa campaña anterior e que se actualice a información a todo o persoal afectado e se dote de formación específica e medios preventivos.
Incidencia da 6ª onda do covid-19 entre o persoal da consellería
- 3º onda - 25 baixas: 2% do persoal.
- 6ª onda - 54 baixas: 7% do persoal.
Aínda que descoñecemos como poden sabelo din que non se detectaron casos graves.
Avaliación de riscos laborais de persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que realiza traballos de campo
A avaliación anterior foi no ano 2015 e os resultados finais son do ano 2019, polo que solicitamos unha revisión tanto do documento como comprobar se se tomaron as medidas preventivas.
A presidenta recoñece o retraso, e propón que se adapte ao persoal que se vai funcionarizar e que se indiquen os riscos que se deban incluír (traballos en illamento, agresións...) para que se trasladen ao Servizo de Prevención.
Uniformidade e estado de entrega da roupa de traballo ao persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que realiza traballos de campo
A roupa de traballo de traballo xa se ten entregado ao persoal dos Servizos de Coruña, Lugo e Ourense (nestes días), falta Pontevedra e non hai data de entrega, aínda que o compromiso é que sexa na semana do 15 de marzo.
Dase conta das queixas por parte de todas as organizacións sindicais do retraso na entrega por parte da empresa.
Dende a CIG trasladamos as queixas do persoal co tema das botas. As que se entregan veñen con punteira reforzada, o que pode producir danos nos pes ao camiñar, e que vai en contra do documento de avaliación de riscos, que contempla o modelo da UNE-EN ISO 20345, e non como parte da uniformidade.
Dende Prevención indican que non foi cousa do Servizo, que eles só indican cales son as adecuadas e que no documento se contemplan 3 modelos de botas.
Actualización no recoñecemento médico do persoal dos laboratorios
Solicitase a modificación do protocolo do recoñecemento para que se inclúa a proba de movementos repetitivos ao persoal de todos os laboratorios dependentes da consellería.
Rolda de intervencións
Na CIG denunciamos ademais estas situacións:
1. - Auga potable no Parque Nacional Illas Atlánticas.
A última recollida de mostras foi o 31 de agosto de 2021. solicitamos os resultados de dita analítica, para coñecer se persiste a problemática.
2.- Situación de illamento: Quendas definitivas do ano 2021 e 2022.
Ao haber unha persoa soa na illa a maior parte do inverno e tendo isto como un risco importante e que nos plans de acción se establece que o número de traballadores non sexa inferior en ningún caso a 2 persoas, solicitamos as quendas definitivas de 2021 e 2022 do persoal que presta servizo e pernocta nas illas.
3.- Formación en emerxencias para o persoal do Parque.
Está prevista a realización de cursos de primeiros auxilios a celebrar en Vigo.
4.- Parque móbil.
Solicitamos a adaptación dos vehículos á norma CEN 1789:2007
5.- Situación da RPT do Parque Nacional: grupo de traballo.
Pese a non ser un punto a tratar no comité, solicitamos o desbloqueo do grupo de traballo que previamente propuxéramos dende a CIG. (Despois deste CSSL fomos convocados á reunión de dito grupo)
- Detalles
O martes 8 de marzo tivo lugar unha terceira xuntanza para tratar a modificación de RPT da Consellaría de Medio Ambiente Territorio e Vivenda que xa estaba pendente de ir a mesa xeral. Esta xuntanza convocouse con motivo dunha memoria complementaria para incorporar a esta modificación:
- novas sentenzas xudiciais firmes, unha recoñece a unha traballadora a condición de persoal laboral indefinido non fixo e outra que recoñece o dereito a reserva de praza nos termos contemplados na disposición transitoria 10 (2ªparte) do V Convenio Colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galiza.
- a modificación das escalas de varios postos por mor das modificacións que na Lei de emprego público de Galiza fixo a Lei 18/2021, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
- a modificación de 4 postos de persoal laboral fixo descontínuo que pasan a 12 meses para poderen funcionarizarse (3 peóns forestais e un vixilante de recursos). Para financiar a ampliación pretenden amortizar un posto de oficial de establecemento e outro de peón forestal.
