Novas por contido

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remitiunos a información de que o mércores 16 de abril publicarán no Diario Oficial de Galiza as seguintes resolucións para o concurso ordinario de traslados das escalas de inspección e de axentes de inspección de consumo:

  • Relación definitiva de persoas admitidas e excluídas
  • Puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas

As persoas á fronte da EGAP escúndanse na falta de medios para a privatización da elaboración dos temarios de promoción interna e libre do persoal da Xunta de Galiza, un antigo compromiso que a EGAP incumpre ano tras ano.

Na CIG levamos moitos anos lembrándolle á EGAP o compromiso de elaboración dos temarios, tanto no referido á promoción interna como á libre. Até o de agora as respostas sempre foron evasivas, e remitíasenos á responsabilidade de Emprego Público neste asunto ou dicíasenos que a Escola estaba aberta a propostas.

Mentres, no ano 2024 asistiamos á privatización dos temarios da escala de orientación laboral (grupo A2), licitados e asignados vía contrato menor de servizos e tramitación ordinaria á empresa Noroeste de Valor Asociados, S.L. cun orzamento base de 17.847,50 €, e sobre os que se advirte de que se trata duns temarios de apoio, non oficiais e que contan cun aviso de exención de responsabilidade por parte da empresa.

Xa en 2025, por parte da dirección da EGAP maniféstasenos aos sindicatos que a Escola non está en condicións de garantir que a elaboración de temarios a poida levar a cabo só a EGAP, e apunta á «externalización», teimando  en que se trata dunha cuestión que hai que falar con Emprego Público, de quen solicita a coordinación neste asunto. Segundo a responsábel da EGAP, a tarefa é inacabábel, porque os temarios necesitan ser actualizados constantemente, e non hai persoal especializado na EGAP que poida levar a cabo nin a elaboración nin a actualización. Argumenta a direccción que cando a Administración non pode levar a cabo unha tarefa co nivel de calidade que se lle presume á tarefa en cuestión, o que hai que facer é externalizar, indicando neste senso que as academias son as que están ao día.

Dende a Escola indicábasenos a primeiros de ano 2025 que a EGAP ían contactar con Emprego Público para trasladarlles a necesidade de orientación bibliográfica e lexislativa para as persoas que opositan, e que non tiñan problemas para pendurar no web o que Emprego Público lles facilite. Non volvemos ter máis noticias.

Na CIG opoñémonos á deixación de funcións da EGAP, e estamos en contra, firmemente, de calquera tipo de externalización de tarefas que entran dentro das súas responsabilidades e competencias. Dicimos «non!» a temarios elaborados por entidades con ánimo de lucro, seleccionadas a dedo pola vía dos contratos menores, e cuns orzamentos que a todas luces supoñen non só un sobrecusto pagado con cartos públicos, senón tamén un traballo que non conta coas mínimas garantías para o persoal sobre a calidade e fiabilidade dos textos, como xa nos demostrou a licitación dos temarios da escala de orientación laboral.

Se queres facernos chegar as túas impresións, contacta coa CIG-Autonómica.

 

Viñeron compañeiros/as ou chamaron aos locais da CIG para comunicarnos que querían restrinxirlles o teletraballo dende unha determinada data. Segundo relatan, non se podería teletraballar nin os luns nin os venres. Ante esta información algún/a xefe/a confirmounos que había ordes de "enriba" para restrinxir o teletraballo "por razóns de servizo".

Na Comisión de Persoal do día 27 de marzo preguntamos á directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), sobre se había algunha instrución para a restrición do teletraballo os luns e os venres. A directora negou a maior dicindo que non existía ningún tipo de restrición.

Porén, despois da Comisión de Persoal referida, resulta que persoas de diferentes servizos teimaron en que se segue a falar da modificación dos días nos que se permitiría teletraballar. Mesmo varias persoas dunha das subdireccións da DXEP dixéronos que lles comunicaran dun xeito verbal que a partires de maio non se poderá teletraballar nin os luns nin os venres.

Ante estas informacións, cremos que é necesario lembrar varios aspectos:

Unha resolución de teletraballo só pode modificarse por outra resolución. Hai que seguir o procedemento establecido na Orde. Non valen ordes verbais nin correos electrónicos.

