- Detalles
A Dirección Xeral da Función Pública está a modificar contratos de forma unilateral, unha vez que concede un dereito a algún/ha traballador/a
Aproveitando a concesión de unha permuta, a Xunta de Galicia está a modificar o contrato de traballo no caso de persoal indefinido, engadíndolle a “coletilla” de máximo 3 anos de contrato.
Facendo unha utilización perversa do RD. 14/2021, e cunha interpretación do mesmo, poderíamos dicir que, particular, a DXFP considera que o citado decreto fala de “postos de traballo” e ao solicitar unha permuta o persoal indefinido non fixo gañado por sentenza xudicial, pasa a modificar o contrato de xeito unilateral engadindo a cláusula de máximo 3 anos.
Na práctica isto quere dicir que toda aquela persoa que sexa indefinida non fixa á que lle engadan esta cláusula ao cabo de 3 anos será despedida por “remate de contrato”.
Si ben, é certo que o RD dí taxativamente que os contratos de persoal funcionario interino terán unha duración máxima de 3 anos, nada fala da inclusión de novas cláusulas en contratos xa en vigor de persoal laboral e de xeito explícito, marca que dito límite será de aplicación unicamente ao persoal contratado a partir da data de entrada en vigor do dito RD, isto é, persoal contratado a partir do día 8 de xullo de 2021.
Dende a CIG ESIXIMOS que estas modificacións contractuais e a aplicación do RD 14/2021 e as súas consecuencias sexan negociadas cos/as representantes dos/as traballadores/as.
Entendemos que a inclusión deste tipo de cláusulas, a parte de ser abusivas, é unha modificación substancial das condicións de traballo que debe ser negociada.
- Detalles
A Consellería de Facenda publicou no DOG do 30/09/2021 a Resolución pola que fan públicas as listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas do Fondo de Acción Social do ano 2020.
Como ven sendo habitual dende que o Goberno do Presidente Feijoo metera a tesoira no ano 2012 a través da Lei de medidas no emprego público, o FAS do persoal da Administración da Xunta de Galiza quedou reducido exclusivamente á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Pasaron os anos, presumiron de recuperación económica, pero algunhas das medidas de recortes continuaron, entre elas, o FAS. Así, dende o FAS-2011 levamos perdidos máis de 7 millóns de euros anuais (pasamos dun orzamento de 9.136.392 € no FAS-2010 a 2.000.000 € de orzamento no FAS-2020). Neste ano, o asto foi de 1.662.503,62 €.
As persoas interesadas poderan consultar a súa resolución dende o web de Función Pública. Contra a resolución cabe recurso de alzada no prazo dun mes.
- Detalles
No DOG do 29/09/2021 publican a RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.
As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <listas de contratacion>, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo).
As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
- Detalles
Así o comunicou hoxe a directora xeral ao representante da CIG na mutualidade
A directora xeral de MUFACE, comunicou hoxe ao representante da CIG no Consello Xeral da mutualidade a rectificación na decisión do peche da oficina compostelá. A acción sindical diante do conflito realizada pola CIG logra, a través de mobilizacións e comunicacións, salvar o peche da oficina de MUFACE na capital galega.
A partir do 30 de setembro MUFACE centralizaría o servizo provincial de A Coruña na oficina desta cidade sen ter en conta o grave prexuízo que causaría ás comarcas que fan uso do servizo prestado dende fai moitos anos na oficina compostelá, sendo o colectivo de xubilados un dos máis afectados.
A CIG congratúlase da decisión adoptada pola Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís e da importancia das mobilizacións e decide desconvocar a concentración que tiña lugar hoxe ás once horas diante de oficina situada no baixo do número 23 da Avenida Rosalía de Castro de Compostela. A directora xeral de MUFACE informou da rectificación e solicitou a cancelación da mobilización, adiantando que se confirmará oficialmente o non peche da oficina na reunión de mañá do Consello Xeral de MUFACE.
Pendente da confirmación despois da reunión do Consello Xeral de MUFACE de mañá compróbase que a acción sindical diante do conflito e as mobilizacións serven.