Desbloqueo da situación no Parque Nacional Illas Atlánticas
O persoal que presta servizo no Parque Nacional Illas Atlánticas sofre unha situación de bloqueo nas súas condicións laborais dende que o Parque foi transferido á Xunta de Galiza en 2008. A Xunta nunca fixo por incorporar nas RPT ao persoal transferido, nin avanzou na regulación das especiais condicións de traballo do persoal que presta servizo en condicións de insularidade, o que implica permanecer no posto de traballo períodos de 7 días consecutivos con pernocta nas illas e a total disposición as 24 horas.
Esta situación de falla de RPT e dunha regulación da xornada especial derivou nunhas condicións de traballo penosas que a CIG ven denunciando dende fai anos.
Na anterior xuntanza sobre a modificación da RPT a CIG tomou a iniciativa neste asunto propoñendo unha mesa de traballo para desbloquear unha situación que derivaba nun problema de cronificación da penosidade para o persoal. A proposta foi ben acollida pola Consellaría que propuxo a primeira xuntanza de traballo para o mes de xaneiro de 2022.
Na actual xuntanza e trala intervención da CIG, onde introducimos novamente o asunto, a Consellaría confirmou a data do 17 de marzo para convocar a primeira xuntanza da mesa de traballo sobre o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galiza para tratar a RPT e a regulación das condicións de traballo.

- Detalles
O Consorcio non dá de baixa na Seguridade Social ao persoal das listas cando xa ten rematado o contrato e agora reclámalle o soldo e a cotización. A xestión do persoal no Consorcio de Igualdade e Benestar é un auténtico caos: nóminas de traballadoras a 0, altas e baixas na seguridade social ao chou ou a obriga de devolucións salariais son algo habitual.
Hai tempo que na CIG vimos denunciando irregularidades na confección de nóminas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e incluso altas e baixas na Seguridade Social que non se corresponden coa situación laboral das traballadoras. Nestes días numerosas persoas das listas denunciaron o feito de que o Consorcio deunas de alta sen ter traballado e agora reclámalles o soldo e a cotización.
Pero non é o única desfeita coas nóminas, levamos á Valedora do Pobo o caso das traballadoras embarazadas, ás que ata que a mutua tivera todo certificado non lles pagaban e pasaban semanas sen cobrar. Agora, o Consorcio xa lles adianta o soldo pero despois, cando lles outorgan a prestación pola suspensión de contrato por risco para o embarazo, están obrigadas a devolver os pagos “indebidos”. O problema preséntase cando, dende o Consorcio, se lle indica que teñen que devolver tamén a cotización e a retención para o IRPF.
Co persoal substituto o caos é maior: danos de alta na Seguridade Social sen ter contrato ou, estando contratadas e co contrato finalizado, non lles tramitan a baixa. Logo, ao ingresarlles unha nómina que non lles corresponde, pídenlles a devolución, e tamén da cotización e da retención para IRPF e, para colmo, non lles fan chamamentos de listas para novos contratos porque figuran de alta.
Para mais, antes permitíanlles facer transferencia das cantidades cobradas indebidamente pero agora xa non; xeran débeda na nómina e vanlles descontando, deixando nóminas a cero euros ou reservándolles a débeda para cando volvan ser contratadas.
Este caos ten unha explicación a maiores da dinámica opaca e autoritaria que ten o Consorcio na relación coas súas empregadas: a sobrecarga do departamento que se ocupa da xestión do persoal. A CIG xa denunciou ante a autoridade laboral a situación polos riscos psicosociais aos que están sometidas. No departamento de xestión de persoal son as mesmas dende 2008 máis os centros e o persoal que xestionan multiplicouse dende esa data. A isto hai que engadir que o aumento de traballo por mor das baixas e as xestións co persoal ante a sexta vaga da Covid 19 que colapsaron o departamento .
Agora, recentemente avaliados os riscos psicosociais, conclúen unha situación nociva cun risco moi elevado para a saúde das traballadoras. Que vai facer agora a xerencia do Consorcio para remedialo?? E Política Social?
Dende a CIG pedimos que se adopten as medidas oportunas para corrixir esta grave situación e que se dote ao departamento de xestión de persoal do Consorcio en SSCC dos medios humanos e materiais que sexan necesarios .


