O director xeral da Función Pública comprometeuse a examinar cada un dos casos entregados e a solucionalos. Tamén comentou que en setembro se iniciaría a elaboración dunhas novas instrucións sobre a regulamentación das comisións de servizo. A colación disto comentou tamén que a recente modificación do Decreto de provisión, que só versa sobre o tempo para a toma de posesión, estase vendo atrasada polo informe da Asesoría Xurídica pero que contan tamén sacala para adiante en setembro.
Principais irregularidades
A Xunta de Persoal, ante os graves incumprimentos que se están dando na aplicación da normativa reguladora de provisión de postos de traballo vacantes en caso de urxente e inaprazable necesidade e, especialmente, na cobertura de prazas a través de comisións de servizo testemuñada nas irregularidades seguintes denuncia:
- A duración de comisións de servizo por período superior a 6 meses en postos que se provén polo sistema de libre designación.
- A duración de comisións de servizo por período superior a 2 anos en postos de concurso.
- A subxectividade na elección de candidatos (sentenza 73/2013 do Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Ferrol anulando a concesión dunha comisión otorgada sen cumplir a lexislación actual.)
- A alteración da normativa coas comisións de servizo cruzadas mediante simulacións en fraude de lei, sen un cambio efectivo do posto de traballo
Para a Xunta de Persoal este tema non vai quedar aquí e van seguir todos os meses cribando as concesións das comisións de servizo e denunciando cada un dos incumprimentos co obxectivo final de mudar a normativa. En calquera caso, en función da actitude da Administración, resérvanse o dereito da denuncia pública ou calquera outro tipo de acción, coma as xa emprendidas pola Xunta de Persoal de Lugo.
Propón como puntos a solucionar:
- A solución inmediata das situacións fraudulentas que se manteñen na actualidade.
- O establecemento dun procedemento de provisión obxectivo, que se diferencie significativamente no que se refire aos requisitos para a súa adxudicación dun sistema discrecional como o de libre designación e que garanta a igualdade ao acceso do persoal a ditos postos, a través do establecemento dun baremo no que se teña en conta a experiencia, antigüidade e formación.
- A esixencia das responsabilidades que procedan pola concesión de comisións de servizo por período superior ao limitado pola normativa, tendo en conta que o dito incumprimento é unha práctica reiterada nesta Administración, tal e como se reflicte, a modo de exemplo, na relación achegada. Se ben tanto na lexislación aplicable como na páxina web de Función Pública, se fixan os límites temporais de 1 ano prorrogable por outro para os postos de concurso e de 6 meses para postos de libre designación, o incumprimento desta obriga por parte dos departamentos da Xunta de Galicia, fai preciso a adopción de medidas sancionadoras que poñan fin a ditas prácticas.
- A regulamentación dun procedemento para a concesión das comisións de servizo que evite esta aplicación indebida da normativa, tendo en conta que o actual decreto, de marzo de 1991, está parcialmente derrogado, rexendo ao respecto resolucións administrativas que se están a incumprir de xeito reiterado