- Detalles
Na Comisión de Persoal do 22 de novembro foi aprobada, coa abstención da CIG e CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT, unha modificación da RPT da consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tras dúas xuntanzas previas coa consellería.
Durante máis de dez anos, ao abeiro do chamado Plan Estratégico para que el Servicio Público de Empleo Estatal y los Servicios Públicos de Empleo de las Comunidades Autónomas avancen progresivamente en la mejora de sus recursos humanos, materiales y tecnológicos, o servizo de orientación profesional que a Xunta de Galiza prestou ás persoas usuarias das oficinas de emprego estivo substentado na precariedade e na temporalidade dos empregados públicos que exerceron ditos traballos.
Diante das características do traballo desenvolvido polo persoal que exerceu as funcións de orientación laboral de xeito temporal, a CIG leva solicitado en numerosas ocasións a transformación deses postos de traballo temporal en postos estruturais dentro da RPT da consellería.
Non sen tempo, e en cumprimento do solicitado pola CIG, a consellería de Promoción de Emprego e Igualdade trouxo a negociación unha modificación da súa RPT para a creación de 130 postos de técnico/a de orientación e prospección laboral dentro da escala técnica de orientación laboral adscritos ás oficinas de emprego dependentes das catro xefaturas territoriais.
Dentro das escalas Superior e Técnica de Orientación Laboral crea tamén nos servizos centrais da consellería os seguintes seis postos:
• Un coordinador/a de orientación laboral, nivel 25
• Un coordinador/a de prospección laboral, nivel 25
• Catro técnicos/as de emprego, nivel 22
A creación destes 136 postos de traballo financiarase durante o exercicio 2022 con cargo a fondos finalistas estatais, mais na CIG amosamos a nosa inquedanza de como se financiarán en exercicios futuros e que a posible falta de financiamento se traduza en amortizacións.
Mentres non se proceda á provisión definitiva destes postos mediante a convocatoria dos correspondentes procesos selectivos, ofertaranse en comisión de servizo e os que non se cubran por ese sistema farase a través das listas de contratación temporal de persoal interino.
En adaptación á estrutura orgánica da consellería modifícanse a denominación dalgunhas unidades e créanse tamén en servizos centrais os seguintes postos:
• Subdirector/a Xeral de Emprendemento
• Secretario/a do/a director/a xeral
• Xefatura de Servizo de Programas de Apoio ao Emprego
• Xefatura de Servizo de Fomento do Emprendemento
• Xefatura de Servizo de Coordinación de Xestión de Programas e Fondos
Ao tempo, a consellería amortiza oito postos de traballo, dos cales setes están vacantes e un está ocupado en comisión de servizos.
- Detalles
Estamos convocados a unha Mesa Xeral e unha Comisión de Persoal para o martes 22 para tratar os seguintes asuntos:
Comisión de Persoal 22/11/22
- Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Descargar
Mesa Xeral de negociación de Empregados Públicos
- RPT de funcionarización do persoal laboral do grupo V, categorías 1 e 11, na escala de persoal de limpeza e cociña e recursos naturais e forestais (especialidade de persoal de limpeza e cociña). Vai á Mesa Xeral. Descargar
- Modificación da Orde de flexibilidade horaria por motivos de conciliación. Descargar
- Procedemento de integración como persoal laboral da Xunta do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Descargar
Se é do teu interese dicirnos algo, podes contactar coa CIG.
- Detalles
Na CIG Autonómica consideramos claramente insuficiente a suba do 5% anunciada onte polo conselleiro de Educación, que supón tan só 12 céntimos para alimentos, máis gas e produtos de limpeza por alumno/a e día.
Esta suba do 5% chega despois da denuncia pública da CIG na que recolliamos a demanda do persoal empregado público dos comedores escolares para que se actualizaran as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares, pola suba desmesurada da enerxía e dos alimentos e pola carestía da vida.
A suba anunciada do 5% é totalmente insuficiente diante da proposta de suba do 20% que propuxemos dende a CIG.
