Novas por contido

Seguimos cunha suba raquítica pactada en Madrid que non axuda a recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos 10 anos, sen xornada de 35 horas, e co resto dos recortes consolidados neste anteproxecto de Orzamentos Xerais.

Na Mesa Xeral celebrada o mércores 16 de outubro o director xeral de Planificación e Orzamentos infórmanos que espera que a suba salarial se sitúe ao redor do 2,2%, o 2% derivado do acordo de Madrid e o 0,2% a maiores tendo en conta os datos do cadro macro do goberno que sitúan o incremento do PIB nun 2,1%, todo isto condicionado a que se habilite isto pola normativa básica estatal.

Intervimos para destacar que neste borrador de anteproxecto seguen consolidados os RECORTES.

A suba do 2,2% parece a todas luces insuficiente. A maiores parece que o Goberno do Estado vai establecer a suba dos empregados públicos no 2% tal e como recolle o II Acordo de mellora asinado en Madrid con CCOO, UGT e CSIF.

No caso de que o incremento do PIB baixe do 2,1% (e xa existen estimacións serias como a de FUNCAS que o baixan do 2%) o Acordo de Madrid implicaría que a suba queda nun ridículo 2%, e non no 2,2% nin por suposto no 3% que alegremente anunciou CCOO. Isto ocorre por condicionar a suba salarial a un incremento do PIB que no mesmo momento de asinar o Acordo tanto o Goberno como CCOO, UGT e CSIF sabían que non se ía a cumprir.

O pasado luns día 14 de outubro participamos na Comisión de Persoal na que se votou o anexo de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais así como varias modificacións de Relacións de Postos de Traballo. Tamén falamos outros asuntos en rogos e preguntas, como o Fondo de Acción Social.

Concurso de traslados de corpos xerais

Informa o DXFP que engadiron 11 prazas vacantes por xubilación recentes, co que serían uns 2150 postos ofertados. Informa tamén que farán un engadido na convocatoria para permitir actualizar as áreas funcionais dos postos (pensando naquelas RPTs que ainda non o teñen actualizado).

A CIG non pode verificar se con eses 11 postos que comunican agora que se incorporan, están a incluir no concurso todas as prazas que nós aseguramos que están vacantes recentes, incluíndo algun falecemento e unha vacante por adxudicación ao seu titular doutro posto mediante libre designación (e publicado en DOG).

Tampouco estamos conformes con que retiren postos por proposta de amortización das consellerías (tiveron tempo para tramitar as amortizacións), pois non sería a primeira vez que finalmente non se amortizan. Para a CIG, moitas veces é unha escusa para manter agochados postos. Seguimos a pedir explicación por un posto que retiran por amortización en AMTEGA pero que o xoves saiu ofertado para ser cuberto en comisión de servizos (incongruente se non é necesario).

No día de onte celebrouse unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural á que estabamos convocadas as organizacións sindicais  e numerosas asociacións (que aglutinaban a distintos sectores do persoal que traballa na prevención e extinción de incendios). Houbo dous “mantras” que o Conselleiro mencionou  na xuntanza:o SPIF ten que facer unha aposta clara pola prevención e que non se ían tratar nesa xuntanza cuestións laborais que tiveran que ser obxecto de negociación sindical. O fundamental que nos quixo comunicar era que pretendía contar co persoal do SPIF(coma un dos catro actores principais) para facer grupos de traballo para elaborar un documento base para o anteproxecto dunha nova Lei de prevención e extinción de incendios. 

Ademais fixo un breve balance da tempada de alto risco e anunciou que nos ía presentar dende a consellería un Plan plurianual de medios materiais e humanos (quinquenal). 

Na CIG, dixemos que unha vez que estudaramos  o Plan e a documentación aportariamos as achegas que consideraramos. Os compañeiros delegados fomos os primeiros na loita polos coeficientes redutores para a xubilación, tentando a  recuperación do artigo 19 do V Convenio (asinado pola CIG e UXT) , unha maior estabilidade no emprego... a través de numerosas iniciativas e por tódalas vías que temos ao noso dispor. Pero tamén consideramos que , hai que tratar tódalas cuestións que poidan influír directa ou indirectamente no devir do servizo público que proporcionamos e dun futuro para o monte galego. 

Na CIG defendemos sempre os intereses dos traballadores e traballadoras sexan funcionarias ou laborais, a súa profesionalización, estabilidade e formación, sen necesidade de deixar de lado tódalas aquelas cuestións que poidan afectar ao noso monte, ao noso rural e as súas xentes. 

Proceso de formación de acceso dos axentes facultativos ambientais e forestais á nova escala de axentes técnicos en xestión medioambiental.