A nova resolución debe de ser motivada. Non se pode denegar ou restrinxir o teletraballo de xeito discrecional, pois daría lugar a discriminación duns/dunhas traballadores/as a outros/as, e isto está prohibido expresamente e de xeito transversal polo ordenamento xurídico. Por ende, a motivación debe de ser suficiente e real. Non vale inventar motivacións pois entón estariamos ante unha resolución inxusta; e ditar unha resolución inxusta a sabendas de que inxusta, ten un nome que todos e todas coñecemos.

Se na modificación aléganse “razóns de servizo”, segundo a xurisprudencia teñen que individualizar esas razóns de servizo e dicir cales son exactamente. Non vale, que de súpeto aparezan razóns de servizo simultaneamente en varios servizos. Isto é moi, moi estraño. Ademais, as “razóns de servizo” non pode ser eternas. E se resulta que son permanentes, teñen que estar moi ben xustificadas: debería de haber algún cambio na organización que faga imposible teletraballar algún determinado día. E ese cambio ten que ser verdadeiro e non implementado coa única causa de impedir o teletraballo.

Cando desaparecen as razóns de servizo, debe volverse a situación anterior.

5º As razóns polas que non se podería restrinxir o teletraballo a uns días ou prohibir noutros son as seguintes:

a) Non permitir teletraballar determinados días vai contra o espírito da norma: se hai que concentrar o teletraballo en martes, mércores ou xoves, por poñer un exemplo, dificultaría moito máis conseguir a rateo do 40% esixida na orde, de tal xeito que impediría “de facto” a realización do mesmo.

b) Non permitir traballar en determinados días a unhas persoas e permitirlle a outras, dentro da Administración da Xunta de Galiza, cando non haxa razóns que xustifiquen as diferencias dun xeito obxectivo, supoñería unha discriminación duns/dunhas traballadores/as sobre outros/as. E esta, insistimos, está prohibida polo ordenamento xurídico.

Dende a CIG invitámosche a que nos comentes as situacións que se vaian dando no teu servizo en relación a este tema. Na CIG estamos dispostos a escoitar e a denunciar. Tamén queremos dicirche que non tes que conformarte co que che digan. É moi típico dos de “enriba” invocar unhas “razóns do servizo” sen que esas “razóns” se expliquen ben. Máis que “razóns” son opinións e desconfianza cara os traballadores e traballadoras. Non tes que deixarte pisar.

Para rematar, unha pregunta o aire: quen serán os de "enriba"? Pensamos que non se refiren ós santos, anxos, arcanxos ou outros seres celestiais... Pero nesta administración todo é posible.

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será o venres 11/04/25, na que se tratarán as bases dos seguintes concursos de traslados:

1. Arqueoloxía, restauración, delineantes, arquivos, bibliotecas, museos. No borrador anterior incluían temen a lingüístas, pero desaparece nesta nova versión (pediremos explicacións). Borrador da convocatoria: ligazón. Borrador de prazas: ligazón

2. Profesores/as numerarios/as e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, e axentes de extensión pesqueira. Borrador da convocatoria: ligazón. Borrador de prazas: ligazón

As relacións de postos de traballo deben ser os documentos técnicos que desenvolvan as prazas e as súas características dentro dunha consellaría. Teñen que estar baseadas en datos obxectivos, en funcións a desenvolver e na formación axeitada para cada posto.

Sempre foi así? Pois non. Moitas RPTs, herdadas da truculenta época Fraga, facíanse ad hoc para colocar amiguiñas e amiguiños ou xente recomendada afín á ideoloxía e ao partido dominante.

Traemos hoxe o exemplo da Consellaría da Presidencia, cunha praza correspondente a unha xefatura de sección de biblioteca na Asesoría Xurídica Xeral. Calquera persoa entendería que habendo na Xunta de Galiza unha escala de persoal técnico de bibliotecas, esta praza debería estar ocupada por algún membro desta.

Pois ben, isto non é así. Esta praza no seu día foi creada para colocar a unha funcionaria amiga do sistema na Administración Xeral, e por iso segue a ser unha praza mal encadrada que debería estar ocupada por persoal con coñecementos de biblioteconomía, e non por calquera persoa funcionaria sen coñecementos na materia. E o peor non é que as cousas veñan mal do pasado, o peor é que esta Xunta de Galiza segue a facelas mal, pois a propia Consellaría non aproveita a recente reforma da súa RPT para reorganizar as cacicadas pasadas, e segue a manter a desfeita.

