Novas por contido

Publicada a Oferta de Emprego Público para o 2021, unicamente con 635 prazas pola quenda de acceso libre, o que implica que a Administración xeral da Xunta de Galiza destruiu 1.192 prazas en 8 anos.

A oferta de 2021 (DOG do 20/04/2021) tampouco compensa o emprego perdido e, nin con todas as prazas convocadas nestes últimos 8 anos, se chega aos niveis de emprego do 2012. Son 1.192 postos menos de funcionarios e funcionarias da Administración xeral da Administración Autonómica. Esto é, máis dun 12% dos postos destruidos en 8 anos.

Co persoal laboral sucede o mesmo se temos en conta que a Xunta suma 549 prazas procedentes de SEAGA, e en 8 anos as prazas de persoal laboral só aumentan en 467. É dicir, o saldo é negativo en 82 prazas.  

Para máis, as últimas ofertas de emprego publico para a Administracion xeral da Xunta, a maioría das prazas son de estabilización. Asi coas ofertas de 2020 e 2021 sumamos 2.012 prazas de procesos de estabilizacion fronte a 1.197 libres. O que nos amosan non é a creación de emprego neto senon a grande temporalidade que hai na Xunta de Galiza que conta con máis de 6.000 interinos/as e temporais sobre un cadro de persoal de 19.000 empregados públicos. 

Con istes datos queda claro que a Xunta anuncia ofertas de emprego, unha tras outra, pero a realidade é que o emprego público diminúe como producto da ineficiencia para acabar coa temporalidade, o envellecemento do cadro de persoal público, a privatización de servizos enteiros por falta de persoal 

As ofertas de emprego empregadas para propaganda institucional

Coa publicacion no DOG da OEP para o 2021 sae tamén o enésimo titular de prensa que anuncia esta oferta de emprego público, tratando de trasmitir que na Xunta se crea emprego público cada semana. Feijoo e o seu equipo son os maestros da propaganda que venden unha e outra vez as mesmas prazas enganando a milleiros de opositores e opositoras que buscan unha saída profesional na Administración.

As convocatorias e as ofertas, máis lentas que o ritmo de xubilación

Desta volta, coa OEP para o 2021 por primeira vez publicada dentro do segundo trimestre do ano natural, parece que non imos un ano tarde. Teñen tres anos para executalas sen que caduquen, e traballar a tres anos vista, si finalmente se convocan os procesos e non caducan, é traballar a perdas. Cunha idade media elevada espéranse centos de xubilacións nestes anos que non van ser asumidas coa oferta tartaruga. 

A necesidade dunha planificación para recuperar o cadro de persoal

Por isto na CIG levamos tempo insistindo na necesidade dunha planificacion das ofertas e convocatorias que permitan recuperar o emprego perdido e que limiten a contratación de empresas por medio de “asistencias tecnicas”, para realizar traballos que son propios do persoal público. Porén, lonxe de planificar, a Xunta o que fai é improvisar. Non dá datos e emprega a taxa de reposición ao seu gusto sen explicar onde se producen as xubilacións e onde se producen as renovacións, nin ter en conta as xubilacions dos vindeiros anos.

En conclusión, con toda esta estratexia das ofertas, a Xunta do PP mantén o engano á poboación, vende o seu produto de falsa creación de emprego, favorecen o negocio  academias e, de paso, xogan co medo do persoal en risco de perda de traballo que son os milleiros de persoas interinas da Xunta. 

A OEP 2021 foi aprobada co voto favorable de CCOO e UGT, e o voto en contra de CIG e CSIF. A OEP é, unha vez máis, a foto do fracaso das políticas neoliberais: privatización, envellecemento e destrución de emprego.

Comeza a mudanza das oficinas do Servizo de Xuventude e Voluntariado de Ourense situado na Avda. da Habana á súa nova ubicación: as novas dependencias no modificado salón de actos do Espazo Xove (Antiga casa de Xuventude de Ourense).

Ourense é a única provincia que carece dun edificio administrativo en condicións polo que a Xunta mantén decenas de servizos espallados en diferentes locais, pisos ou incluso entrecháns. As solucións e os apaños para “cumprir normativas” ante as denuncias dos traballadores/as son unha mofa.