O gasto que se destina inclúe non solo alimentación, senón que tamén se teñen que asumir, con ese importe, os produtos de limpeza e gas propano (empregado nas cociñas dos centros escolares) polo que aínda incluíndo o 5% do ano anterior, o investimento total da Consellería para este ano é de 0,24 céntimos.
Dende a CIG consideramos ese incremento totalmente insuficiente para manter a calidade dos servizos públicos e aportar unha alimentación con produtos frescos, locais e de proximidade cun contido nutricional adecuado para os/as escolares.
A consellaría incrementou nun 30% a partida destinada a comedores privados
O aumento anunciado en medios de comunicación do 5% dos comedores públicos non soporta unha comparativa fronte ao 30% dos comedores das ANPAS (de xestión privada), o que lévanos a pensar que a ridícula suba na pública ten como obxectivo final baixar a calidade para xustificar unha privatización do servizo.
Afecta maioritariamente a comedores escolares do rural
Lembramos que a maioría dos comedores escolares do rural aínda son de xestión publica que resisten a política privatizadora do PP grazas ao magnífico servizo do persoal empregado público e á presión social das familias que se opoñen a que empresas fagan negocio coa saúde dos seus cativos e cativas.
O día 9 de novembro dende a CIG Autonómica remitimos un escrito ao conselleiro de Educación para que se revisaran e actualizaran as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares, xa que ao persoal se lle fai cada vez máis difícil dar unha alimentación saudable con produtos frescos, locais e de tempada.
Aínda non obtivemos resposta mais esperamos que o conselleiro recapacite e atenda a demanda da CIG para analizar polo miúdo os problemas das cociñas e dos comedores escolares co fin de seguir a dar unha alimentación de calidade e que deixe de utilizar aos nosos escolares para facer unha campaña da propaganda por uns ridículos e míseros 12 céntimos.
![]()
- Detalles
A nova Orde para acceder ao grao I e II do sistema extraordinario de carreira ultímase en Mesa Xeral de Empregados Públicos. A Administración tráeos en formato de "Acordos" para que CCOO e UGT continúen dóciles a dicir amén, mais non aproveitan para corrixir as eivas anteriores. Limítanse só a cumprir as sentenzas firmes ao mínimo indispensable.
Despois de que Función Pública decidira non publicar a Orde de acceso ao grao II no segundo semestre de 2020 (e lembramos que daquela non había ningunha sentenza que llo impedira), tráennos agora uns borradores nos que inclúen a case todo o persoal que cumpra os requisitos, obrigados polas sentenzas gañadas pola CIG.
Os importes anuais, tanto do grao I como do grao II van ser os seguintes:
| IMPORTES ANUAIS DA CARREIRA | ||||||
| Ano | % | A1/I | A2/II | C1/III | C2/IV | AP/V |
| 2022 | 60% | 1.553,47 € | 1.087,20 € | 774,72 € | 595,08 € | 480,89 € |
| 2023 | 80% | 2.071,30 € | 1.449,60 € |
1.032,96 € |
793,44 € |
641,18 € |
| 2024 |
100% |
2.589,12 € |
1.812,00 € |
1.291,20 € |
991,80 € |
801,48 € |
O procedemento para solicitar o acceso, unha vez aprobado, será a través da plataforma FIDES que de xeito automático determinará se se cumpren os requisitos. No caso de que o programa non admita a solicitude de carreira dunha persoa, esta disporá dun prazo de 10 días para poder presentar a solicitude e documentación xustificativa en sede electrónica. Non van aceptar actualizacións de expedientes no Portax, polo que se non temos introducida a formación, deberemos agardar a que nola requiran.
Pero ollo esta carreira trae trampa:
- O grao I non ten efectos retroactivos (isto determinarao o acto de execución de sentenza ante o TSXG), polo que se lle recoñece a todo o persoal que cumpra os requisitos dende agora, pero non dende o 2019.
- Non se restitúe o ano de grao II que nos fixeron perder CCOO, UGT e Función Pública ao non publicar a tempo Orde de acceso ao grao II, polo que os efectos deste serán dende o 2022.
- A data para cumprir os criterios do acceso ao grao I e II é o 31/12/2021, co cal ao suposto período de 5 anos de antigüidade para acceder ao grao I e 11 anos para o grao II se converten a día de hoxe en 7 e 13 anos respectivamente.