A solución debería ser encadrar esta praza na escala correspondente, segundo as súas funcións. Se desenvolve traballos de contido bibliotecario, debería ir á Administración Especial. Se se trata de traballos administrativos —como estamos seguras de que é o caso—, deberían amortizar esta praza, e o departamento xustificar que é necesaria para facer funcións da Administración Xeral e creala de novo con outra denominación. Na Asesoría Xurídica Xeral, que é onde está adscrita a praza en cuestión, nunca houbo unha bliblioteca como tal, e sempre fixeron labores da Administración Xeral da Xunta de Galiza.

O espírito fraguista-enchufista segue instaurado en San Caetano!

 

A precariedade laboral do persoal lingüista da Xunta e a oferta insuficiente da formación en linguaxe galega: dúas caras da mesma moeda.

O persoal laboral indefinido descontinuo, da categoría 40 do grupo I, titulado superior lingüista, da Administración Xeral da Xunta, que imparte os cursos de linguaxe galega programados pola Secretaría Xeral da Lingua, vive nunha precariedade laboral importante: non se lle programan actividades para todo o ano, non chegando nin ao 50% da xornada nin das retribucións anuais. 

Mentres isto sucede, tódolos anos temos milleiros de empregadas e empregados públicos que non poden acceder aos cursos de linguaxe administrativa media e superior da EGAP diante da escaseza da súa programación, aínda que a CIG vén esixindo, ano tras ano, un incremento importante destas accións formativas.

Este persoal laboral, que iniciou a súa andaina na Xunta alá polo ano 1992, coa formalización de contratos de servizos para a impartición dos primeiros cursos de linguaxe galega, conseguiu unha relación de indefinición non fixa unha vez que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza declarou nulos os seus despedimentos. Así e todo, non perciben a totalidade dos trienios devindicados e recoñecidos pola xustiza en sentenza firme, pois dende o ano 2021 débenselles entre 3 e 6 antigüidades, o que supón unha demora de máis de tres anos para unha mera actualización aritmética.

O abuso de poder que se exerce sobre este persoal, quizais por practicar a aprendizaxe da lingua galega, tamén se constata en que non se lles compensan os gastos de quilometraxe polos traslados ás distintas localidades onde se lles programa a impartición dos cursos ou a avaliación das probas CELGA; nin polo traslado dos exames á Dirección Xeral en Compostela. Para a impartición da formación telemática programada pola Dirección Xeral non se lles facilitan as ferramentas informáticas necesarias, como ordenadores ou o acceso de banda larga, entre outros. Tódolos gastos son ao seu cargo.

Instamos á Secretaría Xeral da Lingua a unha verdadeira actuación encamiñada á potenciación do coñecemento da nosa lingua, que tamén pasa por incrementar até o 100% a xornada de traballo do persoal laboral lingüista.

 

A CIG-Administración Pública realizou mobilizacións nas diferentes comarcas contra a precariedade salarial e para avanzar nos dereitos laborais. Con este obxectivo reclamámoslle ao Goberno español que convoque a Mesa Xeral das Administracións Públicas para abordar unha serie de medidas que permitan reverter o empobrecemento no contexto de negociación dos Orzamentos Xerais do Estado. Porén o Goberno do estado pretende fuxir de novo da mesa legal de representación para buscar outro pacto salarial de perdas cos sindicatos estatais cos que se reuniu o pasado 24 de marzo.

     

Lembramos que os últimos acordos asinados por CSIF, CCOO e UXT deixáronos unha perda de máis do 20% de poder adquisitivo e non foron capaces de derrogar a lexislación que nos impuxo os recortes na administración. O Goberno do estado, coa complicidade dos sindicatos estatais, pretende agora novamente, alcanzar un acordo fóra do ámbito legal de negociación, sen atender as reivindicacións maioritarias dos empregados/as públicos da Galiza e dando por bo que continuemos a perder poder adquisitivo.