Temos abondosos exemplos como as ventás opacas, reixas e a pouca altura do teito do entrechán de Atriga; escaleiras estreitas sen ascensor en pisos como o da oficina agraria comarcal de Xinzo; os “garaxes” da xefatura territorial de Medio Rural con oficinas ridículas e sen ventilación; alugueres excesivos como os de Medio Ambiente na rúa Paseo... ata a recente e flamante obra para colocar as oficinas de Xuventude nun soto sen ventás e sen espazo de almacenaxe para os expedientes.

Así, quedan apenas tres días para que remate a mudanza do servizo de Xuventude ao reformado salón de actos do Espazo Xove, reconvertido agora a oficinas administrativas. Unha vez máis a delegación da Xunta en Ourense empeora as condicións do seu persoal investindo recursos públicos en apaños imposibles. Neste caso gastáronse 49.329,82 euros, nunha estancia sen ventás para catro empregados/as con atención ao público.

En plena crise sanitaria pola Covid non se entende que expoñan ao persoal a permanecer a sua xornada laboral e atender ao público en cubículos sen ventilación e sen luz natural. Ante a nosa reclamación, aquí a Xunta contesta sen despeitearse que “unha vez analizadas as instalacións cumpren coa normativa vixente”, ou a comentar entre rodas que “hai sitios piores”. A realidade é que na vez de avanzar, en Ourense imos cara atrás.

A CIG ten denunciado a situación intolerable das condicións dos centros de traballo na Xunta na Inspección de Traballo e Seguridade Social e no Servizo de Prevención de Riscos Laborais. A pesar das denuncias nalgúns casos obtivemos poucos resultados positivos para o persoal ou os avances son cativos e moi lentos. A conivencia está clara e estamos certos de que se falaramos dun centro dunha empresa privada (xestoría, banco, etc) hai tempo que se tomarían outro tipo de medidas.

Ao final preguntámonos, que vale a saúde do persoal empregado público en Ourense? E a das persoas usuarias? Por que non temos dereito a unhas condicións de traballo dignas? Onde está o comprometido edificio administrativo da Xunta en Ourense?

A esta Dirección Xeral da Función Pública xa lle faltan dedos para atender as decenas de atascamentos que ten; aparte das convocatorias de ofertas de emprego, a carreira profesional, o teletraballo, seguimos dende a CIG esixindo a convocatoria en tempo e forma dos concursos de traslados.

No concurso da administración xeral levamos meses pelexando porque a cousa vaia adiante e aí está atascada, pero polo menos o convocaron, cousa que no de corpos especiais e escalas nin se albisca.

No concurso de persoal laboral, no que a Xunta leva anos negándose a convocalo, acabamos de interpor unha demanda baseándose no incumprimento do convenio colectivo.

Pero temos tamén outra pata da cadeira, que ás veces é a grande esquecida: os concursos de administración especial e escalas, que aínda que sexan pequenas, en cómputo global constitúen máis do 30% das prazas de persoal funcionario distribuídos en decenas de corpos, escalas e especialidades e que son igual de importantes nesta administración, e nas que o seu persoal ten o mesmo dereito á mobilidade que o resto de persoal funcionario.

Lembremos que o derradeiro concurso de administración especial foi convocado no Nadal do 2012 e resolto en abril de 2014 polo que máis de 600 compañeiras/os puideron exercer o seu dereito á promoción profesional e de mobilidade.

Por que a CIG non demandou ante a Xustiza este concurso como no caso do concurso de persoal laboral? Pois simplemente porque como dereito non o temos garantido con prazo de convocatoria como si aparece no convenio colectivo. A Lei de emprego público non garante unha cronoloxía mínima. Ademais o persoal funcionario réxese polo Dereito Administrativo e a nosa xurisdición é a contenciosa, onde aparte de ser custosa, non temos moito marxe de manobra legal.

Pero non imos quedar parados, iniciaremos dende xa unha campaña de preguntas e queixas en todas as mesas de negociación “mellor dito suposta negociación” nas que esteamos presente para que este tema estea día si e día tamén no oído do director xeral da Función Pública, o máximo responsable da inacción destes concursos durante case 10 anos.

