- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública achega os borradores dos temarios para os procesos selectivos derivados da OEP extraordinaria da Lei 20/2021 (lei da temporalidade) das seguintes categorías de persoal laboral do SPIF:
- Categoría IV-033, bombeiro forestal condutor de motobomba
- Categoría V-10B, viaiante fixo de defensa contra incendios forestais
- Categoría V-10C, emisorista de defensa contra incendios forestais
- Categoría V-14, bombeiro forestal
- Categoría V-14A, bombeiro forestal condutor
Nesta ligazón podes descargar as propostas, e se é do teu interese, podes contactar coa CIG.
- Detalles
Primeira toma de contacto con Función Pública para presentarnos o proxecto de decreto polo que se vai regular o persoal de investigación dependente da Xunta de Galiza.
Nunha primeira ollada observamos o seguinte:
- O director xeral de Función Pública, logo da nosa advertencia de que o persoal dos hospitais e centros concertados co SERGAS non é persoal do sector público autonómico, insiste en que non lle atopa inconvinte a que aparezan citados no ámbito de aplicación deste decreto.
- O persoal está inmerso nun avultado proceso de funcionarización do persoal laboral, polo que nos chama a atención que neste caso se opta pola vía oposta: que o persoal investigador teña a condición de persoal laboral exclusivamente, sen que se permita a opción de persoal funcionario ou estatutario.
- Temos unha ampla casuística dentro do persoal investigador: funcionariado de carreira, funcionariado interino, funcionariado de carreira en destino provisorio (que non aparece citado no texto), laboral fixo, laboral temporal, etc. A perspectiva da laboralización obrigatoria vai facer que o persoal que xa conta cunha carreira investigadora teña que aceptar unha laboralización forzosa, coas condicionantes que iso ten; ou ben optar por perder a carreira investigadora, o que pode minguar a capacidade investigadora xeral autonómica que se di que se tenta fomentar.
- Botamos en falta a referencia á negociación colectiva de varias das entidades que aparecen nomeadas, varias con convenios propios. O texto non remite en ningún momento a eses convenios, aínda que teñen repercusión nas remuneracións.
- Déixase fóra ao persoal de xestión da investigación, cando a Lei da ciencia entendemos que deixa a porta aberta a que este persoal sexa incluído, dado que fomenta a carreira profesional e a mobilidade profesional do conxunto do persoal de investigación, científicos/as, técnicos/as e persoal de xestión.
Presentaremos as nosas alegacións por escrito cando se inicie formalmente a negociación, ao non ter tempo para estudar con detemento o proxecto xa que nolo enviaron o día anterior. Se queres aportar algo, podes contactar coa CIG.
- Detalles
No DOG do 01/12/2022 publican:
- ORDE do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais CSIF, CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza, para o persoal funcionario.
- ORDE do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.
Os empregados públicos poderán acceder o formulario de solicitude a través do portal web da función pública desde a sección <Funcionarización e carreira profesional> https://www.xunta.gal/funcion-publica/carreira-profesional ou no enderezo http://fides.xunta.gal
Na páxina web de función pública, https://www.xunta.gal/funcion-publica/carreira-profesional, haberá á disposición dos/das empregados/as públicos documentación de axuda con instrucións sobre o acceso e o proceso de solicitude de carreira administrativa e complemento de desempeño.
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e será de 15 días hábiles.
- Detalles
Estamos convocados a unha Comisión de Persoal que será o luns 5 de decembro para tratar o Proxecto de Orde pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galiza do persoal laboral fixo procedente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
En comparación co texto que enviarán para a Mesa Xeral, tan só observamos un cambio: desaparece a categoría II-037 na táboa de homologacións de categorías profesionais.
En canto ás previsións de entrada en vigor, as intencións manifestadas polo director xeral de Función Pública nunha xuntanza que tivemos o luns 28 de novembro, este manifestou que a publicación da Orde sería en xaneiro.
- Detalles
O luns 28 de novembro publican no DOG os acordos para o desenvolvemento transitorio dos sistemas de carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento de desempeño para o persoal laboral) tal e como vos indicamos aquí.
Pero OLLO. Isto non é a convocatoria para o acceso extraordinario aos graos I e II.
As ordes polas que se convocan os procedementos para o acceso aos graos I e II, serán publicadas, segundo nos confirma Función Pública no DOG do día 01/12/2022, e polo tanto o prazo de 15 días hábiles comezará a contar o venres día 02/12/2022 onde xa se poderá solicitar a través de http://fides.xunta.gal.
A aquelas persoas que con anterioridade á apertura do prazo presentaran ou presenten solicitudes SE LLES VAI DENEGAR, e polo tanto non é recomendábel facelo.
Para quen xa a presentou deberá facelo outra vez a partir do día 2 e a través do FIDES.
- Detalles
A EGAP comunicou aos sindicatos que están no proceso de elaboración do plan formativo para o ano 2023, tanto para formación transversal como específica, e convidounos a que lles poñamos propostas enriba da mesa.
Se tes algunha proposta que queiras que a CIG defenda ante a EGAP, podes achegarnola a través deste formulario: contactar coa CIG.