Esta situación non é asumíbel, polo que demandamos que se estabeleza por lei unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC real, que opere todos os anos, para que así o que suba o IPC o suban tamén os nosos salarios. A CIG somos o sindicato maioritario no sector público en Galiza e defendemos tamén chegar a acordos salariais plurianuais que permitan gañar poder adquisitivo recuperando cando menos unha parte do que nos roubaron. Por iso para 2025 propomos un 5% en liña co que subiron os salarios no ámbito privado.

Entre os cometidos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) atópase a formación do persoal propio da Administración. Boa parte desta formación impártea persoal empregado público, que é  seleccionado polos órganos de dirección das diferentes consellerías en colaboración coa EGAP.

A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas; o Real Decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibildiades do persoal ao servizo da Administración do Estado, da Seguridade Social e os Entes, Organismos e Empresas dependentes; e o propio Estatuto Básico do Persoal  Empregado Público, regulan as actividades das persoas que traballan nas adminisracións públicas en canto a posibles incompatibilidades se refire.

Na CIG preparámonos para iniciar posíbeis accións xudiciais contra a EGAP

A CIG leva solicitando dende hai meses unha serie de documentación en canto a retribucións, criterios de escolla do persoal docente, e outras cuestións da formación; información toda ela á que como representación legal do persoal temos dereito para exercer un control e vixilancia. A día de hoxe non tivemos ningunha resposta por parte da EGAP, polo que vimos de remitir outra solicitude, como paso previo ás accións xudiciais, na que instamos tanto á EGAP como á Dirección Xeral de Emprego Público, a que:

1) Certifiquen que a docencia que se imparte na EGAP se fai consonte a normativa de compatibilidades dos empregados e empregadas públicas.

2) Fagan público e accesible o rexistro das persoas que imparten a formación na EGAP con indicación das condicións das compatibilidades.

3) As retribucións específicas durante os 5 últimos anos de todo o persoal formador empregado público, desagregando os conceptos salariais e outros pagamentos.

4) Nos dean acceso á base de datos de formadores/as da EGAP e fagan públicos os criterios tanto de inscrición como os de selección establecidos para este persoal formador nas súas distintas modalidades (docencia, dirección, coordinación e titorización).

A EGAP e Emprego Público non poden seguir ocultando estes datos, que afectan á súa propia credibilidade como xestores/as, á ética profesional, á transparencia, á obriga de render contas sobre os investimentos e gastos dos cartos públicos en todas as súas actuacións, de garantir no acceso ao emprego e toda actividade laboral a igualdade de oportunidades e de cumprir con toda a lexislación de aplicación.

Se queres facernos chegar as túas suxestións, tes unha canle permanentemente aberta coa CIG-Autonómica. Escoitámosche!

 

 

              

Lembren estes nomes: Alfonso Rueda, Ánxeles Vázquez e María Jesús Lorenzana. O tres forman o que o outro día, na Pobra do Caramiñal, chamábase o trío da vergoña.

Rueda parece un neno caprichoso que non sabe dar o seu brazo a torcer. Aínda que as galegas e galegos digamos ALTRI NON e MINA DE TOURO NON, por miles, por centos de miles, el fai oídos xordos e sigue encabuxado. As outras dúas, Ánxeles e María Jesús, son coma as familiares compracentes que lle rin as gracias ao neno caprichoso.

Todo isto estaría moi ben e sería moi divertido se nas mans dese home e desas mulleres, non estivera o futuro da Galiza. Un futuro que está comprometido por un empeño que ninguén entende, nin sequera os/as seus/súas compañeiros/as do PP. Dende a CIG tivemos a oportunidade de falar con moitos/as, pero aínda que comprenden e están de acordo coas persoas que loitamos contra ALTRI e a MINA DE TOURO, ninguén o di en alto, aínda que puidemos ver a varios/as deles/as na manifestación.

O trío da vergoña escúdase en que tivo maioría nas pasadas elección xerais, pero señor Rueda, señora Vázquez, señora Lorenzana, ter maioría non significa facer o que lles dea a gana. Cando votou, a xente non coñecía este proxecto destrutor, non sabía a que se viña encima, todos e todas ignorábamos de que se trataba. Ademais, non pode impoñernos un modelo destrutivo e neocolonial que irá moito máis aló dos catro anos do seu mandato. Que lastre tan grande para o país ter un presidente que non sabe dicir non a unha multinacional para defender o seu pobo. Que pesadelo ter unha conselleira que di que as manifestacións contra Altri son “o comunismo do século XXI”. Que terrible ter outra conselleira que di que non importa que haxa contaminación no Ulla porque “ninguén bebe auga do río directamente”. A conselleira de medio ambiente, non sabe de medio ambiente!!