A CIG NON VAI QUEDAR CALADA; OU CONCURSOS OU CAÑA!!!!!

Dentro dunha semana imos chegar ao ano e medio dende que se convocou o concurso de traslados de corpos xerais, o 27/11/2019. En ningunha administración, nin na máis bananeira, un concurso de traslados se prolonga tanto no tempo e neste aínda non sabemos canto tempo máis se vai prolongar.

Hai dous meses e medio que publicaron a lista provisional de admitidos/as e iso nun concurso é a prehistoria do mesmo.

A última “promesa” de Función Pública é que a resolución ía ser antes das vacacións do verán. Serían dous anos para resolver un p… concurso. Iso non se parece en nada a como se resolven outros concursos con máis persoas na mesma administración, tal e como che temos contado aquí.

Hai meses a CIG, sospeitando cal era o problema para non resolvelo (ademais das poucas gañas que ten Función Pública de facelo para seguir mercadeando coas comisións de servizo), puxo enriba da mesa o problema e aportou unha solución: o problema eran os 82 postos base ocupados por persoal laboral indefinido que as sentenzas obrigan a ofertalos nun proceso selectivo. A solución proposta por nós era retiralos deste concurso e ofertalos no seguinte, unha vez resoltos os procesos selectivos de libre.

Non pode ser que 82 postos teñan paralizado 1.900 postos que se ofrecen e o dereito de 3.345 persoas que concursan.

Ao mesmo tempo, esta tardanza está a xerar unha bolsa de vacantes que xa non entran no concurso, moitas delas son postos de nivel.

Na mesa xeral do martes 20/04/2021 a CIG lembroulle ao director xeral de Función Pública o que el mesmo informou hai uns meses: que o listado definitivo de persoas admitidas/excluídas sairía en marzo, que o baremo provisional sería en marzo/abril, e a resolución antes do verán. Evidentemente xa non cumpren, así que ante as nosas preguntas, esta foi a resposta do máximo responsable da xestión das políticas de persoal: que tiña que consultar.

Temémonos que o que están a barallar e adiar o concurso ata que se resolvan os procesos selectivos de libre e promoción interna para non ter o problema coas demandas que poida haber por ofertar as 82 prazas que antes comentamos. E non sabemos nin cando van rematar os procesos de libre xa iniciados, nen sequera cando van comezar os que faltan de libre (C1, C2 e AP) e toda a promoción interna aínda que na mesa insinuou que poderían ser no mes de xullo.

Queremos datas concretas e querémolas xa, tanto para o concurso como para a promoción interna e os procesos de acceso libre. Non se pode ter a máis de 3.000 persoas sen saber cando se vai resolver un concurso, a máis de 1.600 sen saber cando vai ser a promoción interna e a máis de 33.000 sen saber cando son os exames de acceso libre.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está nun proceso de integración na Xunta, e xurden unha chea de dúbidas e mentiras que tantamos clarificar.

Integración, fixeza, indefinición, RPT, oferta de emprego, procesos selectivos .. Expomos cal é a loita e procuramos respostar ás moitas consultas que recibimos.

Preme na imaxe para descargar o boletín.

O pasado 13 de abril, realizouse o exame alternativo do proceso selectivo de Terapia Ocupacional para as persoas aspirantes que por Covid non puideron realizar o exame o 14 de marzo. O día 20 do mesmo mes foi o exame da escala de Psicoloxía das persoas que non puideron facer o primeiro polo mesmo moitivo.

No exame de Terapia Ocupacional hai polo menos entre 6 e 10 preguntas que foron repetidas do exame ordinario, tanto no enunciado como nas respostas. No de Psicoloxía ao redor de 9 preguntas repetidas. Modificar lixeiramente o enunciado ou cambiar a letra da resposta correcta non constitúe un elemento substancial para considerar que a pregunta é diferente.

Isto constitúe unha vulneración do principio de igualdade. A ninguén se lle escapa que repetir preguntas implica unha vantaxe para as persoas opositoras que asistiron á segunda quenda.