- Non manteñen aberta a convocatoria para os casos en que a relación laboral se vira interrompida a día de hoxe.
- Aceptan a alegación da CIG de que o tempo de maternidade, permiso de paternidade, acollemento adopción.. poida solicitarse ata un mes despois da reincorporación da baixa e dos permisos, así como os efectos económicos.
- Ábrese a carreira a todas as persoas empregadas públicas (incluído o persoal do Consorcio e Lei 17), agás ao persoal laboral fixo que non queira funcionarizarse.
- Deixan tamén fora da nova carreira ao persoal funcionario de carreira que xa percibe o grao I e que sumou tempo de antigüidade no corpo/escala doutras administracións públicas.
A campaña de ataque á CIG orquestrada pola Xunta cos socios necesarios de CCOO e UGT busca dividir o persoal e perder forza na loita polos dereitos do persoal
E a esta carreira de trolas xa habituais dos que deixaron fóra da carreira ao persoal e que nos deixaron sen un ano de grao II, CCOO e UGT, súmase agora o SEPGA que nunha nota di “o SEPGA foi o único sindicato que pediu tanto a eliminación da discriminación e o agravio económico que sufrimos os Grupos A1 e A2 en relación co resto de grupos”.
Pois resulta que a CIG, como se pode ver por exemplo aquí, xa pedía hai 3 anos a redución dos períodos alongados para o A1 e A2 para que todos puideran acceder ao 100% nos mesmos anos, ao igual que pedíamos a suba dos importes dos subgrupos C1, C2 e AP para que non se ensanchase máis a brecha entre os subgrupos altos e os baixos.
Van xa case catro anos de ataque á CIG, a quen busca xustiza e igualdade, a quen loita polos dereitos de todas e todos, sen exclusión. E cando o tempo e a xustiza nos dá a razón, veñen de solucionadores do problema que eles mesmos crearon por compracentes coa patronal.
Nota: Para a Comisión de Persoal posterior á Mesa Xeral, a Dirección Xeral de Función Pública cambiou o texto duas veces. Vai aquí ligazón para acceder á última versión:
- Carreira administrativa (carreira persoal funcionario)
- Complemento de desempeño (carreira persoal laboral)
- Detalles
O martes 15 e mércores 16 estamos convocados a diversas mesas de negociación nas que van os seguintes asuntos:
Acordo de convocatoria de acceso aos graos I e II de carreira administrativa (carreira profesional de funcionarios)
Vai á Mesa Sectorial de Funcionarios do 15/11/22 e votación na Comisión de Persoal do 16/11/22. Descargar.
Acordo de convocatoria de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño (carreira profesional de laborais)
Vai á Mesa Xeral do 15/11/22 e votación na Comisión de Persoal do 16/11/22. Descargar.
Proxecto de Decreto de creación do Centro de Innovación Educativa e Dixital
Vai á Mesa Xeral do 15/11/22 e votación na Comisión de Persoal do 16/11/22.
RPT de Promoción do Emprego e Igualdade
Vai á Mesa Sectorial de Funcionarios do 16/11/22. Queda pendente a Comisión de Persoal. Descargar.
- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública achega os borradores dos temarios para os procesos selectivos derivados da OEP extraordinaria da Lei 20/2021 (lei da temporalidade). Os sindicatos temos de prazo para presentar alegacións ata o xoves 17 de novembro, para o que podes contactar coa CIG.
En cada unha das descargas que van de seguido, podes atopar os temarios para diferentes escalas/especialidades/categorías do mesmo subgrupo de persoal funcionario (e equivalente grupo de persoal laboral).
- Detalles
Nunha reunión con Función Pública previa á mesa sectorial a CIG preguntou polas datas para a resolución de procesos selectivos pendentes.
Segundo o director xeral ESTA SEMANA (14 ao 18 de novembro) sairán publicados ou os actos de elección de destino ou as tomas de posesión de:
- Corpo de xestión (subgrupo A2), tanto promoción interna como libre.
- Corpo administrativo (subgrupo C1), tanto promoción interna como libre.