Que mágoa ter un político e dúas políticas que lles importan máis outros intereses (estraños intereses, sospeitosos intereses) que a súa terra. Que pena que teñamos que estar manifestándonos un día si e outro tamén para dicir “NON a ALTRI e á MINA DE TOURO”, como se non tiveramos outra cousa que facer.

E, ademais, o inefable Alberto Pazos, portavoz do trío da vergoña di, coas súas palabras, que somos parvos. Do ínclito personaxe temos que escoitar que as 20.000, 50.000, 100.000 persoas que nos manifestamos en Palas de Rei, en Pobra do Caramiñal e en Compostela, estamos manipuladas, somos manipuladoras ou estamos politizadas. Madriña!

O Consello da Cultura galega está manipulado, os/as mariñeiros, mariñeiras, mariscadores e mariscadoras están manipulados e manipuladas. Os/as agricultores/as, granxeiros/as e demais traballadores/as do campo están manipulados e manipuladas. As asociacións da terra, ecoloxistas, culturais e produtivas, están manipuladas. As centenas de miles de galegos e galegas que nos opoñemos a ALTRI e a MINA DE TOURO estamos manipulados e manipuladas. Só vostedes, señor Rueda, señora Vázquez e señora Lorenzana, que son os/as máis listos/as do mundo, saben a verdade. Os demais non sabemos ler, nin entender, nin pensar... por favor, que falta de humildade, que prepotencia, que insulto para todos e todas nós!!!

O que Rueda e a súas conselleiras non entenden é que para nós Galiza é importante! Non queremos que a terra que pisamos esté contaminada pola choiva ácida, non queremos respirar químicos contaminantes en canceríxenos, non queremos que os ríos e as rías morran polo seu capricho e polos intereses dunha multinacional que non queren en Portugal e que está chea de multas por non cumprir coa normativa ambiental.

A historia repítese unha vez máis, pero con outros nomes e outros/as protagonistas, homes e mulleres sen escrúpulos queren espoliar unha terra chea de biodiversidade e riqueza real e sostible para o seu propio beneficio. É unha historia que pasou en moitos lugares do mundo: América, África, Asia, e que está a pasar agora na Galiza. Pero sempre haberá mulleres e homes que loitaran polos seus dereitos. Que loitarán contra o comportamento covarde e interesado do trío da vergoña: Rueda/Vázquez/Lorenzana.

Dende a CIG facémoslles unha proposta a ese trío ao que, de momento, consideramos vergoñento: fagan unha consulta popular para saber o que quere o pobo galego! Pregunten á xente o que desexa de verdade. Se prefiren un proxecto extractivo e neocolonialista ou un modelo de país sostible onde todos e todas teñamos o noso lugar. Unha decisión deste tipo non poden tomala vostedes por si mesmos porque hipoteca o noso futuro durante décadas. Os nenos e as nenas que veñen tamén teñen dereito a unha terra limpa, un aire limpo, un auga limpa, e a un desenvolvemento sostible. Se o fan, se convocan un referendo, comprometémonos a rectificar as nosas verbas, a pedir desculpas sinceras e a aceptar o resultado da consulta.

É a hora dos galegos e galegas que aman e defenden a nosa terra!. Os/as traballadores/as da Xunta de Galiza temos que estar aí, en primeira liña. Tamén é a nosa responsabilidade. Que non nos fagan estar calados. Á CIG, non nós calará ninguén!.

 

A Xunta segue apostando pola privatización da atención aos menores infractores

O pasado 20 de marzo publicouse a Resolución pola que se autoriza o inicio e a convocatoria, mediante o procedemento de “concerto social”, para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, no centro de reeducación Concepción Arenal, na Coruña dun total de 35 prazas.

Este concerto social terá vixencia dende a súa formalización (prevista dende o 1.6.2025) ata o 31.5.2029, con posibilidade de prórrogas ata o 2033 que terá un custe para as arcas públicas de 29 millóns de euros, cun custo de 235,20 euros menor/día.

