Novas por contido

A CIG Autonómica ten solicitado en incontables ocasións xuntanzas e mesas de negociación coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade para aqueles asuntos de interese para o persoal non docente dos centros de ensino; pero con carácter xeral esta Consellería non quere entender que o ámbito de negociación lexítimo non é a Mesa Sectorial Docente cando o que se negocia afecta a unha parte do seu persoal que non é docente.

Que fixemos nos últimos meses?

  1. O Protocolo de adaptación ao contexto Covid para o curso pasado (2020-2021) tratouse no ámbito da Mesa Sectorial do Persoal Docente. Aínda así, e dada a excepcionalidade e importancia deste asunto, xa que afectaba as condicións de traballo do persoal non docente, por responsabilidade, dende a CIG Autonómica fixemos achegas a cada unha das versións deste protocolo que se foron publicando na páxina web, achegas que non foron respondidas por parte da Consellería.
  2. En abril deste mesmo ano, repítese esta maneira de proceder por parte da Consellería cando se leva á mesa sectorial a negociación da orde pola que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes, o que produce a queixa da CIG Autonómica en varias Mesas Xerais de Empregados Públicos e, que incluso, nos obrigou a presentarnos na xuntanza da mesa sectorial para esixir a súa negociación coa representación lexítima do persoal.
  3. En maio, a Xunta propón unha modificación da RPT desta Consellería. A última creación en RPT de postos de persoal laboral existentes foi no ano 2015, e dende aquela creáronse numerosos postos que están fóra da RPT (abondan exemplos de postos de auxiliar coidador, axudante de cociña, intérprete de linguaxe de signos...). Nunha xuntanza anterior pola RPT de educación en data 26/09/2019, responsábeis da consellería de Educación recoñeceron o problema e comprometéronse a “comezar a traballar na RPT do persoal laboral” co fin de regularizar a situación dos postos ficticios. Pero desta volta con esta nova modificación tampouco se inclúe a este persoal o que supón que 
    • Os postos que non meteron en RPT non puideron ser ofertados na recente elección de destino do proceso de camareira/limpadora (promoción interna e libre).
    •  As persoas que os ocupan non poden cobrar todos os pluses aos que si terían dereito de estar en RPT.
  4. O Protocolo de adaptación ao contexto Covid do vindeiro curso 2021-2022, que loxicamente afecta a persoal non docente, é novamente levado a consideración pola mesa sectorial o pasado 13 de xullo, sin que se nos faga partícipes.
  5. O persoal non docente itinerante atópase discriminado respecto do persoal docente itinerante, que dispón de un acordo das súas condicións de traballo dende o ano 2008 onde se recoñece, entre outras, a limitación de desprazamentos, a compensación económica destes desprazamentos, a protección da súa saúde nos desprazamentos e incluso a protección as docentes xestantes. O persoal non docente non ten recollido ningún destes dereitos e compre a súa urxente negociación para que se habiliten de cara o curso 2021-2022.
  6. Ratios de limpeza e comedores: Respecto de outro persoal non docente como pode ser o de limpeza ten establecida unha ratio dende o ano 1994 (sin ter en conta os cambios que se teñen producido nos centros de ensino dende aquela e moito menos o aumento das tarefas pola Covid); o único que fixo a Consellería foi facer contratos de acúmulos de tarefas (que xa remataron en xuño) pero soamente nalgúns centros, deixando a maioría deles sen ese reforzo, cousa que non se entende xa que a dispoñibilidade e as tarefas deste persoal incrementaron en todos os centros e non soamente nalgúns. Ou o persoal de cociña ó que se lle sigue a aplicar un decreto do ano 2013, que durante este pasado curso (e en vista do novo protocolo no vindeiro curso as cousas non mudan) tiveron que asumir as medidas establecidas pola Covid (varias quendas de comida, novos espazos empregados como comedores alternativos...) e neste caso sen ningún tipo de reforzo.

