Novas por contido

O mércores 15 de decembro vai ir á Comisión de Persoal a votación das convocatorias dos seguintes procesos selectivos de acceso libre e/ou estabilización, con promoción interna. Contamos que van a estar publicados no DOG antes de rematar o ano:

A CIG denuncia que co remate dos reforzos covid quedarán 800 contratos menos que en 2011

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a escaseza de persoal nos centros que xestiona a Consellaría de Política Social colócaos á cabeza no número de accidentes laborais, até o punto de que só no primeiro semestre deste ano rexistráronse un total de 71 incidentes deste tipo.

Dende a CIG-Autonómica denunciamos tamén que estas instalacións quedan sen reforzos pola covid para 2022, ao tempo que tampouco se recuperan os contratacións que permitan os descansos recollidos no V Convenio Colectivo, “o que segue a sobrecargar o persoal, que xa acumula 71 accidentes laborais tan só no primeiro semestre de 2021”.

As traballadoras sufriron 71 accidentes laborais só no primeiro semestre deste ano

Ademais disto, a Consellería segue a discriminar as traballadoras/es dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores, centros de día, centros de persoas dependentes, etc) “facendo un paripé de negociación das carteleiras de traballo e incluíndo xornadas leoninas que imposibilitan a conciliación da vida laboral e familiar, coa sobrecarga de todo o persoal”.

Neste senso, nos últimos anos elimináronse “infinidade” de postos de traballo de atención directa, “até o punto de que durante a pandemia houbo que reforzar os cadros de persoal para poder seguir coa atención ás persoas que están ao noso cargo”. Como exemplo disto, o vindeiro 31 de decembro rematan os “escasos” reforzos covid “e atoparémonos con 800 contratos menos que en 2011”.

Lamentamos que a pesar desta situación a Consellería continúa negándose a aumentar os cadros de persoal, “todo a costa da saúde dos propios traballadores/as e do seu dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral e familiar”. Porque tampouco se cobren “dilixentemente” as baixas nin se reforzan as adaptacións de postos por razón de saúde.

Lesións e problemas de saúde

Isto tradúcese nunha sobrecarga de traballo nos centros que está a provocar lesións e problemas de saúde entre o persoal por causa dos sobreesforzos. “Recordamos que o persoal desta Consellería é o que máis accidentes laborais sofre xunto cos bombeiros forestais, e levamos demasiado tempo mantendo o servizo a costa da saúde do persoal, algo indignante, máis aínda cando estes accidentes son evitábeis”.

Pero a Consellería segue a afondar na precariedade e a negar calquera compensación por traballar domingos e festivos; segue a negar calquera tipo de conciliación familiar; e mesmo nega a posibilidade de que traballadoras que teñen crianzas en corentena pola covid poidan quedar na casa coidándoas.

Por todo isto, dende a CIG-Autonómica esixímoslle á Consellaría a apertura dunha mesa de negociación na que se aborde a necesidade de adaptar os cadros de persoal á realidade actual coa creación de postos de traballo, “así como abordar, dunha vez por todas, a compensación por traballar os domingos e festivos e os dereitos laborais do V Convenio Colectivo Único arrebatados en 2012”. Co obxectivo de garantir unha atención e uns coidados de calidade nos servizos asistenciais públicos, “para o que é preciso tamén termos dereitos laborais que garantan a seguridade e a saúde das persoas traballadoras”.

Poñemos a túa disposición os borradores dos seguintes procesos selectivos. É previsible que sexamos convocados para unha Mesa de negociación en poucos días e que se publique no DOG antes de finalizar o ano.

  • A1-Especialidade de arquivos, bibliotecas e museos. Descargar
  • A2-Escalade xestión de sistemas de informática. Descargar
  • C1-Escala técnica auxiliar de informática. Descargar

O 3 de decembro tivemos a segunda reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de Teletraballo no que buscamos resolver eivas na concesión desta modalidade laboral.

Hoxe na Xunta temos máis 1912 teletraballadores/as, 978 en servizos centrais e 934 nos servizos periféricos. Aínda que a maioria do persoal no sistema ordinario ten dúas xornadas, reclamamos maior extensión e uniformidade. Máis aínda se cabe logo da recente decisión da Administración do Estado español de acadar as 3 xornadas semanais.