- Detalles

Bombeiros e bombeiras forestais do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) mobilizáronse ao longo desta semana en varias concentracións diante das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, e da consellaría de Medio Rural en San Caetano, para denunciar a gravísima precariedade laboral e inseguridade xurídica que están a padecer.
Destas concentracións, que foron convocadas polos comités de empresa de Medio Rural, destacamos unha alta participación de traballadoras e traballadores a pesar das dificultades horarias e de xestión ao atoparse espallados por toda Galiza. Asi o martes 21 comezamos a loita mais de 300 compañeiros e compañeiras diante da xefatura territorial de Ourense, continuamos cunha alta participación sindical o mércores 22 diante do edificio administrativo de Lugo e rematouse cunha contentración moi activa diante de San Caetano do persoal que se trasladou dende as provincias de Pontevedra e A Coruña. Está claro que as mobilizacións van continuar xa que ningún cargo da consellería do medio rural quixo negociar a mellora das condicións de traballo destes empregados/as públicos.
Nestas mobilización denunciouse a precariedade do persoal fixo descontinuo, o próximo cese temporal de actividade do persoal de 6 meses ou a sobrecarga que supón a non cobertura de vacantes, incapacidades temporais, permisos ou licenzas. Esta reducción de efectivos para loitar contra o lume e realizar tarefas preventivas prexudica a operatividade do servizo público amais de por en risco e seguridade e saúde do persoal.
A todo isto sumase que o persoal non poida moverse tal e coma establece o V Convenio Colectivo coa incertidume do remate das adscricións temporais e superiores categorías. Tamén se reclama un proceso de consolidación/estabilización que remate coa elevada temporalidade que xa é superior ao 70%.
A CIG Autonómica impulsará e apoiará novas mobilizacións para seguir a loitar na defensa dos dereitos dos bombeiros e bombeiras forestais da Galiza.
- Detalles
Dende hai un par de meses están a modificar o web de Función Pública, cambiando a forma de acceso ás listaxes e á información xeral de procesos selectivos. Agora a información queda mais oculta e pode escapársenos como ocorreu coa data do segundo exame da promoción interna do corpo superior (A1), nova que pasou desapercibida durante días. Tamén cuestionamos que para acceder as listaxes, que son públicas, teñamos que introducir o número dun documento de identidade calquera, aínda que non participemos no proceso.
Así, as novas de procesos xa non aparecen nas novas xerais de Función Pública (saen clasificadas nun cadro específico) polo que coidamos que debera seguir a saír nas novas xerais e ter tamén acceso directo dende o proceso selectivo en cuestión. Fixémosllo saber á Dirección Xeral de Función Publica. Recoñecen a dificultade, din que mellorarán o acceso e estudarán se é necesario ou non ter que introducir o documento de identidade (para a consulta das listas do persoal docente ou do Sergas non se pide).
- Detalles
Mediante Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, do 3 de setembro do 2021, autorízase a difusión da campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente e non docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
É aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme as instrucións deste procedemento enviadas aos distintos centros de traballo. As persoas responsables dos distintos centros de traballo facilitarán a información necesaria para a inscrición dos traballadores e das traballadoras.
A dita inscrición realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no seguinte enlace:
https://revisionmedicaeducacion.xunta.gal
• A solicitude de inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a súa tramitación.
• Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.
• Prazos de inscrición:
◦ Prazo de inscrición xeral: vinte (20) días naturais a partir do día seguinte ao da difusión desta campaña na páxina web oficial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (martes 21 de setembro de 2021).
◦ Prazos de inscrición do persoal docente e non docente (funcionario e laboral) que sexa interino/substituto: os establecidos no documento “Precisión dos prazos de inscrición”.
- Detalles
A promoción profesional do persoal público é un dereito consagrado na Lei de emprego Público de Galiza. Todas e todos temos o dereito a ter posibilidades de medrar de categoría, coa superación de procesos selectivos nos que prime a formación a antigüidade e os novos coñecementos do corpo ou escala a ocupar.