Por todo o anterior, a CIG Autonómica acaba de solicitar unha vez máis a negociación coa representación lexítima do persoal non docente por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a recuperación do dereito á negociación colectiva das súas condicións laborais e avisamos que na CIG Autonómica xa non estamos dispostas a seguir consentindo este desleixo polo que esiximos unha mesa de negociación urxente de cara a acordar para o curso 2021-2022 avances nos seguintes asuntos:

- Condicións do persoal itinerante
- Ratios do persoal de limpeza
- Ratios derivados do decreto de comedores
- Bases de actuación para a negociación previa de todos os asuntos que afectan ao persoal non docente coa consellería do mesmo xeito que se fai co persoal docente no seu ámbito específico.

De non obter resposta por parte da Consellería de Educación a CIG Autonómica agotará todas as vías posibles.

 

Remata a negociación coa Consellaría de Emprego e Igualdade sen que a Xunta aceptara nengunha alegación agás correccións de erros de trascrición. Unha vez máis, a Xunta demostra que non ten intención de negociación e só quere cumprir o trámite.

Opoñémonos a que o posto de nivel 25 Unidade Sist. Informac. Serv. Público de Emprego sexa de libre designación. Por outra parte trasladarlle a este posto “a representación da Comunidade Autónoma na Comisión de coordinación” é un total despropósito pois esa representatividade da Comunidade recae nos órganos de estrutura, comezando polo altos cargos.

Solicitamos que as dispoñibilidades horarias leven o complemento adecuado incluído no CE.

Botamos en falta o reforzo das unidades de igualdade desta consellería a pesar de darlle bombo e porlle o nome a consellería e ter o I Plan de Igualdade para o persoal da Xunta de Galiza sen elaborar. Demóstrase coa falla do plan e do reforzo desta dirección xeral que a igualdade para este goberno é so unha cuestión de blanqueo social ou propaganda.

Hai un abuso na apertura a persoal doutras administracións. Falta a xustificación de que se poden abrir tanto por números e porcentaxes totais na Xunta como na consellería e a xustificación da reciprocidade. 

Os programas de orientación están a ser ligados uns con outros, con continuidade. Non ten sentido esta forma de proceder e pedimos que se creen as prazas en estrutura. Por outra parte preguntamos nos centros pola necesidade dos postos que se propoñen para amortización das prazas de Lopez Mora e Pontevedra e se nos respostou que non se cobren porque o traballo era en parte realizado polo persoal de orientación. Que pasaría si se amortizan as prazas e desaparece o persoal dos programas? Quedariamos a mínimos nas oficinas de emprego. Entendemos que se deben crear as prazas de orientadoras/es en estrutura ou non proceder a amortización desas.

No DOG do 16/07/2021 fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019.

Publican as puntuacións provisionais das persoas concursantes admitidas, para cada un dos postos solicitados, no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública (https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/).

As persoas interesadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Tamén dan publicidade á modificación da Resolución do 26 de abril de 2021 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, convocado pola Resolución do 25 de novembro de 2019

Recibimos aviso da Dirección Xeral de Función Pública no que nos comunican que a Resolución coas puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autonómoma de Galiza, vai ser publicada no DOG do venres 16 de xullo.

Non vamos a facer un repaso polos reiterados incumprimentos de prazos. Tan só vamos co último deles: este baremo provisional era marzo/abril deste ano, e xa estamos en xullo. Cando será a resolución definitiva, que era para xullo?

Segundo nos comunican de Función Pública, no DOG do martes 20 de xullo de 2021 publicarase a Resolución do 13 de xullo de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza do:

  • grupo I, categorías 2 (médico e outras), 6 (titulado/a superior psicólogo/a) e 11 (titulado/a superior pedagogo/a),
  • grupo II, categorías 2 (ATS e outras), 6 (educador/a.Profesor/a especial), 11 (fisioterapeuta), 17 (asistente social) e 20 (terapeuta ocupacional),
  • grupo III, categoría 50 (técnico/a especialista en xardín de infancia) e
  • grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica e outras).

A Consellería de Sanidade convocounos a unha xuntanza para discutir a proposta de modificación da súa RPT. A xuntanza vai ser o día 13 de xullo, polo que se queres achegarnos algo, contacta coa CIG. 

A documentación podes descargala dende a seguinte ligazón.

A Consellaría de Emprego e Igualdade convocounos a unha primeira xuntanza (08/07/2021) para "presentarnos" a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). A documentación coa proposta enviarona o día anterior a última hora da mañá, e por tanto sen tempo abondo para estudala correctamente. Incumpren así o deber da axuda mútua na negociación. Mal comezo.