Por outra parte Función Pública esta a ser bastante deficiente no control da aplicación do Acordo e da comunicación de datos e deixa moita marxe as consellerías que aplican esta modalidade de forma desigual.

  1. Analizouse a problemática daquelas unidades con acceso máis restrinxido ao teletraballo polo seu caracter de atención ao público (oficinas de emprego, consorcio, oficinas agrarias, unidades de atención ao público, etc..). Estes casos xa foran remitidos un a un pola CIG antes da Comisión.
  2. Solicitamos os datos do persoal en réxime de teletraballo, por consellerías, xefaturas e xénero para facer un estudo do impacto segundo as diferentes unidades administrativas.
  3. Demandamos que normalice a información das concesións e denegacións aos órganos de representación do persoal (Xuntas de Persoal e Comités de empresa).
  4. Esiximos a posta a disposición do persoal teletraballador dos medios tecnolóxicos axeitados que marca a normativa. Segundo o Acordo en febreiro a Xunta xa ten a obriga de proporcionar ordenadores. Segundo Función Pública a AMTEGA está coas contratacións, pero din que teñen problemas de subministro e “pode que se atrasen un tempo”. Eso si: que non che proporcionen os medios non vai ser impedimento para teletraballar, só faltaría!
  5. Sobre a aplicacion do réxime especial de teletraballo (art. 12) para o teletraballo obrigatorio por emerxencia sanitaria; tal e como está agora a incidencia da pandemia na Galiza esta descartado agás se declare de novo a emerxencia sanitaria.
  6. O que si seguen activos son todos os permisos de teletraballo COVID por confinamento tanto do persoal como de descendentes ou ascendentes ao seu coidado. É un tema importante coa suba da incidencia nos centros escolares e o aumento exponencial de casos.

Esiximos a explicación de Función Pública dalgunhas denegacións de teletraballo xa que denunciamos que hai informes “tipo”, insuficientes e carentes de argumentos que buscan unicamente xustificar denegacións por parte dalgunhas xefaturas intentando esquivar o Acordo de teletraballo. Respostou que nos vai remitir por escrito as aclaracións que solicitamos co fin de poder alegar. Se é o teu caso, contacta con nós.

No DOG do 9 de decembro sae publicada a convocatoria do concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

En total son 94 prazas repartidas entre as seguintes clases de persoal funcionario: Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, Inspector/a farmacéutico/a, Inspector/a médico/a, Licenciado/a en Ciencias Biolóxicas, Licenciado/a en Ciencias Químicas, Licenciado/a en Farmacia, Licenciado/a en Medicina e Cirurxía, Licenciado/a en Psicoloxía, ATS/DUE e Subinspector/a sanitarioa/a.

As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos/OPE)

O prazo para a presentación das solicitudes de participación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos os borradores das convocatorias dos seguintes procesos selectivos:

  • A1-Escala de sistemas e tecnoloxía da información. Son 16 prazas da OEP do 2021, de acceso libre mediante o sistema selectivo de oposición. Descargar.

  • C1-Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galiza. Son 22 prazas das OEP 2018 (10) e 2021 (12), das que 5 reservanse para seren cubertas na quenda de promoción interna. A forma de acceso será a de concurso-oposición. Descargar.

O prazo de alegacións remata o mércores 1 de decembro, polo que se queres aportar algo, contacta coa CIG antes dese límite.

O DXOPF da Consellería de Medio Rural ten que acceder a reunirse ca CIG despois da presión exercida polos representantes dos traballadores

Despois de mais de 1 ano solicitando varias reunións co director xeral, onde poder tratar diversos temas que atinxen tanto o bon funcionamento da Administración, como que o administrado teña un trato mais próximo a Administración e tratar de mellorar as condicións de traballos dos empregados públicos, o mércores 24 de novembro tivemos unha reunión á que asistiron por parte da Administración o director xeral Ordenación e Planificación Forestal, e o xefe de servizo de Xestión Forestal.

Por parte da CIG empezamos agradecendo a celeridade e o carácter negociador que mostrou o director xeral, xa que despois de soamente 18 meses de varias solicitudes, fixese un oco na súa apertada axenda para recibir á representación dos traballadores e traballadoras.