- Terapia ocupacional
- Medicina
A semana que vén sairán as do corpo auxiliar, promoción interna e libre.
Do resto de escalas da OPE Social están examinando alegacións.
Sobre o proceso de persoal subalterno (agrupacións profesionais) dará información na mesa sectorial do 15 de novembro.
- Detalles
Dende a CIG-Administración Autonómica denunciamos a rebaixa da calidade dos menús escolares pola inflación.
Vimos de remitir un escrito ao conselleiro de Educación en demanda de que se revisen e actualicen as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares. O gasto que se destina é de aproximadamente 2,30 € por alumno/a e día, que inclúe os produtos de alimentación e limpeza. Un investimento que non se ten actualizado nunca, cando as familias están a pagar 5 euros, máis do dobre do que realmente se está a investir na alimentación dos seus fillos e fillas.
Na CIG consideramos que ese incremento debe ser de, polo menos, un 20% sobre as contías vixentes, en función do tipo de comedor (A,B,C,D,E,F) e do tipo de alumnado, se son de Educación, Infantil/Primaria ou Educación Secundaria.
Denunciamos que os comedores escolares dos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que teñen un servizo de cociña quente, centralizado e xestionado directamente polo persoal de cociña, encargados de comedor, máis a dirección dos centros, estanse vendo moi afectados pola inflación.
Xa os anos de pandemia (Covid 19) tiveron un importante impacto no prezo e aumento do consumo dos produtos de limpeza e desinfección así como nas luvas, bobinas de papel etc.. A escaseza provocada polo aumento da demanda repercutiu nunha suba moi considerable dos prezos de mercado, sendo estes produtos de uso común no día a día tanto nas cociñas como nos seus respectivos comedores para poder minimizar os riscos en canto a seguridade alimentaria e saúde dos comensais que fan uso deste.
Inflación desbocada
A inflación que estamos a sufrir desde o curso escolar 2021-22, e que perdura neste curso 2022-23 está provocando unha alza dos prezos dos alimentos considerados como básicos (grans, verduras, froitas, produtos lácteos e proteínas) imprescindíbeis na dieta diaria para a alimentación do alumnado. Unha suba que afecta especialmente aos produtos frescos.
Esta situación está obrigando ao persoal de cociña a modificar os menús e, por conseguinte, a reducir a calidade da materia prima empregada para a súa confección, empregando produtos de segunda, terceira e cuarta gama (non perecedoiros) en detrimento de produtos frescos (perecedoiros). Estamos diante dunha situación moi complicada que produce unha grande carga de traballo e presión no ámbito laboral ao persoal de cociña, ao non ter os recursos de materias primas necesarias para realizar o seu traballo coa calidade profesional que deben mostrar os servizos públicos que se ofrecen.
Calidade, saúde e necesidades nutricionais
Na CIG consideramos que os menús escolares teñen que ir orientados cara unha alimentación de calidade, saudábel e sostíbel, adaptada ás necesidades nutricionais de cada grupo de idade. Nese senso, o xantar é, ademais, a comida máis importante do día, polo que non se pode reducir a calidade dos alimentos para poder manter este servizo.
Unha boa alimentación favorece a saúde, serve de prevención contra moitas enfermidades producidas polo déficit nutricional e é fundamental durante a etapa de crecemento do alumnado.
Por todo isto é importante que os centros escolares aporten un xantar equilibrado e básico para compensar a carestía da vida das familias e minimizar a repercusión da suba dos prezos na saúde e no rendemento escolar do alumnado. Na CIG defendemos uns servizos públicos de calidade cunha atención integral en toda a etapa de escolarización na que a alimentación completa e saudábel é parte fundamental e demandamos que, de contado, se actualicen os investimentos para garantila.

- Detalles
O pasado mércores 02 de novembro o Servizo de Persoal da Consellería de Medio Rural comunicou ás organizacións sindicais unha listaxe con varios postos de “Axentes Forestais” (desde hai varios anos a denominación correcta é Axentes Ambientais, pero é o que ten non querer saber nin preocuparse do seu persoal) para ser cubertos a través das listas de contratación de personal interino.