Os sindicatos temos de prazo ata o día 2 de decembro, así que procura enviárnola antes.
- Detalles
A CMATV enviounos unha nova proposta da súa RPT para tratar nunha xuntanza que teremos o venres 25 denovembro. Se é do teu interese podes descargar a documentación e contactar coa CIG.
A proposta afecta principalmente ao Parque das Illas Atlánticas. Pero ten máis cousas: dotación de postos xurídicos ás xefaturas territoriais, execución de sentenzas, e máis cambios.
- Detalles
A Dirección Xeral de Función Pública achega os borradores dos temarios para os procesos selectivos derivados da OEP extraordinaria da Lei 20/2021 (lei da temporalidade) das escalas técnica de auxiliar de informática (descargar) , e técnica de condución (descargar), subgrupo C1. Que é do teu interese, podes contactar coa CIG.
- Detalles
No DOG do 24/11/2022 publican a RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2021 das listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.
Publican a actualización definitiva de méritos correspondentes ao ano 2021 dos integrantes das listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se especifican no anexo I desta resolución e a persoal laboral dos grupos e categorías que se determinan no anexo II.
As puntuacións totais das persoas integrantes das listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de «Listas de contratación».
As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
A Xunta pretende reducir o complemento específico adicional dalgunhas escalas de persoal funcionario
- Detalles
Coa Lei de Orzamentos para o ano 2023 a Xunta introduce un artigo (artigo 21.d) co que os importes dos complementos específicos adicionais poderán ser reducidos ou eliminados. Estes complementos retribúen as condicións específicas de determinados postos, como as diferentes prestacións do servizo ou as funcións.
Os complementos específicos adicionais retribúen nalgunhas escalas de persoal funcionario cuestións como a penosidade, a toxicidade, o traballo irregular con quendas de maña e tarde e noite e en fin de semana e festivos, as gardas, a especial responsabilidade ou a nocturnidade e, tamén outras especificas das funcións como as de dirección, coordinación, inspección, policía e control.
Regúlanse dentro dos acordos de condicións de traballo, logo da loita do persoal, e conseguimos mudar retribucións variables por un complemento fixo global e consolidable que repercutira nas cotizacións. Aínda que había perda de masa salarial tiñamos claro que gañabamos na estabilidade dos soldos.
A Xunta pretende rebaixar o complemento específico adicional e faino á forza (por lei)
Cárgase o sentido do complemento específico e introduce pola forza, na Lei de orzamentos do 2023, a condición da efectiva prestación de servizos mediante acreditación mensual no que “pode establecer un módulo” para o cálculo do importe efectivo. Desta forma muda unilateralmente un complemento que viña a valorar en conxunto as funcións e permítense dividilo ou eliminalo de cheo.
Cal é o sentido desta medida? Unha coacción para traballar ata os 67 anos aínda que a saúde non acompañe? Poñer máis pedras á conciliación?
Sospeitamos que aos primeiros compañeiros e compañeiras que lle van tocar o soldo son aos que teñen adaptación de posto, moi probablemente derivado dos danos que sobre a saúde fixeron anos de traballo lesivo. O peor é que con esta rebaixa minguan as cotizacións nos derradeiros anos da vida laboral.
Todo isto ocorre cando andamos a reclamar unha xubilación anticipada como no persoal das escalas de Gardacostas, pois xa non se sostén que teñan que embarcar, levantar redes e controlar o furtivismo ata os 67 anos.
O director xeral asegura que a rebaixa do específico non se vai aplicar nas baixas máis non di en que situacións e como pretenden “modular” o específico
Ante a queixa, o director xeral da Función Pública dixo que non ía afectar ao persoal que está de baixa. Pero non nos fiamos. Sabemos como as gastan as consellerías e ademais se o vinculan a unha certificación mensual da realización das funcións ou tarefas concretas pois o cristo está servido: van tratalo como unha produtividade. Na CIG estamos pendentes xa que se o fan ás bravas están a mudar substancialmente as condicións laborais dos empregados e empregadas públicas e o conflito está asegurado.
Lembramos o precedente: A Consellería do Medio Rural rebaixou o salario do persoal técnico de incendios para reprimir o conflito laboral e o dereito a folga
No 2020 ao persoal técnico do servizo de incendios forestais secuestráronlle o soldo base e o complemento de destino en pleno conflito polas condicións de traballo. Rebaixáronlle ata 900 euros ó mes empregando un criterio “modulable”: importes en función do número de incendios no distrito durante ese mes (a máis lumes, menos desconto). Nas zonas con menos actividade incendiaria ou mais húmidas da Galiza a rebaixa salarial era maior, si no distrito houbera un numero de incendios moi alto descontarían menos.
Por incríble que pareza, isto sucedeu, aínda que moitos dos compañeiros non puideran exercer nin un só día o seu dereito á folga, (os servizos mínimos estaban impostos en case o 100%). Este luns 21 de novembro tivemos o xuízo e estamos a espera de sentenza para que a Xunta pague o salario roubado.