Por todo isto poñemos en coñecemento da Dirección Xeral de Función Pública unha solución:

1. Os tribunais deben anular esas preguntas.

2. Os tribunais deben dimitir ou ser cesados por ser manifestamente incompetente.

Non se trata dunha cuestión técnica se non da vulneración dos principios máis elementais que deben rexer un proceso selectivo. Se o tribunal é incapaz de asumir isto debe dimitir ou ser cesado por Función Pública.

Non se pode entender que nun exame cunha materia tan extensa o tribunal non atopase miles de preguntas diferentes para exames non coincidentes nas datas.

Esiximos a convocatoria da comisión paritaria ante unha resolución arbitraria da Dirección Xeral de Función Pública que limita as adscricións do persoal laboral e elimina as superiores categorías.

A CIG e UGT rexistraron unha solicitude de reunión da Comisión Paritaria do V Convenio Colectivo Único para forzar a que a Administración negocie, e non impoña, directrices nas permutas, adscricións provisionais e de superior categoría previstas no V Convenio. 

Sentenzas recentes recoñecen que o persoal temporal tamén se pode acoller as adscricións como o persoal fixo e se deberan tratar no marco da Comisión Paritaria recollendo este dereito no marco da regulación laboral na Administración autonómica que son os artigos 7, 15 e 17 do V Convenio. 

Porén, a Xunta fai o contrario: utiliza a vía da imposición para limitar todas as adscricións ao persoal laboral fixo (categorías que se funcionarizan) e cárganse as adscricións por superior categoría e permutas por medio dunha resolución. 

Asi, afectadas pola funcionarización, a Xunta decidiu limitar temporalmente as adscricións ata o 30 de xuño. Que vai pasar a partir desa data? Todo indica que antes das vacacions o persoal terá que volver ao seu posto de traballo en propiedade, lesionando os dereitos das traballadoras e traballadores desprazados e atentando contra a xestión dos centros xa que complica enormemente a contratación do persoal substituto no verán. Aquí perdemos sempre os traballadores e traballadoras con posibles denegacións de vacacións e ceses de temporais. 

En conclusión, a Dirección Xeral de Función Pública lesiona unha vez máis un dereito do V Convenio, desta vez en “aras da funcionarización”. O que sí vai facer sen dubida é provocar un caos no servizo público que solo van poder solucionar limitando dereitos
 
Para a CIG cun concurso de traslados previo todo isto non pasaría e con negociación poderiamos estudar solucións. Deixar en mans do director xeral e dos seus monaguillos a funcionarización é un auténtico salto o vacío. 

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) 167/2021 do 16 de marzo de 2021, polo que se recoñece o dereito ao persoal laboral temporal e funcionario interino a solicitar e percibir o grao extraordinario de carreira cobra firmeza dentro de 1 día (venres 16) se a Xunta non a recorre en casación. Nese caso, e si os xulgados lle admiten o recurso, alongaríase a percepción deste dereito aumentando os custes xudiciais.

E isto sendo a Xunta consciente de que a xurisprudencia é clara, e habendo infinidade de casos (Illes Balears, Catalunya, etc) onde o Tribunal Supremo fallou no mesmo sentido que o TSXG, o que significa que no caso de recorrer, a Xunta só pretende alongar a agonía e privar temporalmente ás persoas empregadas públicas dun dereito que ao final van conseguir.

Ao coñecer a sentenza presentámonos ante a Dirección Xeral de Función Pública e demandámoslle que abrira de seguido o prazo para presentar as solicitudes de recoñecemento de grao extraordinario con efectos do 1 de xaneiro de 2019.

Esixímoslle ademais:

1.Que renuncie ao recurso da sentenza do TSXG.

2. A apertura dunha mesa negociadora para abrir o prazo para a solicitude do grao extraordinario do persoal laboral fixo e indefinido non fixo, temporal e funcionario interino.

3. Que se comunique ao persoal fixo que non é necesario devolver as cantidades percibidas da carreira de non se funcionarizar para evitar a chantaxe.

4. A aplicación do segundo grao de carreira para todo o persoal que cumpla os requisitos.

Función Pública enviounos un borrador de prazas para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos:

Na comunicación que recibiu a CIG de posta a disposición da proposta de relación de postos non se acompaña de información relevante: Propoñen destino provisional ou definitivo? Cales son os criterios seguido á hora de escoller os postos?