Despois deste breve agradecemento, desde a CIG tratouse de levar a reunión a un talante dialogante e de cordura, expoñendo diversos temas que xa debían estar superados, facendo fincapé en:

  1. Diferencias na forma enfocar o traballo, xa non só en cada provincia, se non en cada distrito forestal, entendendo que se deben de dar unhas instrucións claras neste senso. Neste sentido comprométense a redactar unhas instrucións para unificar criterios comúns para todos os Distritos.

  2. Evitar as duplicidades na tramitación dos expedientes de aproveitamentos forestais, evitando o funil que se produce moitas veces ó ter que supervisarse por varios funcionarios, antes de ser ser resoltos polas xefaturas territoriais. Neste punto indica que non vai mudar nada ó respecto e que e actual estrutura e que non ten pensado cambiar.

  3. Tarxeta empregado público: considera que non é competente para realizar as tarxetas, pero que vai incidir para que se tramiten. Dende a CIG informámoslle que están empezando a chegar as tarxetas de empregado público os Axentes Ambientais, despois de mais de 1 ano desde que se prometeran creemos que “XA” non é sen tempo.

  4. Sobre o acceso ó Catastro por parte dos Axentes, volve a dicir que se está a traballar para facilitarlle esta ferramenta casi imprescindible para o seu traballo diario, polo que consideramos que é moi necesario. Axentes doutras comunidades autónomas xa teñen acceso ó mesmo desde fai anos.

  5. Tratamos diversos puntos a mellorar tanto no CORWEB como no CORPRI, quedando en revisalos e tratar de corrixilos. CIG solicita que se cumpra a lei 4/2019 de administración dixital de Galiza onde fala da creación do persoal funcionario habilitado para a tramitación de solicitudes para a poboación do rural. Denunciamos que o que tratan de facer é unha privatización dun servizo público e que non o vamos a consentir. Eles seguen na teima de que as estatísticas os avalan pero do que non falan é do diñeiro que ten que gastar a xente envellecida do rural, tendo que pagarlle en moitos casos a unha xestoría por un tramite que se podería realizar de balde.

  6. Informóusenos da creación dunha App para a tramitación das actas de denuncias da Lei de Montes. Segundo dixeron a aplicación está moi avanzada e habilitarase en breve. Desde a CIG protestamos enerxicamente ante a falta de dialogo e de respecto aos traballadores e traballadoras pola creación desta App sen contar coa súa representación para aportar solucións e dar a súa opinión. Trala nosa protesta o director xeral accedeu á creación dun grupo de traballo para tratar de mellorar esta App cando se poña en funcionamento e outro grupo de traballo para mellorar a App CORWEB-CORPRI.

  7. En canto á pregunta da CIG da Reestruturación do persoal da Consellería de Medio Rural o director xeral, dixo que se nos informaría mais adiante e que nada nos podía dicir do tema. Como bon galego non contou nada, rematamos a reunión sen saber se sube ou se baixa na escaleira.

Os servizos públicos de Ourense ninguneados de novo pola Xunta de Galicia. Ourense é a única provincia onde non se completan as equipas de reforzo para a valoración da dependencia da consellería de Politica Social

Nas últimas semanas de outubro tivemos coñecemento de que se ían contratar uns equipos de reforzo para a valoración de dependencia, sin ningún tipo de negociación nin información a  representanción do persoal. Daquela pedimos explicacións a Política Social e o único que confirmaron foi a contratación de un equipo por provincia, sen aclarar específicamente que tipo de persoal van contratar nin a duración real dos contratos (parece que queren contratar e prorrogar ano a ano)

Cal é a nosa sorpresa ao comprobar que en todas as provincias estas equipas están compostas por persoal médico, traballador/a social, terapeuta ocupacional e varios administrativos/as excepto en Ourense, que só vai contratar persoal terapeuta ocupacional e 1 aux. administrativo/a.

De novo Ourense segue a ser a cenicienta de Galicia e, despois da masiva manifestación que tivo lugar na cidade ao berro de SOS Ourense!!!, volvemos a comprobar que é a grande esquecida, neste caso pola Xunta de Galicia.

Para a CIG, por suposto que é necesaria a contratación de máis persoal para a valoración de dependencia na provincia de Ourense, pero estas equipas deben ser completas, con persoal médico, psicólogo, traballador social, etc.