Nesa primeira xuntanza subliñaron que a proposta aínda non inclúe todas as modificacións necesarias motivadas polo cambio da anterior consellaría, e que vai en paralelo coa modificación da estrutura orgánica.

Afecta á Dirección Xeral de Emprego, Dirección Xeral de Formación e Colocación e á Secretaría Xeral de Igualdade. Contempla a xestión de fondos europeos, a dixitalización do servizo de emprego e a implementación de novas tecnoloxías. Esta última cuestión vai ter máis peso.

Suprimen oito postos en total, pero tres estaban vacantes, e dos cinco restantes dous postos foron funcionarizados. Créanse 20 novos postos: 10 de estrutura e 10 de apoio. Din que as modificacións son puramente técnicas.

A CIG esixiu un maior prazo para estudar a documentación e alegar. Ao noso ver, as amortizacións non están ben fundamentadas. Preguntamos pola obrigada dotación de persoal técnico de arquivos. Hai unha sentenza do Tribunal Supremo indicando que debemos ter todos os datos para a negociación da RPT e reclamamos que conste en acta. Tamén pedimos aclaración se van agardar ao recurso da sentenza do TSXG sobre a anulación da RPT da Consellaría de Economía que gañou a CIG. Os postos de orientador/a deberían ser considerados como postos de estrutura, pois están ligando distintos programas. Preguntamos se hai algo pensado sobre o plan de igualdade. Gostaríanos que se convocara unha reunión sobre o teletraballo nas oficinas de emprego, na que deberían estar todos os sindicatos.

Temos prazo para presentar alegacións escritas ata o luns 12, polo que se queres aportar algo, contacta coa CIG canto antes (negáronse a ampliar o prazo).

Nota: a petición de todas as organizacións sindicais, a fin de dar satisfacción ao principio legal de axuda mútua na negociación, e nun alarde de magnanimidade, recibimos un correo da consellaría na que nos amplian o prazo de alegacións ..[que emoción].. en tres fantásticas horas!! Así, o prazo de alegacións remata o mesmo luns día 12, pero ás 15 horas.

A CIG non asina o novo acordo de estabilización pactado entre sindicatos estatais e o Ministerio porque non soluciona o problema do abuso da temporalidade e mantén a taxa de reposición de efectivos.

O texto do acordo pactado o 5 de xullo de 2021 entre as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública, co voto en contra de CIG e ELA, publícase no BOE do mércores 07 de xullo con efectos a partir do día seguinte. 

Este Acordo que modifica o EBEP, incorre nas mesmas eivas que os acordos previos asinados nos anos 2017 e 2018, e introduce varios cambios claramente regresivos e outros que, aínda que se venden como melloras, van ter un efecto moi limitado e incluso discriminatorio. 

Analizamos o texto: 

1. Xustificación: CONSTRÚESE SOBRE AS RUÍNAS DOS ACTUAIS ACORDOS DE ESTABILIZACIÓN DO EMPREGO DE 2017 E 2018

Os plans de estabilidade do 2017 e do 2018 non serviron, é evidente. As cifras que se reproducen no propio comezo do texto do Acordo son de escándalo: 56.000 prazas “estabilizadas” dun total de 218.000.

Na Galiza os datos de temporalidade hoxe aproxímanse ao 40%, polo que, a pesar de ter moitos procesos pendentes nas OEPs, foron pouco efectivos por lentos e caóticos con falta de criterios estabilizadores reais e homoxéneos nas notas de corte ou tipo e número de probas. 

Malia todo isto, o acordo actual levántase sobre esas ruínas, sen aportar solucións efectivas, indicando que o proceso de “estabilidade” se desenvolverá coas "mesmas condicións e características dos anteriores acordos". 

2. O apartado A) PROCESO DE ESTABILIZACIÓN NO EMPREGO PÚBLICO

Márcase o limiar de redución da temporalidade no 8% das prazas estruturais con procesos de estabilización de emprego e repítese case todo o previsto nos acordos de estabilización anteriores. 