Para a CIG o ideal é que unha vez resolto o respectivo concurso de traslados, as prazas vacantes sexan ofertadas en destino definitivo, primeiro ao persoal de promoción interna, e despois ao de libre. Pero cando un concurso leva anos de retraso, a cousa se complica. Así, o destino provisional, sen ser a mellor alternativa, tal e como están enleadas as cousas probablemente sexa a opción menos mala.

Supoñendo que estamos ante un destino provisional, este tipo de destino non pode prolongarse indefinidamente no tempo. Reclamamos que se impulse o concurso de traslados (respectando así o dereito do persoal á mobilidade voluntaria e á promoción profesional), e inmediatamente se convoque a oferta definitiva de postos.

Nese suposto de destino provisional, a CIG defende:

  • Que para a promoción interna, o destino provisional sexa voluntario.
  • Que se oferten todas as vacantes que non teñan algún impedimento legal.
  • Que os criterios seguidos, sexan estes conformes ou non á visión da CIG, sexan aplicados por igual a todos os postos, evitando discriminacións entre uns e outros.

Se queres aportal algo, podes contactar coa CIG.

A funcionarización do persoal laboral fixo estableceuse mediante o Acordo de Concertación asinado por CCOO e UGT coa Xunta o 15 de xaneiro de 2019. 

En pleno nadal de 2018 a Xunta xuntou nun único acordo o Plan de establización, a oferta de emprego público, a suba salarial, o acordo de mellora do emprego, a carreira profesional e a funcionarización. Era unha estratexia da Dirección Xeral de Función Pública para que tragáramos cunha funcionarizacion sen garantías e cunha carreira profesional que deixaba fóra ao persoal laboral fixo, temporal, funcionario interino e indefinido non fixo.  

Quen si tragaron foron CCOO e UGT, sabedores de que era un acordo con grandes eivas, pretendían arranxalo no marco da Comisión de Seguimento, deixando de paso fóra a maioría sindical establecendo un sistema torticeiro emulando o chamado Pacto Social onde protagonizan a negociación colectiva cos gobernos a cambio dun trato favorable. 

Agora estamos de cheo cos procesos de funcionarización que seguen a ser sen garantías a ver se os “negociadores” deste “gran acordo” nos din...Que vai pasar? 

  • Co concurso de traslados
  • Por que uns van a unha escala e outros van a outra coa mesma titulación
  • Cos pluses salariais do posto
  • Que niveis van a encadrar no posto de traballo que ocupo
  • Coas persoas que están nunha praza en adscrición
  • E coas adscricións provisionais e por superior categoría?
  • E a promoción interna?
  • E o resto de dereitos laborais do V Convenio
  • E o persoal temporal que van obrigar a pasar a funcionario interino, quedará sen dereito a indemnización? Que salario vai ter? 

Daquela xa avisabamos que as cousas non ían ben asinando “a cegas” e recordamosche aquí o noso boletín especial.

Outras novas recentes

Mércores, 04 Xuño 2025

Galegofobia na Xunta: Persoal denegoulle o permiso para acudir aos actos das Letras Galegas a unha traballadora

A denegación totalmente inxustificada para a participación nos actos das Letras Galegas 2025 ten lugar tras a eliminación das conmemoracións do Día das Letras Galegas en 2024 na EGAP e a campaña da CIG “Por unha EGAP transparente e en galego”, dada a deriva de galegofobia e de incuprimento da normativa lingüística na Administración da Xunta Un Servizo de Persoal da...
Luns, 02 Xuño 2025

A CIG pide á Valedora do Pobo que garanta que o persoal cociñeiro teña titulación técnica

A CIG acode á Valedora do Pobo ante a negativa da Administración de rectificar sobre a contratación de persoal sen titulación nas cociñas escolares. Coa presentación dunha queixa ante a Valedora do Pobo pedimos que interveña para que as persoas responsables da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional se senten a negociar unha saída xusta á...
Martes, 03 Xuño 2025

Concurso traslados escalas sociais; RPT CMACC; Acordo Illas Atlánticas (MSF 06/06/25)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será o venres 06/06/25, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de Acordo para o persoal adscrito ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza. Descargar 2. Proposta de Acordo polo que se aproba a modificación da...