A promoción interna sempre é a gran castigada pois normalmente mídese en termos moi similares ao acceso libre e nestas últimas convocatorias aínda máis penado que outros procesos de consolidación ou estabilización.
Unha das promocións internas que soe dar problemas é a de acceso dende a agrupación profesional ao corpo auxiliar (C2), posto que non só se contempla a superación de probas selectivas de lexislación senón que tamén mide o grado de coñecemento ofimático do persoal.
E aí temos o problema, os tribunais levan anos pasándose de rosca e en vez de facer un exame acaido as necesidades e funcións dun grupo C2, soen facer un galimatías de preguntas sobre todo dos programas de follas de cálculo dun nivel moi por riba do necesario.
O pasado venres 17 de setembro publicáronse as notas finais da PI de C2 e só foron quen de aprobar 13 persoas de 52 prazas convocadas (39 prazas vacantes, case un 75% do total). Esto debe ser un récord mundial de prazas desertas, e non concorda con un espírito de promoción profesional do persoal público.
A proba palmaria de que este sistema onde se aposta por unha complexidade inusual (Nivel Deus) na proba de coñecementos ofimáticos, son os resultados entre as dúas partes dese exercicio: na proba de lexislación aproban 50 aspirantes mentres que na de informática só 13. E normal este desfase? Por suposto que non.
Pero o histórico de agravios na promoción interna ao C2 é superlativo. Do seguinte cadro se desprende que NON QUEREN QUE O PERSOAL PROMOCIONE:
| Ano | 2008 | 2012 | 2017 | 2020 | Total |
| Prazas | 170 | 139 | 106 | 52 | 467 |
| Aprobados/as | 89 | 131 | 57 | 13 | 290 |
| Prazas sen cubrir | 81 | 8 | 49 | 39 | 177 |
| % de prazas desertas | 47,6% | 5,8% | 46,2% | 75,0% | 37,9% |
Entre as últimas 4 promocións internas a Administración deixou desertas 177 prazas, chegando á escandalosa cifra do 75% das prazas desertas nesta última convocatoria.
Dende a CIG non pretendemos que lle regalen a praza a ninguén, pero os exames deben ser acaidos ás funcións a desenvolver e axeitados ao nivel profesional ao que se está a acceder (neste caso non son A1 da escala de informática senón auxiliares administrativos).
Queremos unha promoción interna xusta, e non un mero matadoiro de ilusións. Outras administracións coidan ao seu persoal, aquí parece que molesta intentar mellorar...
- Detalles
Despois de varias informacións distintas parece que a Consellería de Medio Rural vai prorrogar as adscricións ata o 31 de decembro de 2021
O pasado venres 17 de setembro a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural informou que as adscricións temporais e superiores categorías que remataban o día 30/09/2021 vanse a prorrogar de xeito excepcional ata o 31/12/2021.
O indicado anteriormente non se lle aplicaría ás adscricións e superiores categorías que están afectadas pola toma de posesión de persoal laboral fixo que superou os procesos selectivos de promoción interna e que tomarán posesión a partir do 01/10/2021.
Dende a CIG seguimos sen entender por que non se fixo en tempo e forma un concurso de traslados do persoal laboral en troques de estender esta fórmula de adscricións masivas. Esta falta de concurso non fai máis que acrecentar a inseguridade de todo o persoal do SPIF, que conta só co recurso das adscricións e superiores categorías para poder moverse, e visto os últimos acontecementos para estar pendentes dos cambios de criterio da Consellería.
- Detalles
Por fin. Tras seis meses de espera e coincidindo coa conxunción da Lúa co planeta Xúpiter, o sábado 18 de setembro foille entregada ao persoal interino do Servizo de Gardacostas de Ribeira a roupa de traballo axeitada e necesaria para o desenvolvemento correcto e seguro do seu traballo. Non foi sen tempo...
Descoñecemos se a conxunción astral tivo algo que ver nesta historia, mais agardamos que só se tratase dunha coincidencia temporal e que, no futuro, os responsables do Servizo de Gardacostas e da consellería do Mar sexan máis dilixentes no cumprimento da lexislación de prevención de riscos laborais no que atinxe ao seu persoal.