PRIMEIRO: Afecta ás prazas ocupadas temporal e ininterrumpidamente ao menos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 e que non foran incluídas nos procesos de estabilización dos Acordos da Mellora de Emprego do 2017 e 2018. 

Na Administración Xeral da Xunta todas as OPES derivadas do Acordo de Concertación asinado entre Xunta, CCOO e UGT, estarían fora deste novo proceso de estabilización polo tanto fora das accións dos seguintes apartados. Así a maioría da prazas xa foron ofertadas nas OEP 2019 (incluidas repescas de OEP 2017 e OEP 2018), OEP 2020 e OEP 2021.

Os procesos desenvolveranse estean ou non as prazas dentro dunha RPT e autorízase unha taxa adicional de estabilización (como agora, non entrará dentro da taxa de reposición). 

Sinalan un prazo máximo bastante longo: os procesos deben estar resoltos antes do 31 de decembro de 2024. 

SEGUNDO: Os procesos selectivos de concurso-oposición, cos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e libre concorrencia, cunha valoración da fase de concurso do 40%. Como novidade posibilitan a creación de bolsas de interinos específicas ademais das listas de agarda. 

TERCEIRO: As administracións deberan asegurar os cumprimentos de prazos e implantar medidas para a axilidade dos procesos como a reducción de prazos, dixitalización, acumulación de probas..

CUARTO: A non superación do proceso selectivo da persoa que ocupe o posto dará lugar a indemnización. Ollo, só no caso das prazas convocadas ao aveiro deste plan de estabilización (non entrarían as xa ofertadas en base aos Acordos anteriores).

  • Funcionario/a interina: 20 días retribucións fixas/ano de servizo, ata un máximo de 12 mensualidades.
  • Laboral temporal: diferenza entre o máximo de 20 días e a indemnización correspondente pola extinción do contrato ata un máximo de 12 mensualidades.

A non participación no proceso selectivo non xerará compensación económica.

3. O apartado B) REFORMA DA NORMATIVA BÁSICA EN MATERIA DE EMPREGO PÚBLICO

PRIMEIRO: So se poderá nomear persoal funcionario interino por razóns xustificadas de necesidade e urxencia nestas situacións:

  • Cobertura de prazas vacantes (cando non sexa posible por funcionario/a de carreira) cunha duración máxima de tres anos. Si se lle convoca a praza durante estes tres anos, poderá permanecer ata a súa resolución e o seu cese non implicará compensación económica.

  • Substitución

  • Execución de programas de carácter temporal (3 anos + 12 meses prorroga)

  • Por exceso ou acumulación de tarefas (máximo 9 meses dentro dun período de 18)

SEGUNDO: Selección do persoal funcionario interino en base a procedementos que respecten os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e celeridade. O nomeamento non suporá en ningún caso o recoñecemento como funcionario/a de carreira.

TERCEIRO: Acúdese entre outras á causa da amortización da praza ou posto de traballo para finalizar á relación laboral sen indemnización. A ver se para despedir de balde van adicarse a amortizar!

CUARTO: As vacantes ocupadas por persoal funcionario interino deberán cubrirse a maior brevidade posible, e pasados 3 anos finaliza a relación laboral e só será cuberta por persoal funcionario de carreira, ou si nun proceso selectivo quedara deserto, farase un novo nomeamento por interinidade.

As actuacións irregulares por parte das administracións e incumprimentos de prazos máximos de permanencia dará lugar a compensacións económicas nos mesmos termos que si non se superara o proceso de estabilización, pero só será de aplicación aos nomeamentos e contratacións efectuados con posterioridade á entrada en vigor da reforma do TREBEP.  

PARA O PERSOAL DA XUNTA DE GALIZA CERO PATATERO: MOITO DO MALO E NADA DO BO 

Este Acordo non facilita as cousas aos milleiros de persoas temporais da Xunta sexan laborais temporais ou funcionarias interinas, nin lles afecta a nivel indemnizatorio, ao estar hoxe a práctica totalidade xa incluídas en ofertas de emprego anteriores. Os procesos selectivos de concurso-oposición son os mesmos que os que temos hoxe e non obriga a que cambie nada “a mellor” como facer criterios comúns e estabilizadores nestas convocatorias, temarios reducidos…

Tampouco soluciona nin pon freo ao abuso da temporalidade posto que non elimina a taxa de reposición nin fixa un marco sancionador estrito e contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade, nin establece medidas reparadoras co persoal interino vítima do abuso na contratación temporal. 