Queremos lembrar que o PP e a Xunta de Galicia son os únicos culpables do colapso que existe neste momento na valoración da dependencia, e son os únicos que teñen que por solucións, a través da creación das suficientes prazas de persoal especializado para que se dea un servizo axeitado como a cidadanía merece.

Dende a CIG esiximos á Consellería de Política Social e á Dirección Xeral da Función Pública que non ningunee a esta provincia e contrate as equipas de valoración da dependencia completas co mesmo persoal que no resto das provincias.

O 24 de novembro de 2021 constituíuse o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Emprego e Igualdade. Cada modificación de consellería leva a interrupcións na actividade preventiva que dende a CIG imos tratar de que sexan as mínimas posibles e que bote a andar con axilidade.

Este CSSL ten na súa presidencia a Laura Cardesín, xefa de servizo de Réxime Xurídico e Relacións Laborais, a secretaría será rotativa entre as OOSS, neste primeiro ano tócanos á CIG, Ismael Outumuro será o noso secretario.
Forman parte o Subdirector Xeral de Colocación e os catro Xefes/as Territoriais ademais asesora con voz e sen voto o xefe de servizo do ISSGA de Ourense e un representante do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Na CIG ademais de facer propostas ao regulamento para mellorar o funcionamento deste órgano paritario aportamos as seguintes cuestións:

  1. Solicitamos os datos de sinistralidade específica da Covid no informe do servizo de prevención de riscos laborais do 2021.
  2. Propuxemos a comprobación de todos os sistemas de aire acondicionado e de ventilación das Oficinas de Emprego (xa que son moi herméticas) e que se colgue a verificación nun sitio visible ao persoal empregado e ao público.
  3. Solicitamos que se revise si todas as Avaliacións de Riscos Laborais dos centros están actualizadas para o novo nivel de risco da virus da Covid (categoría 3).
  4. Propuxemos formas, tanto para compartir información como de comunicación áxiles e permanentes, tamén que se fagan públicos para todo o persoal acordos e actas.
  5. Aportamos que queden definidas as funcións de secretaria a presidencia para evitar dilacións indebidas nas convocatorias e unha mellor definición de responsabilidades.

Queixas nas oficinas:

  • Oficina de emprego de Monelos: fíxose un estudo de ruídos logo da queixa do persoal pero non é valido para a empresa que ten que facer as obras de insonorización, están pendentes dunha nova medición.
  • Oficina de emprego de Ferrol: a administración di que están a investigar a orixe do fedor que fai insoportable o traballar na oficina, van moi amodo e instamos a que se solucione canto antes.
  • Traslado da Oficina de emprego Centro da Coruña ao espazo Amizar: é inminente, contan con rematar en decembro. Solicítase avaliación de riscos previa ao traslado (incluído radón).

Temos ata o día 3 de decembro para enviar as propostas para a planificación preventiva do 2022, na que se inclúen ás avaliacións de riscos ou as súas revisións e a proposta formativa para o persoal.

Os delegados e delegadas de prevención da CIG loitamos pola mellora das condicións de traballo no que a seguridade e saúde é fundamental. Para poder facelo contamos coa tua participación. Denuncia, informa, require, propón e achega aquí co asunto: CIG CSSL Emprego e igualdade

Mobilizámonos contra a demora do concurso de traslados e a ineptitude da dirección xeral da Función Pública

Arredor de 200 persoas, entre delegadas e persoal de servizos centrais, rodeamos este martes 23 de novembro, en manifestación, o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano para esixir a dimisión do Director Xeral de Función Pública. É inadmisible a demora do concurso de traslados en seis meses máis, cando leva xa dous anos de retraso. Dilación que afecta tamén a outros concursos de traslados como os de corpos especiais, escalas e persoal laboral que levan, nalgúns casos, até 12 anos dende o último concurso.

Este atraso é na práctica un recorte de dereitos para quen quere mellorar profesionalmente, porque se lle impide a promoción profesional, e para quen quere trasladarse de posto ou de localidade, pois se lle limita o dereito á mobilidade.

Propostas da CIG

Lembramos a proposta feita pola CIG xa hai máis dun ano e que daría solución a esta parálise: desligar os procesos selectivos do concurso de traslados.