Despois de anos de espera e negociacións, o día 4 de outubro de 2019 foi asinada unha addenda ao acordo de colaboración de 16 de marzo de 2017 subscrito entre as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Medio Rural para nunha oferta específica de ensinanzas  do CS de Xestión Forestal e do Medio Natural en réxime para as persoas adultas en modalidade semipresencial e a distancia no CIFP A Granxa e no IES de Arzúa.
Con esta finalidade, ábrese un prazo de solicitudes de matrícula que rematará ás 13 horas do día 14 de outubro de 2019.
As solicitudes realizaranse mediante un formulario web ao que se accede na URL:
http://www.edu.xunta.es/fp/node/15546

Antes de escoller os módulos para os que quere solicitar matrícula, pode consultar a táboa de validacións de módulos mediante unidades de competencia (http://www.edu.xunta.es/fp/webfm_send/8493) e os itinerarios formativos recomendados.(http://www.edu.xunta.es/fp/itinerarios-adultos)

Para calquera dubida pódese chamar aos telf. 881 997 407-881 997 408 ou facer a consulta no enderezo electrónico: admisión.ciclos@edu.xunta.es

A matrícula final non poderá superar as 1000 horas.

A dirección de abaixo e para acceder a plataforma ca clave e mirar os módulos acreditados.
https://www.edu.xunta.es/acreditacion/ListSolInscricion.do

Estase tamén a negociar ca administración unha convocatoria de acreditación de competencias do CM Aproveitamento e conservación do medio natural para que todo os compañeiros podan acceder o ciclo superior.

 

Na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos que tivemos o mércores 9 de outubro, discutimos sobre o anexo de postos a ofertar no concurso. Previamente aprobouse unha modificación da RPT de Educación que implica a amortización e a creación de cinco postos que entrarán no concurso.

A postura da CIG é que sexan ofertadas todas as vacantes que non teñan algún tipo de limitación legal ou xudicial. Queixámonos do seguinte:

  • Prazas retiradas por proposta de amortización: as consellerías tiveron tempo abondo para amortizar as prazas que consideraran, e non o fixeron. Así que non nos vale que agora digan que van amortizar para retirar prazas do concurso. A maiores, non é a primeira vez que din que van amortizar unha praza e despois non o fan. Moitas veces isto non é máis que unha escusa para agochar prazas no concurso. Rexeitamos esta manobra.
  • Prazas recentemente vacantes que non aparecen: como é posíbel que prazas vacantes por xubilación ou falecemento dende fai un mes non entren no concurso xustificando en que non teñen aínda os datos? Están sen mecanizar? Quen sexa responsábel de ter os datos ao día, que se poña as pilas. Pero non aceptamos que unha praza vacante dende fai un mes quede sen ofertar. O colmo é ver como non entra algunha praza que sabemos vacante porque ao seu titular lle deron outra en libre designación; e que o nomeamento sae publicado en DOG.
  • Prazas ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo: ofertar estas prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal laboral con sentenza xudicial de indefinición é meterse nun problema. A ocupación destas prazas no concurso de traslados vai dar lugar a posteriores sentenzas de readmisión e indemnización como xa ocurríu no anterior concurso de traslados de corpos xerais, onde funcionarios/as que concursaron tiveron que saltar da praza por unha reclamación posterior de persoal indefinido con sentencia estimatoria. Este problema tiña que telo resolto Función Pública convocando esas prazas en procesos selectivos para poder liberalas para un concurso de traslados e non o fixo en catro anos. Ofertar agora en concurso esas prazas sen especificar que a toma de posesión do concurso e do proceso selectivo serán coincidentes no tempo, cousa case imposible, nos vai levar a múltiples impugnacións.

Das alegacións ás prazas que faltan feitas pola CIG só admitiron incluir 9 delas. E o venres máis, queren celebrar unha "mesa técnica" para rematar isto. Así que ata o venres non saberemos cando van publicar o concurso no DOG.

Chegados a este punto, o concurso vaise publicar, con máis dun ano de atraso. Todo coa desculpa das múltiples frontes que abríu Función Pública entre xuño do 2018 e mediados do 2019, aínda que a realidade é que non lles interesa. Están máis cómodos facendo "concursos" mediante comisións de servizo.

 

A Cig-Administración Autonómica en Lugo quere dar a coñecer a tremenda irresponsabilidade dos sindicatos CCOO e CSIF no Comité de Empresa do Persoal Laboral da Xefatura Territorial en Lugo da Consellería de Educación.

O pasado 23 de maio celebráronse as eleccións para elixir a representación do persoal laboral da Consellería de Educación na provincia de Lugo. Os resultados deses comicios colocaron a CCOO e CSIF como primeiras forzas dese comité con 6 representantes cada organización, seguidos da CIG con 4 e UGT con 1 delegado/a.