No prego de condicións técnicas que a Xunta lles esixe cumprir ás empresas privadas para poder concursar neste procedemento, insistimos unha vez máis, están as ratios tan ridículas que se esixen nalgúns casos. É chocante como para cubrir un centro con capacidade para 35 usuarios/as menores e o seu persoal, isto supón máis de 60 persoas, a esixencia mínima é de 1 traballador/a do servizo de limpeza e lavandería, 0,5 traballador/a de mantemento de instalacións e 0,6 traballador/a para a xestión administrativa vinculada ao funcionamento do centro. Parece que esta administración, ademais de ser insensible ao desmantelamento de servizos públicos básicos tan fundamentais como é a garda e custodia de menores infractores, tampouco é consciente da carga de traballo que estas categorías profesionais teñen que asumir e que son, dende o noso punto de vista, tan importantes para ao funcionamento dos centros como a dotación de persoal educativo ou técnico.

Dende a CIG sempre nos postulamos contrarios a calquera tipo de privatización que faga recaer en mans privadas a prestación de servizos públicos,  pero neste caso se cadra aínda é máis sanguento porque dunha parte trátase de garantir os dereitos e necesidades de menores e por outra a Xunta quítase a máscara, sen non a tiña xa descuberta, ao apostar de maneira clara pola privatización, aínda a sabendas de nefastas xestións con experiencias anteriores e en detrimento da dotación de servizos de seu. Deixar ao Avelino Montero como único centro público de reeducación para menores infractores de España parécenos un auténtico desleixo xa que o único obxectivo e ir desviando obrigas públicas en beneficio de mans privadas. E para ser o único, recentemente, incluso chegaron a amortizar prazas para deixalo sen dotación suficiente de persoal para cubrir todas as prazas que podería dispor si se utilizasen os catro módulos cos que conta xa que só se manteñen en funcionamento dous.

Despois do ata aquí exposto, cómpre facernos varias preguntas a sabendas de que ninguén as vai contestar: cando a Xunta de Galiza vai a asumir a responsabilidade que lle compete en temas tan delicados como a protección e reeducación de menores?, cantos menores e as súas familias van ter que seguir soportando esta mingua na defensa dos seus dereitos?, cantos profesionais de organizacións non gobernamentais e/ou de empresas privadas prestadoras destes servizos van ter que seguir sendo sometidos a condicións de traballo e salariais inasumibles e absolutamente dispares coa profesionalidade, formación, dedicación e responsabilidade que o traballo con menores infractores requiren?, e para finalizar e co desexo de que NUNCA MÁIS volva a suceder, cantos/as profesionais teñen que morrer para que as nosas administracións en xeral e a Xunta de Galiza en particular caian da burra de que tanto o sistema de protección dos/das menores como os dereitos de atención residencial e a intervención educativa integral dos menores infractores en Galiza teñen que ter unha resposta pública directa que garanta, tanto para eles como para o persoal que os atente, uns servizos públicos de calidade e deixarse dunha vez por todas de externalizar e mercantilizar cos servizos sociais especializados?

Outras novas recentes

Venres, 25 Abril 2025

Criterios de repartición e convocatoria do Fondo de Acción Social do persoal da Administración xeral e entidades públicas

No DOG do 25/04/2025 publican a RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan os criterios de repartición e convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2024 relativos á axuda para a atención de...
Venres, 25 Abril 2025

A Xunta pretende que o persoal de enfermería realice valoracións de dependecia

Ao longo do día de onte recibimos información de compañeiras das residencias de maiores, rede pública da Xunta de Galiza,  que referían a que nunha das “reunións obrigatorias” que teñen coa dirección, esta lle comunicou ao persoal de enfermería que acababan de recibir unha “información de arriba” conforme a partir de agora debían de facer elas as valoracións de dependencia...
Mércores, 23 Abril 2025

Aviso de publicación do FAS 2024 no DOG do 25/04/25 (axuda á atención de persoas con discapacidade)

Emprego Público vén de informarnos da publicación inminente no DOG da seguinte convocatoria da axuda á atención de persoas con discapacidade (o mal chamado FAS2024): Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galiza pola que se autorizan os criterios de reparto...