Cal é a nosa sorpresa que ao comprobar os códigos dos postos a cubrir observamos que hai varios deles que non foron ofertados previamente en comisión de servizo para o persoal funcionario de carreira.
Esta situación inaceptable ten a súa causa en que o persoal funcionario de corpos especiais leva máis de 10 anos sen ter un concurso de traslados, o que lle imposibilita exercer os seus dereitos de mobilidade e conciliación da vida laboral e familiar.
Pero o despropósito non remata aí, xa que un día despois de achegarnos a listaxe, tiveron que retirar o posto co código MRC995010127640007 AXENTE SERVIZOS PERIFÉRICOS-COMARCA FORESTAL: TERRA CHA porque a persoa que o ten en propiedade xa está reincorporada ao seu posto.
Por todo isto, solicitamos ao Servizo de Persoal da Consellería de Medio Rural que corrixa o seu erro e que antes de ser ofertados os postos a través das listas de contratación de persoal interino se oferten en comisión de servizo para poder ser solicitados polo persoal funcionario de carreira.
- Detalles
Función Pública interpreta as convocatorias ao seu xeito. Que se salve o máis agudo!!
O venres 4 de novembro tivemos a xuntanza coa Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal solicitada pola CIG e secundada polo resto de sindicatos para tratar as cuestións derivadas da baremación dos procesos selectivos da chamada OEP Social.
Introduce Función Pública a xuntanza dicindo que debido a que como xa se lles formularan cuestións durante os períodos de acreditación de méritos decidiran pedir a Política Social un informe sobre a consideración de catálogo de servizos sociais.
A consellería de Política Social emitiu ese informe no mes de marzo de 2022 e despois de todos estes meses Función Pública decidiu “sacalo” na xuntanza. O informe recolle que a prestación dos servizos sociais recollidos no catálogo vén regulada por varias normativas (Decreto 61/2016, Decreto 192/2015 e Decreto 149/2013), polo que aínda que un centro ( por exemplo un do SERGAS) non estea incluido dentro do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, se o persoal que traballa nel si que fai funcións que estean incluídas dentro do catálogo e a persoa responsable que certifica os servizos prestados así o acredita, vaise puntuar igual que ao persoal das residencias e centros da Xunta que prestan servizos dentro do catálogo.
É dicir, teríanse en conta dentro do apartado de prestación de servizos que vén redactado do seguinte xeito:
Experiencia profesional, entendida como os servizos prestados nalgunha das actividades descritas no catálogo de servizos sociais, ao que fai referencia o artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, en calquera Administración pública, como persoal laboral na categoría e grupo no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia ou como empregado público na mesma categoría, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación e desempeñe o seu posto no indicado catálogo de servizos sociais.
Esta redacción aparece en todas as convocatorias da OEP Social a excepción da categoría de Auxiliar de Clínica, na que non se fai referencia ao catálogo de servizos sociais, polo que non estaría afectada por este criterio.
Transmitímoslle as dúbidas e inquedanzas que a CIG estivo a recibir ao longo destes días e meses sobre as desigualdades existentes á hora de emitir os certificados de servizos prestados, dependendo do órgano que os emitise. Función Pública considera que todo o que están a facer está ben feito e é o máis legal aténdose as bases das convocatorias, que teñen que facer caso aos informes recibidos. Manifestan que terán en conta a documentación presentada durante o período de acreditación de méritos e aquelas emendas que consideren oportunas presentadas nos prazos de reclamación á baremación provisional.
Semella que as irregularidades cometidas por eles durante os períodos de acreditación de méritos e de reclamación son unha minucia.
Dixeron que transmitirían as nosas queixas ao director xeral de Función Pública, pero que de non chegar a unha solución “sempre está a opción das demandas individuais das persoas que se consideren afectadas”.
Manifestamos a nosa indignación e que esa é a maneira que ten a Xunta de apoiar a aquelas persoas que decidiron deixar outras oportunidades laborais para dedicarse plenamente á Xunta. E aínda se preguntan por que hai listas de contratación onde non hai xente... pois aí teñen a resposta, polo bo trato que lle dan....
Aquí está a gratificación da Xunta de Galicia!!