Case 5 meses despois das eleccións, as dúas forzas máis votadas (CCOO e CSIF) seguen a descoidar as súas obrigas e a cumprir co que lles prometeron ao persoal que apostou por esas candidaturas.

Estamos convocados para unha Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos para o mércores 9 de outubro. Os asuntos da Orde do día son:

  • Anexo cos postos do concurso de traslados de Administración Xeral. Descargar.
  • Proposta de modificación da RPT da consellería de Infraestruturas e Mobilidade (inclúe AXI). Descargar
  • Proposta de modificación da RPT da consellería de Educación, Universidade e Formación Provesional. Descargar.
  • Proposta de modificación da RPT da consellería de Política Social. Descargar.

Se queres aportar algo, contacta coa CIG.

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos borradores de catro procesos selectivos, con indicación de que nos dan prazo ata o xoves 10 de outubro para presentar alegacións. Se querea achegarnos algo, podes contactar coa CIG. Son os seguintes procesos:

- Ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo grao medio da escala de técnicos facultativos de servizos sociais, especialidade educadores, da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A2). Descargar.

- Ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio da escala de técnicos facultativos de servizos sociais, especialidade enfermería, da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A2). Descargar.

- Ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo grao medio da escala de técnicos facultativos de servizos sociais, especialidade terapia ocupacional, da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A2). Descargar.

- Ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo grao medio da escala de técnicos facultativos de servizos sociais, especialidade traballo social, da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A2). Descargar.

Na xuntanza “técnica” do martes 1 de outubro para tratar o buzón de postos non se pecharon os asuntos. A convocatoria continúa pendente dos postos e dunha modificación da RPT de Educación que tiña que estar feita fai un ano.

Rematou a xuntanza coa “previsión” dunha nova xuntanza polo buzón de postos e o aviso de que o 16 de outubro (“ou á semana seguinte”) habería unha Mesa Xeral, co que a convocatoria estaría pendente de que a publicasen no DOG a finais de outubro.

Así que xa veremos se finalmente van publicar en outubro este concurso xeral que tiña que estar publicado en setembro do ano pasado.

Función Pública fainos aos sindicatos introducir as alegacións aos postos mediante unha aplicación informática, e resulta que por erro informático ou descoñecemento dalgunhas persoas da propia Función Pública, non accederon ás alegacións que mecanizamos (unicamente revisaron as presentadas en papel). Por tanto, a maioría das alegacións estaban sen atender. En consecuencia, van revisalo e convocaranos a unha nova xuntanza.

A dirección xeral de Función Pública e a secretaría xeral de Igualdade pretenden sacar un documento ás présas saltándose os requisitos que marca a lei para a súa elaboración.

Xa van 12 anos da entrada en vigor da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, a Xunta de Galiza segue sen Plan de Igualdade para o seu persoal, a pesar de ser obrigatorio para as empresas e entidades de máis de 250 traballadores.

Arredor de 20.000 persoas empregadas públicas da administración xeral da Xunta de Galiza estarían acollidas por este plan, deixando nunha situación incerta ao persoal de entidades como o IGAPE, o Consorcio, Itmar ou Portos de Galicia, entre outros, xa que a Xunta manifesta que non ten intención de incluílos.

Outras novas recentes

Xoves, 12 Decembro 2024

UGT torpedea e crispa a negociación do I Plan de Igualdade de Portos de Galiza (05/12/24)

Esta foi a reacción á postura manifestada pola CIG de rexeitamento a dar validez tanto á proposta de plan de igualdade como de diagnose elaboradas pola Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta antes da constitución da comisión de igualdade, que Portos puxo enriba da mesa. A xuntanza de constitución da Mesa de Igualdade de Portos de Galiza foi, cando menos,...
Mércores, 11 Decembro 2024

Elección destino libre e estabilización A1 Enx. Montes e A2 Enx. Tec Forestal (11/12/24)

Recibimos a seguinte comunicación da DXEP: "Coa finalidade de que todas as persoas participantes no acto de elección de destino convocado pola Resolución de 5 de novembro de 2024 (DOG núm. 216 do 8 de novembro de 2024) obteñan unha praza correspondente ao seu subgrupo e logo de examinar as solicitudes recibidas, resulta necesario engadir novas prazas ao acto de elección...
Luns, 16 Decembro 2024

Proposta de Acordo para a correcta finalización de determinados procesos de estabilización (SPIF) (borrador 16/12/24)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos unha proposta de acordo relacionado coa terminación dos procesos selectivos de estabilización para as distintas clases e escalas do servizo de incendios. O asunto ven motivado polo feito de que houbo un cambio de criterios en canto á baremación da experiencia do persoal fixo-descontinuo. Con...