Xunto a isto demandamos tamén outras cuestións como a extensión da carreira profesional para todo o persoal empregado público sen distincións, o incremento das prazas de promoción interna, o establecemento para os procesos selectivos duns criterios claros, uniformes e acaidos ao seu fin, o traslado dos dereitos do V Convenio de persoal laboral para o persoal funcionarizado e a súa extensión ao todo o resto do persoal funcionario. De non facelo estaríanse a perder dereitos laborais como as compensacións polos traballo en domingos e festivos, pero tamén a reserva nos procesos selectivos do 50% de prazas para promoción interna ou a posibilidade de ter un trienio mínimo de 32€ que é o que percibe hoxe o persoal laboral acollido ao V Convenio.

O director xeral da Función Pública ten que dimitir

No trascurso da manifestación demandouse a demisión ou o cese do director xeral da Función Pública por incompetente. É tan clara a súa inutilidade na xestión e o seu malfacer que ata os seus socios do Acordo de concertación, CCOO e UGT, anunciaron manifestarse tamén para demandar os dereitos que se perden coa funcionarización e pola carreira profesional ilegal que asinaron. Todo isto non deixa de ser indicativo de como andan as cousas: foron partícipes cómplices da chantaxe de Función Pública ao asinar unha carreira profesional ilegal e discriminatoria e agora semella que lles entran os remorsos.

Mentras tanto, Función Pública, co apoio dos seus socios CCOO e UGT, afonda no incumprimento do seu propio acordo ao paralizar o aboamento do segundo grao extraordinario que tiña que ser convocado no último trimestre 2020, pese a estar orzamentado para este ano 2021.

Ao tempo, fixemos tamén un chamamento a CCOO e UGT para que deixen de participar do xogo patronal e se desmarquen dun Acordo de concertación no que aceptaron a perda de dereitos laborais e salariais e unha carreira profesional ilegal que afonda nas desigualdades entre o persoal empregado público.

Barreiro, se non te vas ti, botarémoste nós!!

Esta non é a primeira manifestación convocada pola CIG demandando o cese do director xeral. Hai apenas catro meses xa o fixemos, e a lista de motivos non fai máis que medrar día a día. Ao retraso nos concursos de traslados hai que sumarlle outras cuestións como a desfeita nos procesos de promoción interna e de consolidación e estabilización de emprego, nos que a súa complexidade foi tal que, por exemplo, no proceso de consolidación do grupo IV-01 non aprobara ninguén, algo insólito na historia da administración pública galega.

O propio Consello de Contas no seu último informe dalle un bo tirón de orellas á Dirección Xeral da Función Pública pola súa mala xestión neses aspectos e noutros coma a alta temporalidade na administración pública, a execución das ofertas de emprego público, a excesiva duración dos procesos selectivos, a necesaria creación de órganos especializados e permanentes para a organización dos procesos selectivos, o abuso das comisións de servizo ou a opacidade nas adxudicacións das libres designacións, aspectos todos eles denunciados pola CIG dende hai anos.

Na CIG témolo claro, seguiremos a denunciar estas desfeitas, a combater as inxustizas e a revelarnos ante o abuso.

 

 

Outras novas recentes

Xoves, 18 Xuño 2026

Contra o decretazo nas listas de substitución da Xunta: folga de 1 hora

Dado que a Administración segue adiante coa aplicación do Decreto 40/2026, que modifica o 37/2006 de listas de substitucións chamamos a todo o persoal que forma parte das listas de contratación e ao que está en activo a una folga o vindeiro día 23 de xuño de 11h a 12h. Este problema afectanos a todas e todos. Ó persoal que forma parte das listas que ve recortados os seus...
Mércores, 17 Xuño 2026

Xefaturas de sección (corpos xerais), sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións:A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando a persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou...
Luns, 22 Xuño 2026

RPT de Aturga, concursos de traslados, vacacións e asuntos propios, devolución de taxas (MSPF 19/06/2026)

Na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSFP) do venres 19 de xuño tratamos a modificación da RPT de Aturga, e preguntámoslle á DXEP sobre varias cuestións a respecto dos procesos en marcha: as tomas de posesión das escalas sociais, as devolucións dos pagamentos de taxas de procesos selectivos do SPIF anulados, o concurso F0425, a IT no momento da elección de destino e as...