Pola contra, a “sanción”, recae no traballador/a que vai ser despedido antes dos tres anos e se por calquera causa o despedimento se produce despois para colmo será sen compensación.

A Lei 9/2021, do 23 de febreiro, de simplificación administrativa, puxo as bases para a xestión privada da Administración autonómica galega coa desculpa da xestión dos fondos europeos do Plan de recuperación e resiliencia:

  • Acurtamento dos prazos para a emisión de informes até facelos inviábeis.
  • Reverter a consecuencia do silencio administrativo na emisión destes informes, pasando a ser positivo.
  • Reasignación do persoal que se encargue destes informes para escollelos a dedo.
  • Privatización da emisión destes informes.

Para aprobar esta Lei no Parlamento Galego chegoulles coa súa maioría absoluta. Agora “acadar este obxectivo da execución eficiente destes fondos require dunha reorganización interna na Administración en materia de xestión de persoal, flexibilizando os mecanismos tradicionais de asignación de tarefas...” levounos á publicación o 6 de xullo do Acordo sobre as actuacións en materia de persoal para a xestión dos fondos de recuperación e resilencia (FRR) e outros fondos europeos, e para iso contaron coa inestimábel axuda de CCOO e UGT na Mesa Xeral de Empregados Públicos (22 de marzo), e na Comisión de Persoal do día 26 de marzo onde votaron a favor.

Este Acordo supón a aceptación por parte destas dúas organizacións sindicais do obxectivo político do Partido Popular de constrinxir a Administración ao máximo, evitando calquera sinal de independencia funcionarial e escollendo a dedo ao persoal para beneficiar a determinados grupos de presión empresariais. Iso si, todo baixo a cínica expresión de “Acadar este obxectivo leva consigo a necesidade dunha reorganización interna na Administración que garanta a xestión eficaz dos fondos europeos, flexibilizando os mecanismos tradicionais de asignación de tarefas, captando o talento, a proactividade e a capacidade de innovación existente na organización, motivando o persoal empregado público que interveña de forma directa na xestión dos ditos fondos”.

Esta literatura idílica vale de introdución para:

  • A creación de grupos de traballo con persoal seleccionado polos directores dos grupos, cargo para o que no caso da administración instrumental “poderá ser designada unha persoa que sexa persoal directivo que non teña a condición de empregado público”

  • A creación de “unidades específicas de carácter provisional” con todo o persoal nomeado en comisión de servizos.

  • O establecemento dun “complemento de produtividade” que pode chegar ao 20% das retribucións.

  • A decisión de que “poderá terse en conta o traballo desenvolvido para os efectos de recoñecemento profesional ou na carreira administrativa do persoal empregado público”

Así, co beneplácito de CCOO e UGT, os xestores políticos do PP na Administración autonómica introducen un sistema de xestión privado na función pública galega. Xa non son necesarios os concursos de traslados, nin as RPTs, nin se vai valorar o esforzo en formarse, a antigüidade ou a permanencia no posto. A promoción profesional e o incremento salarial a partir de agora pódelos conseguir se te escolle un Xefe de grupo para “diminuír os atrasos na emisión dos informes co obxectivo de dinamizar o desenvolvemento das iniciativas empresariais en Galiza.” Todos e todas podemos intuír o que pode significar esta frase.

Recibimos un correo da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas no que se nos informa de que está previsto que o xoves 15 de xullo se publique no DOG a Resolución da DXRRHH pola que se fai pública a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, e o resultado definitivo de baremación, no proceso de actualización das listas de persoas aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais en postos de traballo de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

As listas actualizadas entrarán en vigor a efectos de chamamentos, o día seguinte ao da súa publicación.

Outras novas recentes

Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...
Martes, 15 Setembro 2026

A Xunta de Galiza discrimina na carreira profesional ás súas traballadoras en redución de xornada por conciliación

A CIG denuncia que Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras.Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver  denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez...
Martes, 22 Setembro 2026

A CIG denuncia o absoluto abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal pola Consellaría do Medio Rural

Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel...